Dialecto

Un dialecto é a modalidade que presenta unha lingua determinada nun territorio ou grupo social concreto.

Débese distinguir dialecto de sociolecto (o sociolecto é unha variante da lingua falada por un determinado estrato social), do de lingua padrón, da xiria ou xerga e do argot.

O dialecto de prestixio ou dialecto estándar é o que se emprega nas situacións formais, e polo tanto, úsase como idioma oficial e é o que se ensina en ámbitos educativos. Adoita basearse nun texto de prestixio aceptado por toda a comunidade, como é o caso da tradución da Biblia de Lutero para o alemán.

En contraposición a este podemos amentar o dialecto vernáculo. Segundo a pegada da vida pública na vida privada nunha sociedade este dialecto vernáculo será máis próximo ou afastado ao dialecto padrón. Nos países árabes, polo xeral, o dialecto padrón non é falado por case ninguén no ambiente doméstico, así a todo, en moitos países nórdicos, cunha cultura urbana importante, o vernáculo e o padrón son case idénticos.

Variantes como os idiolectos e sociolectos, poden distinguirse non só polo seu vocabulario, senón tamén por diferenzas gramaticais, fonolóxicas e prosódicas.

Non existen criterios universalmente aceptados para distinguir os idiomas dos dialectos, aínda que existen varios paradigmas que presentan en ocasións resultados contraditorios. A diferenza exacta é xa que logo subxectiva, dependendo do marco contextual do usuario.

As variedades da linguaxe son frecuentemente denominadas dialectos, en lugar de linguaxes

  • porque non son (ou porque non están recoñecidos como) linguaxes literarias.
  • porque os falantes non teñen un estado ou nación propios.
  • porque a súa linguaxe carece de prestixio ou recoñecemento.
  • porque non hai suficientes diferenzas gramaticais con respecto doutro idioma dominante.
  • porque as diferenzas son exclusivamente fonéticas ou de vocabulario.

Lingüistas antropolóxicos definen o dialecto como a forma específica dunha lingua usada por unha comunidade. Noutras palabras, a diferenza entre lingua e dialecto é a diferenza entre o abstracto ou xeral e o concreto ou particular. Dende esta perspectiva, ninguén fala unha "lingua", senón un dialecto da mesma. Quen identifica un dialecto en particular como a versión "padrón" ou "correcta" dunha lingua está, de feito, usando estes termos para expresar unha distinción social. A miúdo, a lingua padrón é máis próxima ao sociolecto das clases altas.

En grupos onde os estándares xogan papeis menos importantes, o "dialecto" pode ser referido simplemente a sutís variacións rexionais que son consideradas mutuamente intelixibles (dende as variantes de barrios ou distritos nunha cidade, a vilas, cidades ou provincias nun país).

A lingüística moderna considera que o estado da lingua non está soamente determinado por criterios lingüísticos, senón que tamén é o resultado dun desenvolvemento histórico e político. O romanche foi recoñecido como lingua ao desenvolver a súa propia escrita, malia ser moi próximo aos dialectos alpinos do lombardo. Un caso contrario é o do chinés, cuxas variantes son xeralmente consideradas dialectos e non linguaxes, malia que os falantes non poidan entenderse entre eles, porque comparten unha escrita común.

Controversia

Os termos "dialecto" e "idioma" poden evocar distintos significados segundo a persoa; mesmo entre os lingüistas non existe unha posición común. Aínda que ningún criterio para distinguilos está aceptado de forma universal, existen numerosos paradigmas que ás veces producen resultados polémicos e contraditorios.

Por veces, os criterios políticos que interfiren na lingua poden estar moi distantes dos criterios científicos. Hai países, nos que auténticas linguas son consideradas apenas dialectos. Non é preciso ir moi lonxe: en Francia, por exemplo, o éuscaro non goza de status de lingua senón de dialecto.

Factores políticos

Max Weinreich proporcionou esta definición: "Un idioma é un dialecto cun exército e unha armada". Así a todo, isto tamén leva a inconsistencias e controversias, dado que as fronteiras políticas non delimitan as liñas do uso da lingua nin da comprensibilidade. Dependendo das realidades e ideoloxías políticas, a clasificación das variedades da fala como dialectos ou idiomas e a súa relación con outras variedades da fala poden albergar controversias e os veredictos poden ser inconsistentes. O inglés e o serbocroata son un bo exemplo disto. Estes idiomas teñen dúas variedades principais: o inglés de Gran Bretaña e de Estados Unidos, por unha banda; e o serbio e o croata por outra, xunto con outras variedades non tan faladas. Por razóns políticas, analizar estas variedades como "linguaxes" ou "dialectos" produce resultados inconsistentes: o inglés británico e o inglés americano, falados por grandes aliados políticos e militares, son considerados case universalmente como dialectos do inglés. Así a todo, os idiomas padrón de Serbia e Croacia, cuxas diferenzas son comparables en número coas diferenzas entre o inglés británico e o inglés americano, son considerados por moitos lingüistas da rexión como idiomas diferenciados, en boa parte porque a relación entrambos países oscila da amizade á inimizade. (Para máis información sobre o serbocroata, consúltese aquí)

Abundan os exemplos paralelos a este. Os nacionalistas macedonios consideran que o macedonio é un idioma e non un dialecto, aínda que resulta mutuamente intelixible co búlgaro e a miúdo é considerado un dialecto do búlgaro. No Líbano, o partido político de dereitas e ultranacionalista Gardiáns dos Cedros, que se opón aos lazos que unen o país co mundo árabe, estase mobilizando para que o "libanés" sexa considerado como unha lingua distinta do árabe, e non un simple dialecto, e ata pretende substituír a escrita árabe por unha resurrección do antigo alfabeto fenicio.

Lingüística histórica

Moitos historiadores lingüísticos pensan que tódolos idiomas son dialectos de formas de comunicación anteriores das que se desenvolveron. Segundo este punto de vista, as linguas románicas modernos serían dialectos do latín, o grego moderno do grego antigo e o tok pisin do inglés. Este paradigma non está totalmente exento de problemas. As relacións xenéticas son o máis importante, e os "dialectos" dun "idioma" (que pode ser "dialecto" doutro idioma anterior) poden ser ou non mutuamente comprensibles. Ademais, unha lingua nai pode dar lugar a moitos "dialectos" que poden así mesmo subdividirse numerosas veces, e algunhas destas ramas poden cambiar máis rapidamente ca outras. Isto pode dar lugar a dous dialectos (definidos segundo este paradigma) cunha relación máis ou menos afastada, pero que son máis parecidos entre si que a outros dialectos máis próximos. Este patrón preséntase nas linguas romances modernas. O italiano e o galego teñen un alto grao de comprensión mutua, que ningún dos dous idiomas comparte co francés malia que ambos idiomas se atopan "xeneticamente" máis próximos ao francés do que entre eles, e é que o francés sufriu cambios máis rápidos có galego ou o italiano.

Véxase tamén

Outros artigos

Calabria

Calabria (en calabrés Calàbbria, en grecánico (o dialecto grego falado na Calabria) Calavrìa e en grego Καλαβρία) é unha rexión da Italia meridional de dous millóns de habitantes, con capital en Catanzaro. Limita ao norte coa Basilicata. É a rexión máis ao sur da península itálica, ao suroeste un brazo de mar sepáraa de Sicilia.

A rexión forma a punta da "bota" que forma a península. Está bañada ao oeste polo mar Tirreno, ao leste polo mar Xónico, ao nordeste polo golfo de Taranto e ao suroeste está separada de Sicilia polo estreito de Messina. A distancia entre o cabo Peloro en Sicilia e punta Pezzo en Calabria é só de 3,2 km.

Escania

Escania é unha provincia situada ó sur de Suecia, á cal pertence politicamente. Antigamente estivera baixo soberanía danesa. Formaba unha das provincias históricas de Suecia, fronteiriza coas de Halland, Småland e Blekinge. Actualmente forma parte do condado de Escania. A capital era Malmö. Pola súa riqueza na produción de cereais e a súa situación estratéxica á entrada do Mar Báltico foi tradicionalmente desexada polos suecos, pero non foi até o Tratado de Roskilde de 1658 que Suecia non acadou a súa adhesión, ratificada polos pactos de Copenhaguen (1660) e Lund (1679). A universidade de Lund, fundada en 1668, contribuíu a difundir a cultura sueca en Escania.

As principais cidades son Malmö, Helsingborg e Lund.

En Escania fálase o dialecto escanio do sueco. Este dialecto é considerado ocasionalmente como unha lingua propia (especialmente polos nacionalistas escanios), pero esta non é a opinión da maioría dos escanios. Este dialecto é basicamente unha variante do sueco con moitos trazos daneses.

A bandeira escania é unha mestura da bandeira sueca e a danesa. A bandeira adoita ser vista por Escania, pero non ten carácter oficial.

Gascón

O gascón é a variedade máis occidental da lingua occitana, abondo diferente do resto dos dialectos do occitano, non só debido a un substrato vasco, se non que existen diferenzas léxicas, morfolóxicas e sintácticas propias do gascón que non se dan nos outros dialectos. Por estas diferenciacións algúns lingüistas afirmaron e afirman que se trata dunha lingua diferente[Cómpre referencia].

O gascón divídese en varios subdialectos entre os cales domina por tradición secular a variedade bearnesa (que na parte pirenaica presenta unhas peculiaridades que o afastan do occitano). Estas variedades pirenaicas presentan tendencias peculiares como o artigo eth (feminino era), a conservación posible do son [-a] final átono polo grafema -a final e, máis localmente, uns plurais femininos en [es]. O aranés, un subdialecto do gascón na zona pirenaica, transcribe xeralmente esta particularidade coa grafía -es en lugar de -as). O bearnés, a demais das peculiaridades pirenaicas, presenta as mesmas variedades dialectais que o resto do gascón. A única discrepancia que existe hoxe en día é a maneira de escribir a lingua, habendo dúas formas distintas de grafías.

As principais variedades do gascón son:

Landés marítimo ou "fala negra" (Biarritz, Baiona e Landas costeiras).

Gascón central (Auch).

Bearnés (Pau).

Gascón oriental.

Aranés (Val de Arán) variante pirenaica do gascón que conta coa súa propia codificación, oficial no Val de Arán.

Bordalés (Bordeos, Medoc).

GeoNames

GeoNames é unha base de datos xeográfica libre e accesible a través de Internet baixo unha licenza Creative Commons Atribución 3.0.

Glasgow

Glasgow (pronunciado [ˈɡlɑːzɡoʊ] en inglés, en gaélico escocés Glaschu, pronunciado [ˈɡ̊ɫ̪as̪əxu], ou Glesca/Glesga en escocés) é unha cidade de Escocia. Os seus 688.420 habitantes convértena na primeira cidade escocesa e a terceira de Gran Bretaña. Está situada na beira do Río Clyde nos Lowlands Escoceses. A xente de Glasgow é coñecida como glaswegians. Glaswegian tamén é o nome do dialecto local do escocés.

Lingua alemá

O alemán (Deutsch, en alemán) é unha lingua indoeuropea pertencente ao grupo das linguas xermánicas occidentais. É tamén a lingua que máis falantes nativos ten na Unión Europea. É a lingua máis falada e a lingua (co-) oficial de Alemaña, Austria, Suíza, Tirol do Sur (Italia), a comunidade xermánica de Bélxica e Liechtenstein. É tamén unha das tres linguas oficiais de Luxemburgo. As linguas máis semellantes ó alemán son outros membros da póla de linguas xermánicas occidentais: o afrikaans, o neerlandés, o inglés, o frisón, o baixo alemán, o luxemburgués e o yiddish. O alemán é a segunda lingua xermánica máis falada, despois do inglés.

Unha das meirandes linguas do mundo, o alemán é a primeira lingua de arredor de 95 millóns de persoas en todo o mundo e a lingua nativa máis falada da Unión Europea. O alemán tamén é a cuarta lingua máis estendida (excluíndo o inglés) nos Estados Unidos de América (despois do castelán, o francés e a lingua de sinais americana) e a terceira da Unión Europea (despois do inglés e o francés; como segunda lingua), a segunda lingua máis común no eido científico así como a cuarta máis empregada nas páxinas web (despois do inglés, do ruso e do xaponés). Os países de fala alemá están clasificados no quinto posto en termos de publicacións anuais de libros, cunha décima parte de tódolos libros (incluíndo libros electrónicos) do mundo sendo publicados en lingua alemá.A maioría do vocabulario do alemán deriva da antiga póla xermánica da familia lingüística indoeuropea. Unha parte das palabras alemás derivan do latín e do grego, e só unhas poucas proveñen do francés e do inglés. Conta con diferentes variantes estandarizadas (de Alemaña, de Austria e Suíza), e é unha lingua pluricéntrica. Ó igual que o inglés, o alemán salienta polo seu amplo espectro dialectal, con moitas variantes existentes en Europa e tamén noutras partes do mundo. Por mor a limitada intelixibilidade entre certas variedades e o alemán estándar, así como pola falta dunha diferenza científica e sen disputa entre "dialecto" e "lingua", algunhas variedades ou grupos dialectais do alemán (véxase baixo alemán ou plautdietsch) son coñecidas alternativamente como "linguas" e "dialectos".

Lingua bretoa

O bretón (brezhoneg) é unha lingua celta insular de tipo britónico, estreitamente emparentada co córnico. Fálase sobre todo nos territorios occidentais da Bretaña, aínda que se está a recuperar noutras partes do territorio da rexión, mesmo naquelas zonas onde tradicionalmente non se falou ou non se ten falado dende hai varios séculos.

A lingua bretoa tamén tivo unha certa repercusión en Galicia, influíndo sobre a lingua galega e propiciando a aparición dun dialecto mindoniense nos seus asentamentos, que perduraron ata o século XV no norte da actual provincia de Lugo (na comarca de Mondoñedo) e mais nalgunhas outras zonas costeiras de Galicia. Estes asentamentos de colonias bretoas foron derivados da fuxida das Illas Británicas durante a invasión anglosaxoa[Cómpre referencia] cara a terras do noroeste ibérico. Así as cousas, non se conserva texto ningún redactado nunha posíbel ramificación galaica do bretón.

Lingua chinesa

O chinés (chinés simplificado: 汉语 / chinés tradicional: 漢語 / Pinyin: Hànyǔ; 华语/華語 / Huáyǔ; ou 中文 / Zhōngwén) é a lingua (ou familia de linguas) falada na China, pertencente ao grupo sino-tibetano. Aínda que se tende a considerar o chinés como unha única lingua, principalmente debido ao feito de que todos os seus falantes escriben igual (é dicir, que son mutuamente intelixibles a nivel escrito), o certo é que é un conxunto de linguas distintas, cuxos falantes non se entenden oralmente entre si. A principal e oficial na República da China é o mandarín estándar (Putonghua), baseado no dialecto de Pequín, aínda que a máis falada fóra da China é o cantonés (Yue).

Arredor dun quinto da poboación mundial, por riba de 1.000 millóns, falan algunha forma de chinés como lingua materna.

De acordo cos novos informes de marzo de 2007, un 86% da xente na República Popular da China fala unha variante do chinés. O mesmo informe indica que o 53%, 700 millóns, poden comunicarse eficazmente en mandarín estándar (normalmente chamado "mandarín"), superando a calquera outra lingua do mundo.

Trátase dunha lingua tonal, isto é, na que un mesmo conxunto de fonemas ten distinto significado en función do ton no que se emite. O chinés escríbese con caracteres que nalgún caso son ideogramas pero máis comunmente representan pronuncias e composicións. Unha persoa escolarizada coñece uns 1.000 caracteres e unha culta uns 5.000. A escritura chinesa é a base das escrituras tradicionais coreana e xaponesa. O xaponés actual utiliza uns 2.000 kanji, caracteres chineses co mesmo significado pero distinta pronuncia.

Lingua estremeña

O dialecto estremeño (estremeñu) é unha variante de transición entre o castelán eo asturleonés falada nalgunhas vilas e comarcas do noroeste de Estremadura e no sur de Salamanca, tamén denominada castúo[Cómpre referencia].

Algunhas fontes como o ethnologue clasifican ao estremeño como unha variante do castelán, sendo que o estremeño parece ter características de transición entre o castelán eo grupo asturleonés. A Estremadura occidental foi reconquistada polo Reino de León, sendo o asturleonés o dialecto histórico latino usado polos repoboadores, que comezaron coa repoboación da actual zona altoestremeña ao redor do século XII.

Lingua grega antiga

O grego antigo (ἡ Ἑλληνικὴ γλῶττα hē Hellēnikḕ glō̃tta) é unha das linguas indoeuropeas, chegada a Grecia entre os séculos XXV e XVII antes da nosa era. Posteriormente deu pé ao grego moderno.

Lingua irlandesa

O irlandés ou gaélico irlandés (Gaeilge) é unha lingua céltica da rama goidélica falada na illa de Irlanda. Segundo datos de 2016, na República de Irlanda había 73 803 persoas que falan o irlandés a diario fóra do sistema educativo, mentres que outras 1 761 420 declararan ser quen de falalo como segunda lingua. Tamén a fala un número indeterminado de inmigrantes noutros países (Reino Unido, Canadá, Estados Unidos e Australia). É lingua oficial da Unión Europea por selo da República de Irlanda.

Lingua italiana

O italiano ou lingua italiana é unha lingua pertencente ao grupo das linguas romances, da familia das linguas indoeuropeas. Existe un gran número de dialectos neorromances. O italiano é a lingua oficial de Italia, de San Marino, de Suíza e da Cidade do Vaticano. Tamén se fala a distintos niveis en Somalia, Libia, Mónaco, Malta, a illa de Córsega e Albania.

Lingua macedonia

Este artigo trata da lingua macedonia de orixe eslava; para a lingua macedonia falada no reino de Macedonia durante a Antigüidade véxase: lingua macedonia antiga.O macedonio (македонски јазик/makedonski jazik) é unha lingua da familia eslava, oficial en Macedonia do Norte, próxima á lingua búlgara.

Lingua nórdica antiga

Antigo nórdico ou noruegués antigo foi a lingua xermánica falada polos habitantes da Escandinavia e das súas colonias de ultramar dende os comezos da época viquinga ata o ano 1300 aproximadamente. O antigo nórdico xurdiu do protonórdico durante o século VIII e, ao evolucionar, acabou dando lugar a tódalas linguas escandinavas.

Debido a que a maioría dos textos que sobreviviron proveñen do islandés medieval, a variante estándar de facto desta lingua é o dialecto occidental, é dicir, o noruegués e o islandés antigos. Este feito fai que, as veces, en lugar de falar de antigo nórdico se fale do islandés antigo ou noruegués antigo.

Porén, tamén existía a variante oriental desa lingua, a cal se falaba nos asentamentos viquingos das actuais Suecia e Dinamarca. Non había unha separación xeográfica demasiado clara entre os dous dialectos. De feito, pódense atopar restos do antigo nórdico oriental ao leste de Noruega e trazas do antigo nórdico occidental ao oeste de Suecia. Ademais, tamén había un dialecto denominado gútnico antigo, incluído dentro do nórdico antigo oriental, xa que é o menos coñecido dos tres dialectos.

Os falantes destes tres dialectos consideraban que todos falaban unha mesma lingua, e denominárona dansk tunga (ANOr) ou dönsk tunga (ANOc) ata o século XIII.

O antigo nórdico era intelixible polos antigos falantes do inglés antigo, do antigo saxón e do baixo alemán, falado ao norte da actual Alemaña. Esta lingua foi evolucionando ata dividirse, dando lugar ao noruegués, islandés, sueco e dinamarqués actual.

O islandés moderno é a lingua que menos evolucionou a partir do antigo nórdico. O feroés tamén conserva moitas semellanzas, aínda que á influencia dinamarquesa fixo que xa non sexa tan conservador. A pesar disto, as outras linguas que evolucionaron máis, como son o sueco, o noruegués e o dinamarqués seguen a ser intelixibles entre si, grazas a herdanza deixada polo antigo nórdico.

Lingua rusa

O ruso (antigamente coñecido como gran ruso, para diferenciala do ucraíno ou "pequeno ruso") é a lingua eslava con máis falantes. Forma co ucraíno e o bielorruso o grupo das linguas eslavas do leste. A variedade do dialecto ruso medio falada na área de Moscova é a base da forma estándar da lingua. Hai minorías rusófonas significativas en tódolos estados que fixeron parte da antiga Unión Soviética e mantén aínda un certo status como lingua de cultura. O número total de falantes podería estar ó redor dos 300 millóns de persoas.

Lingua xaponesa

O xaponés é a lingua falada no Xapón e noutros lugares do mundo onde existen inmigrantes xaponeses e os seus descendentes, como por exemplo o Brasil. O nome xaponés para a lingua é Nihongo 日本語.

O xaponés ten tradicionalmente tres formas de escrita: hiragana, katakana, e kanji, e ademais actualmente utilizase o rōmaji. O rōmaji refírese ao uso do alfabeto latino (para transliteracións). Xa a escrita común xaponesa mestura os tres outros sistemas: o katakana e o hiragana son silabarios, e o kanji é unha adaptación dos logogramas da escrita chinesa.

É unha lingua aglutinante e caracterízase por un sistema complexo de construcións honoríficas, que reflicten a natureza xerárquica da sociedade xaponesa, con formas verbais e vocabularios particulares que varían de acordo co status relativo entre interlocutores. O repertorio de fonemas da lingua xaponesa é relativamente pequeno, e ten diferenciación léxica baseada nun sistema de entoación.

A lingua xaponesa sufriu influencia importante da lingua chinesa por un mínimo de 1.500 anos. Moito do vocabulario importouse da lingua chinesa ou foi creado baseándose en modelos chineses.

Lingua árabe

O árabe (العربية al-'arabiyyah, ou menos formalmente 'arabi), tamén chamado arábigo ou arábico, é a lingua máis falada dentro da rama semítica das linguas afroasiáticas, e está intimamente relacionada co hebreo e o arameo. Fálase ó longo do mundo árabe e é moi coñecida e estudada dentro do mundo islámico. O árabe leva sendo unha lingua literaria dende, polo menos, o sexto século, e é a lingua litúrxica do islam.

O termo "árabe" pode referirse tanto ó árabe literario, que non é falado como lingua materna por ningún árabe, como ó árabe moderno estándar, ou ás diferentes variedades do árabe, xeralmente chamadas "árabe coloquial". Os árabes consideran o árabe literario a lingua estándar, e adoitan ver o resto como simples dialectos.

O árabe literario refírese tanto á lingua utilizada polos medios de comunicación do Magreb e os do Oriente Medio, como á lingua, máis arcarca, do Corán. O árabe coloquial, pola súa banda, refírese ós diferentes dialectos falados polos habitantes das zonas arriba referidas de forma habitual. En moitas ocasións, son diferentes entre os distintos lugares de tal forma que o falante dun concreto dialecto do árabe pode non comprender outro dialecto. Xeralmente, estes dialectos non son linguas literarias, pero nalgúns hai algunhas pequenas mostras de literatura.

A situación sociolingüística actual do árabe é un claro exemplo de diglosia (o uso normal de dúas diferentes variedades da mesma lingua, dependendo da situación na que a persoa se atope). Todo árabe culto adoita falar tanto o seu dialecto local como o árabe estándar, que aprendeu na escola. Este último adoita ser utilizado en situacións de comunicación con falantes doutros dialectos arábigos (por exemplo, un marroquí a falar cun sirio).

Xa que o árabe escrito de hoxe en día é substancialmente diferente do árabe dos tempos do Corán, é normal (nos países occidentais) referirse a esta última coma árabe clásico e á lingua actual dos medios de comunicación como árabe moderno estándar. Os árabes, pola contra, utilizan o termo Fuṣḥa para referirse a ámbalas dúas, poñendo énfase no seu grande parecido.

Ás veces, é difícil traducir conceptos islámicos, e outros relacionados coa cultura árabe, sen utilizar a terminoloxía árabe. o Corán está expresado en árabe e, tradicionalmente, os musulmáns sosteñen que é imposible traducilo a ninguna lingua dunha forma que todo o seu significado se manteña. De feito, ata hai pouco tempo, moitas escolas de pensamento afirmaron que non se debería traducir de ningunha forma.

O galego posúe gran cantidade de palabras derivadas do árabe: azucre, laranxa, limón, álxebra, alcol, cénit etc.

Mantua

Mantua (Mantova en italiano, Mäntua no dialecto mantuano e Māntva no dialecto emiliano) é unha cidade italiana, capital da provincia homónima en Lombardía. Ten unha poboación 48.455 habitantes (2009), que se duplica contando os arredores, pasando dos 100.000 habitantes.

Limita cos concellos de Bagnolo San Vito, Curtatone, Porto Mantovano, Roncoferraro, San Giorgio di Mantova e Virgilio.

Foi incluída na lista do patrimonio mundial da Unesco no 2008, canda Sabbioneta, por representaren ambas aspectos do trazado urbanístico renacentista, cada unha ao seu xeito.

Suíza

Suíza (en alemán: Die Schweiz, en francés: Suisse, en italiano: Svizzera, en romanche: Svizra) é un estado federal da Europa central, sen saída cara ao mar, mais con conexións a través do río Rin. Ten fronteiras ao norte con Alemaña, ao leste con Austria e Liechtenstein, ao sur con Italia e ao oeste con Francia. É tamén coñecida como a Confederación Suíza ou de xeito oficial, aínda que menos usual, Confoederatio Helvetica (en latín para Confederación Helvética).

A nación ten unha forte tradición de neutralidade política e militar, razón pola cal é a sede de numerosas organizacións internacionais, incluíndo a Cruz Vermella, a Organización Mundial do Comercio ou unha das oficinas das Nacións Unidas. Non forma parte da Unión Europea, mais si forma parte do Acordo de Schengen.

É segundo as propias autoridades suízas unha nación multiétnica, multilingüística e multicultural, froito dunha vontade política, onde conviven catro linguas nacionais: o alemán, o francés, o italiano e o romanche. O estado réxese por unha estrutura confederal dende 1848, que consiste en vinte e seis estados chamados cantóns. A súa capital é Berna.

O seu nome deriva dun dos cantóns fundadores da federación, Schwyz (en alemán estándar: Schweiz, ao parecer variante da tribo dos suevos), en canto ao nome de Confederación Helvética deriva da antiga tribo celta dos helvecios que habitaron a metade oeste e parte do centro deste país durante a antigüidade. Suíza é, dende finais do século XIX, un dos estados máis ricos e desenvolvidos do mundo.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.