Deus

O concepto teolóxico, filosófico e antropolóxico de Deus (do latín: Deus) fai referencia a unha deidade suprema. Deus é o nome que se lle dá en galego a un ser supremo omnipotente, omnipresente, omnisciente e persoal en relixións teístas e deístas (e outros sistemas de crenzas) quen é: ou ben a única deidade, no monoteísmo, ou a deidade principal, nalgunhas formas de politeísmo, coma no henoteísmo.[1]

Deus tamén pode referirse a un ser supremo non persoal coma no panteísmo, e nalgunhas concepcións é unha mera idea ou razoamento sen ningunha realidade subsistente fóra da mente, coma nos sistemas materialistas.

A miúdo, Deus é concibido como o creador sobrenatural e supervisor do universo. Os teólogos adscribiron unha variedade de atributos ás numerosas concepcións diferentes de Deus. Entre estas, as máis comúns son omnisciencia, omnipotencia, omnipresencia, omnibenevolencia (perfecta bondade), simplicidade divina, e existencia eterna e necesaria. Deus tamén foi concibido como de natureza incorpórea, un ser persoal, a fonte de toda obrigación moral, e o «maior ser concibible con existencia».[1] Estes atributos foron descritos en diferentes graos polos primeiros filósofos-teólogos xudeus, cristiáns e musulmáns, incluídos Maimónides[2], Agostiño de Hipona[2] e Al-Ghazali[3], respectivamente. Moitos destacados filósofos medievais e filósofos modernos desenvolveron argumentos a prol da existencia de Deus[3]. De xeito análogo, numerosos filósofos e intelectuais de renome desenvolveron argumentos en contra.

Creation of the Sun and Moon face detail
Creación do Sol e da Terra de Miguel Anxo.
YHWH
Nome de Iavé en hebreo.

Deuses no politeísmo

Nas relixións politeístas é unha divindade de personificación masculina, superior aos homes, que se atribúe unha influencia especial, benéfica ou maléfica, nos destinos do Universo.

Deus no monoteísmo

Nun contexto monoteísta, a Deus atribúeselle a omnisciencia, a omnipotencia, a omnipresencia, a bondade perfecta, a divina simplicidade e a existencia necesaria e eterna. Concíbese ademais como acorpóreo, a fonte de toda obriga moral. Estes atributos dánse en diversos graos no Deus xudeu, no cristián e no musulmán.

Moitos filósofos medievais desenvolveron argumentos a prol da existencia de Deus, intentando explicar as contradicións que están implícitas ao se cumpriren todas os atributos listados anteriormente. Por exemplo, afírmase que se Deus é o creador omnipotente, omnisciente e o único xuíz, entón ao crear a humanidade, incluídos ateos e pagáns, sabe cal será o seu comportamento futuro e que terá que envialos ao inferno. Este Deus non pode, xa que logo, ser bo desde o punto de vista de todos os humanos, do mesmo xeito que algúns afirmarán que non todos os humanos son bos desde o punto de vista de Deus. Este, o problema da existencia do mal, é un dos obstáculos expostos polos escépticos para aceptaren ese concepto de Deus. Os crentes adoitan alegar o libre albedrío dos seres humanos para explicaren o mal no mundo, aínda que ese argumento non serve para explicaren o mal na Natureza; e por outra banda, os críticos non consideran compatibles a omnipotencia e a omnisciencia de Deus co libre albedrío, alegando que se Deus é todopoderoso, intervir implicaría obstaculizar a liberdade do ser humano; ou que ao sabelo todo implicaría tamén que non hai nada dentro da liberdade do ser humano que non estea previamente fixado e dito. Respecto diso da omnipotencia, contraponse a característica omnibenevolencia de Deus, que ao podelo todo non necesariamente o fai, senón que deixa ao ser humano actuar de acordo coa característica libre con que o creou nun comezo e non interfire, xa sexa por apatía ou pracer (o que de novo contradiría a benevolencia de Deus), ou por respecto, nado da súa benevolencia, á natureza con que foi creado o home.

Existencia de Deus

Europe belief in god
Porcentaxe de xente en Europa que no ano 2005 afirmaban crer en Deus.

Moitos filósofos e teólogos propuxeron e rexeitaron moitos argumentos a favor e en contra da existencia de Deus. Na terminoloxía filosófica, tales argumentos están asociados a escolas de pensamento sobre a epistemoloxía da ontoloxía de Deus.

Hai moitos temas filosóficos asociados coa existencia de Deus. Algunhas definicións de Deus son tan pouco específicas que é certo que "algo" existe que concorda con tal definición laxa. Outras definicións son aparentemente auto-contraditorias. Os argumentos en favor da súa existencia inclúen normalmente elementos metafísicos, empíricos, indutivos e subxectivos. Os argumentos en contra inclúen normalmente elementos empíricos, dedutivos e indutivos. As conclusións poden posicionarse de formas variadas:

  • "Deus existe e pode probarse" (teísmo).
  • "Deus existe pero non se pode demostrar nin a súa existencia nin o contrario" (teísmo).
  • "Deus non existe" (ateísmo puro).
  • "Moi seguramente Deus non existe" (ateísmo de facto).
  • "Ninguén sabe se Deus existe" (agnosticismo).

Existen numerosas variantes de tales posicións.

Agnosticismo

O agnosticismo (do grego a: 'non' e gnose: coñecemento) é unha postura relixiosa ou filosófica sobre a relixión consonte á cal a existencia ou non dun deus ou unha mitoloxía de deidades, é descoñecida. Nalgunhas versións (agnosticismo débil) esta falta de certeza ou coñecementos é unha postura persoal relacionada co escepticismo. Noutras versións (agnosticismo forte) afírmase que o coñecemento sobre a existencia ou non de seres superiores non só non é coñecida senón que non é cognoscible. Finalmente hai versións (apateísmo) nas cales se afirma que a existencia ou non de seres superiores non só non é coñecida senón que é irrelevante ou superflua.

En xeral os agnósticos consideran que as relixións, aínda que non son unha parte esencial da condición humana, si o son da cultura e da historia humana. As persoas que profesan agnosticismo non son necesariamente antirrelixiosas, sendo respectuosas con todas as crenzas que proceden dunha reflexión individual e honesta.

Deísmo

O deísmo é a postura que se basea na crenza filosófica nun deus, ser supremo, ou principio establecida pola razón e a evidencia, sen aceptar a información adicional supostamente revelada, tanto a contida en determinados libros, como a Biblia ou o Corán, como a recibida a través de determinadas persoas. O deísta adoita crer nun ser creador ou que estableceu o universo e os seus procesos, pero que non se comunica co ser humano e ao que non se poden elevar pregarias.

Ateísmo

O termo ateísmo pódese referir a dúas actitudes distintas: a indiferenza pola existencia das divindades ou os seus preceptos, e a non crenza na posibilidade ou na realidade da súa existencia.

O ateísmo non se usa para designar a quen non cre nun deus particular pero si nalgunha forza sobrenatural ou principio xerador.

O ateísmo escéptico (en contraposición ao ateísmo crente) é unha variedade de ateísmo na que se afirma que a existencia dun ou máis deuses é dubidosa, improbable ou insuficientemente demostrada. Esa vertente corresponde á ausencia de crenza na existencia de divindades e pode ser mellor comprendida cando se compara co ateísmo forte. Tamén se coñece como ateísmo débil (en contraposición ao forte) ou ateísmo negativo (en contraposición ao ateísmo positivo) ou ateísmo implícito (en contraposición ao explícito). Chámase ateísmo escéptico no sentido de que sen probas non se pode dar creto nin sequera ao ateísmo forte. Algúns sosteñen que o non crer nun Deus implica a aceptación deste, situando o ateísmo como unha postura de rexeitamento á crenza dun Deus máis que a unha convicción en si mesma.

Outras crenzas

Hai varios sistemas relixiosos nos cales non se menciona nin se estuda a existencia de Deus (budismo, Advaita, discordianismo).

O panteísmo sostén que o universo enteiro é Deus mesmo. Identificáronse elementos de panteísmo nalgúns cultos primitivos de adoración á natureza.

Notas

  1. 1,0 1,1 Swinburne, R. G.: «God», en Honderich, Ted (ed.): The Oxford Companion to Philosophy. Oxford (Reino Unido): Oxford University Press, 1995.
  2. 2,0 2,1 Edwards, Paul (1995): «God and the philosophers», en Honderich, Ted (ed.): The Oxford Companion to Philosophy. Oxford (Reino Unido): Oxford University Press, 1995.
  3. 3,0 3,1 Platinga, Alvin. "God, Arguments for the Existence of," Routledge Encyclopedia of Philosophy, Routledge, 2000.

Véxase tamén

Outros artigos

Ateísmo

O ateísmo é o rexeitamento á crenza na existencia dunha ou máis deidades. En sentido estrito, é a postura expresa na que non existe ningún deus. Nun sentido máis amplo, é a ausencia de crenza en que exista algunha deidade. Oponse o teísmo, que na súa forma máis xeral é a crenza na existencia de polo menos unha deidade.O termo ateo provén etimoloxicamente do latín athĕus e este de o grego ἄθεος, que significa 'sen deus(es)' e foi empregado de forma pexorativa para referirse a quen rexeitaba aos deuses adorados pola súa sociedade. Co xurdimento e a difusión do librepensamento, o escepticismo científico e o subsecuente incremento da crítica da relixión, diminuíu o alcance do termo. As primeiras persoas en identificarse a si mesmas coa palabra «ateo» viviron na Ilustración durante o século xviii. A revolución francesa, notable polo seu "ateísmo sen precedentes", presenciou o primeiro gran movemento político da historia en avogar pola supremacía da razón humana.Os argumentos a favor do ateísmo abarcan desde aspectos filosóficos a perspectivas sociais e históricas. As razóns para non crer en deidades inclúen argumentos de ausencia de evidencia empírica, o problema do mal, o argumento das revelacións inconsistentes, o rexeitamento a conceptos infalsables e o argumento da non crenza, entre outros. Aínda que algúns ateos adoptaron filosofías seculares (como o humanismo e o escepticismo), non existe unha ideoloxía ou conxunto de conduta único ao que todos os ateos se adhiran. Moitos deles sosteñen que o ateísmo é unha cosmovisión máis parsimoniosa que o teísmo e que por tanto a carga da proba non recae en quen non cre na existencia de deuses, senón que é o crente quen debe xustificar o seu teísmo.Dado que as nocións de ateísmo varían, as estimacións precisas de cantos ateos existen no globo son unha tarefa complexa. Segundo unha estimación feita en 2007, os ateos representaban o 2,3 % da poboación mundial, ademais dun 11,9 % de non relixiosos (ateos non incluídos). Nunha enquisa de WIN/GIA de 2012 preguntouse «Independentemente de se asiste a un lugar de culto ou non, diría vostede que é unha persoa relixiosa, non relixiosa ou un ateo convencido?». O 59 % da poboación mundial identificouse como relixiosa, un 23 % non relixiosa e un 13 % declarouse atea convencida. Os ateos están concentrados principalmente en Asia Oriental, especialmente China (47 %) e Xapón (31 %), e en Europa Occidental (en media 14 %), onde sobresae Francia (29 %). En comparación co mesmo estudo realizado en 2005, en sete anos a relixiosidade diminuíu nove puntos porcentuais mentres que os ateos aumentaron tres nos países en común.

Catolicismo

Catolicismo (do grego καθολικός, katholikós, 'universal, que comprende todo') é un termo que fai referencia á principal rama actual do cristianismo, xurdida tralo Cisma de Oriente. Os católicos son fieis á Igrexa católica, como así tamén á teoloxía, doutrina, liturxia, principios éticos e normas de comportamento derivadas, do mesmo xeito que ao conxunto dos seus seguidores como un todo, a quen se lles denomina «católicos». O vocábulo «catolicismo» úsase polo xeral para facer alusión á experiencia relixiosa compartida polas persoas que viven en comuñón coa Igrexa de Roma.O termo refírese aos cristiáns pertencentes á Igrexa católica, composta por 23 igrexas sui iuris que se atopan en completa comuñón co Papa e que en conxunto reúnen a máis de mil millóns de fieis (unha sexta parte da poboación mundial e máis da metade de todos os fieis cristiáns). A principal característica distintiva da Igrexa católica é o recoñecemento da autoridade e primacía do papa, bispo de Roma. Con todo hai varias igrexas que comparten tamén o adxectivo cualificativo de «católicas», como a Igrexa ortodoxa e as Antigas igrexas orientais, a Igrexa asiria do Oriente e as Igrexas que constitúen a Comuñón anglicana

Cristianismo

O cristianismo (da verba en grego antigo Χριστός, Khristós (Cristo)) é unha relixión monoteísta baseada na vida e ensinanzas de Xesús Cristo como aparecen nos evanxeos canónicos e noutros escritos do Novo Testamento. Actualmente é a relixión, se contamos tódalas súas ramas, que conta con maior número de practicantes, coñecidos como cristiáns.

Os cristiáns cren que Xesús é o Fillo de Deus, Deus feito home, e o salvador da humanidade. Por mor disto, refírense a Xesús como Cristo, o Mesías profetizado nos textos xudeus que compoñen o Antigo Testamento. A doutrina teolóxica básica aparece nos primeiros textos cristiáns, cuxo contido é aceptado pola maioría das confesións cristiás. Estas profesións de fe din que Xesús sufriu, morreu e resucitou de entre os mortos para garantir a vida eterna a aqueles que cren nel e que confían nel para o perdón dos seus pecados. A maioría sosteñen tamén que Xesús subiu ao Ceo e que alí goberna xunto con Deus Pai. Aínda que o cristianismo é unha relixión monoteísta a maioría dos cristiáns cren que Deus existe en tres persoas, Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo que constitúen unha mesma substancia de Deus, o que constitúe o misterio da Santa Trindade.

Especie

En bioloxía denomínase especie (do latín Species) a cada un dos grupos en que se dividen os xéneros.

Islam

O islam (en árabe: الإسلام, al-Islām ) ou islamismo é unha relixión monoteísta abrahámica cuxo dogma baséase no libro do Corán, o cal establece como premisa fundamental para os seus crentes que «Non hai máis deus que Alá e que Mahoma é o último mensaxeiro de Alá». A palabra árabe Allah, galeguizada como Alá, significa Deus e a súa etimoloxía é a mesma da palabra semítica El (אל), coa que se nomea a Deus na Biblia. Os eruditos islámicos definen ao islam como: «A submisión a Deus o Altísimo a través do monoteísmo, a obediencia e o abandono da idolatría». O libro sagrado do islam é o Corán, ditado por Alá a Mahoma a través de Yibril (o Arcanxo Gabriel). Os seguidores do islam denomínanse musulmáns (do árabe muslim مسلم, 'que se somete'). Testemuñan que Mahoma é o último dos profetas enviados por Deus e selo da Profecía.O islam, á semellanza do xudaísmo e do cristianismo, descende da tradición relixiosa do patriarca bíblico Abraham, e é clasificado como unha relixión abrahámica. O islam non nega o xudaísmo nin o cristianismo senón que considera esas relixións monoteístas como parte da súa herdanza e consideran que Adán foi o primeiro musulmán. Ademais do Corán, os musulmáns de tradición sunnita seguen así mesmo os hadices e a sunna do profeta Mahoma, que conforman o Rexistro histórico das accións e os ensinos do Profeta. Aceptan como libros sagrados a Torá (o Antigo Testamento dos cristiáns), os Libros de Salomón e os Evanxeos (o Novo Testamento). Teñen como profetas, entre outros, a Adán, Noé, Abraham, Moisés, Salomón e Xesús.

En 2010 calculábanse en case 1600 millóns de seguidores do Islam que son maioría en 49 países, arredor dun 87/90% dos musulmáns son sunnitas e o 10/13% xiítas. Segundo o Vaticano, o islam (conxuntamente con todas as súas ramificacións) é a relixión máis estendida do mundo, xa que recentemente superou o número de católicos, e a segunda relixión do mundo se se súmase o número de fieis das distintas confesións do cristianismo.

O islam xurdiu coa predicación de Mahoma no ano 622 na Meca (na actual Arabia Saudita). Baixo o liderado de Mahoma e os seus sucesores, o islam estendeuse rapidamente. Existe discrepancia entre os musulmáns e non musulmáns de se se estendeu por imposición relixiosa ou militar, ou por conversión dos pobos ao islam. As ensinanzas de Mahoma están contidos no Corán, ou Alcorán (Qur'an, "recitación" en árabe). Os musulmáns acreditan que Mahoma recibiu estas ensinanzas de Alá (a palabra árabe para Deus), por intermedio do anxo Xibreel (Arcanxo Gabriel) que Mahoma despois recitou para que outros pasasen a escrito, xa que era analfabeto segundo considera a tradición islámica, converténdose no mensaxeiro do islam. Alén do Corán, inclúense entre os conceptos e prácticas relixiosas os piares do islam, cinco para os sunnitas: profesión de fe (non hai máis deus que Alá e Mahoma é o seu profeta), orar cinco veces ao día, a esmola, o xaxún no Ramadán e a peregrinación á Meca que os xíis imamís inclúen entre as derivacións da fe xunto con outras prácticas; os ditos e accións de Mahoma tal como se recolle no corpus dos hadith, distintos segundo a tradición sunnita e a xiíta e que para os sunnitas conforman a sunna, que clarifican e explican as ensinanzas de Mahoma e que forman o Rexistro histórico das accións e as ensinanzas do Profeta.

Ao contrario do xudaísmo e do cristianismo, o islam non atravesou un período de gran reforma ou reformulación fundamental.

Para a maioría dos musulmáns o islam non é só unha relixión senón un xeito de vida, un sistema que dá instrucións que se relacionan con todos os aspectos da actividade humana, sexan políticos, sociais, financeiros, legais, militares ou interpersoais pero entre os crentes hai diversos graos de observancia, para uns é un asunto privado mentres para outros é a base de todo o seu sistema de relacións .

Lista de deuses celtas

Angus Og

Anu: Deusa Doncela da fertilidade.

Arianrhod

Badb: Deusa da guerra.

Balar: Avó de Lugh.

Bandua: Deus da guerra, protector da comunidade.

Belenus: Deus solar, asociado á luz.

Belisama: Deusa relacionada cos lagos, cos ríos, co lume, co traballo manual e a luz.

Bran

Brigit: Deusa do lume e a inspiración.

Caer

Cailleach Béirre: Deusa do inverno, protectora dos animais salvaxes.

Cerridwen: Deusa galesa que posuía o caldeiro da Inspiración e a Sabedoría.

Cernunnos

Dagda

Dana: Deusa da terra.

Endovelico: Deus da saúde.

Epona: Deusa dos Cabalos, a Curación e a Morte.

Grian: Deusa do sol e as fadas.

Gwydion

Home Verde

Lugh: Deus supremo da mitoloxía celta.

Lir: Deus do mar

Macha

Manannan mac Lir

Morrigan: Deusa celta da morte e a destrución.

Navia: Deusa das augas.

Nemain

Nuadha

Ogma

Rei do Carballo

Rei do Acivro

Reva: Deus da xustiza.

Rhiannon

Taranis, Taranu, Toran (irlandés), Taran (galés)

Martes

O martes, terza feira, ou terceira feira é o segundo día da semana. O termo "martes" vén do latín Martis (dies) ou día de Marte, deus romano da guerra, e os termos "terza feira" e "terceira feira" proceden do latín tertia feria (ou feria tertia).

Marzo

Marzo é o terceiro mes do ano no calendario gregoriano, con 31 días, inicialmente dedicado ao deus grego Marte.

O mes de marzo empeza no mesmo día da semana que febreiro, agás cando é ano bisesto. Tamén comeza no mesmo día da semana que novembro cada ano.

Musulmán

Musulmán é quen profesa o islam, unha relixión abrahámica monoteísta baseada no Corán, que os musulmáns consideran a palabra literal de Deus revelada ao profeta Mahoma, e, con menor autoridade que o Corán, os ensinos e prácticas atribuídas tradicionalmente a Mahoma. «Musulmán» (en árabe, مسلم) é unha palabra árabe que significa «o que se somete a Deus».

Os musulmáns cren que non hai máis ca un único e verdadeiro Deus que se coñece co nome de Alá. Deus é eterno, trascendente, absolutamente un (a doutrina do tawhid, ou o monoteísmo estrito ou simple), e incomparable, e é autosuficiente, que non procrea nin foi procreado. As crenzas musulmás respecto de Deus resúmense no capítulo 112 do Corán, coñecido como Al-Ikhlas ou «o capítulo da pureza». Os musulmáns tamén cren que o Islam é a versión completa e universal dunha fe primordial que se revelou en moitos momentos e lugares antes, incluíndo os profetas Abraham, Moisés e Xesús. Os musulmáns sosteñen que as mensaxes anteriores e as revelacións foron parcialmente modificados ou danados co tempo, pero consideran o Corán como inalterado e a revelación última de Deus.A maioría dos musulmáns aceptan como musulmán a quen pronuncie públicamente a xahada (profesión de fe) que di: "Non hai ningunha divindade excepto Deus e Muhammad é o profeta de Deus". Tamén creen que Mahoma é o "Selo dos Profetas» e o último profeta. As súas prácticas relixiosas básicas se enumeran nos cinco alicerces do Islam, que, ademais da xahada, consisten en oracións diarias (salat), a esmola (zakat), o xaxún durante o Ramadán (Sawm), e a peregrinación á Meca ( hajj) polo menos unha vez na vida.A maioría dos musulmáns son sunnitas, representando entre un 75 e 90% de todos os musulmáns. A segunda corrente máis grande, é o xiísmo, e representa entre un 10 e 20% dos musulmáns. O país con máis musulmáns é Indonesia, onde vive o 12,7% de musulmáns do mundo, seguido por Paquistán (11,0%), Bangladesh (9,2%) e Exipto (4,9%). Tamén se atopan minorías importantes na India, China, Rusia, Etiopía, América, Australia e partes de Europa. Con preto de 1,8 mil millóns de seguidores, o 26% da poboación mundial, o islam é a segunda relixión máis grande e unha das que crece máis rapidamente no mundo.

Mércores

O mércores, corta feira, ou cuarta feira é o terceiro día da semana. O termo "mércores" vén do latín Mercurii (dies) ou día de Mercurio, deus romano do comercio e mensaxeiro dos deuses, e os termos "corta feira" e "cuarta feira" proceden do latín quarta feria (ou feria quarta).

Relixión

A palabra relixión, ás veces empregada como sinónimo de fe ou sistema de crenzas, defínese comunmente como crenza concernente ao sobrenatural, sagrado, ou divino e aos códigos morais, prácticas, rituais, valores e institucións relacionadas coa devandita crenza. En ocasións, a palabra relixión úsase para designar o que debería ser chamado "relixión organizada" ou "organización relixiosa", é dicir, organizacións que soportan o exercicio de certas relixións, frecuentemente baixo a forma de entidades legais.

Roma antiga

Roma, en orixe unha cidade-estado, deu nome ao estado máis extenso da antigüidade europea.

Taranis (deus)

Taranis é un deus da mitoloxía celta, adorado sobre todo na Galia e na Bretaña romana.

Teoloxía

Teoloxía é literalmente estudo de Deus (do grego θεος, theos, «Deus»; + λογος, logos, «estudo»).

Este termo foi usado por primeira vez por Platón en «A República» para referirse á comprensión da natureza divina por medio da razón, en oposición á comprensión literaria propia dos seus poetas coetáneos. Máis tarde, Aristóteles empregou o termo en numerosas ocasións con dous significados:

Teoloxía como a rama fundamental da ciencia filosófica, tamén chamada filosofía primeira ou ciencia dos primeiros principios, máis tarde chamada Metafísica polos seus seguidores.

Teoloxía como denominación do pensamento mitolóxico inmediatamente previo á Filosofía, nun sentido pexorativo, e sobre todo usado para chamar teólogos aos pensadores antigos non-filósofos (como Hesíodo e Ferécides de Siros).O termo teoloxía, xa que logo, non é inicialmente de orixe cristiá . Só a través dun proceso progresivo imponse tanto en Oriente como en Occidente o uso cristián do termo “teoloxía”. Para Clemente de Alexandría, indica o “coñecemento das cousas divinas”. Para Oríxenes expresa a “verdadeira doutrina sobre Deus e sobre Xesucristo como Salvador”. Corresponde a Eusebio de Cesarea o privilexio de aplicar por primeira vez o atributo theologos a Xoán o Evanxelista, xa que no seu evanxeo escribiu unha “eminente doutrina sobre Deus”. A partir del, a teoloxía indicará a verdadeira doutrina, a cristiá, en oposición á falsa doutrina que ensinaban os pagáns e os herexes.

O termo teoloxía é unha palabra composta que, no seu significado literal, pode indicar un falar de Deus, ou ben un discurso sobre Deus. Se en termos xerais a teoloxía é unha reflexión sobre Deus (e neste sentido existe tamén unha teoloxía filosófica), no sentido máis corrente da Igrexa Católica é unha reflexión que intenta coñecer e comprender a fe a partir da razón. Así pois, a teoloxía presupón a fe como fundamento experiencial e intenta nela e a través dela o coñecemento e a comprensión da fe. Noutras palabras, é unha actividade intelectual, metódica e crítica que presupón a adhesión á fe católica. Para indicala sinteticamente, resúmese a miúdo á fórmula de Anselmo: “Fides quaerens intellectum”: (a teoloxía é a vontade da fe de comprender).

Santo Agostiño tomou o concepto teoloxía natural (theologia naturalis) da grande obra «Antiquitates rerum divinatum», de M. Terencio Varrón, como única teoloxía verdadeira de entre as tres presentadas por Varrón: a mítica, a política e a natural. Sobre esta, situou a teoloxía sobrenatural (theologia supernaturalis), baseada nos datos da revelación e xa que logo considerada superior. A teoloxía sobrenatural, situada fose do campo de acción da Filosofía, non estaba por baixo, senón por encima desta, e considerábaa a súa serva, que a axudaría na comprensión de Deus.

Teodicea é un termo empregado actualmente como sinónimo de teoloxía natural. Foi creado no s. XVIII por Leibniz como título dunha das súas obras: «Ensaio de Teodicea. Acerca da bondade de Deus, a liberdade do home e a orixe do mal», aínda que Leibniz referíase con teodicea a calquera investigación cuxo fin fose explicar a existencia do mal e xustificar a bondade de Deus.

Virxe María

A Virxe María, Santa María ou simplemente María (Mariam: grego: Μαριάμ; hebreo: מרים; árabe: مَريَمْ) foi unha muller xudía de Nazaret (Galilea), considerada segundo as tradicións cristiá e musulmá a nai de Xesús de Nazaret e, polo tanto, para a meirande parte dos cristiáns, a nai de Deus. Entre outros dos seus nomes e títulos están o de Benaventurada Virxe María e Nai de Deus nas igrexas occidentais, e o seu equivalente Theotokos no cristianismo oriental, e Maryam, nai de Isa (Xesús) no islam. Os cristiáns manteñen que o seu fillo Xesús é Cristo (é dicir, o mesías prometido ao pobo xudeu) e Deus Fillo encarnado, mentres que para os musulmáns é o mesías e un dos profetas más importantes enviados por Deus á humanidade.

Segundo os Evanxeos canónicos de Mateo e Lucas, María era unha virxe (en grego παρθένος, parthénos) que concibiu ó seu fillo Xesús sen intervención de ningún home (de aí o título de "Virxe"), por obra do Espírito Santo. Os musulmáns cren que concibiuno de xeito milagroso por intervención divina. Isto tivo lugar cando ela xa estaba prometida a San Xosé mais aínda non estaba casada. Casou con el e acompañouno a Belén, onde naceu Xesús.

O Novo Testamento comeza a súa crónica da vida de María coa Anunciación, cando o arcanxo Gabriel se lle apareceu e lle anunciou a súa escolla divina para ser nai de Xesús. A tradición da Igrexa e o Protoevanxeo de Santiago (apócrifo) falan dos seus pais como unha parella de avanzada idade, San Xoaquín e Santa Ana.

Os cristiáns da Igrexa católica, da Igrexa Ortodoxa, da ortodoxia oriental, da Comuñón Anglicana e das igrexas luteranas cren que María, como nai de Xesús, é Nai de Deus (Μήτηρ Θεοῦ) e a Theotokos, "portadora de Deus". María ten recibido veneración dende os comezos do cristianismo, a través de numerosas advocacións (Virxe de Fátima, de Lourdes etc.). Hai unha grande diversidade na marioloxía e prácticas devocionais das diferentes tradicións cristiás. A Igrexa católica ten unha serie de dogmas marianos, como a Inmaculada Concepción, a Virxindade perpetua de María e a súa Asunción ao Ceo.

Xaneiro

Xaneiro é o primeiro mes do ano no calendario gregoriano e ten 31 días.

A súa orixe está no nome latino para o undécimo mes do ano (primeiro a partir da reforma de Xulio César) Ianuarius, que viña sendo o mes dedicado ó deus Xano.

Xesús de Nazaret

Este artigo é sobre a figura histórica de Xesús e os seus aspectos biográficos. Para informacións acerca das múltiples versións de Cristo, vexa ese artigo.

Xesús de Nazaret, tamén coñecido como Xesús, Cristo, Xesucristo ou Xesús Cristo, é a figura central do cristianismo e unha das figuras máis influentes da cultura occidental. Para a maioría das denominacións cristiás, é o Fillo de Deus, a segunda Persoa da Santa Trindade, sendo ao mesmo tempo plenamente humano (Deus encarnado). A súa importancia estriba así mesmo na crenza de que -coa súa morte e posterior resurrección- redimiu o xénero humano. O xudaísmo nega a súa divindade, que é incompatible coa súa concepción de Deus. No islam, onde é coñecido como Isa, é considerado un dos profetas máis importantes.

Segundo a opinión maioritariamente aceptada en medios académicos, baseada nunha lectura crítica dos textos sobre a súa figura, Xesús de Nazaret foi un predicador xudeu que viviu a comezos do século I nas rexións de Galilea e Xudea, e foi crucificado en Xerusalén en torno ao ano 30, baixo o goberno de Poncio Pilato.

O que se coñece de Xesús depende case exclusivamente da tradición cristiá (aínda que aparece mencionado en fontes non cristiás), especialmente da utilizada para a composición dos Evanxeos sinópticos, redactados, segundo opinión maioritaria, uns 30 ou 40 anos, como mínimo, logo da súa morte. A maioría dos estudosos considera que mediante o estudo dos evanxeos é posible reconstruír tradicións que se remontan a contemporáneos de Xesús, aínda que existen grandes discrepancias entre os investigadores en canto aos métodos de análises dos textos e as conclusións que deles poden extraerse. Existe unha minoría que nega a existencia histórica de Xesús de Nazaret.

Xoves

O xoves ou quinta feira é o cuarto día da semana. O termo "xoves" vén do latín Iovis (dies) ou día de Xúpiter, deus supremo romano, e o termo "quinta feira" procede do latín quinta feria (ou feria quinta).

Xudaísmo

O termo xudaísmo (do hebreo יהדות Yahadut, do termo יהודה Yehudá) refírese á relixión, á tradición, á cultura ou á forma de vida do pobo xudeu. É a máis antiga das tres relixións monoteístas, as chamadas «relixións do Libro» ou «abrahámicas» xunto co cristianismo e o islam, e a menor delas en número de fieis. As doutrinas e historia do Xudaísmo constitúen unha parte importante dos fundamentos históricos das outras dúas relixións.

Aínda que non existe un corpo único que sistematice e fixe o contido dogmático do xudaísmo, a súa práctica baséase nas ensinanzas da Torá, tamén chamada Pentateuco, composto por cinco libros. Á súa vez, a Torá ou o Pentateuco é un dos tres libros que conforman o Tanakh (ou Antigo Testamento, segundo o cristianismo), aos que se atribúe inspiración divina.

Na práctica relixiosa ortodoxa, a tradición oral tamén desempeña un papel importante. Segundo as crenzas, foi entregada a Moisés xunto coa Torá e conservada desde a súa época e a dos profetas. A tradición oral rexe a interpretación do texto bíblico, a codificación e o comentario. Esta tradición oral foi transcrita, dando nacemento á Mishná, que posteriormente sería a base do Talmud e dun enorme corpo esexético, desenvolvido ata o día de hoxe polos estudosos. O compendio das leis extraídas destes textos forma a lei xudía ou Halajá.

O trazo principal da fe xudía é a crenza nun Deus omnisciente, omnipotente e próvido, que tería creado o universo e elixido ao pobo xudeu para revelarlle a lei contida nos Dez Mandamentos e as prescricións rituais dos libros terceiro e cuarto da Torá. Consecuentemente, as normas derivadas de tales textos e da tradición oral constitúen a guía de vida dos xudeus, aínda que a observancia das mesmas varía moito duns grupos a outros.

Outra das características do xudaísmo, que o diferencia das outras relixións monoteístas, radica en que se considera non só como unha relixión, senón tamén como unha tradición, unha cultura e unha nación. As outras relixións transcenden varias nacións e culturas, mentres que o xudaísmo considera a relixión e a cultura concibida para un pobo específico. O xudaísmo non esixe dos non xudeus unirse ao pobo xudeu nin adoptar a súa relixión, aínda que os conversos son recoñecidos como xudeus en todo o sentido da palabra. Así mesmo, xudeu foi comisionado polas súas escrituras a ser «luz ás nacións» e propagar o monoteísmo ético por todo o mundo. A relixión, a cultura e o pobo xudeu poden considerarse conceptos separados, pero están estreitamente interrelacionados. A tradición e a cultura xudía son moi diversas e heteroxéneas, xa que se desenvolveron de modos distintos en diferentes comunidades e cada comunidade local incorporou elementos culturais dos distintos países aos que chegaron os xudeus a partir da dispersión.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.