Diccionario da literatura galega

O Diccionario da literatura galega -publicado en catro tomos- é un dicionario en lingua galega. Está coordinado pola doutora en filoloxía galega Dolores Vilavedra, contando con autores e autoras como Helena González Fernández e Ana Belén Fortes, entre outros. O primeiro tomo data de 1995 e, o cuarto, de 2004; todos os tomos contan cunha sobrecuberta que protexe as pastas duras que conforman o esqueleto do libro. Foron publicados en Vigo pola Editorial Galaxia.

Diccionario da literatura galega
Diccionario da Literatura Galega I Autores, Galaxia
Autor/aDolores Vilavedra et al.
CubertaFrancisco Mantecón
OrixeEspaña
Linguagalego
Tema(s)literatura galega
Xénero(s)dicionario
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.1995-2003
Formatotapa dura

Obxectivos

Este proxecto «pretende ofrecerlles ós lectores non só un compendio crítico e informativo da produción literaria galega e os seus autores, senón tamén unha análise dos diversos elementos que configuran o fenómeno literario realizada dende a nosa literatura»[1]. Alén disto, a obra renova a tradición de dicionarios de literatura galega. O Diccionario de escritores en lingua galega (1992), de Francisco Fernández del Riego, vai ser unha parte fundamental da bibliografía, xunto con títulos como Historia da literatura galega contemporánea, de Ricardo Carballo Calero.

Tomos

  • I: O primeiro tomo leva por título Autores (1995) e trátase dunha listaxe en orde alfabética dos autores e autoras que, até 1994, publicaron canto menos un libro en lingua galega. Neste participaron Iris Cochón, Luciano Fernández, Ana Belén Fortes, Helena González Fernández, Henrique Monteagudo, Ramón Nicolás, María do Carmo Ríos Panisse e Dolores Vilavedra. Como criterio de selección de entradas para Autores fixaron como data límite decembro do ano 1994. Teránse en conta todos os autores e autoras que, como mínimo, teñan publicada unha obra en lingua galega. A extensión da entrada de cada entrada vai en función do «valor tanto extrínseco coma intrínseco da obra».[1]
  • II: O segundo tomo, titulado Publicacións periódicas (1995), é a primeira parte de dúas referidas a publicacións. Esta está centrada nos textos xornalísticos. Segundo o prólogo, «Con este volume pretendemos simplemente certificar ata que punto o desenvolvemento do discurso literario galego non só dependeu do xornalístico, senón que mesmo existiu (sobre todo en determinadas etapas como o primeiro Rexurdimento ou a posguerra) gracias a el».[1] Colaboran Ana Belén Fortes, Helena González Fernández, Susana Mayo, Henrique Monteagudo, Noemí Pazó, Marcos Valcárcel, Dolores Vilavedra e Miro Villar. «O criterio fundamental que orientou a selección das publicacións periódicas aquí comentadas foi, obviamente, o de que nelas se inclúen textos literarios en galego, ou comentarios e estudios sobre literatura galega. Intentamos flexibilizar este criterio atendendo en primeiro lugar a criterios diacrónicos e tamén ó carácter de efeméride que posúen algunhas das publicacións incluídas sen incluíren algún texto -literario ou non- en galego».[1]
  • III: O terceiro tomo que conforma o dicionario, Obras (2000) é a segunda parte das referidas ás publicacións, esta vez coa listaxe de obras. Ofrece un comentario crítico a duascentas corenta e nove obras da historia literaria galega en orde alfabética. Conta coa colaboración de Teresa Bermúdez, Maria Cuquejo, Ana Belén Fortes, Helena González Fernández, Xosé Antonio Neira Cruz, Iolanda Ogando, Noemí Pazó, Teresa Seara, Marcos Valcárcel, Miro Villar, Iris Cochón, Silvia Gaspar e Xosé Manuel Varela. A selección para Obras fíxose tendo en conta ao lector ou lectora escasamente iniciado, querendo funcionar como unha axuda, mais tamén querendo facer accesíbeis novas obras para poder avanzar no estudo da literatura galega. Este repertorio foi consensuado polos colaboradores e colaboradoras para dar testemuño do percorrido da literatura galega.
  • IV: O cuarto -e último- tomo, Termos e institucións literarias (2003) ten como obxectivo complementar os tomos anteriores, por requerimento dos lectores e lectoras, e afondar en todos aqueles conceptos de tipo terminolóxico, periodolóxico e sistémico. Colabora Teresa Bermúdez, Ana Belén Fortes, María Liñeira, Helena González Fernández, María Xesús Lama, Iolanda Ogando, Noemí Pazó, María do Cebreiro, Teresa Seara, Dolores Vilavedra e Rexina Vega. O criterio para o volume foi dar visibilidade a certos conceptos e institucións que, normalmente, non gozan desta, recoñecendo así «a súa importancia como promotores non só de autores e obras senón de xéneros e tendencias creativas, e da súa relevancia como institución nun contexto tradicionalmente tan deficitario nelas coma é o galego».[2]

Estrutura

A obra ten forma de dicionario e a súa organización é en orde alfabética. Cada tomo responde a unha estrutura propia, tendo todos en común unha dedicatoria inicial e un prólogo.

  • O tomo Autores conta cunha lista de abreviaturas ao comezo, seguindo coa relación de nomes de autores e autoras. Cada entrada contén: data e lugar de nacemento e defunción (de o houber); unha biografía onde se destacan obras, estilo, orientación política e premios, tamén adoitan aparecer as referencias bibliográficas, mais non sempre.
  • Publicacións periódicas tamén conta cunha lista de abreviaturas, seguido da lista de publicacións. Cada entrada conta con: nome do autor -ou autora-, nome, lugar e ano da publicación, tamén a casa editorial e a bibliografía de a ter. Acaba cun índice onomástico.
  • O terceiro, Obras, despois da relación de obras, formada por: nome da obra e autor -ou autora-, biografía do autor, contexto da obra e bibliografía. O tomo finaliza cun índice de autores.
  • O último, Termos e institucións literarias, abre cun apartado de termos literarios. Tras este, preséntase o corpus: definición, época, principais axentes e obras e bibliografía. Este tomo conta cun apartado final de cadros: métrica, cantigas medievais, literatura popular, xeracións e grupos poéticos do século XX.

Recepción crítica

A primeira entrega, I Autores, foi recensionada por Andrés Pociña no número 130 da revista Grial, co artigo "Un diccionario literario galego como é debido". Nel o autor destaca varios aspectos mellorábeis, como a ampliación da bibliografía ou como a adición das iniciais do ou da responsábel de cada entrada, mais di que «o conxunto presenta unha liña de traballo clara e convincente, en que estas pequenas tachas que lle apoño soamente son o resultado dunha lectura feita con moitísimo interese, e co coidado que merece unha obra tan importante, tan meritoria, tan ben realizada, tan útil e proveitosa para o estudo da literatura galega».[3]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Diccionario da literatura galega. Vigo: Editorial Galaxia. 1995-1997. OCLC 34669594. ISBNs: 8482880195, 848288137X e 8482883658.
  2. Diccionario da literatura galega / 4. Termos e institucións literarias. Vigo: Ed. Galaxia. 2004. ISBN 8482886568. OCLC 176874733.
  3. Pociña, Andrés (1996). "Un diccionario literario galego como é debido". Grial XXIV (130): 272–274. ISSN 0017-4181.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Pociña, Andrés (1996): "Un diccionario literario galego como é debido" Grial 130 (XXIV) 272-74.
  • Vilavedra, Dolores (coord.) (1995): Diccionario da Literatura Galega I: Autores. (Vigo: Galaxia). ISBN 8482880195
  • Vilavedra, Dolores (coord.) (1997): Diccionario da Literatura Galega II: Publicacións periódicas. (Vigo: Galaxia). ISBN 848288137X
  • Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da Literatura Galega III: Obras (Vigo: Galaxia). ISBN 8482883674
  • Vilavedra, Dolores (coord.) (2003): Diccionario da Literatura Galega IV: Termos e Institucións Literarias (Vigo: Galaxia). ISBN 8482886576
Dolores Vilavedra

Dolores Vilavedra Fernández, nada en Vigo o 4 de agosto de 1963, é profesora de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do consello de redacción da revista Grial, e dirixe a sección de crítica literaria. Coordinou o Diccionario da literatura galega, en catro tomos, que publicou Galaxia. Colaborou durante anos no Diario cultural da Radio Galega.

El Progreso (1907)

El Progreso foi un periódico editado en Pontevedra entre 1907 e 1937.

Estevan Reimondo

Estevan Reimondo foi un trobador portugués, que estivo activo a finais do século XIII e principios do XIV. Representante da nobreza do norte de Portugal, é autor de 2 cantigas de amigo.

Estevan Travanca

Estevan Travanca foi un trobador portugués, activo desde finais do século XIII até principios do XIV. É autor de 4 cantigas de amigo, moi uniformes tematicamente, onde a a amiga manifesta a súa mágoa pola ausencia do namorado.

Fernan do Lago

Fernan do Lago foi un trobador galego, a quen algúns autores identifican con Fernando Esquío. É autor dunha cantiga de amigo, paralelística sobre o santuario de Santa María do Lago.

Gaceta de Galicia

Gaceta de Galicia foi un xornal que se editou en Santiago de Compostela entre 1879 e 1918.

Garcia Martinz

Garcia Martinz foi un trobador de orixe descoñecida, que estivo activo na corte de Afonso X. A vinculación con Pero da Ponte sitúano na corte de Afonso X, mais non se teñen datos concretos sobre este autor.

Garcia Soares

Garcia Soares foi un trobador portugués da primeira metade do século XIII e irmán do trobador Martin Soarez. É autor de 2 cantigas de amigo, unha delas dialogada.

Golparro

Golparro foi un xograr galego de finais do século XIII. Golparro sería un alcume que significaría "raposo vello". É autor dunha cantiga de amigo, sobre o santuario de San Treeçon.

Helena González Fernández

Helena González Fernández, nada en Santo André de Comesaña (Vigo), o 11 de marzo de 1967, é unha profesora e investigadora galega.

Iris Cochón

Iris Cochón Otero, nada en Santiago de Compostela o 1 de decembro de 1968, é unha teórica e crítica literaria galega.

Johan

Johan foi un xograr leonés, que estaría activo arredor do 1325. É autor dun pranto pola morte de don Dinís e 1 eloxio en louvor de Afonso IV.

Johan Airas

Johan Airas foi un poeta galego medieval.

Johan Romeu

Johan Romeu, nado en Lugo, foi un cabaleiro e poeta galego, activo no segundo terzo do século XIII. É autor dunha cantiga de escarnio, sobre a pedantería de Lopo Liãns.

Josep

Josep foi un trobador portugués de finais do século XIII e principios do XIV. Primeiro representante xudeu da escola trobadoresca galego-portuguesa, é autor dunha tenzón con Estevan da Guarda.

Marcos Valcárcel

Marcos Valcárcel López, nado en Ourense o 3 de marzo de 1958 e falecido na mesma cidade o 5 de decembro de 2010, foi un historiador, xornalista e escritor galego.

Nuno Perez Sandeu

Nuno Perez Sandeu foi un trobador portugués de finais do século XIII. É autor de 6 cantigas de amigo, a primeira dialogada e paralelística.

Vasco Perez Pardal

Vasco Perez Pardal foi un trobador, posibelmente portugués.

Vida Gallega

Vida Gallega foi unha revista mensual gráfica que fundou Jaime Solá en Vigo. O primeiro número saíu en xaneiro de 1909 con portada de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e o último en 1938, publicándose un total de 697 números.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.