Eixe atlántico de alta velocidade

O eixe atlántico de alta velocidade é o corredor ferroviario que discorre pola costa atlántica de Galiza. Esténdese entre as cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo, e está prevista a súa prolongación cara ao norte até Ferrol e polo sur por Tui para conectar coa rede portuguesa.[1]

Trátase dunha infraestrutura deseñada con vía dobre e trazado apto para 250 km/h, con carril de 60 kg/m. Actualmente é de ancho ibérico[2][3], pero instaláronse travesas polivalentes que permitirán a transformación do corredor en ancho UIC a partir de 2019.

En decembro de 2011 inaugurouse o tramo de Santiago de Compostela á Coruña[4], e en marzo de 2015, inaugurouse o tramo entre a capital galega e Vigo.[5]

Catoira.Puente AVE (17341266344)
Viaduto sobre a desembocadura do Ulla. Unha das obras máis icónicas canda a nova estación de Vigo-Urzáiz.

Descrición

Tramos

Ferrol - A Coruña

Adiado sen data prevista para retomar un proxecto que, unicamente chegou a acadar a fase de estudo informativo. En 2013, o goberno español, presidido daquela por Mariano Rajoy, admitía que a súa execución era inviábel. [6]

A Coruña - Santiago de Compostela

Esta parte do corredor foi deseñada como un desdobramento e electrificación -mediante a construción de numerosas variantes- do tramo preexistente entre as dúas cidades da liña Zamora - A Coruña. De todas as estacións intermedias orixinais da liña unicamente se conservou a de Uxes, suprimíndose os servizos ferroviarios no resto (que foron ficando progresivamente fóra das novas variantes), e se construíron dúas novas: Ordes e Cerceda-Meirama.

Estacion de Ordes Fosado A Coruña - Santiago de Compostela
Estación de Ordes. A primeira de nova construción para o Eixe Atlántico.

Santiago de Compostela - Bifurcación de Angueira

Esta sección desenvolveuse practicamente na súa totalidade sobre a plataforma da antiga liña de Santiago - Redondela, desdobrando e electrificando a vía e mantendo en servizo a estación de Osebe, reconvertida en apeadoiro.

Bifurcación de Angueira - Vilagarcía de Arousa

Trazado completamente novo. Supuxo a construción dun icónico viaduto sobre o río Ulla entre os concellos de Dodro e Catoira. Neste percorrido foi habilitada a nova estación de Padrón-Barbanza e, aínda que paralelamente se mantivo a circulación ferroviaria de viaxeiros na vella liña para dar servizo a Padrón, Pontecesures e Catoira, a estación da Escravitude quedou exclusivamente operativa para paradas técnicas.

Vilagarcía de Arousa - Pontevedra

Practicamente de novo trazado agás nos accesos ás cidades, mantivo o apeadoiro de Pontevedra-Universidade, como tamén a estación de Portela (á que os trens acceden pola vella liña convencional) e supuxo a reconversión do resto da antiga liña Santiago-Redondela nun ramal exclusivo de mercadorías atá as proximidades da estación de Portas, ficando esta sen servizos para pasaxeiros.

Pontevedra - Bifurcación de Arcade

Rectificación, desdobramento e electrificación do antigo trazado entre Santiago e Redondela. Conservouse a estación de Arcade, reconvertida igual cá Osebe en apeadoiro.

Bifurcación de Arcade - Vigo-Urzáiz

Túnel Arcade
Construción dun túnel ferroviario entre Arcade e Redondela.

Trazado completamente novo. Construíronse as novas estacións de Redondela AV e Vigo-Urzáiz, restrinxida esta última a trens de tracción eléctrica por motivos de seguridade derivados da lonxitude do túnel das Maceiras. Após a súa apertura se mantivo a prestación de servizos de pasaxeiros para os apeadoiros de Cesantes e Redondela-Picota e tamén nas estacións de Redondela e Vigo-Guixar. Unicamente ficou excluído tanto do novo corredor coma do convencional o tramo comprendido entre a Bifurcación de Chapela e a antiga estación de pasaxeiros de Vigo, da liña Monforte de Lemos - Vigo, o que implicou o peche da estación de Chapela[7].

Vigo - Fronteira con Portugal

Adiado. Os plans consisten na construción da saída sur de Vigo-Urzáiz, converténdoa nunha estación pasante, e un novo viaduto sobre o río Miño na altura de Tui como obras máis destacadas.

Características técnicas

O Eixo Atlántico de Alta Velocida conta -entre A Coruña e Vigo-Urzáiz- con sistema de Bloqueo Automático con vía dobre Banalizada (BAB), dotada de balizas ASFA máis tren-terra e catenarias de alta velocidade (entre A Coruña e Santiago) e compensada (entre Santiago e Vigo) de 25 kV e corrente alterna a 50 Hz. A velocidade máxima é de 200 km/h e a lonxitude máxima permitida para trens de viaxeiros, de 400 metros.[2] [3]

En 2016 comezaron as obras para a posta en servizo do sistema ERTMS sobre o BAB existente.[8]

Construción túnel das Maceiras
Construción do túnel das Maceiras, entre Redondela e Vigo.

Posta en servizo

12 053
Acceso á nova Estación Vigo-Urzáiz.

O 27 de agosto de 2011 pechouse temporalmente a estación de Vigo, procedendo á demolición de todas as instalacións incluíndo as naves de mantemento para proceder á construción dunha estación subterránea a 15 metros por debaixo da cota orixinal. Os servizos ferroviarios desviáronse á ata entón estación de mercancías de Vigo-Guixar ata a reapertura da estación en 2015 en que se producirá unha repartición de servizos, os servizos de alta velocidade faranse dende Vigo-Urzáiz e os servizos convencionais e o enlace internacional con Portugal continuaran en Guixar. Os talleres de mantemento foron trasladados definitivamente á estación de Redondela en xullo de 2012. A nova estación, que será intermodal proxectouse cun total de seis vías, con catro plataformas de 400 m de lonxitude e de entre 10 e 12,7 m de anchura, situados de forma que todas as vías sexan operativas para o tránsito de viaxeiros.[9]

A continuación iniciáronse as obras da infraestrutura ferroviaria que finalizaron en marzo de 2015. Inicialmente íase construír un centro comercial Vialia enriba do caixón ferroviario pero a falta de interese dos promotores privados fixo aprazar a obra, tendo as estruturas preparadas para a súa futura construción. Debido a iso tívose que construír un edificio provisional fóra da parcela para poder dar servizos ferroviarios, preparado para compatibilizar coas futuras obras do Vialia.

O 6 de marzo de 2015 entrou o primeiro tren, da serie 121, á nova estación en probas.[10]

O 16 de abril de 2015, 14 anos despois de que se asinara o convenio para actualizar o trazado ferroviario que vertebra Galicia, realizouse a viaxe inaugural, coa presenza da ministra de Fomento Ana Pastor e o presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo, desde a estación da Coruña e a nova terminal Vigo-Urzáiz, deseñada por Tom Mayne e que tamén se estreou con este motivo, na que entrará pola boca dun dos dous túneles das Maceiras, o túnel máis longo do Eixe Atlántico.[11]

Finalmente, o sábado 18 de abril de 2015 entrou en servizo comercial a liña de alta velocidade Vigo-A Coruña e viceversa, cunha oferta de dez frecuencias diarias por sentido que unirán ambas as cidades nun tempo de viaxe de 83 minutos, o que representa unha diminución de 47 minutos respecto á anterior.[5]

Cronoloxía de aperturas

Vigo - Pontevedra

Tramo km Estado (data BOE) Prazo execución
Vigo-Urzáiz - As Maceiras (Acceso norte a Vigo) 9,4 En servizo (29/03/2015)
As Maceiras - Redondela 3,9 En servizo (29/03/2015)
Redondela - Soutomaior 3,6 En servizo (29/03/2015)
Soutomaior - Vilaboa 2,5 En servizo (09/06/2013)
Vilaboa - Pontevedra 8,2 En servizo (09/06/2013)

Pontevedra - Santiago

Tramo km Estado (data BOE) Prazo de execución
PontevedraCerponzóns 6,6 En servizo (30/7/2014)
CerponzónsPortela 6,1 En sevizo (30/7/2014)
PortelaPortas 6,5 En servizo (20/7/2008)
PortasVilagarcía de Arousa 6,6 En servizo (20/7/2008)
Vilagarcía de ArousaCatoira 8,3 En servizo (29/3/2015)
Viaduto Río Ulla 1,7 En servizo (29/3/2015)
A Vacariza – Rialiño 8,0 En servizo (29/3/2015)
Rialiño – Padrón 8,5 En servizo (29/3/2015)
PadrónOsebe 3,8 En servizo (15/6/2008)
Osebe - Santiago 10,1 En Servizo (15/6/2007)

Santiago - A Coruña

Tramo km Estado (data BOE) Prazo de execución
SantiagoVerdía 6,8 En servizo (17/7/2003)
VerdíaOroso 9,7 En servizo (23/4/2005)
OrosoOrdes 4,0 En servizo (17/7/2003)
Variante de Ordes 6,3 En servizo (23/4/2005)
OrdesQueixas 4,3 En servizo (22/4/2008)
Variante de Queixas 4,8 En servizo (21/4/2007)
Cerceda - Meirama 8,1 En servizo
Meirama - Bregua 5,3 En servizo
Variante de Bregua 4,0 En servizo (27/4/2006)
Uxes - Pocomaco 4,3 En servizo
Pocomaco - A Coruña-San Cristovo 3,5 En servizo
A Coruña-San Cristovo 0,6 En servizo (7/5/2003)

Estacións e apeadoiros en servizo

Estacións

Apeadoiros

Conexións con outras liñas de alta velocidade

Prevense 3 conexións co resto da rede de Alta Velocidade:

Notas

  1. "Adif - Eje Atlántico". www.adif.es (en castelán). Consultado o 2018-09-25.
  2. 2,0 2,1 "Mapas de la Red titularidad de Adif V.0" (PDF). Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (en castelán). Consultado o 27-09-2018.
  3. 3,0 3,1 "Mapas de la Red titularidad de Adif Alta Velocidad V.0" (PDF). Adif Alta Velocidad (en castelán). Consultado o 27-09-2018.
  4. Cadena Ser, ed. (10 de decembro de 2011). "Inauguran o AVE entre A Coruña, Santiago e Ourense cunha viaxe de 69 minutos" (en castelán). Consultado o 8 de febreiro de 2018.
  5. 5,0 5,1 "Arranca el servicio del AVE entre A Coruña y Vigo" El Correo Gallego, 18 de abril de 2015.
  6. Pablo González (2015-04-06). "El eje atlántico que perdió el tren". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2018-09-27.
  7. "Chapela tendrá un apeadero en vez de 'estación fantasma'". Atlántico (en castelán). Consultado o 2018-09-25.
  8. "Empeza a instalación do ERTMS no eixo atlántico". El Progreso de Lugo. Consultado o 2018-09-27.
  9. "Fomento adjudica 68,4 millones a las obras de nueva estación Vigo-Urzáiz del Eje Atlántico de Alta Velocidad" en Interempresas.net (en castelán).
  10. Faro de Vigo (ed.). "O primeiro tren entra na estación do AVE". Consultado o 9 de marzo de 2015.
  11. "Fomento estrena hoy el tren que reduce el viaje A Coruña-Vigo a poco más de una hora" Faro de Vigo, 30/03/2015.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Apeadoiro da Vila da Igrexa

A Vila da Igrexa foi un apeadoiro de tren de Adif situada na Vila da Igrexa, no concello coruñés de Cerceda. Non ten servizos de viaxeiros.

A estación inaugurouse o 14 de abril de 1943 dentro do trazado orixinal da liña que unía Zamora e A Coruña. Coa construción do Eixe atlántico de alta velocidade, esta estación foi substituída pola nova estación de Cerceda-Meirama o 13 de decembro de 2009.

Eixe

Un eixe pode facer referencia a:

Eixe terrestre, liña imaxinaria arredor da cal xira a Terra no seu movemento de rotación.

Eixe (mecánica), elemento da mecánica que serve para guiar o movemento de rotación dunha ou dun conxunto de pezas, como unha roda ou unha engrenaxe.Xeometría

Eixe de revolución, por exemplo do cono, do cilindro ou da esfera.

Eixe de simetría, liña imaxinaria que divide unha forma en dúas partes nas que os seus puntos son equidistantes entre si.

Os eixes X, Y e Z usados no sistema de coordenadas cartesianasToponímia

Eix, concello do departamento francés de Mosa.Outros

Potencias do Eixe, estados opostos aos Aliados na segunda guerra mundial.

Eixe atlántico de alta velocidade

Eixe interior de Galicia

Estación da Escravitude

A Escravitude é unha estación de tren de Adif, situada no lugar da Escravitude, no concello de Padrón, provincia da Coruña.

Non ten servizos dende que entrou en servizo o eixe atlántico de alta velocidade. Na nova liña e preto da estación da Escravitude construíuse a nova estación de Padrón-Barbanza.

Estación de Cerceda

Cerceda foi unha estación e posteriormente apeadoiro ferroviario de Adif, situado en Cerceda, na provincia da Coruña. Non ten servizos de viaxeiros.

A estación inaugurouse o 14 de abril de 1943 dentro do trazado orixinal da liña Zamora-A Coruña. Coa construción do Eixe atlántico de alta velocidade, esta estación foi substituída pola nova estación de Cerceda-Meirama o 13 de decembro de 2009.

Estación de Cerceda-Meirama

Cerceda-Meirama é unha estación de tren de Adif situada en Meirama, no concello de Cerceda, provincia da Coruña. Ten servizos de Media Distancia operados por Renfe.

Estación de Meirama

Meirama, tamén coñecida nalgúns ámbitos como Meirama-Picardel, é unha estación ferroviaria xestionada por Adif situada en Meirama, no concello de Cerceda, provincia da Coruña. Na actualidade non ten servizos de viaxeiros.

A estación inaugurouse o 14 de abril de 1943 dentro do trazado orixinal da liña Zamora-A Coruña. Coa construción do Eixe atlántico de alta velocidade, esta estación foi substituída pola nova estación de Cerceda-Meirama o 13 de decembro de 2009.

Estación de Ordes-A Pontraga

Ordes-A Pontraga foi unha estación de tren de Adif, situada na Pontraga, no concello de Tordoia, provincia da Coruña, no límite co concello de Ordes. Non ten servizos de viaxeiros e emprégase como escola obradoiro.

A estación inaugurouse o 14 de abril de 1943 dentro do trazado orixinal da liña que unía Zamora e A Coruña. Coa construción do Eixe atlántico de alta velocidade, esta estación foi substituída pola nova estación de Ordes en 2003.

Estación de Padrón-Barbanza

Padrón-Barbanza é unha estación ferroviaria de Adif situada no lugar da Escravitude, no concello de Padrón, provincia da Coruña. Ten servizos de media distancia.

Estación de Pontevedra

A estación de Pontevedra é unha estación de ferrocarril de Adif da cidade de Pontevedra. Ten servizos de longa e media distancia, incluíndo os do eixe atlántico de alta velocidade. Ten tamén funcións loxísticas.

Estación de Portela, Portela, Barro

Estación de Portela é un lugar da parroquia de Portela, do concello de Barro, da provincia de Pontevedra. Pertencente tamén a comarca de Pontevedra. Segundo o IGE, no ano 2017 tiña 294 habitantes (156 homes e 138 mulleres).

Recibe o seu nome da estación de Portela, no Eixe atlántico de alta velocidade.

Estación de Redondela AV

A estación de Redondela AV é unha estación de Adif na cidade de Redondela, pertencente ao Eixe atlántico de alta velocidade. Está situada no leste do núcleo urbano de Redondela, na confluencia entre a rúa dos Eidos e a estrada de Pazos.

Estación de Vigo-Urzáiz

A estación de Vigo-Urzáiz é unha estación de ferrocarril de Adif na cidade de Vigo, constitúe unha das cabeceiras da liña 06-850 "Vigo-Urzáiz - Bifurcación de Arcade", integrada no Eixe atlántico de alta velocidade. Foi inaugurada oficialmente o 16 de abril de 2015 e dous días máis tarde abríu ao público.Está situada na Praza da Estación, no céntrico barrio de Casablanca da cidade, próxima á rúa Urzáiz (que da nome á terminal) e no mesmo lugar onde se atopaba a antiga estación de Vigo, derrubada en 2011 e substituída provisionalmente pola estación de Vigo-Guixar. Actualmente, Guixar concentra os servizos de Longa Distancia, Rexionais e internacionais; mentres que Urzáiz é punto de chegada e partida dos trens directos entre Coruña e Vigo.

Estación de Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía de Arousa é unha estación de tren de Adif, situada na cidade de Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra. Localízase na Praza da Estación, ao norte da cidade, a escasos 100 metros da estación de autobuses e a 600 m do porto, cara o que parte un pequeno ramal.

Liña de alta velocidade Olmedo-Zamora-Galicia

A liña de alta velocidade Olmedo-Zamora-Galicia é unha liña de alta velocidade que conectará Galicia co resto da península Ibérica. Parte da LAV Madrid-Valladolid á altura de Olmedo e finaliza en Santiago de Compostela.

Atópase en servizo entre Olmedo e Zamora (a vía par dende o 17 de decembro de 2015 e a vía impar dende o 21 de outubro de 2016), e entre Ourense e Santiago (dende o 11 de decembro de 2011), con continuidade ata A Coruña e Vigo a través do eixe atlántico de alta velocidade. Está prevista a inauguración do tramo entre Zamora e Seabra para 2018 e entre Seabra e Ourense para 2019.Para facilitar a explotación de trens que continúan por vía convencional, ten actualmente ancho ibérico de 1.668 mm entre Ourense e Santiago. Cando a liña estea finalizada, cambiarase ao ancho internacional de 1.435 mm, como o resto de liñas de alta velocidade. O trazado está adaptado ás esixencias de interoperatibilidade da Unión Europea. Cando se atope finalizado completamente, contará con dobre vía electrificada a 25 kV e unha velocidade máxima de 350 km/h. Forma parte do Corredor Atlántico da Rede Transeuropea de Transporte.

Paredes, Vilaboa, Vilaboa

Paredes é un lugar da parroquia de Vilaboa, no concello pontevedrés de Vilaboa, na comarca de Pontevedra. Segundo o IGE, en 2015 tiña 631 habitantes (314 homes e 317 mulleres).

O lugar está atravesado pola estrada N-550, e desde aquí parte a estrada PO-264. Até 2013, cando se inaugurou o eixe atlántico de alta velocidade, estivo atravesado tamén pola liña de ferrocarril Pontevedra-Redondela. De feito até a década de 1950 houbo no lugar un paso a nivel.

A carón deste lugar atópase o conxunto intermareal e etnográfico de Ulló.

Túnel das Maceiras

O túnel das Maceiras, tamén coñeido como túnel da Madroa ou túnel Vigo-Redondela, é un túnel ferroviario de dous tubos dus 8,5 km de lonxitude que, desde As Maceiras, Redondela, acaba na nova estación subterránea de Vigo-Urzáiz, o que fai del o túnel máis longo do eixe atlántico de alta velocidade (EAAV).

Viaduto de Pontevedra (Redondela)

O viaduto de Pontevedra é unha das dúas pontes ferroviarias que atravesan o centro da vila pontevedresa de Redondela, xunto co viaduto de Madrid. Foi inaugurado no ano 1884 polo enxeñeiro e arquitecto Mariano Carderera Ponzán (1846-1916), oito anos despois da inauguración do viaduto de Madrid. Até comezos do século XXI estivo en funcionamento, soportando a pasaxe de convois da liña Vigo-A Coruña. Deixou de usarse coa inauguración do eixe atlántico de alta velocidade.

No ano 1978 abriuse un expediente para declaralos Ben de Interese Cultural pero aínda non foi resolto .

Viaduto do Ulla

O nome de viaduto do Ulla pódese referir a varias estruturas de Galicia sobre o río Ulla:

O Viaduto do Ulla, na autoestrada AP-9, entre os concellos de Padrón e Pontecesures;

O Viaduto do Ulla, na autoestrada AP-53, entre os concellos de Boqueixón e Silleda;

O Viaduto do Eixo, situado na liña de alta velocidade ferroviaria Ourense-Santiago, entre Vedra e A Estrada;

O Viaduto do Ulla, situado no eixe atlántico de alta velocidade, entre Catoira e Rianxo;

A Ponte de Gundián, viaduto situado na Ponte Ulla, na liña de ferrocarril Ourense-Santiago, entre Vedra e A Estrada.

Viaduto do Ulla (eixe atlántico de alta velocidade)

O viaduto do Ulla é unha infraestrutura que une as provincias da Coruña e Pontevedra e que constitúe a actuación de maior importancia do eixe atlántico de alta velocidade ferroviaria, que destaca pola súa complexidade técnica e pola súa singularidade. Cos seus 240 m de lonxitude máxima entre piares, constitúe un récord mundial de luz (anchura entre piares) neste tipo de pontes (tipoloxía taboleiro mixto formigón-aceiro).

Sistema ferroviario galego
Empresas
Liñas
e
paradas
Servizos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.