Diego Velázquez

Diego Rodríguez de Silva y Velázquez, nado en Sevilla o 6 de xuño de 1599[1] e finado en Madrid o 6 de agosto de 1660, xeralmente referido como Diego Velázquez, foi un pintor español, o principal artista da corte de Filipe IV de España e do século de Ouro español, e un dos máis grandes pintores de todos os tempos. Sobresaíu en retratos de gran realismo e penetración psicolóxica, entre outros da familia real, á que tiña acceso en calidade de pintor da Corte. Tamén creou escenas históricas e mitolóxicas.

O seu catálogo consta dunhas 120 ou 125 obras. O recoñecemento coma pintor universal foi serodio, cara a 1850. Acadou a súa máxima fama entre 1880 e 1920, coincidindo coa época dos pintores impresionistas franceses, para os que foi un referente. Manet sentiuse marabillado coa súa obra e cualificoulle coma o «pintor de pintores» e «o máis grande pintor que xamais existiu». A parte fundamental dos seus cadros que integraban a colección real consérvase no Museo do Prado en Madrid.

Diego Rodríguez de Silva y Velázquez
Diego Velázquez Autorretrato 45 x 38 cm - Colección Real Academia de Bellas Artes de San Carlos - Museo de Bellas Artes de Valencia
Autorretrato de Velázquez (1650),
Museo de Bellas Artes de Valencia
NomeDiego Rodríguez de Silva y Velázquez
Nacemento6 de xuño de 1599
 Sevilla
Falecemento6 de agosto de 1660
 Madrid
Nacionalidadeespanola
Cónxuxe(s)Juana Pacheco
EidoPintor
MovementoBarroco
TraballosAs Meninas
As fiadeiras
A rendición de Breda
Las Meninas, by Diego Velázquez, from Prado in Google Earth
As Meninas, a obra cume de Velázquez

Traxectoria

Creou escenas cunha forte impronta histórica e cultural así como retratos da familia real española e outras figuras europeas notables, a súa obra é un exemplo de constante e ininterrompido progreso que culminou na produción da súa peza mestra, As Meninas (1656). A súa obra é escasa en cantidade, un cento de lenzos, pero proba o seu actuar reflexivo.

Na súa primeira actividade en Sevilla apreciase a influencia do naturalismo escuro de Caravaggio dentro dunha linguaxe persoal volcada cara as escenas de cociña, realistas en tipos, calidades e luces cunha certa melancolía. Xa nomeado pintor da corte os seus retratos seguirían esta tendencia, son retratos que non son detallistas nin adulatorios, móvense na austeridade matizados pola cor e de actitude severa.

Durante a súa estadía en Italia (1629-1630), Velázquez adquiriu experiencia en composición e na disposición das figuras no espazo, a súa paleta faise máis clara e a pincelada máis solta, de volta a Madrid aumenta o cromatismo dos seus retratos sempre mantendo a veracidade e o respecto co retratado. Na súa segunda estadía en Italia (1649-1651) adopta difíciles combinacións cromáticas, cunha penetración psicolóxica absoluta e toque inconexo.

Nos seus anos finais aumentou o seu barroquismo, que acada o seu cumio en As Meninas e na obra de 1657 As fiadeiras, construídas a través da perspectiva aérea e dunha factura desfeita.

Obra

A rendición de Breda

Artigo principal: A rendición de Breda.
Velázquez - de Breda o Las Lanzas (Museo del Prado, 1634-35)
A rendición de Breda, (1635). 307x367cm. Nesta obra atopou unha nova forma de captar a luz. Velázquez xa non empregou o modo «caravaggista» de iluminar os volumes con luz intensa e dirixida, como fixera na súa etapa sevillana. A técnica volveuse moi fluída.[2] Sobre a marcha modificou a composición varias veces borrando o que non lle gustaba con lixeiras superposicións de cor. Así as lanzas dos soldados españois engadíronse nunha fase posterior.[3]

Este cadro da batalla de Breda estaba destinado a decorar o gran Salón de Reinos do Palacio do Bo Retiro, xunto con outros cadros de batallas de varios pintores. O Salón de Reinos concibiuse coa fin de exaltar á monarquía española e a Filipe IV.[2]

Trátase dunha obra de total madureza técnica onde atopou unha nova forma de captar a luz. O estilo sevillano desapareceu, xa non emprega a forma «caravaggista» de tratar o volume iluminado. A técnica volveuse moi fluída ata o punto de que nalgunhas zonas o pigmento non cobre o lenzo deixando ver a preparación do mesmo.[2] Neste cadro Velázquez rematou de desenvolver o seu estilo pictórico. A partir del pintou sempre con esta técnica, realizando posteriormente só pequenos axustes nela.[4]

Na escena representada, o xeneral español Ambrosio Espínola recibe do holandés Xustino de Nassau as chaves da cidade conquistada. A escena é unha invención, xa que o acto de entrega de chaves non se produciu.[3]

Sobre a marcha Velázquez modificou a composición varias veces. Borraba o que non lle gustaba con lixeiras superposicións de cor. As radiografías permiten distinguir a superposición de moitas modificacións. Unha das máis significativas é a que fixo nas lanzas dos soldados españois, elemento capital da composición, que foron engadidas nunha fase posterior. A composición articúlase en profundidade mediante unha perspectiva aérea. Entre os soldados holandeses da esquerda e os españois da dereita hai rostros fortemente iluminados e outros están tratados en diferentes niveis de sombras. A figura do xeneral vencido tratado con nobreza é unha forma de resaltar ao vencedor.[3] Á dereita, o cabalo de Espínola móvese impaciente. Entre os soldados, uns atenden e outros parecen distraídos. Son estes pequenos movementos e xestos os que quitan rixidez á rendición e lle dan unha aparencia de naturalidade.[4]

O retrato do papa Inocencio X

Retrato del Papa Inocencio X. Roma, by Diego Velázquez
Inocencio X (1649-51). Inspirouse en anteriores retratos papais de Rafael e de Tiziano, aos que rendeu homenaxe. Sobre unha combinación de distintas tonalidades de vermellos, amarelos e brancos, a figura do pontífice erguida na cadeira de brazos ten moita forza, resaltando o vigor do seu rostro e a súa mirada severa.

Trátase do retrato máis aclamado en vida do pintor e segue aínda hoxe en día suscitando admiración, é o que realizou ao papa Inocencio X. Pintado no seu segundo viaxe a Italia, o artista estaba na cume da súa fama e da súa técnica.

Inspirouse no retrato de Xulio II que Rafael pintou cara ao ano 1511, e na interpretación que de este fixo Tiziano no retrato do papa Paulo III, ambos moi célebres e reproducidos. Velázquez rendeu homenaxe ao seu admirado mestre veneciano neste cadro máis que en ningún outro, aínda que se trata dunha creación independente: a figura erguida na cadeira ten moita forza.

Con pinceladas soltas varias tonalidades de vermellos combínanse, dende o máis afastado ao más próximo, ao fondo el vermello escuro da cortina, despois o máis claro da cadeira, en primeiro plano o impresionante vermello da muceta cos seus luminosos reflexos. Sobre este ambiente domina a cabeza do pontífice, de trazos fortes e mirada severa.

Este retrato sempre foi moi admirado. Inspirou a pintores de todas as épocas dende Neri a Francis Bacon coa súa atormentada serie. Para Joshua Reynolds este cadro tratábase do mellor de Roma e un dos mellores do mundo.

Palomino dixo que Velázquez levou na súa volta a Madrid unha réplica, que se considera que é a versión conservada no Museo Wellington (Apsley House, Londres). Wellington arrebatoulla aos franceses trala batalla de Vitoria, que á súa vez a espoliaran en Madrid durante a Guerra da Independencia. Trátase da única copia considerada autógrafa por Velázquez das moitas réplicas existentes.

As Meninas

Artigo principal: As Meninas.
Las Meninas 01
As Meninas, (1656). 318x276cm. Este cadro é considerado o cumio da súa pintura. A súa luz fai sentir como verdadeiro o aire da habitación.[5]

Velázquez atopábase, despois da súa segunda viaxe a Italia, en plena madureza vital e artística. En 1652 fora nomeado apousentador maior de palacio dispoñendo de pouco tempo para pintar, pero aínda así os escasos cadros que realizou nesta última etapa da súa vida considéranse excepcionais. En 1656 realizou As Meninas.[6][7] Trátase dunha das obras máis famosas e controvertidas do noso tempo. Grazas a Palomino sabemos os nomes de case todos as personaxes. No centro aparece a infanta Margarita, asistida por dúas damas de honor, tamén coñecidas como meninas. Na dereita están dúas personaxes da corte, que padecían ananismo, María Bárbara Asquín e Nicolás Pertusato, este último dando un golpe a un can tumbado en primeiro plano. Detrás, en penumbra, aparecen unha dama de compañía e un garda de corps, ó fondo, na porta, José Nieto, apousentador da raíña. Á esquerda pintando un gran lenzo que se ve por detrás, atópase Diego Velázquez. No espello adivíñanse os reis, Filipe IV e a súa muller Mariana.[8] Este cadro pintouse para ser colocado no despacho de verán do rei.[7]

Para Gudiol As Meninas supoñen a culminación do seu estilo pictórico nun proceso continuado de simplificación da súa técnica pictórica, primando o realismo visual sobre os efectos do debuxo. Na súa evolución artística Velázquez entendeu que para plasmar con exactitude calquera forma só se precisaban unhas poucas pinceladas. Os seus amplos coñecementos da técnica pictórica permitíronlle determinar cales eran esas pinceladas e a intuición de darllas no lugar xusto ao primeiro toque, sen reiteracións nin rectificacións.[9]

Segundo a descrición de Palomino, Velázquez serviuse do reflexo dos reis no espello para descubrir enxeñosamente o que estaba pintando.[10] As miradas da Infanta, do pintor, da anana, do garda, do can, da menina Isabel e do apousentador dende a porta do fondo diríxense cara ao espectador que observa o cadro, ocupando o punto focal no que previsiblemente se situaban os reis. Foucault destacou como Velázquez logrou integrar e confundir este espazo real do espectador e o primeiro plano do cadro creando a ilusión de continuidade entre os dous espazos.[6][11][12]

Sobre o modo no que Velázquez se autorretrata, destaca que non se representa na acción manual de aplicar o pincel ao lenzo, senón nunha posición máis nobre e intelectual: en actitude de pensar e de reflexionar sobre o deseño interno da obra.[12] Foi a primeira vez na arte occidental na que un pintor se retrataba xunto aos seus señores, en compañía dalgúns membros da familia real. Fíxoo no desempeño das súas funcións como pintor de cámara e coas insignias do seu rango, a chave de axuda de cámara e a cruz da Orde de Santiago, quizais engadida posteriormente e, por orden do propio rei, «para alento dos profesores desta nobilísima arte». O portugués Félix Costa describiu: «A Diego Velázquez pintor, deulle Filipe IV, rei de Castela, o hábito de Santiago, que é a primeira orde daquel reino, e a chave da súa cámara».[13]

Nas Meninas salienta a súa equilibrada composición e orde. En Velázquez, pintor barroco, permanecía aínda un intenso compoñente clásico, un interese pola orden e un menosprezo polos eixes oblicuos barrocos. A metade inferior do cadro está chea de personaxes en dinamismo contido, mentres que a metade superior está infundida nunha progresiva penumbra de quietude. Os cadros das paredes, o espello, a porta aberta do fondo son unha sucesión de formas rectangulares que forman un contrapunto os sutís xogos de cor que ocasionan as actitudes e movementos dos personaxes.[9]

A composición articúlase repetindo a forma e as proporcións nos dous tríos principais (Velázquez-Agustina-Margarita por un lado e Isabel-Maribarbola-Nicolasito por outro), nunha posición moi reflexionada que non necesitou modificacións sobre a marcha, como era habitual nel (debido á súa forma de pintar chea de cambios e axustes durante o proceso de pintado).[12]

Infanta Margarita
A face da Infanta Margarita está tratada con tenues sombras e luminosos toques que dan lixeireza ao seu cabelo e modelan a súa figura.[14]

Iluminou o cadro con tres focos luminosos independentes, sen contar o pequeno reflexo do espello. O máis importante é o que repercute sobre o primeiro plano procedente dunha ventá da esquerda que non se ve, que ilumina á Infanta e ao seu grupo converténdoa no principal foco de atención. O amplo espazo que hai detrás dilúese en penumbras ata que aparece no fondo un novo e pequeno foco luminoso dende outra ventá lateral, neste caso á dereita, cuxo resplandor incide sobre o teito e a zona traseira da habitación. O terceiro foco luminoso é un contraluz da porta aberta na parte máis afastada, onde se recorta a figura de José Nieto, dende onde a luminosidade se proxecta dende o fondo do cadro cara ao espectador, formándose así unha diagonal que atravesa o cadro en sentido perpendicular. Esta complexa trama luminosa, o entrecruzamento desta luz frontal de dentro a fóra e as transversais aludidas, forma distintos xogos luminosos enchendo o espazo de sombras e contraluces.[15]

Para Eusebi, catalogador no Museo do Prado en 1828, dixo:[12]

Solo a audacia de Velázquez podía atreverse a poñer un buraco branco na zona central da composición, dunha luz tan intensa que fixese brillar a porta, a escada e a persoa que está nela.

O cadro está pintado utilizando o último estilo empregado por Velázquez, a que empregou dende o seu regreso da súa segunda viaxe a Italia. Nesta última etapa apreciase unha maior dilución dos pigmentos, un adelgazamento das capas pictóricas, unha aplicación das pinceladas desenfada, atrevida e libre.[16]

O único que está modelado cunha certa precisión é o can, que se atopa en primeiro plano. Detrás del, a pintura simplifícase e só aparecen certas alusións e suxestións. A eliminación de elementos é máxima nas imaxes en penumbra; a figura do gardadamas represéntase mediante unha vaga forma humana. Os reis no espello están pintados mediante uns bosquexos moi sinxelos: un movemento do pincel serviulle ao pintor para representar a un tempo o reflexo da luz no espello na zona baixa e a forma do corpo do rei, unha soa liña clara define o tocado da raíña.[17]

A forma de bosquexo está acompañada dunha seguridade absoluta no relativo ás gradacións. Tanto nas que deben suxerir diferenzas na posición nos obxectos coma nas que establecen diferenzas nos materiais representados. Para distinguir un raso, un veludo ou unha carnación non incide na súa elaboración, logra o efecto preciso só coa forma de aplicar a pincelada.[17]

Busca neutralizar sistematicamente os matices destacando só algúns elementos para que a intensidade cromática non predomine en xeral. Así no grupo de personaxes principal sobre unha base ocre só destacan algúns matices grises e amarelentos en contraposición aos grises escuros do fondo e da zona alta do cadro. Lixeiros e expresivos toques negros e vermellos e a brancura rosada das carnacións completan o efecto harmónico. As sombras son empregadas con determinación e sen vacilar, incluíndo nelas a cor negra. Esta idea de neutralizar os matices predomina na súa arte, tanto ao definir con poucos e precisos trazos negros o personaxe a contraluz do fondo, como cando obtén a verdadeira calidade da madeira na porta do fondo, ou cando sementa de pequenos trazos brancos a saia amarelenta da Infanta.[17]

Las Meninas, by Diego Velázquez, from Prado in Google Earth

A fábula de Aracné

Artigo principal: A fábula de Aracné.

Velázquez pintou A fábula de Aracné para un cliente particular, Pedro de Arce, que pertencía á corte real. No cadro represéntase o mito de Aracne, unha extraordinaria tecedora, que Ovidio describiu en Metamorfoses. Segundo a lenda, desafiou a Minerva para demostrar que tecía coma unha deusa. O resultado foi un empate e concluíuse que o tapiz de Aracne era de igual calidade que o de Minerva. No primeiro plano vense á deusa e a Aracne tecendo os seus respectivos tapices. No fondo represéntase o momento posterior, colgados nas paredes os tapices rematados, cando se declaran de calidade equivalentes.[18] O motivo representado no tapiz, o Rapto de Europa, é unha nova homenaxe aos seus mestres Tiziano, autor del cadro, e Rubens, que pintou a copia que se atopaba no palacio real.

Velazquez-las hilanderas
A fábula de Aracné (1658). A composición organízase en distintos planos de luz e de sombra moi contrastados entre eles. Segundo os especialistas, foi neste cadro onde alcanzou maior dominio da luz.

Despois de pintalo Velázquez, engadíronselle 4 bandas suplementando os catro lados do cadro: o superior aumentouse uns 50 cm, ao redor de 22 cm o lateral dereito, 21 o esquerdo e uns 10 cm o lado inferior.[19] Sendo as medidas finais 222 cm de altura e 293 de anchura.

Está executado de forma moi rápida sobre un fondo alaranxado empregando mesturas moi fluídas. As figuras en primeiro plano están esvaídas, definidas con toques rápidos que provocan que sexan borrosas, e más ao fondo, este efecto aumenta sendo as pinceladas máis breves e transparentes. Á esquerda aparece unha máquina de fiar cuxos raios se adiviñan nunha borrosa impresión de movemento. Velázquez resaltou este efecto dispoñendo no interior da circunferencia uns toques de luz que suxiren fugaces reflexos dos raios en movemento.[19]

Introduciu na composición moitos cambios, un dos máis significativos é a muller da esquerda que aparta a cortina, que inicialmente non aparecía no cadro.[19]

Notas

  1. Bardi, Documentación sobre el hombre y el artista, p. 83.
  2. 2,0 2,1 2,2 Pérez Sánchez, Velázquez y su arte, pp. 37-38.
  3. 3,0 3,1 3,2 López-Rey, Velázquez, p. 17.
  4. 4,0 4,1 Brown, Velázquez. Pintor y cortesano, pp. 84-87.
  5. Pérez Sánchez, Escuela espanola, p. 118.
  6. 6,0 6,1 Calvo Serraller; Las Meninas de Velázquez; p. 9-30
  7. 7,0 7,1 Pérez Sánchez; Velázquez, Catálogo Exposición 1990; p. 46-50
  8. Brown, Velázquez. La técnica del genio, pp. 181-194.
  9. 9,0 9,1 Gudiol; Velázquez; p. 289-290
  10. Palomino, pp. 248-251.
  11. Foucault, Michel (1966). Paris:Gallimard, ed. Le mot et les choses. ISBN 2-07-022484-8.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Gallego; Velázquez, Catálogo Exposición 1990; p. 324-328
  13. Citado en Gilles Knox, Las últimas obras de Velázquez, p. 132.
  14. López-Rey (1978), Velázquez, pp. 156-164.
  15. Calvo Serraller; Las Meninas de Velázquez; p. 34-36
  16. Calvo Serraller; Las Meninas de Velázquez; p. 61-63
  17. 17,0 17,1 17,2 Calvo Serraller; Las Meninas de Velázquez; p. 290-291
  18. Brown, Velázquez. Pintor y cortesano, p. 252.
  19. 19,0 19,1 19,2 Brown, Velázquez. La técnica del genio, pp. 200-204.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Alcalá Zamora, José y Pérez Sánchez, Alfonso E. (2000). Velázquez y Calderón. Dos genios de Europa. Madrid: Real Academia de la Historia. ISBN 84-89512-76-0.
  • Azcárate, José María (1990). "Velázquez, pintor de la luz". Velázquez (Los Genios de la Pintura Espanola). Madrid: SARPE. ISBN 84-7700-083-2.
  • Bardi, P.M. (1969). "Documentación sobre el hombre y el artista". La obra pictórica completa de Velázquez. Barcelona: Editorial Noguer SA y Rizzoli Editores.
  • Bennassar, Bartolomé (2012). Velázquez. Vida. Madrid: Cátedra. ISBN 978-84-376-2979-7.
  • Brown, Jonathan (1986). Velázquez. Pintor y cortesano. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-9031-7.
  • Brown, Jonathan y Garrido, Carmen. Velázquez. La técnica del genio. Madrid: Ediciones Encuentro. ISBN 84-7490-487-0.
  • Calvo Serraller, Francisco (1991). Velázquez. Barcelona: Editorial Empunes. ISBN 84-7596-281-5.
  • Calvo Serraller, Francisco (1995). Las Meninas de Velázquez. Tf editores. ISBN 84-89162-36-0.
  • Casado, María José (1990). "Su vida y su época". Velázquez (Los Genios de la Pintura Espanola). Madrid: SARPE. ISBN 84-7700-083-2.
  • Corpus velazqueño (2000). Corpus velazqueño. Documentos y textos, 2 vols., bajo la dirección de J. M. Pita Andrade. Madrid. ISBN 84-369-3347-8.
  • Davis, David (1999). "El Primo". Velázquez. Barcelona: Galaxia Gutenberg, S.A. ISBN 9788481092837.
  • Gállego, Julián (1985). Diego Velázquez. Barcelona: Antropos. ISBN 84-85887-23-9.
  • Gállego, Julián (1990). "Catálogo". Velázquez. Catálogo Museo del Prado. Exposición enero-marzo 1990. Madrid: Museo del Prado. ISBN 84-87317-01-4.
  • Garrido Pérez, Carmen (1992). Velázquez, técnica y evolución. Madrid: Museo del Prado. ISBN 84-87317-16-2.
  • Gombrich, Ernst Hans (1997). La historia del arte. Madrid: Editorial Debate SA. ISBN 84-8306-044-2.
  • Gudiol, José (1982). Velázquez. Barcelona: Ediciones Poligrafa SA. ISBN 84-343-0353-1.
  • Harris, Enriqueta (2006). "Biografía de Velázquez (2002)". Estudios completos sobre Velázquez. Madrid: Centro de Estudios Europa Hispánica. ISBN 978-84-934643-9-4.
  • Harris, Enriqueta (2004). "Velázquez y Gran Bretaña (1999)". Symposium Internacional Velázquez: Actas: Sevilla, 8-11 de noviembre de 1999. Madrid: Centro de Estudios Europa Hispánica. pp. 23–32. ISBN 8482664573.
  • Harris, Enriqueta (1999). "Inocencio X". Velázquez (en castelán). Barcelona: Galaxia Gutenberg, S.A. ISBN 84-8109-283-5.
  • Hellwig, Karin (1999). La literatura artística espanola del siglo XVII. Madrid: Visor. ISBN 84-7774-602-8.
  • Knox, Gilles (2010). Las últimas obras de Velázquez. Madrid: Centro de Estudios Europa Hispánica. ISBN 978-84-936776-3-3.
  • Herzer, Alfred (1963). Velázquez. Madrid: Revista de occidente.
  • Justi, Carl (1953). Velázquez y su siglo. Madrid: Espasa-Calpe.
  • López-Rey, José (1978). Velázquez. Barcelona: Compañía Internacional Editora S. A. ISBN 84-85004-74-4.
  • López-Rey, José (1996). Velázquez. Catalogue raisonné, vol. II. Colonia: Taschen Wildenstein Institute. ISBN 3-8228-8731-5.
  • Marías, Fernando (1993). Velázquez. El Arte y sus creadores. Historia 16.
  • Marías, Fernando (1999). Velázquez. Pintor y criado del rey. Madrid: Nerea. ISBN 84-89569-33-9.
  • Marini, Maurizio (1997). Velázquez. Madrid: Electa. ISBN 84-8156-160-6.
  • Morales y Marín, José Luis (2004). "Escuela espanola". El Prado. Colecciones de pintura. Lunwerg Editores. ISBN 84-9785-127-7.
  • Morán Turina, Miguel y Sánchez Quevedo, Isabel (1999). Velázquez. Catálogo completo. Madrid: Ediciones Akal SA. ISBN 84-460-1349-5.
  • Ortega y Gasset, José (1963). "La fama de Velázquez". Velázquez. Madrid: Revista de Occidente SA.
  • Pacheco, Francisco, ed. de Bonaventura Bassegoda (1990). El arte de la pintura. Madrid: Cátedra. ISBN 84-376-0871-6.
  • Palomino, Antonio (1988). El museo pictórico y escala óptica III. El parnaso espanol pintoresco laureado. Madrid: Aguilar S.A. de Ediciones. ISBN 84-03-88005-7.
  • Pérez Sánchez, Alfonso E. (1990). "Velázquez y su arte". Velázquez: Museo del Prado 23 enero-31 de marzo de 1990. Madrid: Ministerio de Cultura. ISBN 84-87317-01-4.
  • Pérez Sánchez, Alfonso E. (1996). "Escuela espanola". El Museo del Prado. Madrid: Fundación Amigos del Museo del Prado y Fonds Mercator. ISBN 90-6153-363-5.
  • Pérez Sánchez, Alfonso E. (1990). "Velázquez y su arte". Velázquez. Catálogo Museo del Prado. Exposición enero-marzo 1990. Madrid: Museo del Prado. ISBN 84-87317-01-4.
  • Portús, Javier (2004). "Velázquez en primera persona". Velázquez. Milán: RCS Libri S.p.A. ISBN 84-89780-54-4.
  • Prater, Andreas (2000). "El Barroco". Los Maestros de la pintura Occidental. Colonia: Benedikt Taschen Verlag GmbH. ISBN 3-8228-6794-2.
  • Prater, Andreas (2007). Venus ante el espejo. Velázquez y el desnudo. Madrid: Centro de Estudios Europa Hispánica. ISBN 978-84-936060-0-8.
  • Ragusa, Elena (2004). "La vida y el arte.". Velázquez. Milán: RCS Libri S.p.A. ISBN 84-89780-54-4.
  • Ragusa, Elena (2004). "Las obras maestras". Velázquez. Milán: RCS Libri S.p.A. ISBN 84-89780-54-4.
  • Ragusa, Elena (2004). "Breve antología crítica". Velázquez. Milán: RCS Libri S.p.A. ISBN 84-89780-54-4.
  • Salort Pons, Salvador (2002). Velázquez en Italia. Madrid: Fundación de Apoyo a la Historia del Arte Hispánico. ISBN 84-932891-1-6.
  • Stoichita, Victor I. (1999). "El retrato del esclavo Juan Pareja: semejanza y conceptismo". Velázquez. Barcelona: Galaxia Gutenberg, S.A. ISBN 9788481092837.

Outros artigos

Ligazóns externas

6 de outubro

O 6 de outubro é o 279º día do ano do calendario gregoriano (280º nos anos bisestos). Quedan 86 días para finalizar o ano.

6 de xuño

O 6 de xuño é o 157º día do ano do calendario gregoriano e o 158º nos anos bisestos. Quedan 208 días para finalizar o ano.

A rendición de Breda

A rendición de Breda ou As lanzas (en castelán: La rendición de Breda ou Las lanzas) é un óleo sobre lenzo, pintado entre 1634 e 1635 por Diego Velázquez e que se conserva no Museo do Prado de Madrid desde 1819.

Bayamo

Bayamo é un concello cubano, capital da provincia de Granma. Ten unha poboación de 222.118 habitantes (en 2008).

Camagüey

Camagüey é unha cidade que se localiza na Cuba occidental. Fundouna Diego Velázquez de Cuéllar ao redor de 1515 como Santa María del Puerto del Príncipe, hoxe é a terceira mais populosa cidade do país e a capital da Provincia de Camagüey. En 2004, o concello de Camagüey tiña unha poboación de 324 921 habitantes. En 2008, a Unesco nomeou o seu centro histórico como Patrimonio da Humanidade.

Década de 1510

A década de 1510 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 1510 e remata o 31 de decembro de 1519.

Filipe IV de España

Filipe IV de España, tamén coñecido como Filipe IV de Habsburgo, nado en Valladolid o 8 de abril de 1605 e finado en Madrid o 17 de setembro de 1665, denominado O Grande ou O Rei Planeta, foi rei de España desde o 31 de marzo de 1621 até o seu falecemento; así mesmo foi rei de Portugal, como Filipe III até o 1 de decembro de 1640. O seu reinado de 44 anos e 170 días foi o máis longo da casa dos Austria e o terceiro da historia española, sendo superado só por Filipe V e Afonso XIII, aínda que os primeiros dezaseis anos do reinado deste último foron baixo rexencia.

Durante a primeira etapa do seu reinado compartiu a responsabilidade dos asuntos de Estado con Gaspar de Guzmán, conde-duque de Olivares, quen realizou unha enérxica política exterior que buscaba manter a hexemonía española en Europa. Trala caída de Olivares, encargouse persoalmente dos asuntos de goberno, axudado por cortesáns moi influentes, como Luis Méndez de Haro, sobriño de Olivares, e o duque de Medina das Torres.

Os exitosos primeiros anos do seu reinado auguraron a restauración da preeminencia universal dos Habsburgo, pero a guerra constante da Europa protestante e a católica Francia contra España conduciron ao declive e ruína da Monarquía Hispánica, que tivo de ceder a hexemonía en Europa á puxante Francia de Luís XIV, así como recoñecer a independencia de Portugal e das Provincias Unidas.

Francis Bacon (artista)

Francis Bacon, nado en Dublín o 28 de outubro de 1909 e finado en Madrid o 28 de abril de 1992, foi un artista plástico irlandés considerado un dos máis importantes e innovadores da segunda metade do século XX.

Tratou con compracencia temas que continúan a chocar a nivel social. As fantasías masoquistas, a pedofilia, o desmembramento de corpos, a violencia masculina ligada á tensión homo erótica, as prácticas de disecación forense, a atracción pola representación do corpo (un especial fascinación polos fluídos naturais, sangue, bile, urina, esperma etc.) e, en xeral, con todo o que está directamente ligado á transgresión sexa relacionada co sexo, a relixión (son paradigmáticos os seus retratos do Papa Inocencio X que efectuou a partir da obra de Diego Velázquez) ou calquera tabú, foron as pezas coas cales Bacon construíu a súa visión "modernista" do mundo.

Golfo de México

O golfo de México é o maior golfo do mundo, estando cercado por terras continentais de México e dos Estados Unidos de América, e insulares de Cuba. Ten unha superficie de aproximadamente 1 550 000 km2.

Infante

Infante é un título de nobreza, situado por debaixo do de príncipe. Este título recíbeno todos os fillos lexítimos do rei ou a raíña de Portugal e España (e doutras monarquías peninsulares como Aragón, León ou Navarra), que non son herdeiros da coroa. O feminino de infante é infanta.

National Gallery

A National Gallery ou Galería Nacional é o principal museo de arte de Londres, sito na parte norte de Trafalgar Square. Exhibe pintura europea de 1250 a 1900, prodecente da colección nacional de arte do Reino Unido . A colección permanente, que consta de 2,300 pinturas, pertence ao Estado británico, polo que a entrada é publica, só sendo necesario pagar para asistir a determinadas exposicións especiais. Ten entre 4 e 5 millóns de visitantes ao ano.

Maila ser fundada sen unha colección real que a sustentase, a National Gallery converteuse nunha galería de arte de sona internacional dende a súa fundación en 1824. Foi conformada inicialmente polos seus primeiros directores, incluído o pintor Sir Charles Lock Eastlake, e aumentada con doazóns privadas, que hoxe en día compoñen dous terzos da súa colección permanente. Aínda que de tamaño reducido en comparación con outras pinacotecas coma o Louvre, a National Gallery destaca por amosar obras mestras de toda a Historia da Arte occidental, sendo posible admirar a través da súa colección a evolución dos estilos pictóricos dende o comezo do Renacemento ata o Postimpresionismo. A galería orixinal do século XIX baseábase fundamentalmente na arte italiana e no neerlandesa, pero pouco a pouco foi adquirindo obras de arte moderna.

A galería foi aloxada en tres edificios diferentes, cada un dos cales resultou co tempo pouco axeitado para os propósitos expositivos. O edificio actual foi comezado por Williams Wilkins e sufriu notables ampliacións, cuxas obras principais foron a cargo de Edward Middleton Barry e Robert Venturi. Dende 2002 e ata 2006, o director da institución foi Charles Saumarez Smith. Dende decembro de 2007, o prestixioso historiador de arte Nicholas Penny está á fronte da galería.

O triunfo de Baco

O triunfo de Baco é unha pintura de Diego Velázquez conservada no Museo do Prado de Madrid dende 1819. Coñécese popularmente coma Os borrachos.

Palacio Real de Madrid

O Palacio Real de Madrid é a residencia oficial dos Reis de España. Emprégase en cerimonias oficiais, pois os reis viven no Palacio da Zarzuela. En ocasións tamén se lle chama Palacio de Oriente por mor dunha das súas fachadas que da cara á Plaza de Oriente, na que tamén está o Teatro Real. Noutras das prazas que rodean o palacio atópase a Catedral de Santa María a Real da Almudena de Madrid.

O edificio foi mandado construír polo rei Filipe V sobre as ruínas do antigo Real Alcázar de Madrid despois de que este fose consumido polo lume no ano 1734. As obras comezaron en 1738, e non remataron ate 1892.

Na actualidade está xestionado por Patrimonio Nacional, e pode ser visitado polos turistas. No seu interior hai numerosas obras de arte como cadros pintados por Caravaggio, Diego Velázquez ou Goya.

Santiago de Cuba

Santiago de Cuba é a capital da provincia do mesmo nome, no leste de Cuba. As súas coordenadas xeográficas son 20.01° N, 75.82° W. É a segunda cidade máis importante do país, con cerca de 500 mil habitantes.

Situada ao leste da illa, foi capital da antiga provincia de Oriente e actualmente éa da provincia do mesmo nome. Foi fundada en 1515 polo conquistador español Diego Velázquez de Cuéllar, entre as primeiras sete vilas de Cuba. O conquistador Hernán Cortés foi o primeiro alcalde da cidade e de alí partiu cara á conquista de México. De Santiago partiu tamén o conquistador e explorador Pánfilo de Narváez co título de Adiantado, ademais de Gobernador, rumbo ás costas de Florida en viaxe exploratoria, viaxe que rematou en fracaso e lle custou a morte.

Foi a primeira capital de Cuba. Pola baía santiagueira entraron os primeiros escravos negros a Cuba e con eles fortes raíces africanas e españolas. É coñecida como a Cidade Heroe de Cuba, título que lle foi concedido polo apoio do seu pobo ás xestas libertarias ds cubanos.

Século de Ouro

O Século de Ouro é o período histórico do século XVII, no que a literatura en castelán e as artes en España acadan un dos seus mellores niveis. Durante os reinados de Filipe III e Filipe IV, autores -como Miguel de Cervantes, Lope de Vega, Francisco de Quevedo ou Calderón de la Barca-, pintores e músicos de España fan que as letras castelás e as artes hispanas sexan admiradas por toda Europa.

Talvez sería máis apropiado falar dos Séculos de Ouro, en plural, pois abarcan a época clásica ou de apoxeo da cultura española tanto do Renacemento (século XVI) como do Barroco (século XVII). Existen dúas datas clave :

1492, coa publicacion da Gramática castelá de Antonio de Nebrija, que inicia o período

1681, coa morte de Pedro Calderón de la Barca, que sinala o esmorecemento dos séculos dourados.O punto máis alto deste apoxeo atópase na obra de Miguel de Cervantes e Lope de Vega.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.