Dicotiledóneas

Magnoliopsida é un taxón de plantas que foi empregado en sistemas de clasificación moi populares como o de Cronquist (Cronquist 1981,[1] 1988[2]), os subtaxóns que o conforman coinciden coas dicotiledóneas (chamadas deste xeito por teren durante as primeiras etapas do desenvolvemento dous cotiledóns), que polo tanto é un sinónimo deste taxón. Polo tanto chámaselles dicotiledóneas ás plantas que teñen un embrión con dous cotiledóns que ó desenvolvérense darán lugar a dúas folliñas. As dicotiledóneas forman unha das grandes clases nas que se dividen as anxiospermas, a outra é monocotiledóneas.

As dicotiledóneas están formadas por 5 grupos monofiléticos, o maior de eles foi chamado Eudicotyledoneae (eu- quere dicir "verdadeiro"). As eudicotiledóneas comprenden o 75% das especies de anxiospermas[Cómpre referencia], e posúen moitos dos caracteres que antes se atribuíran ás dicotiledóneas, como o pole tricolpado [3][4](e os derivados deste).

Magnoliopsida - Dicotiledóneas
Au tas botanic 1379

Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida

Caracteres

Existen máis de cento setenta e cinco mil especies de plantas pertencentes a esta clase. Exemplos de dicotiledóneas son o nabo, a verza, e o feixón.

Ademais de ter dous cotiledóns, as dicotiledóneas caracterízanse por presentar nerviación foliar reticular e partes florais normalmente en múltiplos de catro ou de cinco. Os caracteres pertencentes á anxiospermas ancestral e perdidos na póla da que se orixinaron as monocotiledóneas son:

  • a radícula do embrión non aborta como nas monocotiledóneas senón que dá orixe a unha raíz primaria persistente (nas monocotiledóneas a función de absorción é levada a cabo polas raíces adventicias).
  • no corte transversal do tallo obsérvase que o xilema e o floema se dispoñen formando un anel, segundo un patrón chamado eustela (a diferenza da atactostela das monocotiledóneas).
  • os nervios das follas forman patróns pinados ou palmados ("venación reticulada") a diferenza das monocotiledóneas que adquiriron unha venación paralela.
  • os verticilos das flores fican formados por 4 o 5 pezas xeralmente (en troques de 3 das monocotiledóneas).

Un carácter que tradicionalmente foi atribuído ás dicotiledóneas é o pole tricolpado e os derivados deste (nas monocotiledóneas o pole é monosulcado). En realidade é un carácter orixinado nun subgrupo das dicotiledóneas chamado Eudicotyledoneae, sendo o pole do resto das dicotiledóneas monosulcado, como tamén na anxiospermas ancestral.

A presenza de algúns caracteres considerados tradicionalmente característicos das dicotiledóneas, atópanse tanto nas dicotiledóneas como nas ximnospermas, polo tanto son plesiomorfías de todas as plantas con semente que foron perdidas nas monocotiledóneas, a saber:

  • a presenza de dous ou máis cotiledóns nos embrións, a diferenza das monocotiledóneas que posúen só un.
  • o tallo medra en grosor con formación de leña ou madeira ("crecemento secundario"), a diferenza das monocotiledóneas que perderon a capacidade de medrar en grosor deste xeito (algunhas monocotiledóneas, como as palmeras, medran en grosor por aumento do tecido parenquimático, sen formación de leña).

Anatomía

Di e Monocotiledóneas
Dicotiledóneas e Monocotiledóneas

Follas

As follas das dicotiledóneas presentan un limbo e un pecíolo, e a miúdo son compostas. Unha das características que as distinguen das monocotiledóneas é a disposición dos nervios, xeralmente reticulada, cun nervio central groso do que parten outros máis finos (existen excepcións a esta norma).

Talos

Na sección transversal dos talos poden verse os feixes de vasos condutores, que se encargan de transportar a auga e os sales minerais, dispostos en círculo. As dicotiledóneas comprenden vexetais leñosos e herbáceos. Os talos dos primeiros teñen porte arbustivo, se se ramifican dende a base; ou arbóreo, se as pólas aparecen a certa distancia do chan.

Flores

Nesta clase están representados case todos os tipos de flores.

Filoxenia

As análises cladísticas feitas sobre a morfoloxía e as secuencias de ADN cloroplastídico, mitocondrial e nuclear, non sosteñen a división das anxiospermas en monocotiledóneas e dicotiledóneas (Olmstead et al. 1992a, Chase et al. 1993,[5] Doyle 1996,[6] 1998,[7] Doyle et al. 1994,[8] Donoghue y Doyle 1989,[9] Graham y Olmstead 2000,[10] Mathews y Donoghue 1999,[11] Savolainen et al. 2000,[12] Soltis et al. 2000,[13] Zimmer et al. 2000,[14] Hilu et al. 2003, Zanis et al. 2003). En todas as análises as dicotiledóneas forman un grupo parafilético, e os caracteres morfolóxicos xa mencionados son plesiomórficos dentro das anxiospermas (salvo o pole tricolpado e os seus derivados).

As dicotiledóneas están compostas polos seguintes grupos monofiléticos:

Pódese atopar unha discusión sobre a filoxenia do grupo en Sistemática de anxiospermas.

A maioría das dicotiledóneas pertencen ó clado Eudicotyledoneae (tamén chamadas "dicotiledóneas tricolpadas"), que teñen como sinapomorfías ó polen tricolpado (e as modificacións que teña sufrido posteriormente), e as secuencias de ADN rbcL, atpB, matK, e ADNr 18S.

Taxonomía

Unha clasificación actualizada ó ano 2003 pódese atopar no sistema de clasificación APG II,[15] onde se abandona o taxón dicotiledóneas e empréganse en troques os grupos monofiléticos arriba mencionados.

A clasificación das dicotiledóneas segundo Cronquist[1][2] en subclases, ordes e familias pódese ver ó desplegar a caixa seguinte.

Notas

  1. 1,0 1,1 Cronquist, A. 1981. An integrated system of classification of flowering plants. Columbia University Press, New York.
  2. 2,0 2,1 Cronquist, A. 1988. The evolution and classification of flowering plants. 2nd ed. New York Botanical Garden, Bronx.
  3. A superficie dos grans de pole vista ao microscopio presenta sulcos ou poros, que son característicos de cada grupo de plantas. O pole da maioría das Dicotiledóneas dise que é tricolpado, xa que presenta na súa superficie tres sucos (colpos).
  4. Kenneth R. Sporne Some observations on the evolution of pollen types in Dicotyledons New Phytol. (1972) 71, 181-185
  5. Chase MW, 3 41 autores máis. 1993. Phylogenetics of seed plants: An analysis of nucleotide sequences from the plastid gene rbcL. Ann. Missouri Bot. Gard. 80: 528-580.
  6. Doyle JA. 1996. Seed plant phylogeny and the relationships of the Gnetales. Int. J. Plant. Sci. 157(6) Suppl.: 3-39.
  7. Doyle JA. 1998. Phylogeny of vascular plants. Annual Rev. Ecol. Syst. 29: 567-599.
  8. Doyle JA, MJ Donoghue y EA Zimmer. 1994. Integration of morphological and ribosomal RNA data on the origin of angiosperms. Ann Missouri Bot. Gard. 81: 419-450.
  9. Donoghue MJ y JA Doyle. 1989. Phylogenetic analysis of angiosperms and the relationships of Hamamelidae. En: Evolution, systematics, and fossil history of the Hamamelidae, vol. 1, Introduction and "lower" Hamamelidae. Syst. Assoc. Special Vol. 40A, PR Crane y S Blackmore (editores), 17-45. Clarendron Press, Oxford.
  10. Graham SW y RG Olmstead. 2000. Utility of 17 chloroplast genes for inferring the phylogeny of the basal angiosperms. Amer. J. Bot. 87: 1712-1730.
  11. Mathews S y MJ Donoghue. 1999. The root of angiosperm phylogeny inferred from duplicate phytochrome genes. Science 286: 947-950.
  12. Savolainen V, MW Chase, SB Hoot, CM Morton, DE Soltis, C Bayer, MF Fay, AY de Brujin, S Sullivan, y Y-L Qiu. 2000. Phylogenetics of flowering plants based upon a combined analysis of plastid atpB and rbcL gene sequences. Syst. Biol. 49: 306-362.
  13. Soltis DE; PS Soltis, MW Chase, ME Mort, DC Alback, M Zanis, V Savolainen, WH Hahn, SB Hoot, MF Fay, M Axtell, SM Swensen, LM Primce, WJ Kress, KC Nixon, y JS Farris. 2000. Angiosperm phylogeny inferred from 18S rDNA, rbcL, and atpB sequences. Bot. J. Linn. Soc. 133: 381-461.
  14. Zimmer, E. A., RK Hamby, ML Arnold, DA LeBlanc, y EC Theriot. 1989. Ribosomal RNA phylogenies and flowering plant evolution. En: The hierarchy of life, B. Fernholm, K. Bremer, y H. Jornvall (editores). 205-214. Elsevier, Amsterdam.
  15. The Angiosperm Phylogeny Group (2003-2004). "An update of the Angiosperm Phylogeny Group classification for the orders and families of flowering plants: APG II". Botanical Journal of the Linnean Society (en inglés) 141 (4): 399–436. ISSN 0024-4074. doi:10.1046/j.1095-8339.2003.t01-1-00158.x.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Judd, W. S. Campbell, C. S. Kellogg, E. A. Stevens, P.F. Donoghue, M. J. 2002. Plant systematics: a phylogenetic approach, Second Edition. Sinauer Axxoc, Estados Unidos.

Leturas recomendadas

  • Pamela S. Soltis, Peter K. Endress, Mark W. Chase, Douglas E. Soltis. 2005. Phylogeny & Evolution of Angiosperms. Sinauer Associates, Estados Unidos. 370 pp.
Apocynaceae

As Apocynaceae son unha familia das dicotiledóneas que inclúe árbores, arbustos, herbas, ou lianas. Moitas especies son grandes árbores que se atopan na selva tropical, e a maioría son de procedencia dos trópicos e os subtrópicos.

Algunhas son herbas perennes da zona tépeda. Estas plantas teñen saiba leitosa e moitas especies son velenosas se se inxiren

Asterales

A orde das Asterales reúne a plantas dicotiledóneas, incluíndo a familia Asteraceae, a que pertencen as margaridas ou os xirasois.

É unha orde cosmopolita, incluíndo diversas especies herbáceas, aínda que inclúe un pequeno número de árbores (Lobelia) e arbustos.

As Asterales poden ser caracterizadas a un nível morfolóxico e molecular. As sinapomorfías inclúen a utilización do oligosacárido inulina no almazenamento de nutrintes, e os estames apareceren densamente agregados en volta do carpelo ou mesmo fundidos nun tubo en torno do estilete.

Asteridae

As astéridas (Asteridae) constitúen unha subclase dentro da clase Magnoliopsida (as dicotiledóneas), e son parte por tanto da división ou fío Magnoliophyta (as anxiospermas). Representan o clado máis apotípico (máis apartado do tipo orixinal, ou como se di indebidamente, 'máis evolucionado') das anxiospermas. O grupo orixinouse con toda probabilidade iniciado o Cenozoico, fará talvez uns 50 millóns de anos, e o seu éxito relaciónase coa coadaptación a insectos polinizadores. Presentan en xeral flores cigomorfas (de simetría bilateral), de corola soldada con lóbulos desiguais, estames epipétalos, e xineceo formado por dous carpelos soldados. As flores organízanse a miúdo en inflorescencias apertadas, como as espigas das Lamiaceae e as Plantaginaceae ou os capítulos das Compostas.

A composición das anxiospermas está sometida a vaivéns, polos rápidos avances actuais na investigación das relacións evolutivas. A comparación de certos xenes levou a incluír no grupo algunhas ordes morfoloxicamente menos avanzados, que se clasificaban antes na subclase Rosidae. Xeralmente acéptase que a subclase está formada por 11 ordes que inclúen unhas 60.000 especies, das cales 20.000 son membros da familia compostas.

Brasicáceas

As brasicáceas (Brassicaceae) ou crucíferas (Cruciferae) son unha familia de anxiospermas dicotiledóneas que se inclúen na orde Brassicales. Constitúen un grupo monofilético con arredor de 338 xéneros e 3.709 especies de plantas principalmente herbáceas distribuídas en todo o globo, porén se achan particularmente concentradas en áreas temperadas e frías. Inclúen cultivos de importancia económica, tanto hortícolas, como ornamentais, oleaxinosos, forraxeiros e como condimentos. Así mesmo, inclúen a unha especie que se considera un organismo modelo en investigacións biolóxicas: Arabidopsis thaliana

Cotiledón

O cotiledón, forma sancionada pola Real Academia Galega, ou cotiledon, como escriben moitos, forma mellor adaptada á etimoloxía (xa que o termo deriva do grego κοτυληδών kotylēdōn, xenitivo κοτυληδόνος kotylēdonos, "cavidade en forma de copa", de κοτύλη kotýlē "copa") é a primeira ou unha das primeiras follas da planta que que se forman no embrión dos antófitos (plantas con flores); por isto chámase tamén folla primordial, folla embrionaria ou folla seminal.Existe unha gran cosnstancia no número de cotiledóns que teñen os embrións, até o punto que este feito permitiu establecer a división fundamental das anxiospermas en monocotiledóneas (liliópsidas, na terminoloxía moderna) e dicotiledóneas (magnolióspidas), segundo o embrión posúa un ou dous cotiledóns; pola súa parte, nos embrións das ximnospermas comunmente existen varios.

Dipsacales

Dipsacales é o nome dun taxon de plantas situado na categoría taxonómica de orde, que segundo o Código Internacional de Nomenclatura Botánica debe estar circunscrito obrigadamente polo menos pola familia Dipsacaceae. Este taxon é utilizado por sistemas de clasificación modernos como o sistema de clasificación APG II ou o APG III.

Nestes sistemas de clasificación a orde está incluída na subclase Asteridae, clase Rosopsida, das dicotiledóneas. Na antiga clasificación de Arthur Cronquist (1981), Morinaceae estaba incluída dentro de Dipsacaceae, e Linnaeaceae e Diervillaceae dentro de Caprifoliaceae, como tamén dous xéneros agora transferidos a Adoxaceae.

Unhas poucas outras familias poderían atoparse incluídas pola súa proximidade a esta orde. Isto inclúe a Desfontainiaceae, Polyosmotaceae, Paracryphiaceae, e Sphenostemonaceae.

Epiderme (plantas)

Este artigo trata sobre a epiderme dos vexetais, para a epiderme humana véxase epiderme.

A epiderme vexetal é o tecido protector vivo que recobre a superficie de toda a planta antes de que iniciase o crecemento secundario. Soamente se considera que falta a epiderme na caliptra da raíz e nos meristemas apicais. Á parte da súa función protectora tamén actúa mecanicamente, contribuíndo en parte ao sostén, debido á compactabilidade das súas células. O seu precursor meristemático é a protoderme do meristema apical caulinar na plántula, e nas raíces, do meristema apical radical.É unha capa impermeable e grosa, e normalmente está formada por unha soa capa heteroxénea de células aplanadas, que ten a función de protexer as células interiores, limitar a transpiración, segregar algunhas substancias, almacenar outras, e facilitar o intercambio de gases co ambiente.

A epiderme consérvase naquelas plantas que teñen órganos unicamente con crecemento primario, en cambio nos órganos con crecemento secundario a epiderme queda destruída durante a formación da periderme.

As súas células están recubertas por unha cutícula formada por cutina, microfibrilas de polisacáridos e ceras. Esta capa restrinxe tanto a transpiración coma a entrada de dióxido de carbono, que se realiza polos estomas, que regulan esta actividade.

Eudicotiledóneas

As eudicotiledóneas (Eudicotyledoneae) son un grupo monofilético de anxiospermas, previamente denominado tricolpadas ou dicotiledóneas non-Magnoliidae . O clado foi recoñecido por vez primeira na análise filoxenética baseada na morfoloxía dos botánicos evolucionistas Michael J. Donoghue e James A. Doyle (1989), que utilizaron o nome de tricolpada. En 1991 James A. Doyle e o paleobótanico Carol L. Hotton empregaron por primeira vez o termo eudicots para significar que este gran grupo das dicotiledóneas (dicots en inglés) formaba un verdadeiro (eu-) clado. Posterior información molecular redundou no seu recoñecemento pola comunidade científica e en 2007 Donoghue, Doyle e Phillip D. Cantino propuxeron o nome científico Eudicotyledoneae . Actualmente, os seus subclados principais son ben recoñecidos e contan con categorías de ordes e familias.

O Angiosperm Phylogeny Group (APG) identificou este clado co nome de eudicots, nas presentacións do sistema APG de 1998, o sistema APG II de 2003 e no APG III de 2009.

Fagales

Fagales (Fagais) é unha orde de anxiospermas (plantas con flores), que inclúe algunhas das árbores máis coñecidas, entre as que se atopan, por exemplo, as principais especies silvícolas de Galiza. O nome da orde deriva do xénero: Fagus, o das faias. Pertence á subclase Rosidae encadrada no grupo das dicotiledóneas. Actualmente Fagales inclúe es familias e xéneros a seguir:

Betulaceae - betuláceas - familia dos bidueiros (Betula (bidueiros), Alnus (amieiros), Carpinus (carpes), Corylus (abeleiras), Ostrya (carpes lupulinos), Ostryopsis (carpes abeleiras))

Casuarinaceae - casuarináceas - piñeiros de Australia (Casuarina, Gymnostoma, Ceuthostoma, Allocasuarina)

Fagaceae - fagáceas - familia das faias (Fagus (faias), Quercus (carballos), Castanea (castiñeiros), Castanopsis, Chrysolepis, Formanodendron, Lithocarpus (carballos de pedra), Trigonobalanus, Colombobalanus)

Juglandaceae - xuglandáceas - familia da nogueira (Juglans (nogueiras), Pterocarya, Carya, Cyclocarya, Alfaroa, Engelhardia, Oreomunnea, Platycarya, Rhoiptelea)

Myricaceae - miricáceas (Myrica, Canacomyrica, Comptonia)

Nothofagaceae - notofagáceas - familia das faias do sur (Nothofagus - subgenera Fuscospora, Brassospora e Lophozonia)

Ticodendraceae - ticodendráceas - familia dos ticodendron (Ticodendron)Sistemáticas máis vellas soamente incluían catro familias (Betulaceae, Corylaceae, Fagaceae, Ticodendraceae; Corylaceae agora inclúese dentro de Betulaceae); as outras familias incluíanse en tres ordes diferentes entre as Hamamelidae. A orde Casuarinales comportaría unha única familia: Casuarinaceae, a orde Juglandales comportaría as familias Juglandaceae e Rhoipteleaceae, e a orde Myricales comportaría as demais familias (ademais da Balanops).

Herbicida

Os herbicidas son pesticidas empregados para matar plantas non desexadas. Os herbicidas selectivos matan determinadas plantas e deixan a colleita desexada relativamente ilesa. Para interferir no desenvolvemento das plantas, os herbicidas baséanse frecuentemente nunha hormona da planta. Moitos dos herbicidas que se botan na terra non son selectivos e matan todo o material vexetal co que entran en contacto. Algunhas plantas, como as nogueiras (xénero Julans), producen herbicidas naturais. Os herbicidas son amplamente empregados na agricultura e no mantemento de céspedes. Tamén se aplican en programas de control da vexetación nas beiras das estradas e nas vías do ferrocarril

Hipocótilo

Na terminoloxía botánica, o hipocótilo é a parte do eixe caulinar do embrión ou da plántula dos antófitos que se encontra por debaixo da inserción dos cotiledóns.

Lamiales

As Lamiales son unha orde de plantas dicotiledóneas. Anteriormente denominábanse con máis frecencia Scrophulariales, mais dado que tanto a familia Lamiaceae como Scrophulariaceae foron clasificadas dentro do mesma orde polos taxónomos cladistas, é posible utilizar ambas as nomenclaturas. Con todo, na nomenclatura cladista o clado lamioide é máis basal que o scrophularioide, razón pola que o APG e moitos taxonomistas consideran lamiales o nome máis correcto desta orde.

Segundo o antigo Sistema de Cronquist de clasificación, as lamiales incluían as familias Lamiaceae, Verbenaceae e Lennoaceae. Moitas das familias listadas debaixo incluíanse na orde Scrophulariales. A inclusión de todas elas en lamiales é típica das modernas clasificacións.

Monocotiledóneas

Liliopsida é o nome dun taxón asignado á categoría taxonómica de Clase, que na clasificación de Cronquist 1981, coincide coa circunscrición das monocotiledóneas, tamén coñecidas como Monocotyledoneae nalgunhas clasificacións como Engler, e monocots (en inglés) nas clasificacións máis modernas e a súa sucesora. As monocotiledóneas forman unha das grandes clases nas que se dividen as anxiospermas, a outra é a das dicotiledóneas.

Chámaselles monocotiledóneas ás plantas que teñen un embrión cun só cotiledón que ó desenvolverse dará lugar a unha folliña. Á particularidade principal de posuír un único cotiledón engádense as seguintes características:

Talos: sen formación de madeira secundaria e ausencia dun verdadeiro tronco. En relación con iso, no corte transversal do talo (ronsel) obsérvase aos feixes de xilema e floema dispostos nunha atactostela, en lugar dunha eustela como o resto das espermatófitas.

Aínda que as monocotiledóneas son principalmente de hábito herbáceo, algunhas poden alcanzar grandes alturas e tamaños, particularmente os ágaves, as palmeiras e os bambús.

Follas: presentando a nervación principal paralela.

Flores: fundamentalmente trímeras en 5 verticilos: 3 sépalos, 3 pétalos, 2 verticilos de 3 estames cada un, e 3 carpelos.

As monocotiledóneas recoñecéronse como monofiléticas desde hai moito tempo, tanto debido aos seus caracteres morfolóxicos e anatómicos distintivos como polos seus caracteres nos análises moleculares de ADN.

As monocotiledóneas comprenden ao redor de 56.000 especies, o 22 % de todas as anxiospermas (Soltis et al. 2005). Entre as monocotiledóneas inclúense as ben coñecidas aráceas, os lirios, o xenxibre, as orquídeas, as palmeiras, os pastos e o cereal. A familia dos pastos e os cereais (Poaceae) é quizais o grupo economicamente máis importante de todas as plantas (Soltis et al. 2005), e inclúen cereais como o arroz, o trigo, o millo ou maínzo, a cebada e o centeo. A metade da diversidade de monocotiledóneas pode ser atopada só en dúas familias, Orchidaceae (a familia das orquídeas) e Poaceae (a familia dos pastos e os cereais), que inclúen o 34 % e o 17 % respectivamente de todas as especies de monocotiledóneas (Soltis et al. 2005). Estas dúas familias tamén están entre as familias máis grandes de anxiospermas, e son membros dominantes de moitas comunidades de plantas (Soltis et al. 2005).

Myrtales

Myrtales (os mirtais) é unha orde de plantas anxiospermas (plantas com flor - división Magnoliophyta), pertencente á clase Magnoliopsida (Dicotiledóneas - planta cuxo embrión contén dous ou máis cotiledóns).

Caracterízanse por teren follas simples, enteiras. Flores normalmente tetrámeras, sincárpicas e estiletes soldados. Os ovarios tamén están soldados. O receptáculo floral é máis ou menos cóncavo, chegando a ser tubular. As sementes posúen endosperma ben desenvolvido.

Periderma

A periderma ou periderme é un tecido protector que aparece na parte externa dos talos e raíces de moitas dicotiledóneas e ximnospermas durante o seu crecemento secundario, durante o cal substitúe á epiderme. Orixínase pola actividade dun meristema secundario chamado felóxeno. A periderma consta de tres partes: súber (parte máis exterior convertida en cortiza), felóxeno (un meristema que orixina a periderma) e feloderma (formado por células de tipo parénquimático, e ás veces ausente). O felóxeno dá lugar a súber cara ao exterior e a feloderma cara ao interior.

A periderma dálle grande protección á planta, debido sobre todo ás propiedades illantes do súber. Tamén se forma periderma debaixo das feridas que sofre a planta, o que protexe esas zonas vulnerables das agresións do medio ou de infeccións fúnxicas.

Conforme aumenta o grosor do talo en sucesivos anos de crecemento secundario, fórmanse novas capas de periderma.

Pétalo

En botánica, o pétalo é unha folla florar que forma parte da corola dunha flor. É a parte interior do perianto, o cal comprende as partes estériles dunha flor.

Nunha flor "típica" os pétalos son rechamantes e coloreados, e rodean as partes reprodutivas.

O número de pétalos nunha flor é indicativo da clasificación da planta: dicotiledóneas, que típicamente teñen catro ou cinco pétalos; e monocotiledóneas, que teñen tres ou algún múltiplo de tres pétalos. A función principal dos pétalos ou a corola é a de atraer aos polinizadores.

Existe unha considerable variación na forma dos pétalos entre as plantas. Os pétalos poden estar unidos na base, formando un tubo floral. Nalgunhas flores, o perianto enteiro forma unha cunca (chamada tubo de cáliz) rodeando o xineceo, con sépalos, pétalos, e estames unidos ao bordo da cunca.

As flores dalgunhas especies carecen ou reduciron moito os seus pétalos. Son chamadas apétalas. Exemplos de flores con periantios moi reducidos poden ser vistos entre as gramíneas. Isto é característico de plantas polinizadas polo vento que non necesitan atraer a polinizadores (chamadas plantas anemófilas).

Ranunculaceae

As ranunculáceas (Ranunculaceae) son unha familia de anxiospermas da orde Ranunculales. Consta de 54 xéneros cunhas 2525 especies, presentando unha distribución practicamente cosmopolita.

A orde á cal pertence esta familia está á súa vez incluída na clase Magnoliopsida (Dicotiledóneas): desenvolven polo tanto embrións con dous ou máis cotiledóns.

Ranunculaceae posúe distribución case cosmopolita, concentrada no Hemisferio Norte, incluíndo cerca de 50 xéneros e 2000 especies.

Diversas ranunculáceas son utilizadas como ornamentais en todo o mundo, como Anemone hupehensis, a herba dos pitos (Aquilegia vulgaris), as clemátides (Clematis spp.), a esporiña (Consolida ajacis), a esporiña xigante (Delphinium elatum) e a ficaria (Ficaria verna).

Rosidae

A subclase das rosídeas é un amplo grupo (taxon), que constitúe un terzo das dicotiledóneas, e comprende unhas 58.000 especies distribuídas entre 108 familias.

Sapindales

A das sapindales (Sapindales) é unha orde de plantas anxiospermas ou Magnoliophyta (plantas con flores), dicotiledóneas (ou Magnoliopsida), xeneticamente próxima á orde das rosales que, nas clasificacións actuais, inclúe, entre as familias máis coñecidas, a das rutáceas, que comprende, entre outras especies, ás dos cítricos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.