Ducado (moeda)

Para a acepción de ducado como o territorio rexido por un duque, véxase Duque
Venezia Ducato 1400
Ducado de ouro veneciano a nome de Michele Steno (1400-1413). Diámetro: 21 mm. Peso: 3,50 g. A/ San Marcos en pé presentándolle o gonfalón ao dux. S. M. VANET. R/ Cristo en pé sostén os Evanxeos. SIT. T. XPE. DAT. Q. T. REGIS ISTE DUCATVS.

O ducado foi unha moeda cuñada en ouro e en prata que se utilizou en Europa a modo de moeda global desde finais da Idade Media ata entrado o século XX.[1][2][3][4]

Ao longo dese período tan amplo emitíronse ducados con diferentes valores en función do grao de pureza dos metais empregados na súa cuñaxe. O ducado de ouro de Venecia foi o primeiro en acadar unha ampla aceptación internacional, á maneira do hyperpyron bizantino, o florín florentino ou, máis modernamente, a libra esterlina británica ou o dólar dos Estados Unidos.[5]

Historia

Orixes

Scifato ducale
Ducado de prata de Roger II de Sicilia. A/ Busto de Cristo de fronte, sostendo o Evanxeo. +IC XC RC IN ÆTRN. R/ O rei e o seu fillo en pé, sostendo unha cruz entre eles. R•R SLS / R•DX•AP / AN R X.

A palabra ducado provén do latín medieval ducalis, co significado de "relacionando cun duque", e inicialmente asociábase unicamente ás moedas correspondentes a un ducado ou emitidas a nome dun duque.[6]

A primeira emisión de moedas de billón tipo scyphate débeselle ao rei Roger II de Sicilia, arredor de 1140. Eran moedas válidas para todo o reino e caracterizábanse por seren as primeiras en amosaren a imaxe de Cristo, nos seus anversos, xunto coa lenda SIT TIBI. CHRISTE, DATVS, QVEM TV REGIS ISTE DVCATVS ("Oh, Cristo, permite que este ducado que gobernas sexa dedicado a ti").[7][8] Nos reversos, Roger II amósase como emperador bizantino, xunto co seu fillo.[9] Estas moedas foron as primeiras en recibir a denominación de "ducado", a partir do Ducado de Puglia que o emperador lle concedera ao seu fillo.

Ducados de Venecia

O dux de Venecia Enrico Dandolo introduciu unha variante do ducado de prata a partir do orixinal de Roger II. Porén, máis tarde, os ducados de ouro de Venecia chegaron a acadar tanta relevancia que o nome desta moeda chegou a asociarse case exclusivamente a eles, pasando os de prata a coñecerse co nome de grosso.[10]

No século XIII, os venecianos importaron mercadorías do Leste para faceren negocio con elas, revendéndoas ao norte dos Alpes.[11] Estas compras foron pagadas con moedas bizantinas de ouro, mais o emperador Miguel VIII Paleólogo, cara a 1282, desvalorizou o hyperpyron.[12] Esta só foi unha máis da serie de desvalorizacións desta moeda, ao que o Grande Consello de Venecia respondeu, en 1284, coa creación da súa moeda propia moeda de ouro puro: o ducado.[13][11]

Florencia e Xénova introduciran as súas propias moedas de ouro xa en 1252, e o florín florentino gozaba de recoñecemento en toda Europa. Venecia baseou o tamaño e o peso do seu ducado no florín de Florencia, cun lixeiro aumento de peso por mor das diferenzas nos sistemas ponderais utilizados en ambas as cidades. Deste xeito, o ducado veneciano naceu cun peso de 3,545 gramos e cunha pureza do ouro do 99,47 %, a máxima que se podía alcanzar na metalurxia da época.

A tipoloxía dos ducados venecianos de ouro deriva da que tiñan os primitivos de prata, de orixe bizantina. Os seus anversos amosan unha imaxe do dux de Venecia axeonllado ante San Marcos, o padrón de Venecia. Marcos sostén os Evanxeos, que son o seu atributo habitual, e preséntalle un gonfalón ao dux. A lenda da esquerda identifica o santo como S M VENET ("San Marcos de Venecia") e a da dereita identifica o dux, amosando a palabra DVX no campo. Nos reversos aparece a imaxe de Cristo en pé entre un campo de estrelas, nun marco ovalado. A lenda inversa é a mesma que caracterizaba os ducados de Roger II.[14]

Os seguintes dux de Venecia continuaron cuñando ducados, cambiando só o seu nome nos anversos. Durante o século XV, o valor do ducado en relación á moeda de prata estaba estabilizado en 124 soldos venecianos. Porén, o conflito entre Inglaterra e España en 1567 fixo aumentar o prezo do ouro e alterou esta equivalencia.[15] O dux Leonardo Loredano introduciu no sistema moedas de medio ducado e os seus sucesores engadiron a dun cuarto, así como diversos múltiplos; todas estas moedas continuaron a basearse nos deseños e no padrón ponderal dos ducados orixinais de 1284. Como caso particular, mesmo cando a aparición da data de cuñaxe se converteu nalgo ordinario nas moedas occidentais, Venecia continuou a emitilos sen indicación da data, ata que Napoleón acabou coa República Veneciana en 1797.[16]

Imitacións dos ducados de Venecia

Cando a cidade de Roma introduciu a súa moeda de ouro, tanto o florín como o ducado poderían ter suposto un bo modelo, dado o seu prestixio, mais os florentinos, que controlaban as finanzas de Roma, aseguráronse de que a moeda da súa cidade non fose copiada.[17] Pola contra, as moedas romanas amosaban nos seus anversos a figura dun senador de xeonllos ante San Pedro, e nos reversos a Cristo entre estrelas nun marco ovalado, como imitación directa dos ducados venecianos. Posteriormente, os papas mudaron estes deseños, aínda que continuaron coa emisión de ducados do mesmo peso e tamaño durante todo o século XVI.[18]

A maioría das imitacións do ducado veneciano foron feitas nas zonas do leste do Mediterráneo, onde Venecia gastaba máis diñeiro do que recibía. Os Cabaleiros de San Xoán de Xerusalén bateron ducados baixo o grande mestre Dieudonné de Gozon (1346-1353), que aparece nos anversos axeonllado ante San Xoán, en tanto que nos reversos se amosa un anxo sentado sepulcro de Cristo. Porén, os grandes mestres subseguintes acharon conveniente copiar os tipos venecianos dun xeito máis preciso, primeiro en Rodas e despois en Malta.[19]

Os comerciantes xenoveses foron aínda máis lonxe, ao cuñaren ducados en Quíos, no mar Exeo, que apenas podían distinguirse dos orixinais. Este feito resultaba problemático para Venecia, que baseaba a reputación internacional dos seus ducados na pureza do seu metal. A rareza actual dos ducados cuñados polos comerciantes xenoveses en Mitilene, Focea e Pera suxire que os venecianos fundiron os exemplares que ían atopando.[20]

Ducados do Sacro Imperio

Hungary 1629 100 Ducats
Fernando III no anverso nunha moeda húngara de 100 ducados (1629)

Na Europa Occidental, Venecia era unha nación eminentemente comerciante, e vendía máis do que compraba, o que ocasionaba que a súa moeda se utilizase internacionalmente menos que o florín.[17]

Logo do asasinato de Amadeo Aba a mans de Henckels en 1311, Carlos I de Hungría comezou as súas cuñaxes en ouro aproveitando o metal das antigas minas de Aba. O seu fillo, Luís I de Hungría, mantivo a pureza do ouro, aínda que cambiou os deseños ao substituír a figura de San Xoán en pé dos floríns por outra de San Ladislao, e máis tarde mudando a flor de lis de Florencia polo seu escudo de armas.[21]

No século XV produciuse unha distinción entre as denominacións dos floríns de ouro puro e as imitacións desvalorizadas desta moeda, segundo a cal as máis puras pasaron a chamarse ducados e as de peor calidade floríns (en alemán: gulden; en húngaro: forint).[22] O emperador Carlos V recoñeceu esta distinción en 1524 ao emitir ducados baixo o padrón veneciano, cun valor o 39 % máis alto que o do florín.[23] O seu irmán máis novo, Fernando I, levou este sistema a Hungría en 1526, cando herdou o seu trono.[24] A súa pureza fixo que o ducado húngaro fose aceptado en toda Europa. Mesmo o alto tesoureiro de Escocia deixou rexistrados os ducados que o seu rei utilizaba para o xogo.[25]

Hungría continuou a bater ducados de 3.53133 gramos e cunha pureza do 98,6 % de ouro fino. De xeito diferente aos deseños invariables dos ducados de Venecia, o escudo de armas dos reversos dos ducados húngaros modificábase con frecuencia para reflectir diversas circunstancias. En 1470, Matías Corvino substituíu o escudo de armas por unha representación da Virxe María.[26]

As reformas monetarias do emperador Maximiliano deron lugar ao inicio da cuñaxe de ducados de ouro en Austria a partir de 1511.[27] Hungría bateu ducados ata 1915, mesmo baixo administración austríaca. Estas moedas foron utilizadas como moeda de comercio e recuñáronse posteriormente en varias ocasións, mantendo a data inalterada.[28][29]

Ducados dos Países Baixos

A Revolta dos Países Baixos trouxo consigo que as sete provincias do norte tivesen o control da cuñaxe de moeda. No entanto, o derrubamento do goberno de Francisco de Anjou en 1583 deixounas sen un gobernante constitucional baixo o cal emitir esas moedas. Neste contexto, as provincias optaron polo recurso de imitar moedas estranxeiras de grande aceptación. Para evitaren complicacións políticas, copiaron moedas xa obsoletas na época, como as de ouro dos Reis Católicos, que estaban cuñadas baixo o padrón do ducado e que, así mesmo, recibiron esa mesma denominación.[30] Copiaron tamén os ducados húngaros, e estas últimas imitacións tiveron máis influencia nas posteriores amoedacións das Provincias Unidas. Desde que os Países Baixos se converteron nun país internacionalmente dominante no comercio, a influencia destes ducados pasou a ser global.[31]

Ao principio, os ducados do tipo húngaro cuñados nos Países Baixos amosaban nos seus anversos unha figura en pé coa coroa e a machada de batalla que San Ladislao Levaba nos exemplares húngaros, mais cunha lenda diferente, e, do mesmo xeito que nos ducados húngaros orixinais (non dos contemporáneos), nos reversos portaban o escudo de armas da provincia emisora.[32]

Esta tipoloxía evolucionou ata uns anversos coa figura dun cabaleiro en pé que sostén unha espada e sete setas, que representan as sete provincias da unión, coa lenda CONCORDIA RES PARVÆ CRESCUNT ("con concordia, as cousas pequenas aumentan"), acurtada de diversas maneiras, así como o nome ou un símbolo da provincia emisora. Os reversos amosan unha cartela cunha lenda invariable: MO[NETA] ORDI[NUM] PROVIN[CIARVM] FOEDER[ATORVM] BELG[ICARVM] AD LEG[EM] IMP[ERII] ("moeda de ouro das provincias federadas de Bélxica consonte a lei do reino").[33]

No período napoleónico, tanto a República Bátava como Luís Bonaparte continuaron a cuñaxe de ducados con estes deseños, aínda que a súa produción cesou durante a anexión dos Países Baixos ao Imperio Francés. Logo da derrota de Napoleón, o Reino dos Países Baixos continuou a emitir ducados, a modo de moeda de comercio ou de investimento.[34]

Ducados españois

Ducado aragonés Juan II de Aragón (1453)
Ducado do Reino de Aragón a nome de Xoán II, cuñado en 1460 na ceca de Zaragoza

Na Península Ibérica, os primeiros ducados foron emitidos no reino de Aragón a nome de Xoán II (1425-1479), en Zaragoza e en Valencia, e o seu fillo Fernando I xeneralizou a súa cuñaxe en todo o reino.[35]

Os Reis Católicos asumiron tamén o ducado, baixo a denominación de Excelente de la Granada, cun peso de 3,6 gramos e unha lei de 23,75 quilates.[36][37] Segundo a Real Pragmática de Medina del Campo do 13 de xuño de 1497, equivalía a 11 reais casteláns e un marabedí, ou ben a 375 marabedís. Con esta equivalencia mantívose unicamente como moeda de conta nos séculos XVI e XVII, xa que o escudo substituíu o ducado como moeda efectiva de ouro en 1536.[38][39][40]

Extensión dos ducados

Österreich - Dukat (vierfach), 1915 (Nachprägung)
Recuñaxe oficial da moeda austríaca de catro ducados de 1915[41]

Durante o século XV, os comerciantes internacionais de Europa Occidental pasaron do florín ao ducado como as súas moedas preferidas e, á medida en que os gobernantes foron reformando as súas moedas, o ducado foi a que máis se tomou como modelo (o ashrafi mameluco, o altum otomán e o ducado de Castela son algúns exemplos).[42] Porén, a abundancia de metais preciosos procedentes das colonias americanas de España provocaron que o real de oito se convertese en sucesor do ducado como moeda dominante do comercio mundial.[43]

Territorios emisores de ducados

Czechoslovakia 1934 10 Ducats
10 ducados de Checoslovaquia de 1934 (só se cuñaron 68 exemplares).[44]
Erfurt (German States) 1645 10 Ducat (Portugaloser)
Moeda de 10 ducados de 1645 a nome de Cristina, raíña de Suecia.
Poland-Danzig 1614 10 Ducats
Sexismundo III no anverso dunha moeda polaca de 10 ducados de 1614[45].
Lithuania 1616 10 Ducats
Moeda de 10 ducados de 1616 a nome de Sexismundo III como Gran Duque de Lituania.[46]
Zürich Ducat Zwingli 681738
Ducado suízo do cantón de Zürich, cuñado en 1819

Notas

  1. "Exergo" en Digalego, no DRAG e no Portal das Palabras.
  2. "Ducado (2)". En Alfaro Asins (2009).
  3. "Ducat". En Encyclopaedia Britannica. 8. 11ª ed. Cambridge university Press. Páxinas 628-629.
  4. Schmutz, D; Zäch, B. Ducat. En Dictionnaire Historique de la Suisse.
  5. Goodhart, C. (1986). "The two concepts of money: implications for the analysis of optimal currency areas". En European Journal of Political Economy. Vol. 14. Páxina 407.
  6. Etimoloía de "ducado". En Online Etymology Dictionary.
  7. Grierson, P. (1982). Páxina 12.
  8. "Ducat". En Chamberlain (1960).
  9. Hendy, M. F. (1970). "Michael IV and Harold Hardrada". En The Numismatic Chronicle. Serie 7. Vol. 10. Páxinas 187-197.
  10. Porteus, J. (1969). Páxinas 84 e 86.
  11. 11,0 11,1 Porteus, J. (1969). Páxina 86.
  12. Grierson, P. (1991). Páxina 110.
  13. Whiting, P. D. (1973). Páxina 232.
  14. Hobson, B. (1971). Páxina 39.
  15. Porteus, J. (1969). Páxina 174.
  16. Friedberg, R. (2017): "Italy-Venice".
  17. 17,0 17,1 Porteus, J. (1969). Páxina 106.
  18. Friedberg, R. (2017): "Vatican City-The Roman Senate".
  19. Friedberg, R. (2017): "Rhodes and Malta".
  20. Porteus, J. (1969). Páxinas 108-109.
  21. Porteus, J. (1969). Ilustración 126.
  22. Porteus, J. (1969). Páxina 132.
  23. Cribb, J.; Cook,B.; Carradice, I. (1990). Páxina 99.
  24. Friedberg, R. (2017): "Hungary-Habsburg Rulers".
  25. Grierson, P. (1991). Páxina 213.
  26. Grierson, P. (1991). Páxina 212.
  27. Cribb, J.; Cook,B.; Carradice, I. (1990). Páxina 88.
  28. Friedberg, R. (2017): "Austria".
  29. "Austria 4 Ducat 1867 to 1915". En CoinQuest.com.
  30. Porteus, J. (1969). Páxina 184.
  31. Jyotsna G. (2009). Páxina 265.
  32. Porteus, J. (1969). Páxina 187 e ilustración 213.
  33. Hobson, B. (1971). Páxina 88 e ilustración 104.
  34. Hobson, B. (1971). Páxina 187 e ilustración 243.
  35. "Del florí al ducat d'or". En Enciclopèdia Catalana.
  36. "Las monedas en las épocas moderna y contemporánea". En Murphy, J. (2001). Páxina 184.
  37. Edwards, J.; Lynch, J. (2005). Páxina 705.
  38. Gonzalo de las Casas, J. (1853). Páxina 199.
  39. "Excelente de la granada". En Alfaro Asins (2009).
  40. "Ducado (1)" e "Ducado (2)". En Alfaro Asins (2009).
  41. "Die Dukaten". Sitio web da Casa de Moeda de Austria.
  42. Allen, L. (2001). Páxina 128.
  43. Jyotsna G. (2009). Páxina 265.
  44. Cuhaj 2009, p. 309.
  45. Cuhaj, G. S. (2009). Páxina 314.
  46. Cuhaj, G. S. (2009). Páxina 996.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Allen, L. (2001). The Global Financial System 1750-2000. Reaktion Books. ISBN 9781861891099
  • Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid. ISBN 978-84-8181-405-7
  • Chamberlain (1960). The Teach Yourself Guide to Numismatics. English Universities Press.
  • Cribb, J.; Cook,B.; Carradice, I. (1990). The Coin Atlas. Facts on File. Páxina 99. ISBN 978-0816020973
  • Cuhaj, G. S. (2009). Standard Catalog of World Coins 1601-Present. 6ª ed. ISBN 9781440204241
  • Edwards, J.; Lynch, J. (2005). Edad Moderna: Auge del Imperio, 1474-1598. Editorial Crítica. ISBN 8484326241
  • Friedberg, R. (2017). Gold Coins of the World. The Coin & Currency Institute. ISBN 9780871843098
  • Gonzalo de las Casas, J. (1853). Diccionario general del notariado de España y Ultramar. Vol. 1. Biblioteca Especial del Notariado Español.
  • Grierson, P. (1982). Byzantine Coins. Methuen. Londres. ISBN 978-0-416-71360-2
  • Grierson, P. (1991). The coins of Medieval Europe. Seaby. ISBN 9781852640583
  • Hobson, B. (1971). Historic Gold Coins of the World. Doubleday & Company. Nova York. ISBN 9780385081375
  • Jyotsna G. (2009). A companion to the Global Renaissance. Blackwell Publishing. ISBN 9781444310986
  • Murphy, J. (2011). Más de 100 ideas para enseñar historia. Grao. ISBN 9788499804477
  • Porteus, J. (1969). Coins in History. Littlehampton. ISBN 978-0297178545
  • Whiting, P. D. (1973). Byzantine Coins. Whiting. Barrie & Jenkins. Londres. ISBN 0214653455

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.