Diarrea

A diarrea, tamén coñecida como cagarrela, cagarría ou furriqueira, é a evacuación frecuente de feces acuosas, o cal leva implícito unha baixa absorción de líquidos e nutrientes, podendo estar acompañada de dor, febre, náuseas, vómito, debilidade ou perda do apetito. De acordo coas cifras da Organización Mundial da Saúde, a diarrea é unha das principais causas de morte nos países do Terceiro Mundo.

A definición médica da diarrea é o aumento da cantidade de feces a máis de 200 g / 24 h. O paciente percíbeo como unha diminución na consistencia das feces que causa urxencia e molestia abdominal.

Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Antibiótico

Un antibiótico (do grego αντί - anti, "en contra" + - biotikos, "dado á vida") é un composto químico producida por un ser vivo ou derivado sintético, que mata ou impide o crecemento de certas clases de microorganismos sensibles, xeralmente bacterias, pero non exclusivamente. Os que só actúan contra bacterias chámanse antibacterianos. Os antibióticos utilízanse en medicina humana, veterinaria e horticultura para tratar infeccións provocadas por xermes. Normalmente os antibióticos presentan toxicidade selectiva, que é moi superior para os organismos invasores que para os animais ou os seres humanos que os hospedan, aínda que ocasionalmente pode producirse unha reacción adversa, como afectar á flora bacteriana normal do organismo ou outros efectos secundarios. Os antibióticos xeralmente axudan ás defensas dun individuo ata que as respostas locais sexan dabondo para controlar a infección. Un antibiótico é bacteriostático se impide o crecemento dos xermes, e bactericida se os destrúe, pero pode xerar tamén ambos os efectos, segundo os casos.En termos estritos ou históricos, un antibiótico é unha substancia segregada por un microorganismo, que ten a capacidade de afectar a outros microorganismos. O termo antibiótico foi utilizado por primeira vez por Selman Waksman en 1942 para describir certas «influencias antibióticas», é dicir, aquelas formulacións antagonistas ao crecemento de microorganismos e que derivan doutros organismos vivos. Esa definición exclúe a aquelas substancias naturais, como o zume gástrico ou o peróxido de hidróxeno, que poden matar a un microorganismo paro que non son producidas por outros microorganismos. Na actualidade a definición de antibiótico está sendo usada para incluír aos antimicrobianos sintéticos ou quimioterapéuticos antimicrobianos como as quinolonas, sulfamidas e outros axentes antimicrobianos derivados de produtos naturais e aqueles con propiedades antibióticas descubertas empiricamente.Moitos antibióticos son compostos de masa molecular relativamente pequena de menos de 2000 Da. Cos avances na química farmacéutica a maioría dos antibióticos actuais son quimicamente modificacións semisintéticas de diversos compostos naturais. Estes inclúen, por exemplo, os beta-lactámicos, como as penicilinas (producidas por fungos e despois modificadas no laboratorio), as cefalosporinas, e os carbapenems. Compostos que aínda se obteñen illándoos de organismos vivos son os aminoglicósidos. Outros son resultado exclusivamente de síntese química no laboratorio, como as sulfonamidas, as quinolonas, e as oxazolidinonas. Por tanto, estes produtos poden clasificarse de acordo coa súa orixe química en naturais, semisintéticos, e sintéticos.

O obxectivo do tratamento con antibióticos é a erradicación do microorganismo patóxeno. Para isto cómpre seguir unha posoloxía (doses) que consiga que no foco da infección se acade unha concentración do medicamento superior á mínima concentración capaz de inhibir ao microorganismo durante o tempo suficiente. A automedicación con antibióticos supón un serio problema de saúde pública, porque a elección inadecuada do antibiótico e, especialmente, unha incorrecta posoloxía, pode xerar poboacións de bacterias resistentes a dito antibiótico. Por outro lado, os antibióticos e antimicrobianos son totalmente ineficaces nas enfermidades virais, polo que o seu uso debe evitarse neses casos.

Apéndice vermiforme

O apéndice vermiforme (ou apéndice cecal) é unha estrutura con forma de tubo pechado no extremo conectado ao intestino groso na zona do cego, a partir do cal se desenvolve embrioloxicamente. O apéndice está localizado preto da unión entre o intestino delgado e o groso.

O termo "vermiforme" significa "con forma de verme".

O apéndice é unha estrutura presente nos animais do grupo dos Euarchontoglires e evolucionou independentemente nos marsupiais diprotodontos e é moi variado en tamaño e forma.

Auga

A auga é unha substancia cuxas moléculas están formadas por dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno, xa que logo a súa fórmula é H2O. É abundante no Universo, inclusive na Terra, onde cobre gran parte da súa superficie e é o maior constituínte dos fluídos dos seres vivos. As temperaturas do planeta permiten a ocorrencia da auga nos seus tres estados físicos principais, pasando dun estado a outro nun ciclo continuo. A auga líquida, que en pequenas cantidades é incolora, mais en grandes volumes manifesta unha coloración azulada, pode atoparse como auga doce (en ríos, lagos, e montañas), ou como auga salgada nos mares e océanos que cobren case tres cuartos da superfície do planeta. No estado sólido, as masas de xeo concéntranse principalmente nas rexións polares e, no estado gasoso, o vapor de auga forma parte da atmosfera terrestre. A 0 °C (273 aproximadamente na escala Kelvin) atópase en estado sólido como xeo, e ferve a aproximadamente a 100 °C. O punto de xeación espontánea atópase preto dos 233 K.

A auga posúe unha serie de características peculiares, coma a dilatación anómala, a alta calor específica e a capacidade de disolver un gran número de substancias. De feito estas peculiaridades favoreceron o xurdimento nos océanos primitivos da vida e a súa evolución. Tódolos seres vivos existentes precisan dela para a súa supervivencia, constituíndo a base de todo organismo pluricelular. A maior parte dos animais e vexetais conteñen unha alta porcentaxe de auga, e son poucas as especies que poden sobrevivir nos lugares onde esta é escasa (desertos e outras zonas áridas).

Na natureza nunca se atopa en estado puro, senón mesturada con minerais e outras moitas substancias. Aínda que os océanos cobren a maior parte da superfície terrestre, a súa auga é inadecuada para o consumo humano por culpa da súa salinidade. Só unha pequena fracción dispoñíbel sobre a superfície dos continentes que contén poucos sales disolvidos, a auga doce, é apta para o consumo directo. Con todo, a súa distribución non é uniforme, o que fai que diversas rexións sufran de escaseza hídrica. As actividades humanas, principalmente a agricultura, necesitan grandes cantidades de auga que, ao seren retiradas do seu leito natural superficial ou dos acuíferos subterráneos, ten afectado negativamente na súa distribución sobre os continentes.

A polución hídrica prexudica a calidade da auga e, xa que logo, a biodiversidade, o abastecemento de auga e a produción de alimentos. Ademais, unha parte considerábel da poboación mundial aínda non ten acceso á auga potábel, o que trae diversos problemas de saúde. A auga é indispensábel no modo de vida da humanidade, de forma que está fortemente ligada á cultura de tódolos pobos da Terra. Diante dos problemas derivados do mal uso dos recursos hídricos, xorde unha nova consciencia de que é necesario utilizar a auga racionalmente.

A auga ten un importante papel en múltiples ámbitos: en bioloxía debido á xa mencionada importancia para a vida, en química pola súa composición e por ser unha molécula bipolar e de pH neutro, en xeoloxía polo seu importante papel na erosión das rochas etc.

Colite ulcerosa

A colite ulcerosa é unha condición doenza crónica provocada pola inflamación con úlceras do colon e o recto. Os principais síntomas da doenza activa son a dor abdominal e diarrea mesturada con sangue. A perda de peso, a febre e a anemia tamén son frecuentes. A miúdo, os síntomas prodúcense lentamente e poden varias de leve a severo. Os síntomas adoitan ocorrer de forma intermitente con períodos sen síntomas entre crises. As complicacións poden incluír megacolon, inflamación do recto, das articulacións e do fígado, e cancro colorrectal.

Cryptosporidium

Cryptosporidium é un xénero de protozoos apicomplexos que pode causar unha enfermidade gastrointestinal con diarrea en humanos chamada criptosporidiose.

Cryptosporidium é o organismo que se illa xeralmente nos pacientes humanos co virus VIH que padecen diarrea. Cryptosporidium forma ooquistes de 4-6 µm de diámetro que presentan unha tinguidura ácido-rápida parcial, polo que hai que diferencialos doutros organismos tamén parcialmente ácido-rápidos como Cyclospora cayetanensis.

Cólera

O cólera é unha enfermidade infecciosa intestinal aguda, que a miúdo se presenta como unha epidemia, causada pola inxestión de alimentos ou auga contaminados polos serotipos O1 e O139 da bacteria Vibrio cholerae, ten un período de incubación curto, entre menos dun día e cinco días, e a bacteria produce unha enterotoxina que causa unha diarrea copiosa, indolora e acuosa que pode conducir con rapidez a unha grave deshidratación e á morte se non se trata con rapidez. A maior parte dos pacientes tamén sofren vómitos.

A enfermidade, orixinaria de Asia, concretamente do delta do río Ganxes, estendeuse dende finais do século XIX por todo o mundo para, posteriormente, retroceder e volver a concentrarse no sur de Asia. Os portos marítimos foron a vía de entrada habitual da enfermidade. Rexistráronse seis pandemias que mataron millóns de persoas en toda Europa, África e as Américas. A sétima pandemia, que aínda está en curso, comezou en 1961 no sur de Asia, chegou a África en 1971 e a América en 1991. A enfermidade considérase endémica en moitos países e o axente patóxeno que causa o cólera hoxe en día non pode ser eliminado do medio ambiente.

O cólera produciu varias epidemias, algunhas delas de alcance practicamente mundial, como a que, partindo da India (zona de Bengala), chegou a Europa e América a principios do século XIX. En xaneiro de 1991 xurdiu unha epidemia de cólera en varios países do norte de América do Sur que se difundiu rapidamente. O brote máis recente de cólera está rexistrado en Haití, por mor dos estragos do terremoto producido en xaneiro de 2010.

O cólera foi pouco frecuente nos países industrializados durante os últimos 100 anos; no entanto, esta enfermidade aínda é común noutras partes do mundo, incluíndo o subcontinente Indio, Sueste asiático, Latinoamérica e a África subsahariana.

Robert Koch identificou a bacteria Vibrio cholerae como causa do cólera no ano 1883. Trátase dunha proteobacteria en forma de coma. Hai formas clínicas distintas, algunhas de alta mortalidade e outras máis benignas.

Disentería

Disentería (anteriormente coñecido como fluxo ou fluxo de sangue) é un trastorno inflamatorio do intestino, especialmente do colon, que produce diarrea grave que contén moco e/ou sangue nas feces. Se non se trata, a disentería pode ser fatal.

A disentería é causada xeralmente por unha infección bacteriana ou de protozoos ou a infestación de parasitos, pero tamén pode ser causada por un irritante químico ou unha infección viral. As dúas causas máis frecuentes son a infección cun bacilo do grupo Shigella, e a infestación dunha ameba histolítica, Entamoeba. Cando é causada por un bacilo chámase disentería bacilar, e cando é causada por unha ameba chámase disentería amebiana.

Ademais disto, a disentería por Shigella ou disentería bacilar pode dar signos menínxeos que son confundidos cunha meningoencefalite: esta era a causante de epidemias nos barcos na antigüidade; así mesmo nas grandes guerras, en ocasións era a causante de máis mortes que as que causaba a propia guerra.

Febre tifoide

Non confundir co tifo producido por Rickettsia.A febre tifoide ou febre entérica é unha doenza infecciosa producida por bacterias do xénero Salmonella do serovar Salmonella enterica subsp. enterica serovar Typhi (antes Salmonella typhi ou bacilo de Eberth). Moi similar á febre tifoide é a febre paratifoide (ambas poden denominarse febre entérica) causada por Salmonella enterica subsp. enterica serovar Paratyphi A, B ou C (antes Salmonella paratyphi). O reservorio da febre tifoide é o ser humano, e o mecanismo de contaxio é a vía fecal-oral, a través da inxestión de auga e alimentos contaminados con dexeccións. Non se debe confundir co tifo producido por bacterias Rickettsia e transmitido por piollos e outros artrópodos.

A bacteria entra no corpo por vía dixestiva e chega ao intestino, pasando finalmente ao sangue, causando unha fase de bacteremia cara á primeira semana da doenza; posteriormente localízase en diversos órganos e produce fenómenos inflamatorios e necróticos, debidos á liberación de endotoxinas. Finalmente, as salmonelas expúlsanse ao exterior polas feces. A bacteria causante pode espallarse en condicións de malos hábitros hixiénicos e malas medidas de salubridade públicas, e ás veces a través de insectos, como as moscas, que se alimentan de feces.

No período de incubación, que dura de 10 a 15 días, aprécianse trastornos do estado xeral, unha fase de bacteremia con febre que aumenta progresivamente ata chegar a 39-40 °C e mantense así, cefalea, estupor, roséola no ventre, tumefacción da mucosa nasal, lingua torrada, úlceras no padal e, ás veces, hepatoesplenomegalia e diarrea.

A doenza pode evolucionar ata a súa curación en dúas semanas ou prolongarse con localizacións focais a partir da quinta semana. Se non se somete a un tratamento axeitado poden presentarse complicacións graves, como hemorraxias e perforación intestinal, e choque séptico. Prodúcese un certo grao de inmunidade que, aínda que non protexe fronte ás reinfeccións, cando estas se producen son máis benignas. O estado de portador pode ser transitorio ou crónico.

A aparición desta doenza diminuíu abruptamente no mundo desenvolvido coa xeneralización das medidas de limpeza, potabilización e salubridade públicas e o uso de antibióticos.

Gastroenterite

A gastroenterite é unha enfermidade caracterizada pola inflamación (-itis) do tracto gastrointestinal que está composto polo estómago (gastro-) e o intestino delgado (entero-). Os síntomas principais son diarrea, vómito, cólico abdominal e cambras. Aínda que non ten relación coa gripe, é tamén designada incorrectamente por gripe intestinal ou gripe gástrica.

A nivel mundial, a maioría dos casos de gastroenterite en nenos débese ao rotavirus. Nos adultos, as causas máis comúns son o norovirus e a Campylobacter. Hai causas menos comúns, como outros tipos de bacterias (ou as súas toxinas) e parasitos. A súa transmisión pode ocorrer mediante o consumo de alimentos preparados inadecuadamente, de auga contaminada ou a través do contacto físico con persoas infectadas.

O tratamento ten como base unha hidratación axeitada. Para os casos menos graves, isto normalmente faise con sales de rehidratación oral. Nos casos máis graves pode ser necesaria a administración de soro por vía intravenosa. A gastroenterite afecta sobre todo os nenos e nas rexións en vías de desenvolvemento.

Lactosa

A lactosa é un disacárido formado pola unión dunha molécula de glicosa e outra de galactosa. Tamén recibe a denominación de lactina, lactobiosa, 4-Beta-D-piranosil-D-glicosa ou azucre do leite posto que se atopa presente nel. Realmente na súa formación interveñen dous monosacáridos: a Beta-galactopiranosa e unha Beta-glicopiranosa, unidas polo Carbono 1-4 (desta reacción obtense unha molécula de auga).

Manitol

O manitol (E 421) é un azucre-alcohol, polialcohol, ou poliol de tipo monosacárido hidroxenado. É un edulcorante obtido da hidroxenación do azucre manosa.

O manitol pode ter varias utilizacións:

En alimentos dietéticos.

Simplemente, como adozante (edulcorante) común.

En goma de mascar.

Para fabricar resinas.

Para substituír a glicosa en especialidades farmacéuticas para que estas poidan ser receitadas para os diabéticos.

Como substituto do plasma sanguíneo en casos de hemorraxia. Nestes casos úsase como solución ó 20%, a súa duración no torrente sanguíneo é maior que as solucións cristaloides a base de electrólitos (soros).Máis de 20 gramos de manitol ó día poden ocasionar diarrea.

O manitol ó 20% tamén se usa como diurético osmótico en situacións agudas, como o síndrome nefrótico, ou para aliviar a hipertensión intracranial. Facilita tamén a manipulación cirúrxica cranial. Está contraindicado na insuficiencia cardíaca polo posible edema agudo de pulmón que pode producirse polo exceso de volume. Dependendo da dose pode producir hiponatremia, ou deshidratación e hipernatremia e acidose.

O seu emprego máis de 2 ou 3 días é de dubidosa utilidade e de alto risco. Pode producir efecto rebote e producir edema cerebral .

Membrana nictitante

A membrana nictitante ou terceira pálpebra, é unha estrutura propia de certos animais.

Trátase dunha fina lámina, unha dobra da conxuntiva, que se encontra en moitos animais e que actúa como unha pálpebra accesoria que ten por obxecto protexer e limpar o globo ocular por debaixo das pálpebras principais.

Localízase por regra xeral nunha posición medio-ventral. É retráctil e pódese estender no sentido horizontal e cubrir a córnea, non bloqueando enteiramente a visión, xa nque é translúcida nalgúns animais.

Nas aves, a membrana nictitante pecha por un só lado, e é case transparente. As pálpebras propiamente ditas non se pechan durante o pestanexo, pero o fan para durmir.

Normalmente non é visíbel nun animal san, pero pode cubrir medio ollo se o animal está enfermo (virus, diarrea, febre, vermes).

Ademais das aves, tamén posúen membranas nictitantes os réptiles, os anfibios e certos peixes, especialmente os tiburóns).Nos mamíferos ten unha forma en T. No ser humano materialízase na prega semilunar da conxuntiva, unha protuberancia de cor rosa no canto interno medial dos ollos.

Mortalidade infantil

A mortalidade infantil é o indicador demográfico que sinala o número de defuncións de nenos nunha poboación de cada mil nacementos vivos rexistrados, durante o primeiro ano da súa vida.As principais causas de mortalidade infantil son asfixia no nacemento, pneumonía, complicacións no parto, infección neonatal, diarrea, malaria e malnutrición. Moitos factores inflúen na mortalidade infantil, como o nivel educativo da nai, as condicións sociais e a infrestrutura política e médica. A mellora da sanidade, o acceso a auga potable, a inmunización contra enfermidades infecciosas e outras medidas de saúde pública poden axudar a reducir a mortalidade infantil.

A mortalidade infantil foi un indicador empregado para monitorizar o progreso nos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio das Nacións Unidas para o ano 2015. É un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel.

Plesiomonas shigelloides

Plesiomonas shigelloides é unha especie de bacterias que antes estaba clasificada na familia Vibrionaceae, pero que agora a maioría dos microbiólogos están de acordo en clasificala na familia Enterobacteriaceae. É a especie tipo e única especie do xénero Plesiomonas que figura na LPSN. É un bacilo gramnegativo, que foi illado da auga doce, de peixes de auga doce, e de moluscos e de moitos tipos de animais como pumas, vacas, cabras, porcos, gatos, cans, monos, voitres, cobras e sapos, e tamén de humanos.

P. shigelloides foi illada dunha gran variedade de mostras clínicas humanas, tanto intestinais coma extraintestinais. Foi illado das feces humanas, tanto con diarrea coma sen ela, e de vómitos (gastroenterite). Moitos artigos científicos afirman ou deixan implícito que P. shigelloides pode causar diarrea/gastroenterite en humanos. Porén, o illamento deste organismo nas feces nun caso de diarea non debería levar a unha precipitada conclusión de que a cepa de P. shigelloides é a causante real da diarrea nese caso; é dicir, a asociación non proba a causa.

P. shigelloides foi illada de moitas mostras extraintestinais humanas, a miúdo en persoas con inmunodeficiencia.

Algunhas cepas de Plesiomonas teñen antíxenos iguais aos de Shigella sonnei, e poden ocorrer reaccións cruzadas con antisoro para Shigella. Plesiomonas pode distinguirse de Shigella en deposicións diarreicas por medio da proba da oxidase, xa que Plesiomonas é oxidase positiva e Shigella é oxidase negativa. Plesiomonas é negativa para a DNAse, e esta e outras probas bioquímicas serven para distinguila de Aeromonas sp.

República Democrática do Congo

A República Democrática do Congo (République Démocratique du Congo en francés, Repubilika ya Kongo Demokratika en congo, Jamhuri ya Kidemokrasia ya Kongo en kiswahili, Republiki ya Kɔ́ngɔ Demokratiki en lingala e Ditunga día Kongu wa Mungalaata en tshiluba), tamén coñecida baixo os nomes de Congo Kinshasa e Congo, é un país de África central, coñecido de 1971 a 1997 baixo o nome de Zaire. Foi unha antiga colonia belga: o Congo Belga. A capital é Kinshasa. Está situado na zona dos grandes lagos de África e é o terceiro país máis grande do continente. Limita coa República Centroafricana e Sudán polo norte, Uganda, Ruanda, Burundi e Tanzania polo este, Zambia e Angola polo sur, e a República do Congo polo oeste. Ten acceso ao mar a través dunha estreita franxa de 40 km de costa, seguindo o río Congo até o golfo da Guinea. O nome “Congo” ten a súa orixe nos nativos congo, asentados nas ribeiras do río Nzadi ou Zaire, rebautizado en portugués como río Congo.

A RDC é dona dunha densa e variada historia que se inicia cos primeiros inmigrantes bantús que chegaron á zona, co que se convertería no epicentro do gran Reino do Congo a mediados do século XV. Despois de ser reclamado o territorio pola Asociación Internacional Africana (propiedade do rei Leopoldo II de Bélxica) como Estado Libre, e logo dunha colonización particularmente brutal por parte de Bélxica, a colonia do Congo Belga alcanzaría a independencia en 1960, para transformarse en Zaire baixo a éxida do ditador Mobutu Sese Seko. Durante o goberno de Sese Seko o país viuse sometido a un goberno autoritario, violento e cleptócrata, que arruinou a economía do Congo. A caída deste último provocou o inicio dunha grave guerra civil que dexeneraría nunha conflagración continental, na cal interviñeron forzas armadas de máis de sete países, deixando como tráxico saldo máis de 5,4 millóns de mortos dende 1998. Máis do 90% desas mortes foron o resultado da malaria, da diarrea, da pneumonía e da desnutrición, agravadas todas elas polas duras condicións de vida provocadas pola guerra. O resultado foi a intervención da ONU coas forzas de paz organizadas na MONUC. Entre 2003 e 2007 o país viviu unha tensa calma, baixo a dirección dun goberno de transición. A finais de 2006 houbo uns comicios nos que resultou electo para presidente Joseph Kabila, quen até entón exercía as funcións interinamente.

A República Democrática do Congo é moi rica en recursos naturais, mais a inestabilidade política, a falta de infraestruturas e a cultura da corrupción, limitaron historicamente o seu desenvolvemento. Alén da capital, Kinshasa, as outras cidades importantes do país son Lubumbashi e Mbuji-Mayi, e as exportación máis relevantes son as de minerais cara a China, que acolle o 50% das exportacións do país.

Salmonela

Salmonella é un xénero bacteriano formado por bacilos gramnegativos, anaerobios facultativos, con flaxelos perítricos que rodean ó microorganismo e non desenvolve esporas. Son bacterias móbiles que producen sulfuro de hidróxeno. Non fermentan glicosa nin lactosa.

É un axente zoonótico de distribución universal. Transmítese por contacto directo ou contaminación cruzada durante a manipulación, no procesado de alimentos ou no fogar, tamén por vía sexual.

Salmonelose

A Salmonelose é unha intoxicación alimentaria causada pola bacteria Salmonella enterica. Causa diarrea intensa e outros síntomas abdominais. A febre tifoide é unha enfermidade relacionada, mais causada por subespecies diferentes.

Serotonina

A serotonina ou 5-hidroxitriptamina (5-HT) é un neurotransmisor monoamina derivado bioquimicamente do aminoácido triptófano, que se encontra principalmente no tracto gastrointestinal, plaquetas, e no sistema nervioso central dos animais, humanos incluídos, pero tamén noutros seres vivos (insectos, fungos, plantas, amebas). É coñecido popularmente que contribúe a producir sensacións de benestar e felicidade, pero ten múltiples funcións.Aproximadamente o 90% da serotonina total do corpo humano está localizada nas células enterocromafíns do intestino, onde se utiliza para regular os movementos intestinais. O resto da serotonina sintetízana as neuronas serotoninérxicas do sistema nervioso central, onde exerce varias funcións, entre as que están: regulación do estado de ánimo, apetito, e sono. A serotonina tamén ten algunhas funcións cognitivas, como intervir nos procesos da memoria e a aprendizaxe. A modulación da serotonina nas sinapses pénsase que é o principal efecto exercido por varias clases de fármacos antidepresivos.

A serotonina segregada polas células enterocromafíns finalmente fíltrase entre os tecidos e chega ao sangue. Alí, é captada activamente polas plaquetas, que a almacenan. Cando as plaquetas se unen a un coágulo, liberan a serotonina, que serve como vasoconstritor e axuda a regular a hemostase e a coagulación sanguínea. A serotonina tamén é un factor de crecemento para algúns tipos de células, o cal lle dá un papel na curación de feridas.

A serotonina metabolízase principalmente orixinando 5-HIAA, fundamentalmente no fígado. O seu metabolismo implica primeiro a oxidación pola monoamino oxidase (MAO) ao seu correspondente aldehido, e despois a oxidación pola aldehido deshidroxenase a 5-HIAA, o

derivado indol acético. Este último é despois excretado polos riles. Un tipo de tumor chamado carcinoide, ás veces segrega grandes cantidades de serotonina ao sangue, o que causa varias formas de síndrome carcinoide con diarrea, e problemas cardíacos. Debido ao efecto promotor do crecemento da serotonina sobre os miocitos cardíacos, as persoas con carcinoide secretor de serotonina poden sufrir danos no funcionamento da válvula tricúspide do corazón, causados pola proliferación de miocitos na válvula.

Ademais de nos animais, a serotonina atópase nos fungos e plantas. A presenza da serotonina nos velenos de insectos e espiñas de plantas causa a dor que estes producen, que é un efecto secundario da inxección de serotonina. A serotonina producida polas amebas patóxenas, e os seus efectos sobre o intestino causa diarrea. A súa ampla presenza en moitas sementes e froitas pode servir para estimular o tracto dixestivo para expulsar as sementes.

Urina

Nos mamíferos, a urina ou ouriños é un fluído excretorio, resultante da filtración do sangue nos riles. Nas aves e nos réptiles é unha excreción sólida ou semi-sólida. Fórmase na filtración, a cal é feita nas nefronas. As nefronas conteñen un tubo, chamado túbulo, que está rodeado de vasos sanguíneos, que absorben os nutrientes que o organismo precisa, para despois ir para os uréteres e de aí para a vexiga onde é almacenado e pasado para a uretra para finalmente ser expelida.

A urina humana, así como a urina doutros animais, está composta principalmente de auga (96%, de media), mais contén tamén urea, ácido úrico, sal e outras substancias, sendo expelida durante o acto de urinar. O volume, a acidez e a concentración de sales na urina son regulados por hormonas, entre as cales figuran a hormona antidiurética e a aldosterona. Estas hormonas actúan nos riles para garantir que a auga, os sales e o equilibrio ácido-base (acidez ou alcalinidade do sangue e do fluído intersticial) do organismo se manteñan dentro de estreitos límites. A presenza na urina de azucre, albumina, pigmentos biliares ou cantidades anormais dalgunhas substancias, incluíndo as constituíntes habituais, é indicador de doenzas. A urina é normalmente estéril cando é expelida e ten só un vago cheiro. O cheiro desagradábel da urina deteriorada débese á acción de bacterias que provocan a liberación de amoníaco.

Un adulto saudábel de dieta común pode producir entre 1000 e 2000 ml de urina por día. O volume mínimo de urina necesario para retirar do organismo todos os produtos residuais é de cerca de 0,5 l nun home de 70 kg; todo o volume producido por riba deste consiste nun exceso de auga. Unha grande inxestión de líquidos aumenta a cantidade de urina producida; unha grande perda de líquido a través da transpiración, vómitos ou diarrea conduce á diminución de volume. O volume de urina eliminado durante o día é o dobre do producido pola noite, nos humanos saudábeis. En desordes patolóxicas esta constante pode ser alterada pasando o individuo a eliminar igual volume en dous períodos ou máis durante a noite (nicturia)

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.