Eiruga

Unha eiruga é unha larva de bolboreta. Por extensión chámase ás veces eiruga a calquera larva de corpo longo e formado por aneis doutros grupos de insectos, como as dalgúns coleópteros. A eiruga é o estadio larvario dos insectos da orde dos lepidópteros (orde de insectos que comprende as bolboretas e as avelaíñas).

Chenille de Grand porte queue (macaon)
Eiruga de Papilio machaon.

Hábitos

Geometrid caterpillar
Unha eiruga de xeómetra ou verme medidor

As eirugas son na súa maior parte fitófagas (comen vexetais) en canto a hábitos alimenticios, salvo algunhas especies que son entomófagas (predadoras doutros insectos).

O seu crecemento ten lugar a través dunha serie de mudas, con varias fases ou estados intermedios. Son comedoras voraces e moitas delas son consideradas como pragas na agricultura. Moitas especies de avelaíñas e mesmo bolboretas son moi ben coñecidas no seu estadio larvario a causa dos danos que causan á froita e outros produtos da agricultura, ou mesmo cousas domésticas como roupa e libros.

Morfoloxía

1. Cabeza 2. Tórax 3. Abdome 4. Espiráculo 5. Falsas patas anais 6. Falsas patas abdominais 7. Segmento 8. Patas torácicas 9. Antena

Constitución xeral

A maioría das eirugas teñen uns corpos longos, tubulares, e segmentados. O seu corpo é brando e crece, inflando rapidamente, como globos, entre as diferentes mudas. Só a cápsula da cabeza é de consistencia dura.

Cabeza

Nas eirugas, as mandíbulas son duras e afiadas para mastigar as follas; porén, na maioría dos lepidópteros adultos, as mandíbulas atópanse moi atrofiadas, ou son incluso brandas. Detrás das mandíbulas da eiruga podemos atopar o aparato fiador, que segrega e manipula a seda.

Segmentos corporais e extremidades

As eirugas contan con tres pares de patas verdadeiras nos tres segmentos torácicos, tendo ata catro pares de extremidades falsas nos segmentos medios do abdome, e incluso a miúdo un único par de falsas extremidades provistas de pequenas unllas ou ganchos no último segmento abdominal, tendo dez segmentos abdominais en total. As familias de lepidópteros difiren no número e posición das extremidades falsas. Por exemplo, mentres a separación entre segmentos dalgunhas especies é moi pequeno, noutras, como nas pertencentes á familia das Xeometridae, é moito maior. Os xeómetras, tamén chamados vermes medidores, reciben ese nome debido á súa maneira de avanzar, que parece medir a terra. A palabra xeómetra significa de feito medidor da terra en grego) e a principal razón para este desprazamento tan peculiar é a eliminación de case todas as falsas extremidades excepto as prensoras do segmento final.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de eirugas de Galicia.
Eiruga.A Estrada.23-10-2007 05

Eiruga localizada na Estrada

Eiruga.A Estrada.23-10-2007 08

Eiruga localizada na Estrada

Unidentified.insect.of.Galicia2

Eiruga en Bastavales, Brión

Alice in Wonderland (filme de 1951)

Alice in Wonderland é un filme de animación estadounidense dos estudios Disney, dirixido por Clyde Geronimi, Wilfred Jackson e Hamilton Luske, e estreado en 1951. Está basedo nos libros Alicia no País das marabillas e Alicia do outro lado do espello do autor inglés Lewis Carroll.

Avelaíña

A avelaíña, matacandís ou velairiña é un insecto próximo á bolboreta. Ambas son da orde dos lepidópteros. Teñen hábitos nocturnos, se ben é certo que tamén hai especies crepusculares e diúrnas.

Moitas especies de avelaíñas son moi ben coñecidas no seu estadio larvario a causa dos danos que causan á froita e outros produtos da agricultura, ou mesmo aparellos domésticos como roupa e libros, dada a voracidade das eirugas.

Bolboreta

A dos lepidópteros é unha orde de insectos holometábolos (é dicir, de metamorfose completa), case sempre voadores, caracterizados, entre outras cousas, porque despois de ter superado o estado de larva, presenta dous pares de ás. As ás están recubertas con escamas microscópicas que se lle desprenden con só tocarlle, semellando, ao tacto e á vista, un po suave.

As especies máis coñecidas son as chamadas bolboretas diúrnas, pero a maioría son as bolboretas nocturnas, a maioría das cales adoitan pasaren inadvertidas.

As súas larvas, coñcidas como eirugas, aliméntanse tipicamente de materia vexetal, podendo ser algunhas especies pragas importantes para a agricultura (recordemos a couza guatemalteca, que causa estragos nas patacas). Por outra parte, moitas especies cumpren o papel de polinizadoras de plantas silvestres e cultivadas.

Este taxon representa a segunda orde con máis especies entre os insectos (sendo superado soamente porla orde dos coleópteros); de feito, conta con máis de 165 000 especies, clasificadas en 127 familias e 46 superfamilias.Os nomes vulgares galegos para designaren estes insectos son os de bolboretas, chorumas, papoias ou paxarelas (para as especies diúrnas). As bolboretas nocturnas denomínase avelaíñas, matacandís e velairiñas, e tamén couzas, carunchos, trazas ou trillas.As bolboretas e avelaiñas teñen algunhas características especiais. As pezas bucais transformáronse nunha trompa ou probóscide que succiona e que se enrola nunha espiral (espiritrompa).

A cor das ás débese polo xeral a efectos ópticos das escamas máis que a pigmentos.

Brasicáceas

As brasicáceas (Brassicaceae) ou crucíferas (Cruciferae) son unha familia de anxiospermas dicotiledóneas que se inclúen na orde Brassicales. Constitúen un grupo monofilético con arredor de 338 xéneros e 3.709 especies de plantas principalmente herbáceas distribuídas en todo o globo, porén se achan particularmente concentradas en áreas temperadas e frías. Inclúen cultivos de importancia económica, tanto hortícolas, como ornamentais, oleaxinosos, forraxeiros e como condimentos. Así mesmo, inclúen a unha especie que se considera un organismo modelo en investigacións biolóxicas: Arabidopsis thaliana

Cripse

En ecoloxía, a cripse é a capacidade que ten un animal de evitar a súa observación ou detección por outros animais. Pode ser unha estratexia de predación ou unha adaptación antipredador. Os métodos inclúen a camuflaxe, a nocturnidade, un estilo de vida subterráneo e o mimetismo. A cripse pode implicar unha ocultación visual, olfactoria (con feromonas) ou auditiva. Cando é visual, o termo coloración críptica, utilízase ás veces como sinónimo de camuflaxe animal, pero os animais empregan diversos métodos de camuflaxe.

Eiruga (planta)

A planta Eruca vesicaria tamén recibe o nome vulgar de eiruga.

A eiruga (Eruca sativa), tamén coñecida como mostaza persa, é unha verdura da mesma familia que a mostaza, Brassicaceae, e orixinaria do Mediterráneo e de Asia Occidental. Adáptase a climas frescos, nin quentes nin fríos.

Ensalada

A ensalada é a denominación xenérica dun conxunto de pratos fríos baseados nos vexetais fríos, pero admite combinacións, preparacións, presentacións e temperaturas moi diversas. Malia non ser un prato tradicional galego, si no mediterráneo, hoxe en día é frecuente. A máis común en Galicia combina leituga e tomate (con cebola se se gusta dela) aderezados principalmente con sal, aceite e vinagre (que pode ser substituído por limón). Adoita ser tomada como entrante ou como gornición do prato principal. Tamén pode constituír por si mesma o prato principal.

Esfinxe colibrí

A esfinxe colibrí (Macroglossum stellatarum) é unha especie de lepidóptero ditrisio da familia Sphingidae. Vive no sur de Europa, incluíndo a Península Ibérica, e no norte de África e centro de Asia, India e Indochina. Recibe o seu nome polo seu voo e forma de alimentación, que se asemellan ao do colibrí.

Espiráculo

O espiráculo (do latín spiraculum, "respiradeiro"), é o orificio respiratorio que moitos animais, terrestres e especialmente acuáticos, teñen como contacto do aire (ou a auga) e o seu sistema respiratorio interno.

Herbívoro

En zooloxía e en ecoloxía, un herbívoro é un animal (mamífero, peixe ou invertebrado) cuxa dieta alimenticia se basea principalmente na inxestión de plantas; aínda que, sendo as plantas herbáceas un subconxunto do reino vexetal, é máis correcto, desde o punto de vista semántico, o uso do termo fitófago.Na práctica, porén, moitos herbívoros tamén se alimentan de proteínas animais como, por exemplo, ovos.

Os humanos que non comen carne non son considerados herbívoros senón vexetarianos.

Na cadea trófica, os herbívoros son os consumidores primarios, mentres que os que se alimentan de carne son consumidores secundarios.

Iuca

Este artigo trata sobre unhas plantas suculentas usadas en xardinaxe, para a raíz comestíbel véxase mandioca.

As iucas son plantas suculentas do xénero Yucca, composto por unha cincuentena de especies da familia Agavaceae, nativas de Norteamérica e Centroamérica, características polas súas rosetas de follas gladiformes e polos seus acios de flores brancas.

O seu atractivo aspecto e rusticidade, ao ser nativas de rexións áridas e aptas para a conservación da auga, requiren pouco rego; fai que as iucas se cultiven bastamente como ornamentais; aínda que os talos e froitos de moitas especies sexan comestíbeis, non é común o seu emprego na gastronomía.

Particularmente notable é o sistema de polinización da iuca; están adaptadas a manter unha relación de mutualismo con varias especies de lepidóteros da familia Prodoxidade (coñecidas como "couzas da iuca"), na que o insecto se encarga de transportalo polen dende os estames da flor masculina até o estigma da feminina, pero á vez deposita os seus ovos na flor. A eiruga, ao nacer, aliméntase das sementas da planta, pero deixa as suficientes para que esta se espalle.

Numerosas especies anteriormente clasificadas como parte de Yucca hoxe trasladáronse aos xéneros Dasylirion, Furcraea, Hesperaloe e Nolina.

Lepidópteros

Os lepidópteros (Lepidoptera) son unha orde de insectos que comprende as bolboretas (diúrnas) e as avelaíñas (esencialmente nocturnas), na que se describiron preto de 180.000 especies, clasificadas en 126 familias, e 46 superfamilias, que supoñen o 10% de todas as especies de seres vivos descritas. É unha das ordes de insectos máis estendida no mundo e recoñecible, e está entre as catro ordes e insectos con máis especies, xunto cos himenópteros, dípteros e coleópteros. O termo foi acuñado por Linneo en 1735 e significa 'ás escamosas'. Os lepidópteros mostran moitas variacións da estrutura corporal básica que evolucionou para adquirir vantaxe na súa forma de vida e distribución.

Os lepidópteros distínguense por diversas características derivadas, entre as que salientan ter escamas que cobren as ás e o corpo, e unha probóscide. As escamas derivan de "pelos" modificados aplanados, que lle dan ás bolboretas a súa gran variedade de cores e patróns. Case todas as especies teñen un par de ás membranosas, excepto algúns con ás reducidas ou sen ás. Como a maioría dos insectos, os lepidópteros son holometábolos, o que significa que sofren unha metamorfose completa. O apareamento e a posta de ovos realízanas os adultos normalmente preto das plantas hóspedes das futuras larvas. As larvas, denominadas eirugas, son completamente diferentes dos adultos, teñen un corpo cilíndrico sen ás, con cabeza ben desenvolvida, pezas bucais con mandíbula, tres pares de patas torácicas e de ningunha a cinco pares de falsas patas (pseudópodos). A medida que crecen, estas larvas cambian de aparencia, pasando por unha serie de estadios chamados ínstares. Unha vez que maduran completamente, a larva desenvólvense en pupa, denominada crisálide no caso das bolboretas diúrnas e casulo no caso das avelaíñas. Unhas poucas especies de bolboretas e moitas de avelaíñas tece un casulo de seda antes da pupación, e o resto non, e pupan no chan.Os lepidópteros evolucionaron ao longo de millóns de anos orixinando unha ampla variedade de patróns de ás e coloración desde algunhas avelaíñas similares a especies da orde relacionada dos Trichoptera, ás bolboretas diúrnas de brillantes cores e complexos patróns.Os lepidópteros xogan un papel importante nos ecosistemas como polinizadores e como alimentos na cadea trófica; inversamente, as súas larvas son consideradas moi problemáticas para a vexetación e á agricultura, xa que comen principalmente plantas vivas. En moitas especies, as femias poden producir de 200 a 600 ovos, mentres que noutras, o número pode aproximarse aos 30.000 ovos ao día. Moitos lepidópteros teñen un interese económico como polinizadores, pragas agrícolas ou produtores de seda.

Lémures (mitoloxía)

Na mitoloxía romana, os lemures (lémures, en galego) ou larvae (larvas, en galego) eran os espectros ou espíritos da morte. Eran a versión maligna dos lares, ou deuses protectores da casa.Algúns autores romanos aplicaban o nome de lémures para todos os espíritos da muerte, e os dividían en dúas clases: os lares, ou almas benevolentes da familia, que protexen a domus ou casa, e as larvae, o inquietas e horribles almas de homes malvados. Pero a máis común idea era que os lémures e as larvae eran o mesmo. Dicíase que vagaban pola noite e que atormentaban e asustaban aos vivos.

Os días 9, 11 e 13 de maio, celebrábase a Lemuralia o Lemuria, a festa dos lémures, na que se ofrecían fabas negras ás larvae coa esperanza de facelas propicias; usábanse tamén ruídos fortes para escorrentalas.

Os lemuriformes (primates de Madagascar) foron chamados lemures polo naturalista Linneo polos seus grandes ollos, os seus hábitos nocturnos e polos sons tremendos que fan pola noite. Algunhas especies de lémures foron identificadas polas súas chamadas incluso antes de que fosen vistos individuos concretos. Linneo acuñou tamén o uso moderno da palabra 'larva' para denotar o estadio de eiruga no ciclo vital dos insectos.

Macaón

O macaón, Papilio machaon, tamén coñecida como cola de andoriña, galo ou voíña), é unha das bolboretas máis comúns de Europa. Así a todo, non se encontra en Irlanda; en Inglaterra, a súa existencia limítase á rexión de Norfolk; na Europa temperada hai zonas nas cales se pode localizar con facilidade; pero este insecto tende a desaparecer dende hai algunhas ducias de anos [Cómpre referencia]. Polo contrario, multiplícase no norte de África, nalgunhas rexións de Europa, na zona temperada de Asia cara ó Himalaia, en distintas partes de América do Norte e por último en Xapón.

O seu hábitat comprende dende o nivel do mar ata os 2.000 metros, en prados e zonas floreadas.

O Papilio machaon ten entre 32 e 56 mm de envergadura e caracterízase polas prolongacións que posúe nas ás posteriores. O seu voo pode apreciarse en climas máis setentrionais unha vez ó ano, dúas veces (abril-maio) e (xullo-agosto) en climas temperados e ata tres veces en lugares máis cálidos coma o sur da Península Ibérica e o norte de África.

Esta bolboreta foi descrita moi acotío, con subespecies e as súas formas distintas en función da súa pertenza xeográfica. En Europa continental pódese encontrar P. gorganus; en Inglaterra, P. britannicus; en América do Norte, P. aliaska e dúas das súas subespecies.

A eiruga do Papilio machaon é moi rechamante e, se é irritada, pode facer saír polo seu extremo anterior un órgano de defensa glandular de cor laranxa chamado osmaterium. A crisálide é xeralmente de cor verde ou gris parda.

Maria Sibylla Merian

Maria Sibylla Merian, nada en Frankfurt o 2 de abril de 1647 e finada en Ámsterdan o 13 de xaneiro de 1717, foi unha naturalista, exploradora e pintora alemá, de pais suízos.

Malia ser ignorada durante longo tempo, é hoxe considerada coma unha das máis importantes iniciadoras da entomoloxía moderna, grazas ás observacións detalladas e á súa descrición, con ilustracións propias, da Metamorfose das bolboretas.

Pupa

Unha pupa (do latín pūpa, 'boneca') é un dos estadios vitais dalgúns insectos que sofren transformacións (metamorfose) entre os estados inmaturos e maduros. O estadio pupal encóntrase só nos insectos holometábolos, que experimentan unha metamorfose completa e pasan por catro estadios vitais: ovo, larva, pupa e imago (adulto). Os procesos necesarios para entrar e completar o estadio pupal están controlados polas hormonas dos insectos, especialmente a hormona xuvenil, a hormona protoracicotrópica e a ecdisona.

As pupas de diferentes grupos de insectos teñen diferentes nomes, como crisálide no caso das pupas das bolboretas. As pupas poden estar cubertas nalgúns grupos de insectos por outras estruturas como casulos, niños ou cubertas exoesqueléticas.

Verme da seda

O verme da seda é a larva ou eiruga da avelaíña (ou bolboreta) da seda doméstica, tamén chamada bómbice, de nome científico Bombyx mori. Este lepidóptero é máis coñecido pola súa eiruga, que é a que produce os casulos de seda, que polo adulto. É un insecto economicamente importante, xa que é o principal produtor de seda natural. Aínda que se lle chame "verme" pola súa forma, non ten nada que ver cos verdadeiros vermes (anélidos, nematodos...), e, estritamente falando, tampouco é unha bolboreta (diúrna) senón unha avelaíña. O verme da seda aliméntase esencialmente de follas de moreira branca (Morus alba), aínda que poden comer tamén follas doutras especies de moreira e incluso doutras plantas da familia como Macula pomifera. As avelaíñas da seda domésticas dependen totalmente do ser humano para a súa reprodución, como resultado de milenios de crianza selectiva. As avelaíñas da seda silvestres das cales derivan son diferentes (xa que non foron criadas selectivamente) e non serían comercialmente viables na produción de seda.

A sericultura é a cría do verme da seda para producir seda en bruto e leva practicándose desde hai polo menos 5 000 anos na China, desde onde se espallou a Corea e o Xapón, a India e posteriormente a Occidente. O bómbice (Bombyx mori) foi domesticado a partir da avelaíña da seda silvestre Bombyx mandarina, que vive desde o norte da India ao norte da China, Corea, o Xapón e as rexión do extremo oriente ruso. O bómbice domesticado deriva das variedades chinesas e non das xaponesas ou coreanas.É improbable que o bómbice fose criado de forma doméstica antes do Neolítico, porque as ferramentas para fabricar grandes cantidades de fío de seda non estaban desenvolvidas. O B. mori domesticado e o B. mandarina silvestre aínda poden cruzarse e ás veces prodúcense híbridos.

Xeométridos

Os xeométridos (Geometridae), xeralmente chamados xeómetras, son unha familia de avelaíñas dentro da orde dos insectos lepidópteros. O seu nome deriva do latín geometra e este do grego antigo γεωμέτρης ('xeómetra, medidor da terra'), facendo referencia ao modo en que as súas larvas, parecen "medir a terra" a medida que se moven arqueando e estendendo os seus corpos. É unha familia de avelaíñas moi grande, cunhas 35.000 especies descritas. Un exemplo moi coñecido é a Biston betularia, que foi moi estudada en xenética de poboacións. Algúns xeométridos son pragas agrícolas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.