Decembro na cultura popular galega

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de decembro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Ademais da máis coñecida denominación popular de Nadal ou mes de Nadal, por razóns obvias, decembro tamén recibe o nome de mes de Santa Baia, en Dumbría (Constantino García González).

O Nadal

A festividade popular máis destacada do mes de decembro é o Nadal, conxunto de celebracións que comezan coa Noiteboa, na noite do 24 de decembro, e rematan cos Reis, o 6 de xaneiro. Esta festa dálle nome ó propio mes de decembro, tamén coñecido como Nadal ou Natal.

Artigo principal: O Nadal na cultura popular galega.

Na cea de Noiteboa servíase un prato máis para que os familiares mortos puidesen compartir coa familia esta celebración. Tamén deixábase a mesa sen recoller para que comesen as ánimas dos ausentes, para os que tamén se deixaba a lareira acesa. Deste xeito, podían gozar de calor e comida na casa á que pertencían.

Outro costume destas datas era deixar na lareira un gran leño, denominado Tizón de Nadal, que había permanecer encendido desde a Noiteboa ata Aninovo, conservándose logo o resto do ano para protexe-la casa das treboadas.

Léxico

  • Cepo do nadal: dise do home gordecho e pequeneiro.

Refraneiro

Cocido galego
No Nadal, alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote.
  • A castaña no nadal, sabe ben e parte mal.
  • A Concepción sempre trai a súa arribazón [1].
  • A un tempo non pode ser o gastar e mailo ter, nin que luza o sol na eira sin que chova no Nadal.
  • Aceitona, unha por san Xoán e un cento por Navidá.
  • Aí vén o mes de Nadal, que non deixe o millo sin apañar.
  • Allo, ¿por que non fuches bo? Porque Nadal posto non me atopou.
  • As festas do ano por onde quixeres, as Navidades, coas túas mulleres.
  • Ata as Navidás nin fame nin frío; das Navidás pra diante fame e frío bastante.
  • Cando chove por Santa Lucía, non hai sardiña [2][3].
  • Cando Nadal nada, sinal de boa anada [4].
  • Castañas no Nadal, saben ben e pártense mal.
  • Chovendo o día de santa Viviana, chove un mes ou sete semanas [5].
  • Chuvia por Santa Lucía, tolle a sardiña [6].
  • Comenza a crecer o día pola Santa Lucía [7].
  • De san Tomé a san Matías poden as noites cos días [8].
  • De San Xoán prás Navidás, os días van pra atrás.
  • De san Xoán, Santiago e agosto, mulleres, non son voso; dende Nadal a marzo, estarei ó voso lado [9].
  • De santo Tomé a san Matías máis poden as trebas cos días.
  • De santo Tomé a san Matías son máis longas as noites cós días.
  • De Santos a Nadal é o inverno natural.
  • De Santos a Navidá é inverno de verdá [10].
  • De Santos a Navidá hai inverno de verdá [10].
  • De Santos ás Navidás hai sequía de verdá.
  • De Santos ó Nadal é o inverno natural.
Chicken-Mindaugas Urbonas-1
Desde Santa Lucía crece o día como a pisada dunha pita.
  • Dende Santos a Nadal é inverno natural [10].
  • Desde Santa Lucía crece o día como a pisada dunha pita [11].
  • Desde Santos a Natal é inverno caroal.
  • Despois de Nadal os días medran, dun para outro, o pé dunha pita.
  • Día de San Nicolau está a neve de pau en pau, e, senón, está no chau [12].
  • Día de Santa Lucía, enchente de agua ou de sardiña [7][13].
  • Día de santa Lucía, o salto dunha pulga ó día [13][14].
  • Día de santo Tomé, ó porco polo pé [15][16].
  • Día de santo Tomé, colle o porco polo pé.
  • Dios nacido, días crecidos.
  • Entre Santos e Nadal fai inverno carnal [10].
  • Entre Santos e Natal, arrieiriño non vaias ó sal, que perderás o caudal [17].
  • Entre Santos e Nadal, inverno caroal.
  • Frío por Nadal, calor desde san Xoán.
  • Mentres Deus non é nacido nada é crecido.
  • Nadal mollado e xaneiro ben xeado [18].
  • Nadal sen porco non veñan moitos.
  • Navidade en venres, sementa onde puideres, navidade en domingo, vende os bois e bótao en trigo.
  • Nin en agosto camiñar, nin en decembro navegar [19].
  • No mes de Nadal, a carón da lareira vaite sentar.
  • No mes de Nadal gárdate a carón do lar.
  • No Nadal, alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote.
  • No Nadal hai veces que se come ó pardal.
  • No Nadal inverno a fartar.
  • No santo Tomé, agarra o porco polo pé.
  • Non chover nin ventear en Santos e Nadal [20].
  • Non gabes nin desgabes hastra que pasen sete navidades.
  • O bo nabal comeza por Santiago e acaba con Nadal.
  • O coello, por san Xoán, e a perdiz por Navidá.
  • O día de San Nicolau anda o sol de pau en pau.
  • O día de santa Lucía medra o día a pasadiña dunha galiña [13].
  • O día de santa Lucía mengua a noite e medra o día.
  • O que non é o día de Santa Lucía, é pro outro día [7].
  • O que queira bo allar que o bote no natal.
Garlic
Os allos en Nadal, nin nados nin por sementar.
  • Os allos en Nadal, nin nados nin por sementar.
  • Os allos en Navidá, nin crecidos nin sen sembrar.
  • Os días medran o batacú do piollo cada día dende o Nadal.
  • Pola santa Lucía, a pata dunha galiña [13].
  • Pola santa Lucía, mascatos na badía [21][22].
  • Pola santa Lucía mengua a noite e medra o día.
  • Pola santa Lucía, neve na pía, polo san Nicolau neve no pau.
  • Pola santa Lucía xa medra un palmo o día.
  • Pola santa Lucía xa o caldo alumía.
  • Pola vindima vende as tuas galiñas; pola Navidá, vólveas mercar [23].
  • Polo Nadal, frío cordial [18].
  • Polo san Andrés agarra o porco polos pés, e se non o queres matar, déixao para Navidá.
  • Polo san Martiño, mete o porco no cortelliño.
  • Polo san Nicolau neva en cada pau, e se non é ese día é o terceiro que é día da Virxe María [17].
  • Polo san Tomé colle o porco polo pé [16].
  • Polo san Tomé dálle ó porco polo pé.
  • Polo santo Tomé, dálle polo pé e se non é groso, nunca é.
  • Pon, poliña, pon, pola Conceición.
  • Por Nadal, cada ovella ó seu curral [18].
  • Por san Andrés, agarra o porco polos pés; e se non o queres matar, déixao pra Navidá [16].
  • Por san Uxío e santa Baia anda o tempo á trocalla [24].
  • Por santa Eulalia, trompos á borralla [25].
  • Por santa Lucía mascatos pola badía.
  • Por santa Lucía medra o día unha pisada dunha galiña.
  • Por santa Lucía non cae a noite como o día.
  • Por santa Lucía saca da noite e mete no día.
  • Por santa Lucía, o allo quer ve-lo día.
  • Por Santos e Nadal, inverno caroal.
  • Pra matar o porco tanto ten o día de santa Lucía como pro outro día.
  • ¡San Silvestre, meigas fóra! [26].
  • Santa Lucía anda co porco á porfía.
  • Santa Lucía, auga ou sardiña.
  • Santa Lucía quítalle á noite e ponlle ó día.
  • Santa Lucía saca da noite e mete no día.
  • Santa Vivián, mociñas no liño e vellas na lan [27]
  • Santo Tomé, agarra o cocho polo pé.
  • Santos e Nadal, inverno caroal [10].
  • Santos e Natal, inverno carnal.
  • Se a noite de Navidá for de luar, labra ben pra sementar; se a noite de Navidá fose de escuro, sementa no terrón duro.
  • Se chove o día de Santa Viviana, chove cuarenta días e unha semana.
  • Se o Nadal nada, sinal de boa anada [18].
  • Se para Santa Lucía non hai neve na pía, haina para o outro día.
  • Se polo Nadal neva, todo se aleda.
  • Se treboa por santo Tomás, inda o inverno está por marchar.
  • Sementeira na semana de San Román nin palla nin gran; sementeira na de Santa Baia, gran e mais palla [28].
  • Tantos días de sol en nadal como de auga en San Xoán.
  • Un mes antes, e outro dispois de Navidá, é inverno de verdá [29].

Cantigueiro

  • Déano-lo aguinaldo/ anque sea pouco/ un bo bacalao/ e mais metá doutro,/ de postres compota/ e tamén castañas/ boenas e bien grandes/ un molete enteiro/ e un queixo de Flandes./ Diolo pague, Señora,/ Dios queira que d'hoxe un ano/ me dea usté el aguinaldo/ con sus queridiñas manos.
  • O dous de Nadal/ con vento do alto/ morréuselle a cabra/ a don Jose Pardo [30].
  • Señor Xués non me prenda/ que eu lle direi a verdá,/ que lle estuven cunha nena/ a noite de Navidá.
  • Son voltas, son voltas,/ son voltas que o mundo dá,/ son voltas, son voltas/ da noite de Navidá [31].

Notas

  1. A Concepción de María celébrase o 8 de decembro. Arribazón designa unha grande afluencia de peixe nunha determinada época do ano (arribazón de sardiña).
  2. Lino Lema Bouzas, 3.
  3. Clodio González Pérez, 146.
  4. Aplícase en Santiago e arredores a cando chove suave e regularmente por Nadal, o que favorecerá claramente a colleita de centeo. Eugenio Reguera y Pardiñas: Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, al castellano (1840-1858), ed. de J. L. Pensado (Cadernos de Lingua, RAG, 1995.
  5. Santa Viviana, 2 de decembro.
  6. Eladio Rodríguez González, s. v. chuvia.
  7. 7,0 7,1 7,2 Eladio Rodríguez González, s. v. día.
  8. San Tomé, 21 de decembro; San Matías celebrábase o 24 de febreiro, se ben actualmente trasladouse ó 14 de maio.
  9. Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Eladio Rodríguez González, s. v. Santos.
  11. Santa Lucía, 13 de decembro.
  12. San Nicolao, 6 de decembro. Eladio Rodríguez González, s. v. día.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Rosario Soto Arias 2013.
  14. Comezan a medrar os días, aínda que moi lentamente.
  15. Santo Tomé, 21 de decembro.
  16. 16,0 16,1 16,2 Eladio Rodríguez González, s. v. porco.
  17. 17,0 17,1 Elixio Rivas Quintas (1978).
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 Eladio Rodríguez González, s. v. Nadal.
  19. Lino Lema Bouzas, 6.
  20. Eladio Rodríguez González, s. v. chover.
  21. Eladio Rodríguez González, s. v. mascato.
  22. Lino Lema Bouzas, 8.
  23. Eladio Rodríguez González, s. v. viña.
  24. San Uxío, 15 de novembro; Santa Baia debe ser o 10 de decembro (Santa Baia de Mérida), aínda que podería ser o 12 de febreiro (Santa Baia de Barcelona).
  25. Santa Eulalia é unha forma culta por santa Baia, de introdución recente por cadrar co castelán.
  26. San Silvestre, 31 de decembro.
  27. Santa Vivián, 2 de decembro.
  28. San Román de Antioquía, 18 de novembro; santa Baia de Mérida, 10 de decembro.
  29. Eladio Rodríguez González, s. v. mes.
  30. Pérez Ballesteros II, 62.
  31. Fermín Bouza Brey 1929, 199.

Véxase tamén

Bibliografía

Aninovo

O Aninovo é a festa que conmemora o inicio dun novo ano. A data en que se realiza esta celebración depende do tipo de calendario utilizado, sendo a máis común a do 1 de xaneiro, data segundo o calendario gregoriano, que foi instaurado polo papa Gregorio XIII en 1582 e utilízase na maioría dos países do mundo.

Apalpador

O Apalpador, Apalpa-Barrigas ou Pandigueiro é a figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición do Nadal do que existen testemuñas nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares , aínda que se está a recuperar en toda Galicia. O Apalpador baixa a noite do 24 ou 31 de decembro segundo a zona, para visitar os nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas, eventualmente algún regalo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándolles "así estexas todo o ano".

Decembro

Decembro (tamén chamado Nadal) é o duodécimo e derradeiro mes do ano no calendario gregoriano e ten 31 días. O seu nome é derivado do latín, por ser o décimo mes do calendario romano.

Epifanía

A Epifanía (do grego ἐπιφάνεια que significa 'manifestación, fenómeno milagroso') é unha festa relixiosa cristiá segundo a cal Xesús toma unha presenza humana na terra, é dicir Xesús dáse a coñecer.

Hold Nickar

Hold Nickar, aínda que sexa relacionado por algúns con Nickar (nikr ou nicor, un demo escandinavo das augas), parece ser, na verdade, unha forma corrompida de Hjaldr Hnikar, un dos títulos do deus teutónico Odín e que significa «Incitador de Batallas». O Odín «Hjaldr Hnikar» causaba destrución a través de tempestades no océano. Tanto o Nickar canto Odín son representados como vellos con cabelos e barba agrisados, aínda que o demo Nickar tamén poida asumir a aparencia dun neno con pernas de cabalo.Hold Nickar pode ser aínda a orixe do nome «Old Nick», un sinónimo para «diaño» en lingua inglesa.

Mari Lwyd

O Mari Lwyd é unha celebración que forma parte das tradicións do nadal e aninovo de Gales e que se conserva nalgunhas zonas, en particular en Llangynwyd e Maesteg, recuperándose recentemente noutras localidades.

Nadal

Este artigo trata sobre a celebración cristiá, para o artigo sobre o mes de nadal vexa decembro.O Nadal (do latín dies natalis 'día do nacemento') é unha festa cristiá que conmemora o nacemento de Xesús de Nazaret. A Igrexa católica latina, as Igrexas protestantes e a maioría das Igrexas ortodoxas celébrana o 25 de decembro. Algunhas Igrexas ortodoxas e católicas orientais celébrana o 7 de xaneiro, xa que non aceptan o calendario gregoriano.

Noiteboa

A Noiteboa é a celebración cristiá do nacemento de Xesús. Celébrase a noite do día 24 de decembro, a véspera do día de Nadal (o día 25 de decembro) onde se mesturan antigas tradicións pagás indoeuropeas do solsticio de inverno.

Os costumes varían duns países a outros, pero é bastante común reunirse para cear toda a familia, e facer agasallos sobre todo, nos países protestantes.

O costume actual en Galiza é unha cea familiar onde se comen mariscos, peixe (principalmente bacallau e pescada) e unha carne no forno (año, capón ou pavo), despois remátase con sobremesas, tradicionalmente figos secos, castañas e noces, hoxe doces importados: turróns, mazapáns, panettones e tortas varias coma o tronco de Nadal. Cántanse panxoliñas acompañadas dunha pandeireta e vieiras. Tradicionalmente acendíase o tizón de Nadal e viña o Apalpador. Hoxe repártense agasallos baixo a árbore de Nadal seguindo as tradicións centroeuropeas de Papá Noel, que en parte substitúe a tradición de Reis que, á súa vez, substituíu ao Apalpador propio. Aínda que non é unha noite de troula, algúns mozos si saen hoxe en día.

No eido relixioso, nas igrexas celébrase ás 12 da noite a misa do galo, que debe o nome ao costume de levar un galo, costume documentado xa na Idade Media. Parece estar relacionado co canto do galo que anuncia o día, simbolizando que nesa noite chega a luz que vence o príncipe das tebras, é dicir, o demo. Dentro da celebración festiva desta data, inclúense bromas entre os fieis que asisten á misa, como cose-las saias de dúas mulleres que senten xuntas ou botar tinta na pía da auga bendita.

Noitevella

A Noitevella é a derradeira noite do ano, comprendendo dende 31 de decembro ata o 1 de xaneiro (día de Aninovo).

O Nadal na cultura popular galega

As festas do Nadal en Galicia comparten rituais coa mesma festividade de Nadal noutros lugares, aínda que se poden destacar algunhas peculiaridades. Comprenden diferentes celebracións entre os días 24 de decembro e o 6 de xaneiro e teñen como eixo a conmemoración do nacemento de Xesús, malia que os etnógrafos concordan en que as verdadeiras raíces son moi anteriores e están relacionadas co solsticio de inverno sobre as que houbo unha superposición relixiosa .

Olentzero

O olentzero ou olentzaro é un personaxe da tradición do Nadal vasca. Trátase dun carboeiro mitolóxico que trae os agasallos o día de Nadal. Sobre da súa orixe, a hipótese máis estendida[Cómpre referencia] é que o olentzero é anterior á cristianización do País Vasco e que, como indica Claude Labat "o personaxe do Olentzero debe ser situado dentro das celebracións do solsticio de inverno". Estaría ligado á tradición do Apalpador en Galiza.[Cómpre referencia]

Panxoliña

A panxoliña é un subxénero da lírica consistente nunha composición popular de tema relixioso que se canta polo nadal.

Segundo Carlos Villanueva Abelairas, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, as panxoliñas non son o mesmo que os vilancicos. Estes son pezas en lingua vulgar que se cantan nas igrexas, con textos populares ou poemas de autor, e que se usan na liturxia das festas principais en xeral. As panxoliñas, pola contra, son cancións populares cantadas polo pobo, en grupo ou individualmente ante o Belén ou na festa do Nadal.

Sábese da existencia de panxoliñas desde o século XV, mais non nos chegou ningún documento que explique as súas características, só referencias a como se organizaban os veciños para lle iren cantar ao neno Xesús e ao portal dos Reis.

Papá Noel

Papá Noel ou Santa Claus é o personaxe lendario que segundo a cultura occidental trae agasallos aos nenos por Nadal. É un personaxe inspirado nun bispo cristián de orixe grega chamado Nicolao, que viviu no século IV na Anatolia, nos vales de Licia (na actual Turquía). Era unha das persoas máis veneradas polos cristiáns da Idade Media, do que aínda hoxe se conservan as súas reliquias na basílica de San Nicolao, en Bari (Italia).

Reis Magos

Os Reis Magos (tamén coñecidos como os Magos de Oriente) é o nome polo que tradicionalmente se denomina aos visitantes que, tras o nacemento do Neno Xesús, acudiron desde países estranxeiros para renderlle homenaxe e entregarlle agasallos de gran riqueza simbólica: ouro, incenso e mirra.

Tarxeta de nadal

Unha tarxeta de nadal é unha tarxeta de felicitación que se envía a familiares, amigos ou clientes para desexarlles un bo nadal, tradicionalmente envíabase polo correo, dentro dun sobre ou franqueada como postal, xa unhas semanas antes do día de nadal, coa chegada de internet tamén se utiliza este medio para mandalas. Normalmente utilízase unha frase feita, en galego Bo Nadal e Feliz Aninovo.

Tizón de Nadal

O tizón de Nadal ou cepo de Nadal (tamén cachopo de Nadal) é un gran madeiro que na Noiteboa se prende na lareira coidadosamente limpa e varrida. É unha tradición ancestral galega e doutras partes do centro e oeste de Europa ligada a ritos pagáns indoeuropeos e celtas das celebracións do solsticio de inverno. Simboliza destruír o vello para dar paso ao novo.

Tió de Nadal

O Tió de Nadal é un personaxe mitolóxico catalán e a base dunha tradición moi arraigada en Cataluña. Esta tradición tamén se pode atopar en Occitania baixo o nome Cachafuòc ou Soc de Nadal, e en Aragón como Tronca de Nadal ou Toza.

Estaría emparentado coa a árbore de Nadal e, en Galicia co tizón de Nadal, un tronco que se deixa queimar dende a Noiteboa ata Aninovo para afastar os espíritos da casa.

Vilancico

O vilancico é un subxénero da lírica consistente nunha cancionciña de corte popular, de métrica moi variada e de temas moi diversos (entre eles os de nadal); mesmo pode presentar unha estrutura de glosa, encabezada por unha cancionciña, que vai seguida dunha serie variable de estrofas iguais entre si. É esta a estrutura habitual dos vilancicos de Nadal galegos, escritos e cantados en toda a Península Ibérica durante os Séculos Escuros.

Carlos Villanueva Abelairas, profesor da Universidade de Santiago e investigador de vilancicos galegos, estabelece un punto de partida fundamental ao diferenciar entre panxoliñas e vilancicos: "Estes (refírese aos vilancicos) son as pezas en lingua vulgar que se cantan nas igrexas, con textos populares ou poemas de autor, e que se usaban na liturxia das festas principais en xeral; mentres que a panxoliña, por contra, é a canción popular que cantaba o pobo, organizadamente ou individualmente na igrexa, ante o belén e na festa de Nadal". Aínda que as panxoliñas se cantaban no século XV e XVI, non hai ningún documento que explique as características das mesmas nesa altura, e o único que sabemos é como se organizaban os veciños para ir cantar ao neno Xesús e ao portal dos Reis.

Hai moita documentación sobre vilancicos a través das partituras que quedan nas principais catedrais galegas, entre as que destacan as de Mondoñedo e a de Santiago polo número de textos conservados.

Por outra banda, formalmente o vilancico converteuse nunha especie de cantata, cun esquema típico: unha introdución (para solista), un refrán (para seis, oito, dez ou doce voces) e unhas coplas (para un pequeno conxunto vocal ou voz solista) que alternaban co refrán.

Un exemplo de vilancico galego:

Vinde, vinde, vinde, vinde,

vinde, vinde, nosas queridiñas,

vinde, vinde, vinde, vinde,

veréde-lo neno das mil marabillas.

¡Ai, que bunito, que lindo é!

¡Que pés, que pernas, que dentes, que maus!

¡Ai, que olliños! Son dúas estrelas;

non se viu tal no noso lugar.

Espertou rindo. Dixo: queridiñas,

calade, calade, calade, calá;

qu'eu ben vos sei o qu'agora fixestes,

satisfaréivo-la curiosidá. (...)

Árbore de Nadal

Unha árbore de Nadal é unha árbore decorativa, típica da festa de Nadal. Tradicionalmente emprégase unha conífera de folla perenne, coma piñeiros, piceas e abetos, destacando entre elas as especies Abies nordmanniana, Picea abies e Picea excelsa. En Galiza tamén se empregan exemplares novos de piñeiro bravo. Na actualidade tamén está moi popularizado o uso de árbores artificiais de plástico e outros materiais sintéticos. Decórase con elementos propios do Nadal como esferas, luces, estrelas, lazos, grilandas e outros elementos decorativos.

Etnografía galega
Meses do ano
Cores
Animais
Alimentos
Vexetais
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.