Cultura lusaciana

A cultura lusaciana foi unha cultura centroeuropea pertencente á Idade de Bronce tardía e principios da Idade de Ferro (1 300 a.C.-500 a.C.) que se estendeu polo leste de Alemaña, a maior parte de Polonia e partes da República Checa, Eslovaquia e Ucraína. Abarca os períodos III (Cultura lusaciana temperá) ao V da cronoloxía norteeuropea.

Foi herdeira da cultura Trzciniec, e tiña algunhas influencias da cultura dos túmulos da idade de bronce. É contemporánea da cultura dos Campos de Urnas e da idade de bronce nórdica. No leste, sucedeuna a cultura Billendorf (Nowogród Bobrzański) a principios da Idade de Ferro. En Polonia permanece durante parte da Idade de Ferro, sucedédoa a cultura pomerana no norte, ao redor da desembocadurá do río Vístula.

Cultures, 1200 BC
Mapa simplificado das culturas de Europa central contra o ano 1 200 a.C.
cor fucsia, cultura de Lusacia;
azul (central), cultura Knoviz;
vermella, cultura dos Campos de Urnas central;
laranxa, cultura dos Campos de Urnas norte;
marrón, cultura danubiana;
azul (sur), culturas terramaras;
verde, Idade de Bronce de Europa Occidental;
amarela, Idade de Bronce Nórdica.
KulturaLuzycka 1
Extensión da cultura lusaciana (en verde).
Archeologia (Bielsko) - kultura łużycka
Exemplos de vasillas da cultura lusaciana.

Características

A cultura lusacinana estivo en contacto coas culturas da idade de bronce nórdica, e a influencia escandinava no norte de Polonia e en Pomerania durante este período foi considerábel, e por iso inclúese ás veces na idade de bronce nórdica.

O rito funerario máis común era a cremación, sendo as inhumacións escasas. A urna aparece acompañada de numerosas vasillas, até 40. Son escasas as tumbas con obxectos metálicos, pero se encontraron tumbas con grandes tesouros de bronce e ouro como en Kopaniewo (Pomerania) ou en Eberswalde (Brandeburgo). Acháronse tumbas como a de Bataune en Saxonia con moldes que testemuñan a produción de ferramentas e armas de bronce no poboado. A tumba real de Seddin (Brandeburgo), cuberta por un gran túmulo, contiña numerosas vasillas de bronce e contas de cristal importadas do Mediterráneo. Os cemiterios podían ser bastante grandes e teren miles de tumbas.

Biskupin, en Polonia, e Buch, nas proximidades de Berlín, son famosos poboados pertencentes a esta cultura. Ambos os poboados son fortificacións construídas en cimas ou en zonas pantanosas. Os muros están fabricados con caixas de madeira cheas de terra ou pedras.

A economía estaba baseada principalmente na agricultura, como o testemuñan as numerosas foxas encontradas. O trigo e a cebada eran os cultivos principais; ademais cultivábase millo miúdo, centeo, avea, ervellas, fabas e lentellas. Tamén se encontraron restos de liño, mazás cultivadas, peras e ameixas. Os animais domésticos máis importantes eran o gando vacún e porcino, seguidos das ovellas, ocas, cabalos e cans. Debuxos encontrados en urnas de Silesia pertencentes á Idade de Ferro indican a monta de cabalos, que tamén eran usados para tirar de carros. Os homes desta cultura practicaban a caza, pero esta non achegaba máis que unha pequena cantidade da carne que consumían; atopáronse ósos de cervo, xabarín, bisonte, alce, lebre, raposo e lobo. En Biskupin o consumo de ancas de ra pode que fose habitual, pois acháronse grandes cantidades de ósos de ra.

Algúns arqueólogos consideran que os tesouros encontrados nalgunhas zonas pantanosas son ofrendas aos deuses. Acháronse ósos humanos en fosas de 5 m de profundidade en Lossow (Brandeburgo), o que pode indicar a existencia de sacrificios humanos e un posíbel canibalismo.

Historia das investigacións

Rudolf Virchow (1821-1902), patológo e arqueológo alemán, foi o primeiro en describir os enterramentos do tipo 'Lausitz'. Este nome fai referencia á rexión de Lusacia, situada ao leste de Alemaña e en Polonia. O arqueológo identificou a cerámica como pre-xermana, pero refusou especular sobre a etnicidade e a identidade dos seus fabricantes.

Moitos autores checos (Píč, Niederle, Červinka) e polacos (Majewski, Józef Kostrzewski, Kozłowski) sosteñen que os lusacianos eran proto-eslavos, mentres que o arqueológo alemán A. Götze opina que eran Tracios, e Gustaf Kossinna identrifícaos como carpos.

Hoxe en día a maioría dos investigadores aceptan a idea da natureza cambiante dos grupos étnicos e máis ben intentan identificar os grupos prehistóricos descubertos pola arqueoloxía cos das fontes históricas escritas.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Coles, J. M. & A. F. Harding (1979): The Bronze Age in Europe. London.
  • Dabrowski, J. (1989): "Nordische Kreis und Kulturen Polnischer Gebiete", in Die Bronzezeit im Ostseegebiet. Ein Rapport der Kgl. Schwedischen Akademie der Literatur-Geschichte und Altertumsforschung über das Julita-Symposium 1986. Ed. Ambrosiani, B. Kungl. Vitterhets Historie och Antikvitets Akademien. Konferenser 22. Stockholm.

Outros artrigos

Ligazóns externas

Eslavos meridionais

Os eslavos meridionais (ou eslavos do sur, ou sudeslavos) son a ramificación do sur dos pobos eslavos que viven nos Balcáns: Bulgaria e os países da antiga Iugoslavia.

Historia de Serbia

Aínda que a orixe dos serbios se perde no pasado remoto, a historia de Serbia pode considerarse que comeza co primeiro estado serbio, Raška, que foi fundado no século IX pola Casa de Vlastimirović; desenvolveuse despois como Reino e logo Imperio serbio baixo a Casa de Nemanjić.

Na época moderna, e despois da ocupación otomá, Serbia foi un principado autónomo (1817-1878), aínda baixo soberanía otomá, un principado e un reino independente (1878-1918), parte do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (1918-1941), denominado Reino de Iugoslavia desde 1929, un estado títere ocupado polos nazis (1941-1944), unha república socialista na República Federal Socialista de Iugoslavia (1945-1992), unha república na República Federal de Iugoslavia (1992-2003), unha república na Unión de Estado de Serbia e Montenegro (2003-2006) e, nos nosos días, a República de Serbia, independente desde o 5 de xuño de 2006.

Historia dos eslavos do sur

A rápida e dramática desaparición do estado iugoslavo a finais do século XX -e da que aínda perduran flocos no XXI- causou unha fonda conmoción en todo o mundo, pero especialmente no noso continente, onde moitas persoas non se explicaban como tales atrocidades podían producirse na culta e civilizada Europa de finais de século.

Comprender estes feitos non é doado, porque na maioría do material dispoñíbel fálase de Iugoslavia unicamente como o estado europeo que existiu desde os tratados que puxeron fin á Primeira Guerra Mundial até a súa desaparición, o ano 2003, en que pasou a denominarse Serbia e Montenegro.

Para poder interpretar o sucedido hai que rastrexar na historia de Europa, xa que o termo Iugoslavia non se refire só ao estado citado, senón que é unha denominación de carácter cultural e xeográfica (a parte occidental da península Balcánica onde viviron, e viven, os eslavos do sur, que iso é o que significa o termo (Iugoslavia, en croata, serbio latino e esloveno Jugoslavija, en macedonio e serbio cirílico Југославија, tradúcese literalmente como Eslavia do sur ou país dos eslavos do sur).

Despois da morte do mariscal Tito en 1980, e no medio dunha grave crise económica, as tensións entre os pobos do país medraron. Despois do ascenso de partidos nacionalistas ao poder en Serbia, dúas das súas repúblicas constituíntes (Eslovenia e Croacia) declararon a súa independencia en 1991, ás que seguirían a República de Macedonia e Bosnia e Hercegovina o ano seguinte, non sen resistencia por parte de Serbia. En 1991 a tensión entre as diferentes repúblicas derivou no sanguento conflito coñecido como guerra de Iugoslavia (ou guerras iugoslavas).

As repúblicas que decidiron permanecer na federación substituíron en 1992 a República Federativa Socialista de Iugoslavia pola nova República Federal de Iugoslavia, integrada xa só por Montenegro e Serbia, que abandonou tamén o sistema socialista, como antes fixeran as xa independizadas.

A minoría étnica albanesa ao sur de Serbia foi tamén fonte de tensión (e aínda o é) e, ante os enfrontamentos do exército iugoslavo coa guerrilla kosovar, transformada en Exército de Liberación de Kosovo (UÇK), cando este territorio, aínda oficialmente parte de Serbia, declarou a súa independencia o 22 de setembro de 1991, non recoñecida internacionalmente, fixo necesaria a intervención estranxeira (a denominada Guerra de Kosovo). Despois do bombardeo da OTAN á República Federal de Iugoslavia, rematada a guerra, a partir de 1999, a administración do territorio kosovar quedou, de forma temporal, a cargo da ONU e, por mandato do Consello de Seguridade, nas mans da Misión de Administración Interina das Nacións Unidas en Kosovo (MINIURSO) e da OTAN.Porén, o status de Kosovo é motivo de controversia. Serbia considera que Kosovo é unha provincia autónoma dentro do seu propio territorio, de conformidade coa súa constitución e coa Resolución 1244 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Por iso, o goberno serbio non intervén directamente na administración deste territorio desde 1999. O novo goberno provisional de Kosovo declarou unilateralmente, outra volta, a súa independencia de Serbia o 17 de febreiro de 2008 (co apoio tácito de Estados Unidos e de parte da Unión Europea), instaurando a República de Kosovo. Serbia, Rusia, España e outros países non aceptaron este feito unilateral nin recoñecen a República de Kosovo como Estado soberano.Tras a aprobación e promulgación da Carta Constitucional de Serbia e Montenegro pola Asemblea da República Federal de Iugoslavia o 4 de febreiro de 2003, a República Federal de Iugoslavia pasou a ser a unión de Estado de Serbia e Montenegro. Finalmente, o 21 de maio de 2006, nun plebiscito, o 55,5% da poboación apoiou a independencia de Montenegro, que foi proclamada o 3 de xuño de 2006.

Este artigo versa sobre os antecedentes históricos destes feitos, para tratar de subministrar as claves que permitan entender (nunca xustificar) tan terríbeis acontecementos.

Idade de Ferro

A Idade de Ferro é a época final do sistema de tres idades, precedida polas Idades de Pedra (Neolítico) e de Bronce. É unha era arqueolóxica na Prehistoria e na Protohistoria de Europa e do Oriente Próximo, e por analoxía tamén é usado para noutras partes do Vello Mundo. O sistema de tres idades foi introducido na primeira metade do século XIX para arqueoloxía europea en particular, pero na segunda metade dese século estendeuse tamén á arqueoloxía de Oriente Próximo. Como suxire o seu nome, é o período en que se desenvolveu a produción de ferramentas e armas mediante a metalurxia do ferro. O ferro é superior ao bronce en relación á dureza e abundancia de xacementos.

A duración da Idade de Ferro varía dependendo da rexión en cuestión. Está definida pola convención arqueolóxica, e a mera presenza de ferro fundido ou ferro forxado non é abondo para representar unha cultura da Idade de Ferro; máis ben, o termo implica que a produción de aceiro ao carbono estaba tan perfeccionada que era posible a produción masiva de ferramentas e armas superiores ás equivalentes en bronce. No antigo Oriente Próximo, esta transición prodúcese no chamado colapso da Idade de Bronce, no século -XII. A tecnoloxía espallouse axiña pola rexión do Mediterráneo e o sur de Asia. Tamén o fixo de xeito máis serodio en Asia central, o leste e centro de Europa, e aínda máis tarde na rexión do norte de Europa, arredor do ano -500.

A Idade de Ferro remata, segundo as convecións, co comezo do rexistro historiográfico. Isto non adoita representar unha diferenza clara no rexistro arqueolóxico. No antigo Oriente Medio remata co estabelecemento do Imperio Aqueménida no -550, (considerado histórico en virtude do rexistro de Heródoto) en Europa central e occidental remata coa conquista romana no século -I. A Idade de Ferro Xermánica de Escandinavia remata arredor do ano 800, co comezo da Era viquinga.

Lusacia

Lusacia é unha rexión europea situada no leste de Saxonia e o sur de Brandeburgo, na actual Alemaña, ocupando tamén partes de Silesia en Polonia e na República Checa.

O seu nome é Lausitz en alemán, Łužica en alto sorabo, Łužyca en baixo sorabo, Łużyce en polaco, Lužice en checo, Uůžyce en silesio e Lusatia en latín.

Pobos eslavos

Os eslavos son un pobo indoeuropeo que habita a rexión da Europa central e oriental hai preto de cinco mil anos, cuxos descendentes actuais son os rusos, belarusos, ucraínos (póla oriental), búlgaros, serbios, croatas, macedonios, eslovenos (póla meridional), checos, eslovacos, polacos e lusacios (póla occidental). A idea de que os pobos eslavos teñen moito en común canto ás súas orixes, a orixe das súas linguas e dalgúns aspectos culturais son derivados do nacionalismo romántico, do paneslavismo e da noción de raza como unha base biolóxica para as nacións, aínda que moitas semellanzas histórico-xenéticas, xeo-culturais e fonético-idiomáticas sexan comprobadas por moitos estudos sobre os pobos protoindoeuropeos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.