Democracia

A democracia (do grego demos, "pobo", e kratos, "goberno", é dicir, "goberno do pobo") é un réxime político no que a soberanía reside no pobo e é exercida por este de maneira directa ou indirecta.

Máis concretamente, a democracia é unha forma de goberno na que, en teoría, o poder para cambiar as leis e as estruturas de goberno, así como o poder de tomar todas as decisións de goberno reside na cidadanía. Nun sistema así, as decisións tanto lexislativas coma executivas son tomadas polos propios cidadáns (democracia directa) ou por representantes escollidos mediante eleccións libres, que actúan representando os intereses dos cidadáns (democracia representativa).

Na práctica, na historia inicial da democracia primou o compoñente directo, pero na actualidade todos os sistemas democráticos do mundo son principalmente de tipo representativo.

Esta definición xeral ten algúns matices. Non todos os habitantes dun determinado municipio, rexión ou estado democráticos participan na política, senón só aqueles que ostentan de pleno dereito a condición de cidadáns, e dentro destes, só aqueles que elixen participar, xeralmente mediante o voto nunhas eleccións ou calquera outro proceso electoral coma o referendo.

Freedom House world map 2007
Este mapa reflicte os achados da investigación da Freedom House Freedom in the World 2007 (Liberdade no mundo 2007), que informa sobre o estado da liberdade no mundo durante o ano 2006. É unha das medidas máis xeralmente empregadas da democracia polos investigadores. Hai que fixarse en que malia que estas medidas están moi correlacionadas, non implica que se poidan intercambiar      País libre      País parcialmente libre      País sen liberdades

Orixe, usos e tipos

O termo "democracia" provén do grego antigo (δημοκρατία) e foi acuñado en Atenas (A máis famosa das cidades-estado da antiga Grecia é considerada como o primeiro exemplo dun sistema acorde coas nocións modernas de democracia.) no século V a. C. a partir dos vocábulos δῆμος (dḗmos, que pode traducirse como «pobo») e κράτος (krátos, que pode traducirse como «poder», ou «goberno»). Con todo a significación etimolóxica do termo é moito máis complexa. O termo «deamos» parece ser un neoloxismo derivado da fusión das palabras demiurgos (demiurgi) e geomoros (geomori).[1] De todos os xeitos, o significado do termo cambiou co tempo, e a definición moderna evolucionou moito sobre todo dende finais do século XVIII, coa sucesiva introdución de sistemas democráticos en moitas nacións. Hoxe en día, as democracias existentes son bastante distintas ó sistema de goberno ateniense do que herdan o seu nome.

Un bo exemplo destas diferenzas é que as democracias actuais son democracias indirectas ou representativas, agás unha a democracia suíza, que segue a manter un sistema máis directo que a maioría das actuais, debido a súa particular idiosincrasia, sen ter apenas evolucionado.

A democracia directa adoita ser máis dificultosa de manter canto maior é a comunidade que se debe rexer por este sistema, do que deriva a importancia que na actualidade acadou o sistema representativo como vía de participación nas decisións comunitarias.

Unha das maiores febledades coas que se atopan os sistemas democráticos actuais é o facer da democracia un sistema que deriva cara a partitocracia, na que son os partidos políticos como elementos suprarepresentativos os que determinan as decisións comunitarias fora dos sistemas elaborados para tal fin. Deste xeito a falta de democracia nas forzas políticas pode implicar e evolución do sistema cara a un sistema máis próximo á oligarquía que a propia democracia e que é denominada polos teóricos do estado como partitocracia.

No proceso evolutivo dos sistemas parlamentarios occidentais a decisión entre primar a estabilidade do poder público fronte a primar unha maior e mellor representación de todas as tendencias da sociedade rematou por desenvolver unha serie e de mecanismos que favorecesen a estabilidade, sobre todo a partir da II Guerra Mundial.

Un exemplo destes mecanismos é o propio sistema D´Hont utilizado no actual sistema electoral español, no que o sistema de cálculo e asignación de escanos beneficia ás dúas forzas máis votadas en detrimento dunha maior representación das minorías. Un exemplo contrario no mesmo sistema español foi a II República española onde uha maior representación das minorías provocou na práctica unha perigosa inestabilidade dos distintos gobernos.

Aplicación práctica

Democracy claims
Dende a Segunda Guerra Mundial, a democracia gañou ampla aceptación. Este mapa mostra a autoidentificación oficial feita por gobernos do mundo en relación á democracia, en marzo de 2008. Mostra o status de iure da democracia no mundo.      Gobernos que se identifican como democráticos      Gobernos que non se identifican como democráticos: Arabia Saudí, Brunei, Fidxi, Emiratos Árabes Unidos, Omán e Cidade do Vaticano.

Na práctica, existen moitas variantes do concepto de democracia, algunhas delas levadas á realidade e outras só hipotéticas. Na actualidade os mecanismos de democracia máis estendidos son os da democracia representativa; de feito, trátase do sistema de goberno máis utilizado no mundo. Algúns países como Suíza ou os Estados Unidos contan con algúns mecanismos propios da democracia directa. A democracia deliberativa é outro tipo de democracia que pon a énfase no proceso de deliberación ou debate, e non tanto nas votacións. O concepto de democracia participativa propón a creación de formas democráticas directas para atenuar o carácter puramente representativo (audiencias públicas, recursos administrativos, ombudsman). O concepto de democracia social propón o recoñecemento das organizacións da sociedade civil como suxeitos políticos (consellos económicos e sociais, diálogo social).[2]

Estas diferenciacións non se presentan en forma pura, senón que os sistemas democráticos adoitan ter compoñentes dunhas e doutras formas de democracia. As democracias modernas tenden a establecer un complexo sistema de mecanismos de control dos cargos públicos. Unha das manifestacións destes controis horizontais é a figura do impeachment ou xuízo político, ao que poden someterse tanto os presidentes como os xuíces, por parte dos parlamentos, de acordo a certas constitucións, como a da Arxentina, o Brasil ou os Estados Unidos. Outras axencias máis modernas orientadas á mesma fin son o defensor do pobo ou ombudsman, as sindicaturas de empresas públicas, os organismos de auditoría, as oficinas de ética pública etc.[3]

Finalmente, cómpre sinalar que existe unha corrente crecentemente relevante no mundo anglosaxón que propugna combinacións das institucións actuais con aplicacións democráticas do sorteo. Entre os autores máis relevantes desta corrente pode citarse a John Burnheim, Ernest Callenbach, A. Barnett e Peter Carty, Barbara Goodwin ou, no ámbito francés, Yves Sintomer. Os autores consagrados que dedicaron máis espazo a este tipo de propostas son Robert A. Dahl e Benjamin Barber. No mundo hispanohablante a recepción aínda é moi reducida, aínda que autores como Juan Ramón Capella formularon a posibilidade de acudir ao sorteo como ferramenta democratizadora.[4]

Notas

  1. Ochoa del Río, José Augusto. La Democracia: aportes para un análisis conceptual, Biblioteca Jurídica Arquivado 08/02/2007, en Wayback Machine. (en castelán)
  2. C.B. Macpherson, (1981), La democracia liberal y su época, Madrid: Alianza. ISBN 84-206-1870-5
  3. Salvadores de Arzuaga, Carlos I (1999). Los controles institucionales en la Constitución Argentina 1853-1994, Buenos Aires: La Ley.
  4. Cancio, Jorge (2009). "Invitación a un debate: el sorteo y las cámaras sorteadas como mejoras institucionales a la democracia". Mientras Tanto (en castelán) (112).

Véxase tamén

Ligazóns externas

ABC (xornal)

ABC é un xornal de carácter xeralista publicado en Madrid e distribuído por toda España, de corte conservador e que se define como monárquico[Cómpre referencia]. Foi fundado o 1 de xaneiro de 1903 por Torcuato Luca de Tena y Álvarez-Ossorio. No 2010 foi nomeado director o xornalista galego Bieito Rubido.

Edítase en lingua castelá salvo certos artigos e noticias de carácter autonómico escritos na lingua da comunidade autónoma e, a diferenza doutros xornais españois, a impresión faise de modo que cada exemplar vai grampado e con formato folio.

Comarcas de Cataluña

As comarcas de Cataluña (en catalán: comarques) son a actual división do territorio da comunidade autónoma de Cataluña, en España.

Ten a súa orixe nun decreto da Generalitat de Cataluña do ano 1936, que tivo vixencia até o 1939 cando foi suprimida polo franquismo. Posteriormente, foi reanudada en 1987 tras a restauración da democracia, en 1988 engadíronse tres comarcas (Pla de l'Estany, Pla d'Urgell e Alta Ribagorça) e en 1990 modificouse algún límite territorial. En 2015 engadiuse a comarca histórica do Moianès.

Hai 42 comarcas en Cataluña, co seu goberno e administración dirixidos polos consellos comarcais (consells comarcals) agás o Val d'Aran, considerado entidade territorial singular e xestionado polo Consello Xeral de Arán.

Costa Rica

Costa Rica, oficialmente República de Costa Rica, é un país de América Central, limitado ó norte por Nicaragua, ó leste polo Mar Caribe e por Panamá e ó sur e oeste polo Océano Pacífico. Tamén pertence ó país a illa do Coco, no Océano Pacífico. Ten unha poboación de arredor de 5 millóns de habitantes e unha área de 51 060 quilómetros cadrados. Arredor de 333 980 persoas viven na capital e meirande cidade, San Xosé, con case 2 millóns de persoas vivindo na área metropolitana.O estado soberano de Costa Rica é unha república constitucional, presidencial e unitaria. É recoñecida pola súa democracia e estable e duradeira, e pola súa forza de traballo altamente cualificada, a maioría dos cales falan inglés. O país destina o 6,9% dos seus orzamentos (2016) en educación, comparada coa media global que destina o 4,4%. A súa economía, outrora altamente dependente da agricultura, diversificouse para incluír sectores como finanzas, servizos corporativos para empresas estranxeiras, produtos farmacéuticos e ecoturismo. Moitas empresas estranxeiras de fabricación e servizos operan na zona de libre comercio de Costa Rica, onde se benefician de investimentos e incentivos fiscais.

Democracia cristiá

A democracia cristiá é unha ideoloxía política que existe desde os derradeiros anos do século XIX, cando o papa León XIII escribiu a encíclica Rerum Novarum, unha resposta ó socialismo e ós novos sindicatos na cal o Vaticano recoñeceu as privacións do traballador e se dispuxo a alivialas.

A Igrexa Católica aclarou a súa posición ó respecto na Quadragesimo Anno, unha encíclica feita polo papa Pío XI en 1931. Aínda que hai moitas formas de democracia cristiá, xeralmente están de acordo en certas materias. A súa idea do Estado non corresponde á dos liberais: debe ser descentralizado e estar composto de varios conxuntos, pero debe ter unha capacidade indiscutible. Os demócratas cristiáns cren que a sociedade debe ser responsable pola economía, pero non discuten os principios do capitalismo. A democracia cristiá seméllase máis ó socialismo cristián en que cre que o deber do Estado é coidar polos seus cidadáns.

Os democristiáns xeralmente seguen a posición do Vaticano en temas morais. Non obstante, a maioría deles aceptan o divorcio e o goberno secular.

A democracia cristiá foi máis prominente en Italia, Alemaña e Sudamérica, destacando Chile, país que tivo tres presidentes desa tendencia: Eduardo Frei Montalva (1964-1970), Patricio Aylwin Azócar (1990-1994), Eduardo Frei Ruiz-Tagle (1994-2000).

O partido político que actualmente controla Turquía pódese describir como democracia musulmá.

Felipe González

Felipe González Márquez, nado en Sevilla, Andalucía o 5 de marzo de 1942, é un avogado, profesor universitario e político andaluz, secretario xeral do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) dende 1974 até 1997 e terceiro presidente do Goberno de España dende a reinstauración da democracia, entre 1982 e 1996.

En 1964, afiliouse ó Partido Socialista Obreiro Español, durante a época de clandestinidade deste. O ano seguinte finalizou os seus estudos de Dereito na Universidade de Sevilla. No Congreso de Suresnes de 1974 do PSOE renovado (escisión do PSOE dirixido por Rodolfo Llopis), Felipe González foi elixido secretario xeral do PSOE. Xa en democracia, obtivo a súa primeira acta de deputado en 1977, sendo o candidato do PSOE á Presidencia do Goberno en 1977 e 1979.

Logo de obter o PSOE a maioría absoluta nas eleccións de 1982, foi investido presidente do Goberno. O seu mandato de trece anos e medio foi o período máis longo dun xefe de Goberno da democracia en España. Baixo a súa dirección, o PSOE logrou dúas maiorías absolutas consecutivas: a de 1982, con 202 deputados no Congreso, e en 1986, eleccións nas que obtivo 184 deputados; asemade, en 1989 obtivo 175 deputados, exactamente a metade dos que compoñen o hemiciclo. En 1993 perdeu a maioría absoluta, obtendo 159 deputados. Logo deste resultado, o PSOE pactou con Convergència i Unió para poder formar goberno. En 1996, perdeu as eleccións ó lograr 141 deputados fronte a 156 que conseguiu o Partido Popular. Foi elixido deputado por última vez en 2000, ano no que concorreu ás eleccións na lista do PSOE pola circunscrición electoral de Sevilla.

Florentino Cacheda

Florentino Cacheda López, nado en Lalín o 4 de marzo de 1938, é un empresario galego.

Forma de goberno

Forma de goberno, sistema de goberno ou réxime político son diferentes termos, que en ocasións se utilizan con matices diferentes, pero que son comunmente utilizados para referirse ao conxunto das institucións políticas mediante as cales un estado se organiza para exercer os seus poderes sobre unha comunidade política. Esta definición é válida aínda que o goberno sexa ilexítimo ou estea incapacitado para exercer os seus poderes.

Moi habitualmente emprégase de forma sinónima a expresión forma de estado, que tamén se utiliza, ás veces, limitada á contraposición monarquía-república, aínda que a súa definición pode ser máis complexa.

Un concepto confluente é o de sistema político, que pode entenderse coa simplificación do espectro político esquerda-dereita, co que é un concepto máis efémero e cambiante, mentres que a forma de goberno é máis estable no tempo, aínda que tamén suxeita a cambios e ata a transformacións revolucionarias. O sistema político adoita incorporarse ao nome oficial do estado, como no caso da República Arxentina, os Estados Unidos Mexicanos, o Reino de España, a Federación Rusa ou a Gran Jamahiriya Árabe Libia Popular e Socialista. Só hai dezaoito países que non o fan así, como Xamaica, mentres que once só indican que son "estados". A forma máis común é "república", con 132 casos de moi distinto tipo. As monarquías son 33, 18 delas "reinos".

Franquismo

O franquismo foi o réxime político vixente en España entre 1939 e 1975, baseado no liderado do xeneral Francisco Franco Bahamonde. Tamén se chama franquismo a ditadura e ideoloxía pola que se rexeu España nesta época, tamén coñecida como nacionalcatolicismo, con elementos do fascismo.

Guatemala

Guatemala é un país da América Central, limitado ó oeste e ó norte por México, ó leste por Belize, polo Golfo de Honduras e por Honduras, e ó sur polo Salvador e polo océano Pacífico. A súa capital é Cidade de Guatemala.

Inglaterra

Inglaterra (en inglés: England) é unha das nacións constituíntes do Reino Unido. Historicamente dominante, ocupa a metade sur da illa da Gran Bretaña, agás unha parte no oeste, correspondente ao País de Gales. Limita ao norte con Escocia, ao leste co Mar do Norte, ao sur co Canal da Mancha e ao oeste co Océano Atlántico, Gales e o Mar de Irlanda. A súa capital é Londres, a maior área urbana do Reino Unido e unha das maiores da Unión Europea.

Inglaterra converteuse nun estado unificado no ano 927 e toma o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas asentadas no sur da illa durante os séculos quinto e sexto. Inglaterra tivo, e segue a ter, un impacto cultural e legal ao redor de todo o mundo, sendo o lugar de orixe da lingua inglesa, da Igrexa Anglicana e do Dereito Inglés, o cal puxo as bases do Dereito nos sistemas legais da maioría dos países do mundo. Ademais, en Inglaterra naceu a Revolución Industrial sendo o primeiro país do mundo en acadar a industrialización.

Nela atópase a Royal Society, a cal mantén fundacións da ciencia moderna experimental. Inglaterra ten a democracia parlamentaria máis antiga do mundo, polo tanto, moitas innovacións constitucionais, gobernamentais e legais, que teñen a súa orixe en Inglaterra, foron posteriormente adoitadas por outras nacións.

O Reino de Inglaterra (incluíndo Gales) continuou como un estado independente ate o 1 de maio de 1707, cando mediante a Lei de Unión, levando a cabo os termos acordados no Tratado de Unión o ano anterior, rematou en unión política co Reino de Escocia para crearen o Reino Unido de Gran Bretaña.

Partido Popular

O Partido Popular (PP) é un partido político conservador español situado no centro dereita ou a dereita política. Foi fundado en 1989, cando adoptou a súa denominación actual, que substituíu á de Alianza Popular, partido fundado en 1976 por Manuel Fraga (ministro durante a época franquista).

É un dos partidos maioritarios de España. O PP ten maioría simple no Congreso dos Deputados, maioría absoluta no Senado e goberna en cinco comunidades autónomas, así como en Ceuta e Melilla. É, coas presidencias de José María Aznar e Mariano Rajoy, a segunda formación que máis anos gobernou o país desde o restablecemento da democracia, por detrás do PSOE.

Partido Popular de Galicia

O Partido Popular de Galicia (PPdeG) é a rama galega do Partido Popular español. No ano 2015 contaba con 1753 concelleiros, e 15 deputados no Congreso dos Deputados. Ten a maioría absoluta no Parlamento de Galicia, con 41 dos 75 escanos.

Partido Socialista Obrero Español

O Partido Socialista Obrero Español (PSOE, en galego: Partido Socialista Obreiro Español) é un partido político español de centro esquerda fundado en 1879 polo ferrolán Pablo Iglesias Posse.

Durante cen anos definiuse como un partido de clase obreira, socialista e marxista, ata o Congreso Extraordinario de 1979, no que abandonou o marxismo como definición ideolóxica. Converteuse nun dos dous partidos políticos maioritarios de España, xunto co Partido Popular, gobernando o país durante a maior parte do réxime constitucional iniciado en 1978, coas presidencias de Felipe González (1982-1996), José Luis Rodríguez Zapatero (2004-2011) e Pedro Sánchez (2018-presente).

Preside o Goberno de España dende o 1 de xuño de 2018, logo de gañar a moción de censura contra o anterior presidente do goberno e líder do PP, Mariano Rajoy, a consecuencia dunha das primeiras sentenzas de condena da trama Gürtel, que condenou ao Partido Popular.Preside ademais os gobernos de comunidades autónomas como Aragón, Asturias, Comunidade Valenciana, Illas Baleares, Estremadura e Castela-A Mancha. As súas mocedades son as Xuventudes Socialistas de España e forma parte do Partido Socialista Europeo e da Internacional Socialista.

Partido político

Un partido político é unha organización política que ten unha ideoloxía determinada ou persegue un fin determinado. Os partidos políticos forman unidades organizativas e nunha democracia recoñéceselles o dereito a participar nos comicios electorais por medio da presentación de candidatos.

Poder xudicial

O Poder xudicial é aquel que, de conformidade coa lexislación vixente, é o encargado da aplicación das normas xurídicas na resolución de conflitos.

Segundo a teoría clásica de Montesquieu, a división de poderes garante a liberdade do cidadán. Montesquieu compuxo a súa teoría logo dunha viaxe a Inglaterra onde interpretou que un poder xudicial independente pode ser un freo eficaz do executivo.

Baixo esta separación de poderes, nace o chamado estado de dereito, no cal os poderes públicos están igualmente sometidos ao imperio da Lei. O Poder xudicial debe ser independente para poder someter aos restantes poderes, en especial o executivo, cando estes contraveñan o ordenamento xurídico.

O poder executivo e o lexislativo son dous poderes que en ocasións tamén se enfrontan, as loitas de poder dos integrantes do lexislativo fornecen periodicamente aos novos integrantes do executivo.

Así a todo, o papel arbitral entrambos require dun poder xudicial forte e respectado como un dos poderes fundamentais do estado cuxa independencia é un valor a preservar porque dela depende que o sistema non deixe de funcionar e a democracia dea paso á tiranía.

A estrutura do poder xudicial varía de país en país, así como os mecanismos usados no seu nomeamento. Xeralmente existen varios niveis de tribunais, ou xulgados, coas decisións dos tribunais inferiores sendo apelables ante tribunais superiores. Con frecuencia existe unha Corte Suprema ou Tribunal Supremo que ten a última palabra. Nalgúns países existe tamén un Tribunal ou Corte Constitucional.

Provincia

Unha provincia é un tipo de división administrativa, que confire certas funcións, a nivel administrativo, ó territorio que representa. Tamén se chama provincia ao territorio limitado pola división administrativa antedita.

Este termo utilizase con características diferentes seguindo os países e as épocas históricas. Polo tanto unha provincia abarca realidades de organización territorial diversas.

Referendo

Un referendo é un procedemento xurídico polo que se somete a votación popular unha cuestión lexislativa, constitucional ou sobre calquera outra proposta para que o electorado se pronuncie sobre a súa aprobación ou o seu rexeitamento, é dicir a súa ratificación ou non.

É o mecanismo de democracia directa por antonomasia.

Na Constitución española vixente recoñécense dous tipos de referendos, un de carácter consultivo atópase regulado no artigo 92, e outros vinculantes referidos a mudanzas constitucionais e aprobación de estatutos de autonomía.

Transición española

A transición española foi un período político da España moderna, que transcorre desde a morte do xeneral Francisco Franco o 20 de novembro de 1975 ata a entrada en vigor da Constitución española de 1978.

No período tivo lugar a transformación social do estado español desde a ditadura ata a democracia.

Con todo, non hai consenso entre os politicólogos para delimitar a data no que se entende consumada a transición, e así, propóñense outros fitos como:

A superación do errado golpe de estado do 23 de febreiro de 1981.

A primeira vitoria electoral dun partido de esquerdas (PSOE) nas eleccións xerais do día 28 de outubro de 1982.

Incluso hai quen sitúa o fin da transición no primeiro relevo pacífico dun goberno elixido en democracia logo da II República Española (eleccións do ano 1996, gañadas polo Partido Popular).

A idea dunha transición incompleta, inacabada ou mal feita tamén é unha vertente con certo corpo dentro da sociedade do Estado español, principalmente no electorado de esquerda e nos grupos nacionalistas tirante o nacionalismo español. Tamén é unha reflexión de peso dentro de asociacións pola recuperación da memoria histórica ou de reivindiacion de dereitos dos represaliados polo réxime franquista..

Uruguai

O Uruguai, oficialmente a República Oriental do Uruguai (en castelán: República Oriental del Uruguay escoitar ), é un país de América do Sur. Limita ao norte e nordeste co estado de Río Grande do Sur (Brasil), ao oeste co río Uruguai coas provincias arxentinas de Entre Ríos e Corrientes, ao suroeste co esteiro do Río da Prata o cal o separa de Buenos Aires (Arxentina) e ao sueste co océano Atlántico.

O seu territorio, cunha superficie de máis de 176.000 km², é o segundo máis pequeno do subcontinente detrás de Suriname e áchase dividido administrativamente en 19 departamentos.

Segundo as Nacións Unidas é o país de Latinoamérica co nivel de alfabetización máis alto.

Segundo o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), é o terceiro país de Latinoamérica (despois da Arxentina e de Chile), que posúe o maior Índice de Desenvolvemento Humano (IDH). Tamén é o país de Latinoamérica (xunto con Costa Rica), coa distribución de ingreso máis equitativa, tomando a relación entre o ingreso do 10% máis rico e o do 10% máis pobre da poboación; o quinto, (despois de Cuba, Costa Rica, Chile e Ecuador, coa esperanza de vida máis alta, respectivamente; e o terceiro, despois da Arxentina e Chile, co PIB per cápita máis alto, e o décimo país de Latinoamérica co PIB máis alto.

Segundo o informe do ano 2009 de "Reporteiros sen fronteiras", o Uruguai é o país onde máis liberdade de prensa hai en Sudamérica. Así mesmo é o país máis democrático de toda Latinoamérica, segundo o "Índice de Democracia" de The Economist, sendo xunto a Costa Rica os únicos países latinoamericanos considerados como unha 'democracia completa'. O Uruguai foi o primeiro país latinoamericano, e o segundo en todo o continente americano, en recoñecer e legalizar a unión civil, incluíndo parellas homosexuais.

Poderes
Formas de goberno
Réximes e sistemas
Tipos de poder
Clases de estado
Conceptos
Procesos
Divisións administrativas
Cargos
Disciplinas
Ideoloxías
Actitudes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.