Diego de Muros II

Diego de Muros, nado en Muros e finado en Las Palmas de Gran Canaria en 1506, foi un relixioso galego. É coñecido como Diego de Muros II para distinguilo de dous familiares seus do mesmo nome.

Diego de Muros II
Falecemento1506
 Illas Canarias
RelixiónIgrexa católica
Alma máterUniversidade de Valladolid

Traxectoria

Diego de Muros II era fillo de Vasco López de Burgos, rexedor de Santiago de Compostela, e de Mayor Pérez.

En 1474 era cóengo da catedral de Santiago de Compostela, vivindo das rendas procedentes do sostemento de diferentes beneficiados. En 1482 era Secretario de Pedro González de Mendoza. En 1486 foi nomeado arcediago de Carmona, dignidade que fora creada na catedral de Sevilla sendo arcebispo Diego Hurtado de Mendoza, sobriño do Cardeal, e que quedara vacante trala morte de Juan de Marquina.

En 1490 pide protección ante os Reis Católicos para os beneficiados simples que posúe en diferentes parroquias galegas, entre as que menciona como medios beneficios Santa María de Troáns (Cuntis), Santa María de Rodeiro (Oza-Cesuras), Santiago de Vilamaior (Ordes), Santa Cristina de Montouto (Abegondo), Santiago de Cercio (Lalín), Santo Estevo de Paleo, San Pedro de Querentes, San Xoán de Samir e San Cristovo de Folgoso. Amais, reclamaba como beneficios completos os de Santiago de Prevediños, San Cristovo de Beseño e San Vicenzo de Bama (Touro), San Salvador de Ledesma (Boqueixón), Santiago de Vilariño (Castroverde), Santa María de Lañas (Arteixo), San Xoán de Borneiro (Cabana de Bergantiños) e Santa María de Marrozos (Santiago de Compostela).

Nese mesmo ano concédenselle os títulos de párroco da vila de Muros, trala morte de Rodrigo de Lugo, así como o de arcediago de Toro (dado polos Reis Católicos o 20 de abril), e de arcediago de Castela e chantre de Santiago de Compostela trala morte de Alvar Rodríguez.

En 1493 desfruta dos beneficios propios da coenxía de Sevilla, malia que correspondía legalmente a Alonso de Cortés. Chegou a gozar conxuntamente de catro coenxías (pelexando por conseguir dúas máis), un nomeamento de párroco outorgado directamente polo Papa, e dezasete beneficios menores en diferentes parroquias galegas.

Bispo de Canarias

Diego de Muros II fora incluído nunha lista de posibles bispos que Isabel a Católica mandara redactar segundo o acordado coa Santa Sé. Pola súa banda, o Papa Alexandre VI mandara expedir as bulas para Canarias. Foi nomeado bispo o 21 de xullo de 1496, consignándose na bula de nomeamento a necesidade de dar ao seu antecesor, o finado Miguel López de la Serna, un digno sucesor que destacase "pola súa pureza de vida, honestidade de costumes e recto xuízo para os negocios espirituais e temporais", sendo proposto ante o Papa polo seu propio fillo, o Cardeal Cesar Borja.

En 1497 Diego de Muros xa residía nas illas Canarias, e nese ano redactáronse as constitucións do primeiro sínodo diocesano de Canarias, levándose a cabo unhas segundas en 1506. Segundo deixou escrito José de Viera y Clavijo, realizou visitas pastorais en 1498 e 1503, o que indica que residiu nas illas durante todo o seu pontificado, algo pouco habitual nos prelados da época, e menos nos nomeados para as dioceses atlánticas.

Durante o seu bispado lexislou sobre temas pastorais, que tiveron gran resonancia nas constitucións sinodais promulgadas polos seus sucesores Fernando Vázquez de Arce e Cristobal de la Cámara y Murga.

Descoñécese a data da súa morte, se ben o seu sucesor, Pedro López de Ayala, foi nomeado o 20 de outubro de 1507 por morte de don Diego, transcorrendo entrementres tempo abondo para que os reis presentasen ao bispo electo ante a curia romana. O seu falecemento debeu ser antes do 26 de outubro de 1506, xa que ese día o arcediago de Tenerife visitou o señorío episcopal de Agüimes para prover os cargos de alguacil, alcalde e escribán, xa que o bispo falecera.

Predecesor:
Pedro López de Ayala
Diocese de Canarias
1513-1506
Sucesor:
Luis Cabeza de Vaca

Véxase tamén

Bibliografía

  • González Novalin, J. L.: Don Diego de Muros, Obispo de Canarias, su personalidad humanística y su aportación literaria a las Crónicas Granadinas del 1487 y 1488. Anuario de Estudios Atlánticos, nº 40, 1974, Ed. Patronato de la Casa de Colón. Madrid - Las Palmas de Gran Canaria.
Colexio de Santiago Alfeo

O Colexio de Santiago Alfeo ou Colexio Novo, coñecido na actualidade maioritariamente como Colexio de Fonseca (e como pazo de Fonseca ao edificio que o albergaba), foi un Colexio Maior, xerme da Universidade de Santiago de Compostela, fundado polo arcebispo Alonso III de Fonseca en 1526.

O edificio segue formando parte da Universidade; é a sede da Biblioteca Xeral, e tamén alberga, no antigo refectorio e na capela, a ambos os lados do vestíbulo, salas de exposicións temporais.

Diego de Muros

Co nome de Diego de Muros houbo tres relixiosos de finais do século XIV e inicios do século XV, orixinarios da vila de Muros. O primeiro era tío dos outros dous, á súa vez curmáns entre eles:

Diego de Muros I (finado en 1492); bispo de Tui e de Ciudad Rodrigo;

Diego de Muros II (finado en 1506), bispo de Canarias;

Diego de Muros III (finado en 1525), deán de Santiago de Compostela, bispo de Mondoñedo e de Oviedo.Tamén pode referirse a:

Diego de Muros, pseudónimo do xornalista Celestino Sánchez Rivera

Facultade de Dereito de Santiago de Compostela

A Facultade de Dereito de Santiago de Compostela é o edificio da Universidade de Santiago de Compostela no que se imparten os estudos de Dereito. Desde mediados do século XX está situada no Campus Sur, na avenida do Doutor Ángel Jorge Echeverri. Anteriormente ocupaba o andar inferior da actual Facultade de Xeografía e Historia.

Lope Gómez de Marzoa

Lope Gómez de Marzoa natural de San Martiño de Marzoa, no actual concello de Oroso, foi o principal precursor do que na actualidade é a Universidade de Santiago de Compostela.

Universidade de Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución universitaria con sede en Santiago de Compostela. As súas orixes datan de finais do século XV, sendo a primeira universidade fundada en Galiza e a sexta en España. Porén, non hai unanimidade nas datas de fundación das universidades españolas. Uns consideran a fundación como o momento no que se instauran algún tipo de estudos, segundo este criterio a USC fúndase en 1495, o que a converte na sexta universidade española máis antiga despois das de Salamanca, Complutense, Valladolid, Barcelona e Zaragoza. Outros toman como data fundacional o ano en que é recoñecida pola Igrexa ou algunha autoridade civil, de acordo con este criterio a USC foi fundada en 1504 pero continúa sendo a sexta máis antiga de España gañando en antigüidade á de Zaragoza mais perdéndoa coa de Valencia.En 1990 a partir da Universidade de Santiago creáronse as Universidades da Coruña e de Vigo. No ano 2012 contaba con dous campus universitarios (Campus de Santiago -dividido en Histórico, Norte e Sur-, e Campus de Lugo) cun total de 23 facultades e 2 escolas técnicas superiores.Durante o curso 2011-12 o número de estudantes matriculados ascendía a 28.138, dos cales 24.758 correspondían a titulacións oficiais do 1º e 2º ciclos e grao, 1.677 a másteres oficiais e 1.703 a outros estudos (titulacións e másteres propios, cursos de especialización, cursos de formación continua e 4º ciclo).En abril de 2018 foi elixido reitor o xurista Antonio López.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.