Encoro

Un encoro, presa, represa, vaira ou encalco[1] é unha barreira fabricada con pedra, formigón ou outros materiais, que se constrúe nun río coa finalidade de depositar parte da agua para un posterior aproveitamento en abastecemento ou regadío, para elevar o seu nivel co obxectivo de derivala a canalizacions de rego, ou para a produción de enerxía mecánica ao transformar a enerxía potencial do almacenamento en enerxía cinética, e esta novamente en mecánica ao accionar a forza da agua un elemento móbil. A enerxía mecánica pode aproveitarse directamente, como nos antigos muíños, ou de forma indirecta para producir enerxía eléctrica, como se fai nas centrais hidroeléctricas.

Kurobe dam 01
Encoro de Kurobe en Xapón

Historia

Hoover dam11
Encoro Hoover no río Colorado, Estados Unidos
Roman Cornalvo dam, Extremadura, Spain. Pic 01
O encoro romano de Cornalvo aínda en funcionamento
Dujiang Weir
O sistema de irrigación de Dujiangyan

A construción dos primeiros encoros fixeronse en Mesopotamia no Oriente Medio. Os encoros foron usados para controlar os niveis da auga dos ríos Tigris e Éufrates que eran moi variables e difícil de prever en función da climatoloxía da zona.

A presa máis antiga coñecida é a presa de Jawa que se atopa en Jawa, a uns 100 km ao nordeste da capital de Xordania, Amán. Trátase dunha presa de gravidade orixinalmente de 9 m de altura e 1 m de ancho, feita de pedra e soportada por umha ampla rampla de terra de 50 m de lonxitude. Esta estrutura foi datada no 3000 a.C.[2][3]

A presa de Sadd el-Kafara situada en Wadi al-Garawi, a uns 25 km ao sur do Cairo, foi construída no antigo Exipto, ao redor do ano 2800[2] ou 2600 antes de Cristo,[4] tiña 102 metros de longo e constaba de dous muros paralelos duns 24 m na base separados por 36 m reenchidos de entullos. Tratábase dun encoro (barreira) para controlar o uadi, pero foi destruído polas fortes choivas durante a súa construción ou pouco tempo despois.[2][4]

A presa máis antiga aínda en funcionamento sería a de Quatinah, situada en Siria, que sería construída na época do faraón Seti I[5] (que reinaría entre os anos 1290 e o 1279 a.C.), e sería ampliada durante o período romano. Con todo hai autores[6][7] que consideran que o encoro é totalmente romano e foi construído en tempos de Diocleciano (245 - 312) co propósito de prover auga para a rega. Hoxe en día aínda proporciona auga a cidade de Homs, situada a uns sete quilómetros ao noroeste do encoro.

Eflatun Pinar é un santuario cunha fonte preto de Konya (Turquía), onde hai unha pequena presa do tempo dos hititas que sería construída entre os séculos XV e XIII a.C.[8]

Os romanos tamén foron uns grandes construtores de presas, a máis grande coñecida é a que había preto de Subiaco (Italia) sobre o río Aniene (o Anio romano) , construída entre os anos 54 e 68, esta tiña 50 metros de altura e foi a máis grande do mundo ata a súa destrución, ocorrida en 1305.[9] Ademais do encoro de Homs, hai dúas construcións da época romana que aínda están en funcionamento, trátase dos encoros de Cornalvo e Proserpina, ambos de pequeno tamaño e situados na provincia de Badaxoz (España). A técnica construtiva máis utilizada, con moita diferenza, polos romanos foi a presa de gravidade, pero foron os primeiros en utilizar o encoro de arco no encoro de Glanum (século I, situada preto de Saint-Rémy-de-Provence, no departamento francés de Bocas do Ródano), ou o encoro de arcos múltiples (século I, encoro de Esparragalejo, provincia de Badaxoz).

O encoro de Kallanai ou Grand Anicut é un encoro de derivación construída sobre o río Kaveri en Tamil Nadu (India), durante o século II. Esta foi construída con pedra, durante a dinastía Chola,[10] para desviar auga para a irrigación, ten 300 metros de longo, 4,5 m de altura e 20 m de anchura e aínda se utiliza.[11]

O sistema de irrigación de Dujiangyan, situado na actual provincia de Sichuan, é o máis antigo de China e é Patrimonio da Humanidade desde o ano 2000,[12] conta cunha toma que foi construída polo primeiro ministro Sunshu Ao do reino Chu sobre o río Min (Min Jiang) para crear un gran encoro destinado a alimentar o sistema de irrigación.[13]

En Persia os encoros ponte foron utilizados para aproveitar a enerxía hidráulica por medio de rodas hidráulicas, a miúdo utilizadas para elevar a auga. A primeira foi construída en Dezful para abastecer de auga á cidade. Tamén se coñecían os encoros de derivación de auga.[14]

Tipos de presas

Segundo a súa planta, pódense distinguir tres tipos:

  • Planta recta.
  • Planta curva.
  • Planta mixta.
Presa de Caldas
presa de gravidade no río Umia,en Galicia
Encoro de Belesar, novembro 2007
Encoro de Belesar.

Segundo a súa estrutura poden ser:

  • De gravidade, cando o peso da presa abonda para aguantar o empuxe da auga. Poden estar feitos de formigón, pedra, escollera con núcleo de material impermeábel, unha combinación de varios etc...
  • De gravidade alixeirada: caracterízanse pola busca da optimizacion de materiais, o corpo de presa e moi esvelto pero reforzado con contrafortes para así compensar os empuxes hidrostáticos. Un exemplo seria o encoro de Chandrexa, no concello de Chandrexa de Queixa, na provincia de Ourense.
  • De bóveda: constrúense en forma de cunca co lombo cara á auga de xeito que o empuxe hidrostáticose transmite cara as paredes naturais do terreo. Ademais conta con curvatura vertical de xeito que o empuxe vertical do peso da agua na parte superior compensa as traccións de arranque nos cimentos da mesma. Un exemplo é o encoro das Portas, situado no concello de Vilariño de Conso en Ourense.

A combinación de formas e tipoloxías de estrutura dan unhas construcións dignas de ser vistas e case sempre diferentes unhas das outras.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para encoro.
  2. 2,0 2,1 2,2 Günther Garbrecht: "Wasserspeicher (Talsperren) in der Antike", Antike Welt, 2nd special edition: Antiker Wasserbau (1986), pàg.51-64 (52f.)
  3. S.W. Helms: "Jawa Excavations 1975. Third Preliminary Report", Levant 1977
  4. 4,0 4,1 Mohamed Bazza (28-30). Food and Agriculture Organization of the United Nations, ed. "overview of the hystory of water resources and irrigation management in the near east region" (PDF). Consultado o 27-12-2009.[Ligazón morta]
  5. Mamdouh Shahin, Water Resources and Hydrometeorology of the Arab Region, Springer Netherlands, 2007, ISBN 978-1-4020-4577-6, DOI 10.1007/1-4020-5414-9
  6. Schnitter, Niklaus, Römische Talsperren, Antike Welt 8 (2), 1978, páx.39
  7. Smith, Norman, A History of Dams, Londres, Peter Davies, 1971, páx. 31, ISBN 0-432-15090-0
  8. Charles Allen Burney, Historical dictionary of the Hittites, Scarecrow Press, 2004, ISBN 0-8108-4936-4, 9780810849365, páx.78.
  9. Hodge, A. Trevor, Roman Aqueducts & Water Supply, Londres, Duckworth, 1992, ISBN 0-7156-2194-7
  10. Singh, Vijay P.; Ram Narayan Yadava (2003). Water Resources System Operation: Proceedings of the International Conference on Water and Environment. Allied Publishers. p. 508. ISBN 817764548X.
  11. Dikes and Dams, Thick with Politics, Wiebe E. Bijker, 19 de setembre del 2006.
  12. Mount Qingcheng and the Dujiangyan Irrigation System, UNESCO
  13. Needham, Joseph. Science and Civilization in China: Volume 4, Part 3. Taipei: Caves Books, Ltd, 1986
  14. Donald Routledge Hill (1996), "Engineering", páx. 759, en Rashed, Roshdi; Morelon, Régis (1996). Encyclopedia of the History of Arabic Science. Routledge. pp. 751–795. ISBN 0415124107.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Abegondo

Abegondo é un concello da provincia e comarca da Coruña. Está no partido xudicial de Betanzos e forma parte do consorcio das Mariñas e da área metropolitana da Coruña. Limita con Cambre, Bergondo, Betanzos, Oza-Cesuras, Mesía, Ordes e Carral. Abegondo ocupa 87,9 km2 de terreo, que se reparte en 19 parroquias.

En 2017 tiña unha poboación de 5467 persoas. O norte do concello é o máis poboado.

A metade norte do concello delimítano o río Barcés e o Mero. Vai subindo de altitude cara o sur, pasando dos 100 aos 400 metros de altitude en Vizoño. Boa parte das augas do encoro de Cecebre están nas súas parroquias do norte: Orto e Crendes. O encoro e as ribeiras do ríos Barcés e Mero están declarados como espazo natural ZEC encoro de Abegondo-Cecebre. Un punto de ancoraxe na AP-9 en Folgoso foi declarado de interese xeolóxico polo perfil estratigráfico da serie de Ordes que mostra. Abegondo forma parte da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo.

Entre o patrimonio destacan os castros e mámoas e o posible paso da calzada romana Vía XX per loca marítima por Vizoño, as minarías de ouro no Barcés, a Torre Figueroa e as Torres de Peito Bordel do século XII, o pazo de Quiroga do XVII ou os Cruceiros Bonitos. Dúas variantes do Camiño Inglés, seguen os Camiños Reais e pasan por Abegondo desde A Coruña e Ferrol. Os abegondeses Antonio de Parga e Juan Armada foron ministros nos reinados de Fernando VII e Afonso XIII.

En Mabegondo están o Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo e a cidade deportiva do Deportivo da Coruña.

O xentilicio local é «abegondés»/«abegondesa»

Aguilar de Campoo

Aguilar de Campoo é un concello español da provincia de Palencia (Castela e León). A súa poboación é de 7 160 habitantes (INE 2013). O municipio é coñecido pola súa industria galleteira, a máis importante de España, e porque nel se atopa o encoro de Aguilar.

É unha das localidades do Camiño de Santiago do Norte, na Ruta do Besaya.

Betanzos

Betanzos é un concello e cidade da provincia da Coruña, pertence á comarca de Betanzos. Segundo o IGE no ano 2017 tiña 12.941 habitantes (13.352 no 2015, 13.673 no 2010).

Betanzos foi unha vila creada polo rei Afonso IX, tras aceptar en 1219 o traspaso da poboación de Betanzos O Vello ao lugar de Castro de Untia. Betanzos viviu o seu auxe no baixo medievo, medrando polo comercio da pesca, o viño e dos fornos, e nela instauráronse fidalguías e gremios importantes. Foi declarada cidade do Reino de Galicia polo rei Henrique IV en 1465. Betanzos foi capital de provincia entre os séculos XVI e XVIII. As casas de Fonte de Unta, as súas murallas e portas, as súas igrexas como as de San Francisco e Azougue, a Torre de Lanzós ou a Torre do reloxo na igrexa de Santiago fan que sexa a referencia galega do gótico e unha cidade declarada conxunto histórico-artístico.Outro patrimonio de interese de Betanzos son as súas igrexas románicas de Brabío, Pontellas ou Tiobre; os edificios neoclásicos de San Antonio de Padua, o Arquivo do Reino de Galicia ou o pazo de Piadela; e conxuntos modernistas como a Casa Núñez, a escola de García Naveira ou o Parque do Pasatempo.

A súa ría, coa súa marisma, e os ríos Mendo e Mandeo, que pasan por Betanzos e bordean a cidade, son parte da zona especial de conservación (ZEC) Betanzos - Mandeo. A ribeira de Piadela e a súa parte do encoro forman parte do ZEC Encoro de Abegondo - Cecebre. Destacan destes espazos a súa diversidade de ribeira, e da marisma no caso do Betanzos-Mandeo. Betanzos forma parte da reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é betanceiro, brigantino ou popularmente garelo.

Boñar

Boñar (en leonés, Boñare) é un concello español da provincia de León (Castela e León). A súa poboación é de 2.048 habitantes (INE 2012).

Neste concello atópase o encoro do Porma.

Campoo de Yuso

Campoo de Yuso é un concello de Cantabria, en España, pertencente á comarca de Campoo-Los Valles. Tiña en 2015 unha poboación de 685 habitantes.

Limita ao norte con Santiurde de Reinosa, San Miguel de Aguayo e Luena, ao oeste con Campoo de Enmedio, ao sur con Las Rozas de Valdearroyo e o encoro do Ebro, e ao leste coa provincia de Burgos (Castela e León).

Está formado polas localidades de Bustamante, Corconte, La Costana, Lanchares, Monegro, Orzales, La Población, Quintana, Quintanamanil, La Riva, Servillas, Servillejas, Villapaderne e Villasuso. A capital é La Costana.

Cecebre, Cambre

San Salvador de Cecebre é unha parroquia que se localiza no sur do concello coruñés de Cambre, na comarca da Coruña. Segundo o padrón municipal (INE) en 2016 tiña 1.314 habitantes (648 homes e 666 mulleres), 29 menos ca en 2015. Ten 16 lugares.

Central hidroeléctrica

Unha central hidroeléctrica é aquela que se utiliza para a xeración de enerxía eléctrica mediante o aproveitamento da enerxía potencial da auga represada nun encoro situado a nivel máis alto que a central.

A auga é conducida mediante unha tubaxe de descarga á sala de máquinas da central, onde mediante enormes turbinas hidráulicas se produce a xeración de enerxía eléctrica.

Chandrexa de Queixa

Chandrexa de Queixa é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Trives e que forma parte da Ribeira Sacra. Segundo o padrón municipal, no ano 2018 tiña 466 habitantes (854 en 2003).

Encoro de Belesar

O encoro de Belesar é un pantano artificial creado en 1963 no río Miño (o máis grande deste río), situado entre os concellos de Taboada, Chantada, O Saviñao, Paradela, O Páramo, Guntín e Portomarín. A súa capacidade é de 654,5 hm³ e ocupa unha superficie de 2.000 hectáreas e unha cola de 50 quilómetros. Na zona de maior profundidade acada os 135 metros. Ten unha potencia máxima de 227 MW, e produce unha media de 732 GWh ó ano.

A presa, construída entre os concellos de Chantada e O Saviñao, toma o seu nome do núcleo onde primeiro se proxectou, o lugar de Belesar (nas parroquias de Belesar e Diomondi), situado a unha distancia de 4,5 quilómetros río abaixo, no Encoro dos Peares.

Las Rozas de Valdearroyo

Las Rozas de Valdearroyo é un concello da comunidade autónoma de Cantabria, España, dentro da comarca de Campoo-Los Valles. Limita polo norte con Campoo de Yuso e o Encoro do Ebro, polo sur con Valdeprado del Río, polo oeste con Campoo de Enmedio e polo leste coa provincia de Burgos (Castela e León).

Muíños

Muíños é un concello do sur da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Baixa Limia. Limita ao norte con Lobeira, Bande e Porqueira, ao leste con Calvos de Randín, ao sur con Portugal e ao oeste con Lobios. Segundo o padrón municipal, en 2014 tiña 1.622 habitantes (1.821 en 2011, 2.012 en 2003).

Portodemouros, Vila de Cruces

A parroquia de San Salvador de Portodemouros está situada ao noroeste do concello de Vila de Cruces, Portodemouros é unha das máis pequenas parroquias do concello.

O seu relevo é fortemente pronunciado cara ao norte, é dicir cara ao río Ulla, que nesta parte do seu percorrido está estancado no encoro de Portodemouros que toma o seu nome desta parroquia.

Parte do territorio de Portodemouros atópase na actualidade debaixo da auga, pero o encoro non afectou a ningún lugar da parroquia que ten dous (Arxe é Outeiro).

Conta cunha igrexa parroquial que na zona se coñece como a capela do San Ramón, por ser a festa dedicada a este Santo máis popular ca parroquial, San Salvador.

No lugar de Outeiro naceu Luis Otero Pimentel, escritor e militar, Gobernador da provincia de Manzanillo, no ano 1898 en plena guerra de Cuba, escribiu un libro de poesía titulado As campanas de Duxame, dedicado sen dúbida a lindante parroquia de Duxame.

Provincia de Lugo

Lugo é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833. É a meirande provincia galega e a de menor poboación relativa.

Limita ó norte co mar Cantábrico, ó oeste coa provincia da Coruña e a de Pontevedra, ó sur coa provincia de Ourense e ó leste co Principado de Asturias e a provincia de León, pertencente a Castela e León. A súa capital e a cidade máis poboada é Lugo, sendo a segunda cidade en poboación Monforte de Lemos, seguida de Viveiro, Vilalba, Sarria, Ribadeo, Foz, Burela e Chantada.

Aínda que é a maior das provincias galegas, é a terceira en número de habitantes, con 339 386 habitantes en 2015, tras A Coruña e Pontevedra.

Riaño

Riaño é un concello da provincia de León na comunidade de Castela e León, situado ao nordeste da mesma, aos pés da Cordilleira Cantábrica preto dos Picos de Europa, a 1.148 metros de altitude. Atópase a 91 km da capital provincial e conta cunha poboación de 512 habitantes (INE 2012), coñecidos polo xentilicio de riañeses, cunha extensión de 97,63 km². Tamén forman parte do concello as vilas de Horcadas e Carande.

A historia recente de Riaño está marcada pola traumática construción do encoro que asolagou a vila orixinal, o antigo Riaño ou Viejo Riaño en 1987. Xunto con el, sete vilas máis do val foron tamén cubertas polas augas.

Río Ebro

O río Ebro (en catalán: Ebre) é o río máis caudaloso de España e o segundo da Península Ibérica despois do Douro. É ademais o segundo río máis longo despois do Texo. Discorre na súa totalidade por España, sendo o seu río máis longo, con 910 km, o máis caudaloso e o que ten a maior conca, que chega aos 83 093 km².

Percorre o extremo nororiental da Península Ibérica, a través do val que leva o seu nome. Segue unha dirección noroeste-sueste desde o seu nacemento na Hermandad de Campoo de Suso, en Cantabria, ata o mar Mediterráneo, no que desemboca formando o delta do Ebro, entre os termos municipais de Deltebre e Sant Jaume d'Enveja.

O Ebro atravesa as comunidades autónomas españolas de Cantabria, Castela e León, A Rioxa, Navarra, Aragón e Cataluña. Ademais, a súa conca hidrográfica tamén alcanza territorios da Comunidade Valenciana (río Bergantes) e do País Vasco (case toda Áraba). Dúas capitais de comunidade autónoma, Logroño e Zaragoza, son bañadas polo río.

Río Xallas

O río Xallas pertence á vertente atlántica galega. Nace preto dos montes do Castelo (Santa Comba), discorre polos concellos de Coristanco, Santa Comba, A Baña e Zas, e forma o límite entre Mazaricos, Carnota e Dumbría. Finalmente, desemboca na enseada de Ézaro, formando unha fervenza rodeada de espectaculares microformas graníticas no Monte Pindo. As augas céibanse os domingos do verán ao mediodía e, desde 2006, os sábados á noite, con espectáculo de luces.

Sibaté

Sibaté é un concello do departamento de Cundinamarca (Colombia), que se atopa na Provincia de Soacha, a 27 km ó sur de Bogotá. Forma parte da área metropolitana de Bogotá, segundo o censo DANE 2005.

A Sibaté chégase a través da Autoestrada Sur. O concello é recoñecido pola súa produción de amorodos, patacas e chícharos. Na área rural atópase o encoro do Muña.

Susqueda

Susqueda é un concello da provincia de Xirona, en Cataluña, que pertence á comarca da Selva. Atópase no límite con Osona e a Garrotxa.

Atópase xunto ao río Ter e nel atópase o encoro de Susqueda. A construción da presa en 1968 inundou a antiga vila e a capital foi trasladada a Sant Martí Sacalm.

Tiña en 2016 unha poboación de 95 habitantes, agrupados nas entidades de El Coll, El Far, Sant Martí Sacalm e Susqueda.

Vilanova de Sau

Vilanova de Sau é un concello da provincia de Barcelona, en Cataluña, pertencente á comarca de Osona, no límite coa Selva.

Está situado ao leste do río Ter. No seu termo municipal atópanse as Guilleries e o encoro de Sau, no que se practican deportes de auga e que atrae a moitos turistas. En 1962 coa construción do encoro a localidade de Sant Romà desapareceu baixo as súas augas. Cando os niveis de auga son baixos as súas construcións quedan á vista novamente, entre as que destaca o campanario da igrexa.

Tiña en 2014 unha poboación de 314 habitantes agrupados en 4 entidades de poboación: Sant Andreu de Bancells, Sant Pere de Castanyadell, Sant Romà de Sau e Vilanova de Sau.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.