Cultura de Hallstatt

A cultura de Hallstatt foi o terceiro período cultural da Idade de Ferro.

Idades prehistóricas
Holoceno   La Tène   Protohistoria
  Hallstatt
Idade de Ferro
  Bronce final  
  Bronce medio
  Bronce antigo
Idade de Bronce
    Calcolítico    
  Neolítico Prehistoria
Mesolítico / Epipaleolítico
Plistoceno     Paleolítico superior  
    Paleolítico medio
    Paleolítico inferior
  Paleolítico
Idade de Pedra

O nome

A cultura de Hallstatt recibe este nome polo poboado así denominado, en Austria, característico da época. As novidades achegadas por esta civilización son o uso intensivo do ferro, coñecido en Europa desde o final da Idade de Bronce, pero non usado máis que raramente.

Característica

Os emigrantes europeos (de lingua indoeuropea) representantes da cultura de Hallstatt proporcionaron un tipo peculiar de bocado de cabalo que despois se estendeu bastante (efectuáronse achados en Bélxica). As súas influencias culturais concretáronse na introdución de métodos de doma e monta do cabalo, a difusión da espada de ferro e unha nova técnica de combate dacabalo; e sobre todo existía nos pobos tracio-cimerios unha casta aristocrático-feudal de cabaleiros (localízanse tumbas de gran riqueza con armas, xoias e monturas, e todo de alto valor artístico) que cada vez se fará máis poderosa (nas tumbas dunha época ao redor do 600 a.C. localízanse tamén luxosos carros de catro rodas e carros de combate de dúas rodas).

As rexións afectadas polas penetracións indoeuropeas presentan un mosaico de culturas rexionais moi dispares, pero algunhas delas presentan relacións ou parentescos imposíbeis de explicar pola simple veciñanza xeográfica. Suxeriuse (é unha mera hipótese) que as grandes familias aristocráticas fundaron dinastías e crearon estados ou reinos e que a súa autoridade se estendía noutros territorios vasalos ou concedidos nunha especie de feudo, a miúdo afastados uns dos outros, a semellanza da época medieval. Os vasalos sometidos á mesma dinastía podían ser do norte de Francia ou do norte de Italia pero, dado que estaban nucleados por un mesmo clan dirixente, adoptaban unhas características similares sen prexuízo das variacións locais.

Hallstatt LaTene
Mapa mostrando a distribución da cultura Hallstatt e La Tène.      O centro do territorio Hallstatt (sobre o 800 a.C.) móstrase en amarelo escuro.      A eventual área de influencia da cultura Hallstatt (sobre o 500 a.C.) en amarelo claro.      O centro do territorio da cultura La Tène (450 a.C.) móstrase en verde escuro.      A eventual área de influencia da cultura La Tène (sobre o 50 a.C.) móstrase en verde claro.

Outro factor de asimilación das diversas culturas indoeuropeas é o comercio mediterráneo acreditado por achados diversos, colaborando especialmente cos etruscos e sobre todo cos gregos que estableceron itinerarios comerciais e grandes mercados, cuxa xurisdición daba ao príncipe celta a quen correspondía, unha extraordinaria riqueza.

Difusión

A difusión da cultura de Hallstatt desenvólvese polo desprazamento de poboación durante un período moi longo de anos (750 a.C. a 450 a.C. polo menos). A chegada dos pobos practicantes desta cultura é progresiva. Cada chegada redúcese a uns centenares de individuos cun caudillo e unha organización propia; falan unha lingua indoeuropea, pero que é diferente en cada grupo.

Cada grupo de emigrantes establece un poboado ou un grupo de poboados. Eventualmente coa absorción das poboacións locais fórmanse tribos cun certo poder comarcal. A cultura do grupo dominante na rexión imponse a outros grupos menores tamén integrados por indoeuropeos, probabelmente debido á maior penetración na poboación local anterior á súa chegada.

Aínda que os seus establecementos son permanentes parece que despois dunha ou dúas xeracións nun mesmo asentamento trasladábanse a outro lugar, quizais polo aumento da poboación, ou por causas comerciais, creándose grupos culturais similares.

Os achados permiten a miúdo distinguir diferenzas de matices que poderían indicar unha orixe "nacional" ou "tribal" diversa, cando non son de orde cronolóxica.

Na Península Ibérica

A práctica da incineración (xeneralizada despois do 600 a.C.) impediu realizar estudos antropolóxicos para determinar a incidencia étnica destes pobos indoeuropeos nos pobos pirenaicos. Con todo, a amplitude dos achados permite asegurar unha incidencia étnica non desprezábel. Aínda así, como non se sabe a cantidade dos indoeuropeos establecidos (pois dos chegados en varias remesas hai que descontar os que marcharon máis tarde) nin a poboación local nin as relacións entre as dúas comunidades, a incidencia non pode establecerse

Efectivamente apréciase que a cultura da incineración penetrou con certa rapidez nos pobos do oeste, centro e norte da Península Ibérica, pobos de cultura neolítica tardía nos que o bronce e os metais para o uso xeral penetraron con bastante traballo, mentres non penetrou na zona costeira mediterránea, onde o uso de metais está máis estendido (os achados de carácter indoeuropeo páranse alá onde empezan os emparentados coa cultura metalúrxica de El Argar), nin no sur, onde se desenvolve a cultura tartesia.

Os poboados dos Celtas ou indoeuropeos da Cultura de Hallstatt compoñíanse, coma os precedentes, de cabanas de madeira de forma circular cunha soa cámara e unha única porta de acceso. O teito era de ramallos e colmo e adoptaba forma de cúpula. Pero estas construcións foron pronto substituídas por cabanas de pedra, de planta rectangular, cunha soa porta e con teito de ramaxe plano, a imitación das existentes na Península.

Como os seus poboados se situaban en lugares planos ou en alturas reducidas próximos aos ríos, ou ben en alturas abertas e accesíbeis (estes últimos eran asentamentos onde a base económica é a gandería, estando xeralmente en zonas montañosas), dedúcese a inexistencia de necesidades defensivas. O seu predominio militar facíaos superiores aos pobos locais. Ademais estes adoptaron os seus mesmos costumes e a súa relixión, de forma que se no período dos protoceltas mesmo pode intuírse algunha precaución defensiva, no período de Hallstatt os indoeuropeos xa non temen ningún ataque local. Curiosamente tampouco se atacan entre si, o que podería indicar a existencia de principados territoriais cunha área de influencia moi definida.

As necrópoles

Estudáronse detidamente as necrópoles do período de Hallstatt, case todas localizadas casualmente posto que ningunha indicación permite fixar a súa localización. As tumbas son pouco espectaculares. O defunto era queimado e as súas cinzas e os ósos, conservados logo da incineración, introducíanse nunha urna de barro, remedando unha ola, ás veces xunto a obxectos persoais. Unha tapa pechaba a urna e esta enterrábase con ofrendas ao redor seu colocadas en urnas máis pequenas que contiñan comida, auga e obxectos, dos cales só se conservan os de metal. O enterro facíase nun foxo non moi profundo (menos dun metro) onde se colocaban as urnas, e o foxo era cuberto por unha pedra aplanada, sobre a que se botaba terra ata cubrila. As tumbas localízanse próximas unha á outra e o conxunto forma unha necrópole coñecida por campos de urnas (primitivamente foi denominada polos prehistoriadores alemáns Urnenfeldern). Cando se producía a morte de dúas persoas familiares, estas eran enterradas no mesmo foxo, en urnas separadas, aínda que tamén é posíbel que as tumbas nas que se observan estes dobres ou múltiples enterros tivesen un carácter familiar, onde unha familia ía enterrando os seus mortos durante un certo tempo. Preto das necrópoles situábase o "ustrinium", un espazo plano de pedra onde se queimaban os cadáveres.

Relixión

Estando asociadas as prácticas funerarias ás crenzas relixiosas, non hai que dubidar que a nova relixión, descoñecida hoxe en día, impúxose progresivamente ás poboacións locais que, despois do 600 a.C., xa se celtizaran no aspecto relixioso, e practicaban tamén a incineración, sen que se coñezan outros elementos das prácticas relixiosas adoptadas, nin que aspectos da antiga relixión puideron sobrevivir en épocas posteriores.

Metalurxia

Os indoeuropeos coñecían a técnica da fundición do ferro, que descubriran os hititas cara ao 2500 a.C., e que se difundiu por Europa Oriental cara ao 2000 a.C. e despois por Europa Central. Con todo o seu uso era moi limitado. Tampouco cos celtas da cultura de Hallstatt pode falarse dunha difusión xeneralizada dos obxectos de ferro na Península Ibérica, e as armas e utensilios que estes usaban eran maioritariamente de bronce.

Coñécense varias espadas da época de Hallstatt, na que teñen a característica de seren alongadas coma as anteriores (do período protocelta) pero máis largas e con pomo en forma de seta inserida na lingüeta. As machadas de ferro son trapezoidais. En xeral as armas de ferro daban aos seus posuidores unha indubidábel superioridade militar, pero nos poboados celtas apenas se atoparon armas. Probabelmente trataríase de poboados pacíficos de comerciantes, que cambiaban de emprazamento cando os produtos que ofrecían, antes innovadores, saturaran o escaso mercado (non hai que esquecer a lonxevidade dos obxectos de ferro e a escaseza da poboación da época) ou ben cando os clientes potenciais aprenderan as técnicas para fabricalos eles mesmos.

Vida cotiá

O alimento básico dos indoeuropeos nesta época era o trigo, e tamén as landras.

Por varios achados sábese que os indoeuropeos afeitábanse a cara cunhas navallas de dobre corte. Unían os seus vestidos con fíbulas (imperdíbeis arcaicos) e moi ocasionalmente con botóns de bronce, aínda que as fíbulas atopadas na Península Ibérica corresponden todas ao período de La Tène cando o seu uso se xeneralizou. As mulleres usaban agullas longas con cabeza redonda, probabelmente para o pelo, e pendentes de pezas circulares; coñecían as pinzas e os homes utilizaban cinto, posto que se localizaron fibelas; a abundancia de achados de navallas de afeitar permite supoñer que esta era practícaa xeral, mentres que ata entón os homes usaban barba.

Os celtas eran monógamos, bos xinetes e afeccionados á caza. Practicaban bailes frecuentemente. A agricultura asumía ás veces un carácter de práctica colectiva. Ademais da agricultura practicaban tamén a gandería, e quizais había tamén grupos de guerreiros.

Os celtas eran parcialmente dolicocéfalos, pero de forma pouco acusada, mentres outra parte eran braquicéfalos de gran capacidade cranial. Eran altos, esveltos, de cabelos louros, castaños ou cobreados, (aínda que con porcentaxes apreciábeis de morenos), ollos grises, verdes ou de tons claros e de faccións máis ben agudas. O celta clásico corresponde a un home de boa estatura, cabelo castaño ou louro, ollos verdosos, gran capacidade cranial, braquicéfalo, fronte ancha e plana e o cranio anterior pouco desenvolvido. O occipucio achégase á vertical e as eminencias superciliares están moi desenvolvidas. O ángulo parietal é a miúdo negativo. A cara é ensanchada en relación co cranio. Os seus pómulos son marcados e apartados, e a súa mandíbula inferior cadrada. A cara é rectangular e aplanada. O seu nariz é pouco saliente e a fosa nasal do cranio ten o reverso lixeiramente cóncavo e o extremo levantado. A cabeza en conxunto é grande, mentres o pescozo é estreito.

Non é posíbel asegurar se os indíxenas aceptaron voluntariamente a cultura dos indoeuropeos ou lles foi imposta, pero a superioridade militar destes e a ancestral hostilidade ao externo fan porén plausíbel a idea dunha imposición pola forza.

É predominante en toda a zona do Val do Ebro a cerámica excisa (de ex, fóra, e cisio, cortar), e máis ao leste predominan os vasos bicónicos de pescozo cilíndrico con decoración acanalada. A cerámica do período hallstáttico é máis rica que no período precedente.

A última vaga dos pobos celtas da cultura de Hallstatt trasladouse cara ao Centro da Península, Galicia, León e Asturias, e caracterizouse pola aparición de antenas nos pomos das espadas, as espadas curtas e os puñais de ferradura.

Cabezo de Alcalá

Cabezo de Alcalá de Azaila e un conxunto arqueolóxico localizado nas proximidades do concello de Azaila, na provincia de Teruel. O conxunto comprende unha acrópole, varias edificacións veciñas e unha necrópole celta.

Foi poboada inicialmente por celtas da cultura de Hallstatt cara ao século IX a. C. , e destruída no século III a. C. durante as guerras púnicas. Os iberos reconstruírona e foi de novo destruída durante as guerras sertorianas.

Celta

Certos grupos étnicos da Idade de Ferro e da Idade Media en Europa foran denominados celtas (latín Celtae ou Galli, grego Κέλτοι Keltoi ou Γαλάται Galatai) desde a antigüidade. O nome procede probabelmente das raíces indoeuropeas *kel-1 'protruir, alto' e *g[h]al- 'poder' e vén significando 'os poderosos, sublimes, fortes'.Eran pobos da Idade de Ferro en Europa que falaban linguas célticas e tiñan semellanzas culturais. Porén, o relacionamento entre os factores étnicos, lingüísticos e culturais no mundo celta permanece incerto e controvertido. A dispersión xeográfica exacta dos antigos celtas tamén é contestada; en particular, a maneira en que os habitantes da Idade de Ferro de Britania e de Irlanda deben ser considerados como celtas tornouse unha materia de controversia.A historia da Europa precéltica é moi incerta. De acordo cunha teoría, a raíz común das linguas célticas, unha lingua coñecida coma protocelta, aparece nun período tardío da Idade de Ferro na Europa central, que floreceu ao redor de 1200 a. C. Amais, de acordo a unha teoría proposta no século XIX, as primeiras persoas en adoptar as características coñecidas coma celtas era xente da Idade de Ferro pertencente á cultura Hallstatt (c. 800-450 a. C.), chamada así por unha tumba atopada en Hallstatt, Austria. Esta área é ás veces chamada a "Casa celta". Durante o período La Tène (c. 450 a. C. até a conquista romana) esta cultura celta expandiuse por unha difusión de migración ás Illas Británicas (celtas insulares), Francia e os Países Baixos (galos), Bohemia, Polonia e a maioría de Europa central, a Península Ibérica (celtiberos, celtici, lusitanos e gallaeci) e o norte de I

As primeiras lembranzas da lingua celta foron inscricións lepónticas que pertencen ao comezo do século VI a. C. As linguas celtas continentais atestíguanse case exclusivamente a través de inscricións e topónimos. As linguas celtas insulares atestíguanse empezando o século IV d. C. a través das inscricións Ogham, aínda que claramente empezáronse a falar moito antes. A tradición literaria celta comeza cos textos do irlandés antigo que datan do século VIII.

A súa chegada á península Ibérica estaría cerca de 1200 a. C.

Celtiberos

O termo celtiberos acostuma usarse para as tribos celtas ou celtizadas da Península Ibérica, así como os idiomas que estes grupos falaban, aínda que en realidade o termo celtibero se refire unicamente a un dos pobos célticos da Península Ibérica, existindo outros con outros nomes (vetóns, vacceos, lusitanos, carpetanos etc.). Este pobo celtibero habitaba no oeste da Cordilleira Ibérica. Os romanos considerábanos unha mestura de celtas e iberos, diferenciándose así dos seus veciños, tanto dos celtas da meseta como dos iberos da costa. Hoxe sábese que os celtiberos foron un pobo de lingua e cultura celta.

Eslovenia

Eslovenia ( pronunciación ) (en esloveno: Slovenija), oficialmente República de Eslovenia ( pronunciación ) (en esloveno: Republika Slovenija [rɛˈpùːblika slɔˈʋèːnija] ), é un país do sur da Europa central que fai fronteira con Italia polo oeste, co mar Adriático polo suroeste, con Croacia polo sur e o leste, con Hungría polo nordeste e con Austria polo norte. A principal cidade eslovena e capital do estado é Liubliana.

Durante a súa historia Eslovenia formou parte do Imperio Romano, o Imperio Bizantino, a República de Venecia, o Ducado de Carantania (só o a parte norte do país), o Sacro Imperio Romano Xermánico, a monarquía dos Habsburgo, o Imperio Austríaco (máis tarde chamado Imperio Austrohúngaro), o efémero Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios, o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (chamado Reino de Iugoslavia a partir 1929) entre a I e a II Guerra Mundial, e a República Federal Socialista de Iugoslavia dende o ano 1945 até o ano 1991, cando o país obtivo a súa independencia.

Hoxe en día, Eslovenia é o único país do ex-bloque comunista que forma parte da Unión Europea, a Eurozona, a Zona Schengen, a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa, o Consello de Europa e a OTAN.

Ferro

O ferro (do latín ferrum) é un elemento químico, símbolo Fe, de número atómico 26 (26 protóns e 26 electróns ) e masa atómica 56 u. A temperatura ambiente, o ferro atópase en estado sólido.

É extraído da natureza baixo a forma de mineral de ferro que, despois de distintos procesos de transformación, é usado na forma de lingotes. Se se engade carbono dáse orixe a varias formas de aceiro.

Este metal de transición atópase no grupo 8B da Clasificación Periódica dos Elementos. É o cuarto elemento máis abundante da codia terrestre (aproximadamente 5%) e, entre os metais, soamente o aluminio é máis abundante. Tamén é un dos elementos máis abundantes do Universo. O núcleo da Terra está formado principalmente por ferro e níquel (NiFe), xerando un campo magnético.O ferro foi historicamente importante, e un período da historia recibiu o nome de Idade de Ferro.

Actualmente é utilizado para a fabricación de ferramentas, máquinas, vehículos de transporte (automóbeis, navios etc.), como elemento estrutural de pontes, edificios, e infinidade doutras aplicacións.

Historia da tecnoloxía

A historia da tecnoloxía é a historia da invención de ferramentas e técnicas cun propósito práctico. A historia moderna está relacionada intimamente coa historia da ciencia, pois o descubrimento de novos coñecementos permitiu crear novas cousas e, reciprocamente, puidéronse realizar novos descubrimentos científicos grazas ao desenvolvemento de novas tecnoloxías, que estenderon as posibilidades de experimentación e adquisición do coñecemento.

Os artefactos tecnolóxicos son produtos dunha economía, unha forza do crecemento económico e unha boa parte da vida. As innovacións tecnolóxicas afectan e están afectadas polas tradicións culturais da sociedade. Tamén son un medio de obter poder militar.

Historia do mundo

A historia universal, historia do mundo, historia mundial ou historia da humanidade é o conxunto de acontecementos e procesos que se desenvolveron arredor do ser humano, desde a súa aparición ata a actualidade.Unha característica para diferenciar o momento en que se inventa a escritura, porque esta fixo posible difundir e preservar o coñecemento adquirido. Nalgúns casos, a escritura, á súa vez, converteuse nunha necesidade fundamental desde a aparición da agricultura.Esta historia está marcada tanto por unha sucesión gradual de migracións, intercambios culturais, descubrimentos e inventos, como por desenvolvementos moi acelerados ligados a cambios de paradigma e a períodos revolucionarios.

Historia do sal

A historia do sal trata do uso e comercio que se lle deu durante séculos á única «rocha» comestible polo ser humano.

O seu uso está xeneralizado en todas as gastronomías do mundo, ben sexa como condimento, ben como conservante específico dalgúns alimentos, como é o caso das salgaduras de carne e peixe.Foi a causante de grandes repercusións económicas e crise na civilización.A súa historia está moi unida ás transaccións económicas da historia da humanidade, actividade que deixou nomes como salario, ou de vías tales como a prehistórica Route du Sel (en Francia), a Via Salaria (na Antiga Roma), a localidade Salinas de Léniz en España.

Ademais atribúenselle simbolismos como a fertilidade.

O sal afecta o sentido do gusto debido a que o organismo humano ten sensores especializados na lingua capaces de detectar especificamente o sabor salgado dos alimentos. O seu uso culinario é normalmente o de reforzador dos sabores dos diversos alimentos. O sal extraeuse principalmente da evaporación da auga mariña e da extracción mineira de rochas con cloruro sódico (halita).

Hoxe en día o sal é un ingrediente común máis na comida. A cantidade diaria da súa inxesta contrólase e vixíase desde comezos do século XX na poboación mundial de hipertensos, e nalgúns lugares do mundo é parte dos alimentos funcionais e sérvese iodada para evitar a aparición do bocio (hipotiroidismo).A grande importancia económica que se lle deu ó sal no pasado xa non é a mesma que se lle dá no presente desde finais do século XIX, en parte debido á aparición de diversos medios alternativos e moi efectivos de conservación dos alimentos dentro da industria alimentaria moderna, así como unha gran mellora técnica dos modernos métodos de extracción e elaboración do sal. Estes efectos combinados fan que a demanda mundial do sal decrecese; no entanto, é xa un ingrediente moi común, sendo un elemento imprescindible en calquera cociña.

Idade de Bronce atlántica

A Idade de Bronce atlántica é un complexo cultural da Idade de Bronce que se produciu entre os anos -1300 e -700 en zonas da Europa atlántica como Portugal, Andalucía, Galicia, Armórica e as Illas Británicas.

Idade de Ferro

A Idade de Ferro é a época final do sistema de tres idades, precedida polas Idades de Pedra (Neolítico) e de Bronce. É unha era arqueolóxica na Prehistoria e na Protohistoria de Europa e do Oriente Próximo, e por analoxía tamén é usado para noutras partes do Vello Mundo. O sistema de tres idades foi introducido na primeira metade do século XIX para arqueoloxía europea en particular, pero na segunda metade dese século estendeuse tamén á arqueoloxía de Oriente Próximo. Como suxire o seu nome, é o período en que se desenvolveu a produción de ferramentas e armas mediante a metalurxia do ferro. O ferro é superior ao bronce en relación á dureza e abundancia de xacementos.

A duración da Idade de Ferro varía dependendo da rexión en cuestión. Está definida pola convención arqueolóxica, e a mera presenza de ferro fundido ou ferro forxado non é abondo para representar unha cultura da Idade de Ferro; máis ben, o termo implica que a produción de aceiro ao carbono estaba tan perfeccionada que era posible a produción masiva de ferramentas e armas superiores ás equivalentes en bronce. No antigo Oriente Próximo, esta transición prodúcese no chamado colapso da Idade de Bronce, no século -XII. A tecnoloxía espallouse axiña pola rexión do Mediterráneo e o sur de Asia. Tamén o fixo de xeito máis serodio en Asia central, o leste e centro de Europa, e aínda máis tarde na rexión do norte de Europa, arredor do ano -500.

A Idade de Ferro remata, segundo as convecións, co comezo do rexistro historiográfico. Isto non adoita representar unha diferenza clara no rexistro arqueolóxico. No antigo Oriente Medio remata co estabelecemento do Imperio Aqueménida no -550, (considerado histórico en virtude do rexistro de Heródoto) en Europa central e occidental remata coa conquista romana no século -I. A Idade de Ferro Xermánica de Escandinavia remata arredor do ano 800, co comezo da Era viquinga.

Lingua protocéltica

O protocéltico ou protocelta, tamén chamado celta común, é o suposto devanceiro de todas as linguas celtas coñecidas. Falado probabelmente por volta de -800, o seu léxico pode ser seguramente reconstruído coa axuda do método comparativo da lingüística histórica. O protocelta é unha lingua descendente directa do protoindoeuropeo e é amplamente considerada como a primeira das linguas indoeuropeas en se espallar na Europa noroccidental e atlántica. A área onde a lingua parece que se tornou primeiro perceptibelmente en protocelta, en oposición ao dialecto centum anterior, corresponde á cultura de Hallstatt, nas extremidades occidentais do Urnfield.

A partir de aproximadamente 800, esa cultura por influencia de elementos traco-cimerios introduciu a Idade de ferro en Europa. Os contemporáneos cimerios son de maneira diversa indicados como os devanceiros dos cimbrios, dos francos sicambres e de Cymru, a pesar de outras etimoloxías explicaren mellor o último termo.

A reconstrución do protocelta está actualmente sendo feita. O céltico continental presenta moitas evidencias fonolóxicas e algunhas morfolóxicas, e o material catalogado é aínda moi escaso para permitir unha reconstrución segura da sintaxe. Malia algunhas frases completas estaren escritas en galo e celtibero, a literatura celta substancialmente mais antiga é encontrada no irlandés antigo, a máis antiga lingua céltica insular rexistrada.

Linguas ilirias

As linguas ilirias son un grupo de linguas indoeuropeas faladas polos pobos ilirios nos Balcáns occidentais e polos mesapios na rexión itálica de Apulia. É posíbel que a lingua dos vénetos, a lingua venética, tamén pertencese a esta rama, pero aínda que Heródoto os cita como parte das tribos ilirias non hai probas lingüísticas que o acrediten certamente.

Sábese con certeza que foi falada polo menos entre o século -VI e principios do V, aínda que con probabilidade fose utilizada desde finais do II milenio a. C.

Pouco se sabe da súa relación con outras linguas, debido ao descoñecemento por parte de lingüistas e arqueólogos causado pola escasa cantidade de textos reveladores achados. Gran parte das deducións baséanse na onomástica e a toponimia.

Militarismo celta

A historia da guerra celta esténdese dende a Idade de Ferro ata era romana e refírese ós diferentes estilos de guerra dos pobos celtas insulares e continentais (Galia, Iberia e Galacia).

Prehistoria

A Prehistoria é o período de tempo que vai desde o inicio da evolución humana até os primeiros testemuños escritos. Xa que o comezo da Prehistoria está marcado pola aparición do ser humano non se pode aplicar este comezo ao mesmo tempo en todo o mundo; en África pódese datar en torno aos dous millóns seiscentos mil anos, no Medio Oriente algo menos dun millón oitocentos mil anos, en Asia e Europa arredor dun millón de anos de antigüidade, no resto do mundo estaría por baixo dos 50.000 anos.

Urheimat dos indoeuropeos

As hipóteses da Urheimat protoindoeuropea son unha serie de conxecturas que tentan explicar as orixes da lingua protoindoeuropea. A identidade dos indoeuropeos foi un un argumento recorrente dos estudos de indoeuropeística a partir do século XIX. Se ben son moitas as hipóteses propostas, ningunha ten reunido un acordo suficientemente amplo dentro da comunidade dos investigadores.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.