Diplomacia

A diplomacia é a arte de conducir as relacións internacionais ou os negocios estranxeiros dun determinado Estado ou outro suxeito de dereito internacional. Xeralmente é emprendida por medio de diplomáticos de carreira e implica asuntos de guerra e paz, comercio exterior, promoción cultural, coordinación de organizacións internacionais e outros. Convén distinguir entre diplomacia e política exterior - aquela é unha dimensión desta última. A política exterior é definida en última análise pola autoridade de goberno dun Estado ou pola alta autoridade política dun suxeito de dereito internacional; así a diplomacia pode ser entendida como unha ferramenta dedicada a planear e executar a política exterior, por medio de diplomáticos. As relacións diplomáticas son definidas no plan do dereito internacional pola Convención de Viena sobre Relacións Diplomáticas (CVRD), de 1961.

Figuradamente, ou de forma coloquial, chámase diplomacia ao uso da delicadeza ou os bos modais, ou, tamén, astucia para tratar calquera negocio.

Nyc-un-building
A sede da ONU en Nova York
Symmetry of Diplomacy
Ger van Elk, Symmetry of Diplomacy, 1975, Groninger Museum.

Funcións da diplomacia

Considéranse funcións tradicionais da diplomacia as tarefas de negociar, informar e representar.

A tarefa de negociar consiste en manter relacións co obxectivo de concluír un acordo. O diplomático negocia en nome e por conta do Estado que representa, co propósito de defender os intereses deste. En canto ao número de partes, a negociación pode ser bilateral ou multilateral. A negociación bilateral dáse entre dous partes. A multilateral envolve máis de dúas partes e adoita ocorrer no ámbito de conferencias ou de organizacións internacionais.

A tarefa de informar defínese como o deber e a prerrogativa do diplomático no sentido de decatarse por todos os medios lícitos das condicións existentes e da evolución dos acontecementos dun determinado Estado e informar a este respecto ao Goberno do Estado que representa. En xeral, esta función é desempeñada por diplomáticos acreditados ante o goberno do Estado sobre do cal informan.

A función de representar inclúe a tarefa de facer patente a presenza do Estado representado en eventos internacionais ou estranxeiros (no argot diplomático, "mostrar a bandeira"). Inclúe, tamén, en certos casos, o recibimento de poderes do Estado representado para, en nome e por conta deste último, practicar actos de interese daquel Estado.

Modernamente, adoítase incluír entre as funcións da diplomacia as de promover o comercio exterior ("promoción comercial") e a imaxe do Estado representado ("diplomacia pública").

O dereito internacional recoñece aos Estados a facultade de exercer protección diplomática sobre os intereses das súas nacións. Así, dentro dos límites do dereito internacional, unha misión diplomática pode defender os intereses dunha empresa ou dun individuo do seu país.

Órganos da diplomacia

O Estado mantén relacións diplomáticas por intermedio de órganos especializados. Tales órganos adoitan organizarse ao redor dun Ministerio de Asuntos Exteriores (ou outros nomes: Ministerio de Relacións Exteriores, Ministerio de Negocios Estranxeiros, Departamento de Relacións Exteriores, Departamento de Estado, Secretaría de Relacións Exteriores etc.) e contar cun cadro de profesionais que representan o Estado ante outros gobernos, o chamado "servizo diplomático".

Á beira da diplomacia profesional, os Estados tamén botan man de misións temporais ao exterior ("diplomacia ad hoc") para desempeñar determinada función (negociar un tratado, por exemplo). Este tipo de misión pode involucrar a outros órganos do Estado, como os Ministerios de Comercio, Facenda, Agricultura, Defensa etc.

O dereito internacional recoñece ao Primeiro Ministro un papel na diplomacia, podendo mesmo negociar e asinar tratados sen necesidade de plenos poderes, da mesma forma que o Ministro do Exterior. Compete ao Xefe de Estado, ademais, a prerrogativa de ratificar os tratados en nome do seu país. Ao longo do século XX, xurdiu a chamada "diplomacia presidencial", froito da maior facilidade de comunicación entre os países e da vantaxe natural que representa a toma de decisión ao máis alto nivel.

O termo "diplomacia parlamentaria" foi creado en 1955 por Dean Rusk para designar as negociacións multilaterais que ocorren no ámbito da ONU e foi posteriormente estendido ás demais organizacións internacionais. A diplomacia parlamentaria distínguese por levarse a cabo no seo de organizacións internacionais, seguir regras de procedemento e contar con debate permanente (asemellándose, polo tanto, ao que ocorre cos parlamentos nacionais). Máis recentemente, atópanse tamén referencias á diplomacia parlamentaria como sendo dirixida polos membros dos parlamentos nacionais.

Misións diplomáticas

Brazil, Washington
A sede da Embaixada de Brasil en Washington.

A Misión diplomática está constituída por un grupo de operarios dun Estado ("Estado acreditante") ou organización internacional, presentes no territorio doutro Estado ("Estado acreditado"), cuxo obxectivo é representar o Estado acreditante ante o Estado acreditado. En termos prácticos, adoita ser unha Misión permanente dun Estado localizada na capital doutro Estado.

Denomínase "diplomático" o funcionario pertencente ao servizo diplomático dun Estado; "Misión diplomática", un grupo de diplomáticos de mesma nacionalidade acreditados perante un Estado estranxeiro. O conxunto de diplomáticos de todas as nacionalidades presentes no territorio dun determinado Estado denomínase "corpo diplomático". O corpo diplomático acreditado nunha determinada capital adoita ter un "decano" (o embaixador que leva máis tempo naquela capital; nalgúns lugares, a posición é reservada ao nuncio apostólico), con función de portavoz dos intereses do conxunto dos diplomáticos estranxeiros.

As Misións diplomáticas poden ser dun de entre tres niveis, dependendo da clase do xefe da misión (CVRD, art. 14):

  • Embaixada, mandada por un embaixador: nivel máis elevado dunha Misión diplomática. As Embaixadas establecidas por Santa Sede adoitan chamarse Nunciaturas Apostólicas e son gobernadas por nuncios.
  • Legacións, mandada por ministros plenipotenciarios (ou Inter-Nuncios, no caso da Santa Sede).
  • Encarregaturas de Negocios, mandadas por encargados de negocios, o nivel máis baixo dunha Misión diplomática.

Na práctica, actualmente as Misións diplomáticas son mandadas por embaixadores. A maioría das Misións doutro nivel foron elevadas á categoría de Embaixada logo da Segunda Guerra Mundial.

Convén non confundir o titular dunha Encarregatura de Negocios (o encargado de negocios) - nivel de representación diplomática hoxe extremadamente raro - coa función temporal de Encargado de Negocios ad interim (ou a.i.), correspondente ao diplomático que asume a autoridade provisional dunha Misión diplomática na ausencia do titular (o embaixador).

En xeral, as Misións diplomáticas no exterior repórtanse a e reciben instrucións do respectivo Ministerio do Exterior (ou dos Negocios Estranxeiros).

Dereito de legación

Defínese o dereito de legación como a facultade de enviar (dereito de legación activo) e recibir (pasivo) axentes diplomáticos. Resulta da soberanía do Estado no seu aspecto externo (é dicir, o non-recoñecemento de autoridade superior a el mesmo). En consecuencia, soamente gozan deste dereito os Estados soberanos —os semi-soberanos só o fan con autorización do Estado ao cal están vinculados.

O dereito de legación deriva do principio da igualdade xurídica dos Estados e está regulado polo principio do consentimento mutuo.

Modernamente, este dereito tamén foi exercido polas organizacións internacionais.

Historia

CongressVienna
O Congreso de Viena por Jean-Baptiste Isabey, 1819.

A facultade de practicar a diplomacia é un dos elementos definidores do Estado, razón pola cal aquela foi exercida desde a formación das primeiras cidades-Estado, hai milenios. Na Antigüidade e na Idade Media, os diplomáticos eran case sempre enviados só para negociacións específicas, retornando coa súa conclusión. A historia rexistra como primeiros axentes diplomáticos permanentes os apocrisiarios, representantes do Papa e doutros patriarcas católicos ante o Imperio bizantino. Tamén exercían as súas funcións de modo permanente os procuratores in Romanam Curiam, representantes dos soberanos europeos xunto ao Papa en Roma. Con estas dúas institucións (apocrisiarios e procuratores) xurdiron os primeiros conceptos do que viría ser a diplomacia moderna, como as instrucións, as credenciais e as inmunidades.

A orixe da diplomacia moderna pode ser atopada nos Estados da Italia Setentrional, no comezo do Renacemento, co establecemento das primeiras Misións diplomáticas no século XIII. A primeira Misión diplomática permanente foi establecida por Milán en 1446 xunto ao goberno de Florencia. No norte de Italia xurdiron algunhas das tradicións da diplomacia, como a presentación de credenciais dos embaixadores estranxeiros ao Xefe de Estado.

De entre as grandes potencias europeas, España foi a primeira en manter un representante permanente no exterior - na corte inglesa, a partir de 1487. A finais do século XVI, o establecemento de Misións permanentes xa se fixera frecuente en Europa.

A Paz de Westfalia (1648), ao instituír o sistema do equilibrio europeo, consolidou a necesidade das Misións diplomáticas permanentes, por medio das cales os Estados europeos buscaban crear ou preservar alianzas.

Como os embaixadores eran, como regra xeral, membros da nobreza ou políticos con pouca experiencia en relacións exteriores, creouse unha crecente base de diplomáticos profesionais nas Misións no exterior. Na mesma época, comezaban a ser estruturados os Ministerios do Exterior nas principais capitais europeas.

Coa presenza permanente de enviados diplomáticos nas capitais europeas, xurdiron conceptos como o de precedencia, que organizaba os xefes de Misión estranxeiros en orde de importancia. As regras a ese respecto variaban de país en país e eran a miúdo confusas, distinguindo entre representantes de monarquías e repúblicas, ou conforme a relixión oficial do Estado acreditante. O Congreso de Viena de 1815 creou un sistema de precedencia diplomática, pero o tema continuou a ser fonte de discordancia ata o século XX, cando o tema foi regulado definitivamente, polo artigo 16 da CVRD.

A primeira embaixada enviada por un Estado europeo ao Oriente foi a de Inglaterra xunto ao emperador mogol (mughal), en 1615. As tradicións diplomáticas fóra de Europa diferían en moito das europeas, especialmente no que se refire aos grandes imperios como o Otomán ou o chinés, que se consideraban superiores aos outros Estados. Por fin, a expansión europea nos séculos XVIII e XIX levou consigo a práctica diplomática daquel continente, facéndoa universal.

Privilexios e inmunidades

A inmunidade diplomática é unha forma de inmunidade legal e unha política entre gobernos que asegura ás Misións diplomáticas inviolabilidade, e aos diplomáticos salvoconduto, exención fiscal e outras prestacións públicas (como servizo militar obrigatorio), así como de xurisdición civil e penal e de execución.

A noción de privilexios e inmunidades para diplomáticos estranxeiros existe desde a Antigüidade —os embaixadores romanos eran considerados sacros e a súa violación constituía un motivo para guerra xusta. Na Idade Media, como as relacións internacionais dábanse entre Xefes de Estado, ofender un embaixador significaba ofender o Xefe de Estado que o enviou, o que xustificaba as precaucións da inmunidade.

A primeira teoría articulada que busca xustificar a necesidade de privilexios e inmunidades para diplomáticos foi a de a extraterritorialidade, detallada por Hugo Grotius no século XVII, segundo a cal unha ficción xurídica faría da Embaixada unha parte do territorio do Estado acreditante. Actualmente, a extraterritorialidade foi abandonada en favor da teoría do interese da función, segundo a cal a finalidade dos privilexios e inmunidades non é beneficiar individuos, senón garantir o eficaz desempeño das funcións das Misións diplomáticas na súa tarefa de representación dos Estados acreditantes.

Os privilexios e inmunidades poden ser clasificados en inviolabilidade, inmunidade de xurisdición civil e penal e exención fiscal, ademais doutros dereitos como liberdade de culto e exención de prestacións persoais.

A inviolabilidade comprende a sede da Misión e as residencias particulares dos diplomáticos, así como os bens alí situados e os medios de locomoción. A inviolabilidade aplícase tamén á correspondencia e as comunicacións diplomáticas.

Da inmunidade de xurisdición resulta que os actos da Misión e os dos seus diplomáticos non poden ser levados a xuízo polos tribunais do Estado acreditado. Ademais de inmunidade de xurisdición civil e administrativa, os axentes diplomáticos tamén gozan de inmunidade de xurisdición penal. A inmunidade de execución é absoluta —eventuais decisións xudiciais ou administrativas desfavorables á Misión ou aos diplomáticos non poden ser cumpridas á forza polas autoridades do Estado acreditado.

A exención fiscal comprende ao Estado acreditante, ao xefe da Misión, a propia Misión e aos axentes diplomáticos. Esta exención inclúe os impostos nacionais, rexionais e municipais, así como os dereitos aduaneiros, pero non se aplica a taxas cobradas por servizos prestados (o que é a definición de "taxa" en dereito tributario).

A inmunidade diplomática non confire ao diplomático o dereito de considerarse por encima da lexislación do Estado acreditado —é obrigación expresa do axente diplomático cumprir as leis daquel Estado.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Activismo

O activismo e a actividade a favor dunha doutrina ou organización que implique un cambio social ou político.

O termo apareceu pola primeira vez na prensa belga en 1916 para facer referencia ó movemento nacionalista flamengo.

O activismo pode consistir en realizar múltiples tarefas como escribir cartas ós xornais, poñer mensaxes en foros de internet, participar en campañas políticas, boicots, manifestacións ou folgas e mesmo nalgúns casos tode asumir tácticas de guerrilla, o que pode levar a que sexa considerado terrorista por uns e liberador por outros.

En especial, o activismo de carácter relixioso, feminista ou ecoloxista pode tratar de convencer á xente para cambiar os seus hábitos no canto de dirixirse ós gobernos.

Barack Obama

Barack Hussein Obama II, nado en Honolulu (Hawai) o 4 de agosto de 1961, foi o cuadraxésimo cuarto presidente dos Estados Unidos de América. É o primeiro afroamericano en acadar este posto. Obama foi senador polo estado de Illinois entre xaneiro de 2005 e novembro de 2008, momento en que renunciou ao cargo para botar os folgos á campaña presidencial.

Ten o graduado pola Universidade de Columbia e pola escola de dereito de Harvard (en inglés: Harvard Law School), onde foi nomeado o primeiro presidente afroamericano da revista Harvard Law Review. Foi organizador comunitario en Chicago antes de obter o grao en Dereito. Traballou como avogado especializado en dereitos civís antes da súa elección como senador polo estado de Illinois. Tamén impartiu clases de dereito constitucional na escola universitaria de dereito de Chicago (en inglés: University of Chicago Law School) dende o ano 1992 ata o 2004.

Obama ocupou un escano no Senado de Illinois durante tres lexislaturas (de 1997 a 2004). Tras perder unha contenda para obter un escano no Parlamento norteamericano no ano 2000, presentou a súa candidatura ao Senado no 2004. En marzo do 2004, venceu nas eleccións primarias do partido demócrata, o que fixo del unha figura coñecida no país. Despois de pronunciar o seu discurso de apertura do congreso demócrata dese mesmo ano, a súa popularidade aumentou significativamente. Foi elixido senador dos Estados Unidos en novembro do ano 2004 coa marxe de votos máis ampla da historia de Illinois.

Comezou a súa carreira cara á presidencia en febreiro de 2007. Tras unha campaña axustada nas eleccións primarias de 2008 contra Hillary Clinton, gañou a candidatura polo partido demócrata, converténdose no primeiro candidato afroamericano dun dos grandes partidos estadounidenses. Nas eleccións de novembro de 2008 venceu ao candidato republicano John McCain converténdose no cuadraxésimo cuarto presidente dos Estados Unidos de América o 20 de xaneiro de 2009. O 9 de outubro dese mesmo ano, recibiu o Premio Nobel da Paz polos seus "extraordinarios esforzos para fortalecer a diplomacia internacional e a cooperación entre as persoas".

Chanceler

Chanceler (do latín cancellarius) é un cargo con distinto significado segundo o estado.

Dag Hammarskjöld

Dag Hjalmar Agne Carl Hammarskjöld, nado en Jönköping o 29 de xullo de 1905 e finado en Ndola (Federación de Rodesia e Nyasalandia) o 18 de setembro de 1961, foi un diplomático e economista sueco, Secretaría Xeral da Organización das Nacións Unidas dende abril de 1953 ata o seu falecemento ao estrelarse o avión en que viaxaba para mediar na crise do Congo. Semanas despois recibiu a título póstumo o premio Nobel da Paz.

Hammarskjöld está considerado un dos dous mellores secretarios xerais das Nacións Unidas, e o seu mandato considérase un dos maiores éxitos da ONU. O presidente dos Estados Unidos John F. Kennedy denominou a Hammarskjöld "o maior home de estado do noso século".

Diplomático

Un diplomático é calquera persoa que exerza o traballo da diplomacia.

Esta profesión pode exercela nunha misión diplomática, nunha misión consular, ante un organismo internacional, no ministerio de relacións exteriores ó que pertenza, ou destacado ante calquera repartición estatal no interior do seu estado.

Un diplomático debe enfrontar problemas de moi diversa índole. O Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), clasificou no seu momento máis de dez mil temas que podían ser levados por unha chancelería[Cómpre referencia]. Por isto, os diplomáticos adoitan especializarse só nalgúns temas.

En España existen diferentes categorías de diplomáticos segundo o escalafón: embaixador, Ministro plenipotenciario (de 1ª, de 2ª e de 3ª clases), o conselleiro (de só unha clase), o secretario de embaixada (de 1ª, de 2ª e de 3ª clases), e o cónsul.

Embaixada

Unha embaixada é a delegación representativa oficial e xeralmente de carácter permanente dun estado no territorio doutro, decote localizado na súa capital, feito que a distingue dos consulados, que poden estar situados en calquera parte do territorio. En relación do dereito internacional, as embaixadas gozan dun status extraterritorial, é dicir, malia estaren en territorio estranxeiro están desligadas das leis locais e se rexen conforme ás leis do país de orixe.

Embaixador

Un embaixador é o funcionario diplomático de máis alto nivel acreditado diante dun Estado estranxeiro ou organización internacional. Na linguaxe común, o termo é aplicado ao representante situado na capital dun país estranxeiro. O país anfitrión onde se acredita unha embaixada concede ao embaixador, ás dependencias e algúns semoventes un status funcional especial. O status especial implica certa extraterritorialidade sobre a situación e dependencias específicas da chamada embaixada, pola que o territorio, persoal e vehículos gozan de inmunidade diplomática, conforme a normas internacionais (convencións). No caso dunha diplomacia bilateral, o embaixador e a embaixada atenden os asuntos de interese estatal entre o país representado e ante o país acreditante. Os devanditos asuntos diplomáticos son de índole política, económica, financeira, comercial, cultural, turística, ou calquera tema de relacións internacionais, tales como tratados, acordos, intercambio de votacións para certas candidaturas de interese etc. Cada País ten o seu propio embaixador.

Se o Estado acreditante ten unha escasa colonia de concidadáns, ademais das funcións mencionadas, agréganse as dunha sección consular dentro da mesma misión diplomática onde se tratan os asuntos e eventuais problemas que os cidadáns residentes ou de paso no país estranxeiro, e con nacionalidade do país propio, poidan ter. Velará pola seguridade e integridade dos cidadáns do seu país no país estranxeiro e actuará como mensaxeiro entre o goberno do seu país e aquel receptor.

Independencia

A independencia, termos políticos, é a situación dun país que detenta e goza, ademais do dereito de autodeterminación, o de soberanía.

José Maria Eça de Queirós

José Maria Eça de Queirós (na grafía decimonónica portuguesa Eça de Queiroz), nado na Póvoa de Varzim o 25 de novembro de 1845 e finado en París o 16 de agosto de 1900, foi un escritor e diplomático portugués, considerado como un dos máis grandes novelistas de todos os tempos. Eça figura no canon literario occidental elaborado polo crítico Harold Bloom.

Lingua francesa

O francés (français) é a terceira das linguas románicas en número de falantes, despois do castelán e do portugués. En 1999, o francés era a 11a lingua máis falada no mundo, con uns 77 millóns de falantes como lingua materna (chamados francófonos) e uns 128 millóns no total, incluíndo os que a usan como segunda lingua.É unha lingua administrativa ou oficial en moitas comunidades e organizacións (como a Unión Europea, ONU, Unión Postal Universal, Unión Africana etc). Antes da Segunda Guerra Mundial o francés era considerado a lingua internacional por excelencia, particularmente na diplomacia, e unha lingua franca no comercio, navegación e transporte.

País

Para coñecer sobre a historia do desenvolvemento dos estados nacionais modernos, ver estado. Ver estado, para unha definición segundo o dereito internacional.

Un país (do francés pays, procedente do latín pagus, -i, ‘aldea, distrito’), ou estado nacional, é unha área xeográfica e unha entidade politicamente independente, co seu propio goberno, administración, leis, a maior parte das veces unha constitución, policía, forzas armadas, leis tributarias, e un grupo humano. Tamén é un país un territorio que constitúe unha nación, ou incluso unha rexión ou bisbarra (País do Loira). Un exemplo de país é Galicia.

Moitas veces, partes dun estado nacional cunha historia ou cultura diferentes son chamados países: Gales e Escocia son ás veces chamados países, inda cando non son estados nacionais, senón máis ben nacións.

Os termos país, nación, estado e terra acostuman ser utilizados coma sinónimos, mais nun uso máis estrito deben ser distinguidos:

país é unha área xeográfica.

nación designa á xente, porén nacional e internacional refírense tamén ao que son estritamente estados, como en capital nacional e lei internacional.

estado é acerca do goberno, unha entidade na lei internacional.

terra pode ser usado como "un país e a súa xente" pero tamén como un país pertencente a unha nación ou a un monarca.

Poder executivo

Seguindo o esquema de Montesquieu, o poder executivo é un dos tres poderes do Estado moderno, cuxa función é executar as leis aprobadas polo poder lexislativo.

O poder executivo é desenvolvido polo goberno do Estado. Este está sometido ao control parlamentario e ao control xudicial, nun sistema de pesos e contrapesos no que cada poder controla aos demais a través de distintos mecanismos, que se estudan na teoría da separación de poderes.

Política

Política (do latín politĭcus, e este do grego antigo πολιτικός politikós, masculino de πολιτική politikḗ, que significa «de, para o relacionado cos cidadáns») é a teoría, arte ou doutrina referente ao goberno dunha comunidade, o cal implica un proceso ou actividade de toma de decisións que se aplican a todos os membros dun grupo para a consecución duns obxectivos orientados ao ben común. A ciencia política constitúe unha rama das ciencias sociais que se ocupa da actividade dunha sociedade, composta por cidadáns libres, para resolver os problemas que lle plantea a súa convivencia colectiva

Presidencialismo

O presidencialismo é un sistema de goberno no que o líder do poder executivo é escollido polo pobo para mandatos regulares acumulando a función de xefe de Estado e xefe de goberno. Este sistema de goberno foi creado polos norte-americanos no século XVIII. A monarquía inglesa actuava como xefe de Estado sobre as trece colonias. O descontento coa actuación do monarca e as influencias de autores que se opoñían ó sistema absolutista, principalmente Locke e Montesquieu, foron determinantes para que os americanos adoptasen un sistema onde houbesen mecanismos que impedisen a concentración de poder.

Xuridicamente o presidencialismo caracterízase pola separación de poderes. O presidente é o xefe de Estado, e é el quen escolle os xefes dos grandes departamentos (ministerios). O lexislativo, o xudicial e o executivo son independentes entre si.

Primeiro ministro

O primeiro ministro é un político que serve como xefe da póla executiva. É xeralmente o xefe do goberno no sistema parlamentario. Para o feminino úsase "a primeira ministra".

A míudo, un primeiro ministro traballa cun presidente ou un monarca que é o xefe do estado. O primeiro ministro é normalmente o líder do partido político que ten a maioría no parlamento. As súas principais responsabilidades inclúen coordina-lo goberno , designar ós oficiais do goberno, e á representación do goberno do seu país no mundo.

Os primeiros ministros poden recibir diferentes nomes dependendo do país no que gobernen: así o primeiro ministro de España recibe o nome de Presidente do Goberno, o de Italia, Presidente do Consello, o de Irlanda Taoiseach, e o do Perú, Premier.

Protectorado

Denomínase protectorado á soberanía parcial que un Estado exerce, especialmente no referido ás relacións exteriores, nun territorio que non foi incorporado plenamente ao da súa nación e no cal existen autoridades autóctonas propias.

Como exemplo, podemos citar o protectorado que no seu día exerceron España e Francia sobre Marrocos, onde a autoridade sobre a poboación nativa era exercida polo Sultán, existindo forzas militares e policiais autóctonas, pero tuteladas polos exércitos dos países protectores.

Os gobernos destes países estaban representados, no caso da zona controlada por España, polo Alto Comisario, normalmente un xeneral, e no da zona francesa polo Residente Xeral.

Provincia

Unha provincia é un tipo de división administrativa, que confire certas funcións, a nivel administrativo, ó territorio que representa. Tamén se chama provincia ao territorio limitado pola división administrativa antedita.

Este termo utilizase con características diferentes seguindo os países e as épocas históricas. Polo tanto unha provincia abarca realidades de organización territorial diversas.

Rexencia

A rexencia (do latín regentia) é un período transitorio durante o cal unha personalidade (xeralmente da familia real) exerce o poder en nome do monarca titular xa sexa porque este é demasiado novo ou vello, por ausencia do mesmo, ou pola súa incapacidade para gobernar por si mesmo.

A rexencia cesa cando desaparece a causa que a motivou. A rexencia pode ser individual ou colectiva. Xeralmente exercen a rexencia persoas achegadas á Coroa como o pai ou a nai do rei, tamén o príncipe herdeiro no suposto caso de ausencia ou incapacidade do rei.

Traizón

En Dereito, a traizón refírese a un conxunto de crimes que engloban os actos máis extremos en contra do país de cada un.

Familiarmente, a traizón consiste en defraudar a familia, amigos, grupo étnico, relixión, ou outro grupo ao cal poida pertencerse, facendo o contrario ao que os outros esperan. A miúdo, cando se acusa de traidor, tales acusacións son controvertidas e disputadas, cando a persoa non pode identificarse co grupo do cal é membro, ou do contrario está en desacordo cos líderes do grupo que fan o cargo.

Poderes
Formas de goberno
Réximes e sistemas
Tipos de poder
Clases de estado
Conceptos
Procesos
Divisións administrativas
Cargos
Disciplinas
Ideoloxías
Actitudes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.