Enciclopedia

Unha enciclopedia é unha obra de referencia que é compendio de información que abrangue tódalas pólas do coñecemento humano.[1] As enciclopedias están divididas en artigos ou entradas, que están ordenados por orde alfabética segundo o nome do artigo.[2] As entradas de enciclopedia son máis longas e achegan información máis polo miúdo que os dicionarios.[2] Ó contrario que as entradas de dicionario, que se centran en información lingüística sobre as palabras, os artigos das enciclopedias céntranse en información factual relativa ó suxeito do artigo.[3][4][5][6]

As enciclopedias existen dende hai 2 000 anos, sendo a máis antiga que se coñece Naturalis historia, escrita arredor do ano 77 por Plinio o Vello. As enciclopedias modernas evolucionaron dende os dicionarios arredor do século XVII. Historicamente, algunhas enciclopedias estaban contidas nun só volume, mentres que outras, como a Encyclopædia Britannica, a Enciclopedia Treccani (62 volumes, 56 000 páxinas) ou a meirande do mundo, Enciclopedia universal ilustrada europeo-americana (118 volumes, 105 000 páxinas), convertéronse en grandes obras multivolume. Algunhas enciclopedias modernas, como a Wikipedia, son electrónicas e de contidos libres.

Gran Enciclopèdia Catalana
Gran Enciclopèdia Catalana

Concepto

Der Neue Pauly
Enciclopedia Der Neue Pauly.

O termo procede do grego εγκύκλιος παιδεία (enkyklios paideia), que significa "nun círculo de instrución".

As enciclopedias poden ser xerais, contendo artigos sobre temas de tódalas áreas, ou poden especializarse nun campo en particular (por exemplo, unha enciclopedia de ciencia). Tradicionalmente, a información ordénase alfabeticamente por palabras que describen os temas.

Moitos escritores antigos (coma o filósofo Aristóteles) fixeron o intento de compendiar todo o coñecemento humano. Non obstante, John Harris é quen recibe o crédito por establecer o agora familiar formato de enciclopedia no 1704 co seu Lexicon technicum. A venerábel Enciclopedia Británica tivo un comezo modesto, de 1768 a 1771 publicáronse tan só tres volumes. Quizais a máis famosa enciclopedia antiga foi a Francesa Encyclopédie, editada por Denis Diderot e completada no 1772.

As enciclopedias, pola súa estrutura de palabras e referencias cruzadas, son extremadamente axeitadas para trasladaren os seus contidos do formato impreso ao formato dixital, debido a dúas razóns: primeiro, porque é bastante doado explorar e atopar o que se está buscando e segundo, porque é posíbel engadir sons, vídeos e outros contidos multimedia.

Historia

Orixes

En Sumeria, durante o cuarto milenio antes de Cristo, redactouse un glosario temático que se pode considerar como un primeiro intento de ordenar o coñecedemento do mundo. 600 anos despois rexístrase un intento semellante en Ebla que segue unha orde convencional de signos.

No antigo Exipto atópanse tamén listaxes temáticas. A Onomástica do Ramesseum, redactada contra o 1750 a. C. é unha listaxe de palabras agrupadas por categorías. Outra obra do mesmo xénero, moito máis desenvolvida, é a Onomástica de Amenofis, realizada contra o 1100. Componse de 610 elementos organizados de modo temático e segundo o antropólogo Jack Goody, contería máis de 2000 informacións distintas.

O filósofo grego Platón (428-348 a. C.) realizou un resumo dos coñecementos da súa época nun dos seus diálogos, o Timeo: Astronomía, Cosmogonía, Física e Medicina. Esta obra pode considerarse unha "enciclopedia metódica". O seu discípulo Aristóteles (384-322) produciu unha longa cantidade de tratados sobre gran variedade de temas cun espírito verdadeiramente enciclopédico e sen equivalentes no mundo antigo (Poética, Retórica, Lóxica, Política, Física, Psicoloxía, Bioloxía, Ética...). Porén, os seus estudos só foron difundidos 275 anos despois do seu pasamento.

Idade Antiga e Moderna

Irakischer Maler von 1287 001
Manuscrito iluminado de 1287 que mostra os enciclopedistas musulmáns, os Irmáns da Pureza

Anos despois créaronse outras obras que eran recompliacións ou epítomes de coñecementos xerais. Un dos repertorios máis temperáns e coñecidos, destinado a salvar os coñecementos esenciais da cultura grecolatina clásica é o titulado Etymologiae composto polo escritor visigodo Isidoro de Sevilla e redactado entre 627-630.[7] Outras obras deste período foron:

  • Século VI d. C. Bṛihat Saṃhitā, enciclopedia india escrita en sánscrito por Varaja Mijira.
  • Século X d. C. Rasā’il Ijwān aṣ-Ṣafā’ ("Epístolas dos Irmáns da Pureza") enciclopedia en árabe escrita en Basora.
  • 1260-1267. Li Livres dou Trésor de Brunetto Latini, primeira enciclopedia medieval en romper co latín.
  • 1295. Arbor scientiae de Ramon Llull.
  • Comezos do século XV. Fons memorabilium universi de Domenico Bandini, primeira obra que utilizou un sistema de referencias cruzadas.
  • 1503. Polyanthea de Domenico Nani Mirabelli, reelaborada e ampliada en más de corenta edicións entre 1503 e 1681, cunha edición definitiva en 1735.
  • 1503. Aepitoma Omnis Philosophiae. Alias Margarita Phylosophica tractans de omne genera... de Gregor Reisch. Foi a primeira enciclopedia impresa; tivo segunda edición ampliada en Estrasburgo: Johann Gruninger, 1504; ata 1599 realizáronse dez edicións.
  • 1517. Encyclopedia orbisque doctrinarum, hoc est omnium artium, scientiarum, ipsius philosophiae index ac divisio, escrita por Johannes Aventinus, que foi a primeira obra titulada Enciclopedia.
  • 1620. Instauratio Magna (sen rematar) e Novum Organum de Francis Bacon.
  • 1678-1681. Praecognita ad Encyclopaediam sive Scientiam universalem de Gottfried Leibniz.

Dende o século XVIII

O maior fito do período da Ilustración do século XVIII é a Encyclopédie ou Dictionnaire raisonné des Sciences, des Arts et des métiers, compilada por un grupo de escritores e homes de ciencia de Francia. De maneira plenamente consciente, estes homes estaban dando as costas tanto á relixión como á metafísica vendo na ciencia pura unha nova forza motriz intelectual.

Reuniron nunha vasta obra tódolos coñecementos científicos da época, non como un mero rexistro alfabético, senón como un relato do modo científico de enfrontárense co mundo. Neste sentido, é especialmente interesante o seu Discours préliminaire des editeurs no que se enmarca o coñecemento humano en tres facultades: Historia, Filosofía e Belas Artes, recoñecendo as dificultades da clasificación das ciencias que se viñan desenvolvendo dende o século XVII.

Estes escritores desexaban forxar un poderoso instrumento para a loita contra o escurantismo das autoridades políticas e relixiosas. A maioría das figuras culturais e científicas da época colaboraron nesa empresa. Entre elas destacan D'Alembert, Diderot e Voltaire.

Entre 1768 e 1771, Adam e Charles Black publicaron a Encyclopædia Britannica, que se reimprimiu en papel ata a versión informática con correccións e ampliacións. As edicións máis célebres foron a novena (1875-1889) e a undécima (1911) pola súa erudición e estilo literario. A décimo quinta edición divídese en tres partes: unha Micropædia de 12 volumes con artigos curtos de menos de 750 palabras, unha Macropædia de 17 volumes con artigos longos (entre 2 e 310 páxinas) e unha Propædia, nun só volume, que ofrece un esquema xerárquico do coñecemento humano.

No século XXI pasouse á incorporación de contidos en almacenamentos dixitais. O proxecto Gutenberg deu pulo á recompilación de datos antigos.

Enciclopedias galegas

Gran Enciclopedia Galega na Biblioteca de Galicia
Varios exemplares da GEG ocupan as baldas da Biblioteca de Galicia.

Hai catro enciclopedias galegas.[8] De temática galega, a Gran Enciclopedia Gallega Silverio Cañada do ano 1974 de corenta e tres tomos, en lingua castelá e a Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada do ano 2005 en papel e tamén en DVD, en galego.

De temática universal, consultables en liña e editadas en galego son as outras dúas. A Enciclopedia Galega Universal da editorial Ir Indo, que require rexistro e tamén dispón de versión en papel de 16 tomos. E a Galipedia, a versión en galego da Wikipedia, de acceso libre.

Notas

  1. "Encyclopedia.". Arquivado dende o orixinal o 3 de agosto de 2007. Glossary of Library Terms. Riverside City College, Digital Library/Learning Resource Center. Consultado o 17 de novembro de 2007.
  2. 2,0 2,1 Hartmann, R. R. K.; James, Gregory; James, Gregory (1998). Routledge, ed. Dictionary of Lexicography. p. 48. ISBN 0-415-14143-5. Consultado o 27 de xullo de 2010.
  3. Béjoint, Henri (2000). Modern Lexicography, pp. 30–31. Oxford University Press. ISBN 0-19-829951-6
  4. Encyclopædia Britannica (ed.). "Encyclopaedia". Consultado o 27 de xullo de 2010. An English lexicographer, H.W. Fowler, wrote in the preface to the first edition (1911) of The Concise Oxford Dictionary of Current English language that a dictionary is concerned with the uses of words and phrases and with giving information about the things for which they stand only so far as current use of the words depends upon knowledge of those things. The emphasis in an encyclopedia is much more on the nature of the things for which the words and phrases stand.
  5. Hartmann, R. R. K.; Gregory, James (1998). Routledge, ed. Dictionary of Lexicography. p. 49. ISBN 0-415-14143-5. Consultado o 27 de xullo de 2010. In contrast with linguistic information, encyclopedia material is more concerned with the description of objective realities than the words or phrases that refer to them. In practice, however, there is no hard and fast boundary between factual and lexical knowledge.
  6. Cowie, Anthony Paul (2009). Oxford University Press, ed. The Oxford History of English Lexicography, Volume I. p. 22. ISBN 0-415-14143-5. Consultado o 17 de agosto de 2010. An 'encyclopedia' (encyclopaedia) usually gives more information than a dictionary; it explains not only the words but also the things and concepts referred to by the words.
  7. "Enciclopedia y Diccionario diferencias, las enciclopedias en Internet: ventajas de una enciclopedia en impresos y la web". Biblioteca Digital de Trabajos Especiales de Grado. Arquivado dende o orixinal o 28-11-2011. Consultado o 4-12-2010.
  8. Ferro Ruibal, Xesús; capítulo 397 de Ben falado, TVG.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Auñamendi Eusko Entziklopedia

Auñamendi Eusko Entziklopedia (ESA), é unha enciclopedia numérica co obxectivo de ser unha ponte entre a tradición, presente e futuro do País Vasco. Tamén é coñecida polo nome de Enciclopedia Auñamendi-Fondo Bernardo Estornés Lasa. A enciclopedia ten como obxectivo actualizar, traducir ó éuscaro os artigos e complementar os contidos da Enciclopedia Auñamendi de Bernardo Estornés Lasa.

Diccionario enciclopédico galego universal

O Diccionario enciclopédico galego universal (DEGU) é unha obra enciclopédica alfabética, editada en galego, no ano 2003.

Dicionario

Un dicionario é un lista de termos ou palabras coas súas definicións. Tamén se consideran dicionarios as compilacións de caracteres, iconas, símbolos coa súa representación gráfica. Moitos dicionarios inclúen información adicional: pronuncia, etimoloxía, exemplos de uso, ilustracións e a maior parte dos dicionarios están en formato libro. As palabras ordénanse alfabeticamente.

A diferenza entre entre dicionario e unha enciclopedia está en que un dicionario céntrase no significado e uso das palabras, mentres unha enciclopedia intenta recompilar e organizar o coñecemento sobre temas moi variados.

Dicionario Histórico de Suíza

O Dicionario Histórico de Suíza (DHS), é unha enciclopedia de historia de Suíza, que ten o obxectivo de facer accesibles os resultados de investigación moderna para un público máis amplo.

A enciclopedia é publicada pola fundación baixo o patrocinio da Academia suíza de humanidades e ciencias sociais (SAGW / ASSH) e a Sociedade histórica suíza (SGG-SHH) e está financiado por doazóns nacionais de investigación. Ademais de ter a 30 funcionarios na oficina central, os seus colaboradores inclúen 300 conselleiros académicos, 2500 historiadores e 100 tradutores.

A enciclopedia está a ser editado simultaneamente en tres das linguas oficiais de Suíza: alemán (Historisches Lexikon der Schweiz - HLS), francés (Dictionnaire Historique de la Suisse - DHS) e italiano (Dizionario Storico della Svizzera - DSS). Os primeiros 12 volumes foron publicados no ano 2002. Propúxose publicar un novo volume anualmente. Tamén publicou un volume sinxelo cunha escolla de artigos en romanche (Lexicon Istoric RETICS - LIR).

Diciopedia do século 21

A Diciopedia do século 21, subtitulada Dicionario enciclopédico da lingua galega e da cultura universal ilustrado, é un dicionario e enciclopedia universal, en tres volumes, editada no ano 2006 conxuntamente por Edicións do Cumio, Editorial Galaxia e Edicións do Castro.

Enciclopedia Galega Universal

EGU redirixe aquí, para a Unión de Xeociencias Europea véxase European Geosciences Union.

A Enciclopedia Galega Universal, coñecida tamén polas siglas EGU, é unha enciclopedia de referencia da cultura galega que conta con 200.000 entradas e 30.000 ilustracións. Foi posta en marcha na súa versión en papel en 1999 (hoxe está conformada por 16 tomos, con máis de oito mil páxinas), e contou cunha versión dixital dende 2008.

Enciclopedia Treccani

A Enciclopedia Italiana di Scienze, Lettere ed Arti (do italiano "Enciclopedia italiana de Ciencias, Letras e Artes"), máis coñecida como Treccani polo seu desenvolvedor Giovanni Treccani, ou Enciclopedia Italiana, é unha enciclopedia en lingua italiana. A publicación Encyclopaedias: Their History Throughout The Ages, considéraa unha das meirandes enciclopedias, xunto coa Encyclopædia Britannica Undécima Edición e a Enciclopedia universal ilustrada europeo-americana.

Encyclopedia of Life

Encyclopedia of Life (Enciclopedia da Vida), abreviadamente EOL é un proxecto de enciclopedia cooperativa en liña, que ten como propósito construír unha enciclopedia que conteña un artigo para cada unha das especies de seres vivos existentes no planeta Terra.

Cada artigo podeá contener sons, vídeos, imaxes, gráficos e textos.Dispoñía inicialmente dun fondo de 50 millóns de dólares provenientes de cinco grandes institucións científicas, encabezadas pola Fundación McArthur.

A páxina web de internet da enciclopedia contén información do proxecto, FAQs e páxinas de demostración.O comité directivo do proxecto está composto por membros veteráns de:

o Consorcio da Biblioteca da Herdanza da Biodiversidade,

o Museo Field de historia natural,

a Universidade de Harvard,

a Fundación McArthur,

o Laboratorio de Bioloxía Mariña,

o Xardín Botánico de Missouri,

a Fundación Alfed P. Sloan e

o Instituto Smithsoniano.O proxecto non permite achegas directas dos usuarios, como ocorre na Wikipedia.

Encyclopædia Britannica

A Encyclopædia Britannica, tamén chamada pola súa tradución a galego Enciclopedia Británica, é unha enciclopedia de contidos xerais redactados en lingua inglesa e publicada pola editorial privada Encyclopædia Britannica, Inc.. Os verbetes na Britannica teñen como público un perfil de lector adulto e cultivado; está escrita por 19 editores que traballan a xornada completa e conta coa colaboración de máis de catro mil expertos. É amplamente considerada como a máis académica das enciclopédias do mundo.

Galipedia

A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 158.828 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade. Existen tamén diversas páxinas de estatística, entre as que figuran Especial:Estatísticas e Wikipedia:Estatísticas.

Gran Enciclopedia Aragonesa

A Gran Enciclopedia Aragonesa, a miúdo abreviada como GEA, é unha enciclopedia temática sobre Aragón.

Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada

A Gran Enciclopedia Gallega Silverio Cañada, Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, ou simplemente Gran Enciclopedia Gallega ou Gran Enciclopedia Galega, é unha enciclopedia de tema galego, editada primeiramente en castelán e despois en lingua galega. A versión en galego foi editada tamén en DVD.

Gran Enciclopèdia Catalana

A Gran Enciclopèdia Catalana (GEC) é unha enciclopedia xeral escrita en lingua catalá. Recolle alfabeticamente toda clase de entradas históricas, xeográficas, culturais etc. de todo o mundo, vistas, cando se presta, cunha óptica catalá, e moi especialmente novas semellantes do ámbito catalán. Tamén contén un amplo dicionario de léxico común que foi revisado na primeira edición da obra por Ramon Aramon i Serra. Posteriormente, saíron diversas edicións e volumes de apéndice e tamén posúe unha versión dixital. No ano 1991 foi galardoada co Premio Creu de Sant Jordi.

Grande Enciclopedia Rusa

A Grande Enciclopedia Rusa (GER) (en ruso: Большая российская энциклопедия, Bolshaya rossiyskaya entsiklopediya) é unha enciclopedia rusa universal, publicada en 35 volumes dende o ano 2004. Foi lanzada baixo o impulso da Real Academia Rusa das Ciencias, despois de que o Presidente Vladimir Putin asinase o decreto №1156 no ano 2002. Segundo o editor da enciclopedia, Sergei Leonidovich Kravets, a edición completa estará dispoñible no ano 2016.O editor xefe da enciclopedia é Yury Osipov, o presidente da Academia. O equipo de traballo conta con outros 80 membros da Academia, incluíndo os Premios Nobel Zhores Alferov e Vitali Ginzburg.O primeiro volume introdutorio, estreado no 2004, estivo dedicado a Rusia.

Ir Indo

Ir Indo Edicións é unha editorial viguesa, en galego, castelán, inglés e francés, fundada en 1985 por Bieito Ledo Cabido.

MedlinePlus

MedlinePlus é unha páxina web mantida pola National Library of Medicine (en galego: Biblioteca Nacional de Medicina dos Estados Unidos da América) que contén informacións en inglés e castelán sobre saúde. É actualizado diariamente.

Creada coa intención de axudar na localización de informacións oficiais, a MedlinePlus ofrece:

Informacións do National Institutes of Health e doutras fontes declaradas confiábeis sobre doenzas

Informacións sobre medicamentos e estudos clínicos

Notícias e informacións sobre a saúde recollidas na prensa en liña.

Directorios de páxinas web contendo ligazóns seleccionadas

Enciclopedia Médica A.D.A.M. (en inglês: Animated Dissection of Anatomy for Medicine), con cerca de 4000 entradas.

Dicionario Merriam-Webster

Nova Zelandia

Nova Zelandia ou Nova Celandia (en inglés: New Zealand /njuːˈziːlənd/, e en maorí: Aotearoa) é un país insular de Oceanía que se localiza no suroeste do océano Pacífico, formado por dúas grandes illas, a Illa Norte e a Illa Sur, xunto a outras moitas illas menores, destacando entre elas a Illa Stewart e as Illas Chatham. O Reino de Nova Zelandia tamén inclúe as Illas Cook e Niue (estados autónomos en libre asociación), e Tokelau.

Nova Zelandia, notable polo seu illamento xeográfico, está situada preto de 2000 quilómetros ao sueste de Australia no mar de Tasmania, e os seus veciños máis próximos ao norte son Nova Caledonia, Fixi e Tonga. Debido a este longo illamento, no país desenvolveuse unha fauna endémica dominada polas aves, moitas das cales se extinguiron logo da chegada dos humanos e os mamíferos que introduciron sen ningún control. A maior parte da poboación neozelandesa é de ascendencia europea; os indíxenas maorís son a minoría máis numerosa. Os asiáticos e os polinesios tamén son minorías significativas, especialmente nas zonas urbanas. Aínda que ten tres idiomas oficiais, o máis falado con diferenza é o inglés.

A xefa de Estado de Nova Zelandia é Isabel II do Reino Unido, como raíña de Nova Zelandia, e está representada por un gobernador xeral, mentres que o poder executivo é exercido polo gabinete e o Primeiro Ministro. As súas cidades sitúanse entre as de mellor calidade de vida no mundo. Nova Zelandia é un país desenvolvido que se sitúa en lugares altos dentro de escalas internacionais sobre moitos temas, incluíndo a ausencia de corrupción, o nivel de educación e a liberdade económica, pero sen dúbida entre o que máis resalta, é no seu índice de desenvolvemento humano, que o sitúa sexto no mundo en 2012, e os seus índices de democracia, os cales sitúano na gran maioría das publicacións e estudos importantes como o país máis libre e co maior respecto aos dereitos civís no mundo.

Rijksbureau voor Kunsthistorische Documentatie

Rijksbureau voor Kunsthistorische Documentatie (RKD; literalmente, Instituto Neerlandés para a Historia da Arte) é o centro de historia da arte máis grande do mundo e está situado na Haia. O centro está especializado en documentación, arquivos e libros sobre a historia da arte en Occidente a partir da Idade Media até o presente. Todo o seu contido está aberto ó público e a maioría están dixitalizados e dispoñible na súa páxina web. O obxectivo principal da institución é recoller, clasificar, e facer investigación da arte, especialmente na pintura barroca nos Países Baixos.

Grazas á disposición de bases de datos, o visitante pode investigar a vida de moitos artistas dos séculos pasados. A biblioteca dispón de preto de 450.000 títulos, dos cales preto de 150.000 son catálogos de poxa. Hai ó redor de 3.000 revistas. Aínda que moito do catálogo está en neerlandés, o formato de rexistro estándar inclúe unha ligazón a entradas de biblioteca e imaxes de obras coñecidas, que inclúen títulos tanto en inglés como en neerlandés.

O RKD tamén xestiona a versión neerlandesa de Art & Architecture Thesaurus, unha enciclopedia de termos para a xestión da información en arte e arquitectura. A versión orixinal é unha iniciativa do Museo J. Paul Getty en Malibú (California).

Wiki

Un wiki é unha aplicación web que permite aos internautas engadir, modificar ou borrar contido mediante software colaborativo que permite a edición colectiva dos documentos usando un sistema sinxelo sen que teña que ser revisado antes da súa publicación, toma o seu nome dunha palabra hawaiana que significa rápido. O meirande wiki do mundo é a Wikipedia, que ten o obxectivo de elaborar unha enciclopedia libre.[Cómpre referencia]O obxectivo dunha wiki é democratizar un pouco a creación e mantemento das páxinas; ou eliminar a "síndrome dun só webmaster".[Cómpre referencia]O potencial do wiki radica na non necesidade de aprender a usar complicadas etiquetas en HTML para escribir de xeito sinxelo documentos e establecer enlaces no sitio web.

Wikipedia

Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.

A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger, e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas. En 2015 recibiu o Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional e o Premio Erasmus.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.