Editorial Citania

A Editorial Citania foi unha editorial galega creada no exilio, en Buenos Aires (Arxentina) fundada en 1957 polo artista gráfico e escritor galego Luís Seoane e por Diego Díaz Dorado (Centro Lucense). Uníronse a eles Antonio Baltar (membro de AGUEA), Manuel María Varela e Perfecto López, quen presidiría a editorial. No ano 1959, a actividade de Citania cesou, mais a pesar da súa brevidade tivo importancia na época polo seu esforzo no desenvolvemento e no coñecemento do acervo artístico-cultural de Galiza[Cómpre referencia]. O nome fai referencia a un tipo de poboado fortificado castrexo (aínda que esta denominación está obsoleta), e o emblema é un tríscele celta. O finda editorial era a publicación de obras de escritores censurados e exiliados e a achega de solucións para a situación socio-política, económica e cultural de Galiza. Alén diso, Citania derivou do labor de compromiso coa realidade galega e co galeguismo, coa reapropiación da memoria histórica e a rexeneración cultural e artística de Galiza.[1]

Traxectoria

A Editorial Citania fundouse en 1957, coincidindo coa fin do labor de Luís Seoane en Ediciones Galicia e nunha situación de afianzamento económico do artista. Nunha carta a Francisco Fernández del Riego, Seoane explicaba que abundaban entre os accionistas xente pobre e que, ademais de traballar gratis, el mesmo invertera parte dos seus aforros. O certo é que a editorial non fóra creada con fins económicos máis lonxe de aumentar o capital inicial para garantir a súa supervivencia.[2] Na presentación de Citania no programa radiofónico Galicia Emigrante, Seoane falaba das subscricións como principal modo de venda, aínda que o número de subscritos alcanzado será mínimo.

O proxecto da Editorial Citania, aínda que naceu sen un programa definido, tivo como propósito promover os autores galegos censurados no país e os exiliados en América. En plena posguerra, a editorial era unha  continuación do traballo de artistas, escritores e demais personaxes galegos que perseguían a rexeneración e desenvolvemento da cultura e arte da Galiza tras a Guerra civil española mediante editoriais (Nova, Emecé, Alborada), programas de radio (Galicia Emigrante, A hora Iberoamericana), traballos xornalísticos etc. Tal e como o dicía Seoane, esta era unha obra "de divulgación cultural (...) para engrandecer o nome de Galicia nas repúblicas americanas." "Non se trata dunha empresa interesada en favorecer a este ou a outro núcleo partidista da colectivididade, a un ou a outro ideal. Trátase dunha empresa que non ten máis programa que o de facer coñecer entre propios e estranos o espíritu de Galicia". [3]

Como moitas das editoriais galegas no exilio[Cómpre referencia], Citania viu o seu fin en 1959 (nun contexto, ademais, de declive do ámbito editorial) debido as escasas vendas das súas publicacións de literatura galega, sen fixar un mercado autóctono americano ou inmigrante. Seoane dirixíase así a Díaz Dorado: “languidece, a pesar de nuestros esfuerzos” [4].

Hoxe en día, con mesmo nome e similar obxectivo (a difusión da cultura e arte galegas en distintos ámbitos), a editorial lucense Citania Publicacións[5] publica e difunde libros e demais materiais gráficos en lingua galega.

Coleccións e publicacións

En Citania foron publicadas un total de 17 obras, oito en galego e once en castelán, as cales foron publicadas en cinco coleccións a excepción de Poemas para mi retorno, de Víctor Luis Molinari e Figurando recuerdos, de Luis Seoane. A colección “Martín Sarmiento” foi focada a cuestións económicas e xurídicas da Galiza; “Idacio”, ensaio; na colección “Mestre Mateo”, publicáronse obras de narrativa e teatro; “O Dolmen de Dombate” estaba destinada á temática cultural do país; a colección “Herba de Namorar” recollía a lírica.

Nas catro coleccións pódense recoñecer características do proxecto do Centro Lucense, ideado en 1950 por Díaz Dorado e Seoane e rexeitado (Axeitos y Seoane 1994: 21-22). Deste modo reaparecen as coleccións “Idacio”, “Mestre Mateo”, e “Herba de namorar”. Tamén cabe salientar a exclusividade do galego nas dúas últimas coleccións mencionadas, que en 1950 Seoane e Díaz Dorado consideraran para a editorial do Centro. Así mesmo, contemplábase a posibilidade de publicar reedicións, que será o caso de A fiestra valdeira de Rafael Dieste. Por último, o método de venda co que a editorial pretendía era mediante subscrición (“un mínimo de mil subscritores”, Seoane 1989: 427), de igual modo que no centro.

Algunhas publicación que cabe resaltar son, ademais da reedición de A fiestra valdeira, A esmorga de Eduardo Blanco Amor e Non agardei por ninguén de Ramón de Venezuela Otero, na que se relata a vida do guerrilleiro Gonzalo Ozores e que constitúe a primeira novela en galego sobre a Guerra civil española[Cómpre referencia]; e Figurando recuerdos, de Luís Seoane, unha edición limitada con 24 ilustracións de Seoane para as portadas da revista Galicia Emigrante.

Colección Martín Sarmiento
Colección Idacio
Colección Mestre Mateo
Colección O dolmen de Dombate
Colección Herba de namorar
Fora de colección

Notas

  1. Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, El Progreso - Diario de Pontevedra. Vol. XIV (dias-eme), p. 198: "Editorial Citania". ISBN 84-87804-15-2.
  2. Costa (2014) "Luis Seoane y el arte de editar: Rescate de 'Botella al Mar'" [cómpre nº de páxina]
  3. Gerhardt (2015). "Asociacionismo gallego y mercado del libro en la Buenos Aires del medio siglo: dos proyectos editoriales de Luís Seoane" Arquivado 30 de decembro de 2018 en Wayback Machine.
  4. As cartas de Ramón Piñeiro sobre a Editorial Citania[Ligazón morta]
  5. Citania Publicacións

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

A esmorga

A esmorga é unha novela tremendista escrita por Eduardo Blanco Amor, publicada en Buenos Aires en 1959 e en Galicia en 1970. Foi unha das primeiras novelas galegas de posguerra, e marcou un fito na historia da literatura galega. A súa repercusión nas xeracións posteriores levouna a ocupar un lugar destacado do canon literario. O libro foi adaptado ao cinema e mailo teatro e traducido a varias linguas.

Antón Santamarina Delgado

Antón Santamarina Delgado, nado en Melilla o 16 de novembro de 1928, é un escritor e político galego.

Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas

A Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas AGUEA, foi unha entidade de carácter galeguista fundada en Buenos Aires o 22 de xuño de 1956.

Creada por Antonio Baltar e un grupo de emigrantes galegos profesionais, no seu documento de fundación sinálanse como obxectivos:

Durante 1956 AGUEA realizou 57 clases de xeografía, historia, lingua e literatura galega, ditadas en galego. Organizou unha homenaxe a María Casares, coloquios sobre os problemas de Galicia coas intervencións de Valentín Paz-Andrade, Rafael Dieste, Alberto Vilanova, Núñez Búa, Ramón de Valenzuela, unha velada necrolóxica dedicada a Carlos Maside, promoveu a exposición de Díaz Pardo en 1957 no Centro Lucense e un coloquio sobre A parroquia galega, dirixido por Otero Pedrayo en 1959.

Como iniciativa da AGUEA, Antonio Baltar e Luís Seoane dirixiron a editorial Citania que nas súas coleccións “Martín Sarmiento”, “Idacio”, “Mestre Mateo”, “Dolmen de Dombate” e “Herba de namorar” publicou importantes libros de Parga Pondal, Paz Andrade, Cruz Gallástegui, Emilio González López, Díaz Pardo, Blanco Amor, Fernández del Riego, Luís Seoane etc.

Citania (homónimos)

Citania pode referirse a:

Unha citania, poboado prehistórico de maior extensión ca un castro.

A Editorial Citania, fundada por Luis Seoane en 1957 en Buenos Aires, que cesou actividade en 1959.

Citania de Publicacións, unha editorial de Lugo.

A revista Citania. Artes, Letras, Espectáculos, fundada en Santiago de Compostela en 1998, dirixida por Euloxio R. Ruibal e Mª Antonia Pérez.

Ediciones Galicia

Ediciones Galicia foi unha editorial galego-arxentina, do Centro Gallego de Buenos Aires.

Emilio Pita

Emilio Pita Robelo, en ocasións nomeado erroneamente como Emilio Pita Romero ou mesmo Emilio Pita Romelo, máis comunmente coñecido simplemente como Emilio Pita, nado na Coruña o 15 de outubro de 1907 e finado en Buenos Aires o 7 de decembro de 1981, foi un poeta e musicólogo galego.

Fernando Rodríguez de Castro

Fernando Rodríguez de Castro, nado no 1280 e finado en Monforte de Lemos no 1304 ou 1305, foi un nobre galego da casa de Castro. Señor de Lemos e Sarria e de Cabreira e Ribeira e desempeñou os cargos de Adiantado maior de Galicia, pertegueiro maior de Santiago e comendeiro da Igrexa de Lugo.

José María Mosqueira Manso

José María Mosqueira Manso, nado en Corme o 17 de outubro de 1886 e finado en Caracas o 18 de maio de 1968, foi ictiólogo, cartógrafo, biólogo, historiador e mariño galego.

Luís Seoane

Luís Seoane López, nado en Buenos Aires o 1 de xuño de 1910 e finado na Coruña o 5 de abril de 1979, foi un editor, escritor, xornalista, gravador e pintor galego.

Non agardei por ninguén

Non agardei por ninguén é a primeira novela de Ramón de Valenzuela, publicada en 1957 en Buenos Aires por editorial Citania. A obra está estruturada como un diario sen datas, e con ela inaugúrase o tema da guerra civil na literatura galega. A trama da obra mostra un ton autobiográfico, feito habitual nas obras deste autor.

Pauto do demo

Pauto do demo é unha obra dramática de Ánxel Fole publicada en 1958 pola Editorial Citania en Buenos Aires. Foi reeditada por Edicións Castrelos en 1970 e 1972 na colección O Moucho, e por Galaxia en 1996 na colección Árbore.

Perfecto López

Perfecto López, nado na Toxa (Vimianzo) o 12 de maio de 1904 e finado en Bos Aires (Arxentina) o 12 de setembro de 1970, foi un empresario galego.

Portugal

Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012. A súa capital é a cidade de Lisboa.

A terra dentro das fronteiras da actual República Portuguesa leva habitada continuamente dende a era prehistórica. Durante os seguintes séculos chegaron á Península Ibérica os romanos, seguidos tempo despois dos suevos e dos visigodos, así como posteriormente os musulmáns no século VIII. Trala caída do Imperio Romano, no ano 410 estabeleceuse no norte peninsular o Reino de Galicia, do cal sete séculos máis tarde, no ano 1128, se separaría a súa parte sur formando o que daría lugar ao actual Portugal. Nos séculos XV e XVI, na era dos descubrimentos, Portugal estendeuse por todo o mundo converténdose nunha superpotencia política, económica e militar, que levou a ser o primeiro imperio global.

O Imperio Portugués foi o máis lonxevo dos modernos imperios coloniais europeos, xa que durou case 600 anos, dende a captura de Ceuta en 1415 até a entrega de Macau a China en 1999 (de facto) ou a concesión da soberanía a Timor Leste en 2002 (de iure). O imperio estendeuse ao longo dun gran número de territorios que hoxe forman parte de cincuenta e tres Estados soberanos diferentes, deixando un legado de máis de 240 millóns de falantes de lingua portuguesa e varios de crioulos de base portuguesa. Porén, a súa influencia internacional veuse reducida considerablemente durante o século XIX, principalmente por mor da Independencia do Brasil, a súa principal colonia. Xa no século XX, a revolución do 5 de outubro de 1910, depuxo a monarquía logo de séculos baixo este sistema de goberno, estabelecendo a democrática pero inestable Primeira República Portuguesa, a cal sería substituída polo Estado Novo, un réxime autoritario de dereita. A democracia foi restaurada despois da Revolución dos Caraveis do 25 de abril de 1974.

Portugal é hoxe un estado desenvolvido de economía avanzada cun alto nivel de vida, sendo o décimo noveno país do mundo en 2005 en función do seu índice de calidade de vida. É ademais un dos países máis globalizados e pacíficos do mundo, ocupando o sétimo posto nesta clasificación no ano 2008. É á súa vez membro de diferentes organizacións internacionais como as Nacións Unidas, a Unión Europea, a Eurozona, a OCDE, a OTAN, o Fondo Monetario Internacional, a Organización Mundial do Comercio, Organización dos Estados Iberoamericanos e a Comunidade dos Países de Língua Portuguesa.

Uvas e granito

Uvas e granito (Unha viaxe por Galicia) é un libro de viaxes da escritora inglesa Nina Epton publicado en lingua inglesa por Cassell en 1956 co título orixinal de Grapes and Granite. Foi traducido ao galego por Antonio e Francisco Fernández del Riego e publicado pola editorial Ir Indo no ano 1993.

Valentín Paz-Andrade

Valentín Paz-Andrade, nado no barrio pontevedrés de Lérez o 23 de abril de 1898 e finado en Vigo o 19 de maio de 1987, foi un xurista, economista, político, empresario, escritor, poeta e xornalista galeguista. En 2012 adicóuselle o Día das Letras Galegas.

Ánxel Fole

Ánxel Fole, nado en Lugo o 11 de agosto de 1903 e finado na mesma cidade o 9 de maio de 1986, foi un escritor en galego e castelán que cultivou todos os xéneros literarios (narrativa, poesía, teatro e ensaio), aínda que a súa sona lle vén fundamentalmente dos seus libros de contos, recollidos en catro volumes. En 1997 foille adicado o Día das Letras Galegas.

Usou os pseudónimos Bakurin, F. de N., Fole de Navia, Eginardo de Tor, Fuco de Caldas, Lexandre de Arcos, Lucencio, Troitiño, Xelos de Orbán e Neumandro (o máis utilizado).

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.