Cuarzo

O cuarzo é un mineral da clase 4 (óxidos), segundo a clasificación de Strunz, composto de dióxido de silicio, tamén chamado sílice, SiO2. Ás veces, e incorrectamente, tamén é denominado seixo.[1]

Non é susceptíbel de exfoliación, porque cristaliza no sistema trigonal (romboédrico).

Incoloro en estado puro, pode adoptar numerosas tonalidades se leva impurezas (é alocromático).[2]

A súa dureza é tal que pode raiar os aceiros comúns.[3]

É moi abundante nas rochas graníticas. Preséntase en cristais, ás veces de tamaños considerábeis, hexagonais, coroados por unha pirámide trigonal. Estes cristais pódense encontrar o mesmo illados que maclados segundo tres importantes leis: Delfinado, Brasil e Xapón, ou en agrupacións formando drusas ou xeodas. Os cristais adoitan presentar inclusións doutros minerais, auga ou gases. Tamén aparece en grans irregulares ou compactos.

Quimicamente moi inerte, é resistente á meteorización química que provoca a intemperie, á vez que os seus grans son moi duros e difíciles de erosionar na súa superficie. Como consecuencia, o cuarzo dun granito permanece enteiro, mentres que os outros minerais (micas e feldespatos) convértense en arxilas ao disgregárense. As arxilas son esenciais nos procesos sedimentarios, mentres que os grans de cuarzo son os que forman a maior parte das areas.

Cuarzo
Quartz Brésil
Cuarzo variedade hialino (cuarzo puro)
Fórmula químicaSiO2
ClaseSilicatos
SubclaseTectosilicatos
Sistema cristalinoRomboédrico (hexagonal a máis de 537ºC)
CorToda a gama
BrilloVítreo
Dureza7
FracturaConcoidea
ExfoliaciónPerfecta
RaiaBranca
Densidade2,65 g/cm3

Formación

O cuarzo fórmase primariamente durante a cristalización lenta dos magmas terminais moi ácidos, que son os que permanecen de forma residual cando, durante o ascenso, vanse segregando en rexións profundas os silicatos ferromagnésicos, de cor escura. Como resultado, o cuarzo é un dos minerais que caracterizan a composición das rochas magmáticas plutónicas que forman o zócolo ou baseamento dos continentes, especialmente o granito. O cuarzo é o último dos minerais en solidificarse durante a formación destas rocas, así que súa forma adáptase á dos cristais preexistentes, e as súas caras non reflicten a súa estrutura cristalina.

Aspecto

O cuarzo no seu estado puro é un mineral incoloro e transparente. Pode presentarse en forma masiva, ocupando filóns entre as oquedades das rochas, recubrindo cun manto as superficies convexas (drusas) ou cóncavas (xeodas). É frecuente que se presente na súa forma cristalina (tubulares hexagonais cunha pirámide no seu extremo) e que adopte, segundo o tipo de impurezas que conteña, todo tipo de coloracións. Ademais podemos clasificar o cuarzo, segundo o tamaño dos seus cristais: macrocristalino (se está formado por cristais grandes) ou criptocristalino (se está formado por microcristais imperceptibles para o ollo humano).

Venachat

Cuarzo afumado (morión)

Améthystre sceptre2

Cuarzo amatista

Citrine bresil

Cuarzo citrino

Seixo Leitoso

Cuarzo leitoso

QuartzRose

Cuarzo rosado

Compostelle

Xacinto de Compostela (ou hematoideo)

Calcedonia z

Calcedonia

Xaspe

Xaspe

Variedades do cuarzo macrocristalino

Tonalidadescuarzo
Diferentes tonalidades que pode presentar o cuarzo segundo a variedade
  • Afumado
Vai das tonalidades agrisadas pardas máis claras ata o negro tamén chamado morión. É típico dalgunhas zonas de Suíza.
  • Ametista
Típica tamén das Minas Gerais do Brasil, esta variedade de cuarzo é de cor violeta ou morada, por incluír na súa composición residuos de óxidos de ferro.
  • Citrino
O citrino é un cuarzo que vai dende a coloración amarela máis tenue ata a parda máis escura. A súa coloración é debida á inclusión de óxidos hidratados de ferro.
  • Falso zafiro
Variedade de cuarzo de cor azul, que recorda ó zafiro.
  • Hialino
Tamén é chamado cristal de rocha. É o cuarzo puro e como tal non presenta coloración ningunha. Pódese atopar con facilidade en minas do Brasil (Minas Gerais) e en Madagascar. Utilízase en xoiería para a elaboración de xemas.
  • Leitoso
É de cor branca pola inclusión de gases e erros da súa estrutura durante o seu crecemento.
  • Prasio
O prasio é unha variedade de cuarzo de cor verde, debida á inclusión de impurezas de mica da variedade fuchsita.
  • Rosado
É moi raro que este tipo de cuarzo apareza na súa forma cristalina. Faino, polo tanto, en forma de masa de cor rosada debida á inclusión de átomos de titanio e manganeso na súa composición.
  • Xacinto de Compostela
Ou tamén chamado hematoide. É de cor vermella opaca pola presenza de ferro en forma de óxidos. En España este mineral é típico de Valencia.

Propiedades

Debido as súas propiedades de dureza, elevada resistencia á compresión e estabilidade ante os ácidos e meteorización é moi dificilmente atacable, tanto por vía mecánica como por vía química.

Propiedades físicas

Propiedades piezoeléctricas

O cuarzo coñécese polas súas propiedades piezoeléctricas: cando se comprime, prodúcese unha separación de cargas eléctricas que xera á súa vez unha diferenza de tensión e, de xeito recíproco, reacciona mecanicamente cando se somete a unha certa voltaxe. Este efecto convérteo nun elemento de gran utilidade para gran variedade de transdutores, dende chisqueiros até altofalantes.

Comportamento resoante

Outra característica interesante dun cristal de cuarzo é a súa capacidade de presentar un comportamento resoante. Do mesma xeito que un péndulo ou unha carriola oscila cunha frecuencia propia ao darlle impulso e deixalos moverse libremente, un cristal de cuarzo sometido a un estímulo eléctrico pode continuar vibrando a unha certa frecuencia (dependente da propia natureza do cristal), até perder ese impulso inicial. Se se mantén o estímulo de forma periódica e sincronizada, teremos unha sinal a unha frecuencia extraordinariamente precisa, no que podería considerarse a contrapartida electrónica dun reloxio de péndulo. Esta aplicación é común en todo tipo de sistemas electrónicos como reloxos, microprocesadores, e osciladores.

Termoluminescencia

A termoluminescencia é a capacidade de emitir luz cando se somete a unha fonte calorífica. Os raios cósmicos procedentes do espazo producen cambios na estrutura cristalina do cuarzo que se acumulan co tempo. Cando o cuarzo se quenta, a estrutura volve é normalidade, emitindo luz. Cuanto máis tempo foi radiado, máis luz emite o cuarzo. Ao medir as lonxitudes de onda, e comparalas con elementos xa datados, pódese obter o tempo que estivo exposto á intemperie (datación por termoluminescencia).

Propiedades abrasivas

Emprégase como abrasivo, citándose como area silícea, sendo o abrasivo máis usado polo seu baixo prezo, utilizándose para a fabricación de lixas, discos ou bloques e, principalmente, en sistemas de abrasión por medio chorro de aire a presión (chorro de area).

Lugares onde se atopa

O cuarzo constitúe aproximadamente o 18% da codia da Terra e é polo tanto un mineral omnipresente en tódalas partes do mundo. Os xacementos de Brasil son explotados a nivel mundial, en especial os de cuarzo hialino das famosas Minas Xerais e os de ametistas e ágatas en Río Grande do Sul.

Produción mundial

Estado Produción no 2005 (en toneladas)
Estados Unidos 30 600
Eslovenia 11 000
Alemaña 8 160
Austria 6 800
Francia 6 500
España 6 500
Xapón 4 850
Reino Unido 4 500
Australia 4 000
Brasil 1 600
Portugal 5
Resto do mundo 33 485
Totais 118 000

Fonte(en inglés):USGS (Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos)

Usos do cuarzo

O cuarzo, no seu estado puro, é utilizado polas súas propiedades e o seu baixo custo coma material abrasivo para a fabricación de lixas ou discos. Ten gran perigosidade ó ser respirado, xa que pode ser causante de silicose. Por iso arestora está a ser trocado por outros abrasivos de menos risco para a saúde, aínda que nos países subdesenvolvidos o seu uso segue a ser moi popular.

O cuarzo, polas súas propiedades piezoeléctricas, é utilizado como material de precisión en aparellos como os reloxos, os altofalantes, as radios ou os procesadores dos nosos ordenadores.

Os exemplares máis estéticos utilízanse coma material ornamental ou de coleccionismo, como xoias, enfeites, pequenas esculturas etc.

Tamén se emprega para area de moldes de fundición, fabricación de vidro, esmalte, saponáceos, dentífricos, fibras ópticas, refractarios, cerámica...

Notas

  1. Área de Linguaxes Especializadas, SNL da Universidade de Santiago de Compostela (ed.). "Onde se mercan reloxos de seixo?". Un idioma precis. En realidade, seixo non é sinónimo de cuarzo, senón o nome que se lle dá adoito a unha variedade deste mineral, de cor branca, moi abundante en Galicia.
  2. Dise que é alocromático un mineral incoloros en estado puro e que adquire coloración cando na súa rede cristalina se introducen certos elementos alleos á súa fórmula química.
  3. efunda.com (en inglés)

Véxase tamén

Bibliografía

  • Mirre, Juan Carlos (1990): Guía dos minerais de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-729-3
  • Schumann, Walter (1974): Rocas y minerales. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0387-0

Outros artigos

Ligazóns externas

Area

A area é unha substancia granulosa ou pulverulenta proveniente da descomposición das rochas, estanto por tanto formada por un conxunto de partículas de rochas disgregadas.

En xeoloxía denomínase area ao material composto de partículas cuxo tamaño varía entre 0,063 e 2 mm. Unha partícula individual dentro deste rango é chamada gran de area. Unha rocha consolidada e composta por estas partículas denomínase arenita (Sin. psamita)

As partículas por baixo dos 0,063 mm e ata 0,004 mm denomínanse limo, e por riba da medida do gran de area e ata os 64 mm denomínanse grava.

Arenita

Os arenitos ou arenitas son rochas sedimentarias de tipo detrítico constituídas por areas aglutinadas por un cemento natural que xeralmente caracteriza a rocha. Despois da lulita, é a rocha sedimentaria máis importante.

Basalto

O basalto é unha rocha volcánica, a máis abundante no planeta Terra.

Cristal

Un cristal, en física do estado sólido e química, é un sólido homoxéneo que presenta unha estrutura interna ordenada das súas partículas reticulares, sexan átomos, ións ou moléculas.

Cuarcita

A cuarcita, ás veces chamada metacuarcita, é unha rocha metamórfica dura cun alto contido de cuarzo, de textura non foliada. A súa coloración pode ser branca, gris, rosada o avermellada.

Na súa composición, a maioría das cuarcitas chegan a ter máis do90 % de cuarzo e algunhas incluso 99 %.

O termo cuarcita a miúdo é usado erroneamente para designar á cuarzoarenita ou ortocuarcita, rocha sedimentaria cementada con sílice que precipitou de augas intersticiais durante a súa diaxénese.

Escala de Mohs

A escala de Mohs é utilizada para medir a dureza das substancias sólidas. En xeoloxía utilízase para medir a dureza dos minerais. Foi proposta por Friedrich Mohs e baséase na resistencia dun mineral a ser raiado por outro. En mineraloxía a "dureza" non mide a resistencia do mineral a romper, senón a ser raiado.

Mohs, que era xeólogo, escolleu 10 minerais aos que atribuíu un determinado grao na súa escala comezando polo talco ao que lle deu o número 1 e rematando polo diamante ao que lle deu o 10.

A táboa é a seguinte:

Por non gardar a mesma proporción entre intervalos, establecéronse outros métodos para medir a dureza das substancias sólidas (ver durezas absolutas na táboa), aínda que en xeoloxía aínda se segue a usar a escala de Mohs, por ser un método simple e efectivo.

Feldespato

Os feldespatos son un grupo de minerais constituídos por silicatos de aluminio, potasio, calcio e sodio. Son uns minerais que forman unha serie isomorfa na que estes tres últimos elementos químicos substitúen en ocasións ó aluminio creando diferentes variedes con diversas propiedades físicas e químicas.

Gneis

O gneis é unha rocha de gran groso que provén do metamorfismo dos granitos, e polo tanto, ten os mesmo minerais que este (cuarzo, feldespato e mica), mais cunha estrutura diferente, presentándose os minerais nos gneises en bandas, alternándose en fitas claras e escuras. É unha rocha que se atopa próxima a depósitos de lousa.

Tamén pode proceder doutras rochas ígneas, á parte do granito, que se coñecen como ortogneis; ou sedimentarias, chamándose paragneis. Tamén se poden adxectivar segundo a súa textura, como o gneis ocelado; ou segundo os seus compoñentes, gneis biotítico, moscovítico...

O gneis emprégase na construción para realizar chanzos, lastros, cachotaría, pavimentación, fabricación de brita ou uso ornamental, tendo en conta a súa peculiaridade xistosa que o converte nun material anisótropo, é dicir, que a forma de colocación na obra é fundamental (un gneis que reciba forzas externas paralelas ás súas bandas crebará máis rapidamente que se estas forzas fosen perpendiculares).

Lista de minerais

O que a continuación segue é unha lista de minerais, mineraloides e exemplares de orixe natural en orde alfabética.

Lousa

A lousa é unha rocha metamórfica formada pola compactación de arxilas, aparece en cor escuro dividida en xistos, moi empregada nos tellados da provincia de Lugo. Está considerado como un dos materiais mais sostibles ambientalmente para as cubertas de edificios debido á súa mínima emisión de CO2 e consome menos auga que unha de cerámica.

España é o primeiro exportador do mundo desta pedra, obtidas nos xacementos de O Bierzo, Valdeorras, Zamora e Badaxoz. Aínda que é Gales o país que máis exporta, competindo con Portugal, Italia, Estados Unidos e Alemaña. Brasil exporta unha rocha similar (a metalutita) de peor calidade ao exfoliar trala súa colocación.

Mica

As micas son un grupo de minerais constituídos por silicatos de potasio, aluminio, magnesio e ferro. Son uns minerais exfoliables en láminas moi delgadas e flexibles, dunha dureza moi baixa e moi brillantes. As variedades principais da mica pola súa abundancia son a biotita e a moscovita.

As micas figuran entre os minerais máis abundantes da natureza. En total constitúen aproximadamente o 3.8% do peso da codia terrestre, encontrándose, fundamentalmente, en rochas intrusivas ácidas e xistos micáceos cristalinos.

Encóntranse na natureza canda outros minerais (cuarzo, feldespato) formando vetas dentro de rochas, xeralmente, duras. É necesario realizar voaduras das rocas para despois eliminar os minerais estraños e obter así a mica en bruto. O rendemento desta explotación é moi baixo. A mica en bruto é posteriormente exfoliada, recortada e exfoliada de novo para pasar a ser clasificada de acordo co tamaño dos cadrados obtidos. Posteriormente, é clasificada de novo atendendo á transparencia, contido de minerais estraños, lisura da superficie etc.

No 2005, India tiña os maiores depósitos de mica no mundo. China era o maior produtor de mica con case un terzo de participación global seguida polos Estados Unidos, Corea do Sur e o Canadá, segundo a British Geological Survey.

Mineral

Para a función nutritiva dos minerais, ver Minerais na alimentación.Un mineral é un corpo producido por procesos de natureza inorgánica, xeralmente cunha composición química definida e, se se forma en condicións favorables (espazo, tempo e repouso axeitados), unha estrutura atómica definida pola súa cela unidade que se expresa na súa forma cristalina e outras propiedades físicas características. Adoita presentarse en estado sólido á temperatura media da Terra, aínda que algúns, como a auga e o mercurio, preséntanse en estado líquido.

A ciencia que os estuda chámase mineraloxía.

Así pois, as tres características básicas dos minerais son:

Material inorgánico de orixe natural.

Material cristalino, ordenado en celas unidade.

Material sólido, salvo raras excepcións.Hai minerais formados por un só elemento, como o xofre, ou por varios, como o cinabrio.

Mármore

O mármore é un tipo de rocha compacta formada a partir de rochas calcarias que, sometidas a elevadas temperaturas e presións, acadan un alto grao de cristalización. O compoñente básico do mármore é o carbonato cálcico, cuxo contido supera o 90%; os demais compoñentes son considerados impurezas, sendo estas as que nos dan a grande variedade de cores nos mármores, e definen as súas características físicas. Tras un proceso de pulido por abrasión o mármore acada un alto nivel de brillo natural, é dicir sen ceras nin compoñentes químicos. O mármore emprégase principalmente na construción, decoración e escultura. Ás veces é translúcido, ou de diferentes cores, entre as que son máis frecuentes atópanse o branco, o marrón, o vermello, o verde, o negro, o gris, o azul e o amarelo. Tamén pode presentar unha coloración uniforme, xaspeada (a salpicaduras), veteada (tramado de liñas) e diversas configuracións ou mesturas entre elas.

O Valadouro

O Valadouro é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Mariña Central. Segundo o IGE a súa poboación no 2014 era de 2.069 habitantes (2.233 no 2006, 2.268 no 2005, 2.305 no 2004, 2.328 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «valadourés».

Porcelana

A porcelana é un material de cerámica feito a partir doutros materiais, como arxila en forma de caolinita, cuarzo e feldespato, refinados a altas temperaturas. Trátase dun produto de cor branca, impermeable e translúcido.

Rocha magmática

As rochas ígneas (do latín igneus, lume) son aquelas rochas que se forman pola solidificación do magma ante unha redución de temperatura, sexa dentro da codia terrestre; co que se producen rochas plutónicas; ou ao agromar á superficie; producindo rochas volcánicas. Tamén existiría outro grupo de rochas ígneas que serían as filonianas ou porfíricas.

De acordo ao modo de arrefriamento presentan distintos tipos de cristalización, indo dende cristais visibles á primeira ollada nas rochas de arrefriamento máis lento, ata a estrutura vítrea da obsidiana, producida por unha violenta redución de temperatura no curso dunha erupción volcánica.

Polo xeral as rochas ígneas, xunto coas metamórficas, son máis competentes[Cómpre referencia] cás sedimentarias. Por esta razón, algunhas utilízanse con frecuencia na construción a xeito de pedra ornamental (pranchas para revestimentos) ou elemento resistente (xambas, linteis...). Tamén se usan para facer áridos, que se usan nos formigóns.

Exemplos de rochas ígneas son o granito, a diorita, a riolita, o pórfiro, o gabro e o basalto; hai máis de 700 tipos de rochas ígneas.

Compoñen, aproximadamente, o noventa e cinco por cento da parte superior da codia terrestre, aínda que normalmente están ocultas da superficie da Terra por unha capa relativamente fina pero extensa de rochas sedimentarias e metamórficas.

Sílex

Para a editorial madrileña véxase: Sílex Ediciones.

O sílex (SiO2), chamado tamén pedernal, é unha variedade criptocristalina (agregados de cristais só observábeis ao microscopio electrónico) do cuarzo que se presenta xeralmente en masas compactas, de cores variadas (cincenta, negra, amarela e outras), de gran dureza (7 na escala de Mohs) e fractura concoide, polo que foi moi usado nas culturas primitivas para a fabricación de ferramentas e trebellos.

Xema (mineraloxía)

Unha xema ou pedra preciosa é un mineral, rocha ou material petrificado que se usa na xoiaría, tras ser cortado e puído. Outras xemas son orgánicas, como o ámbar, resina de árbore fosilizada. Algunhas xemas belas son demasiado fráxiles para seren usadas na xoiaría, debendo ser expostas só nos museos.

Xisto

O xisto é unha rocha de orixe metamórfica, procedente do metamorfismo das arxilas, que presenta unha estrutura de follas ou láminas paralelas que se separan con facilidade. Hai autores que clasifican ao xisto arxiloso como unha rocha sedimentaria, e é posíbel esa distinción, mais en Galicia, como en moitos lugares do mundo, tódolos xistos son de orixe metamórfica.

Preséntase xeralmente nunha color opaca azulada escura e emprégase moito en cubertas e revestimentos interiores e exteriores.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.