Edificio

A palabra edificio quere dicir facer fogo (do indoeuropeo æde, fogo e do latín facere, facer), o que non debe estrañar cando un dos termos que se utiliza para a vivenda é fogar. Un edificio é normalmente unha construción realizada con materiais resistentes (madeira, pedra, metal, formigón etc.) para poder protexerse das inclemencias meteorolóxicas cando se realizan tarefas que precisan de certa privacidade.

Da orixe do nome explícase as finalidades dos edificios primitivos, que se crearon para albergar o fogo, evitando que se apagase por mor da choiva, o vento e demais inclemencias do tempo, debido a que acendelo non era doado.

A inventiva humana foi mellorando as técnicas de construción e elaborando as diversas partes do edificio, ata facer da actividade de edificar unha das Belas Artes: a Arquitectura.

Berlin - Aerobic
Edificio en Berlín, Alemaña.

Arquitectura clásica

Na arquitectura clásica distínguense os seguintes conceptos, referidos aos seus corpos e formas:

Corpos do edificio

Pódense describir os corpos dun edificio como as partes físicas que o compoñen. Distínguense da siguiente maneira:

  • Á é o corpo que se estende por un lateral relacionándose con outro.
  • Pórtico é o corpo formado por unha galería de columnas ou por arcadas ante a portada do edificio e tamén toda galería de columnas ou pilastras, cuberta e apoiada no chan pero aberta ao ar libre.
  • Perístilo é o pórtico que se estende ao redor do edificio tanto na súa parte interior como na exterior.
  • Atrio, patio situado no interior do edificio.
  • Adro, praza que se atopa no exterior dalgunhas igrexas e que tamén se pode chamar atrio ou adral.
  • Vestíbulo, o mesmo atrio interior e, en xeral, a primeira estancia despois da porta, que dá paso ás demais.
  • Nave, todo ámbito interior que se estende ao longo nas igrexas, que se chama así por tomar a forma xunto coa súa bóveda dun barco invertido.
  • Transepto, nave menor que corta as outras.
  • Cruceiro, o mesmo que o transepto e tamén a intersección deste coa nave principal.
  • Deambulatorio, nave circular detrás da capela maior configurada como unha prolongación das naves laterais.
  • Tramo, cada unha das porcións transversais (de columna a columna ou de pilastra a pilastra) en que se divide unha nave.
  • Ábsida, corpo de planta semicircular ou poligonal situado no extremo oposto á entrada principal, que se denomina menor ou secundario. Chámanse absidiolas as subdivisións da parte absidal.
  • Cripta é a capela ou igrexa subterránea situada polo xeral debaixo doutra.
  • Cruxía é o ámbito que se atopa entre dous muros de carga.
  • Claustro é o conxunto de pórticos interiores que rodean un patio nos mosteiros e catedrais.
  • Galería, todo ámbito con arcadas abertas ao ar libre a calquera altura do chan e tamén toda obra saínte en forma de balcón prolongado ou unha estancia moi longa.
  • Triforio é a galería que se sitúa no piso superior das naves laterais.
  • Coroamento é o conxunto de remates do edificio como término ou coroa do mesmo.

Os corpos do edificio constan de membros principais e secundarios. Os membros principais pódense clasificar en dous tipos:

  • Os soportes. A este grupo corresponden os muros e as columnas. Estes elementos denomínanse de modo xeral macizos para distinguilos dos vans (espazos de luz entre os anteriores). Entre os macizos, merece especial consideración o aparello que é a disposición e trabazón que se lle dá aos materiais empregados na obra.
  • O soportado ou sostido. Aquí englobaríanse o entaboamento, os arcos, bóvedas e teitumes.

Formas dos edificios

Considerando a planta e os pórticos, os edificios poden denominarse:

  • Cella, se a planta é rectangular e sinxela.
  • Rotonda, se é circular.
  • Polígono, se a planta é poligonal.
  • Próstilo é o edificio que ten un pórtico de columnas na súa parte dianteira.
  • Anfipróstilo, tamén o ten na súa parte traseira.
  • Períptero, cando leva galería de columnas ao redor, separadas do muro.
  • Pseudo-períptero se as columnas están contiguas por fóra.
  • Áptero, se non as ten.
  • Díptero se leva dúas series de columnas, tamén ao redor da cela.
  • Pseudodíptero, se unha serie está contigua e a outra separada.
  • Diástilo, tetrástilo, exástilo, octóstilo etc. son edificios que presentan na súa parte frontal dúas, catro, seis ou oito columnas.
  • Monópilo é o edificio que só ten unha porta.
  • Monóstilo denomínase á composición que consiste nunha columna central ao redor da que se dispón o edificio.
  • Antas ou in antis cando o pórtico ten dúas únicas columnas e dúas pilastras ou antas nos extremos ou esquinas.
  • Pavillón é o edificio menor e accesorio, illado do principal ou adherido ao mesmo.

Distintas clasificacións

Segundo o seu uso

  • Edificio militar: destinado a usos militares.
  • Edificio gobernamental: para uso de persoal gobernamental ou oficial.
  • Edificio residencial: o destinado a ser usado como vivenda.
  • Edificio industrial: o destinado a actividades produtivas.
  • Edificio comercial: o destinado ao comercio.
  • Edificio deportivo.
  • Edificio educativo e cultural.

Segundo a propiedade

  • Edificio público: o pertencente a unha propiedade pública, local, estatal etc.
  • Edificio privado: no caso de que o propietario sexa unha persoa física ou xurídica.

Segundo o seu sistema estrutural

Segundo a súa disposición

  • Entre medianeiras
  • Exento ou illado
  • COntiguo
Arquitectura

O termo arquitectura (en latín architectura, do grego ἀρχιτέκτων ; ἀρχι: "xefe" e τέκτων: "construtor, carpinteiro") pode ter os seguintes significados:

A arte e ciencia do deseño e da construción de edificios e outras estruturas físicas.

A actividade dun arquitecto, cando a arquitectura signifique ofrecer ou vender servizos profesionais ligados ao deseño e construción dun edificio -ou a un grupo de edificios, así como o espazo que os rodea- que ten como principal obxectivo o uso e ocupación humana.

Un termo xeral para referirmos aos edificios e outras estruturas físicas.

Un estilo e método de deseño e construción de edificios e outras estruturas físicas.Unha definición máis ampla pode comprender toda a actividade do deseño, dende o macronivel do deseño urbano e paisaxismo, até o micronivel dos detalles construtivos e o deseño do mobles. A arquitectura enténdese tanto como o proceso en si mesmo, coma o produto ao que se chega a través do planeamento, deseño e construción da forma, espazo e ambiente que reflicten consideracións funcionais, técnicas, sociais e estéticas. Require da manipulación creativa e da cordinación do material a usar; así como da súa tecnoloxía, luz e sombra. A arquitectura engloba tamén algúns aspectos pragmáticos da creación dos edificios e estruturas, incluíndo a programación e control da execución, a medición e estimación dos custos, e a administración do proceso edificatorio. A través desa documentación producida polos arquitectos, especialmente planos, debuxos e especificacións técnicas, a arquitectura define a estrutura creada e/a personalidade do edificio ou sistema que foi ou vai ser construído.

As obras de arquitectura son percebidas en moitas ocasións como símbolos culturais e políticos, así como obras de arte. Algunhas civilizacións históricas, como a Antiga Grecia ou o pobo Inca, son idendificadas con frecuencia cos seus logros arquitectónicos.

A palabra arquitectura refírese tamén en moitas ocasións á actividade do deseño de calquera outro sistema, non tendo que estar necesariamente relacionado con mundo da edificación. O termo pode atoparse con grande facilidade no mundo da tecnoloxía da información ou da enxeñaría informática.

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) constituiuse a partir dunha xuntanza celebrada o 3 de maio de 1980 en Santiago de Compostela por un grupo de escritores, entre os que se contaban Alfredo Conde, Paco Martín, Xosé Manuel Martínez Oca, Xosé Luís Méndez Ferrín, Alfonso Pexegueiro, Manuel Rivas, Uxío Novoneyra, Xavier Rodríguez Barrio, Bernardino Graña e Xoán Ignacio Taibo que acordan formar unha asociación que defendese os intereses da práctica escrita en galego seguindo o facho da Asociación de Escritores de Galicia que non puido desenvolver o seu labor polo estoupido da Guerra Civil española pouco despois da súa constitución.

A AELG celebrou o I Congreso de Escritores Galegos en 1981 e participa na organización dos encontros Galeusca con escritores cataláns e vascos. Durante anos estivo enfrontada á Real Academia Galega por considerala unha institución inmobilista que non traballaba a prol da cultura galega. A revista Escrita Contemporánea é o seu voceiro oficial. Está recoñecida pola Academia Sueca para presentar candidatos oficiais ao Premio Nobel de Literatura e forma parte do Congreso de Escritores Europeos.

Ten a súa sede no Edificio de Sindicatos da cidade da Coruña. A 1 de xaneiro de 2019 a asociación contaba con 459 socios, nese ano convocou un Parlamento de Escritoras.

Biblioteca Nacional da República Arxentina

A Biblioteca Nacional da República Arxentina (en castelán: Biblioteca Nacional de la República Argentina) é a biblioteca máis importante da Arxentina. Creada en 1810 no Cabido de Buenos Aires, no presente atópase no barrio porteño de Recoleta.

Biblioteca Nacional da República Checa

A Biblioteca Nacional da República Checa (checo: Národní knihovna České republiky) é a biblioteca central da República Checa, dirixida polo Ministerio de Cultura dese país. O seu edificio principal localízase no edificio histórico Clementinum, en Praga, onde se garda aproximadamente a metade dos libros da biblioteca, mentres que a outra metade da colección atópase no distrito de Hostivař. É a maior biblioteca do país, cun catálogo duns 6 millóns de documentos e uns 60 000 lectores rexistrados. A biblioteca posúe tanto textos checos como material máis antigo procedente de Turquía, Irán e India. Tamén acolle libros para a Universidade Charles en Praga.No 2005 recibiu o Premio Jikji outorgado pola UNESCO a través do programa Memory of the World Programme, polo traballo realizado na dixitalización de textos antigos. A biblioteca comezou este traballo no ano 1992, chegando a dixitalizar uns 1700 documentos nos seus primeiros 13 anos de execución.

Biblioteca Nacional de Australia

A Biblioteca Nacional de Australia (en inglés: National Library of Australia) é a maior biblioteca de referencia de Australia e atópase na súa capital, en Camberra. Tamén fai a función de depósito legal de Australia. Segundo os datos de 2012 e 2013, a biblioteca conta cun fondo de 6 496 772 ítems, e cunha estimación doutros 2 325 900 ítems adicionais na colección de manuscritos.

Biblioteca Nacional de Grecia

A Biblioteca Nacional de Grecia (en grego: Εθνική Βιβλιοθήκη της Ελλάδος) foi fundada en 1832 e sitúase en Atenas. O edificio desta institución, de estilo neoclásico, foi deseñado polo arquitecto danés Theophil von Hansen, como parte dunha triloxía que tamén incluíu a Academia e a antiga Universidade de Atenas. É pública e o seu director é Aikateríni Kordoúli.

Biblioteca Nacional de Portugal

A Biblioteca Nacional de Portugal é unha biblioteca localizada en Lisboa, Portugal, que reúne unha ampla colección de documentos e publicacións portugueses. Foi creada o 29 de febreiro de 1796, co nome de Real Biblioteca Pública da Corte, co obxectivo de poñer todos os fondos da Biblioteca Real á disposición de todos os usuarios o máis rapidamente posible, a diferenza da tendencia europea da época, que consistía en restrinxir a consulta os documentos tan só a un público selecto de eruditos. O edificio actual foi inaugurado en 1969, obra de Porfírio Pardal Monteiro.

A Biblioteca Nacional de Portugal ten tamén a misión de reunir todas as obras publicadas no territorio portugués, mediante a política de depósito legal, ademais de adquirir obras consideradas especialmente importantes polo seu valor bibliográfico ou cultural.

A Biblioteca está a adaptar os seus fondos ás novas tecnoloxías, co obxectivo de ofrecer unha maior facilidade de acceso aos documentos a través da internet. De feito, esta biblioteca atópase entre as entidades fundadoras de The European Library.

Biblioteca técnica nacional de Praga

A Biblioteca técnica nacional de Praga ou simplemente Biblioteca técnica nacional (en checo: Národní Technická Knihovna) atópase en Technická 6 en Praga, República Checa e tamén alberga a Biblioteca Municipal. A antiga sede da Biblioteca Nacional Técnica foi o Clementinum, da que todos os libros e materiais foron trasladados á nova biblioteca despois da finalización da construción. O edificio foi deseñado polos arquitectos Roman Brychta, Halíř Adán, Hofmeister Ondřej e Petr Llešek de Projektil Architekti despois de gañar o primeiro premio nun concurso de arquitectura celebrado no ano 2000. A construción comezou a en 2006 e terminouse en xaneiro de 2009. A biblioteca abriu as súas portas ao público oficialmente o 9 de setembro de 2009.

Casa do concello

A casa do concello é unha construción da arquitectura civil destinada a sede da administración local. Este edificio alberga a alcaldía, as dependencias e servizos municipais, e nel celébranse periodicamente os plenos do concello.

Estadio Municipal de Balaídos

O Estadio Municipal de Balaídos é un estadio de fútbol situado na cidade de Vigo. É o estadio no que xoga como local o Real Club Celta de Vigo, equipo da Primeira división española.

Igrexa (arquitectura)

Unha igrexa (do latín ecclesia, e esta do grego ἐκκλησία [ekklēsía], 'asemblea', 'convocación') é un edificio usado para o rezo ou para outros servizos relixiosos públicos, referíndose xeralmente aos da adoración cristiá. O termo para definir o edificio dedicado a adoración é Templo.

Manuel Gómez Román

Manuel Gómez Román, nado en Vigo o 24 de xullo de 1875 e finado na mesma cidade o 11 de novembro de 1964, foi un arquitecto galego.

Margaride, Silleda

San Fiz de Margaride é unha parroquia que se localiza no concello de Silleda. Segundo o IGE en 2011 tiña 174 habitantes (90 mulleres e 84 homes), distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 200 habitantes.

No lugar de Vilanova, atópanse o tanatorio de Silleda, o punto limpo municipal e a empresa Nudesa, cuxo edificio, debido á súa altura, se pode ver desde diversos puntos da xeografía silledense.

Museo Británico

O Museo Británico (en inglés: British Museum) é un museo sobre a cultura e historia humana situado en de Londres (Inglaterra). A súas coleccións, constituídas por máis de 13 millóns de obxectos, atópanse entre as maiores e máis detalladas do mundo, formadas por obxectos de tódolos continentes que ilustran e documentan a historia da cultura dende a os seus comezos ata a actualidade.

O Museo Británico foi inaugurado en 1753. Nun primeiro momento, o museo estaba formado principalmente polas coleccións do físico e científico británico Sir Hans Sloane. O museo abriu por primeira vez ao público o 15 de xaneiro de 1759 na Casa Montagu (Montagu House), Bloomsbury, no mesmo emprazamento no que se atopa hoxe en día o museo. A expansión do museo ao longo do tempo deu lugar á creación de diferentes institucións relacionadas co Museo Británico como son o Museo Británico de Historia Natural (British Museum of Natural History) creado en South Kensington en 1887. Ata 1997, cando a actual edificio da Biblioteca Británica (British Library) abriu ao público, O Museo Británico era o único museo do mundo que posuía unha biblioteca e un museo nacional de antigüidades nun só edificio. Dende o 2001 o director do museo é Neil MacGregor.

Coma outros museos nacionais e galerías de arte do Reino Unido, a entrado do museo é de balde, aínda que hai que pagar por algunhas exposicións temporais.

Museo Provincial de Pontevedra

O Museo Provincial de Pontevedra foi fundado pola Deputación de Pontevedra o 30 de decembro de 1927. Está rexido por un padroádego, sendo a Deputación Provincial de Pontevedra o seu titular. Dispón de cinco edificios históricos e un sexto de nova construción, con salas de exposición permanente e temporais. Os fondos do museo son pluridisciplinares, clasificados en salas de belas artes, arqueoloxía, etnografía e artes aplicadas. O edificio fundacional, o Castro Monteagudo, localízase na rúa Pasantería en Pontevedra.

Foi distinguido en 1996 coa Medalla de Ouro de Galicia.

National Portrait Gallery

A National Portrait Gallery (en galego: Galería Nacional de Retratos) é un dos museos máis famosos de Londres. Non debe confundirse coa National Portrait Gallery de Washington, Estados Unidos.

A súa colección está formada por retratos de personaxes destacados da historia; o edificio está construído xusto detrás da National Gallery.

Oxford University Press

Oxford University Press (OUP; en galego: "Imprenta da Universidade de Oxford") é unha coñecida empresa editoral universitaria do Reino Unido. É a editora universitaria máis importante do mundo; figura entre os vinte e cinco primeiros grupos editoriais internacionais e é a segunda editora independente máis antiga en activo, despois de Cambridge University Press.

Trátase dun departamento da Universidade de Oxford, dirixido por un grupo de quince investigadores graduados de Oxford nomeados polo reitor da universidade, que constitúen o consello de administración, coordinados por un director executivo, que é o máximo representante da entidade.As súas publicacións están dispoñibles baixo dúas denominacións: "Oxford University Press", para a maior parte do catálogo, e "Clarendon", para determinadas obras de prestixio.

Esta editora publica varias obras de referencia, entre elas o Oxford English Dictionary, o Oxford Dictionary of English Etymology, o Oxford Advanced Learner's Dictionary, o Concise Oxford Dictionary, os Oxford Worl'd Classics e o Dictionary of National Biography.

Universidade de Barcelona

A Universidade de Barcelona (en catalán e oficialmente: Universitat de Barcelona) é unha institución académica pública con sede en Barcelona, Cataluña. As súas facultades están distribuídas entre varios campus repartidos pola cidade e arredores: os campus de praza Universitat, el Raval, Diagonal, Bellvitge, Torribera, Mundet, Sants e Hospital Clínic.

Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo é unha universidade pública inserida dentro do Sistema Universitario de Galicia con sede na cidade de Vigo. Conta con campus en tres cidades: Campus de Vigo, Campus de Pontevedra e Campus de Ourense. No 2010 a Universidade de Vigo converteuse no centro do campus de excelencia internacional interuniversitario Campus do Mar, no cal participan as tres universidades galegas e varias portuguesas do norte, así como centros CSIC e IEOs.Dende o 2018 Manuel Reigosa, fisíologo vexetal, ocupa o cargo de reitor.

Vigo

Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana. A cidade atópase na beira sur da ría de Vigo e no sur das Rías Baixas. Con 293.642 habitantes no 2018 é o concello máis poboado de Galicia e o décimo cuarto de España, sendo a cidade sen rango de capital de provincia con máis poboación de España.

É un municipio costeiro das Rías Baixas que limita ao norte coa ría á que dá nome (ría de Vigo), ao nordés co concello de Redondela, ao leste co de Mos, ao sur cos do Porriño e Gondomar e ao suroeste co concello de Nigrán. Alén da ría e xusto fronte á cidade atópanse as vilas de Cangas e Moaña, a 5 e 3,6 km de distancia, respectivamente.

A cidade constitúe un dos motores económicos de Galicia. Vigo é o décimo cuarto concello de España cunha poboación de 293.642 habitantes, segundo o Padrón municipal do 2018. A súa extensión é de 109,1 km². A densidade de poboación da área sitúase en 2.718 hab/km² aínda que no casco urbano esta se incrementa notablemente.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.