Cuba

Coordenadas: 22°00′N 80°00′O / 22.000, -80.000

República de Cuba
Bandeira de Cuba
Escudo de Cuba
BandeiraEscudo
CUB orthographic
Lema: ¡Patria o Muerte, Venceremos!
(Castelán: Patria ou morte, venceremos!)
Capital
 • Poboación
A Habana
2 106 146 (2012)
Cidade máis poboadaA Habana
Lingua oficialCastelán
Forma de gobernoRepública socialista
Presidente
Vicepresidente
Miguel Díaz-Canel
Salvador Valdés Mesa
• Guerra dos 10 anos
• República
Revolución cubana
1868 - 1878
20 de maio de 1902
1 de xaneiro de 1959
SuperficiePosto 106º
 • Total109 884 km²
 • % augaDesprezable
Fronteiras29 km
Costas3 735 km
PoboaciónPosto 75º
 • Total (2012 est.)11 167 325 hab.
 • Densidade101,63 hab./km²
PIB (nominal)Posto 65º
 • Total (2012)71 017 millóns US$
 • per cápita6 301 US$
PIB (PPA)Posto 66º
 • Total (2012)121 000 millóns US$
 • per cápita10 200 US$
MoedaPeso ($, CUP)
IDH (2013)0,780 (59º) – Alto
XentilicioCubano, cubana
Fuso horarioUTC-5
 • Horario de veránUTC-4
Dominio de Internet.cu
Prefixo telefónico+53
Prefixo radiofónicoCLA-CMZ / T4A-T4Z / COA-COZ
Código ISO192 / CUB / CU
Membro de: ONU, OEA, OEI, ALBA, ALADI, G20, G77, NOAL, Grupo de Río

Cuba (oficialmente República de Cuba), é un país situado na illa de mesmo nome, localizada no norte do mar Caribe. A nación de Cuba abrangue a illa homónima, a Illa da Juventud, e varios arquipélagos. A súa capital e meirande cidade é A Habana. A segunda maior cidade é Santiago de Cuba.[1][2][3] Limita cos Estados Unidos polo norte, coas Bahamas e Turks e Caicos polo nordeste, con México polo oeste, coas Illas Caimán e Xamaica polo sur, e con Haití e República Dominicana polo sueste.

A illa de Cuba estivo habitada por varias tribos mesoamericanas antes da chegada do explorador Cristovo Colón en 1492, quen reclamou a terra para o Reino de España. Cuba permaneceu como colonia de España ata a guerra hispano-estadounidense de 1898, despois da cal foi brevemente administrada polos Estados Unidos ata que obtivo a independencia en 1902. A fráxil república enfrontouse á radicalización política e a problemas sociais, e malia os esforzos de fornecer o seu sistema democrático, Cuba caeu baixo a ditadura do presidente Fulgencio Batista en 1952.[4][5][6] O crecemento do malestar e da inestabilidade deron paso ó derrocamento de Batista en xaneiro de 1959 polo Movemento do 26 de xullo, que estableceu un goberno socialista co liderado de Fidel Castro. Dende 1965, o país estivo gobernado polo Partido Comunista como un estado unipartidista.

Cuba é a meirande illa do Caribe, e cunha poboación de 11 millóns de habitantes, é a segunda illa máis poboada despois da Española. É un país multiétnico, no que o seu pobo, cultura e costumes teñen diversas orixes, incluíndo os aborixes taínos e ciboney, o longo período de colonialismo español, a introdución de escravos africanos, a estreita relación coa Unión Soviética durante a guerra fría, e a proximidade xeográfica cos Estados Unidos.

Cuba ten unha alta clasificación nos indicadores de saúde e educación, cun elevado Índice de Desenvolvemento Humano de 0.815 no 2014.[7] Segundo os datos presentados polas Nacións Unidas, Cuba foi a única nación do mundo que conseguiu no 2006 a definición que o Fondo Mundial para a Natureza fai do desenvolvemento sustentábel, cunha pegada ecolóxica de menos de 1,8 hectáreas per capita, (no 2006 de 1,5 hectáreas), e cun IDH de máis de 0.855.[8][9]

Etimoloxía

O nome de Cuba vén da lingua taína. O significado exacto do nome é incerto pero podería traducirse como "onde a terra fértil é abondosa" (cubao),[10] ou 'gran lugar' (coabana).[11] O autores que cren que Cristovo Colón era de orixe portuguesa din que Cuba foi nomeada por Colón a partir da vila de Cuba, no distrito de Beja en Portugal.[12][13]

Historia

Artigo principal: Historia de Cuba.

Prehistoria

Arowak woman by John Gabriel Stedman
Debuxo dunha taína, pobo tamén coñecido como arauaco.

Cuba estivo habitado polos pobos amerindios dos taínos (tamén chamado arauacos polos españois), os guanajatabey e os ciboney, antes da chegada dos conquistadores. Os antergos deses pobos nativos migraron dende as terras do continente americano séculos antes.[14] Os nativos taínos chamaban á illa Caobana.[15] Os taínos eran agricultores, mentres que os ciboney eran tamén pescadores e cazadores-recolledores.

Colonización e dominio español (1492–1898)

Artigo principal: Capitanía Xeneral de Cuba.

Despois de chegar por primeira á terra do Novo Mundo na illa entón chamada Guanahani, Bahamas o 12 de outubro de 1492,[16] La Pinta, La Niña e a Santa María, as primeiras naves europeas comandadas por Cristovo Colón, toman terra na costa nordeste de Cuba preto do que hoxe é Bariay, na provincia de Holguín, o 28 de outubro de 1492.[17] Colón reclamou a illa para o Reino de España[18] e chamou á illa Isla Juana por Xoán, Príncipe de Asturias.[19]

DiegoVelazquezCuellar
Diego Velázquez de Cuéllar, conquistador de Cuba.

En 1511, Diego Velázquez de Cuéllar fundou o primeiro asentamento español en Baracoa. Axiña, outras vilas serían fundadas, incluída a futura capital, San Cristobal de la Habana, que foi fundada en 1515. Os taínos traballaban baixo o sistema da encomenda,[20] que funcionaba como un sistema feudal do Idade Media europea.[21] Nun século, a poboación indíxena foi practicamente exterminada por mor de varios factores, como as enfermidades infecciosas de Eurasia, agravadas pola carencia de defensas naturais, así como polas privacións derivadas da suxugación colonial.[22] En 1529, un abrocho de xarampón en Cuba acabou con dous terzos dos nativos que sobreviviran a varíola.[23][24]

O 1 de setembro de 1548, Dr. Gonzalo Perez de Angulo foi nomeado gobernador de Cuba. Chegou a Santiago, Cuba o 4 de novembro de 1549 e inmediatamente declarou a liberdade de tódolos nativos.[25] Converteuse no primeiro gobernador permanente que residiu na Habana no canto de Santiago, e construíu a primeira igrexa da cidade.[26] Despois de que os franceses tomasen a Habana en 1555, o fillo do gobernador, Francisco de Angulo, marchou a México.[27]

A poboación en 1817 era de 630.980, dos cales 291.021 eran brancos, 115.691 eran homes libres (mestizos), e 224.268 eran escravos negros.[28] Na década de 1820, cando o resto do Imperio Español da América Latina se rebelara e formara estados independentes, Cuba permaneceu leal.

Slaves Unloading Ice in Cuba 1832
Escravos en Cuba descargando xeo de Maine, c. 1832.

Unha serie de revoltas e rebelións de escravos tiveron lugar durante o 'boom do azucre', sendo destacables a rebelión de Aponte de 1812 contra o comercio atlántico de persoas.[29] A independencia de España foi o motivo para unha rebelión en 1868 liderada por Carlos Manuel de Céspedes. De Céspedes, un agricultor de cana de azucre, ceibou ós seus escravos para que loitasen canda el por unha Cuba libre. O 27 de decembro de 1868, emitiu un decreto no que condenaba a escravitude baixo a condición de que os escravos liberados se presentasen ó servizo militar. A rebelión de 1868 deu lugar a un longo conflito coñecido como Guerra dos Dez Anos. Dous mil chineses de Cuba uníronse ós rebeldes. Hai un monumento na Hanana para os chinese que caeron na guerra.[30]

Os Estados Unidos rexeitaron o recoñecemento do goberno cubano, malia que moitas nacións europeas e de América Latina si o fixeron.[31] En 1878, o Pacto de Zanjón rematou co conflito con España prometendo máis autonomía para Cuba. En 1879–1880, o patriota cubano Calixto García tentou comezar outra guerra, coñecida como "Guerra Chiquita", pero recibiu pouco apoio.[32] A abolición da escravitude en Cuba comezou a finais do século XIX, e completouse na década de 1880.[33][34]

Carlos Manuel de Cespedes
Carlos Manuel de Céspedes é coñecido como o Pai da Patria en Cuba, declarando a independencia da nación en 1868.

Un disidente exiliado coñecido como José Martí fundou o Partido Revolucionario Cubano en Nova York en 1892. O obxectivo do partido era acadar a independencia cubana de España.[35] En xaneiro de 1895, Martí viaxou a Montecristi e Santo Domingo para unir os seus esforzos cos de Máximo Gómez.[35] Martí rexistrou as súas ideas políticas no Manifesto de Montecristi.[36] A loita contra o exército español comezou en Cuba o 24 de febreiro de 1895, pero Martí non foi quen de chegar a Cuba ata o 11 de abril de 1895.[35] Martí morreu na batalla de "Dos Ríos" o 19 de maio de 1895.[35] A súa morte inmortalizouno como un heroe nacional do país.[36]

Uns 200.000 soldados españois superaban a un exército rebelde menos numeroso pero que confiaba nas tácticas da loita de guerrillas e da sabotaxe. O xeneral Valeriano Weyler, gobernador militar de Cuba, conduciu á poboación rural ó que el chamaba reconcentrados, e que os observadores internacionais describiron como "vilas fortificadas". Eses reconcentrados están considerados como o prototipo dos campos de concentración do século XX.[37] Entre 200.000 e 400.000 cubanos morreron de inanición e enfermidades nos campos, números verificados pola Cruz Vermella e polo Senador dos Estados Unidos e antigo Secretario de Guerra Redfield Proctor. As protestas americanas e europeas contra a conduta española.[38]

A nave estadounidense Maine foi enviada para protexer os intereses dos Estados Unidos, pero estoupou de súpeto e afundiu moi axiña, acabando con tres cuartos da tripulación. A causa do afundimento permanece descoñecido a pesar da comisión de investigación, pero a opinión popular americana, alimentada pola prenas, considera que os españois foron os responsables.[39] Por mor do incidente, os Estados Unidos e España declaráronse a guerra en abril.

Ó longo das décadas seguinte, catro presidentes dos Estados Unidos, Polk, Buchanan, Grant, e McKinley, tentaron mercarlle a illa a España.[40]

Revolución e goberno do Partido Comunista (1959-presente)

A República de Cuba é actualmente o único estado socialista de América. No 1959, Fidel Castro liderou unha revolución contra o ditador Fulgencio Batista e dous anos máis tarde instaurou un réxime de orientación marxista e partido único. Entre o 17 e o 21 de abril do 1961, preto de 1500 exiliados cubanos recrutados, patrocinados e adestrados pola CIA dos Estados Unidos tentaron unha frustrada Invasión de Baía de Cochinos.

Goberno e política

Artigo principal: Política de Cuba.

Divisións administrativas

Cuba está dividida en 15 provincias con 169 concellos, alén dun concello especial (a Illa da Xuventude).

CubaSubdivisions
  1. Pinar del Río
  2. Artemisa
  3. Cidade da Habana
  4. Mayabeque
  5. Matanzas
  6. Cienfuegos
  7. Villa Clara
  8. Sancti Spíritus
  1. Ciego de Ávila
  2. Camagüey
  3. Las Tunas
  4. Granma
  5. Holguín
  6. Santiago de Cuba
  7. Guantánamo
  8. Isla de la Juventud (Illa da Xuventude)

Na súa historia Cuba tivo diferentes estruturas político-administrativas. Así, durante os anos de colonia, dividiuse en tres departamentos: Oriente, Camagüey, Las Villas e Occidente. Coa Constitución de 1901 estableceuse unha nova estrutura de seis provincias: Pinar del Río, A Habana, Matanzas, Las Villas, Camaguey e Oriente. A partir de 1976, a teor da aprobación dunha nova Constitución, e en correspondencia co crecemento da poboación, as migracións internas e as novas esixencias económicas do país; a Asemblea Nacional do Poder Popular adoptou a división actual.

Xeografía

Artigo principal: Xeografía de Cuba.

Cuba é un arquipélago constituído pola maior illa das Antillas chamada Cuba, a Illa da Xuventude (anteriormente chamada Illa dos Piñeiros), e outros 4.195 cayos, illotes e illas adxacentes. Está situada no mar das Antillas (ou mar Caribe), preto da costa dos Estados Unidos e México. Os seus límites son ao norte co Estreito da Florida, ao leste co Paso dos Ventos, ao sur co mar Caribe e ao oeste co Golfo de México.

A súa superficie é de 110.922 quilómetros cadrados.

Clima

En Cuba as temperaturas son xeralmente altas. Os valores medios anuais varían dende os 24 °C nas chairas até 26 °C nas costas orientais, con magnitudes inferiores aos 20 °C. nas partes máis altas da Serra Maestra.

A tempada de novembro a abril é menos calorosa, tratándose do seu inverno, mentres que a temporada entre os meses de maio a outubro é a máis calorosa, é o seu verán. As temperaturas máximas e mínimas absolutas rexistradas son de 38,8 graos Celsius (Jucarito, Granma, o 17 de abril de 1999)[41] e 0,6 grados Celsius (Bainoa, 18 de febreiro de 1996). Como é típico nos climas tropicais, a variación diaria da temperatura é maior que a anual.

A humidade relativa media é elevada, con medias próximas ao 90%. Os máximos diarios, xeralmente superiores ao 95 %, ocorren na mañanciña, mentres que os mínimos descenden, ao mediodía, até 50-60 % na zona interior. As zonas máis húmidas son as rexións occidental e central, xunto cos principais núcleos montañosos. O efecto da alta humidade relativa, outórgalle ao arquipélago cubano unha intensa sensación de calor durante gran parte do ano.

Xeoloxía

Este arquipélago posúe unha gran variedade de rochas e solos.

Principais centros urbanos

Artigo principal: Cidades de Cuba.

-A Habana: localizada no extremo occidental da illa. Principal polo cultural e económico. Cidade cosmopolita de 2,2 millóns de habitantes.

-Santiago de Cuba: localizada no extremo sur-oriental da illa. Segunda cidade do país en importancia económica, cultural e demográfica, con 500.000 habitantes.

-Camagüey: no centro-oriente. Cidade cun centro histórico Patrimonio da Humanidade, de 300.000 habitantes.

-Holguín: no norte norte-oriente: Cidade de 300.500 habitantes, con praias como Guardalavaca, Pesquero, Playa Esmeralda e outras que son de interese turístico.

Economía

Artigo principal: Economía de Cuba.

Demografía

Artigo principal: Demografía de Cuba.

Cuba é unha sociedade multiracial, as orixes da inmensa maioría da poboación son europeos, pois a poboación indíxena foi exterminada por mor da invasión española ou por enfermidades traídas por eles nos séculos XV e XVI.

O 65,05% da poboación é de raza branca, o resto repártese entre mestizos e afroamericanos.

Segundo o último censo do goberno cubano (2002):

  • Sitio Oficial do Goberno
  • Poboación : 11 177 743 hab.
  • Idade promedio : 35.1 anos.
  • Densidade : 101.7 hab/km²
  • Maiores de 60 anos: 14.7 %
  • Homes : 49.97 %
  • Mulleres : 50.03 %
  • Brancos : 65.05 %
  • Negros : 10.08 %
  • Mulatos : 24.86 %
  • Poboación urbana : 75.9 %

Outros datos

  • A Esperanza de vida ao nacer é de 77 anos, 78,7 para as mulleres e 74,8 para os homes, sendo un dos países de latinoamérica e do terceiro mundo con maior esperanza de vida
  • Como media, os habitantes maiores de 15 anos teñen 9'5 anos de estudo
  • Taxa de desemprego: 2,3%
  • Índice de Pobreza Humana dentro de 78 países en desenvolvemento: 5,1%, o segundo máis baixo
  • Índice de Desenvolvemento de Xénero: Posto 21 de 104 países analizados
  • Taxa de alfabetización adultos: 99,5%
  • Taxa de escolarización :
    • Primaria (por neno de 6 - 11) : 99,1
    • Secundaria (12 - 14) : 96,3
  • Habitantes por médico : 165

A sanidade cubana

Hermanos Ameijeiras
Hospital Hermanos Ameijeiras.

Todos os cidadáns cubanos residentes no país teñen dereito a recibir asistencia en todas as institucións de saúde, a cal é gratuíta. O Estado garante o dereito a recibir atención médica da seguinte forma: coa prestación da asistencia médica e hospitalaria gratuíta, mediante a rede de instalacións de servizo médico rural, dos policlínicos, hospitais, centros profilácticos e de tratamento especializado; coa prestación de asistencia estomatolóxica gratuíta, controis médicos periódicos, vacinación xeral e outras medidas preventivas de enfermidades.

Todo cubano ten acceso a médicos, enfermeiros, especialistas e medicinas.[42] Na actualidade, existen 22 Facultades de Ciencias Médicas, distribuídas por todas as provincias do país. Existen facultades que reciben só a estudantes estranxeiros como a Escola Latinoamericana de Medicina na Habana (ELAM) e moitas outras en todo o país que actualmente implementan un novo modelo de educación baixo os convenios con Venezuela no marco do ALBA, dando oportunidade a estudantes de baixos recursos provenientes de Venezuela, Bolivia, Honduras e Ecuador aloxados en residencias estudantís.[43][44][45]

A Saúde Pública da illa ten o recoñecemento dos organismos mundiais e rexionais especializados.[42] Cuba presta axuda médica a outros países como Bolivia, Honduras, Venezuela e outros.[46]

Cuba posúe unha das máis baixas taxas de mortalidade infantil do mundo, cun índice de 5,3 por cada mil nados vivos durante o ano 2007.[47]

Medios de comunicación

Os medios de comunicación en Cuba son de titularidade pública e están en mans do Estado central e dos municipios correspondentes. A política informativa diríxea o PCC.

A radio e a televisión son propiedade do Estado. O Instituto Cubano de Radio y Televisión (ICRT) constitúe a institución que controla as transmisións radiais e televisivas.

O xornal oficial do réxime é o Granma.

Cultura

Artigo principal: Cultura de Cuba.

Literatura

Artigos principais: Literatura de Cuba e Escritores de Cuba.

A literatura de fala hispana no territorio cubano iníciase coa conquista e colonización española. Os conquistadores traían consigo cronistas que redactaban e describían todos os acontecementos importantes, aínda que dende un punto de vista subxectivo. O máis importante cronista que chegou a Cuba no século XVI foi Frei Bartolomé de las Casas, autor, entre outras obras, de Historia de las Indias.

Música

Artigo principal: Música de Cuba.

Entre os xéneros tradicionais encóntranse o son e o guaguancó. No século XX popularizáronse tamén outros ritmos, como o chachachá, o mambo, a salsa e o danzón. Actualmente báilanse moito estes ritmos e practícanse nas salas de baile. Entre o máis bailado actualmente está a conga e o casino, así como a timba.

Deportes

Cuba destaca en deportes como o béisbol, boxeo, judo, atletismo e voleibol.

En atletismo destacan nomes como Alberto Juantorena, campión olímpico en Montreal 1976, ou o saltador de lonxitude Iván Pedroso, campión mundial e olímpico.

  • Olympic flag.svg Cuba nos Xogos Olímpicos.
  • Selección de Fútbol.
  • Selección de béisbol de Cuba.

Tópicos diversos

Para ter unha idea concreta acerca da Cuba dos últimos anos, pola voz de que nela viviu ata ao exilio, ver o libro Antes que anochezca, de Reinaldo Arenas. Existe tamén a versión cinematográfica Before night falls (dirixido por Julian Schnabel, con Javier Bardem no principal papel).

Eliseo Alberto no seu libro «Dos Cubalibres "Nadie ama más a Cuba que yo"», amosa unha Cuba a través dos grandes nomes da cultura cubana e latinoamericana (músicos, cantores, pintores, escritores etc.).

Notas

  1. "Cuba profile: Facts". BBC News. Consultado o 26 de marzo de 2013.
  2. Thomas 1998, p. ?.
  3. Thomas 1997, p. ?.
  4. "Remarks of Senator John F. Kennedy at Democratic Dinner, Cincinnati, Ohio". John F. Kennedy Presidential Library & Museum – Jfklibrary.org. 6 de outubro de 1960. Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2012. Consultado o 8 de marzo de 2016.
  5. Horowitz 1988, p. 662
  6. Thomas 1998, p. 1173.
  7. "Human Development Report 2014" (PDF). United Nations Development Programme. 2014. Consultado o 2014-07-24.
  8. "Living Planet Report 2006" (PDF). Fondo Mundial para a Natureza, Sociedade Zoolóxica de Londres, Global Footprint Network. 24 de outubro de 2006. p. 19. Consultado o 18 de agosto de 2012.
  9. "World failing on sustainable development". Science.org.au. 3 de outubro de 2007. Arquivado dende o orixinal o 09 de febreiro de 2014. Consultado o 23 de abril de 2014.
  10. The Dictionary of the Taino Language (plate 8) Alfred Carrada Arquivado 19 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.[Verificar credibilidade]
  11. Dictionary – Taino indigenous peoples of the Caribbean Dictionary -- Arquivado 30 de abril de 2008 en Wayback Machine.[Verificar credibilidade]
  12. Augusto Mascarenhas Barreto: O Português. Cristóvão Colombo Agente Secreto do Rei Dom João II. Ed. Referendo, Lissabon 1988. English: The Portuguese Columbus: secret agent of King John II, Palgrave Macmillan, ISBN 0-333-56315-8
  13. da Silva, Manuel L. and Silvia Jorge da Silva. (2008). Christopher Columbus was Portuguese, Express Printing, Fall River, MA. 396pp. ISBN 978-1-60702-824-6.
  14. Ramón Dacal Moure, Manuel Rivero de la Calle (1996). Art and archaeology of pre-Columbian Cuba. University of Pittsburgh Press. p. 22. ISBN 0-8229-3955-X.
  15. "Taino Name for the Islands". Indio.net. Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2010. Consultado o 7 de novembro de 2010.
  16. Ted Henken (2008). Cuba: a global studies handbook. ABC-CLIO. p. 30. ISBN 978-1-85109-984-9. (gives the landing date in Cuba as October 27)
  17. Cuba Oficina Del Censo (2009). Cuba: Population, History and Resources 1907. BiblioBazaar, LLC. p. 28. ISBN 978-1-110-28818-2. (gives the landing date in Cuba as October 28)
  18. Gott 2004, p. 13
  19. Andrea, Alfred J.; Overfield, James H. (2005). "Letter by Christopher Columbus concerning recently discovered islands". The Human Record 1. Houghton Mifflin Company. p. 8. ISBN 0-618-37040-4.
  20. "Encomienda or Slavery? The Spanish Crown's Choice of Labor Organization in Sixteenth-Century Spanish America" (PDF). Latin American Studies. Consultado o 19 de xullo de 2013.
  21. McAlister 1984, p. 164
  22. Diamond, Jared M. (1998). Guns, Germs, and Steel: The Fates of Human Societies. Nova York, NY: W.W. Norton & Co. ISBN 0-393-03891-2.
  23. Byrne, Joseph Patrick (2008). Encyclopedia of Pestilence, Pandemics, and Plagues: A-M. ABC-CLIO. p. 413. ISBN 0-313-34102-8.
  24. J. N. Hays (2005). "Epidemics and pandemics: their impacts on human history". p.82. ISBN 1-85109-658-2
  25. Wright 1916, p. 183.
  26. Wright 1916, p. 229.
  27. Wright 1916, p. 246.
  28. Scheina 2003, p. 352.
  29. Childs, Matt D. (2006). The 1813 Aponte Rebellion in Cuba and the struggle against Atlantic Slavery. The University of North Carolina Press. p. 320. ISBN 0-8078-5772-6.
  30. Westad 2012, pp. 227–8
  31. "Historia de las Guerras de Liberación de Cuba".[Verificar credibilidade]
  32. "The Little War (La Guerra Chiquita)".[Verificar credibilidade]
  33. Scott 2000, p. 3
  34. Chomsky, Carr & Smorkaloff 2004, pp. 37–8.
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 Stanley Sandler, ed. (2002). Ground warfare: an international encyclopedia. Part 25, Volume 1. ABC-CLIO. p. 549. ISBN 1-57607-344-0. Consultado o 6 de setembro de 2009.
  36. 36,0 36,1 David Arias (2005). Spanish-americans: Lives And Faces. Victoria, BC, Canada: Trafford Publishing. p. 171. ISBN 1-4120-4717-X. Consultado o 6 de setembro de 2009.
  37. Robert K. Home (1997). Of Planting and Planning: The Making of British Colonial Cities. Chapman and Hall. p. 195. ISBN 0-419-20230-7. Consultado o 6 de setembro de 2009.
  38. The Spanish-American War. "Cuban Reconcentration Policy and its Effects". Consultado o 29 de xaneiro de 2007.[Verificar credibilidade]
  39. Morison, Samuel Loring; Morison, Samuel Eliot; Polmar, Norman (2003). The American Battleship. St. Paul, Minn.: MBI Publishing Company. p. 18. ISBN 0-7603-0989-2. Consultado o 15 de setembro de 2009.
  40. Falk 1988, p. 64.
  41. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2009. Consultado o 30 de outubro de 2009.
  42. 42,0 42,1 Recoñece a ONU logros de Cuba en medicina familiar
  43. "Cuba: Integración latinoamericana contra o neoliberalismo". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2008. Consultado o 30 de outubro de 2009.
  44. Cuba: Pedagóxico holguinero recibirá estudantes latinoamericanos
  45. Cuba outorga novas bolsas a estudantes latinoamericanos
  46. Recuperan a visión máis dun millón de pacientes con programa cubano-venezolano
  47. "Diminúe mortalidade infantil a 5,3". Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2007. Consultado o 06 de xaneiro de 2007.

Véxase tamén

Bibliografía

  • ALBERTO, Eliseo (2004), Dos Cubalibres "Nadie quiere más a Cuba que yo", Ediciones Península e Atalaya, ISBN 84-8307-626-8
  • ARENAS, Reinaldo (1992), Antes que Anochezca, State of Reinaldo Arenas e Tusquets Editores, ISBN 972-41-1295-0
Chomsky, Aviva; Carr, Barry; Smorkaloff, Pamela Maria, eds. (2004). The Cuba Reader: History, Culture, Politics. Durham, NC: Duke University Press. ISBN 978-0-8223-3197-1.
Falk, Pamela S. (1988). "Washing and Havana". The Wilson Quarterly 12 (5): 64–74. JSTOR 40257732.
Gott, Richard (2004). Cuba: A New History. New Haven, CT: Yale University Press. ISBN 978-0-300-10411-0.
Horowitz, Irving Louis (1988). Cuban Communism. New Brunswick, NJ: Transaction Books. ISBN 0-88738-672-5.
McAlister, Lyle N. (1984). Spain and Portugal in the New World, 1492–1700. Minneapolis, MN: University of Minnesota Press. ISBN 978-0-8166-1216-1.
Scheina, Robert L. (2003). Latin America's Wars, Volume I: The Age of the Caudillo, 1791–1899. Dulles, VA: Brassey's. ISBN 978-1-57488-449-4.
Scott, Rebecca J. (2000) [1985]. Slave Emancipation in Cuba: The Transition to Free Labor, 1860–1899. Pittsburgh, PA: University of Pittsburgh Press. ISBN 978-0-8229-5735-5.
Thomas, Hugh (1997). The Slave Trade: The Story of the Atlantic Slave Trade, 1440–1870. New York, NY: Simon & Schuster. ISBN 978-0-684-81063-8.
Thomas, Hugh (1998). Cuba; or, The Pursuit of Freedom (updated ed.). Cambridge, MA: Da Capo Press. ISBN 978-0-306-80827-2.
Westad, Odd Arne (2012). Restless Empire: China and the World Since 1750. London: The Bodley Head. ISBN 978-1-84792-197-0.
Wright, Irene Aloha (1916). The Early History of Cuba, 1492–1586. New York, NY: The Macmillan Company.

Outros artigos

Ligazóns externas

Bolero

O bolero é un ritmo que mestura as raíces españolas coas influencias locais de varios países hispanoamericanos. Xurdiu no Caribe, mais sufriu modificacións, especialmente desenvolvendo temas máis románticos e un ritmo mais devagar. Ten tradición en Cuba, Porto Rico, República Dominicana, Colombia, Ecuador, México, Perú, Venezuela , Uruguai, Arxentina e Brasil.

Celia Cruz

Úrsula Hilaria Celia Caridad Cruz Alfonso de la Santísima Trinidad, máis coñecida como Celia Cruz, nada na Habana o 21 de outubro de 1925 e finada en Fort Lee, Nova Jersey, o 16 de xullo de 2003, foi unha cantante cubana de salsa que pasou a meirande parte da súa carreira vivindo e traballando nos Estados Unidos.

Danzón

O danzón é un xénero bailábel de orixe cubana derivada da danza crioula creada polo compositor matancero Miguel Failde Pérez en 1879. Forma parte da música tradicional de Cuba e tamén da de México.

Ernesto Lecuona

Ernesto Lecuona Casado, nado en Guanabacoa o 6 de agosto de 1895 e finado o 29 de novembro de 1963, en Santa Cruz de Tenerife, foi un intérprete e compositor de música cubano.

É considerado o músico cubano máis destacado, e a súa obra pianística compárase coa de Manuel de Falla ou a de Ravel.

Canda Gonzalo Roig e Rodrigo Prats, forma o trío máis importante de compositores do teatro lírico cubano e en especial da zarzuela. A achega máis importante de Lecuona ao xénero teatral é a romanza cubana.

Entre as súas obras destacan as zarzuelas Canto Siboney, que está integrada na súa obra La tierra de Venus; Damisela Encantadora, incluída na zarzuela Lola Cruz; Diablos y Fantasías, El Amor del Guarachero, El Batey (1929), El Cafetal, El Calesero, El Maizal, La Flor del Sitio, Tierra de Venus (1927), María la O (1930) ou Rosa la China (1932). Tamén destacar as cancións Canto Carabalí, La Comparsa e Malagueña (1933), pertencente á suite Andalucía; as súas obras para danza, Danza de los Ñáñigos e Danza Lucumí ; a ópera El Sombrero de Yarey (de paradeiro descoñecido), a Rapsodia Negra para piano e orquestra, así como a Suite Española.

Coas súas zarzuelas, deulle unha forma clasicamente definida á zarzuela cubana en canto a xénero e estilo se refire, e, polos seus logros dramáticos e musicais, fican próximas á ópera. En 1942, a súa composición "Siempre en mi corazón", foi candidata para o Oscar como canción; mais no seu lugar gañou "White Christmas".

Fidel Castro

Fidel Alejandro Castro Ruz ( audio), nado en Birán (Mayarí) o 13 de agosto de 1926 e finado na Habana o 25 de novembro de 2016, foi un avogado e revolucionario comunista cubano, con orixe galega, que gobernou Cuba como primeiro ministro de 1959 a 1976 e logo como presidente de 1976 a 2008.

Nacionalista e marxista-leninista, exerceu como Primeiro Secretario do Partido Comunista de Cuba dende 1965 a 2011. Baixo o seu mandato, o país transformouse nun país socialista, con gran parte da industria e da economía nacionalizadas.

Fillo dun emigrante galego acomodado, Castro adoptou as ideas antiimperialistas mentres estudaba Dereito na Universidade da Habana. Despois de participar en rebelións contra a ditadura de Rafael Trujillo na República Dominicana e o goberno dereitista colombiano, planeou o derrocamento do ditador cubano Fulgencio Batista lanzando un ataque contra o cuartel Moncada en 1953. O intento fracasou e tras pasar un ano no cárcere, viaxou a México onde formou un grupo revolucionario, o Movemento do 26 de xullo, xunto co seu irmán Raúl Castro e o Che Guevara. De volta en Cuba, Fidel liderou o Movemento nunha guerra de guerrillas contra as forzas de Batista en Sierra Maestra. Despois do derrocamento de Batista, asumiu o poder político e militar como primeiro ministro de Cuba. Os Estados Unidos opuxéronse ao goberno de Castro e tentaron derrocalo mediante intentos de asasinato, bloqueo económico e contrarrevolución, incluído o intento de invasión da illa en Baía de Cochinos. Para contrarrestar estas ameazas, aliñouse coa Unión Soviética, permitíndolle a esta instalar armas nucleares en Cuba en 1962, provocando a Crise dos mísiles, punto álxido da Guerra Fría.

Adoptando un modelo de desenvolvemento marxista-leninista, Fidel converteu Cuba nun Estado socialista de partido único baixo o liderado do Partido Comunista, o único no hemisferio occidental. Introducíronse políticas de economía planificada e expandíronse a sanidade e a educación. No plano internacional, Castro apoiou a diversos grupos revolucionarios antiimperialistas, deu apoio aos gobernos de esquerdas de Chile, Nicaragua e Granada e enviou tropas aos seus aliados nas guerras de Yom Kippur, Ogadén e a guerra civil angolana. Estas accións, xuanto ao liderado de Castro no Movemento de Países Non Aliñados, aumentaron a notoriedade internacional da illa.

Tras a disolución da URSS en 1991, o goberno cubano afrontou unha recesión económica no chamado "Período Especial" e abrazou ideas antiglobalización e a favor do medio ambiente. Na década de 2000, Castro forxou unha alianza coa chamada "marea rosa" latinoamericana (principalmente coa Venezuela de Hugo Chávez) e asinou o ingreso de Cuba na Alianza Bolivariana para as Américas. En 2006, Fidel transferiu os seus poderes ao vicepresidente Raúl Castro, que logo foi elixido presidente do Consello de Estado pola Asemblea Nacional en 2008.

O mandato de Fidel Castro foi o máis longo dun xefe de Estado dos séculos XX e XXI e polarizou a opinión mundial. Os seus partidarios veno como un paladín do socialismo e a causa antiimperialista, cuxo goberno revolucionario levou unha avanzada xustiza social e económica ao país, mentres asegurou a independencia de Cuba do imperialismo estadounidense. Pola outra banda, os seus críticos defíneno como un ditador que perpetrou abusos dos dereitos humanos, o éxodo de milleiros de cubanos e o empobrecemento da economía cubana. Fidel Castro foi condecorado cunha gran cantidade de recoñecementos internacionais e influíu significativamente a persoas e grupos de todo o mundo.

Golfo de México

O golfo de México é o maior golfo do mundo, estando cercado por terras continentais de México e dos Estados Unidos de América, e insulares de Cuba. Ten unha superficie de aproximadamente 1 550 000 km2.

Guaguancó

O guaguancó é un tipo de rumba orixinaria de Cuba, de cando o tempo da abolición da escravitude na illa, contra o 1886. O guaguancó representa unha fusión de varios rituais profanos afro-cubanos coñecidos como rumbas.

Guajira

A guajira ou guaxira, termo que significa campesiña, é un xénero musical orixinario da rexión oriental de Cuba, de tema campesiño.

Guaracha

A guaracha é un xénero musical e un baile orixinarios de Cuba. Trátase dun tipo de composición folclórica aparecida a finais do século XVIII, que describía os tipos e costumes da illa caribeña e tamén en parte de México.

Mambo

O mambo abrangue un xénero musical e mais o baile que o acompaña. É orixinario de África e foi desenvolvido en Cuba, onde deveu un dos estilos musicais latinoamericanos máis populares a mediados do século XX.

Báilase en tríos seguindo un ritmo sincopado, mestura de música africana, hispanoamericana e jazz. Caracterízase por presentar un tempo de silencio en cada compás, que se representa cunha pausa no movemento dos bailaríns a fin de acentuar o síncope (desprazamento do acento rítmico do tempo forte ao tempo débil do compás).

Mar Caribe

O mar Caribe é un mar tropical situado entre as costas orientais de América central e as setentrionais de América do Sur. Tamén é chamado mar das Antillas por seren estas illas os seus límites polo norte (Grandes Antillas) e polo leste (Pequenas Antillas de Barlovento). Ao noroeste comunica co golfo de México a través da canle de Iucatán, e co Océano Atlántico polas numerosas canles que se abren entre a grilanda que forman as Antillas. Ten unha área aproximada de 2 754 000 km² e alberga máis de 7 000 illas, illotes e arrecifes, moitos dos cales son moi pequenos e están deshabitados, que conforman a chamada rexión do Caribe. As illas cobren aproximadamente 235 688 km²; sendo Cuba a máis grande de todas.O seu fondo elévase na parte media formando un gran relevo desde as costas de Honduras e Nicaragua ata a illa de Xamaica. As maiores profundidades acádanse ao NO deste promontorio submarino, sendo o punto máis profundo a fosa das Illas Caimán, entre Cuba e Xamaica, con 7 686 metros de profundidade. O resto do mar Caribe ten unha profundidade máis uniforme que raramente supera os 5 500 metros. A profundidade media é de 2 200 metros.Tódolos países da zona -especialmente os das illas- son coñecidos como Caribe. Os principais países e territorios caribeños son:

En América Central: México (península de Iucatán), Belize, Guatemala, Honduras, Costa Rica e Panamá.

En América do Sur: Colombia (Rexión Caribe) e Venezuela.

Grandes Antillas: Cuba, Xamaica, Haití e a República Dominicana na illa da Española e Porto Rico.

Pequenas Antillas: Illas Virxes, divididas en británicas e estadounidenses, Antiga e Barbuda, Saint Kitts e Nevis, Guadalupe (departamento francés de ultramar), Dominica, Martinica (departamento francés de ultramar), Santa Lucía, Barbados, San Vicente e as Granadinas, Granada, Trinidad e Tobago, e as holandesas de Aruba, Curaçao e Bonaire (as dúas últimas forman parte das Antillas Neerlandesas).

Pérez Prado

Dámaso Pérez Prado, nado en Matanzas (Cuba) o 11 de decembro de 1916 e finado na Cidade de México o 14 de setembro de 1989, foi un músico, compositor e actor de orixe cubana. É un dos referentes fundamentais do mambo.

Ramón Armada Teixeiro

Ramón Armada Teixeiro, nado en Santa Marta de Ortigueira o 14 de setembro de 1858 e finado na Habana o 1 de xullo de 1920, foi un escritor galego.

Rumba

A rumba é un xénero musical caracterizado polos ritmos baseados en instrumentos de percusión. Así mesmo a rumba pode facer referencia á canción e mais á danza relacionadas con esta música.

É orixinaria de Cuba, como combinación das tradicións musicais dos colonizadores españois e dos africanos traídos a Cuba como escravos. Trátase dun xénero musical carente de conexións relixiosas. O período de aparición da rumba data dos anos 1930 e 1940, sendo daquela a música popular de Cuba, tendo en parte evolucionado cara ao que hoxe recibe o nome de salsa.

San Román de la Cuba

San Román de la Cuba é un concello español da provincia de Palencia (Castela e León). A súa poboación é de 87 habitantes (INE 2012).

Son montuno

O son montuno é un estilo de música cubana. Foi un dos xéneros que sentou as bases para o desenvolvemento do que a partir dos anos 70 se denominou pasou a coñecerese como música salsa. A pesar de que a salsa é unha mestura de ritmos antillanos, moitos din que se basea principalmente no son montuno de Arsenio Rodríguez. Arsenio inspirouse no guaguancó e acentuou a súa orquestración mediante o uso de trompetas e a introdución de novos instrumentos como a conga ou o piano. Tamén Benny Moré engadiu novas influencias ao son montuno, principalmente de elementos provenientes da guaracha e o bolero.

Xosé Neira Vilas

Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.

Países
Territorios dependentes
Países
Territorios dependentes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.