Cultura de Galicia

A cultura de Galicia ten a súa orixe na cultura megalítica da fachada atlántica europea e na cultura castrexa.

Dolmen axeitos
Dolmen de Axeitos
Peliqueiros de Laza
Peliqueiros de Laza no entroido.

Historia

Os primeiros poboadores de Galicia son os nativos oestrimnios e outros pobos de orixe indoeuropea. A fusión destes pobos no noroeste peninsular dará lugar á cultura dos castros entre o macizo Galaico e o río Douro, cultura na que deixaron a súa impronta tamén os romanos.[Cómpre referencia] Aínda hoxe é tema de discusión a pegada celta na cultura galega, hai trazos célticos de importancia, como influencias na cultura material, na toponimia, nos mitos relixiosos e tradicións e posiblemente a lingua falada en todo o territorio galaico antes da romanización fose celta.[1]

Posteriormente, Galicia será invadida por varias vagas xermánicas. Nun primeiro momento os suevos farán de Galicia o primeiro reino independente de Europa, máis adiante, este reino será anexionado polos visigodos. Galicia recibirá tamén, no transcorrer da súa historia, a viquingos, bretóns e fenicios.[Cómpre referencia]

Coa chegada dos musulmáns á Península Ibérica, mediante incursións bélicas dúas cidades galegas serán atacadas: Santiago de Compostela e Lugo.[Cómpre referencia] A repartición do antigo Reino Visigodo, que se fai entre árabes, sirios e bérberes, dálle a estes últimos a franxa noroeste.[Cómpre referencia] As condicións climáticas incomodan a este pobo, procedente do Magreb máis caucásico, así que deciden non asentarse, convertendo a Galicia en territorio fronteira con Al-Ándalus, onde o cristianismo faise un trazo diferenciador que dá forzas á reconquista.

Galicia, ao igual ca outros territorios da Península Ibérica, tamén chegaría a ter nalgunhas cidades unha importante comunidade xudía, principalmente na zona de Ribadavia e Ourense.[Cómpre referencia] Tamén cabe destacar na cultura galega a influencia cultural chegada dende as Illas Británicas e dende o centro de Europa, grazas ao Camiño de Santiago.

Cultural e lingüisticamente as comarcas do Bierzo (Castela e León) e o Eo-Navia (Asturias) son análogas a Galicia.[Cómpre referencia] Tamén posúe patróns conxuntos coas rexións lindeiras portuguesas de Tras-os-Montes e Baixo Minho na música, nos costumes e nas tradicións.

A cultura galega, entón, é froito da fusión de elementos culturais achegados por moi diversos pobos europeos, que se estableceron en Galicia ao longo da súa historia, coa cultura da poboación nativa.

Notas

  1. Higinio Martins Estêvez (2008). As tribos calaicas: proto-história da Galizia à luz dos dados linguísticos. Barcelona. ISBN 978-84-936218-0-3.

Véxase tamén

Outros artigos

A Quenlla (grupo musical)

A Quenlla é un grupo galego fundado no ano 1984 por varios músicos, entre os que se atopaban Mini e Mero, ex-compoñentes históricos do grupo Fuxan os Ventos. O proxecto da Quenlla naceu coa intención de elaborar un estilo próximo ao folk e á música tradicional galega, pero sen abandonar a temática social e reivindicativa, un aspecto que Fuxan os ventos viñera descoidando. Á formación inicial, de só tres persoas, fóronse sumando distintos músicos, até acadar a decena.

As letras da Quenlla baséanse en dúas fontes: a música tradicional e os escritores galegos, sendo moi numerosas na súa discografía as adaptacións de diferentes poemas de Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Darío Xohán Cabana ou Xosé Luís Méndez Ferrín, así como a inclusión nos discos de textos recitados.

Outra característica do grupo é unha certa tendencia a facer discos temáticos, como xeito de incidir nunha determinada mensaxe. Así Európolis '88 é unha crítica feroz á Unión Europea; A casa que nunca tivemos, unha reflexión metafórica sobre Galiza e o amor á terra; e Namórate da vida, un canto contra os perigos da droga (este disco foi feito en colaboración coa Federación Galega de Asociacións de Axuda ó Drogodependente).

En 2010 publicaron Os Irmandiños.O grupo tamén ten colaborado numerosas veces poñendo banda sonora a distintos documentais e outras obras videográficas.

Biblioteca de Galicia

A Biblioteca de Galicia é a biblioteca cabeceira do sistema bibliotecario galego. Foi deseñada polo arquitecto americano Peter Eisenman e forma xunto con outros seis edificios a Cidade da Cultura de Galicia, localizada en Santiago de Compostela.

Cidade da Cultura de Galicia

A Cidade da Cultura de Galicia (CDC) é un complexo arquitectónico, cultural e de entretemento que está a ser construído na cidade de Santiago de Compostela. O complexo naceu co propósito de reconciliar a conservación patrimonial coa produción de coñecemento, investigación, creación e consumo cultura. Está comunicada ao centro da cidade coa liña de autobús 9.

O complexo foi construído por Copasa e Necso (Acciona), San José con Dragados (ACS), e FCC. O seu orzamento era de 108 millóns de euros, a súa construción custou uns 300 millóns de euros, o custo total tería sido duns 500 millóns se fose rematado.

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (CCEOU) é o órgano da Xunta de Galicia encargado dos asuntos culturais e da regulación do ensino dende a primaria ata a educación universitaria, a formación profesional e o ensino de adultos. O seu titular actual é Román Rodríguez González.

Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega é un organismo oficial independente con personalidade xurídica propia destinado a dinamizar a lingua e a cultura de Galicia na sociedade e asesorar os poderes públicos de Galicia. É un organismo estatutario, previsto no artigo 32 do Estatuto, foi creado o 8 de xullo de 1983. Ten a súa sede no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela.

A súa presidenta é Rosario Álvarez, ademais o Consello componse de representantes de entidades e personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega. Xestiona os seguintes arquivos: Arquivo sonoro de Galicia, Centro de documentación sociolingüística de Galicia, Arquivo da emigración galega e Arquivo de comunicación.

Consello de Galiza

O Consello de Galiza foi unha entidade política galega que se constituíu o 15 de novembro de 1944 en Montevideo e que pretendía aglutinar os deputados galegos, por riba de partidos políticos, para dotar dun órgano político a Galicia no exilio e que pretendía actuar na práctica como un goberno galego no exilio, lexitimado polo Estatuto de autonomía que se sometera a plebiscito en 1936, pero sen chegar a constituírse formalmente como a Xunta que prevía o propio Estatuto.

A iniciativa da constitución do Consello de Galiza foi de Castelao, influído polo pensamento de José Antonio Aguirre, o lehendakari no exilio. O seu primeiro presidente foi o propio Castelao e estaba formada ademais, nun primeiro momento, por Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo e Elpidio Villaverde. Posteriormente integrouse Alfredo Somoza

Contou Rosalía

Contou Rosalía é un telefilme (emitido tamén como miniserie), da TVG, estreado o 16 de maio de 2018, véspera do Día das Letras Galegas, baseada na vida de Rosalía de Castro en Madrid.

Fundación Otero Pedrayo

A Fundación Otero Pedrayo é unha fundación cultural de carácter privado que ten como obxectivo o mantemento e promoción da memoria colectiva sobre o escritor e intelectual ourensan, Ramón Otero Pedrayo, chamado "Patriarca das Letras Galegas", a través das actividades lembradoiras propias dunha fundación destas características, e da custodia da súa Casa-Museo no lugar de Cimadevila, na parroquia de Trasalba, no concello de Amoeiro (Ourense).

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

Galiciana

Galiciana é a biblioteca dixital de Galicia. A súa xestión corre a cargo da Biblioteca de Galicia e ten como misión difundir e preservar o patrimonio documental e bibliográfico galego. Está impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento é unha institución cultural, constituída o 16 de febreiro de 1944 en Santiago de Compostela, especializada actualmente en estudos científicos sobre arqueoloxía e historia, nomeado en honor ó Padre Sarmiento.

Instituto de Estudos Miñoranos

O Instituto de Estudios Miñoráns ou Instituto de Estudos Miñoranos, tamén coñecido polas siglas IEM, é unha asociación da bisbarra do Val Miñor creada o 27 de outubro de 1999.

Premios Nacionais da Cultura Galega

Os Premios Nacionais da Cultura Galega son uns galardóns concedidos pola Xunta de Galicia a creadores vivos ou a colectivos (preferentemente a persoas), que destacaran nese ano polo seu labor en diversos campos artísticos e sociais ou en recoñecemento a unha traxectoria. Os premiados son seleccionados por un xurado único formado por quince persoas.

Os premios convocáronse só no ano 2008, edición na que os galardoados recibiron 15.000 euros de premio e unha escultura de Ignacio Basallo, de 32 cm de alto e en madeira de castiñeiro. Os galardoados anúncianse a finais do mes de maio. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela anunciou a fin destes premios que pasarán a denominarse Premios da Cultura Galega e só contaría con cinco categorías. Finalmente foron 7 as categorías.

Premios da Cultura Galega

Os Premios da Cultura Galega son uns galardóns concedidos pola Xunta de Galicia a persoas físicas ou xurídicas que destacasen nese ano polo seu labor en diversos campos artísticos. Os premiados son seleccionados por un xurado único formado por doce persoas.

Os premios convocáronse por primeira vez no ano 2010, aínda que naceron como continuación dos Premios Nacionais da Cultura Galega, creados en 2008 e que tiveron unha única edición. A diferenza dos anteriores, os premios non teñen dotación económica.

Proxecto Galicia

O Proxecto Galicia é un proxecto editorial de Hércules de Edicións que comezou a publicarse en 1992, consistente nunha enciclopedia temática cuxo principal obxectivo é escolmar información referida á cultura galega e dispoñela dunha maneira útil para o lector medio. En 2007 foi recoñecido coa Medalla Castelao que outorga a Xunta de Galicia, pola súa consideración de "un empeño editorial sen precedentes".

Real Academia Galega de Ciencias

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) é unha sociedade científica impulsada polo matemático Enrique Vidal Abascal , quen foi o seu primeiro presidente, e posteriormente o presidente de honra.

A súa creación foi o día 23 de abril de 1977 e ten a súa sede na Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela.O 23 de abril de 2008, a Real Academia Galega de Ciencias celebrou o primeiro Día do Científico Galego (instituído por esta corporación), no que dedicou unha homenaxe ao matemático Vidal Abascal, con motivo do centenario do seu nacemento.

En 2011 foi nomeado presidente da Academia o profesor Ernesto Viéitez Cortizo, que foi substituído ao seu falecemento por Miguel Ángel Ríos. En 2019 o catedrático da USC Juan Manuel Lema Rodicio tomou posesión como novo presidente da institución.

Salvador Cabeza de León

Salvador Cabeza de León, nado en Betanzos o 4 de febreiro de 1864 e finado en Santiago de Compostela o 20 de maio de 1934, foi un destacado galeguista, profesor e político galego.

Santiago de Compostela

Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o IGE en 2017 tiña 96.456 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».

Por outra banda, tamén é a Sé Arcebispal galega, amais do destino das diferentes rutas que conforman o Camiño de Santiago, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, distinción que tamén posúe o seu casco vello dende o ano 1985.

A cidade aséntase entre o monte Pedroso e o monte Viso, circundada polos ríos Sar e Sarela. Limita ao norte cos concellos de Val do Dubra, Trazo e Oroso; ao sur con Teo, Vedra e Boqueixón; ao leste co Pino; e ao oeste con Ames. Ademais da cidade de Santiago, o termo municipal comprende vinte e nove parroquias rurais. Por poboación é o quinto concello galego despois de Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo. Posúe unha densidade de poboación de 432,74 hab./km² (2011), e unha superficie de 220,6 km².

Ópera

A ópera é un xénero dramático no que a historia se canta na súa maior parte. Para a súa elaboración precísase dun compositor/a así coma dun escritor/a, que recolle a historia no libreto, polo que se chama tamén libretista. L'Orfeo (1607) de Claudio Monteverdi, está considerada coma a primeira ópera da historia.

Para a súa representación precísase de cantantes para interpretar os personaxes e dunha orquestra, así coma todo o persoal necesario para calquera produción escénica, liderado polo director/a de escena.

Adoita comezar por unha abertura e estrutúrase en arias, recitativos, coros, dúos, tríos, cuartetos, fragmentos orquestrais...

Temas relacionados con Galicia

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.