Eduardo Pondal

Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 8 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega, autor da letra do Himno de Galicia. Foi un dos tres grandes poetas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. En 1965 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Eduardo Pondal
Eduardopondal
Nome completoEduardo María González-Pondal Abente
Nacemento8 de febreiro de 1835
 Ponteceso
Falecemento8 de marzo de 1917
 A Coruña
SoterradoCemiterio de Santo Amaro da Coruña
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónpoeta, escritor, político e médico
LinguaGalego, castelán
PeríodoRomanticismo
MovementoRexurdimento
XénerosPoesía
Coñecido/a porOs Eoas, Queixumes dos pinos e Os Pinos
InfluenciasShakespeare, Heine, Chateaubriand, Camões[1]

Traxectoria

Véxase tamén: Cronobiografía de Eduardo Pondal.
Pazo Pondal
Ponteceso. Casa natal de Pondal.

Foi o derradeiro irmán de entre sete fillos nunha familia de orixe fidalga enriquecida coa emigración a América. Eduardo quedou orfo de nai, Ángela Abente Chans, ao ano de nacer. Seu pai, Juan González Pondal, era comerciante.[2] Estudou dende 1844 gramática latina na escola que tiña un parente seu crego (Cristóbal de Lago) en Vilela de Nemiña. En 1848 instalouse en Santiago de Compostela para cursar o bacharelato en Filosofía e, a seguir, a carreira de Medicina. De estudante frecuentou o Liceo de Santo Agostiño, onde había faladoiros literarios, e revelouse como poeta, co seu íntimo amigo Aurelio Aguirre, nunha ocasión que se fixo célebre: o banquete de Conxo, do que falan todos os historiadores da literatura galega. Foi un banquete organizado en 1856 polos estudantes liberais en homenaxe "ao terceiro estado", no que fraternizaron obreiros e estudantes. Os brindes de Aguirre e de Pondal tiveron un sentido político moi avanzado, e por eles procesounos a Audiencia da Coruña que chegou a considerar deportalo ás Illas Marianas. Desta época datan os seus textos manuscritos máis antigos, atopados no arquivo do arcebispado de Santiago de Compostela.[3]

Ao rematar a carreira en 1860 exerce como médico militar da Armada Española en Ferrol. En 1861 fixo oposicións en Madrid ao corpo de Sanidade Militar, mais, tras conseguir un posto na fábrica de armas de Trubia (Asturias), deixou a praza e abandonou de maneira definitiva a profesión médica retornando á casa paterna. O 2 de xullo de 1861 celebráronse na Coruña os primeiros Xogos florais de Galicia, no que Pondal participou con A campana d'Anllóns, o seu primeiro poema en galego que se publicou ao ano seguinte no Álbum de la Caridad.

Pondal apenas exerceu a súa carreira médica. Retirouse axiña á súa casa paterna e alí viviu, con frecuentes viaxes a Santiago de Compostela e á Coruña, onde concorría á libraría de Uxío Carré Aldao, chamada a "Cova Céltica", na que mantiñan un parladoiro Andrés Martínez Salazar, Manuel Murguía, Florencio Vaamonde Lores, Evaristo Martelo Paumán, Manuel Lugrís Freire e outros. Alí accedeu a través de Murguía aos poemas ossiánicos de James Macpherson. Pondal asumirá entón o papel de "bardo" da nación galega, exercendo como guía e intérprete da rota a seguir.

Eduardo Pondal

No ano 1877 saíu do prelo Rumores de los pinos, un conxunto de vinte e un poemas en galego e castelán que servirá de base a Queixumes dos pinos (1886). Esta obra recupera da versión bilingüe as composicións en galego, inclúe aínda algúns dos poemas en español agora traducidos e coñecerá diversas ampliacións nas edicións seguintes. "Os Pinos", xurdido das sucesivas reelaboracións de "Rumores de los pinos", conformará o himno galego, ao que Pascual Veiga lle porá música.

Placa en lembranza a Eduardo Pondal (A Coruña)
Placa no lugar onde morou os derradeiros anos na Coruña

A saudade de Pondal, poeta da liberdade, que ansiaba levantar un pobo, oriéntase cara a un pasado que el imaxinaba libre e independente, e que o seu impulso lírico quer reconquistar. A poesía de Pondal proponse renovar a historia. Como do pasado céltico non quedan máis que vagos vestixios, Pondal esfórzase en adiviñalo, guiándose polos poemas de Ossian, por algunhas citas de Lebor Gabála Érenn e polas investigacións de Murguía, e crea un mito fragmentario, distante da historia, indeterminado, arredor de dous arquetipos: o Heroi e o Bardo. Pero trátase dun pasado de gran beleza e dunha forza de suxestión extraordinaria.

Eduardo Pondal faleceu na Coruña no hotel "La Luguesa" en 1917, a súa saúde estaba debilitada, cunha cegueira moi avanzada e con problemas psicolóxicos cada vez maiores. Repousa desde entón no cemiterio de Santo Amaro.

Obra

Pondal é o máximo expoñente da literatura do rexionalismo galego. Idealiza o pasado céltico de Galicia, que el imaxina libre e independente e como apenas quedan vestixios desta época, inspírase nas fontes clásicas da invasión romana, nos poemas ossiánicos de James MacPherson, nalgunhas citas do Lebor Gabála Érenn e nas investigacións de Manuel Murguía e Benito Vicetto. O simbolismo do celtismo dentro da poesía de Pondal é claro: así como os celtas combateron heroicamente a invasión romana, os galegos deben tomar o seu exemplo e combater igualmente a opresión castelá. Ao mesmo tempo a súa poesía incorpora unha tendencia helenista, que entronca co seu afán de crear unha lírica culta. Os mitos creados por Pondal baséanse en dous arquetipos: o Heroe e mailo Bardo.

Tamén é interesante como poeta lírico. Xunto coa natureza, e as paisaxes da súa terra natal (a comarca de Bergantiños), o amor é outra das claves da súa poesía.

Utilizou unha lingua aristocratizante, fuxindo da lingua coloquial e incorporando no seu léxico e na súa sintaxe numerosos cultismos. Para isto serviuse dos seus profundos coñecementos das linguas clásicas, remitíndose tamén en ocasións á lingua portuguesa. É famosa a súa frase no leito de morte "déstesme unha lingua de ferro, devólvovos unha lingua de ouro".

Lugo 05-21c
Placa na praza Maior de Lugo.

Himno galego

Artigo principal: Himno galego.

En 1890 o músico Pascual Veiga pedíralle unha letra para unha obra que pretendía presentar a un certame na Coruña. Eduardo Pondal compuxo para a ocasión o poema "Os Pinos", cuxas dúas primeiras estrofas formarán parte da letra da melodía. Aínda que a obra non chegou a estrearse o poema aparecerá publicado ese mesmo ano nun folleto do certame, así como en varios xornais galegos da emigración cubana. En 1907 a composición de Veiga será estreada na Habana é considerada dende entón Himno de Galicia. En 1981 será legalizada como himno oficial polo Estatuto de autonomía de Galicia.

Dende 1935 (edición da Real Academia Galega) ese poema integrouse, xunto con outros inéditos, nas edicións de "Queixumes dos Pinos".

Listaxe

Queixumes dos pinos, Eduardo Pondal, Latorre y Martínez editores, La Coruña, imprenta de La Voz de Galicia, 1886. PDF.pdf
Queixumes dos pinos, 1886, Biblioteca Gallega.
Obra póstuma
  • Pondal. Versos iñorados ou esquecidos, reunidos, prologados e anotados por Carballo Calero, Centro de estudos Fingoy,[5] 1961, Galaxia.
  • Os Eoas: unha aproximación, 1992, A Coruña: Real Academia Galega.
  • Poesía galega completa I. Queixumes dos pinos, 1995, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. Edición de Manuel Ferreiro.
  • Poesía galega completa II. Poemas impresos, 2001, Santiago. Sotelo Blanco. Edición de Manuel Ferreiro.
  • Poesía galega completa III. Poemas manuscritos, 2002, Santiago: Sotelo Blanco. Edición de Manuel Ferreiro.
  • Poesía galega completa IV. Os Eoas, 2005, Santiago: Sotelo Blanco. Edición de Manuel Ferreiro.

Significado

O significado político da obra de Pondal foi obxecto de moitas teorías e discusións.[quen?][Cómpre referencia] Por unha banda é indiscutible que apela a conceptos raciais para devolver o orgullo ao pobo galego, así como para menosprezar os casteláns, aos que considera invasores do seu país. Mais o seu ideario político persoal sempre estivo máis próximo a un socialismo emerxente, como demostra a súa participación no banquete de Conxo e o seu compromiso estético coa idea da liberdade do home. Non hai que esquecer que no momento histórico no que se desenvolve a súa obra, as teorías raciais, non só non foron desacreditadas, senón que son profusamente empregadas polo romanticismo europeo como unha expresión máis do Volksgeist ("espírito do pobo" en alemán), especialmente naqueles países que vivían un conflito nacional.

Por outra banda o seu ideario en relación á cuestión territorial semellaba máis achegada a un iberismo federal cá un nacionalismo galego aínda por xurdir. Pondal expresa repetidamente o seu sentimento de irmandade co pobo portugués, e a súa simpatía polo catalanismo. Por outra banda o poema "Os Eoas" fala dunha xesta, o descubrimento do mundo, que incumbe a todos os pobos ibéricos.

No que atinxe á crítica da misoxinia na súa obra, María Xosé Queizán publicou o ensaio Misoxinia e racismo na poesía de Pondal a finais dos anos 90 do século XX que ergueu unha forte polémica.[6]

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Eduardo Pondal.
Eduardo Pondal 1935-1917
 
Pondal en 1874, retratado por Palmeiro
Pondal en 1874, retratado por Palmeiro 
Pondal na súa derradeira residencia da Coruña
Pondal na súa derradeira residencia da Coruña 
Busto erguido na Coruña en 1925
Busto erguido na Coruña en 1925 

Notas

  1. Gómez & Queixas 2001, p. 149.
  2. Pondal na páxina da Rel Academia Galega
  3. Franco, Camilo (1 de xuño de 2011). "Localizan os textos autógrafos máis antigos de Eduardo Pondal". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 5 de xuño de 2019.
  4. Queixumes dos pinos na BVG.
  5. Pondal. Versos iñorados ou esquecidos imaxe da portada.
  6. González, Montse (24 de maio de 2012). "A pexa do sexismo". elpais.com. Consultado o 19 de xaneiro de 2018.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

8 de febreiro

O 8 de febreiro é o 39º día do ano do calendario gregoriano. Quedan 326 días para finalizar o ano, 327 nos anos bisestos.

8 de marzo

O 8 de marzo é o 67º día do ano do calendario gregoriano e o 68º nos anos bisestos. Quedan 298 días para finalizar o ano.

Día das Letras Galegas

O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.

Ata 2019, ano dedicado a Antón Fraguas, 59 autores (4 mulleres e 55 homes) foron homenaxeados nas 57 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).

Fernando Cortés Bugía

Fernando Cortés Bugía, nado en Betanzos o 15 de decembro de 1874 e finado na Coruña o 25 de marzo de 1948, foi un pintor, escultor e debuxante galego.

Galería de imaxes de Eduardo Pondal

Galería de imaxes de Eduardo González-Pondal Abente (Ponteceso 1835 — Coruña 1917), poeta rexionalista galego.

Galería de imaxes de escritores en lingua galega

Galería de imaxes de escritores en lingua galega.

Gonzalo López Abente

Gonzalo Francisco López Abente, nado en Muxía o 24 de marzo de 1878 e finado na mesma vila o 23 de xullo de 1963, foi un escritor en lingua galega que cultivou o xornalismo, a narrativa, o teatro e a poesía, baseando na Costa da Morte boa parte da súa obra. Dirixiu a Irmandade da Fala de Muxía. En 1971 foi homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Literatura galega do Rexurdimento

O Rexurdimento foi un movemento social, literario e intelectual, localizado no tempo na segunda metade do século XIX. Vería o seu inicio este período da literatura galega en 1863, coa publicación do poemario de Rosalía de Castro Cantares Gallegos. O seu final, porén, habería que situalo en 1890 coa publicación da obra de Valentín Lamas Carvajal A musa das aldeas.

Cando falamos do Rexurdimento literario, estámonos a referir sobre todo a un movemento poético, posto que a prosa e o teatro participarán del tardiamente.

Manuel Curros Enríquez

Manuel Curros Enríquez, nado en Celanova o 15 de setembro de 1851 e finado na Habana o 7 de marzo de 1908, foi un poeta e xornalista galego, un dos tres principais representantes do Rexurdimento da literatura galega, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1967.

Manuel Forcadela

Manuel Santiago Fernández Álvarez, máis coñecido polo pseudónimo de Manuel Forcadela, nado en Forcadela, Tomiño, o 25 de xullo de 1958, é un escritor galego.

Manuel Murguía

Manuel Antonio Martínez Murguía, nado no Froxel (Oseiro, Arteixo), o 17 de maio de 1833 e finado na Coruña o 1 de febreiro de 1923, foi un historiador galego que impulsou o Rexurdimento e creou a Real Academia Galega. No ano 2000 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Os Eoas

Os Eoas é unha obra literaria escrita por Eduardo Pondal, enmarcada no xénero do poema épico.

Os Pinos

Os Pinos é o himno galego, un texto poético de Eduardo Pondal de 1890, incluído, dende 1935, nas edicións do libro de poemas Queixumes dos pinos (1886), concretamente das dúas primeiras partes, musicado por Pascual Veiga. Foi adoptado oficialmente como himno trala aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.

Queixumes dos pinos

Queixumes dos pinos é un libro de poemas escrito por Eduardo Pondal e publicado por Latorre y Martínez, editores, na Coruña, na imprenta de La Voz de Galicia en 1886.

Rexurdimento

Rexurdimento (do verbo rexurdir formado sobre xurdir que procede do termo latino surgere 'erguer') é o nome co que se coñece o século XIX (ou a segunda metade do mesmo) na historia de Galiza e expresa unha traxectoria de recuperación non só literaria, senón tamén cultural, política e histórica. A publicación en 1863 de Cantares gallegos, obra escrita integramente en galego por Rosalía de Castro, inaugura o Rexurdimento Pleno, e as obras anteriores a esta data acostuman clasificarse como pertencentes aos precursores. A Rosalía hai que engadir a Eduardo Pondal, Valentín Lamas Carvajal e mais Manuel Curros Enríquez como os principais escritores en galego desta época.

Membros de número da Real Academia Galega
Plenario
actual
Históricos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.