Dogmatismo

O dogmatismo é unha posición que supón a total submisión a certos principios ou á autoridade que os postula. Estes principios son aceptados totalmente, como unha verdade incuestionable, sen a menor crítica ou autocrítica e sen ningunha xustificación . É a posición máis antiga e primixenia da humanidade tanto no sentido psicolóxico como no histórico.

A corrente oposta ao dogmatismo sería o escepticismo, que esixe evidencias obxectivas para as afirmacións.

Etimoloxía

A palabra "dogma" (δόγμα), de orixe grego, significa "doutrina fixada". Para os primeiros filósofos significou "opinión".

Formas de dogmatismo

O dogmatismo pódese interpretar de tres formas:

  • Como o fai o realismo inxenuo, que considera que as cousas se poden coñecer de forma intrínseca e que tamén este coñecemento é efectivo para o trato cotián e directo das cousas.
  • Como a total e absoluta confianza nunha forma de coñecemento como a razón.
  • Como a total aceptación sen exame persoal dos principios que a autoridade impón. Con todo, a falta de exame persoal tamén se observa en certos filósofos escépticos.

O dogmatismo absoluto do realismo inxenuo non existe na filosofía, xa que esta sempre se pregunta acerca do ser verdadeiro e búscao a través dun exame crítico da aparencia. Isto sucede no dogmatismo dos primeiros pensadores gregos e tamén no dogmatismo racionalista do século XVIII, que termina dándolle gran confianza á razón, despois de sometela a exame.

Como posición gnoseolóxica, o dogmatismo está en contra do criticismo, máis que o escepticismo. Esta oposición foi advertida por Kant, que despois da crítica de Hume, proclama a súa liberdade do soño dogmático e opón a crítica da razón pura, ao dogmatismo na Metafísica. Entón, o dogmatismo é o procedemento dogmático da razón pura, sen unha previa crítica do seu propio poder.

A oposición entre dogmatismo e escepticismo cobra sentido en Comte, ao considerar estas dúas actitudes, non só como posicións fronte ao problema do coñecemento, senón como formas últimas da vida humana. O ser humano pode existir nun dos dous estados. O estado escéptico é un tránsito desde un dogmatismo anterior a un dogmatismo novo.

O realismo sostén que os universais existen realmente e son reais. Para o realismo inxenuo o coñecemento é unha copia exacta da realidade; oponse ao idealismo, e esta oposición é propia da época moderna, como ocorreu con Descartes, con Kant e o idealismo alemán, ao soster que a conciencia impón á realidade certas categorías "a priori" e o que importa no coñecemento non é o posto polo suxeito senón o coñecemento do dado.

Aparición do dogmatismo

Antigamente non existían as reflexións epistemolóxicas, para Kant, o dogmatismo é a posición que cultiva a metafísica e asegura a posibilidade do coñecemento metafísico a través dela, sen unha análise crítica previa sobre esta facultade. Durante o Concilio de Trento a palabra "dogma" adquiriu unha connotación relixiosa, utilizada para referirse ás verdades enunciadas por Deus e recoñecidas pola Igrexa, que forman parte do pensamento de todo creente.

O dogmatismo foi o piar a partir do cal as sociedades antigas se formarían, xa que se aceptaban uns principios incondicionalmente sen discrepar por ignorancia ou por respeto cara a unha autoridade. Estes preceptos guiaban a unha sociedade fundada nuns valores.

Representantes

Tales de Mileto

Tales de Mileto cría atopar o principio básico (arjé), sinalando a auga como principio de todas as cousas. Pero este principio non é só o fundamento das cousas, é o principio da vitalidade, de todo o vivente.

Heráclito

Heráclito pensaba que nada permanece nun ser, "Non se pode bañar un dúas veces no mesmo río", as augas pasaron, outras hai en lugar das primeiras, e nós mesmos somos outros. Para Heráclito, o arjé non sería a auga nin o ápeiron, sería o devir. "Ningún ser humano nin divino fixo este mundo, senón que sempre foi, é e será eternamente lume vivo que se encende segundo medida e segundo medida apágase".

Anaxímenes de Mileto

Anaxímenes de Mileto oponse a Tales en canto á determinación dun arjé ou primeiro principio, o cal considera que é o aire. Esta elección foi tomada seguramente a partir da experiencia, influíndo na observación dos seres vivos e a importancia do fenómeno da respiración, en canto toma como arjé un elemento particular. Ofrécenos un mecanismo de explicación da xeración das cousas a partir doutro elemento distinto a elas.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Ateísmo

O ateísmo é o rexeitamento á crenza na existencia dunha ou máis deidades. En sentido estrito, é a postura expresa na que non existe ningún deus. Nun sentido máis amplo, é a ausencia de crenza en que exista algunha deidade. Oponse o teísmo, que na súa forma máis xeral é a crenza na existencia de polo menos unha deidade.O termo ateo provén etimoloxicamente do latín athĕus e este de o grego ἄθεος, que significa 'sen deus(es)' e foi empregado de forma pexorativa para referirse a quen rexeitaba aos deuses adorados pola súa sociedade. Co xurdimento e a difusión do librepensamento, o escepticismo científico e o subsecuente incremento da crítica da relixión, diminuíu o alcance do termo. As primeiras persoas en identificarse a si mesmas coa palabra «ateo» viviron na Ilustración durante o século xviii. A revolución francesa, notable polo seu "ateísmo sen precedentes", presenciou o primeiro gran movemento político da historia en avogar pola supremacía da razón humana.Os argumentos a favor do ateísmo abarcan desde aspectos filosóficos a perspectivas sociais e históricas. As razóns para non crer en deidades inclúen argumentos de ausencia de evidencia empírica, o problema do mal, o argumento das revelacións inconsistentes, o rexeitamento a conceptos infalsables e o argumento da non crenza, entre outros. Aínda que algúns ateos adoptaron filosofías seculares (como o humanismo e o escepticismo), non existe unha ideoloxía ou conxunto de conduta único ao que todos os ateos se adhiran. Moitos deles sosteñen que o ateísmo é unha cosmovisión máis parsimoniosa que o teísmo e que por tanto a carga da proba non recae en quen non cre na existencia de deuses, senón que é o crente quen debe xustificar o seu teísmo.Dado que as nocións de ateísmo varían, as estimacións precisas de cantos ateos existen no globo son unha tarefa complexa. Segundo unha estimación feita en 2007, os ateos representaban o 2,3 % da poboación mundial, ademais dun 11,9 % de non relixiosos (ateos non incluídos). Nunha enquisa de WIN/GIA de 2012 preguntouse «Independentemente de se asiste a un lugar de culto ou non, diría vostede que é unha persoa relixiosa, non relixiosa ou un ateo convencido?». O 59 % da poboación mundial identificouse como relixiosa, un 23 % non relixiosa e un 13 % declarouse atea convencida. Os ateos están concentrados principalmente en Asia Oriental, especialmente China (47 %) e Xapón (31 %), e en Europa Occidental (en media 14 %), onde sobresae Francia (29 %). En comparación co mesmo estudo realizado en 2005, en sete anos a relixiosidade diminuíu nove puntos porcentuais mentres que os ateos aumentaron tres nos países en común.

Carnéades

Carnéades (en grego Καρνεάδης οu Κυρηναίος) (ca. 214 a. C. – ca. 129 a. C.) filósofo e orador da Antiga Grecia. Naceu na colonia grega de Cirene, converténdose máis tarde en cidadán de Atenas. Foi director da Academia desde ca. 160 a. C. até ca. 137 a. C., fundando a terceira Academia despois de ter oído as leccións de Hexésimo.

As súas doutrinas filosóficas foron difundidas polo seu discípulo Clitómaco, dado que el non as publicou. Carnéades era contrario a todo dogmatismo, sostendo tanto a imposibilidade da certeza total como da incerteza completa, así como a de chegar ao coñecemento da divindade, de igual modo negaba a posibilidade do coñecemento certo e o carácter científico das leis naturais. As súas ideas foron rebatidas con enxeño por Santo Agostiño na súa obra Contra os académicos, xa que estes académicos negaban a posibilidade de coñecer a verdade, pero afirmaban que se podían coñecer as cousas por probabilidade ou verosimilitude (é dicir, por semellanza á verdade); por iso, na obra mencionada, a un discípulo seu que defende os académicos respóndelle: «...son dignos de risa os teus académicos, que na vida queren seguir o verosímil, o semellante á verdade, ignorando esta» (II, 7, 19). Aínda que finalmente Santo Agostiño sostén que é «o segredo de Arquesilao» o que lles fai aparentar a dúbida universal ou relativa.

Certeza

A certeza é un coñecemento seguro, claro e evidente das cousas. Tamén se define como a firme adhesión da mente a algo coñecible, sen temor a errar, a persuasión completa de que se está en posesión da verdade. Se entendemos só o aspecto psicolóxico, referirmonos ao estado ou situación do espírito con relación a un xuízo que se considera verdadeiro e exclúe todo temor a equivocarse. O alcance gnoseolóxico do termo é máis amplo.

A certeza é unha adhesión ou asentimento, que pode proceder do entendemento ou da vontade; aínda que debe responder á obxectividade do xuízo ou á verdade na que se asenta.

Edward Elgar

Sir Edward William Elgar (OM, GCVO), nado nunha pequena localidade de Lower Broadheath, no condado de Worcestershire o 2 de xuño de 1857 e finado o 23 de febreiro de 1934 en Worcester, foi un compositor británico. Entre as moitas das súas obras que entraron a formar parte do repertorio clásico de concertos figuran as coñecidas Enigma Variations, as Pomp and Circumstance Marches, os concertos para violín e violonchelo, e dúas sinfonías. Tamén compuxo obras corais, entre as que cómpre sinalar The Dream of Gerontius, música de cámara e cancións. Foi nomeado Master of the King’s Musick en 1924.

Aínda que Elgar é visto con frecuencia como un compositor tipicamente inglés, a maioría das súas influencias musicais non proviñan de Inglaterra, senón da Europa continental. Víase a si mesmo como un forasteiro, non só musicalmente, senón tamén socialmente. Nos círculos musicais dominados por académicos, el era un compositor autodidacta; na Gran Bretaña protestante, o seu catolicismo era visto con receo en certos sectores; e na clasista sociedade vitoriana e eduardiana británica, era moi sensible sobre as súas orixes humildes mesmo despois de ter conseguido recoñecemento. Con todo, Elgar casou coa filla dun oficial do exército británico. Ela inspirouno tanto musical como socialmente, mais el loitou por acadar o éxito ata cumprir os corenta anos, cando tras unha serie de obras dun éxito moderado, as súas Enigma Variations (1899) fixéronse inmediatamente populares en Gran Bretaña e no estranxeiro. Ás variacións seguiulles unha obra coral, The Dream of Gerontius (1900), baseada nun texto católico que causou inquietude entre as clases dirixentes anglicanas británicas, mais converteuse, e tense mantido, nunha obra do repertorio clásico en Gran Bretaña e outros lugares. As súas seguintes composicións corais relixiosas foron ben recibidas, mais non entraron no repertorio regular.

Aos seus cincuenta anos, Elgar compuxo unha sinfonía e un concerto para violín que tiveron un grande éxito. A súa segunda sinfonía e o seu concerto para violonchelo non conseguiron popularidade entre o público de xeito inmediato, e pasaron moitos anos ata que foron incorporadas ao repertorio. Nos seus últimos anos, a música de Elgar comezou a considerarse atractiva, sobre todo para o público británico. A súa valorización permaneceu baixa durante a xeración posterior á súa morte. A súa obra comezou a revivir de xeito significativo nos anos 1960, axudada polas novas gravacións das súas obras. En anos recentes, algunhas das súas obras teñen recobrado o nivel internacional, mais a maioría segue a ser máis interpretada en Gran Bretaña que en ningún outro lugar.

Elgar foi descrito como o primeiro compositor en tomar en serio o uso do gramófono. Entre 1914 e 1925, dirixiu unha serie de gravacións das súas obras. A introdución do micrófono en 1925 posibilitou unha reprodución máis fiel do son, e Elgar fixo novas gravacións das súas principais obras orquestrais e de fragmentos de The Dream of Gerontius. Estas gravacións foron reeditadas en LP na década de 1970 e en CD na década de 1990.

Epistemoloxía

A epistemoloxía (do grego, ἐπιστήμη (epistéme), "coñecemento"; λόγος (logos) , "teoría") é unha rama da filosofía que trata sobre os problemas filosóficos relacionados coa teoría do coñecemento.

Friedrich Schelling

Friedrich Wilhelm Joseph von Schelling, nado en Leonberg (Wurtemberg) o 27 de xaneiro de 1775 e finado en Bad Ragaz (Suíza) o 20 de agosto de 1854, foi un filósofo alemán, un dos máximos expoñentes do idealismo e da tendencia romántica na filosofía alemá.

Friedrich Schleiermacher

Friedrich Daniel Ernst Schleiermacher, nado en Breslau o 21 de novembro de 1768 e finado en Berlín o 12 de febreiro de 1834, foi un teólogo e filósofo alemán.

Hilary Putnam

Hilary Whitehall Putnam nado en Chicago o 31 de xullo de 1926 e finado o 13 de marzo de 2016, foi un filósofo analítico que propuxo un realismo alternativo fronte ao realismo tradicional. Fixo importantes achegas á filosofía da mente, a filosofía da linguaxe e á filosofía da ciencia.

Historias (Heródoto)

As Historias (en grego antigo ἱστορίαι historíai 'aproximacións, investigacións') de Heródoto de Halicarnaso (484–despois do 430 a. C.) é unha obra escrita en dialecto xonio que ten como obxectivo narrar os enfrontamentos que tiveron lugar entre gregos e bárbaros (asiáticos, especialmente persas) e, en concreto, as Guerras Médicas. Tamén contén unha descrición da historia e costumes do Antigo Exipto. Trátase da primeira obra historiográfica grega que nos chegou íntegra e está dividida en nove libros, cada un deles dedicado a unha musa.

Ideoloxía

Unha ideoloxía é o conxunto de ideas, tendentes á conservación ou transformación do sistema existente (económico, social, político...), que caracterizan a un grupo, institución, movemento cultural, social, político ou relixioso.

O termo ideoloxía foi formulado por Destutt de Tracy (Mémoire sur la faculté de penser, 1796), e orixinalmente denominaba á ciencia que estuda as ideas, o seu carácter, a orixe e as leis que as rexen, así como as relacións cos signos que as expresan. Medio século máis tarde, o concepto dótase dun contido combativo por Carlos Marx, para quen a ideoloxía é o conxunto de ideas (erróneas na súa maior parte) cuxa relación coa realidade é menos importante que o seu obxectivo, que é evitar que os oprimidos perciban o seu estado de opresión. Desde un punto de vista ou outro, o concepto adquire unha tinguidura pexorativa do que non se desprendeu.

Jorge Luis Borges

Jorge Francisco Isidoro Luis Borges Acevedo ( pronunciación ), nado en Buenos Aires, Arxentina, o 24 de agosto de 1899 e finado en Xenebra, Suíza, o 14 de xuño de 1986 foi un escritor arxentino. Foi coñecido especialmente polos seus contos e ensaios e a súa destacada obra poética.

A súa obra, fundamental na literatura e o pensamento universal, ademais de obxecto de minuciosas análises e múltiples interpretacións, exclúe todo dogmatismo.Ontoloxías fantásticas, xenealoxías sincrónicas, gramáticas utópicas, xeografías novelescas, múltiples historias universais, bestiarios lóxicos, éticas narrativas, matemáticas imaxinarias, dramas teolóxicos, invencións xeométricas e recordos inventados son parte da inmensa paisaxe que, nas súas obras, Borges ofrece tanto aos estudosos como ao lector non especializado. Sobre todo, a filosofía, concibida como perplexidade; o pensamento como conxectura, e a poesía, a forma suprema da racionalidade. Aínda que foi un literato puro, é preferido por semióticos, matemáticos, filólogos, filósofos e mitólogos, xa que Borges ofrece —a través da perfección da súa linguaxe, dos seus coñecementos, do universalismo das súas ideas, da orixinalidade das súas ficcións e da beleza da súa poesía— unha obra que fai honra á lingua española e ao pensamento universal.A súa relación coa literatura comezou a moi temperá idade; aos catro anos xa sabía ler e escribir. Diría, xa con 71 anos, que «Se tivese que sinalar o feito capital da miña vida, diría a biblioteca do meu pai. En realidade, creo non saír nunca desa biblioteca. É coma se aínda a estivese vendo… recordo con nitidez os gravados en aceiro da Chambers's Encyclopaedia e da Británica».Galardoado con numerosos premios, foi tamén polémico polas súas posturas políticas de corte conservador (dereitista), que puideron ser óbice para gañar o Premio Nobel de Literatura, ao que foi candidato durante case trinta anos.

Kritik der reinen Vernunft

Kritik der reinen Vernunft (en galego, Crítica da razón pura) é a principal obra escrita polo filósofo alemán Immanuel Kant. Foi publicada en 1781 en alemán e foi reeditada (con algunha revisión) en 1787.

Michel de Montaigne

Michel Eyquem de Montaigne, nado o 28 de febreiro de 1533 e finado o 13 de setembro de 1592, foi un pensador e escritor francés do Renacemento, creador do xénero literario coñecido como ensaio.

Movemento Provo

Provo (do neerlandés provoceren, provocar) foi un movemento de corte anarquista que se desenvolveu nos Países Baixos entre 1965 e 1967. No manifesto fundacional o movemento Provo declaraba ter "algo contra o capitalismo, o comunismo, o fascismo, a burocracia, o militarismo, o snobismo, o profesionalismo, o dogmatismo e o autoritarismo". Os provos foron os primeiros en Europa que mediante as súas protestas conseguiron converter a rúa en espazo lúdico a través dun formato que chamaron "happening", consistente en eventos efémeros que mesturaban a arte e a performance en lugares públicos.

Nicéforo I, patriarca de Constantinopla

Nicéforo I ou San Nicéforo (Nicephorus , Νικηφόρος), nado en Constantinopla en 758 e finado na mesma cidade no 828, foi un escritor cristián bizantino e Patriarca de Constantinopla (806 - 815). É coñecido polos alcumes de Patriarca, Homoloxeta e Confesor.

Nikita Khrushchev

Nikita Sergeievich Khrushchev (en ruso: Ники́та Серге́евич Хрущёв, tamén transcrito como Khruschov, Kruschov ou Kruschev), nado en Kalínkova, Kursk, Rusia o 15 de abril de 1894 e falecido en Moscova o 29 de agosto de 1971, foi o máximo dirixente da Unión Soviética entre os anos 1953 e 1964.

Política XXI

Política XXI (PXXI) foi un partido político portugués socialista. Fora fundado por antigos membros do PCP e do MDP/CDE. Os seus membros viran maioritariamente da Plataforma de Esquerda, grupo disidente do PCP. Cando a Plataforma de Esquerda asinou un acordo electoral autárquico co PS, á esquerda do movemento, composta por Miguel Portas, Paulo Varela Gomes, Daniel Oliveira, Ivan Nunes abandonaron a dirección. Na Plataforma de Esquerda ficaron dirixentes como Pina Moura, Barros Moura, José Luís Judas e Mário Lino. Os disidentes xuntáronse ao MDP/CDE para formar Política XXI. Política XXI concorreu ás Eleccións Europeas de 1994, sendo o cabeza de lista Ivan Nunes, entón con 21 anos.

En 1998 Política XXI xuntouse ao Partido Socialista Revolucionario e á Unión Democrática Popular para formar o Bloco de Esquerda.

Xa dentro do Bloco de Esquerda, abdicou do seu papel de partido político para pasar a ser unha Asociación política chamada Forum Manifesto. A Asociación edita a revista Manifesto que se atopa á venda nalgunhas librarías portuguesas, e nas sedes do Bloco de Esquerda.

No seu campo político, o Fórum Manifesto oriéntase pola esquerda non-marxista e pola socialdemocracia de esquerda. Pon de lado aos clásicos de Marx e Lenin, refutándoos con novos teóricos, filósofos, sociólogos, socialistas etc. que valorizan o carácter científico do coñecemento. O constante debate, o inconformismo, a dúbida, a capacidade da reversibilidade perante os erros que se van cometendo ao longo dos tempos semellan ter sido as chaves para superar o dogmatismo e as ortodoxas ditaduras comunistas.

Renacemento

O concepto Renacemento aplícase á época artística que dá comezo á Idade Moderna en Europa (finais do século XV e todo o século XVI).

Chamouse "Renacemento" en virtude da redescuberta e revalorización das referencias culturais da antigüidade clásica, que orientaron as mudanzas deste período en dirección a un ideal humanista e naturalista. O termo foi rexistrado por primeira vez por Giorgio Vasari xa no século XVI, mais a noción de Renacemento tal e como hoxe o entendemos xurdiu a partir da publicación do libro de Jacob Burckhardt A cultura do Renacemento en Italia (1867), onde el definía o período como unha época de "descubrimento do mundo e do home"..

De feito o Renacemento racha, conscientemente, coa tradición artística da Idade Media, á que cualifica, con desprezo, como un estilo de bárbaros ou de godos. E coa mesma consciencia oponse á arte contemporánea da Europa do norte.

O Renacemento cultural manifestouse primeiro na rexión italiana da Toscana, tendo como principais centros as cidades de Florencia e Siena, de onde se espallou cara ó resto de Italia e despois cara a practicamente todos os países da Europa occidental. Italia permaneceu sempre como o lugar onde o movemento presentou un maior apoxeo, porén manifestacións renacentistas de grande importancia tamén terían lugar en Inglaterra, Alemaña, Países Baixos e, menos intensamente, en Portugal e España, e nas súas colonias americanas.

Dende unha perspectiva da evolución artística xeral de Europa, o Renacemento significa unha separación da unidade estilística que ata ese momento fora supranacional.

(Á dereita, O home de Vitruvio de Leonardo da Vinci. Aprox. 1492.)

Romanticismo

O Romanticismo foi un movemento artístico e ideolóxico que se orixinou en Alemaña e no Reino Unido a finais do século XVIII como unha reacción contra o racionalismo da Ilustración e o Neoclasicismo, dándolle preponderancia ó sentimento e a unha serie de valores humanos como a liberdade, o irracionalismo e a particularidade do individuo.

O Romanticismo apareceu como consecuencia das loitas políticas, ideolóxicas e sociais que se estaban a dar no continente europeo, baixo un contexto de revolucións liberais e conquistas territoriais por parte do imperio napoleónico, que unidos a un desexo de liberdade contribuíron á aparición dun sentimento patriótico e nacionalista en Europa.

Ademais, en medio das violentas tensións xeradas pola nova clase ascendente da burguesía e a decadente nobreza desenvolveuse o proceso de consolidación das grandes nacionalidades europeas.

Desenvolveuse fundamentalmente na primeira metade do século XIX, estendéndose dende Alemaña a Inglaterra, Francia, Italia, España, Rusia, Polonia, Estados Unidos e as recentemente nacidas repúblicas hispanoamericanas. Posteriormente, fragmentouse ou transformouse en diversas correntes, como o Parnasianismo, o Simbolismo, o Decadentismo ou o Prerrafaelismo, sumidas na denominación xeral de Posromanticismo, unha derivación do cal foi o chamado Modernismo hispanoamericano e español. Posteriormente, unha das correntes vangardistas do século XX, o Surrealismo, levou ó extremo os postulados románticos.

A insistencia do romántico no sentimento e no irracioanalismo pulou a paixón creadora nas artes, onde atopou a súa perfecta forma de expresión e, especialmente, na literatura e na música.

O individualismo da burguesía atopou a súa máxima expresión cultural no romanticismo. O artista romántico exaltou a sensibilidade e a subxectividade, e temas como a imaxinación, a paixón, o sentimento, o mito, a lenda ou as paisaxes exóticas convertéronse en motivos temáticos que reforzaban esa mentalidade individualista e que recoñecían o dereito do artista a seguir o seus propios sentimentos e instintos humanos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.