Dereito civil

O Dereito civil é unha rama do Dereito que pode definirse, seguindo a Hernández Gil, como Dereito privado xeral, que ten por obxecto a regulación da persoa na súa estrutura orgánica, nos dereitos que lle corresponde, como tal, e das relacións derivadas da súa integración na familia e de ser suxeito dun patrimonio dentro da comunidade.

O Dereito civil trata sobre as relacións xurídicas entre particulares, e abrangue, máis concretamente: o Dereito de Familia, o Dereito de Sucesións, e o Dereito patrimonial. No Dereito civil residéncianse as cuestións relativas ao estado civil das persoas, maior ou menor idade e a incapacitación, o matrimonio, o seu réxime económico e a súa disolución, todo o relativo á herdanza e á sucesión por causa de morte; todo o relativo ao patrimonio (dereitos reais, posesión e propiedade, servidumes, usufrutos, hipotecas etc.) as obrigas extracontractuais e os contratos privados coma compravenda, alugueiro, permuta, empréstito, depósito, doazón... (exclúense os contratos mercantís, os contratos de traballo e os contratos públicos ou administrativos que son estudados por outras ramas do dereito).

En España séguese a tradición herdada do Código Civil francés de Napoleón, recollida basicamente no Código civil español de 1889 aínda vixente. A tradición francesa é, á súa vez, herdada do dereito romano. Este sistema contraponse aos sistemas de dereito baseados na tradición xermánica ou na tradición anglosaxoa.

O Dereito civil de Galicia

Galicia conta cun Dereito Civil Galego propio, de carácter eminentemente agrario, que aínda sobrevive a pesar de que o Código civil español de 1888 impuña un mesmo dereito privado para toda España, permitindo con moitas limitacións a pervivencia dos dereitos forais, alí onde existisen (entre eles, o dereito de Galicia), o que case significou a súa desaparición.

As institucións xurídicas máis salientables do dereito civil propio de Galicia son as referidas aos montes veciñais en mancomún, os montes abertais,os muíños de herdeiros, as agras e vilares, as serventías e a particular regulación das servidumes de paso e dos arrendamentos rústicos.

Os congresos de dereito galego celebrados na Coruña (1973, 1985 e 2003) cunha completa representación dos mellores xuristas galegos, trataron de revitalizar as institucións de dereito civil de Galicia.

No ano 1963, case que un século despois da promulgación do Código civil, publicouse a Compilación de Dereito Foral de Galicia por parte do goberno central mediante a lei 147/1963 do 2 de decembro, que intentou recuperar a memoria das tradicións xurídicas galegas.

A Constitución Española recoñece a competencia das asembleas das comunidades autónomas para ditar normas de conservación e desenvolvemento dos dereitos forais alí onde existan con algunhas materias (coma as formas de celebración e disolución do matrimonio) excluídas sempre da súa competencia.

No ano 1995 promulgouse a primeira Lei de Dereito civil de Galicia ditada polo parlamento galego, que recoñece o costume como primeira fonte do dereito en defecto de lei apicable, e que deu carácter legal a costumes aínda pervivintes, coma o testamento mancomunado e recoñece o dereito de adquisición das servidumes de paso por prescripción.

No ano 2006 ditouse unha nova Lei de dereito civil de Galicia, redactada por un grupo de notarios e catedráticos. A nova Lei incorpora cuestións de nula tradición galega, como a adopción e a protección de menores e reduce o dereito de lexítima do 33 por cento ao 25 por cento, punto no que se afastou expresamente das conclusións no Congreso de Dereito civil de Galicia de 2003.

Véxase tamén

Adulterio

Adulterio é ter relacións sexuais consentidas unha persoa casada fóra do matrimonio. Nalgúns países unha persoa solteira que mantén relacións sexuais cunha persoa casada tamén é considerada adúltera. Un matrimonio no que os cónxuxes consideran aceptable teren relacións sexuais fóra do matrimonio denomínase matrimonio aberto e non se consideran adúlteros aínda que nalgúns países si que o poidan ser legalmente.

Historicamente o adulterio estaba castigado severamente, incluída mesmo a pena de morte, tipicamente o apedramento. Na actualidade o adulterio é aínda ilegal nalgúns estados como en Corea do Sur e Taiwán e en boa parte dos países musulmáns.

En Galicia, como no resto de España, o adulterio estivo penalizado ata o 19 de febreiro de 1978. Segundo a lei 2/2006 de dereito civil de Galicia o adulterio é unha das causas polas que se pode desherdar sempre que fose reiterado ou grave.

Avogado

Un avogado (do latín advocatus) é aquela persoa, licenciada en dereito que exerce profesionalmente a defensa das partes en xuízo e toda clase de procesos xudiciais e administrativos e, en xeral, o asesoramento e consello en materias xurídicas. Na maioría dos ordenamentos, para exercer esta profesión, requírese estar inscrito nun colexio de avogados.

Ben de Interese Cultural

A declaración legal denominada Ben de Interese Cultural (BIC) é unha figura de protección dos bens culturais en España, establecida na Lei 16/1985, de 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español.

Cidadanía

En termos de Dereito a cidadanía é a condición da persoa física (dita cidadán ou cidadá) pola cal o ordenamento xurídico dun Estado recoñécelle a plenitude dos dereitos civís e políticos. A cidadanía pode ser vista como un status do cidadán, ou como un contrato xurídico entre ese cidadán e o Estado. As persoas que carecen da cidadanía dun Estado son estranxeiros, se a teñen doutro Estado, ou apátridas se, por contra, non teñen ningunha cidadanía.

Corporación

Unha corporación ou sociedade corporativa é unha entidade xurídica que consiste nun grupo de persoas que formaron unha asociación con propósitos comerciais ou sen fins de lucro. Esta asociación formal, recoñecida como persoa xurídica e amparada polo dereito de sociedades, conta cos seus propios privilexios e responsabilidades distintos a aqueles dos seus membros (persoas naturais).

Unha corporación pode ser un concello, unha universidade, unha igrexa, unha ONG, unha empresa, un gremio, un sindicato ou outro tipo de persoa colectiva. Na práctica moderna, por contaminación do uso en inglés da palabra corporation moitas persoas utilizan a palabra "corporación" para referirse a unha entidade comercial establecida de acordo ao marco legal.

Dereito

O Dereito é a orde normativa e institucional da conduta humana en sociedade inspirada en postulados de xustiza e certeza xurídica, baseado nas relacións sociais existentes que determinan o seu contido e carácter. Noutras palabras, é o conxunto de normas que regulamentan a convivencia social e permiten resolver os conflitos interpersoais.

A anterior definición define o dereito positivo ou efectivo, pero non explica o seu fundamento; é por iso que xuristas, filósofos e teóricos do dereito levan proposto diversas definicións alternativas, sen que exista consenso, ata a data. O estudo do concepto do Dereito realízao unha das súas ramas, a Filosofía do dereito.

A expresión «dereito» utilízase indistintamente para nomear á disciplina e ao seu obxecto de estudo. Así, «dereito» refírese á ciencia do dereito ou a un determinado corpo de normas (por exemplo, dereito civil, dereito penal, dereito procesal, dereito internacional, etc.).

Desde o punto de vista obxectivo, dise do conxunto de leis, regulamentos e demais resolucións, de carácter permanente e obrigatorio, criadas polo Estado para a conservación da orde social. Isto é, tendo en conta a validez, é dicir, se se levou a cabo o procedemento adecuado para a súa creación, independientemente da súa eficacia (se é acatada ou non) e do seu ideal axiolóxico (se busca concretar un valor como a xustiza, a paz, a orde, o ben común, etcétera).

O dereito subxectivo é a facultade que outorgou o ordenamento xurídico a un suxeito (por exemplo, dereito á nacionalidade, dereito á saúde, dereito a demandar, dereito a manifestarse libre e pacificamente, etc.).

Dereito mercantil

O Dereito mercantil é aquela rama do Dereito Privado que regula o conxunto de normas relativas aos comerciantes no exercicio da súa profesión, aos actos de comercio legalmente cualificados como tales e ás relacións xurídicas derivadas da realización destes actos.

Estatuto

A palabra estatuto pódese referir a unha variedade de normas xurídicas que teñen como atadallo común o regular as relacións de certas persoas que teñen en común a pertenza a un territorio ou sociedade. Polo xeral, os estatutos son unha forma de dereito propio.

Karlsruhe

Karlsruhe é unha cidade do sueste de Alemaña cunha poboación de 307.755 habitantes, no Bundesland de Baden-Württemberg, localizada preto da fronteira con Francia.

Fundada en 1715 coma o Pazo de Karlsruhe, arredor da cidade construíronse dous dos máis altos tribunais en Alemaña, o Tribunal Constitucional Federal (Bundesverfassungsgericht) cuxas decisións teñen forza de lei, e o Tribunal Federal de Xustiza (Bundesgerichtshof), o máis alto tribunal de apelacións en materia de dereito civil e dereito penal. Polo tanto é considerada o berce da xustiza en Alemaña.

Man común

Úsase o termo man común ou mancomunidade para referirse a unha unión de persoas, esforzos, intereses, institucións ou cousas para acadar un determinado fin común, ou atender servizos e problemas comúns.

Aínda que a acepción máis empregada é para referirse a unións de concellos ou veciños ("montes en mancomún" ou auga), tamén pode empregarse en expresións como "traballar en mancomún" co significado de traballar para conseguir unha propiedade colectiva.

Os patrucios dunha parroquia constitúen a veciña, que administra os bens en mancomún, segundo costume ou consonte o acordado pola maioría. Quedan excluídos deste réxime os montes veciñais e mancomún, que se rexen pola súa propia lexislación.

Naturalización

A naturalización é un medio de adquisición derivativa da nacionalidade, distinto por tanto da adquisición orixinaria, polo nacemento.

Comunmente, a nacionalización se produce ben a instancia do interesado, por concorrer as circunstancias que se prevexan legalmente, ven polo outorgamento excepcional da carta de natureza polo Goberno do Estado.

As circunstancias que normalmente se prevén como requisitos para a nacionalización son:

As derivadas do parentesco cun cidadán nacional do Estado (ius sanguini).

As relativas ao territorio onde se nace (ius soli)

Notario

O notario é un axente con delegación do poder público que labra e fai as averbacións nos seus libros de notas os instrumentos dos actos xurídicos que lle son solicitados polas persoas interesadas, facéndoo con observancia das normas xurídicas pertinentes, incluíndo as de Dereito Tributario.

O notario ten como función recibir, interpretar e dar forma legal á vontade das partes en actos xurídicos extraxudiciais, labrando os instrumentos necesarios a ese fin, conferíndolles fe pública e asegurándolles a respectiva conservación, forza probatoria e forza executiva.

Parella de feito

Chámase parella de feito ás unións sexoafectivas entre dúas persoas que, sen ter rango de matrimonio, están recoñecidas polo Estado. Hai diferenzas entre a denominación que lles dá cada ordenamento xurídico: así chámanse parellas de feito en España, Pacte Civil de Solidarité (PACS) en Francia, partnership no Reino Unido e Estados Unidos ou unión civil noutros varios estados.

Prezo

Denomínase prezo ao valor monetario asignado a un ben ou servizo. Conceptualmente, defínese como a expresión do valor que se lle asigna a un produto ou servizo en termos monetarios e doutros parámetros como esforzo, atención ou tempo.

O prezo non é só diñeiro e ata non é o valor propiamente dito dun produto tanxible ou servizo (intanxible), senón un conxunto de percepcións e vontades a cambios de certos beneficios reais ou percibidos como talles. Moitas veces os beneficios poden cambiar ou deixar de selo, isto vémolo na moda ou produtos que transmiten status nun sociedade. O troco é o método por excelencia utilizado para adquirir un produto, pero enténdese o troco ata como o intercambio dun produto por diñeiro.

No mercado libre, o prezo fíxase mediante a lei da oferta e a demanda. No caso de monopolio o prezo fíxase mediante a curva que maximiza o beneficio da empresa en función dos custos de produción.

Ao longo do tempo os prezos poden crecer (inflación) ou decrecer (deflación). Estas variacións determínanse mediante o cálculo do índice de prezos, existindo varios como o denominado Índice de Prezos ao Consumidor, Índice de Prezos de Consumo ou Índice de Prezos ao Consumo (IPC), o (IPI) (Índice de Prezos Industriais) etc.

O produto ou servizo que se intercambia ten valor para o público na medida que é capaz de brindarlle un beneficio, resolverlle un problema, satisfacerlle unha necesidade ou cumprirlle un desexo; por iso, a palabra clave desta definición conceptual de prezo é valor.

Analizar a relación que se dá entre o valor e o prezo permite identificar a estratexia de prezo que a longo prazo pode resultar exitosa para unha compañía.

O prezo pode estudarse desde dúas perspectivas. A do cliente, que o utiliza como unha referencia de valor, e a da empresa, para a cal significa unha ferramenta pola que converte o seu volume de vendas en ingresos.

Propiedade intelectual

A propiedade intelectual refírese a un ben económico xeralmente inmaterial, aínda que poida estar asociados a produtos físicos, recollido na maior parte de lexislacións dos países e suxeito a explotación económica por parte dos posuidores legais de devandita propiedade. Nun sentido estritamente xurídico a propiedade intelectual, é o protexido polas leis de propiedade intelectual, e calquera produción intelectual non explicitamente recollida pola lexislación non pode ser considerada propiedade intelectual en sentido xurídico. Así, os dereitos de propiedade intelectual protexen os intereses dos creadores ao ofrecerlles prerrogativas en relación coas súas creacións.

Para a Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI) calquera creación da mente humana é parte da propiedade intelectual, con todo, as lexislacións formais non garanten a explotación exclusiva das creacións intelectuais aos seus autores de calquera tipo de creación, senón só de algunhas formas de produción intelectual explicitamente recollidas en devandita lexislación. A delimitación de que constitúe unha propiedade intelectual depende das lexislacións e está sometida a continua renovación. Por un lado a propiedade intelectual ten que ver coas creacións intencionais dun individuo de maneira planificada, entre estas estarían por exemplo: os inventos, as obras literarias e artísticas, os símbolos, os nomes, as imaxes, os debuxos e modelos utilizados no comercio. Usualmente as teorías científicas ou os descubrimentos son producións intelectuais deliberadas pero as lexislacións non as consideran como obxecto protexido polas leis de protección intelectual.

Os dereitos relacionados co dereito de autor son os dereitos dos artistas intérpretes e executantes sobre as súas interpretacións e execucións, os dereitos dos produtores de fonogramas sobre as súas gravacións e os dereitos dos organismos de radiodifusión sobre os seus programas de radio e de televisión.

O Día Mundial da Propiedade Intelectual celébrase o 26 de abril.Existe ademais unha corrente, especialmente a que provén do movemento de software libre, que considera que o termo propiedade intelectual é enganoso e reúne baixo un mesmo concepto diferentes réximes xurídicos non equiparables entre si, como as patentes, o dereito de autor, as marcas e as denominacións de orixe, entre outros.

Rexistro Civil

O Rexistro Civil é un organismo administrativo ou servizo público, encargado de deixar constancia dos feitos ou actos relativos ó estado civil das persoas naturais, así como outros que as leis lles encomenden.

No Rexistro Civil inscríbense os nacementos, a filiación, o nome e apelido das persoas, os falecementos reais ou presuntos, os matrimonios. Así mesmo, pode corresponderlle, segundo o país, o rexistro das gardas, a patria potestade, as emancipacións, as nacionalizacións, os antecedentes penais e os vehículos que usen matrículas.

Os rexistros civís creáronse, primeiramente, en Francia no século XVIII, e logo a partir do século XIX, a súa existencia estendeuse ó resto do mundo como parte do proceso secularizador do Estado, por mor da separación da Igrexa e o Estado e o ditado de leis laicistas (ou laicas).

Testamento

Un testamento é o documento mediante o cal o testador (persoa que outorga testamento) expón a súa vontade de establecer o futuro das súas propiedades mortis causa (expresión latina que quere dicir "por causa da morte") e explica a forma en que se ha de dividir a súa herdanza e a quen se lle ha de entregar cada parte. No testamento, o testador debe designar ós herdeiros, persoas que ademais de recibir unha porción das propiedades do defunto, xestionan a sucesión. Ademais de todo o dito, o testador ten a posibilidade de asignar a herdeiro ou a cada legatario unhas cotas, de tal forma que reciban unha parte das propiedades sen especificar cales.

William Smith (lexicógrafo)

Sir William Smith, nado no municipio de Enfield, no Gran Londres, o 20 de maio de 1813, e finado en Londres o 7 de outubro de 1893, foi un distinguido lexicógrafo inglés. Foi doutor en dereito civil nas universidades de Oxford e Dublín, e recibiu o título honorífico de cabaleiro do Imperio Británico en 1892, o ano antes do seu falecemento.

Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia ou simplemente Xunta aparece definida no Estatuto de Autonomía de Galicia coma o órgano colexiado do Goberno de Galicia. Está composta polo Presidente, vicepresidentes e conselleiros. Os vicepresidentes e os conselleiros son nomeados polo presidente. Galicia exerce as súas funcións administrativas a través da Xunta e das consellarías. A Presidencia da Xunta de Galicia ten a sede no Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.