Demetrio de Montferrato

Demetrio de Montferrato (en italiano: Demetrio del Monferrato; grego: Δημήτριος Μομφερρατικός, trans. Dēmētrios Momferratikós), nado en Tesalónica, Grecia en 1205 e finado en Amalfi, Italia, en 1230, foi rei de Tesalónica desde 1207 até 1224. Foi o fillo de Bonifacio de Montferrato e a súa segunda esposa Margarida de Hungría. Sucedeu ao seu pai en 1207 como rei de Tesalónica, baixo a rexencia da súa nai. A rexencia foi tomada por Oberto II de Biandrate que se negou a xurar lealdade a Henrique I emperador latino de Constantinopla, quen invadiu Tesalónica para impor a súa autoridade, capturando a Oberto e coroando a Demetrio o 6 de xaneiro de 1209. Teodoro Comneno Ducas de Epiro atacou o reino de Tesalónica, que se debilitou cando moitos dos seus cabaleiros regresaran a Europa occidental, e entrou na cidade en decembro de 1224, depondo a Demetrio. Demetrio legou os dereitos de Tesalónica a Federico II de Alemaña (aínda que este último renunciou aos seus dereitos en favor do marqués Bonifacio II de Montferrato) e regresou a Italia, onde morreu en 1230.

Demetrio de Montferrato
Nacemento1205
 Tesalónica
Falecemento1230
 Amalfi
Relixióncatolicismo
Ocupacióngobernante
PaiBonifácio I de Monferrato
NaiMargarida da Hungria
IrmánsGuilherme VI de Monferrato e John Angelus of Syrmia

Primeiros anos

Demetrio foi o fillo do marqués Bonifacio de Montferrato con Margarida de Hungría, a viúva do emperador bizantino Isaac II Anxo[1][2]. A consecuencia da Cuarta Cruzada Bonifacio conseguira para si o reino de Tesalónica na repartición do botín[3]. Casando coa antiga emperatriz bizantina, resultoulle máis fácil de conseguir o apoio dos membros da aristocracia bizantina[4]. Cando o fillo de Bonifacio naceu en 1205, levou o nome de San Demetrio, o patrón de Tesalónica.

Rei de Tesalónica

Greece in 1210V1
O Reino de Tesalónica e os seus vasalos en 1214.

Bonifacio foi morto nunha batalla contra os búlgaros en 1207, e Kaloyan de Bulgaria inmediatamente cercou Tesalónica[5]. O cerco terminou co asasinato de Kaloyan, pero o goberno de Demetrio non estaba seguro. Os magnates máis influentes do reino conspiraron na súa contra, planeando substituír ao gobernante infante co seu medio irmán, o marqués Guillerme VI de Montferrato. O emperador latino Henrique de Flandres decidiuse a deter este movemento e avanzou sobre Tesalónica en decembro de 1208[6]. Os baróns, acaudillados polo conde Oberto II de Biandrate, pecharon as portas da cidade ante o emperador e presentaron varias demandas pouco razoábeis[7]. O emperador finxiu aceptar os termos de Biandrate (a condición de que Margarida os aceptase) o tempo suficiente para que puidese entrar á cidade. Margarida recibiu instrucións de facer caso omiso dos termos e Henrique coroou rei ao mozo Demetrio o 6 de xaneiro de 1209 e obtivo xuramento de vasalaxe dos baróns lombardos[8]. As accións do emperador foron confirmadas polo papa Inocencio III.

Os dereitos do novo rei estaban ameazados polas guarnicións lombardas de Biandrate en importantes fortalezas como Serres e Kavala. Henrique tomou Serres, pero Kavala resistiu. Coa esperanza de chegar a unha reconciliación, o emperador convocou á nobreza do reino de Tesalónica a un parlamento en Ravennika, pero moitos señores non se someteron. Despois dunha maior acción militar, Henrique obtivo a submisión de Biandrate e do resto dos señores lombardos. Repeleu o ataque epirota sobre Tesalónica en 1210 e deixou ao seu irmán menor Eustaquio como rexente do rei Demetrio. A situación cambiou de novo á morte de Henrique en 1216[9].

O novo emperador latino, Pedro de Courtenay, foi convencido polos señores lombardos e outorgou a Guillerme de Montferrato o reino antes de abandonar Italia[10]. A raíña nai Margarida fuxiu a Hungría, pero Demetrio aparentemente permaneceu no seu lugar, mentres que o emperador Pedro foi capturado e finalmente executado por Teodoro Comneno Ducas en Epiro[11].

Exilio e morte

O gobernante de Epiro, Teodoro Comneno Ducas, explotou a disensión entre a nobreza de Tesalónica para conquistar gradualmente as cidades fortificadas do reino unha tras outra[12]. Aínda que Guillerme de Montferrato se mostrou remiso a desposuír ao seu medio irmán, estivo de acordo en levar unha cruzada para axudar a Tesalónica en 1222, e preparouse para partir, enviando previamente a Oberto de Biandrate[13]. Antes de que a forza principal desta cruzada chegase a Tesalónica, con todo, Teodoro forzou a rendición da cidade en decembro de 1224[14]. Xunto co arcebispo latino, o rei Demetrio fuxiu á corte do emperador Federico II Hohenstaufen en Italia. Demetrio participou na cruzada de Federico no Levante, e morreu en 1230 en Amalfi, despois de ceder os seus dereitos sobre Tesalónica a Federico II[15][16].

Notas

  1. Gibbon 2006 p. 240
  2. Setton 1976 p. 29
  3. Finlay, 2009, p. 135
  4. Moriondus 1790 p. 176
  5. Finlay, 2009, p. 136
  6. Finlay, 2009, p. 125
  7. Finlay, 2009, p. 127
  8. Fine, 1994, pp. 88–89
  9. Finlay, 2009, p. 118
  10. Finlay, 2009, p. 137
  11. Finlay, 2009, p. 129
  12. Finlay, 2009, p. 145
  13. Finlay, 2009, pp. 137–138
  14. Fine, 1994, pp. 119–120
  15. Miller, 1908, p. 85
  16. Sturdza, 1999, p. 542

Véxase tamén

Bibliografía

  • Cheetham, Nicolas (1981). Medieval Greece (en inglés). Yale University Press. ISBN 0300105398.
  • Fine, John Van Antwerp (1994). The Late Medieval Balkans: A Critical Survey from the Late Twelfth Century to the Ottoman Conquest (en inglés). University of Michigan Press. ISBN 9780472082605.
  • Finlay, George (2009) [1851]. The history of Greece from its conquest by the Crusaders to its conquest by the Turks, and of the empire of Trebizond, 1204-1461 (en inglés). University of Michigan Press. ISBN 1150606843.
  • Gibbon, Edward (2006). Historia de la decadencia y caída del Imperio Romano. Tomo IV: El Imperio de Oriente y las cruzadas (años 733 a 1261). Fin del Imperio de Oriente y coronación de Petrarca (años 1204 a 1430). Turner. ISBN 8475067565.
  • Miller, W. (1908). The Latins in the Levant. A History of Frankish Greece (1204-1566) (en inglés).
  • Moriondus, J. B. (1790). "Historiam Aquensem,Monferratensem ac Pedemontanam". Monumenta Aquensia (en latín) 2. Turín.
  • Setton, Kenneth Meyer (1976). The Papacy and the Levant, 1204-1571: The thirteenth and fourteenth centuries (en inglés). American Philosophical Society.
  • Sturdza, M. D. (1999). Dictionnaire Historique et Généalogique des Grandes Familles de Grèce, d'Albanie et de Constantinople (en francés) (2 ed.). París.
Bonifacio de Montferrato

Bonifacio de Montferrato (en italiano: Bonifacio I del Monferrato, en grego: Βονιφάτιος ο Μομφερατικός, Vonifátios Momferratikós), nado en 1150 e finado o 4 de setembro de 1207, foi marqués de Montferrato desde 1191 até a súa morte en 1207. Era o terceiro fillo de Guillerme V de Montferrato e Xudit de Babenberg, nado despois do regreso do seu pai da Segunda Cruzada. Os seus irmáns maiores foron Guillerme de Montferrato, conde de Xaffa e Ascalón e Conrado de Xerusalén, ao que sucedeu como Bonifacio I en 1191.Entre 1191 e 1193 combateu no bando dos emperadores Federico I Barbarroxa e Henrique VI de Alemaña contra a liga Lombarda e en 1194 contra Sicilia. En 1201 foi elixido en Soissons xefe da Cuarta Cruzada, que terminou coa captura e o saqueo de Constantinopla en 1204.

Despois da conquista, Bonifacio aproveitou a fama da súa familia na rexión para conseguir ser proposto como emperador do novo Imperio Latino, pero perdeu a elección ante Balduíno de Flandres, que se convertería no primeiro emperador latino. Fundou o Reino de Tesalónica e enfrontouse a continuas ameazas do Imperio búlgaro no norte, contra as que se aliou co emperador Henrique I de Constantinopla. Morreu durante un enfrontamento cos búlgaros o 4 de setembro de 1207.

Reino de Tesalónica

O Reino de Tesalónica (en grego: Βασίλειο της Θεσσαλονίκης) foi un efémero Estado Cruzado fundado despois da Cuarta Cruzada sobre os conquistados territorios bizantinos. Foi vasalo do Imperio Latino. Despois da caída de Constantinopla polos exércitos da Cuarta Cruzada en 1204, os nobres bizantinos fuxiron e establecéronse tanto en Asia Menor - (Imperio de Nicea, Imperio de Trebisonda), como en Tracia e Epiro no continente grego - (Despotado de Epiro).

O marqués Bonifacio de Montferrato, un dos líderes da cruzada, comprou os dereitos de Venecia sobre Tesalónica, onde se estableceu como rei despois de non ser elixido emperador do novo Imperio latino. Bonifacio estendeu o seu reino cara ao norte para incluír a Macedonia e cara ao sur a Tesalia. Foi sucedido como rei en 1207 polo seu fillo infante Demetrio.Con todo, entre 1215 e 1217, Teodoro Comneno Ducas de Epiro conquistou a maior parte de Macedonia, e logo presionou a Tesalia. Teodoro atacou o Reino de Tesalónica, que fora debilitado pola partida de moitos dos seus cabaleiros que regresaron a Europa occidental. Teodoro entrou na cidade de Tesalónica en decembro de 1224 e depuxo a Demetrio.

Roberto I de Constantinopla

Roberto I de Constantinopla ou tamén Roberto de Courtenay, nado en 1201 e finado en Morea, Grecia, en xaneiro de 1228, foi emperador latino de Constantinopla desde 1221 até 1228. Foi tan ineficaz que o Imperio latino (consolidado polo seu tío, Henrique de Flandres) foi reducido enormemente ao final do seu reinado.

Roberto era un fillo de Pedro II de Courtenay (morreu a principios de 1219) e Iolanda de Flandres e Hainaut, que foi a emperatriz rexente dos seus fillos até a súa morte en setembro de 1219. O seu fillo maior, Filipe de Namur, rexeitou abandonar Francia e renunciou á sucesión en favor de Roberto, un mozo irresponsable, que foi coroado en Constantinopla o 25 de marzo de 1221. Roberto comprometeuse con Eudoxia Lascarina, filla do emperador grego de Nicea, Teodoro I Láscaris. En 1225 o sucesor de Teodoro, Xoán III Ducas Vatatzés, obrigou a Roberto a ceder a maior parte dos territorios orientais do seu Imperio latino en Asia Menor, e para 1228 Teodoro Comneno Ducas, o déspota de Epiro, apoderouse de Tesalónica e foi coroado alí emperador. Mentres tanto Roberto repudiara a Eudoxia e tomou unha amante francesa, que foi mutilada na revolta que seguiu polos propios baróns de Roberto. Fuxiu a Roma para pedir un resarcimiento ao Papa, quen o convenceu de volver a Constantinopla, pero na súa viaxe de regreso, a principios de 1228, morreu en Morea.

Teodoro Comneno Ducas

Teodoro Comneno Ducas (en grego: Θεόδωρος Κομνηνός Δούκας, Theódōros Komnēnós Dúkas); nado aprox. en 1180/1185 e finado aprox. en 1252, foi déspota de Epiro desde 1215 até 1230. A data exacta do seu nacemento é descoñecida, pero foi probabelmente entre 1180 e 1185. Foi o medio irmán do fundador do Despotado de Epiro, Miguel I Comneno Ducas, fillo de Xoán Ducas, o neto do emperador bizantino Aleixo I Comneno. Teodoro, que aspiraba a reconquistar Constantinopla, asumira os tres nomes imperiais de Anxo, Ducas e Comneno. Pouco despois de asumir o poder capturou nos montes albaneses ao novo emperador latino Pedro II de Courtenay, que viaxaba desde Dirraquio a Constantinopla para se instalar no seu trono.

En 1224 tomou posesión do reino latino de Tesalónica e alí foi coroado emperador. Mentres se preparaba para atacar a mesma Constantinopla, tivo coñecemento das negociacións entre Iván Asen II de Bulgaria e a familia imperial latina, e decidiu marchar contra os búlgaros, pero foi derrotado na batalla de Klokotnitsa en 1230. Sendo feito prisioneiro e logo cegado, viuse obrigado a abdicar en favor do seu irmán Manuel. Teodoro permaneceu prisioneiro do emperador búlgaro até 1237, cando Iván Asen II casou coa súa filla e logo concedeulle a liberdade. Regresou a Tesalónica xunto ao seu fillo Xoán a gobernar o reino, que nese momento estaba ameazado por Xoán III Ducas Vatatzés, emperador de Nicea. Terminou a súa vida nunha prisión nicena, onde en 1252 Xoán III o deportara.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.