Duque

Duque é un dos títulos nobiliarios europeos con que os monarcas amosan a súa gratitude a certas persoas. A súa forma feminina é duquesa. O señorío dun duque recibe o nome de ducado. Sóeselle conceder a fillos da realeza que non son herdeiros. Este título, en España, leva ligada a dignidade de Grande de España.

T13 Erlaucht
Coroa de duque.

Orixe

O título ten a súa orixe nos cargos tardorromanos e bizantinos do latín Dux, plural "duce". En latín clásico, Dux denotaba o rango militar de Xeneral (palabra que, á súa vez, deriva a súa semántica probablemente do infinitivo "duco": guiar desde a fronte, en oposición a "ago": guiar desde atrás, de xeito que "o que guía desde a fronte" denotaría orixinalmente a un guía militar ou caudillo).

Eventualmente, a raíz da práctica de conceder terras aos xenerais vitoriosos, o dito título utilizouse coma unha referencia nobiliaria que designa a un membro da clase alta. Durante séculos usaríase esa mesma forma latina en Venecia, para designar ao xefe da República Adriática.

Conforme se foron desenvolvendo os reinos xermánicos tras a caída do imperio, o título foi usado por altos cargos, gobernadores, caudillos... etc. No sistema social e político coñecido como Feudalismo que Carlomagno fundou ao dividir os seus dominios en condados, os duques ocupaban o nivel máis alto na escala nobiliaria.

Posteriormente, coa Capitular de Quierzy, converteuse en hereditario, pasando de pais a fillos.

No século XIX, coa abolición dos dereitos señoriais perderon a súa autoridade e poder, aínda que en moitos países conservouse o título por herdanza de forma honorífica e ás veces a súa riqueza e influencia.

O súa etimoloxía foi moi utilizada polos movementos de corte fascista do século XX, así o apelativo "Il Duce" utilizado polo ditador Benito Mussolini é unha derivación da voz Dux/duce. O equivalente xermano “Der Führer” (o guía, o líder) é unha tradución do mesmo termo. "El caudillo", título que se concedeu a si mesmo o xeneral Francisco Franco (se ben proveniente do latín capitellum) é unha equivalencia destes termos, todos eles orixinados no concepto Dux (duque) “o que guía desde a fronte”

Uso actual

Hoxe en día, coma calquera outro título nobiliario, non ten máis valor ca o simbólico.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

16 de xuño

O 16 de xuño é o 167º día do ano do calendario gregoriano e o 168º nos anos bisestos. Quedan 198 días para finalizar o ano.

25 de xullo

O 25 de xullo é o 206º día do ano do calendario gregoriano e o 207º nos anos bisestos. Este día celébrase o Día Nacional de Galicia. Quedan 159 días para finalizar o ano.

A Duquesa da rúa do Duque

A Duquesa da rúa do Duque (en inglés The Duchess of Duke Street) é unha serie de televisión da BBC que transcorre no Londres de comezos do século XX (1900 a 1925) creada polo antigo produtor de Arriba e abaixo, John Hawkesworth. A serie foi proposta para un Premio Emmy en 1980. A Televisión de Galicia emitiuna en 1986.

Arquipélago

Un arquipélago é un conxunto de illas relativamente próximas unhas das outras. A proximidade débese, xeralmente, a unha orixe xeolóxica común para a totalidade do arquipélago, que normalmente se forma ao longo dunha dorsal oceánica.

Carlos II de Inglaterra

Carlos II, nado o 29 de maio de 1629 e finado o 6 de febreiro de 1685, foi rei de Inglaterra, Escocia e Irlanda desde o 30 de xaneiro de 1649 (nominalmente) e desde o 29 de maio de 1660 (de feito) ata a súa morte. O seu pai, Carlos I, foi executado en 1649 tras a Guerra Civil Inglesa; a monarquía foi entón abolida e o país converteuse nunha república baixo o mando de Oliver Cromwell, o "Lord Protector". En 1660, pouco logo da morte de Cromwell, restaurouse a monarquía baixo Carlos II.

A diferenza do seu pai, Carlos II foi hábil na súa relación co Parlamento. Foi durante o seu reinado cando se desenvolveron os partidos Whig (liberal) e Tory (conservador). Fíxose soado polos seus numerosos fillos ilexítimos, dos que recoñeceu a catorce. Coñecido como o Alegre Monarca, Carlos II favoreceu as artes e foi menos restritivo que os seus predecesores. Ao abrazar o catolicismo no seu leito de morte, Carlos II converteuse no primeiro católico romano que reinaba en Inglaterra desde a morte de María I en 1558, e en Escocia desde a deposición de María I de Escocia, en 1567.

Carlos V, Sacro Emperador Romano-Xermánico

Carlos V, Sacro Emperador Romano-Xermánico, tamén coñecido como Carlos V de Habsburgo, Carlos V de Flandres, Carlos I de Habsburgo ou Carlos I de España e V de Alemaña, nado no palacio Prinsenhof de Gante o 24 de febreiro de 1500 e finado no mosteiro de Yuste o 21 de setembro de 1558, foi fillo de Filipe o Fermoso de Habsburgo e de Xoana, a Tola. Reinou nas Coroas de Castela e Aragón moi novo, aos 16 anos, de 1516 a 1556, e posuíu a coroa imperial alemá de 1519 a 1558.

Casa de Borbón

A casa de Borbón (en francés: Bourbon, en italiano: Borbone) é unha casa real de orixe francesa (aínda que a primeira coroa á que accedeu foi a do Reino de Navarra), actual casa reinante en España e no Gran Ducado de Luxemburgo. Gobernaron primeiro en Navarra e Francia, pero para o século XVIII os membros da casa de Borbón chegaron aos tronos de España e sur de Italia, destacando o Reino das Dúas Sicilias, ademais de varios pequenos ducados e condados.

Ducado de Benevento

O Ducado de Benevento foi o territorio longobardo situado máis ao sur na Italia medieval. Centrábase na cidade de Benevento. Foi na práctica un territorio independente do Reino dos Longobardos, agás nos reinados de Grimoaldo ata Liutprando.

Ducado de Borgoña

O Ducado de Borgoña foi un dos estados máis importantes da Europa medieval, que foi practicamente independente entre 880 e 1477.

Non debe ser confundido co condado de Borgoña, outro territorio de Francia.

A partir de 1006, o ducado foi un apanaxe (feudo concedido a un príncipe, en compensación de que só o primoxénito herdaría a coroa) gobernado sucesivamente por dúas liñaxes de sangue real, Capetos directos e Valois.

Como consecuencia do matrimonio do duque Filipe II o Atrevido con Margarida de Flandres, os Valois-Borgoña deron tal extensión ás súas posesións nos Países Baixos entre 1363 e 1477 que fixo que pretenderan converter ao seu Estado borgoñón nun estado independente. Porén, este crecemento tan rápido conduciu á formación dunha coalición encabezada pola Confederación Suíza e o duque de Lorena que infrinxiu unha serie de derrotas ao último duque Carlos o Temerario, quen finalmente encontrou a morte baixo as murallas de Nancy.

A Borgoña propiamente dita convértese incluso nun Goberno e unha Xeneralidade do reino de Francia. O seu territorio correspondía principalmente aos actuais departamentos de:

Côte-d'Or, con Dijon e Beaune,

Saona e Loira (Saône-et-Loire), con Chalon-sur-Saône,

e unha parte de Yonne, con Auxerre.O seu territorio aumentaría coa adición de Bresse e do Bugey, cando Savoia cedeu a Henrique de Borbón, rei de Francia e de Navarra, as súas posesións na beira dereita do Ródano.

En canto ás posesións dos duques de Borgoña nos Países Baixos, foi Carlos V, neto de Carlos o Termerario, quen fará deles unha entidade política independente.

Grazas á súa riqueza e vasto territorio, o ducado foi tanto política como economicamente moi importante. Tecnicamente eran vasalos do rei de Francia, pero os duques de Borgoña souberon manter unha política propia.

Ducado de Spoleto

O ducado de Spoleto foi un territorio longobardo independente fundado aproximadamente no 570 ao sur de Italia.

Década de 800

A década de 800 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 800 e remata o 31 de decembro de 809.

Filipe II de España

Filipe II de España, tamén coñecido como Filipe II de Habsburgo, nado en Valladolid o 21 de maio de 1527 e falecido en El Escorial, Madrid, o 13 de setembro de 1598, foi rei de España entre 1556 e 1598 e de Portugal e os Algarves, (Filipe I de Portugal) entre 1580 e 1598.Fillo e herdeiro de Carlos I de España e Isabel de Portugal, e neto por vía paterna de Xoana I de Castela e de Filipe de Habsburgo (Filipe o Fermoso), e de Manuel I de Portugal e María de Aragón por vía materna. Chamado o rei prudente, realizou a ansiada unión dinástica con Portugal, que durou sesenta anos. Foi así mesmo rei de Inglaterra, entre 1554 e 1558, polo seu matrimonio con María I de Inglaterra.

Desde a súa morte foi presentado polos seus defensores como arquetipo de virtudes, e como un monstro fanático e despótico polos seus inimigos. Esta dicotomía entre a Lenda Negra e a Lenda Branca ou Rosa foi favorecida por el mesmo, xa que se negou a que se publicaran biografías súas en vida, e ordenou a destrución da súa correspondencia.[Cómpre referencia]Aínda hoxe en día, a historiografía anglosaxoa e protestante presenta a Filipe II como un ser fanático, despótico, criminal, imperialista e xenocida. As súas vitorias foron minimizadas até o anecdótico (salvo uns poucos exemplos, como a Batalla de Lepanto) e as súas derrotas magnificadas en exceso, a pesar de que non supuxeron grandes cambios políticos ou militares, como a perda dunha parte da Grande y Felicísima Armada (a Armada Invencible) debido a un forte temporal que ademais os historiadores anglosaxóns "transformaron" nunha vitoria inglesa.[Cómpre referencia]Durante o seu goberno, o Imperio español dirixiu a exploración global e a extensión colonial a través do Atlántico e do Océano Pacífico, converténdose durante moito tempo no principal país e potencia europea e de todo o mundo. O seu imperio converteuse no primeiro imperio global, porque por primeira vez un imperio abarcaba posesións en todos os continentes, as cales, a diferenza do que ocorrera no Imperio romano ou no Carolinxio, non se comunicaban por terra as unhas coas outras.

Filipe IV de España

Filipe IV de España, tamén coñecido como Filipe IV de Habsburgo, nado en Valladolid o 8 de abril de 1605 e finado en Madrid o 17 de setembro de 1665, denominado O Grande ou O Rei Planeta, foi rei de España desde o 31 de marzo de 1621 até o seu falecemento; así mesmo foi rei de Portugal, como Filipe III até o 1 de decembro de 1640. O seu reinado de 44 anos e 170 días foi o máis longo da casa dos Austria e o terceiro da historia española, sendo superado só por Filipe V e Afonso XIII, aínda que os primeiros dezaseis anos do reinado deste último foron baixo rexencia.

Durante a primeira etapa do seu reinado compartiu a responsabilidade dos asuntos de Estado con Gaspar de Guzmán, conde-duque de Olivares, quen realizou unha enérxica política exterior que buscaba manter a hexemonía española en Europa. Trala caída de Olivares, encargouse persoalmente dos asuntos de goberno, axudado por cortesáns moi influentes, como Luis Méndez de Haro, sobriño de Olivares, e o duque de Medina das Torres.

Os exitosos primeiros anos do seu reinado auguraron a restauración da preeminencia universal dos Habsburgo, pero a guerra constante da Europa protestante e a católica Francia contra España conduciron ao declive e ruína da Monarquía Hispánica, que tivo de ceder a hexemonía en Europa á puxante Francia de Luís XIV, así como recoñecer a independencia de Portugal e das Provincias Unidas.

Habsburgo

A casa de Habsburgo (en alemán Hapsburg), tamén chamada casa de Austria, e a súa familia sucesora en Austria, os Habsburgo-Lorena (Habsburg Lothringen), é unha das familias máis importantes da Historia de Europa, que gobernou sobre varios países. A familia tivo a súa orixe no século XII e o nome deriva de Habichtsburg, o castelo do falcón, a súa morada oficial, construído no 1020, na actual Suíza. En tempos actuais, o cabeza da dinastía foi o príncipe Otón de Habsburgo (1912-2011), e o xefe da casa, o seu fillo o arquiduque Carlos de Habsburgo-Lorena, desde 2007.

Os Habsburgo foron:

Soberanos de Austria (como duques 1282-1453, arquiduques 1453-1804 e emperadores 1804-1918),

Soberanos de Alemaña como reis de romanos e emperadores do Sacro Imperio Romano Xermánico (1273-1308 e 1440-1806),

reis de Hungría (1437-1439, 1445-1457, 1526-1918),

reis de Croacia (1437-1439, 1445-1457, 1526-1918),

reis de Bohemia (1306-1307, 1437-1439, 1453-1457, 1526-1918),

reis de España (1516-1700),

reis de Portugal (1580-1640),

reis de Galicia e Lodomeria (1772-1918),

grandes príncipes de Transilvania (1690-1867),

grandes duques de Toscana (1737-1801; 1814-1860).Outras coroas controladas brevemente pola casa foron:

rei de Sardeña (1713-1720),

duque de Parma (1814-1847),

duque de Módena (1814-1859),

emperador de México (1864-1867).

Hinojosa del Duque

Hinojosa del Duque é un municipio español da provincia de Córdoba, Andalucía. No ano 2010 tiña 7.366 habitantes. A súa extensión superficial é de 533 km² e tiña unha densidade de 13,86 hab/km². As súas coordenadas xeográficas son 38º 30' N, 5º 08' O. Atópase a unha altitude de 542 metros e a 94 quilómetros da capital de provincia, Córdoba. A súa rede hidrográfica pertence case na súa totalidade á cunca do Guadiana, mediante o seu afluente o río Zújar; só o arroio de El Caldero, afluente do río Cuzna, verte as súas augas na cunca do Guadalquivir.

Honorio II, papa

Honorio II, nado co nome de Lamberto Scannabecchi en Fagnano en data ignota, e finado en Roma o 13 de febreiro de 1130, foi o 163º papa da Igrexa católica de 1124 a 1130.

Monarquía

Monarquía (do grego: monos 'un' e archeien 'gobernante') é a forma de goberno onde o Xefe de Estado (que pode ter o título de rei, káiser, tsar, xeque... conforme o país) non é froito de eleccións periódicas da poboación para un exercicio por período limitado (como na república), mais exérceo

por tempo indeterminado (ata o seu falecemento ou ata que renuncie)

recibe a Xefatura do seu antecesor e transmítea ó seu sucesor por herdanza ou lazo de parentesco. Caso particular é a elección dun novo pontífice, se consideramos o goberno do Vaticano unha monarquía.A Xefatura de Estado non se confunde coa Xefatura de Goberno: esta última significa principalmente o poder de sancionar ou vetar leis, e pode ser exercida por un primeiro ministro, na monarquía constitucional ou polo propio soberano, na monarquía absoluta. Moitas veces a Xefatura de Estado ten apenas unha función cerimonial, ou dun símbolo da soberanía daquel Estado, tal como o seu himno nacional ou a bandeira nacional.

Como exemplo de monarquías absolutas, podemos citar o Antigo Exipto dos faraóns, ou a de Francia ata 1789, onde se afirmaba que o poder dos reis tiña orixe divina.

Como exemplo de monarquía constitucional está España, onde o rei Filipe VI de España é o Xefe de Estado e o primeiro ministro (chamado en España Presidente do Goberno) é Pedro Sánchez. Outros exemplos son o Reino Unido (raíña: Isabel II do Reino Unido e primeiro ministro: David Cameron), Suecia, Países Baixos etc.

Un mesmo monarca pode ser xefe de dous ou máis Estados. Por exemplo, a raíña Isabel II do Reino Unido tamén é Xefe de Estado do Canadá, das Bahamas, de Australia e outros. Pero isto non torna estes outros países subordinados ó Reino Unido, pois os primeiros ministros de Canadá, Bahamas o Australia son escollidos polos parlamentos locais en eleccións locais, sen interferencia do goberno británico.

Nobreza

A nobreza constitúe un grupo social exclusivo comunmente de carácter hereditario cun status privilexiado recoñecido pola autoridade. Na Europa preindustrial era un dos tres estamentos medievais e do Antigo Réxime, xunto co clero e o terceiro estado e como estamento privilexiado da sociedade baseaba eses privilexios nunha suposta superioridade moral ou racial.

No estado feudal, nobre era que posuía un feudo, e que estaba unido aos seus servos por relacións de vasalaxe, mas na Idade Moderna os reis adxudicaron numerosos títulos sen terras ou dominios asociados. O instauración da nobreza supuxo a imposición nas sociedades romanizadas da antiga división social indoeuropea longo tempo desaparecida, mas que se conservou polos pobos xermánicos. Esta división estruturaba a sociedade en tres grupos hereditarios de guerreiros, sacerdotes e traballadores. Tanto a sociedade romana como moitas das anteriores sobre as que se impuxo a súa cultura xa perderan esta estruturación e deran lugar a certa mobilidade social.

Villanueva del Duque

Villanueva del Duque é un municipio andaluz da provincia de Córdoba. No ano 2005 tiña 1.799 habitantes. A súa extensión superficial é de 137 km² e ten unha densidade de 12,4 hab/km². As súas coordenadas xeográficas son 38º 23' N, 4º 60' O. Atópase situada a unha altitude de 585 metros e a 76 quilómetros da capital de provincia, Córdoba. Até 1833, Villanueva del Duque formaba parte de Estremadura.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.