Edicións Celta

Edicións Celta é unha empresa editorial fundada en Lugo en 1938. Publicou libros en galego e castelán, tanto de narrativa como de poesía. Entre os autores que colaboraron no proxecto editorial compre salientar a Castelao, Xosé Neira Vilas, Manuel María e Xesús Alonso Montero.

Historia e características

Edicións Celta foi creada en Lugo inicialmente como imprenta en 1938 por Francisco Esteban González, quen tamén tivo unha librería co mesmo nome. Esta empresa comezou a editar ao ano seguinte, 1939, o seu primeiro título El correo de los enamorados, de Adela Díaz González.

Carácter editorial

Edicións Celta mantivo un papel de referente pola difusión da cultura galega durante o Franquismo. A súa primeira publicación en galego foi Contos en cuarto crecente e outras prosas de Manuel María en 1952.

Aínda sen ter unha liña editorial claramente definida, tivo un meritorio labor na visualización dalgúns autores galegos, algúns deles (como o caso de Manuel María) sen posibilidade real de publicar noutras editoriais.

Tipo de publicacións

Presentou un dos best-séller da época: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, de Xesús Rodríguez López (5 edicións), varios poemarios de Manuel María e publicacións técnicas, como os manuais de tráfico e os textos de diferentes leis e decretos do estado, que son os que axudarían a manter unha actividade editorial que chegou aos 144 títulos no período 1939-1975

Década dos 50

A editorial continuou coas súas publicacións lexislativas, e foi engadindo títulos de interese como Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, de Carballo Calero en 1959. Editou tamén outro tipo de publicacións, do tipo dos almanaques e guías turísticas, como a da propia cidade de Lugo tamén en 1959

1960-61

No curso dos anos 1960-61 chegou a Lugo como catedrático de Literatura do Instituto Masculino Xesús Alonso Montero, e a Libraría e Editora Celta converteuse nun dos seus centros de acción. En Edicións Celta non había director, nin consello asesor (eran o propietario, Francisco Esteban e o seu fillo Paulino, os que se ocupaban de todo), mais foi evidente que Alonso Montero exerceu de asesor, ou case de director, nos anos que pasou na cidade (1960-1976).

Títulos importantes

En 1962, Alonso Montero encargouse da publicación, cun limiar seu, da segunda edición de Retrincos de Castelao, con gravados de Maside. Ao ano seguinte (1963), Alonso Montero publicou na editora o seu primeiro libro lucense, La palabra en la realidad, e foi o editor literario e responsábel da aparición doutras moitas obras: Textos literarios sobre Lugo y su provincia (1963), O clero i-o uso do idioma galego, de Xosé Alvilares Moure (1965), e a Conferencia de Castelao na Habana, Galicia y Valle-Inclán (1971). En 1969 publicou unha das súas obras máis vendidas, Os cen mellores poemas da lingua galega, unha antoloxía que tivo moi boa acollida de público e chegou ás catro edicións en 1975. Por iniciativa de Alonso Montero xurdiu a publicación das Prosas recuperadas de Castelao en 1974.

Os autores

Podemos salientar algunhas das obras dos autores mencionados como colaboradores do proxecto editorial:

  • La palabra en la realidad, Xesús Alonso Montero, 1963.
  • Terra Cha, Manuel María, 1954, 3ª ed. 1972.
  • Espantallo amigo, Xosé Neira Vilas, 1971.
  • Retrincos, Alfonso Daniel R. Castelao, 1962, 4ª ed. 1971.

Manuel María publicou tamén en Celta:

  • Documentos persoaes, 1958 (2ª ed. en 1970).
  • Libro de pregos, 1962, ano en que tamén sairá na editorial lucense unha 2ª edición corrixida e aumentada de Contos en cuarto crecente.
  • Os soños na gaiola, que foi inicialmente publicado en 1968 por Cartonaxes Anmi, é reeditado por Celta en 1972, xa como edición comercial.

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Félix Villares Mouteira

Félix Villares Mouteira, nado en Belesar (Vilalba) o 24 de marzo de 1947, é un sacerdote e profesor galego.

Manuel María

Manuel María Fernández Teixeiro, nado en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, foi un poeta, narrador, dramaturgo e académico da lingua galega, destacado polo seu carácter combativo e máis polo seu compromiso político. O 19 de abril de 1970 ano foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega, mais renunciou en 1975 ao entender que a institución non estaba á altura que esixía o momento histórico.

Nas eleccións municipais de 1979 presentouse como cabeza de lista á alcaldía de Monforte de Lemos, e foi nomeado concelleiro de Augas e Recollida do lixo. Tras non ser elixido nas eleccións ao Senado de 1982 en representación do BNG, abandonou a militancia política para se dedicar por completo á actividade literaria e cultural. Volveu ingresar na RAG, desta volta como membro de número, o 15 de febreiro de 2003, por proposta de Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo Vázquez e Xosé Luís Méndez Ferrín, pronunciando o discurso "A Terra Chá: poesía e paisaxe".

Entre os temas dos seus poemas destacan o amor, a arte, o propio compromiso político, a denuncia de eivas, a etnografía, a física, a historia, a inmaterialidade, a mitoloxía, o mundo animal, a palabra poética, o paso do tempo, a relixión, a sociedade, a lingua, os traballos agrarios, o urbanismo ou a xeografía. Apelaba ao regato do Cepelo como outros autores apelaban ao Miño. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 2016.

Xosé Neira Vilas

Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.

Xosé Ramón Fernández-Oxea

Xosé Ramón Fernández-Oxea, nado en Ourense o 5 de abril de 1896 e finado en Madrid o 2 de maio de 1988, foi un escritor, mestre e investigador galego tamén coñecido como Ben-Cho-Shey ou Xan Fouciño, un intelectual de obra poliédrica que abarca dialectoloxía, heráldica, arqueoloxía, etnografía, historia da arte e creación literaria. Colaborou con publicacións como O Tio Marcos d'a Portela, La Zarpa, Nós, A Nosa Terra, Lar, Opinión Gallega, Eufonía, La Temporada en Mondariz, Faro de Vigo, La Noche, Vieiros, Boletín de la Real Academia Gallega, Cuadernos de Estudios Gallegos, El Museo de Pontevedra e Chan. Foi membro das Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista. En 1986 foi galardoado coa Medalla Castelao.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.