Ediciós do Castro

Ediciós do Castro é unha editorial galega fundada en Sada, en 1963, ao amparo do Grupo Sargadelos como parte do complexo industrial Laboratorio de Formas impulsado por Isaac Díaz Pardo. Edita libros en galego e castelán case sempre sobre temas relacionados con Galicia. Ditas publicacións inclúen narrativa, poesía, ensaio, economía, teatro, etnografía, arte e historia entre outras.

Indicador no complexo de Cerámicas do Castro
Indicador no complexo de Cerámicas do Castro, no Castro de Samoedo, Sada.

Traxectoria

Ediciós do Castro nace en 1963 como parte do conxunto de proxectos do Laboratorio de Formas. Esta editorial foi creada como canle para reconstruír a memoria e rexenerar a identidade galega. Supón un medio de edición escrita no que plasmar o ideario do Laboratorio de Formas, os documentos da memoria histórica e difundir con ela traballos que seguramente de outro xeito non se verían publicados dada a situación política nos anos 60. O grupo de escritores que conforman o catálogo de Ediciós do Castro son autores que xa están asentados no mundo da creación literaria, integrantes ou colaboradores do Seminario de Estudos Galegos e da revista Nós, escritores que están a comezar a súa carreira, autores que escriben dende o exilio e antifranquistas estabelecidos na península. Os máis destacábeis son Castelao, Curros, Cabanillas e Pondal entre outros.

Para levar a cabo esta nova dimensión editorial crean o Laboratorio de Industria e Comunicación que funcionaba como unha galería dos produtos de Sargadelos e integran a imprenta Moret da Coruña que se encargaba da impresión das publicacións de Ediciós do Castro.

Os seus ISBN máis habituais son 84-7492 e 84-8485.

Publicacións

Os xéneros que teñen maior representación nesta editorial son os seguintes:

-Narrativa: podemos distinguir unha narrativa dirixida a adultos, en que cabe destacar obras como Cousas de Castelao, Memorias dun Neno Labrego de Xosé Neira Vilas e unha narrativa infantil e xuvenil, da que este último autor pode considerarse un impulsor, con obras como Cartas a Lelo e Cabaliño do Buxo. Nas obras de narrativa abunda a crítica da sociedade do momento e a caracterización de Galicia e o pobo galego.

-Ensaio: os temas de referencia no período de 1963-1978 son o impulso da cultura e a lingua galega (Catón Galego de Xosé Ramón Fernandez Oxea e A Vontade de Estilo na Fala Popular de Rafael Dieste son algúns exemplos disto) e a recuperación da memoria histórica, que é un dos principais puntos da súa liña editorial. Tamén teñen cabida os ensaios sobre arte, A pintura como comunicación de Domingo García-Sabell e os que amparan o movemento feminista, dos cales un exemplo sería A muller en Galicia. A muller na sociedade galega de María Xosé Queizán.

-Arte: neste xénero encontramos obras relacionadas coa pintura, tanto de carácter didáctico -como Procesos abstractivos da arte contemporánea de Tomás Barros- como de carácter puramente artístico, nos que están presentes a xilografía e os gravados. Desta segunda categoría podemos destacar ''O Toro Jubilo'' e ''O Meco'', ambas as dúas de Luís Seoane, que tamén contribúen á crítica social.

Están presentes tamén, aínda que gozan de menor protagonismo, as obras dramáticas, entre as que podemos destacar Farsas Para Títeres de Eduardo Blanco Amor e Os Irmandiños de Daniel Cortezón, que surxe da súa propia iniciativa por cubrir o déficit do teatro histórico en galego; as obras historiográficas como Bajo las Luces de la Ilustración e El Alba Flor de Lis. Galicia en los Reinados de Felipe V, Luis I y Fernando VI de Emilio González López; e, por último, as obras etnográficas como Ribadeo Antigo de Francisco Lanza Álvarez e Mariscos de Galicia de Luís Villaverde.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Biblioteca Galega 120

A Biblioteca Galega 120 é unha colección de reedicións de 120 libros de autores galegos en lingua galega, distribuída por La Voz de Galicia, da que se venderon máis de catro millóns e medio de exemplares. Na iniciativa colaboraron Edicións Xerais de Galicia, a Editorial Galaxia, Espiral Maior, Edicións Laiovento, Ediciones SM, Ir Indo, Sotelo Blanco Edicións e Ediciós do Castro.

Cruceiro

Un cruceiro é un monumento relixioso constituído por unha cruz de pedra, cunha ou varias imaxes, elevada sobre unha columna asentada sobre unha plataforma e situado, normalmente, en lugares públicos, principalmente encrucilladas, beiras de camiños, adros de igrexas etc., lugares nos que ás veces existían xa cultos pagáns á natureza (teoría xa proposta por Murguía e mantida por case tódolos autores).

O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na terra e na cultura galegas, intimamente vencellado á paisaxe rural galega. Xorde nos máis inesperados recunchos e constitúese en obxecto de respecto e devoción populares. Hoxe séguense a esculpir e plantar en prazas, xardíns e propiedades particulares pero xa cun obxectivo decorativo nada máis. O cruceiro tamén é característico doutras rexións do mundo con fortes raíces católicas, por exemplo Irlanda en Europa onde se chaman high cross as que son de moita influencia celta e que existen desde o século VII. Tamén aparecen cruceiros semellantes aos galegos e portugueses en amplas zonas de Francia (especialmente na Bretaña), Alemaña e Gran Bretaña.

Non se coñece o número dos existentes en Galicia, e a distribución por provincias é desigual, observándose unha maior abundancia nas provincias da Coruña e Pontevedra e sendo máis escasos en Lugo e Ourense. Clodio González Pérez di que pasan dos 10.000, entre cruces e cruceiros. A Universidade da Coruña, que está realizando desde 1993 un inventario concello a concello, estima o número en "polo menos 12.000".

como exemplo, hai catalogados "case 140 cruceiros, cruces e petos" no Porriño,, 118 en Rianxo "algo más de 300" en Vilalba, máis de 250 na comarca de Pontevedra.. Segundo o inventario que realizou Yves Castel en 1980, a Bretaña francesa contaría cuns 9.000.

Daniel Cortezón

Daniel Cortezón Álvarez, nado en Ribadeo o 6 de febreiro de 1927 e falecido en Lugo o 4 de outubro de 2009, foi un prolífico escritor galego, autodidacta, coñecido de xeito principal pola súa produción teatral, fundamentalmente de carácter histórico.

Diciopedia do século 21

A Diciopedia do século 21, subtitulada Dicionario enciclopédico da lingua galega e da cultura universal ilustrado, é un dicionario e enciclopedia universal, en tres volumes, editada no ano 2006 conxuntamente por Edicións do Cumio, Editorial Galaxia e Edicións do Castro.

Eduardo Blanco Amor

Eduardo Modesto Blanco Amor, nado en Ourense o 14 de setembro de 1897 e finado en Vigo o 1 de decembro de 1979, foi un escritor e xornalista galego en lingua galega e lingua castelá. Recibiu as influencias de Charles Baudelaire, Stéphane Mallarmé, Arthur Rimbaud e Gabriele d'Annunzio. Na Arxentina coñeceu a Jorge Luis Borges, Ernesto Sabato e Horacio Quiroga. Fundou Terra, voceiro da Irmandade Nazonalista Galega de Buenos Aires, dirixiu Céltiga e colaborou en Nós. De volta a España contactou coa Xeración do 27 e coñeceu a Federico García Lorca. Retornou á Arxentina. En 1972 foi elixido membro numerario da Real Academia Galega e en 1993 foille adicado o Día das Letras Galegas.

Eduardo Moreiras

Eduardo Moreiras Collazo, nado en Quiroga o 3 de xaneiro de 1914 e falecido en Vigo o 28 de abril de 1991, foi un escritor galego.

El Compostelano

El Compostelano foi un xornal que se publicou en Santiago de Compostela entre 1920 e 1946.

Enrique Santos Gayoso

Enrique Santos Gayoso, nado na Coruña o 14 de setembro de 1947, é un historiador galego, especializado no estudo da prensa galega e dos medios de comunicación do Estado.

Guerra civil española

A guerra civil española foi un conflito bélico que se desenvolveu tralo fracaso parcial do golpe de estado dun sector do exército contra o goberno democrático da Segunda República española, e que durou do 18 de xullo de 1936 até o 1 de abril de 1939, concluíndo coa vitoria do bando rebelde e coa instauración dunha ditadura de carácter fascista e con trazos propios coñecida como franquismo, debido ó apelido do ditador Francisco Franco Bahamonde. Este decretaría a fin do estado de guerra no ano 1948.

O alzamento contra o goberno lexítimo estivo planificado polo xeneral Emilio Mola, encabezado polo xeneral José Sanjurjo Sacanell e secundado entre outros polo xeneral Francisco Franco Bahamonde.

Lois Tobío Fernández

Lois Tobío Fernández, nado en Viveiro o 13 de xuño de 1906 e finado en Madrid o 13 de marzo de 2003, foi un diplomático, escritor e tradutor galego. Trala proclamación da Segunda República o 14 de abril de 1931, a sección do seminario que coordinaba Tobío propuxo redactar un Anteproyeito de Estatuto da Galiza, que deu pé ao Estatuto de Galicia de 1936. Traduciu textos de ficción, ensaísticos, filosóficos, políticos e económicos.

Lorenzo Varela

Xesús Manuel Lorenzo Varela Vázquez, nado na Habana, Cuba, o 10 de agosto de 1916 e finado en Madrid o 25 de novembro de 1978, foi un combatente republicano, escritor e poeta galego que viviu a meirande parte da súa vida no exilio. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 2005.

Luís Seoane

Luís Seoane López, nado en Buenos Aires o 1 de xuño de 1910 e finado na Coruña o 5 de abril de 1979, foi un editor, escritor, xornalista, gravador e pintor galego.

María do Carme Kruckenberg

María do Carme Kruckenberg Sanjurjo, nada en Vigo o 3 de xuño de 1926 e finada na mesma cidade o 16 de maio de 2015, foi unha escritora galega.

Rafael Dieste

Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1899 e finado en Santiago de Compostela o 15 de outubro de 1981, foi un escritor republicano galego do exilio, que pertenceu á chamada Xeración de 1925. Cos seus contos e pezas de teatro, entre as que destacan A fiestra valdeira (1927) e Dos arquivos do trasno (1926), tentou modernizar o sistema literario galego afastándoo do ruralismo. Atribúeselle en boa parte a creación do denominado Teatro Nacional Galego. Dedicóuselle do Día das Letras Galegas de 1995.

Ricardo Carballo Calero

Ricardo Carballo Calero (desde 1981 asinou como Ricardo Carvalho Calero), nado en Ferrol o 30 de outubro de 1910 e finado en Santiago de Compostela o 25 de marzo de 1990, foi un historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista e escritor galego. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela, numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Associaçom Galega da Língua.

Dentro da súa extensa obra, cultivou a poesía (Pretérito imperfeito 1927-1961, 1980), a novela (A xente da Barreira, 1951) e o teatro (Teatro completo, 1982). Destacou no campo da crítica literaria con Sete poetas galegos (1955), Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía (1959), Historia da literatura galega contemporánea (1962), Libros e autores galegos I e II (1979, 1982), Estudios rosalianos (1979) e Letras galegas (1984). É autor, tamén, dunha Gramática elemental del gallego común (1966), Problemas da língua galega (1981) e Da fala e da escrita (1983). Está considerado como o ideólogo do reintegracionismo lingüístico, postura que defende que a lingua galega é unha variedade da lingua portuguesa ou, no ámbito científico, do galego-portugués.

Empregou os pseudónimos de Eduardo Colmeiro, Fernando Cadaval, Ilex, José Loureiro, Leopoldo Calero, Martinho Dumbria.

Seminario de Estudos Galegos

O Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi unha institución creada en 1923 polo galeguismo para estudar e divulgar o patrimonio cultural galego e para formar investigadores.

Unión Libre

Unión Libre. Cadernos de vida e culturas é unha revista de creación e pensamento aberta a temas vitais e interculturais de Galicia e do mundo dende unha perspectiva libertaria, con especial atención á memoria histórica e cun deseño artístico integral.

Xosé Luís Axeitos

Xosé Luís Axeitos Agrelo, nado en Asados (Rianxo) en 1945, é un escritor e investigador galego. É membro da Real Academia Galega desde 2004.

Xosé Neira Vilas

Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.