Economía

Economía (do grego οίκος [oikos], 'casa', e νομος [nomos], 'regra', polo tanto "dirección dunha casa") é unha ciencia social que estuda a produción, distribución, comercio e consumo de bens e servizos. A economía dise normativa cando recomenda unha opción sobre outra, ou cando fai un xuízo subxectivo de valor. Pola contra, a economía dise positiva cando intenta predicir e explicar obxectivamente as consecuencias de eleccións, dadas unha serie de premisas e/ou un conxunto de observacións. A elección de que premisas facer na construción dun modelo así como que observacións destacar son, non obstante, normativas.

A economía, que se centra en variables mensurables, divídese en dúas ramas principais: microeconomía, que trata dos axentes individuais, tales como fogares e empresas, e macroeconomía, que considera a economía na súa totalidade, e trata da oferta e demanda agregadas de diñeiro, capital e mercancías. Os aspectos que reciben a particular atención en economía son: asignación de recursos, produción, distribución, comercio, e competencia. A lóxica económica aplícase cada vez máis a calquera problema que implique a elección en situación de escaseza ou determinar un valor económico .

O paradigma económico preponderante é unha combinación da economía neoclásica e da macroeconomía chamada a síntese neoclásica. Varias escolas de economía heterodoxa intentan explicar os fenómenos económicos utilizando premisas, formalismos ou paradigmas diferentes.

Chámase economista ó profesional que traballe nun dos moitos campos da economía ou teña un grao académico nesta materia.

Banco Hispano Americano (Madrid) 03

Definicións da economía

Hai un fato de definicións, pasadas e presentes, que se aplicaron primeiro ó termo economía política e logo o termo actual de economía. John Maynard Keynes comentou unha vez que a "economía é a ciencia do pensamento." Podemos dicir que o obxecto de estudo da economía mudou desde o estudo da "riqueza" ao "benestar" e ao estudo das compensacións (trade-offs).

Definición baseada na riqueza

As definicións máis temperáns da economía política eran declaracións simples, elegantes que a definían como o estudo da riqueza. Adam Smith, considerado xeralmente como o pai da economía, autor de Unha investigación sobre a natureza e as causas da riqueza das nacións (coñecida xeralmente como A riqueza das nacións) define a economía simplemente como "a ciencia da riqueza." Smith ofreceu outra definición, "a ciencia referente aos leis da produción, distribución e intercambio." A riqueza definiuse coma a especialización do traballo que permitía que unha nación producise máis coa súa oferta de traballo e de recursos. Esta definición afastou a Smith e a Hume das definicións anteriores que definiron a riqueza como ouro. Hume argüíu que o ouro sen incremento da actividade simplemente aumentaba os prezos.

Definición baseada no benestar

John Stuart Mill definiu a economía como "a ciencia práctica da produción e distribución da riqueza"; esta definición foi adoptada polo Dicionario sucinto de Oxford. Para Mill, a riqueza defínese como o stock de cousas útiles.

As definicións en términos da riqueza acentúan a produción e o consumo, e non se ocupan das actividades económicas non perceptiblemente implicadas nestes dous procesos (por exemplo, xubilados, esmoleiros). Para os economistas deste período, a actividade non produtiva é un custo para a sociedade. Esta interpretación deu a economía unhas miras estreitas que foi rexeitado por moitos por colocar á riqueza en primeiro plano e ao home en segundo lugar.

Definición baseada na escaseza

Unha definición que capta boa parte da teoría económica é a de Lionel Robbins nun ensaio de 1932: "a ciencia que estuda a conduta humana como a relación entre fins e medios escasos que teñen usos alternativos". Escaseza significa que os recursos dispoñíbeis son insuficientes para satisfacer todos os desexos e necesidades. A ausencia de escaseza e os usos alternativos dos recursos dispoñíbeis non é un problema económico. Deste xeito a economía atinxe o estudo da elección ou escolla, influída por incentivos e recursos.

Campos de estudo na economía

O campo de estudo da economía pode ser dividido de varios xeitos, os máis comúns son a microeconomía e a macroeconomía. A economía pode dividirse tamén en positiva ("o que é") e normativa ("o que debería ser"), e por subcampos. Os seu métodos teñen acrecentado a súa aplicación a outros espazos de estudo que engloban ás persoas encarando situacións electivas, incluíndo a educación, a economía familiar, a política, a saúde e a lei.

Microeconomía e macroeconomía

A economía divídese polo normal en dúas ramas bastante amplas:

  • Microeconomía, que estuda o comportamento económico de actores individuais como empresas, familias, e individuos, co obxectivo de entender o proceso de toma de decisións ante unha escaseza e as consecuencias da asignación destas decisións.
  • Macroeconomía, que estuda unha economía como un conxunto ou un agregado de individuos coa intención entender a interacción entre agregados económicos, como agora o ingreso nacional, a ocupación e a inflación. A teoría do equilibrio xeral combina conceptos desde un punto de vista macroeconómico, pero cunha construción microeconómica.

Algúns economistas tentarán unir estas dúas ramas ou rexeitarán as súas diferenzas, especialmente durante os anos setenta e oitenta do século XX. Na actualidade, o consenso é que a macroeconomía teña un fundamento microeconómico sólido, é dicir, as premisas macroeconómicas deben ter unha base na microeconomía.

A economía tamén se pode dividir en numerosas subdisciplinas que non por forza pertencen exclusivamente a unha das dúas grandes ramas citadas. Algunhas destas subdisciplinas son: a economía internacional, a economía laboral, a economía do benestar, a neuroeconomía, a economía da información, a economía dos recursos, a economía medio ambiental, a economía administrativa, a economía financeira, a economía do desenvolvemento e a xeografía económica.

Os economistas utilizan métodos matemáticos avanzados na investigación, que desenvolve unha especialidade como a econometría, ou uso de técnicas estatísticas aplicadas ao estudo dos datos económicos.

Economía positiva e economía normativa

A economía é positiva cando tenta explicar as consecuencias das diferentes eleccións ante un conxunto de suposicións ou de observacións dadas; é normativa cando prescribe unha certa acción que ten de realizarse. A esencia da economía é o estudo dos incentivos e das eleccións baixo un conxunto de restricións. A aplicación da economía é moi ampla: os economistas teñen estudado temas relacionados coas institucións políticas, a pena de morte, a educación etc.

Premisas económicas

Oferta e demanda

Supply-demand-right-shift-demand
A oferta e a demanda: o modelo describe como os prezos varían consonte o resultado dun balance entre a dispoñibilidade do produto e a demanda.

Na teoría microeconómica a oferta e a demanda tenta describir, explicar e predicir o prezo e a cantidade de bens que se venden nos mercados competitivos. É un dos modelos máis básicos utilizados na construción de modelos e teorías máis detalladas.

En termos xerais, esta teoría afirma que se a demanda dos consumidores é superior á cantidade de bens producidos, o prezo incrementase. Co mesmo razoamento, o exceso de oferta causa un decrecemento no prezo dos produtos. Este proceso continúa ata chegar a un punto equilibrio no cal no ha ningún motivo para cambiar nin o prezo nin a cantidade producida. Este punto denominase equilibrio do mercado.

Prezo

Para medir o fluxo da oferta e a demanda, é necesario un valor mensurábel cuantitativo. O valor máis antigo e máis utilizado é o prezo, ou taxa de cambio entre compradores e vendedores nun mercado. A teoría do prezo, polo tanto, analiza o movemento das cantidades mensurábeis no tempo, e a relación entre o prezo e outras variábeis censurábeis. Unha gran parte da teoría económica está baseada no prezo e na teoría da oferta e a demanda; o prezo é o medio máis eficiente para comunicar os cambio da economía.

Nalgúns modelos económicos prácticos, porén, hai unha "fricción económica", é dicir, unha restrición no movemento dos prezos que impide que o mercado chegue ao equilibrio. Por outra banda, hai controversia sobre a utilización do prezo como variábel económica, xa que existen elementos importantes da economía que non están relacionados co prezo.

Escaseza

A escaseza é un punto central da teoría económica. A análise económica estuda a maximización dalgunha cousa (tempo de ocio, riqueza, sanidade, felicidade; todos reducidos ao concepto de utilidade) suxeita a restricións. Estas restricións, como agora a escaseza, estabelecen un sacrificio ou intercambio. Por exemplo, un pode recibir máis diñeiro traballando máis, pero con menos tempo libre (o tempo é escaso). Pódense comer máis espárragos, sacrificando, por exemplo, patacas (a terra fértil é escasa, e o orzamento persoal tamén).Este concepto está ligado co concepto de custo de oportunidade.

Marxinalismo

Na teoría económica marxinalista, creada pola Escola austríaca a fins do século XIX, o nivel dos prezos está determinado polo custo marxinal e pola utilidade marxinal. O prezo de todos os bens será o custo de fabricar o último que a xente poderá adquirir, e o prezo de todos os empregados dunha empresa será o custo de contratar o último que o negocio necesita. O marxinalismo investiga as decisións baseadas nas marxes, que é o custo de producir a seguinte unidade, fronte a canto se espere recobrar en rendemento. Cando o retorno marxinal dunha acción atinxe cero, esa acción cesa. A utilidade marxinal é a cantidade de satisfacción ou uso que recibe unha persoa dunha adquisición en contraste cun gasto menor. Os beneficios marxinais están a miúdo suxeitos a rendementos decrecentes: obtense un menor beneficio dunha maior produción ou consumo.

Un antigo exemplo pode ilustrar esta teoría: o paradoxo da auga e do diamante. A auga ten un valor menor do que o diamante, por ser este último máis escaso e máis custoso de obter. Porén, como o ilustrara Condillac (Le Commerce et le Gouvernement considérés l'un relativement à l'autre: O Comercio e o Gobernos considerados reciprocamente), un home sedento pagará unha cantidade moi importante por un vaso de auga. O valor resulta así da dispoñibilidade dun ben nun lugar dado. Porén, unha vez consumido o primeiro vaso de auga, e logo un segundo e un terceiro, a utilidade marxinal, moi importante no primeiro vaso, decrece nitidamente tanto que o último vaso (antes do estado de "saciedade", na que o consumo xa non entraña satisfacción suplementaria) non ten case valor. De xeito inverso, o diamante posúe unha utilidade marxinal final moito máis importante e o seu prezo mantense.

Valor

O concepto de valor é medular en economía. Unha medida observábel do mesmo é o prezo de mercado.

Adam Smith definiu o traballo como a fonte subxacente do valor e a teoría do valor do traballo subxace na obra de Karl Marx, David Ricardo e outros economistas clásicos. Esta teoría argumenta que o prezo dos bens ou servizos equivale ao traballo que leva producilos. Para moitos, este valor determina un prezo da mercadoría. Esta teoría do prezo do traballo e a, estreitamente vencellada, teoría do valor de custo de produción dominou a obra da maioría dos economistas clásicos, pero distan de ser a única base aceptada para o valor. Por exemplo, a Escola austríaca de economistas usa a teoría do valor marxinal.

Economistas neoclásicos, como John R. Hicks, no seu libro Value and Capital, diferencian valor (como determinado polo lado da demanda) fronte a custo (do lado da oferta), co prezo determinado por demanda e oferta. Nun mercado competitivo, oferta e demanda interactúan para determinar o prezo e equilibrar custo e valor. A análise económica considera non só a asignación de output para diferentes usos, senón tamén a distribución da renda, nos factores de produción, incluíndo traballo e capital, a través de mercados de factores.

Linguaxe e razoamento económico

A economía ten o seu fundamento no razoamento rigoroso e lóxico. A metodoloxía económica está conformada por:

  • A recolleita de datos: datos de variables mensurábeis (como o prezo ou os cambios no prezo).
  • Formulación de modelos de relacións económicas: por exemplo, a relación entre o nivel xeral dos prezos e o nivel xeral de desemprego. A formulación inclúe formas observábeis da actividade económica, como numerario, consumo, preferencias, compras, vendas, e prezos. Algúns modelos son modelos de contabilidade sinxelos; outros postulan un comportamento económico específico, como a maximización da utilidade ou de beneficios.
  • A produción de estatísticas económicas: cos datos e o modelo aplicado, prodúcese unha representación dunha actividade económica.
  • Razoamento cos modelos económicos: o proceso de razoamento a miúdo se efectúa con matemática avanzada. Como nas demais ciencias, as conclusións do modelo teñen un valor preditivo e de confirmación / rexeitamento das hipóteses de relación entre as diferentes variábeis.

Desenvolvemento do pensamento económico

AdamSmith
Adam Smith, considerado o Pai da Economía, autor de A riqueza das nacións.

O termo economía foi introducido arredor de 1870 e popularizado polos influentes economistas neoclásicos, como Alfred Marshall, en substitución do anterior termo: economía política, que concernía máis no relativo ao Estado. Este último termo foi usado durante os séculos XVIII e XIX, por Adam Smith, David Ricardo e Karl Marx, entre outros pensadores, aos cales na actualidade acostuman ser citados como forxadores da teoría clásica da economía.

O pensamento económico dun xeito aproximado pode dividirse en tres fases: Premoderno: correspondería ao Mundo Antigo ata a Idade Media. Moderno temperán: incluiría teorías como o Mercantilismo e a Fisiocracia. Moderno: desde Adam Smith, na segunda metade do XVIII, ata a actualidade. Joseph Schumpeter, na súa "Historia da Análise económica", acredita o desenvolvemento do estudo científico da economía desde a Escolástica tardía, particularmente na España dos séculos XV e XVI.

Escolas do pensamento económico

A teoría económica comeza coa premisa de que os recursos son escasos e que é necesario escoller entre varias alternativas en competencia. Perante a escaseza, elixir unha alternativa implica esquecer outras alternativas: o custo de oportunidade. O custo de oportunidades crea unha relación de prezo, implícito, entre as alternativas competitivas. Tanto en mercados orientados, como en mercados de economías planificadas, a escaseza é explicitamente cuantificada por relacións entre prezos.

A moderna teoría económica edificouse, primariamente, sobre a economía neoclásica, que comezou a desenvolverse no final do XIX, e modelos de elección na asignación de recursos escasos.

A economía neoclásica, é a forma dominante de economía utilizada hoxe, constituíndo a fonte principal da teoría económica. Ás veces é denominada, polos seus críticos, economía ortodoxa. Lionel Robbins, en An Essay on the Nature and Significance of Economic Science (1932) dou a definición de Economía axeitada a esta corrente: "a ciencia que estuda a conduta humana como unha relación entre medios escasos que ten usos alternativos". Escaseza significa que os recursos de que se dispón son insuficientes para satisfacer todos os desexos e necesidades: se non hai escaseza e tampouco usos alternativos de recursos dispoñibles, entón non hai un problema económico.

Hai varias correntes de economía heterodoxa, que son menos usadas pola teoría económica. Pódense incluír: a economía institucional, a economía marxista, o socialismo, e a economía verde:

  • Cara 1830 converxen unha serie de pensadores (Charles Fourier, Louis Blanc, Pierre Joseph Proudhon), críticos cos economistas clásicos, coñecidos como socialistas utópicos, que propugnan a reforma da nacente sociedade capitalista, por medio de iniciativas privadas, que dividise entre todos o traballo e os produtos de consumo producido. Entre eles, o francés Saint-Simon propugna unha intervención tecnocrática do Estado, sobre a produción industrial, por medio da planificación, a fin de mellorar as condicións da clase traballadora.
  • Thorstein Veblen publica en 1899, Why is Economics not an Evolutionary Science?, escrito que funda a Escola de economía institucional. Rexeita numerosos postulados da escola neoclásica, como o hedonismo individual xustificando a noción de utilidade marxinal, ou a existencia dun equilibrio estábel cara o cal converxe a economía de xeito natural. A economía institucional é herdeira da Escola histórica alemá, e desenvolveuse especialmente nos Estados Unidos.
  • O marxismo repousa nunha visión filosófica do mundo, á cal a economía está intimamente ligada. A economía de Marx descansa en conceptos existentes (o traballo, a propiedade, o consumo, a produción, o capital, o diñeiro,...), que Marx completou e sobre todo redefiniu. Desenvolveu especialmente a teoría do valor e o valor do traballo, que retoma dos clásicos ingleses (en particular de David Ricardo).

Véxase tamén

Outros artigos

Agricultura

A agricultura (do latín agri ‘campo’, e cultūra ‘cultivo’, ‘crianza’) é o conxunto de técnicas, coñecementos e saberes para cultivar a terra e a parte do sector primario que se dedica a iso. Nela englóbanse os diferentes traballos de tratamento do chan e os cultivos de vexetais. Comprende todo un conxunto de accións humanas que transforma o medio ambiente natural.

As actividades relacionadas son as que integran o chamado sector agrícola. Todas as actividades económicas que abarca devandito sector teñen o seu fundamento na explotación dos recursos que a terra orixina, favorecida pola acción do ser humano: alimentos vexetais como cereais, froitas, hortalizas, pastos cultivados e forraxes; fibras utilizadas pola industria téxtil; cultivos enerxéticos etc.

A agricultura tamén comprende unha demanda global do ramo e servizo da alimentación mundial depende en gran medida do clima e das técnicas para poder facer a terra fértil, conserva a súa orixe na propiedade privada e na explotación da terra entregada a familias para poder establecerse.

É unha actividade de gran importancia estratéxica como base fundamental para o desenvolvemento autosuficiente e riqueza das nacións.

A persoa que traballa na agricultura é o agricultor ou a agricultora, a se mesmo a ciencia que estuda a práctica da agricultura é a agronomía.

Arxentina

A República Arxentina (en castelán: Argentina) é un país situado no extremo sur de América organizado como unha república representativa e federal. Pola súa extensión, é o segundo estado de América do Sur, cuarto no continente americano e o oitavo no mundo con 2 780 400 km². Con todo a Arxentina reclama as Malvinas, as illas Illas Xeorxia do Sur e Sandwich do Sur e a Illa Aurora baixo soberanía británica e unha área antártica ao sur do paralelo 60° S, denominada pola Arxentina Antártida Arxentina.

O seu territorio continental americano, que abrangue grande parte do Cono Sur, limita ao norte con Bolivia e Paraguai, ao nordés con Brasil, ao oeste e sur con Chile e ao este con Uruguai e o océano Atlántico.

Está dividido en 23 provincias e unha cidade autónoma, Buenos Aires, capital da nación e sede do goberno federal. Os seus 40 millóns de habitantes teñen uns índices de desenvolvemento humano, renda per cápita, nivel de crecemento económico e calidade de vida, que se encontran entre os máis altos de América Latina. Segundo o Banco Mundial, o seu PBI nominal é o 30º máis importante do mundo, aínda que se se considera o poder adquisitivo o seu PBI total converte ao país na 23º economía máis importante do mundo. Actualmente a Arxentina está clasificada como un país de ingresos medianos altos ou como un mercado emerxente, tamén segundo o Banco Mundial.O 25 de maio de 1810 tivo lugar a Revolución de Maio, na que foi deposto o último vicerrei español que gobernou dende Buenos Aires, e organizouse a Primeira Xunta de goberno. O 9 de xullo de 1816 foi proclamada formalmente en Tucumán a súa independencia como país libre e soberano.

Canadá

O Canadá (en inglés e francés: Canada) é un país que ocupa a metade norte da América do Norte. Limita cos Estados Unidos de América, localizado ao sur do país (Estados Unidos continentais) e ao noroeste (estado norteamericano de Alasca). Ao norte localízase o océano Ártico, ao oeste, o océano Pacífico, e ao leste, o océano Atlántico.

O Canadá é o segundo maior país do mundo, por extensión territorial.

O Canadá é unha federación, unha democracia parlamentaria, constituída por 10 provincias e 3 territorios. O país forma parte da Commonwealth de Nacións e a xefa de estado do país é a raíña Isabel II de Inglaterra, que está representada no Canadá por un gobernador xeral. O xefe do goberno é o primeiro ministro, posto ocupado actualmente por Justin Trudeau. A capital do país é Otava.

O país obtivo súa independencia en 1 de xullo de 1867, do Reino Unido. Esta, porén, continuou a ter o control do Ministerio do Exterior do Canadá. O Canadá obtivo independencia total en 1931, segundo os termos do Estatuto de Westminster.

O Canadá é un dos países máis multiculturais do mundo. Tendo sido colonizada por franceses e ingleses, cerca dun terzo da poboación do Canadá posúe ascendencia inglesa, escocesa ou irlandesa; e un cuarto da poboación do país posúe algún grao de ascendencia francesa. Os tres maiores grupos minoritarios do país son italianos, alemáns e chineses.

Os Estados Unidos son o maior parceiro económico do Canadá. Por causa da súa grande poboación e do seu maior poder económico e influencia cultural, os Estados Unidos dominan gran parte da economía e da cultura do Canadá - aínda que moitos canadenses loitan para que eles sexan os principais responsables do control da economía do seu país, e para manter a cultura canadense viva e en pé, que desde o comezo do século XX viuse asociada á cultura norteamericana.

Censo

O censo é un conxunto de operacións pola que se reúnen, elaboran e publican datos sobre cada membro dunha poboación, non necesariamente humana.

Os censos de poboacións dun país ou territorio é a principal fonte de datos demográficos pola grande cantidade de información que procesa: dá unha fotografía da poboación, describe estatisticamente as poboacións consideradas desde un punto de vista cuantitativo . É a fonte primaria das estatísticas básicas de poboación que son necesarias para fins gobernamentais e aspectos de planificación económica e social.

Úsase:

Como base para a análise e a avaliación demográfica.

Para proxectar, establecer e desenvolver políticas de goberno.

Para facer estimacións das distintas variables captadas no Censo.

Como "marco muestral" para enquisas.

Como referencia para as estatísticas continuas.

Para determinar os sistemas electorais dun país.

Comarca de Bergantiños

A comarca de Bergantiños é unha das 53 comarcas galegas e esta situada na provincia da Coruña e a súa capital é Carballo. Pertencen a esta comarca os concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso. Ten unha superficie de 742 km² e tiña 68.928 habitantes no ano 2014.

Comercio

O comercio é a actividade socioeconómica consistente na compravenda de bens, sexa para o seu uso, para a súa venda ou para a súa transformación. É o cambio ou transacción de algo a cambio doutra cousa de igual valor.

As actividades comerciais ou industriais son os intercambios de bens ou de servizos que se afectan a través dun mercador ou comerciante.

O comerciante é a persoa física ou xurídica que se dedica ao comercio en forma habitual, como as sociedades mercantiles.

Estados Unidos de América

Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) son un estado federal composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico. O país tamén posúe cinco territorios poboados e nove non poboados no Pacífico e no Caribe. Con 9,85 millóns de km2 e 318 millóns de persoas, os Estados Unidos son o terceiro ou cuarto meirande país por área total e o terceiro país por poboación. É un dos países máis multiculturais e diversos etnicamente do mundo, debido á inmigración de moitos países. A xeografía e o clima son moi diversos, e o país é tamén o fogar dunha variada vida salvaxe.

Os paleoindios migraron dende Eurasia ata os actuais Estados Unidos hai 15 000 anos, e a colonización europea comezou no século XVI. Os Estados Unidos xurdiron das Trece Colonias Británicas localizadas na Costa Atlántica. As disputas entre o Reino de Gran Bretaña e as colonias levaron á Revolución Americana. O 4 de xullo de 1776, mentres as colonias estaban a loitar contra Gran Bretaña na guerra de independencia, os delegados das 13 colonias asinaron a Declaración de Independencia. A guerra rematou en 1783 co recoñecemento da independencia dos Estados Unidos dende o Reino de Gran Bretaña, e foi a primeira guerra de independencia exitosa contra un imperio colonial europeo. A actual Constitución foi adoptada o 17 de setembro de 1787. As primeiras dez emendas, chamadas colectivamente Declaración de Dereitos, foron ratificadas en 1791 e deseñadas para garantir os dereitos e liberdades civís fundamentais.

De acordo coa doutrina do destino manifesto, os Estados Unidos embarcáronse nunha grande expansión en Norteamérica ó longo do século XIX. Isto supuxo o desprazamento das tribos nativas, adquisicións de novos territorios e a admisión gradual de novos estados. Durante a segunda metade do século XIX, a guerra civil estadounidense acabou coa escravitude legal no país. A finais dese século, os Estados Unidos estendéronse ata o Océano Pacífico, e a súa economía comezou a evolucionar. A guerra hispano-estadounidense e a primeira guerra mundial confirmaron o status do país como potencia militar. Os Estados Unidos emerxeron da segunda guerra mundial como superpotencia mundial ó ser o primeiro país en desenvolver armas nucleares, o único en usalas en guerra, e como membro permanente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. A fin da guerra fría e a disolución da Unión Soviética permitiron que os Estados Unidos ficaran como a única superpotencia.Os Estados Unidos son un país desenvolvido e a meirande economía do mundo. A economía aliméntase da abundancia de recursos naturais e a produtividade da man de obra. Mentres a economía estadounidense está considerada como post-industrial, continúa a ser un dos manufactureiros máis importantes do mundo. O 37% dos orzamentos do país corresponden a gasto militar, sendo a primeira potencia económica e militar, unha gran forza cultural e política, e o líder en investigación científica e innovación tecnolóxica.

Instituto Nacional de Estadística

O Instituto Nacional de Estadística de España ou INE, é o organismo oficial de España encargado de elaborar estatísticas sobre a demografía, economía, e sociedade españolas.

Para a obtención de datos de poboación levábanse a cabo censos, pero desde 2001 xa non se realiza ningún, dado que a actual normativa obriga aos concellos a levar unha xestión informatizada do seu censo e a unha comunicación mensual dos cambios ocorridos ao Instituto Nacional de Estadística. Isto implica que desde esa data os datos oficiais de poboación elabóranse anualmente mediante un proceso de intercambio de ficheiros entre os concellos e o INE.

Londres

Londres (en inglés: London, [ˈlʌndən] (AFI), escoitar) é a capital e cidade máis poboada de Inglaterra e do Reino Unido; atópase ás beiras do río Támese na illa de Gran Bretaña. No ano 2015 tiña unha poboación estimada de 8,31 millóns de habitantes na división administrativa do Gran Londres, composta por 32 distritos municipais (boroughs) e mais pola Cidade de Londres propiamente dita (City of London), nunha área de 1579 km². A súa área metropolitana ten preto de 17,1 millóns de habitantes.Ten a súa orixe na cidade romana de Londinium, capital da rexión administrativa romana de Britannia. A cidade acabou por se tornar o centro do Imperio Británico, contribuíndo hoxe en día co 17% do PNB dun país que é a cuarta maior economía do mundo.

Londres ten sido un dos máis importantes centros da política e do comercio mundiais por case dous milenios (a pesar de ter sido Winchester a capital de Inglaterra durante gran parte da Idade Media).

Manufactura

A manufactura (do latín manus 'man' e factura 'feitura') describe a transformación de materias primas en produtos terminados para a súa venda. Tamén involucra procesos de elaboración de produtos semimanufacturados. É coñecida tamén polo termo de industria secundaria. Algunhas industrias, como as manufacturas de semicondutores ou de aceiro, por exemplo, usan o termo de fabricación.

O termo pode referirse a unha variedade enorme da actividade humana, da artesanía á alta tecnoloxía, pero é máis comunmente aplicado á produción industrial, na cal as materias primas son transformadas en bens terminados a grande escala.

A fabricación prodúcese baixo todos os tipos de sistemas económicos. Nunha economía capitalista, a fabricación diríxese polo xeral cara á fabricación en serie de produtos para a venda a consumidores cunha ganancia. Nunha economía colectivista, a fabricación está frecuentemente dirixida por unha axencia estatal. Nas economías modernas, a fabricación discorre baixo algún grao de regulación gobernamental.

A fabricación moderna inclúe tódolos procesos intermedios requiridos para a produción e a integración dos compoñentes dun produto. O sector industrial está estreitamente relacionado coa enxeñería e o deseño industrial.

O proceso pode ser manual (orixe do termo) ou coa utilización de máquinas. Para obter maior volume de produción é aplicada a técnica da división do traballo, onde cada traballador executa só unha pequena porción da tarefa. Así, especialízase e economiza movementos, o que vai repercutir nunha maior velocidade de produción.

Aínda que a produción artesanal formou parte da humanidade desde fai moito tempo (desde a Idade Media), pénsase que a manufactura moderna xorde ao redor de 1780 coa Revolución Industrial británica, expandíndose a partir de entón a toda a Europa continental, logo a Norteamérica e finalmente ao resto do mundo.

A manufactura converteuse nunha porción inmensa da economía do mundo moderno. Segundo algúns economistas, a fabricación é un sector que produce riqueza nunha economía, mentres que o sector servizos tende a ser o consumo da riqueza

Milán

Milán (en italiano: Milano, [miˈlaːno] (AFI), escoitar; en lombardo: Milàn, [miˈlaŋ] (AFI)) é a principal cidade do norte de Italia, capital da rexión de Lombardía, situada na chaira Padana. Cunha poboación de 1 351 562 habitantes no 2017, Milán é a segunda cidade máis poboada do estado tras Roma. Está considerada a capital económica e industrial do país, e un dos 4 motores principais da economía europea, con París, Londres e Frankfurt.

Oleiros, Vilalba

San Mamede de Oleiros é unha parroquia do concello de Vilalba (Lugo). En 2008 contaba cuns 450 habitantes repartidos en 31 entidades de poboación.

Poboación

En socioloxía e bioloxía, unha poboación é un grupo de persoas, ou organismos dunha especie particular, que viven nunha área xeográfica, ou espazo, e cuxo número se determina normalmente por un censo.

A demografía é o estudo estatístico das poboacións humanas. Aspectos varios do comportamento humano nas poboacións estúdanse en socioloxía, economía, e xeografía, en especial, na xeografía da poboación. O estudo de poboacións normalmente está gobernado polas leis da probabilidade, e as conclusións dos estudos pode non ser sempre aplicables a algúns individuos.

Produto interior bruto

O produto interior bruto ou PIB é o valor monetario total da produción corrente de bens e servizos dun país durante un período (normalmente é un trimestre ou un ano). O PIB é unha magnitude de fluxo, pois contabiliza só os bens e servizos producidos durante a etapa de estudo.

En canto ao cálculo do PIB, pode facerse segundo o custo dos factores ou dos prezos de mercado. A relación entre ámbolos dous obtense restando ao PIB valorado a prezo de mercado, os impostos indirectos ligados á produción (Ti) e restándolle as subvencións á explotación (Su). Aleatoriamente pódense agregar, segundo algúns economistas, os royalties.


O PIB é, sen dúbida, a macromagnitude económica máis importante para a estimación da capacidade produtiva dunha economía. Existen outros tipos de macromagnitudes a considerar partindo do PIB: o produto nacional bruto diferénciase do PIB en que só considera a cantidade fluxo de bens e servizos producidos por nacionais dun país, se ben o PIB non ten en consideración o criterio de nacionalidade.

Provincia da Coruña

A Coruña é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833, e ocupa a punta noroeste do país e da península Ibérica. Limita ao norte e ao oeste co océano Atlántico, ao leste coa provincia de Lugo e ao sur coa provincia de Pontevedra. A capital leva o mesmo nome, A Coruña.

San Simón da Costa, Vilalba

San Simón da Costa é unha parroquia do concello de Vilalba (Lugo). En 2011 tiña 448 habitantes (229 homes e 219 mulleres) repartidos en 82 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación a 1991 cando tiña 651 habitantes.

Sancovade, Vilalba

Santiago de Sancobade é unha parroquia do concello de Vilalba (Lugo). En 2011 tiña 1.130 habitantes (541 homes e 589 mulleres) repartidos en 31 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación a 1991 cando tiña 846 habitantes.

Suráfrica

A República de Suráfrica é unha república situada no extremo sur do continente africano, cunha liña de costa de 2.798 quilómetros entre os océanos Atlántico e Índico. Limita ao norte con Namibia, Botswana e Cimbabue; ao leste con Mozambique e Suacilandia; mentres que Lesoto é un país independente completamente rodeado polo territorio surafricano.

Suráfrica é coñecida pola súa variedade de culturas e linguas, sendo recoñecidos pola súa constitución once idiomas oficiais, dos que dous son de orixe europea: o afrikaans, unha lingua que xurdiu principalmente do neerlandés, e o inglés surafricano. Aínda que o inglés é a lingua máis utilizada na vida pública e de negocios, é tan só a quinta lingua máis falada nos fogares.

Ademais das linguas, o país é tamén etnicamente diverso. Ao redor do 79,2% da poboación surafricana é de orixe negra africana, dividida nunha gran variedade de grupos étnicos que falan diferentes linguas bantús, nove das cales teñen carácter oficial. En Suráfrica tamén viven grandes comunidades de europeos, hindús e etnicamante mixtas. Ao redor dunha cuarta parte da poboación carece de emprego e vive con menos dun euro ao día. Suráfrica é tamén un dos membros fundadores da Unión Africana, da cal posúe a economía máis grande de tódolos membros. Tamén foi membro fundador das Nacións Unidas e é membro entre outras organizacións da Commonwealth de Nacións, da Organización Mundial do Comercio ou do Fondo Monetario Internacional.

Unión Soviética

A Unión Soviética, de nome completo Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (abreviado: URSS, en ruso: Союз Советских Социалистических Республик ou СССР, tr.: Soyuz Sovétskij Sotsialistícheskij Respublik) foi unha federación de repúblicas soviéticas de proporcións continentais, cubrindo practicamente un sexto das terras emerxidas do planeta, converténdose así no meirande estado do planeta, o que tiña máis liña de costa e máis quilómetros de fronteiras ademais de ser un dos máis diversos etnicamente.Foi fundada o 30 de decembro de 1922 pola xuntanza dos países que formaban o antigo Imperio Ruso, tanto de Europa como de Asia, cun número que variou ao longo do tempo, aínda que foi de quince durante a maior parte da existencia do estado. Foi unha das dúas superpotencias durante a guerra fría xunto aos Estados Unidos de América. Foi disolta o 26 de decembro de 1991.

Campos de estudo das ciencias
Ciencias naturais
Ciencias sociais
Ciencias aplicadas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.