Ecuador

Ecuador, oficialmente República del Ecuador, é un país de América do Sur, limitado ó norte por Colombia, ó leste e sur por Perú e ó oeste polo Océano Pacífico. Alén do territorio continental, Ecuador posúe tamén as illas Galápagos, sendo o territorio continental máis próximo daquelas illas.

Ecuador é un país multiétnico, con gran riqueza cultural, natural e arqueolóxica; situado en plena liña ecuatorial, a latitude cero. Ten 256.370 quilómetros cadrados de superficie, o que evidencia que é o estado máis miúdo dos países andinos, mais aínda así conta cunha gran biodiversidade[4].

A súa capital é San Francisco de Quito, sede dos principais entes estatais e do Goberno Nacional e a súa maior cidade é Santiago de Guayaquil, peirao marítimo principal e importante centro económico. Divídese en 24 provincias, distribuídas en catro rexións naturais: Amazonía, Costa, Sierra, e Región Insular. En Ecuador existen 55 volcáns, 14 en estado activo, 14 volcáns inactivos e 42 pasivos, sendo o volcán máis alto o Chimborazo, con 6.310 msnm. É o estado coa máis alta concentración de ríos por milla cadrada no mundo[5]. É tamén o principal exportador de plátano a nivel mundial[6] e un dos principais exportadores de flores, camaróns e cacao.

Coordenadas: 2°00′S 77°30′O / -2.000, -77.500

Ecuador
República del Ecuador
Bandeira de Ecuador
Escudo de Ecuador
BandeiraEscudo
Ecuador (orthographic projection)
Lema: «Dios, Patria y Libertad»
Himno: Salve, Oh Patria
Capital
 • Poboación
Quito
2 671 191 (2011)
Cidade máis poboadaGuayaquil
Linguas oficiaisEspañol
 • CooficiaisKichwa (Quichua), shuar e outras "son oficiais para os pobos indíxenas"[1]
Forma de gobernoRepública democrática
Lenín Moreno
Otto Sonnenholzner
 •Declarada
 •Recoñecemento
10 de agosto de 1809
16 de febreiro de 1830
SuperficiePosto 75º
 • Total283 560 km²
 • % auga5%
Fronteiras2010 km
Costas2 237 km
PoboaciónPosto 65º
 • Total (2010)14 483 499[2] hab.
 • Densidade58,95 hab./km²
PIB (nominal)Posto 66º
 • Total (2007)56 402 mill. US$[3]
 • per cápita4 151 US$
PIB (PPA)Posto 70º
 • Total (2006)64 671 mill. US$
 • per cápita4 989 US$
MoedaDólar estadounidense
IDH (2007)0,807 (72º) – Alto
XentilicioEcuatoriana/o
Fuso horarioUTC -5
 • Horario de veránNon aplica
Dominio de Internet.ec
Prefixo telefónico+593
Prefixo radiofónicoHCA-HDZ
Código ISO218 / ECU / EC
Membro de: ONU, OEA, BID, BM, FMI

Historia

Artigo principal: Historia de Ecuador.

O nome Ecuador refírese á liña ficticia que divide o mundo en dous hemisferios (Norte e Sur) que atravesa o país, chamada liña Ecuatorial ou Ecuador. A República de Ecuador é un dos catro países que emerxeron da desintegración da "Gran Colombia" no 1830 (os outros son Colombia, Panamá e Venezuela). Entre 1904 e 1942, Ecuador perdeu territorios nunha serie de conflitos cos seus veciños. En 1941 un conflito territorial entre Ecuador e Perú conduciu ás partes ao "Protocolo de Río de Xaneiro" homologado o 29 de xaneiro de 1942 establecendo fronteiras provisorias. O estado de conflito perdurou entre os dous países ata o 26 de outubro de 1999 cando os presidentes Jamil Mahauad (do Ecuador) e Alberto Fujimori (do Perú) asinaron o acordo denominado "Ata Brasilia". polo cal Perú concedeu un quilómetro cadrado do seu territorio no lugar chamado "Tiwinza" onde 14 soldados de Ecuador foran sepultados, transformándose así nun campo santo. Ambos países asinaron tamén tratados de comercio e acordos de navegación polos cales Ecuador ten o dereito de navegación irrestricta polo río Amazonas.

Época precolombiana

Ecuador ingapirca inca ruins
Ruínas de Ingapirca.

Os primeiros rexistros de asentamentos humanos coñecidos no actual territorio ecuatoriano son de fai aproximadamente 12.000 anos. Do Paleoindio fican vestixios en Las Vegas, Chobsi, Cubilán e pinturas rupestres amazónicas. Ademais, existen múltiples vestixios de puntas talladas de obsidiana, cerámica, uso de metais e en menor medida construcións, sendo as máis relevantes as que se achan na serra norte, como son as pirámides de Cochasquí e, na costa, as tumbas da cultura La Tolita. Estas rexións estaban habitadas só por pequenas poboacións de indios até que pasaron a formar parte do gran imperio Inca agás no norte, onde existía o Reino de Quito que se opuxo sen éxito á tentativa inca de integralo no seu imperio.

Á chegada dos incas, estímase que habitaban Ecuador máis de 46 pobos descendentes dos minchaleños e encarnacionillos e os máis numerosos eran: pastos, caranquis, imbayas, paltas, puruháes, panzaleos, cañaris, quitus, hambatus e outros, que foron sometidos mediante a potencia militar inca e por pactos entre os monarcas locais e os delegados do Imperio. Durante o Incario, construíronse algúns asentamentos, sendo dos máis importantes Ingapirca e Tumipampa (Tomebamba). A permanencia desta situación non foi maior de 60 anos.

Etapa española

En 1534, o español Sebastián de Benalcázar conquistou terras ecuatorianas. Este, unha vez tomada a capital, Quito, o maior asentamento poboacional prehispánico en 1563, refundouna como cidade española, capital da Presidencia de Quito e Real Audiencia de Quito formando parte do Vicerreinado do Perú. Os españois utilizaron non só os asentamentos urbanos indíxenas como base das novas cidades mestizas, senón que tamén usaron varios elementos da estrutura social autóctona para colonizar os territorios que ocuparon; os indíxenas superábanos en número, mais os españois tiñan unha maior destreza militar polo que someteron ás poboacións indíxenas. Os Incas, ademais de estar en guerras internas descoñecían as armas de fogo. Dise que moitos indíxenas pensaron que os españois que montaban os seus cabalos eran seres de catro patas, e comparaban o son dos canóns co dos tronos, mais non pasou moito tempo ata que os indíxenas comezaron a defenderse a pesar da súa desvantaxe.

En 1739, integrouse o Vicerreinado de Nova Granada xunto con Caracas, Panamá e Santa Fé de Bogotá. Para o sometemento indíxena utilizáronse oprobiosas institucións, como a Mita e a Encomienda, que reduciron gran parte da poboación; ademais enfermidades como o sarampelo reduciron a poboación indíxena. Isto fixo que para o traballo forzado se trouxera poboación africana negra, en calidade de escravos, o que contribuíu á mestizaxe do Ecuador actual.

Emancipación e Gran Colombia

Mapa de Venezuela, N. Granada y Quito, 1821
Os tres departamentos (Quito, Cundinamarca e Venezuela) na época da Gran Colombia federada.
Artigo principal: Independencia de Ecuador.

Os primeiros movementos empezaron en 1809 coa rebelión dos crioulos contra o dominio español coñecida como Primeiro Grito de Independencia Americana. Aínda que tamén existiron outros precursores como Eugenio Espejo, indíxena que lanzou as primeiras proclamas por escrito na publicación El Nuevo Luciano de Quito. Os sublevados formaron unha Xunta de Goberno provisional o 10 de agosto de 1809 en Quito, mais os participantes acabaron sendo encarcerados e asasinados na Matanza do 2 de agosto de 1810. Aínda que nesta data non se falaba explicitamente da independencia do Ecuador, senón de fundar unha república monárquica ou unha monarquía republicana e de cambiar as autoridades afrancesadas de Quito, mantendo a fidelidade ao rei Fernando VII[7], parte da historiografía do Ecuador considera este acontecemento como o Primeiro Grito de Independencia Hispanoamericana e o inicio do proceso de emancipación da rexión.

Rematado o dominio francés e coa negativa do rei de España, Fernando VII, de acatar a A Pepa, desatáronse na América española unha serie de revoltas independentistas. Así, a antiga Presidencia e Audiencia de Quito consegue escindirse na Batalla de Pichincha do 24 de maio de 1822, grazas ao Mariscal Antonio José de Sucre, lugartenente de Simón Bolívar.

Os territorios de Quito e Guayaquil (que se separaran de España o 9 de outubro de 1820 e mantiñan un goberno propio) pasaron a formar parte da Gran Colombia baixo o nome de Distrito do Sur. Á Gran Colombia tamén se anexionaría o resto da terra ecuatoriana. O colapso da nova república deu lugar á formación dos estados de Nova Granada (actuais Colombia e Panamá), Venezuela e Ecuador en 1830.

Primeiro século da República

Gabrielgarciamoreno
O presidente Gabriel García Moreno.
Artigo principal: Estado Liberal Ecuatoriano.

A República do Ecuador como tal naceu en 1830, cando abandonou definitivamente a federación da Gran Colombia. Para a nacente nación agardábase como presidente a Antonio José de Sucre, mais este foi asasinado, segundo algunhas versións, polo venezolano Juan José Flores, quen tomaría cargo como o primeiro presidente da República do Ecuador. Flores recolleu un país en caos e estivo mandando durante quince anos consecutivos, interrompidos de 1934 até 1893, cando sería o presidente Vicente Rocafuerte, aínda que o venezolano retomaría o poder despois. Cando Flores volveu, os grupos de poder da costa levantáronse co obxectivo de eliminar o militarismo estranxeiro. O presidente para o cargo foi José Joaquín de Olmedo, pensador guayaquileño, que só se mantivo no poder até que o lexislativo chamou a eleccións e se nomeou a Vicente Ramón Roca como presidente do Ecuador. Dende 1845 a 1859 viviuse un período de gobernos liberais até unhas eleccións onde se tornou presidente Gabriel García Moreno dende 1859 até 1875, ano no que foi asasinado.

Trala morte de Gabriel García Moreno os dous partidos políticos do Ecuador trataron de unificar o seu pensamento. Antonio Borrero Cortázar foi o primeiro presidente froito desta unificación, pero só durou un ano no poder e sería seguido por Ignacio de Veintimilla e a posterior aparición do reformista Eloy Alfaro. No período do presidente Luis Cordero realizouse a coñecida Venda da Bandeira, o que desencadeou unha revolta militar que deu orixe ao liberalismo ecuatoriano con Eloy Alfaro como presidente constitucional.

Houbo un Goberno Plural Civil-Militar no cal cada integrante da xunta gobernaba durante unha semana, gobernando así até marzo de 1926 cando a xunta cesou a súa actividade e se nomeou como presidente a Isidro Ayora quen expediu unha nova constitución. En 1930 produciuse unha deflación xeral e Ayora viuse obrigado a renunciar, deixándolle o poder ao ministro de Goberno, Luis Larrea Alba, quen asumiu o poder o 24 de agosto de 1931 e ante a negativa do congreso para adquirir poderes plenos, decidiu disolvelo e o pobo reaccionou fronte á ditadura e así entregoulle o poder ao presidente do Senado Alfredo Baquerizo Moreno quen convocou comicios presidenciais para outubro, e tras unha serie de problemas de gobernos, Velásco Ibarra chegaría en 1934.

Política

Artigo principal: Política do Ecuador.
A Lenín Moreno (Transmisión del Mando Presidencial Ecuador 2017) (cropped)
Lenín Moreno, antigo presidente constitucional do Ecuador.

O actual Estado Ecuatoriano está conformado por cinco poderes estatais: o Poder Executivo, o Poder Lexislativo, o Poder Xudicial, o Poder Electoral e o Poder de Transparencia e Control Cidadán.

A función executiva está delegada no Presidente de Ecuador, actualmente exercida por Rafael Correa, elixido para un período de catro anos (coa capacidade de ser reelecto unha soa vez). É o Xefe de Estado e de Goberno, é responsable da administración pública. Nomea a Ministros de Estado e servidores públicos. Define a política exterior, designa ao Chanceler da República, así como tamén embaixadores e cónsules. Exerce a máxima autoridade sobre as Forzas Armadas do Ecuador e a Policía Nacional do Ecuador, nomeando ás súas autoridades.

A función lexislativa correspóndelle á Asemblea Nacional da República do Ecuador, escolleita cada catro anos, unicameral, e composta por 124 asembleístas (15 por asignación nacional). É a encargado de redactar leis, fiscalizar aos órganos do poder público, aprobar tratados internacionais, orzamentos...

A Función Xudicial delégase á Corte Nacional de Xustiza (CNJ), Cortes Provinciais, Tribunais e Xulgados. A CNJ estará composta por 21 xuíces para un período de nove anos (sen poderse reelixir) e renovarase un terzo da mesma cada tres anos.

O poder electoral garante o exercicio dos dereitos políticos e a organización da cidadanía. Está representada polo Consello Nacional Electoral (CNE) e o Tribunal Contencioso Electoral (TCE).

O poder cidadán está conformado polo Consello de Participación Social e Control Cidadán, o Valedor (Defensoría) do Pobo, a Contraloría Xeral do Estado e as superintendencias. As súas autoridades exercerán os seus postos durante cinco anos. Este poder encárgase de promover plans de transparencia e control público, así como tamén plans para deseñar mecanismos para combater a corrupción.

Presidentes dende 1999

En 1999, o sistema produtivo e financeiro do país sufriu un colapso, e deixou de pagar a súa débeda externa. O presidente Jamil Mahauad anunciou a dolarización, mais un golpe de estado en xaneiro de 2000 expulsouno do poder. A situación comezou a mellorar co goberno de Gustavo Noboa que aprobou reformas económicas e esa dolarización. En febreiro de 2003, entrou o novo presidente electo, Lucio Gutiérrez e o 15 de xaneiro de 2007 asumiu a presidencia Rafael Correa. O presidente dende 2017 é Lenín Moreno. Dende 1936, o voto é obrigatorio para todos os alfabetizados entre 18 e 65 anos, optativo para tódolos demais.

Subdivisións

Artigo principal: Subdivisións do Ecuador.

O territorio ecuatoriano divídese en rexións, provincias, cantóns e parroquias, recoñécese tamén unha organización particular para as metrópoles en Distritos Metropolitanos.

División por provincias de Ecuador
Ecuador provinces-numbers
# Provincia Capital
1 Azuay Cuenca
2 Bolivar Guaranda
3 Cañar Azogues
4 Carchi Tulcán
5 Chimborazo Riobamba
6 Cotopaxi Latacunga
7 El Oro Machala
8 Esmeraldas Ciudad Esmeraldas
9 Galápagos Puerto Baquerizo Moreno
10 Guayas Guayaquil
11 Imbabura Ibarra
12 Loja Loja
13 Los Rios Babahoyo
14 Manabí Portoviejo
15 Morona Santiago Macas
16 Napo Tena
17 Orellana Francisco de Orellana
18 Pastaza Puyo
19 Pichincha Quito
20 Santa Elena Santa Elena
21 Santo Domingo de los Tsáchilas Santo Domingo de los Colorados
22 Sucumbíos Nueva Loja
23 Tungurahua Ambato
24 Zamora Chinchipe Zamora

Xeografía

Artigo principal: Xeografía do Ecuador.

Ecuador é un dos menores países da América do Sur e, con Chile, o único que non comparte fronteira con Brasil. A paisaxe está dominada polos Andes, que atravesan o centro do país no sentido norte-sur, con altitudes que chegan aos 6.267 m no Chimborazo (practicamente no centro do país). Ó leste dos Andes, preto de 1/4 do territorio está integrado na bacia Amazónica, e ó oeste esténdese unha das máis extensas planicies costeiras da costa sur-americana do Pacífico.

A capital, Quito, localízase nos Andes e non é a maior cidade do país. Ese título correspóndelle a Guayaquil, un porto de mar no golfo de Guayaquil, no suroeste.

O clima varía coa altitude, sendo tropical no litoral e na Amazonia e tornándose cada vez máis frío a medida que a altitude aumenta, nos Andes.

Economía

Artigo principal: Economía do Ecuador.

A economía de Ecuador depende moito da produción de petróleo, que xera o 40% das exportacións do país. Consecuentemente, as flutuacións do prezo deste produto nos mercados mundiais ten grande impacto nas finanzas do país. Tamén depende das transferencias de diñeiro recibidas de ecuatorianos no exterior, e da exportación de bananas e doutros produtos primarios.

Demografía

Artigo principal: Demografía do Ecuador.

Ritmos musicais típicos

  • Sanjuanito
  • Tonada
  • Pasillo
  • Pasacalles
  • Yaraví

Notas

  1. "Constitución Política de la República del Ecuador". Consultado o 13 de setembro de 2014.
  2. "Ecuadorian census held on November 28, 2010". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2014. Consultado o 13 de setembro de 2014.
  3. Banco Mundial (PIB nominal 2006)
  4. Servizo Ecuatoriano de Sanidade Agropecuaria Arquivado 05 de xuño de 2009 en Wayback Machine. (en castelán)
  5. Tierra del Volcán - Ecuador[Ligazón morta] (en castelán)
  6. Acción Ecolóxica Ecuador (en castelán)
  7. Deputados de Quito (1809). "Acta do 10 de agosto de 1809". Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2009. Consultado o 15 de agosto, 2009.
.ec

.ec é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) para Ecuador. NIC.EC é o seu actual administrador e os dominios poden ser adquiridos en liña desde o seu portal web. As oficinas están situadas no centro da cidade de Guayaquil.

Os dominios poden ser rexistrados directamente baixo un dominio de segundo nivel, esta posibilidade é recente, destacando a páxina de Diario Expreso de Guayaquil. Comercialízanse ademais dominios de terceiro nivel, clasificados como segue:

.ec: Destinado para uso en xeral.

.com.ec: Destinado para uso comercial en xeral.

.net.ec: Destinado para uso de compañías dedicadas a telecomunicacións.

.fin.ec: Destinado para uso de entidades financeiras.

.prol.ec: Destinado para uso de actividades profesionais de particulares.

.med.ec: Destinado para clínicas, hospitais e relacionados con medicamento.

.info.ec: Destinado para información en xeral.

.edu.ec: Destinado para institucións educativas.

.org.ec: Destinado para organizacións sen fin de lucro.

.mil.ec: Destinado para uso militar.

.gob.ec: Destinado para uso de institucións públicas ou gobernamentais. (Vixente desde xullo de 2010)

.gov.ec: Destinado para uso de institucións públicas ou gobernamentais. (Sendo substituído por gob.ec desde o 31 de decembro de 2010)Non existen restricións de índole xeográfica para a adquisición de dominios, e a venda é totalmente libre excepto para os dominios .edu.ec, .mil.ec e .gov.ec, nas que é imprescindible constar como entidade educativa, militar ou gobernamental respectivamente.

Un dominio de segundo nivel activo pero que xa non se comercializa é .k12.ec. A partir do 1 de xullo de 2002 suspendeuse calquera rexistro, que no pasado era ofrecido para colexios particulares.

2019

2019 (MMXIX) é un ano común do calendario gregoriano dentro do século XXI.

América do Sur

América do Sur ( pronunciación ), tamén chamada Suramérica ( pronunciación ), anteriormente coñecida simplemente como América (1507-1538), é o subcontinente austral de América. Está atravesada pola liña ecuatorial no seu extremo norte, quedando así a maior parte do seu territorio comprendida dentro do hemisferio sur. Está situada entre o océano Atlántico e o océano Pacífico, que delimitan os extremos leste e oeste respectivamente, mentres que o mar Caribe delimita polo norte e o océano Antártico o seu extremo sur. Ocupa unha superficie de 17,8 millóns de km², o que representa un 42% do continente americano e un 12% das terras emerxidas, e está habitada polo 6% da poboación mundial.Inclúe hoxe en día doce países: Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Ecuador, Güiana, Paraguai, Perú, Suriname, Uruguai e Venezuela, aínda que hai libros que inclúen á nación caribeña de Trinidad e Tobago por atoparse sobre a plataforma continental de Venezuela. Os países que bordean o mar Caribe —Colombia, Venezuela, Güiana, Suriname e Trinidad e Tobago e tamén a Güiana Francesa, que é un departamento de ultramar de Francia, e Aruba, Curaçao e o estado de Bonaire pertencentes ao Reino dos Países Baixos— coñécense en conxunto como o Caribe suramericano, mentres que Arxentina, Chile, Uruguai e o sur de Brasil, forman o Cono Sur, unha rexión do subcontinente que se caracteriza polos máis altos estándares de calidade de vida e desenvolvemento en relación ao resto de Latinoamérica. Colombia e Venezuela, ademais de estaren na rexión Caribe, pertencen tamén xunto a Bolivia, Ecuador e Perú á zona andina e aos países da conca do Amazonas.

Desde o século XVI ata principios do século XIX a maior parte de América do Sur estaba dividida en colonias gobernadas, maioritariamente, por España e Portugal, seguidas por unha colonia do Reino Unido, unha de Francia e outra dos Países Baixos que se foron convertendo en repúblicas, coa excepción da Güiana Francesa convertida en Departamento de Ultramar francés (Rexión Ultraperiférica europea) e as illas Malvinas e illas veciñas. Aínda que o límite actual de América do Sur con América Central se sitúa nunha liña imaxinaria na selva do Darién, foi a partir da construción da Canle de Panamá que se comeza a asociar este país con América Central en medios anglosaxóns. Finalmente no ano 1955, Panamá pasa a formar parte de América Central xeograficamente, pero mantén lazos históricos e culturais con América do Sur.

Andes

Os Andes (quechua: Antis, "rexión dos antis") é unha cordilleira montañosa de América do Sur. O seu percorrido é de norte a sur pola costa occidental do continente, dende Venezuela ata a Patagonia, pasando por Colombia, Ecuador, Perú, Bolivia, Chile e Arxentina. Ten unha lonxitude de máis de 7500 km, unha anchura que oscila entre uns 180 km ata 700 km e a súa altitude media situase o redor dos 4000 metros. O seu punto máis elevado é o pico Aconcagua con 6.959 metros.

Na súa parte meridional unidade e é fronteira natural entre Chile e Arxentina. Na parte central divídese en dous cordóns, Cordilleira Occidental e Cordilleira Oriental, formando entre os dous cordóns unha meseta de grande altitude, chamada Altiplano. Esta separación continua ata Colombia onde antes de chegar ó Mar Caribe divídese en tres cordóns.

Ascensión recta

En astronomía, a ascensión recta é unha das coordenadas astronómicas que se utilizan para localizar os astros sobre a esfera celeste (a outra é a declinación), equivalente á lonxitude terrestre (coordenada xeográfica).

A ascensión recta mídese a partir do Punto Vernal en horas (unha hora igual a 15 graos), minutos e segundos cara ao Leste ao longo do ecuador celeste. O punto Vernal está na posición do Sol no Equinoccio de Primavera ou Equinoccio vernal. O seu símbolo é α.

Bolero

O bolero é un ritmo que mestura as raíces españolas coas influencias locais de varios países hispanoamericanos. Xurdiu no Caribe, mais sufriu modificacións, especialmente desenvolvendo temas máis románticos e un ritmo mais devagar. Ten tradición en Cuba, Porto Rico, República Dominicana, Colombia, Ecuador, México, Perú, Venezuela , Uruguai, Arxentina e Brasil.

Charango

O charango é un instrumento musical propio das rexións altiplánicas da cordilleira dos Andes en América do Sur. Posúe cinco pares de cordas aínda que hai variacións con menos ou máis cordas pero polo xeral en cinco ordes ou xogos. O charango ten unha traxectoria centenaria en Bolivia, e tamén ten importante presenza na música do Perú, Arxentina, Chile e Ecuador.

Coordenadas xeográficas

O Sistema de Coordenadas Xeográficas expresa todas as posicións sobre a Terra usando dúas das tres coordenadas dun sistema de coordenadas esféricas que está aliñado co eixo de rotación da Terra. Este define dous ángulos medidos desde o centro da Terra:

A latitude mide o ángulo entre calquera punto e o ecuador. As liñas de latitude chámanse paralelos e son círculos paralelos ao ecuador na superficie da Terra.

A lonxitude mide o ángulo ao longo do ecuador desde calquera punto da Terra. Acéptase que Greenwich en Londres é a lonxitude 0 na maioría das sociedades modernas. As liñas de lonxitude son círculos máximos que pasan polos polos e chámanse meridianos.O ecuador é un elemento importante deste sistema de coordenadas; representa o cero dos ángulos de latitude e o punto medio entre os polos. É o plano fundamental do sistema de coordenadas xeográficas.

Dólar estadounidense

O dólar estadounidense (en inglés United States dollar, U.S. dollar ou, simplemente, dollar) é a moeda oficial dos Estados Unidos dende o 6 de xullo de 1785. A Reserva Federal é o órgano encargado da súa emisión. O seu símbolo é $, aínda que o código ISO 4217 para o dólar norteamericano é USD e o Fondo Monetario Internacional utiliza US$ .

O dólar de Estados Unidos tamén é utilizado noutros países como moeda oficial: Ecuador, O Salvador, as Caribe Neerlandés, as illas Turcas e Caicos, as illas Virxes Británicas e Panamá en América, Timor Oriental en Asia, Zimbabwe en África e nas antigas dependencias oceánicas das Illas Marshall, nos Estados Federados de Micronesia e na República das Palaus.

O dólar emprégase como divisa internacional e nas transaccións internacionais de ouro ou petróleo. Dos 700.000 millóns de dólares en circulación en 2004 entre a metade e os dous terzos están fóra dos Estados Unidos.

Eclíptica

De xeito tradicional, chamábase eclíptica á liña imaxinaria que describía a traxectoria do Sol sobre a esfera celeste ó longo dun ano. En realidade (sistema heliocéntrico do sistema solar) a eclíptica é a proxección da traxectoria da Terra arredor do Sol ao longo dun ano, formando así unha liña imaxinaria (un círculo máximo da esfera celeste) que forma un ángulo duns 23º27' con respecto ó ecuador celeste, e que por forza coincide coa eclíptica definida de xeito tradicional no modelo xeocéntrico.

Os dous puntos onde intersectan o círculo máximo da eclíptica e o círculo máximo do ecuador celeste son os equinoccios (os chamados primeiros Punto de Aries e Libra); os puntos da eclíptica máis ao norte (cara ao polo norte celeste) e máis ao sur do ecuador celeste (isto é cara ao polo sur celeste) son os solsticios, que tamén son perpendiculares aos equinoccios.

Ecuador terrestre

O ecuador é un plano imaxinario que divide á Terra en dúas, de xeito perpendicular ó eixe de xiro dela, e equidistante do Polo Norte e do Polo Sur. A súa expresión xeográfica é unha liña imaxinaria que pasa, entre outros países, por Ecuador (ao que dá nome), Brasil e Guinea Ecuatorial.

A Liña do Ecuador é unha liña xeográfica imaxinaria que está situada a igual distancia dos polos, dividindo a Terra á metade, no punto onde a superficie do planeta, aproximadamente esférica, é perpendicular ó eixo de rotación. A liña do Ecuador divide a superficie terrestre en Hemisferio norte ou Setentrional, e Hemisferio sur ou Meridional.

A súa latitude (distancia en graos dun lugar calquera ata a liña do Ecuador) é por definición o grao cero. A Liña do Ecuador mide uns 40.070 km.

Hemisferio norte

O hemisferio norte (ou boreal ou setentrional) é a metade da Terra ao norte do ecuador. Este hemisferio contén ó redor do 89-90% da poboación humana.

Nas rexións temperadas do hemisferio o inverno vai dende decembro ata febreiro e o verán vai dende xuño ata agosto.

Debido aos movementos da Terra, teoricamente os invernos do hemisferio norte deberían ser máis curtos e menos severos que os do hemisferio sur a latitudes equivalentes. Na práctica, os efectos moderadores dos océanos do hemisferio sur fan que sexan moi similares.

As rexións ao norte do Círculo Polar Ártico experimentan fases no verán nas que o sol nunca se pon, e fases no inverno nas que o sol nunca sae. A duración destas fases poden variar dende varios días nas zonas próximas ao círculo polar ata varios meses no Polo Norte.

Inclinación orbital

Inclinación orbital e o ángulo (xeralmente medido en graos) que o plano da órbita (plano orbital) P1 dun astro forma con un plano de referencia P2 (para os planetas, isto e a eclíptica). A inclinación orbital é un dos parámetros (dentro de seis) empregados para determinar unha órbita en xeral.

Julio Jaramillo

Julio Alfredo Jaramillo Laurido, nado en Guayaquil, Ecuador, o 1 de outubro de 1935 e finado na mesma cidade o 9 de febreiro de 1978, foi un sobranceiro intérprete musical latinoamericano, con especial relevancia dentro do xénero denominado bolero. Estímase que gravou ao redor de 3.500 pezas musicais ao longo da súa vasta carreira.

Latitude

Latitude é un termo usado na xeografía e cartografía. No globo terrestre, é o ángulo que establece, co plano do ecuador terrestre, un raio que vaia dun determinado observador ou lugar ao centro da Terra. Na Liña do Ecuador a latitude é de 0º, no polo Norte é 90º (indicado 90º N) e no polo Sur é -90º (indicado 90ºS). Así, as latitudes positivas, 'por riba' do ecuador, corresponden ó hemisferio norte (chamado tamén hemisferio boreal), e as negativas, 'por baixo' do ecuador, ó hemisferio sur (ou austral).

Malaisia

Malaisia é un país do sueste asiático, constituído pola península Malaia e máis pola Malaisia oriental, no norte de Borneo. O país está situado a aproximadamente 200 km ao norte do ecuador terrestre.

O termo Malaisia ou arquipélago Malaio xa se empregaba para designar a Indonesia.

Océano Pacífico

O océano Pacífico é a maior masa marítima do globo, situada entre América, ao leste, Asia e Australia, ao oeste, e a Antártida, ao sur. Con 180 millóns de km², o Pacífico cobre case un terzo da superficie do planeta e corresponde a case a metade da superficie e do volume do océano. Ten 707,5 km de fosas, e o 87,8% da súa área presenta profundidades superiores a 3.000 m; é o océano con maior profundidade media (-4.282 m) e onde se localizan as maiores fosas submarinas (foxa das Marianas, con -10,912 m).

Parroquia civil

A parroquia é unha división administrativa ou censual que existe en numerosos países e que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas. As parroquias de Galicia están recoñecidas como entidades colectivas de poboación inferiores ao concello.

Dependendo do país (especialmente do seu tamaño) varía a relevancia administrativa:

Andorra: son as subdivisións principais do Estado, ver Andorra#Organización político-administrativa.

Antiga e Barbuda: son as subdivisións principais do Estado, ver Antiga e Barbuda#Organización político-administrativa.

Australia (parish): son divisións catastrais en Queensland, Nova Gales do Sur, Vitoria e Tasmania, ver divisións catastrais de Australia.

Barbados: son as subdivisións principais do Estado, ver Barbados#Organización político-administrativa.

Canadá (parish):

Novo Brunswick (parish): son divisións censuais, ver Parroquias de Novo Brunswick.

Quebec (municipalité de paroisse): son concellos rurais, ver Municipios Quebec#Rexións administrativas.

Dominica: son as subdivisións principais do Estado, ver Dominica#Organización político-administrativa.

España:

Asturias: unha forma tradicional de organización administrativa, relixiosa e agraria dos concellos, ver Asturias#Organización territorial.

Galicia: entidade local inferior ao concello, ver Parroquias de Galicia.

Ecuador: subdivisión dos concellos, ver Ecuador#Subdivisións.

Estonia (vallad): son os concellos rurais, ver Estonia#Divisións administrativas e Condados de Estonia

Estados Unidos (parish):

Luisiana: equivalente ao condado dos outros estados, ver Luisiana#Subdivisións

Irlanda (parish): son subdivisións dos condados que só se usan en contadas ocasións (como venda de terras), ver Irlanda#Divisións administrativas e Condados de Irlanda.

Granada: son as subdivisións principais do Estado, ver Granada, Caribe#Organización político-administrativa.

Portugal (freguesias): son subdivisións dos concellos, ver Freguesía.

Reino Unido

Escocia: son divisións censuais sen ningún tipo de entidade nin comunitaria nin política. Véxase tamén Escocia#Divisións administrativas e Subdivisións de Escocia.

Inglaterra (parish): son unidades de goberno local inferiores, ver Inglaterra#Subdivisións e Gobernos locais e Condados de Inglaterra.

Saint Kitts e Nevis: son as subdivisións principais do Estado, ver Saint Kitts e Nevis#Subdivisións.

San Vicente e as Granadinas: son as subdivisións principais do Estado, ver subdivisións de San Vicente e as Granadinas.

Suecia (socken): son as subdivisións dos concellos, ver Suecia#Subdivisións administrativas e Condados de Suecia.

Venezuela: subdivisións dos concellos, ver Venezuela#Entidades Federais de Venezuela.

Xamaica: son as subdivisións administrativas principais do Estado, ver Subdivisións de Xamaica.

Trópico

Os trópicos son paralelos xeográficos que limitan a zona por onde o Sol pasa polo zénit. Representan a traxectoria aparente diúrna da proxección do Sol sobre a superficie terrestre nos solsticios.

Países
Países con parte do
seu territorio en América do Sur
Países
Territorios dependentes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.