Dalriada

Dalriada,[1] ou Dál Riata foi o reino da tribo dos escotos existente no norte de Irlanda e na costa oeste de Escocia desde a fin do século V ata mediados do século IX. O derradeiro rei de Dalriada, Kenneth MacAlpin conseguiu unificar o seu reino co dos veciños pictos dando lugar ao reino que sería coñecido a partir de entón como Alba ou Escocia.

Dalriada
Mapa de Dalriada no ano 590. As rexións pictas están marcadas en amarelo.

Historia

Tradicionalmente considérase que na fin do turbulento século V, mentres o Imperio Romano de Occidente sucumbía ante a presión dos pobos bárbaros, un extenso clan irlandés chamado Dalriada ocupaba a costa oeste da actual Escocia (onde actualmente está o Condado de Argyll) e establecía un reino. Os dalriadanos proviñan do norte da Irlanda, do Ulster e máis precisamente do Reino de Oriel. Os romanos chamaban escotos aos piratas e saqueadores de orixe irlandesa que falaban gaélico, de onde se explica porque os dalriadanos serían coñecidos posteriormente por este nome latino, que sería a orixe etimolóxica da denominación de Escocia.

Actualmente existen serias discusións sobre se os dalriadanos chegaran realmente de Irlanda na fin do século V ou comezo do VI. Extensos traballos arqueolóxicos fallaron en probar que durante esa época se produciu unha migración en grande escala do norte de Irlanda ata o oeste de Escocia. As evidencias arqueolóxicas parecen demostrar que, ao contrario, durante esa época houbo unha continuidade da poboación que habitaba a rexión. Por iso, algúns especialistas cren que os dalriadanos eran, en realidade, os habitantes nativos de Escocia occidental, e que quizais sexan os descendentes da tribo dos Epidii, mencionados polos romanos. Sexa ou non verdadeira a lenda sobre a invasión de Escocia, existe unha relación lingüística incuestionable entre os dalriadanos e os irlandeses, xa que o gaélico escocés, idioma derivado da lingua dos dalriadanos está estreitamente ligado ao gaélico irlandés.

O rei Aedan ou Áedán Mc Gabrián, que reinou entre 574 e 608 aproximadamente, construíu unha poderosa armada naval e puxo fin á política guerreira expansionista que levou ao saqueo da Illa de Man e das Órcadas. En terra tivo menos éxito, perdendo a batalla de Degsastan en 603 contra os anglos. En 637 o poder de Dalriada no Ulster diminuíu notablemente por mor dunha decisiva derrota diante dos O'Neill (Uí Néill) en 637 na batalla de Mag Rath.

Despois destas derrotas, os dalriadanos concentráronse nas súas terras da actual Escocia, aínda que conservaron unha porción do territorio irlandés. Os seus rivais eran os pictos ao nordeste e os anglos do reino de Bernicia ao leste. Polo sur, o seu reino era limítrofe co Reino de Strathclyde, un reino británico. O outeiro de Dunadd, en Argyll, foi probablemente a sede dos reis de Dalriada. Desde os seus dominios en Argyll, os dalriadanos estendéronse polo condado de Perth, despois por Lothian e, máis tarde, ata o norte por Mur e as Terras Altas. Esta expansión colocábaos en conflito coa poboación caledonia nativa, os pictos. As longas loitas e guerras entre ambos os pobos concluíron varios séculos máis tarde, cando os pictos e dalriadanos (escoceses) se uniron nunha única nación.

Dalriada estaba dividida en tres señoríos denominados “cenel” cun cuarto que se engadiu máis tarde: o Cenél nGabráin, en Kintyre, o Cenél Loairn, en Lorne, Cenél nEógan, en Islay e Jura e o Cenél Conaill en Cowal e Bute, engadido posteriormente.

A fin do reino é confusa. Parece que Dalriada foi conquistada polo reino picto e ambos os pobos, pictos e dalriadanos acabaron uníndose. Con todo e paradoxalmente, parece que os dalriadanos aculturaron aos pictos e non ao contrario, xa que o idioma gaélico escocés estendeuse polo antigo territorio picto, así como o cristianismo, xa que os dalriadanos foron os que introduciron esta relixión a partir de Irlanda, en Escocia. Kenneth MacAlpin, un dalriadano, foi o primeiro rei dos pictos e escotos, reinando de 840 a 857. O seu reino chamouse Alba (nome en gaélico utilizado para Gran Bretaña) ou Escocia, nome que, á súa vez, deriva dos escotos. Os ataques viquingos contra Escocia durante o século X cortaron as comunicacións mariñas entre Irlanda e Escocia, rachando definitivamente os vencellos entre os territorios irlandeses de Dalriada e os propiamente escoceses. Os territorios irlandeses de Dalriada formaron un novo reino chamado Ulidia.

Lista de reis de Dalriada

Notas

  1. "Entrada escoto en Digalego". Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2018. Consultado o 11 de agosto de 2019.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Studies in the history of Dalriada, John Bannerman, Scottish Academic Press, 1974. tapa dura, 178 páxinas, Scottish Academic Press ISBN 0-7011-2040-1
  • The Isles, A History por Norman Davies, Oxford University Press, 1999, ISBN 0-19-514831-2
  • Saints and Sea-kings. The First Kingdom of the Scots por Ewan Campbell, Canongate Books for Historic Scotland, 1999, ISBN 0-86241-874-7
Comgall mac Domangairt

Comgall mac Domangairt foi rei de Dalriada a comezos do século VI. Era fillo de Domangart mac Fergusa e neto de Fergus Mòr Mac Earca. Os Anais de Úlster estabelecen a súa morte no anos 538, 542 e 545, e nos Anais de Tigernach en 537.

Dúngal mac Selbaig

Dúngal mac Selbaig foi rei de Dalriada. O seu reinado pode situarse entre os anos 723 e 726, comezando coa abdicación do seu pai, Selbach mac Ferchair, que entrou nun mosteiro, e rematando co alzamento de Eochaid mac Echdach dos Cenél nGabráin. O poema medieval Duan Albanach chama a Dúngal o Impetuoso, e di que reinou durante sete anos.

Durante unha xeración antes do reinado de Dúngal, os Cenél Loairn enfrontáronse ós Cenél nGabráin polo control de Dalriada. Semella que o pai de Dúngal conseguira derrotar ó seu rival pouco antes de abdicar. Por calquera que sexa a razón, Dúngal perdeu axiña o poder fronte ós Cenél nGabráin. O seu pai abandonou o mosteiro e tentou recuperar o poder para o seu fillo, pero non foi quen.

Eochaid mac Echdach

Eochaid mac Echdach foi rei de Dalriada dende 726 até 733. Era fillo de Eochaid mac Domangairt.

Eochaid chegou ó poder como rei de Dalriada en 726, presumiblemente derrocando a Dúngal mac Selbaig. É posible que Selbach tentase restaurar ó seu fillo no poder, e loitou contra os seguidores de Eochaid en Irros Foichnae en 727, pero sen éxito aparente. Os anais non concordan se foi durante o reinado de Eochaid, ou no do seu sucessor, cando unha frota partiu de Dalriada cara a Irlanda para axudar a Flaithbertach mac Loingsig na súa guerra contra Áed Allán.

No ano da súa morte, 733, Eochaid é considerado rei, e non señor, de Dalriada, o que pode suxerir que despois de derrotar a Dúngal e a Selbach, o seu reinado non sufriu cambios. O seu fillo, Áed Find, foi máis tarde rei de Dalriada.

Como Dalriada mantivo unha existencia separada até o ano 736, Eochaid puido ter un sucesor, ou sucesores. Semella que foi sucedido por Muiredach mac Ainbcellaig, que substituíra a Dúngal mac Selbaig como líder dos Cenél Loairn.

Eóganan mac Óengusa

Uuen (Wen) ou Eogán en gaélico (xeralmente referido co hipocorístico Eóganán) foi un rei dos pictos dende 837 até 839. Uuen era fillo de Onuist II [fillo de] Uurguist [Wrguist] (en gaélico: Óengus II mac Fergusa, morto en 834) e sucedeu ó seu curmán Drest mac Caustantín como rei en 836 ou 837. A única mención a Uuen nos anais irlandeses é a da súa morte, xunto co seu irmán Bran e "Áed mac Boanta, e outros case innumerables" na batalla dos homes de Fortriu contra os viquingos en 839. Esta derrota semella que supuxo a fin dun século de dominio entre os pictos dos descendetes de Onuist I [fillo de] Wrguist (en gaélico: Óengus I mac Fergusa).

Gabrán mac Domangairt

Gabrán mac Domangairt (en galés antigo: Gawran map Dinwarch) ou Gabrán o Traidor (Gwran Wradouc) foi rei Dalriada, Ulaid, a mediados do século VI. É o devanceiro epónimo dos Cenél nGabráin. Gabrán foi o fillo de Domangart Réti.

A evidencia histórica de Gabrán está limitada ó coñecemento da súa morte nos anais irlandeses. É posíbel que a súa morte estea ligada a unha migración ou fuga de Bridei mac Maelchon, mais iso pode non ser máis que unha coincidencia.

Lingua nórica

A lingua nórica era unha das linguas célticas continentais. Suponse que se falaba na rexión do que posteriormente constituíu a provincia romana de Noricum. Só está testemuñada por dúas inscricións fragmentarias que non ofrecen suficiente información para tirar delas demasiadas conclusións sobre a natureza e características desta lingua.

Loarn mac Eirc

Loarn mac Eirc foi un rei lendario de Dalriada que puido vivir no século V e reinar entre o 474 e o 501 aproximadamente. O poema Duan Albanach e o Senchus fer n-Alban, entre outras xenealoxías, nomean o pai de Loarn, Erc, fillo de Eochaid Muinremuir. Non hai rexistros nin tradicións de Loarn como rei, e a súa importancia principal atópase no seu epónimo, devanceiro dos descendentes do Cenél Loairn.

O Cenél Loairn controlaba partes do norte de Argyll, e todo o fiorde de Lorn, moi probablemente con centro en Lorne, pero pode que tamén incluíse a illa de Mull, Morvern e Ardnamurchan. Semella que a capital do reino era Dun Ollaigh, preto da actual Oban. O centro relixioso principal estivo en Lismore, posteriormente a sede durante a alta Idade Media onde residía o bispo de Argyll.

Lughnasadh

Lughnasadh é unha festa celta celebrada o 1 de agosto, durante a tempada de maduración da colleita local de froitas, ou durante o plenilunio preto do punto medio entre o solsticio de verán e o equinoccio de outono.

Mitoloxía celta

A mitoloxía celta é unha serie de relatos da aparente relixión dos celtas na idade de ferro. Ó igual que outras culturas indoeuropeas neste período, os primeiros celtas mantiveron unha mitoloxía politeísta e unha estrutura relixiosa. Entre o pobo celta en estreito contacto con Roma, como os galos e os celtiberos, esta mitoloxía non sobreviviu ó imperio romano, debido á súa conversión ó cristianismo e á perda dos seus idiomas orixinais, aínda que ironicamente foi a través de fontes romanas e cristiás, contemporáneas, que coñecemos detalles sobre as súas crenzas.

En contraste, a comunidade celta que mantivo as súas identidades políticas ou lingüísticas (tales coma as tribos de escotos e bretóns das Illas Británicas) transmitiu xeralmente vestixios remanentes das mitoloxías da idade de ferro, as cales foron rexistradas a miúdo de forma escrita na Idade Media.

Selbach mac Ferchair

Selbach mac Ferchair, finado en 730, foi rei dos Cenél Loairn e de Dalriada. A existencia de Selbach está ben atestada e menciónase en varias ocasións nos Anais irlandeses.

Æthelfrith de Northumbria

Æthelfrith (tamén Aethelfrido, Aethelfrith, Etelfrido), finado c. 616, foi rei de Bernicia desde c. 593 até c. 616; e tamén foi, desde c. 604, o primeiro rei berniciano que reinou en Deira, un reino ao sur de Bernicia. Tendo en conta que Deira e Bernicia foron os dous reinos que formaron o coñecido posteriormente como Reino de Northumbria, pode ser considerado, en termos históricos, o primeiro rei de Northumbria. Tamén é lembrado polas súas exitosas campañas contra os britanos e pola súa vitoria sobre o reino irlandés de Dalriada. Aínda que foi derrotado e morreu en batalla e foi substituído polo seu rival dinástico, a súa liña foi finalmente restaurada no trono na década de 630.

Antigos celtas
Estudos celtas
Celtas modernos
Rexurdimento celta
Linguas
Festivais
Listas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.