Dinastía

Unha dinastía é unha serie de gobernantes dun o de varios estados relacionados entre si, ou provenientes todos dunha mesma liñaxe. Por extensión o termo aplícase a toda unha familia que acumula grandes cantidades de poder económico, político ou social durante diversas xeracións. A dinastía é a forma de sucesión da monarquía, na que o herdeiro da liñaxe sucede o monarca que morreu (ou se se produciu unha abdicación). Normalmente o herdeiro é o fillo pero pode designarse especificamente outro grao de parentesco.

Etimoloxía

A palabra deriva do latín dynastia, que deriva á súa vez do grego δυναστεία, lingua na que se refería ao poder, ao dominio ou ao goberno en si.[1]

Notas

  1. Liddell, Henry George; Robert Scott (1940). Clarendon Press, ed. "δυναστεία". A Greek–English Lexicon (en inglés). Oxford. Consultado o 9 de setembro de 2015.

Véxase tamén

Outros artigos

Abbásida

Abbásida (en árabe: ﻋﺒﺎﺳﻴﻮﻦ ʿAbbāsiyyūn) é o nome da terceira dinastía de califas árabes, que reinou de 750 a 1258 sobre un imperio musulmán con capital en Bagdad (e, durante algúns decenios, na cidade de Samarra), no actual Iraq. Foi fundada en 750 por As Saffah, bisneto do tío paterno do profeta Mahoma, Muttalib ibn Abd al-Manaf, tamén coñecido por Abbas, de quen tomaron o seu nome. Dise que este converteuse á relixión predicada polo seu sobriño nunha data imprecisa, que os detratores da dinastía sitúan na tarde inmediatamente anterior á conquista (fatḥ) da Meca por parte dos musulmáns (630).

Desde a instauración da figura do califa, vicario do Profeta na súa calidade de xefe político do Ummah (Estado) islámico, houbo varias dinastías. Os 4 primeiros califas foron chamados os "ortodoxos" (Rashidun) e gobernaron durante o período de tempo comprendido entre 632 e 661. Entre o 661 e o 750 gobernou a Comunidade Islámica a dinastía árabe dos Omeia, que estableceron a súa capital en Damasco. Os abássidas eran, polo tanto, a terceira dinastía (tamén árabe) que gobernou o mundo islámico. En total foron 37 os califas pertencentes a esta dinastía.

A dinastía abbásida comeza en 750 logo da vitoria sobre os omeias na batalla do Zab e remata logo do cerco, conquista e saqueo de Bagdad por parte das tropas mongolas en 1258. Unha rama da dinastía sobrevivente ao exterminio mongol estableceuse no Cairo onde continuaron a dinastía un total de 17 califas aínda que sen poder real.

Os cinco séculos de califato abbásida están considerados como a Idade de Ouro islámica pola fertilidade creativa e liderado en practicamente todas as ramas do saber, da arte e da cultura.

Casa de Borbón

A casa de Borbón (en francés: Bourbon, en italiano: Borbone) é unha casa real de orixe francesa (aínda que a primeira coroa á que accedeu foi a do Reino de Navarra), actual casa reinante en España e no Gran Ducado de Luxemburgo. Gobernaron primeiro en Navarra e Francia, pero para o século XVIII os membros da casa de Borbón chegaron aos tronos de España e sur de Italia, destacando o Reino das Dúas Sicilias, ademais de varios pequenos ducados e condados.

Dinastía Carolinxia

Coñécese como dinastía carolinxia ou carolinxios (chamados así por Carlos Martel) á liñaxe de reis francos que gobernaron Europa Occidental entre os séculos VIII e X.

Arnulfo de Metz da familia dos arnulfinos e Pipino o Vello da dos pipínidas uníronse e formaron unha verdadeira dinastía a través dos matrimonios dos seus fillos. Os carolinxios xa ostentaban o poder desde 639 aínda que non como reis (que durante máis dun século seguirían sendo os merovinxios), senón como mordomo de palacio.

O mordomo de palacio Pipino o Breve (descendente de Carlos Martel e de Pipino o Vello), que tras destronar ao merovinxio Khilderico III, rei dos francos e con apoio do Papa fixo oficial o seu poder de facto. Pipino foi sucedido no trono franco por Carlos (Carlomagno) e Carlomán. O primeiro, anos máis tarde, expandiría o seu poder por toda Europa Occidental e sería coroado no Nadal do ano 800 en Roma emperador de Occidente.

O Imperio Carolinxio, como é chamado polos historiadores o vasto territorio que uniu Carlomagno baixo o seu reinado, disgregouse poucas décadas despois, trala morte do fillo de Carlomagno, Lois I o Piadoso ou Ludovico Pío, cando os tres fillos deste (Carlos, Lotario e Lois) se repartiron o imperio mediante o Tratado de Verdún (843). O poder da dinastía entón foi diminuíndo. Na póla xermánica, a do Sacro Imperio Romano Xermánico, os carolinxios mantiveron o poder ata o século X. En Francia, os herdeiros do fillo de Lois I o Piadoso, Carlos II o Calvo, gobernaron ata 987, cando foron substituídos pola dinastía dos Capetos.

Durante anos, a dinastía carolinxia desenvolveu unha arte propia de grande influencia en Europa, pois o Imperio Carolinxio foi centro da política europea durante décadas (véxase arte carolinxia). A cultura carolinxia tamén gozou de gran prestixio, e os historiadores falan dun verdadeiro "renacemento carolinxio", baseado na difusión cultural e no ensino nas escolas da época. O estilo arquitectónico da época, que era unha forma da arte prerrománica, tamén se denomina "estilo carolinxio".

Os sucesores de Carlomagno non souberon combinar os elementos políticos, e o costume xermánico de dividiren o territorio entre todos os fillos do soberano, acabaron por desmembrar a obra de Carlomagno. Cando a liña oriental acaba coa morte en 911 de Lois o neno toman o trono os otóns. En Franconia Occidental manteñen o poder os carolinxios ata o 987, cando son desprazados pola dinastía dos Capetos.

Dinastía Han

A dinastía Han (chinés tradicional: 漢朝, chinés simplificado: 汉朝) gobernou China dende o 206 a. C. ata o 220 d.C. marcando un período de prosperidade económica e cultural e unha expansión territorial na Historia da China. Foi precedida pola dinastía Qin (221–206 a.C.) e seguíuna o período dos Tres Reinos (220-280 d.C.)

Durante a dinastía Han, os seus reis adoptaron os ensinos dos grandes filósofos da antigüidade, Lao Zi e Confucio. O goberno desenvolveuse ben logrando expansión territorial. Fomentouse a educación e a escritura co recentemente inventado papel de arroz. Propiciouse un grande intercambio de mercadorías pola ruta da seda, que vai do océano Pacífico ata Persia e India. China converteuse oficialmente nun Estado confuciano e prosperou no ámbito interno: a agricultura, os produtos feitos a man e o comercio floreceron, e a poboación chegou aos 50 millóns. Mentres tanto, o imperio estendeu a súa influencia cultural e política sobre os actuais Vietnam, Asia central, Mongolia e Corea antes de derrubarse baixo unha combinación de presións internas e externas. O primeiro dos dous períodos da dinastía, chamado Dinastía Han Anterior (前漢朝, qián hàn cháo) ou Dinastía Han Occidental (西漢朝, xī hàn cháo) que durou ata o ano 9 tivo a súa capital en Chang'an (actual Xi'an, provincia de Shaanxi). A Dinastía Han Posterior (後漢朝, hòu hàn cháo) ou Dinastía Han Oriental (東漢朝, dōng hàn cháo), que durou do 25 ao 220 tivo a súa capital en Luoyang. A convención de denominalas occidental e oriental úsase hoxe en día para evitar a confusión coa dinastía Han do período das Cinco Dinastías e os Dez Reinos, aínda que a nomenclatura de anterior/posterior usábase nos textos históricos, incluíndo en Zizhi Tongjian de Sima Guang. A dinastía foi fundada pola familia Liú (劉).

Os logros intelectuais, artísticos e literarios reviviron e floreceron durante a dinastía Han. O período Han produciu o historiador máis famoso da China, Sima Qian (145 a.C. - 87a.C.?), cuxas Memorias históricas provén unha crónica detallada desde os tempos da lendaria dinastía Xia a aqueles do emperador Wu (141a.C. - 87 a. C.). Os avances tecnolóxicos tamén marcaron este período. Un dos grandes inventos chineses, o papel, data da época Han.

Sería correcto afirmar que os imperios contemporáneos dos Han e os romanos eran os maiores que existían nese momento no mundo coñecido. A pesar de que non había unha relación directa entre os dous, ambos eran conscientes da existencia do outro, e existía un vínculo comercial a través dos outros imperios que existían en Asia Central e que actuaban como intermediarios, como Partia. Era un intercambio bastante desigual; China exportaba especias, teas, e, principalmente, seda. O imperio romano unicamente podía ofrecer ouro e prata a cambio, posto que non posuían outras manufacturas de interese para os chineses. Un dos poucos contactos directos rexistrados entre ambos os imperios aparecen no Hou Hanshu onde se conta que un convoi romano representando a Antonino Pío alcanzou a capital Luoyang e foi recibido polo emperador Huan.

A dinastía Han, que deu nome ao principal grupo étnico de China, "Os Han", foi notable tamén polo seu poderío militar. O imperio expandiuse cara ao oeste ata chegar á depresión de Tarim (na actual Rexión Autónoma Uigur de Xinjiang. Os exércitos chineses tamén invadiron e anexionáronse partes do norte de Vietnam e Corea cara ao final do século II a. C. Pero o control por parte dos Hans das rexións periféricas era xeralmente escaso. Para asegurar a paz cos poderes locais fora da China a Corte Han desenvolveu un "sistema tributario" mutuamente beneficioso. Aos estados non chineses permitíaselles autonomía a cambio da aceptación simbólica da dominación Han. Os lazos tributarios confirmáronse e reforzaronse a través de ligazóns matrimoniais entre clases altas e intercambios periódicos de agasallos e bens.

Dinastía Merovinxia

Dinastía merovinxia, familia de estirpe xermánica que gobernou a actual Francia e parte de Alemaña entre os séculos V e VIII. Eran descendentes de Meroveo, xefe militar franco, fundador da dinastía. Clodoveo I (466 ? - 511) foi o primeiro monarca da dinastía.

Á súa morte o reino franco foi dividido entre os seus fillos, segundo o costume dos merovinxios. Outro monarca destacado da dinastía foi Dagoberto I (?- 639) que logo de moitos anos de división territorial, volveu unir os reinos francos baixo o seu goberno. Despois de Dagoberto I, o poder dos merovinxios foise disgregando e a medida que pasou o tempo, os Mordomos de palacio acabaron por seren os verdadeiros dirixentes do reino franco. Os mordomos de palacio Carlos Martel, e o seu fillo Pipino o Breve (fundador da dinastía carolinxia), acabaron co poder dos monarcas merovinxios e Pipino destronou ao último rei merovinxio, Khilderico III, para se proclamar rei dos francos. A dinastía merovinxia, foi substituída entón pola dinastía carolinxia.

Dinastía Omeia

A Dinastía omeia (Árabe بنو أمية banū umayya / الأمويون al-umawiyyūn); Persa امویان (Omaviyân), turco, Emevi) foi unha gran dinastía árabe que reinou en todo o mundo musulmán instaurando o califato Omeia na época do Califato de Damasco (661-750). Logo, tralo seu derrocamento e exterminio, a mans da dinastía Abbásida, estableceron o seu dominio na Península Ibérica cun dos últimos descendentes da dinastía, Abderramán I (Abd ar-Rahman I), este instaurou un débil emirato que se foi afianzando ata constituírse coma un califato independente, o Califato de Córdoba (756-1031).

Dinastía Tang

A Dinastía Tang (en chinés 唐朝; pinyin Táng Cháo; Chinés medio Dâng) foi unha dinastía imperial chinesa precedida pola Dinastía Sui e sucedida polo período das Cinco Dinastías e Dez Reinos, que gobernou en China entre o 18 de xuño de 618 e o 1 de xuño de 907. Foi fundada pola familia Li (李), que chegou ao poder durante a decadencia e colapso do Imperio Sui. A Dinastía foi interrompida brevemente entre o 8 de outubro de 690 e o 3 de marzo de 705 pola Segunda Dinastía Zhou, cando a emperatriz Wu Zetian se apoderou do trono, converténdose na única emperatriz reinante, gobernante por dereito propio.

Dinastía de Borgoña

A designación dinastía de Borgoña aplícase á dinastía real que gobernou nos reinos de Galiza (1092-1369), León (1126 e 1369), Castela (1157-1369) e Portugal (1096-1383). A rama da dinastía reinante en Portugal deriva do matrimonio de Henrique de Borgoña, fillo do Duque de Borgoña Roberto I, e Tareixa, filla natural do rei Afonso VI. A rama reinante en Galiza, León e Castela deriva do casamento entre Raimundo de Borgoña, fillo do Conde de Borgoña Guillermo I, e Urraca, filla do rei Afonso VI e Constanza de Borgoña.

Esta última casa de Borgoña non pertence á dinastía dos Capetos senón á dos Anscáridas, fundadores da Casa de Ivrea que reinou en Italia e no condado palatino de Borgoña, e non no ducado de Borgoña. A casa reinante en Galiza, León e Castela, desde o fillo do conde Raimundo e a Raíña Urraca, era unha rama da casa condal de Borgoña sen descendencia consanguinea de Hugo Capeto, e ocupou o trono até Pedro I, sendo sucedida despois pola Casa de Trastámara, unha rama menor bastarda, que reinou en todos os Reinos Peninsulares con excepción de Portugal, onde si reinaba unha rama da dinastía capeta, descendente da casa ducal de Borgoña.

Habsburgo

A casa de Habsburgo (en alemán Hapsburg), tamén chamada casa de Austria, e a súa familia sucesora en Austria, os Habsburgo-Lorena (Habsburg Lothringen), é unha das familias máis importantes da Historia de Europa, que gobernou sobre varios países. A familia tivo a súa orixe no século XII e o nome deriva de Habichtsburg, o castelo do falcón, a súa morada oficial, construído no 1020, na actual Suíza. En tempos actuais, o cabeza da dinastía foi o príncipe Otón de Habsburgo (1912-2011), e o xefe da casa, o seu fillo o arquiduque Carlos de Habsburgo-Lorena, desde 2007.

Os Habsburgo foron:

Soberanos de Austria (como duques 1282-1453, arquiduques 1453-1804 e emperadores 1804-1918),

Soberanos de Alemaña como reis de romanos e emperadores do Sacro Imperio Romano Xermánico (1273-1308 e 1440-1806),

reis de Hungría (1437-1439, 1445-1457, 1526-1918),

reis de Croacia (1437-1439, 1445-1457, 1526-1918),

reis de Bohemia (1306-1307, 1437-1439, 1453-1457, 1526-1918),

reis de España (1516-1700),

reis de Portugal (1580-1640),

reis de Galicia e Lodomeria (1772-1918),

grandes príncipes de Transilvania (1690-1867),

grandes duques de Toscana (1737-1801; 1814-1860).Outras coroas controladas brevemente pola casa foron:

rei de Sardeña (1713-1720),

duque de Parma (1814-1847),

duque de Módena (1814-1859),

emperador de México (1864-1867).

Imperio Romano

O Imperio romano (en latín: imperium romanum) foi un imperio da antigüidade sucesor da República Romana e caracterizado por un sistema autocrático. Gobernou extensas terras ao longo de Europa e o Mediterráneo. Durante o mandato de Traxano abarcaba, de oeste a leste, dende o océano Atlántico até as beiras do mar Caspio, o mar Vermello e o golfo Pérsico e, de norte a sur, dende as fragas dos ríos Rin e Danubio e a fronteira con Caledonia até o deserto do Sahara. A súa superficie máxima estimada foi duns 6,5 millóns de km².

O imperio xurdiu trala da vitoria de Octavio Augusto sobre Marco Antonio no ano 27 a.C. Aínda que Octavio nunca se proclamou emperador, de feito, asumiu tódolos poderes do Estado e inaugurou a primeira dinastía de emperadores, a dinastía Xulia-Claudia. O Imperio foi destruído definitivamente no ano 476 tras a caída de Roma nas mans dos bárbaros. Aínda que Octavio non aboliu legalmente a República e compartía o poder co Senado, na realidade era el quen tomaba as decisións. O Imperio estableceu novas estruturas económicas, políticas e relixiosas para administrar un territorio cada vez máis grande. Octavio adoptou ao seu fillastro Tiberio ao que seguiron varias dinastías de emperadores.

Baixo o mando de Constantino I, no século IV, o cristianismo converteuse na relixión preponderante do Imperio. O emperador Xuliano o Apóstata tentou volver ao paganismo, pero con Teodosio I o cristianismo asentouse definitivamente nun Imperio que á súa morte, de feito, xa estaba invadido polos bárbaros e se desmembrou. Finalmente, no ano 476 Roma caeu nas mans dos visigodos ao mando de Alarico, só sobreviviu o Imperio Romano de Oriente, até que en 1453 os turcos tomaron Constantinopla.

Imperio Seléucida

O Imperio Seléucida (312 a.C.-63 a.C.) foi un imperio helenístico, é dicir, un estado sucesor do Imperio de Alexandre Magno. Despois da morte de Alexandre Magno, os seus xenerais repartíronse o imperio, sendo protagonistas durante vinte anos de grandes loitas e pelexas por obter o poder. Foron os chamados diádocos, (διαδοχος) ou sucesores ou herdeiros. Despois destes antigos xenerais gobernaron os chamados epígonos (επιγονος, 'os nados despois ou sucesores'). A loita entre eles para obteren o poder e a hexemonía durou case cincuenta anos, ata o -281 en que morreu o último dos diádocos, Seleuco I Nicátor.

O vasto imperio de Alexandre Magno quedou dividido á súa morte da seguinte maneira:

Asia para Antígono Monóftalmos. Era o que tiña máis poder e máis extensión de terras.

Exipto para Tolomeo, cuxa dinastía foi a máis estábel de todas, (dinastía tolemaica).

Tracia e Asia Menor para Lisímaco.

Babilonia e Siria para Seleuco, (dinastía seleúcida). Estendíase por Siria a unha enorme extensión de terras que chegaban ata as fronteiras coa India.

Grecia, e Macedonia para Casandro, (dinastía antigónida).A Dinastía seléucida foi fundada por Seleuco I Nicátor, trala derrota e morte do xeneral Antígono Monoftalmos. Esta dinastía gobernou ata o ano -69. O seu territorio comprendía Babilonia e Siria e gran parte de Asia Menor. Este vasto territorio estendíase para o leste, para o que hoxe é Paquistán e comprendía toda a gran meseta de Irán ata chegar ás montañas da India e polo norte ata os desertos do mar de Aral. Estaba constituído por 20 pobos de distintas razas, lingua e relixión, cun total de máis de 30 millóns de habitantes. Tivo dúas capitais: Antioquía en Siria (actualmente chamada "Antakya" en turco) e Seleucia do Tigris en Mesopotamia.

Esta dinastía foi herdeira da cultura helenística que procuraron difundir, pero gobernaron ao modo dos seus antecesores os reis sirios, mesopotámicos e persas, facéndose os seus reis adorar como deuses. Frecuentemente estiveron en guerra coa dinastía tolemaica de Exipto.

Pero foi un reino demasiado cumprido, demasiado plural e os seléucidas foron perdendo aos poucos o goberno das terras do leste do río Éufrates e máis tarde foron expulsados de Asia Menor. Os pobos de Irán eran persas, medos e bactrianos e souberan conservar seu antiga relixión e a súa lingua, así que os gobernadores destes territorios aproveitaron a decadencia dos seléucidas para ser independentes. O gobernador grego da Bactriana, Diódoto, tomou o título de rei no -254, comezando desta maneira o reino de Bactriana (hoxe país de Balkh), conservando o grego como idioma, reino que durou ata o ano 126.

No ano -64 o romano Pompeio destituíu aos dous pretendentes ao trono seléucida e Roma anexionouse todos os territorios.

Os reis desta dinastía foron:

Seleuco I Nicátor, sátrapa (-311 - -305), rei (-305 - -281).

Antíoco I Sóter (-281 - -261).

Antíoco II Teos (-261 - -246).

Seleuco II Calinico (-246 - -225).

Seleuco III Sóter Cerauno (-225 - -223).

Antíoco III Megas (-223 - -187).

Seleuco IV Filopátor (-187 - -175).

Antíoco IV Epífanes (-175 - -164).

Antíoco V Eupátor (-164 - -162).

Demetrio I Sóter (-162 - -150).

Alexandre Balas (-154 - -145).

Demetrio II Nicátor (-145 - -138) e (-129 - -126).

Antíoco VI Dioniso (-145 - -140?).

Antíoco VII Everxetes (-138 - -129).

Seleuco V Filométor (-126 - -125).

Antíoco VIII Gripo (-125 - -96).

Antíoco IX Eusebio (-114 - -96).

Seleuco VI Epífanes (-96 - -95).

Antíoco X Eusebio (-95 - -83).

Demetrio III Eucarios (-95 - -88).

Antíoco XI Epífanes (-95 - -92).

Filipo I Filadelfo (-95 - -83).

Antíoco XII Dioniso (-87 - -84).

Antíoco XIII Asiático (-69 - -64).

Filipo II Filorromano (-65 - -63).

Lista de emperadores bizantinos

Lista de emperadores bizantinos

Lista de emperadores romanos

Esta é a lista dos emperadores romanos, indicando a data en que estes controlaron o Imperio Romano, até á caída do Imperio do Occidente.

Nótese que, ao contrario do que moita xente pensa, Xulio César nunca foi emperador (princeps), aínda que foi nomeado ditador vitalicio en -45 (a pesar de teren existido outros ditadores romanos antes del) e, aínda, a pesar dalgúns historiadores romanos así o designaren. Por outro lado, o nome César tornouse nome de familia da primeira dinastía, sendo usado como un título, manténdose esa tradición por todo o imperio. Suetonio, por exemplo, fala dos Doce Césares, incluíndo as dúas primeiras dinastías e o propio Xulio César, que sen o ter sido era xa, case lendariamente, o primeiro emperador romano.

Para a adoración do emperador romano como Deus, véxase Culto imperial

Lista de monarcas de Francia

Os monarcas de Francia gobernaron desde o establecemento do Reino dos Francos no 486 ata a caída do Segundo Imperio Francés en 1870. A primeira dinastía de reis foi a merovinxia, que estivo no poder ata o 751, seguida da dinastía carolinxia, que gobernou ata o 987 (con algunhas interrupcións). A terceira das dinastías gobernantes foi a capetiana, procedente dos descendentes directos por vía masculina de Hugo Capeto, que gobernou entre o 987 ata 1792 e de novo entre 1814 e 1848. As ramas desta dinastía que gobernaron desde 1328, reciben xeralmente nomes específicos, como Valois (ata 1589) e Borbón (ata 1848).

Coa Casa de Bonaparte e a Restauración dos Borbóns no século XIX, o título pasou a ser coñecido como Rei dos Franceses e Emperador dos Franceses, entre 1814 e 1870.

Ademais dos monarcas indicados máis abaixo, a lista de monarcas británicos desde 1340-60 e 1369-1801 tamén foron pretendentes ao trono de Francia.

Durante un breve período de tempo, isto tivo a súa base nos termos do Tratado de Troyes en 1420, cando Carlos VI de Francia recoñeceu ao seu xenro Henrique V de Inglaterra como rexente e herdeiro. Henrique V finou antes que Carlos VI e polo tanto, Henrique VI de Inglaterra, sucedeu ao seu avó Carlos VI como Rei de Francia. A maior parte do norte de Francia estivo en mans inglesas ata 1435, pero en 1453 os ingleses xa foran expulsados de case toda a zona salvo de Calais, que acabaría volvendo a Francia en 1558. Porén, os monarcas ingleses, e máis tarde os británicos, continuaron reclamando o seu dereito ao trono de Francia ata a creación do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda en 1801.

Reino de Nápoles

O Reino de Nápoles foi un reino que ocupou os territorios da Italia meridional (Nápoles) e durante algúns períodos tamén a illa de Sicilia. En 1442 Afonso V, rei de Aragón, conquistou Nápoles que foi un dominio da dinastía Anxevina dende o ano 1266. Dende o século XV, Nápoles estivo en poder tanto de Aragón, Francia (durante un curto prazo), España e Austria e finalmente independente dende 1734 ata 1860, ano no que quedou incorporado ao proceso de unificación de Italia. Respecto de Sicilia foi un dominio da dinastía normanda de Hauteville desde o ano 1071, pasou a ser dominio dos Hohenstaufen en 1194, da dinastía Anxevina en 1266 e dominio aragonés dende 1282.

República Popular da China

A China (en chinés: 中国; pinyin: Zhōngguó), oficialmente a República Popular da China (en chinés: 中华人民共和国; pinyin: Zhōnghuá rénmín gònghéguó), é un estado situado en Asia oriental. Trátase do país máis poboado do mundo, xa que conta cunha poboación que supera os 1.300 millóns de habitantes. A República Popular é un Estado unipartidista gobernado polo Partido Comunista da China, estando a súa sede goberno na cidade de Pequín. Esta, exerce xurisdición sobre vinte e dúas provincias, cinco rexións autónomas, catro municipalidades directamente controladas (Pequín, Tianjin, Shanghai e Chongqing) e dúas rexións administrativas especiais practicamente autónomas, Hong Kong e Macau. A República Popular da China reclama Taiwán como a súa provincia número viente e tres, aínda que na práctica a illa é independente, xa que se atopa administrada polo réxime da República da China dende a fin da guerra civil de 1949.

Cunha superficie aproximada de 9,6 millóns de quilómetros cadrados, a China é o segundo país máis grande en relación á súa superficie terrestre e o terceiro ou cuarto máis grande pola súa superficie total. A paisaxe da China é vasta e diversa. Os áridos norte e noroeste, nas proximidades de Mongolia e Asia Central, están ocupados por estepas forestais e os desertos do Gobi e Taklamakan. O sur, lindando coa rexión do Sueste asiático, é máis húmido e está ocupado por bosques subtropicais. A zona máis occidental é accidentada e moi elevada, coas cordilleiras do Himalaias, Karakoram, Pamir e Tian Shan facendo de fronteira natural entre a China e Asia Central e do Sur. A nivel fluvial destacan os ríos Yangtzé e Amarelo, o terceiro e o sexto máis longos do mundo. Ambos nacen na meseta do Tíbet, e flúen cara á densamente poboada costa leste. A liña costeira da China ao longo do Océano Pacífico é de 14.500 quilómetros e está limitada polos mares de Bohai, Amarelo, Oriental e o Meridional.

A antiga civilización chinesa, unha das máis antigas do mundo, floreceu na fértil conca do río Amarelo. Durante miles de anos o seu sistema político baseouse en monarquías hereditarias, coñecidas como dinastías, sendo a primeira a semimitolóxica dinastía Xia (aprox. 2.000 a.C.). Dende o ano 221 a.C., cando a dinastía Qin conquistou varios estados para formar un grande Imperio chinés, o país expandiuse, fracturouse e reformouse en varias ocasións. A última dinastía foi derrocada no ano 1911 coa chegada da República da China. En 1945, a República conquistou Taiwán ao Imperio do Xapón trala fin da Segunda Guerra Mundial. Nos anos 1946 a 1949 o Partido Comunista derrotou ao nacionalista Kuomintang na China continental e estableceu en Pequín a República Popular da China o 1 de outubro de 1949, mentres que o Kuomintang trasladou o goberno da República da China a Taipei. A xurisdición da República da China limítase agora a Taiwán e varias illas próximas, incluíndo Penghu, Kinmen e Matsu.

A lingua chinesa é a lingua máis falada no mundo: arredor dun quinto da poboación mundial fala algunha forma de chinés como lingua nai. A lingua chinesa, na forma de chinés mandarín, é a lingua oficial da República Popular da China, así como de Taiwan. É ademais unha das linguas oficiais de Singapur e mais unha das seis linguas oficiais das Nacións Unidas.

A China ten fronteiras con 14 países: Afganistán, Bután, Myanmar, India, Casaquistán, Quirguisia, Laos, Mongolia, Nepal, Corea do Norte, Paquistán, Rusia, Taxiquistán e Vietnam. As cidades máis importantes son Pequín, Shanghai, e Hong Kong. Desde a súa fundación en 1949, a RPCh está gobernada polo Partido Comunista Chinés. Aínda que oficialmente segue a ser un estado comunista, a súa economía vén sendo liberalizada desde hai tres décadas.

Século I

século I adC < século I > século II

Período de tempo que abrangue dende o 1 de xaneiro do ano 1 ata o 31 de decembro do ano 100 da era cristiá.

Acontecementos importantes

Os descendentes de Octavio Augusto da dinastía Xulia Claudia, continúan a expansión das posesións romanas. Tras Nerón -derradeiro emperador da dinastía Xulia Claudia- volve a guerra civil a Roma.

Xesús de Nazaret Mesías da relixión cristiá nace (1) en Palestina, comeza a expansión do Cristianismo. Paulo de Tarso chega a Roma coas ensinanzas do cristianismo.

79, unha erupción do Vesuvio cobre de cinzas e magma as cidades de Pompeia e Herculano.Personaxes destacadas

Xesús de Nazaret.

Tiberio.

Paulo de Tarso.

Calígula.

Claudio.

Nerón.

Século II

século I < século II > século III

Este século abrangue o tempo entre o ano 101 e o 200 da era cristiá.

Acontecementos importantes

Será este o verdadeiro século de ouro da historia do Imperio Romano. De 96 a 192 sucédense no trono imperial os cinco bos emperadores (Nerva, Traxano, Hadriano, Antonino Pío e Marco Aurelio). É o tempo da pax romana e do desenvolvemento das cidades máis afastadas da capital. O proceso de sucesión é pacífico.

Século VIII

século VII < século VIII > século IX

Tempo que transcorre dende o 1 de xaneiro de 701 ata o 31 de decembro de 800.

Acontecementos destacados

711, os árabes desembarcan na Península Ibérica.

718, os bizantinos deteñen o avance musulmán no sitio de Constantinopla.

Paio á fronte dos últimos resistentes Visigodos fai abortar en Covadonga o perigo dunha incursión musulmá polo Norte, e dá inicio ao proceso de reconquista dos territorios hispánicos.

732, os cristiáns de Carlos Martel deteñen o avance árabe en Poitiers (Francia).

750, a dinastía dos Omeias é substituída pola dos Abásidas.

751, Pipino o Breve funda a dinastía Carolinxia.

Tunisia

Tunisia (en árabe : al-Jamhuriya at-Tunisia, الجمهورية التونسية), é un país árabe de África do norte, limitado polo Mediterráneo. É un país do Magreb, coma Marrocos, Mauritania, Alxeria e Libia. Situada no norte do país, a súa capital é Tunes.

Coa independencia o 20 de marzo do 1956, unha asemblea constituínte foi elixida, que aboliu a monarquía bey da dinastía huseinita no poder desde 1705 e proclamou a república o 25 de xullo do 1957 con Habib Bourguiba coma presidente.

Tunisia é un destino popular dos turistas europeos que visitan Hamamato, Monastir, Souse e o Porto El-Kantaoui, o deserto do Sahara no sur, e os sitios arqueolóxicos coma Cartago ou Dougga.

Imperios Antigos
Imperios Medievais
Imperios Modernos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.