Edificio Xoana Capdevielle

O Edificio Xoana Capdevielle é un edificio da Universidade da Coruña, situado no Campus de Elviña, ao lado da glorieta de acceso, e destinado a biblioteca.[1]

Coordenadas: 43°20′2.7594″N 8°24′21.0234″O / 43.334099833, -8.405839833

Xoana
Edificio Xoana Capdevielle

Enderezo e comunicacións

O seu enderezo é rúa Carballeiras, nº1. 15071 – A Coruña.

Está comunicado co resto da cidade mediante os autobuses urbanos da Compañía de Tranvías da Coruña das liñas 20, 22, 24 e UDC.[2]

Historia

O edificio foi deseñado polos arquitectos José Ramón Garitonaindía de Vera e José Manuel Bermúdez Graiño.[3] As obras comezaron no mes de decembro de 2002,[1] e remataron no ano 2008.[3] Nun principio o edificio ía albergar as áreas de xestión, documentación e arquivo, e contaría cunha zona destinada a grande almacén, pero o equipo de goberno da Universidade decidiu cambiar o proxecto, para convertelo en biblioteca. Desde o reitorado manifestouse que «se modificaron estes usos para que tivese cabida unha grande aula de estudo, que abrirá de oito da tarde até as dúas da mañá». No acto da súa inauguración, o reitor da Universidade, José María Barja, destacou que o novo inmoble suma prazas de estudo ás 444 xa existentes no Campus de Riazor. «Deste xeito, cun total de 1 122 novos postos de lectura cubrimos en dous anos unha apremiante demanda na comunidade».[1]

Características

O Xoana de Capdevielle ocupa unha superficie de 5 663 m2 dedicadas a zonas de estudo nas que 678 persoas da comunidade universitaria poderán traballar con comodidade. O custo da súa construción ascendeu a un total de 4 022 879,54 euros, achegados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade. O edificio ten cinco andares (planta baixa, tres en altura e un soto). No soto está o almacén e un arquivo con armarios compactos móbiles. A planta baixa alberga as instalacións do vicerreitorado de Infraestruturas e Xestión Ambiental, así como o servizo denominado de Arquitectura, Urbanismo e Equipamentos, que se trasladou desde o reitorado da Maestranza. Nesta zona tamén está a aula de estudo nocturno.[1]

Nome

A biblioteca leva o nome de Xoana Capdevielle, intelectual, pedagoga, bibliotecaria e arquiveira,[4] que era a muller de Francisco Pérez Carballo, o último gobernador civil da provincia da Coruña da Segunda República que morreu asasinada polos sublevados poucos días despois que o seu marido.[5] A súa figura resaltouse no acto de inauguración do novo edificio, ao que acudiu a conselleira de Educación, Laura Elena Sánchez Piñón; o reitor da Universidade coruñesa, José María Barja; Felipa Jove, presidenta do Consello Social da Universidade, e familiares de Capdevielle, como un sobriño neto. «Dámoslle o nome de Juana Capdevielle a este edificio, cun deliberado simbolismo, para rehabilitar a memoria dunha muller moi nova, pertencente ao corpo facultativo de arquiveiros e bibliotecarios, que morreu asesinada por defender a lexitimidade democrática en 1936», en palabras do reitor.[1]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "El edificio Xoana Capdevielle del campus de Elviña dispondrá de 678 plazas de estudio nocturno". La Voz de Galicia, 19/05/2006. Consultada o 10 de setembro de 2018.
  2. Edificio Xoana Capdevielle na páxina web da UDC.Consultada o 10 de setembro de 2018.
  3. 3,0 3,1 Edificio Xoana Capdevielle, na páxina web Arquitectos de Galicia. Consultada o 10 de setembro de 2018.
  4. Blanco, Carmen: Álbum de mulleres Consello da Cultura Galega.
  5. Casanova, Julián (2007). Historia de España. República y guerra civil. vol 8. Crítica Marcial Pons. ISBN 978-84-8432-878-0.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Biblioteca da Universidade da Coruña

A Biblioteca da Universidade da Coruña é un servizo pertencente á Universidade da Coruña (UDC). Trátase dunha unidade funcional de xestión de recursos de información que dá soporte ao estudo, á docencia e á investigación, mediante a adquisición, a organización e o procesamento dos fondos bibliográficos e documentais.

Campus da Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña ten, na cidade da Coruña e en dúas poboacións da súa comarca, sete Campus que acollen, cada un deles, diversas Facultades, Escolas Universitarias, Centros de investigación, intalacións deportivas e outras dependencias. Estes son: A Maestranza, Riazor, Elviña, Zapateira, Oza, Bastiagueiro e Oleiros. Ademais, na cidade de Ferrol ten outros dous Campus, o de Esteiro e o de Serantes.

Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña é unha institución pública que ten como finalidade esencial a xeración, xestión e difusión de cultura e de coñecemento científico, tecnolóxico e profesional a través do desenvolvemento da investigación e da docencia. Foi creada en 1989 coa lei de ordenación do sistema universitario de Galicia. Encóntrase estruturada territorialmente en Campus da Coruña (A Maestranza, Riazor, Elviña, A Zapateira, Bastiagueiro, Oleiros e Oza) e de Ferrol (Esteiro e Serantes).

A Universidade da Coruña posúe titulacións únicas en Galicia e no norte de España como Arquitectura, Arquitectura Técnica, Enxeñería Técnica en Deseño Industrial, Enxeñería Naval e Oceánica ou Socioloxía.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.