Domingo Fontán

Domingo Fontán Rodríguez,[1][2][3][4] nado en Porta do Conde (Portas) o 17 de abril de 1788[5][6] e finado en Cuntis o 24 de outubro de 1866,[7] foi un ilustrado galego, xeógrafo, matemático, político e empresario, coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico científico de Galicia, a Carta xeométrica de Galicia. Foi secretario da Deputación Provincial de Galicia, director do Observatorio Astronómico de Madrid, deputado en Cortes e presidente da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago. Os seus restos están no Panteón de Galegos Ilustres.[8]

Domingo Fontán
Domingo Fontán por Antonio María Esquivel, 1852
Nacemento17 de abril de 1788
 Porta do Conde, Portas, Portas
Falecemento24 de outubro de 1866
 Cuntis
SoterradoPanteón de Galegos Ilustres
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónmatemático, político e topógrafo
CónxuxeManuela Ribas y Gómez
Coñecido/a porCarta Xeométrica de Galicia
Domingo Fontán Secretario de la Diputación Provincial de Galicia 13 de abril de 1822

Traxectoria

De familia acomodada, os seus pais foron Rosendo Fontán Oliveira e Sebastiana Rodríguez Blanco. Foi o segundo de cinco irmáns, dous homes e tres mulleres. Domingo e Andrés, o seu irmán máis vello, foron educados por un tío materno, cura párroco en Noia.[9]

Pasou boa parte da súa vida vencellado á Universidade de Santiago de Compostela, onde primeiramente cursou os estudos de Filosofía, matriculándose ao longo dos anos en Leis e Cánones, Ciencias exactas e Teoloxía e foi discípulo de José Rodríguez González, "o matemático de Bermés". En 1811 comezou a súa carreira de profesor como substituto do catedrático de Retórica e durante o curso 1813-14 substituíu o titular da cátedra de Lóxica e Metafísica. Foi procesado pola Real Audiencia en 1814; en 1815 restituíronlle os seus dereitos.[6]

En 1817 comezou os seus traballos de medición para realizar a Carta xeométrica de Galicia, labor ao que consagrou dezasete anos da súa vida e polo que é lembrado hoxe en día. Durante o Trienio liberal foi secretario da Deputación Provincial de Galicia. En 1834 rematou os traballos da carta e presentouna oficialmente á Raíña Gobernadora, María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, quen mandou imprimila, se ben non se puido realizar esta tarefa ata o ano 1845 en París.[6] Este foi o primeiro mapa realizado en España con métodos científicos e medicións matemáticas.

Foi elixido deputado polo Partido Liberal pola provincia de Pontevedra en 1837, ocupando este posto ata 1843, ano no que se retirou. Fontán fixo da súa causa a defensa de Galicia, sobre todo na abolición dos foros e na loita contra o caciquismo. Non obstante, o seu liberalismo valeulle a perda da súa cátedra universitaria até en dúas ocasións.[10] Foi bibliotecario primeiro e presidente despois (de 1860 a 1861) da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago.[11]

Tivo parte, por herdanza, nunha fábrica de papel no Castro, Lousame, que en 1863 chegou a ser enteiramente da súa propiedade.[12][13] Traballou tamén no deseño do trazado da primeira liña férrea de Galicia en 1858, que uniu Santiago de Compostela con Carril, proxecto aprobado polas Cortes en 1861, e que non foi inaugurado ata dez anos despois.

Plano de la Ría de Arosa por Domingo Fontán año de 1828
PLANO DE LA RÍA DE AROSA
por
el D.rD. Domingo Fontán
año de 1828.

(o norte está á esquerda).

Finou nun balneario en Cuntis, por mor dunha cistite aguda.[6] Os seus restos foron soterrados no cemiterio xeral de Santiago e, o 30 de decembro de 1988, trasladados ao chan do Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval.[14]

Na cultura popular

Levan o seu nome rúas de varias cidades: Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Ourense, Poio e Madrid. En 2015 a Editorial Galaxia publicou a novela de Marcos S. Calveiro, Fontán, baseada na súa vida.[15]

Recoñecemento

A Real Academia Galega de Ciencias designouno como Científico Galego 2018.[16]

Galería de imaxes

Plano del Pais adyacente a las tres rías de la Coruña, Betanzos y Ferrol, llamado de las Mariñas, por el D.r D.n Domingo Fontán
PLANO DEL PAIS
adyacente a las tres rías de la
CORUÑA, BETANZOS Y FERROL,
llamado de las Mariñas,
Por el D.r D.n Domingo Fontán
Retrato na Real Sociedade de Amigos do País de Santiago.
Retrato na Real Sociedade de Amigos do País de Santiago.[11] 
Carta geométrica "...Con el trazado de ferro-carriles y carreteras kilometradas, año de 1917".
Carta geométrica "...Con el trazado de ferro-carriles y carreteras kilometradas, año de 1917".[17] 
Carta geométrica de Galicia, en PDF (exemplar da biblioteca do Museo Naval).
Carta geométrica de Galicia, en PDF (exemplar da biblioteca do Museo Naval). 
Estatua en Portas, feita polo canteiro de Caldas de Reis, Xavier Touceda.
Estatua en Portas, feita polo canteiro de Caldas de Reis, Xavier Touceda. 
Placa na súa casa natal.
Placa na súa casa natal. 

Notas

  1. "Fontán Rodríguez, Domingo". Diccionario enciclopédico galego universal 28. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 94. ISBN 84-7680-429-6.
  2. "Fontán Rodríguez, Domingo". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 107.
  3. "Fontán Rodríguez, Domingo". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 924. ISBN 978-84-8288-942-9.
  4. "Fontán Rodríguez, Domingo". Enciclopedia Galega Universal 9. Ir Indo. 1999-2002. p. 225. ISBN 84-7680-288-9.
  5. Méndez Martínez, Gonzalo (2005). "Fontán Rodríguez, Domingo". Gran Enciclopedia Galega (DVD). ISBN 84-87804-88-8.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 "Apuntes biográficos" Fundación Domingo Fontán (en castelán).
  7. "Ficha no Congreso". congreso.es. Consultado o 08-11-2017.
  8. Xema Aguiar: "Domingo Fontán, el ilustre olvidado", Galiciaé. 20/5/2008.
  9. Suso de Toro: "Domingo Fontán, matemático sublime" El País, 1/4/2011.
  10. Miguel-Anxo Murado (2008). Otra idea de Galicia, p. 11. Debate. ISBN 978-84-8306-771-0.
  11. 11,0 11,1 Real Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago
  12. "Fontán polifacético" Fundación Domingo Fontán (en castelán).
  13. Asociación Galega do Patrimonio Industrial 31/1/2010 (en castelán).
  14. Xosé Lois Vila Fariña: "As súas cinzas"
  15. "«A novela reivindica a figura de Fontán e o papel da ciencia»" La Voz de Galicia, 27/1/2016.
  16. "Recursos sobre Domingo Fontán". Blog Carta xeométrica. 14 de outubro de 2018. Consultado o 17 de outubro de 2018.
  17. Carta geométrica de Galicia dividida en sus provincias… en Galiciana.

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

7 de abril

O 7 de abril é o 97º día do ano do calendario gregoriano e o 98º nos anos bisestos. Quedan 268 días para finalizar o ano.

Biblioteca de Galicia

A Biblioteca de Galicia é a biblioteca cabeceira do sistema bibliotecario galego. Foi deseñada polo arquitecto americano Peter Eisenman e forma xunto con outros seis edificios a Cidade da Cultura de Galicia, localizada en Santiago de Compostela.

Carta xeométrica de Galicia

A Carta geométrica de Galicia dividida en sus provincias…, coñecida popularmente como Carta xeométrica de Galicia, é un mapa físico de Galicia, obra de Domingo Fontán, que cobra especial relevancia por ser o primeiro da historia do país realizado con medicións matemáticas.

Comarca da Terra de Soneira

A comarca da Terra de Soneira é unha comarca galega situada na provincia da Coruña cuxa capital é Vimianzo. A esta comarca pertencen os concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas. Limita coa comarca de Bergantiños polo nordés e coa de Fisterra polo suroeste. Historicamente a comarca incluía ademais dos concellos actuais o de Laxe e varias parroquias de Cabana.

Fontán

O topónimo galego Fontán pode referirse a:

Fontán, lugar da parroquia de Sarandós do concello de Abegondo;

Fontán, lugar da parroquia de Cabeiras do concello de Arbo;

Fontán, lugar da parroquia de Mourentán do concello de Arbo;

Fontán, lugar da parroquia de San Xurxo de Sacos do concello de Cerdedo-Cotobade;

Fontán, lugar da parroquia de Santiago de Covelo do concello de Covelo;

Fontán, lugar da parroquia de Mañufe do concello de Gondomar;

Fontán, lugar da parroquia de Beba do concello de Mazaricos;

Fontán, lugar da parroquia de Mouriscados do concello de Mondariz;

Fontán, lugar da parroquia de Logrosa do concello de Negreira;

Fontán, lugar da parroquia de Tella do concello de Ponteceso;

Fontán, lugar da parroquia de Ribeira do concello de Ribeira;

Fontán, lugar da parroquia de Sada do concello de Sada;

Fontán, lugar da parroquia de Parderrubias do concello de Salceda de Caselas;

Fontán, lugar da parroquia de Trabada do concello de Trabada;

Fontán, lugar da parroquia de Saiáns do concello de Vigo;

O Fontán, lugar da parroquia de Rodís no concello de Cerceda;

O Fontán, lugar da parroquia de Xesteda no concello de Cerceda;

O Fontán, lugar da parroquia da Vila de Abade no concello de Tordoia.Amais, como apelido pode referirse a:

Domingo Fontán, xeógrafo galego (1788-1866), autor da Carta Xeométrica de Galicia;

José Rivas Fontán ou Pepe Rivas, político galego e alcalde de Pontevedra (n. 1941).

Lousame

Lousame é un concello galego situado no suroeste da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Noia. Segundo o padrón municipal (INE 2017) ten 3.447 habitantes (1.681 homes e 1.766 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é lousamán.

É un concello principalmente agrario. Está dividido en 7 parroquias e a el pertencen 75 núcleos de poboación.

Monte da Cova da Serpe

A Cova da Serpe é a maior elevación da serra do mesmo nome con 841 m sobre o nivel do mar, e sitúase xusto no punto onde conflúen as lindes dos concellos de Guitiriz, Friol e Sobrado.

O monte é citado xa no século X como Cova de Serpente e era un dos fitos que sinalaban a doazón inicial ao mosteiro de Sobrado. O nome procede dunha caverna localizada nas proximidades da cima, dunha lonxitude duns 12 metros, e un altor na boca de sobre 2 metros; a anchura máxima é de 5 metros.

Domingo Fontán, durante a elaboración da súa Carta xeométrica de Galiza, estivo até tres veces na Cova da Serpe: en 1822, 1828 e 1830. A última vez, grazas ao acompañamento de bo tempo, puido ver polos seus aparellos a Torre de Hércules, situada a uns 70 quilómetros.

Panteón de Galegos Ilustres

O Panteón de Galegos Ilustres atópase na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Toda a igrexa é Panteón, aínda que so se estean usando a Capela da Visitación (ou de San Domingos en Suriano) e a Capela do Santo Cristo. Nel repousan os restos de galegos sobranceiros como a poeta Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A idea foi proposta inicialmente polos emigrantes galegos en Cuba.

Pedro Sarmiento de Gamboa

Pedro Sarmiento de Gamboa, nado en Pontevedra en 1532 e falecido no Océano Atlántico, fronte a Lisboa, en 1592, foi un navegante e historiador galego.

Porta do Conde, Portas, Portas

Porta do Conde é un lugar da parroquia de Portas, no concello pontevedrés de Portas, na comarca de Caldas. Segundo o IGE, en 2015 tiña 109 habitantes (54 homes e 55 mulleres).

Neste lugar naceu o xeógrafo e matemático Domingo Fontán (1788-1866), autor do primeiro mapa topográfico científico de Galicia, a Carta xeométrica de Galicia, na que o lugar aparece sinalado domo Porta de Conde (Patria del Autor).

Portas

Portas é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas. Segundo o padrón municipal, no ano 2014 tiña unha poboación de 3.025 persoas. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «portense».

Real Academia Galega de Ciencias

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) é unha sociedade científica impulsada polo matemático Enrique Vidal Abascal , quen foi o seu primeiro presidente, e posteriormente o presidente de honra.

A súa creación foi o día 23 de abril de 1977 e ten a súa sede na Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela.O 23 de abril de 2008, a Real Academia Galega de Ciencias celebrou o primeiro Día do Científico Galego (instituído por esta corporación), no que dedicou unha homenaxe ao matemático Vidal Abascal, con motivo do centenario do seu nacemento.

En 2011 foi nomeado presidente da Academia o profesor Ernesto Viéitez Cortizo, que foi substituído ao seu falecemento por Miguel Ángel Ríos. En 2019 o catedrático da USC Juan Manuel Lema Rodicio tomou posesión como novo presidente da institución.

Ría da Coruña

A ría da Coruña ou ría do Burgo é a ría máis occidental do Golfo Ártabro e forma parte das Rías Altas galegas.

Fórmase pola desembocadura do río Mero no mar e baña catro municipios (A Coruña, Oleiros, Culleredo e Cambre).

Tamén se coñece polo nome de ría do Burgo, e ás veces utilízase o termo de "ría da Coruña" para referirse á parte da ría situada entre a ponte da Pasaxe e o mar, e o termo de "ría do Burgo" para referirse á parte situada entre a ponte da Pasaxe e o río Mero.

Ría de Arousa

A ría de Arousa é a máis grande das rías de Galicia. Forma parte das Rías Baixas e está situada entre a península do Barbanza (provincia da Coruña) ao norte, e a península do Salnés (provincia de Pontevedra) ao sur. É famosa pola súa riqueza mariñeira e as súas praias.

Ría de Betanzos

A ría de Betanzos é unha ría galega, unha das doce que conforman as Rías Altas, e unha das catro que forman o Golfo Ártabro. Atópase no norte da provincia da Coruña, e baña os municipios de Sada, Bergondo, Betanzos, Paderne, Miño e Pontedeume.

Ría de Ferrol

A ría de Ferrol é unha das rías galegas situada nas rías altas, no Golfo Ártabro.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.