Crustáceos

Os crustáceos (Crustacea)[2] son un extenso subfilo de artrópodos, con máis de 67 000 especies (e sen dúbida aínda faltan por descubrir até cinco ou dez veces este número).[3]

O subfilo inclúe varios grupos de animais tan coñecidos como as lagostas, as centolas, os camaróns, os cangrexos, as nécoras e os percebes.

Os crustáceos son fundamentalmente acuáticos e habitan en todas as profundidades, tanto no medio mariño, como nas augas salobres e doces; uns poucos colonizaron o medio terrestre, como as cochinillas da humidade (isópodos) e certos cangrexos.

Constitúen un dos grupos zoolóxicos con maior éxito biolóxico, tanto polo número de especies viventes como pola diversidade de hábitats que colonizan; dominan os mares, como os insectos dominan a terra.

A ciencia que estuda os crustáceos coñécese como carcinoloxía.[4]

Crustáceos
Crustacea

Rango fósil: cámbrico - actualidade [1]
Collage de crustáceos.

Collage de crustáceos.
Clasificación científica
Dominio: Eukarya
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Ecdysozoa
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Brünnich, 1772
Clases

Características xerais

Meganyctiphanes norvegica2
Krill (Meganyctiphanes norvegica), un crustáceo típico.
Krillanatomykils
Estrutura corporal do krill.

Como característica propia e definitoria do grupo podemos citar a presenza, nalgunha etapa da súa vida, da larva nauplio, provista dun ollo naupliano que pode ser substituído máis tarde por dous ollos compostos, pedunculados ou non.

Por outra parte, son os únicos artrópodos con dous pares de antenas, polo menos na fase larvaria, e teñen un par de maxilas (ou máis) e dúas mandíbulas.

Os crustáceos teñen xeralmente o corpo segmentado cun par de apéndices en cada segmento ou metámero.

O corpo adoita dividirse en cabeza, tórax e abdome. A fusión de segmentos é común e, ás veces, a cabeza e o tórax están fundidos no que se denomina cefalotórax.

A súa reprodución é sexual e todos, excepto o grupo dos Cirripedia (percebes), son de sexos separados. Durante o seu desenvolvemento pasan por varios estados larvarios e, cando son adultos, por períodos de écdise (muda) e intermuda para poderen madrar.

Anatomía externa

Corpo

O tamaño dos crustáceos é moi variábel, oscilando entre menos de 100 μm e os 4 m de envergadura do cangrexo araña do Xapón, Macrocheira kaempferi.[3]

O corpo está formado por un número variábel de metámeros ou segmentos intercalados entre o acron e o telson, máis de 50 en grupos primitivos como os dos cefalocáridos, diplostráceos e notostráceos; a tendencia evolutiva xeral é cara á perda de metámeros; os malacostráceos teñen 19 ou 20, e os cladóceros e ostrácodos non máis de 10.[5]

O corpo está dividido normalmente en tres tagmas ou rexións: céfalon (cabeza), tórax ou pereion e pleon ou abdome, aínda que normalmente os primeiros segmentos do tórax se unen á cabeza formando o que se coñece como cefalotórax.

General malacostracan gl
Anatomía dun malacostráceo.

Apéndices

Véxase tamén: Apéndice (artrópodos) e Pata (artrópodos).
A thoracopod
Apéndice birrámeo de tipo estenopodial de Triops.
1-5: enditos; 6: endopodio; 7: exopodio; 8: epipodio; 9: protopodio.

Posúen 5 pares de apéndices: 2 pares de antenas, un par de mandíbulas e dous pares de maxilas. Todos os tagmas posúen apéndices; nas formas primitivas tenden a seren similares entre si, mentres que nas máis evolucionadas se transforman e se adaptan para funcións específicas. Excepto o primeiro par de antenas (anténulas), os demais apéndices son birrámeos, polo menos en estado embrionario. Este tipo de apéndice posúe unha zona proximal de tres artellos (ás veces reducidos a dous ou a un) chamada protopodio ou simpodio, na que se articulan dúas ramas, unha principal interna (endopodio ou endopodito) e outra secundaria externa (exopodio ou exopodito); o protopodio posúe a miúdo expansións denominadas exitos, situadas na parte externa, e enditos, ademais de epipodios foliáceos con función respiratoria. Nalgúns casos ditas expansións desenvólvense considerabelmente e adquiren o papel preponderante do apéndice; por exemplo, os grandes enditos das mandíbulas, denominados gnatobases, encárganse de mastigar o alimento. O exopodio desaparece nos decápodos, cuxos apéndices teñen, por tanto, aparencia unirrámea. O segundo par de antenas, específico dos crustáceos, quizais represente os apéndices dun segmento do tronco que se fusionou coa cabeza ancestral.

Os apéndices dos crustáceos, a pesar da súa gran diversidade, responden a dous tipos estruturais básicos:

  • Estenopodios. Son apéndices alongados, cilíndricos, robustos, con tegumento duro e cos seus artellos ben articulados entre si. Son as típicas patas marchadoras.
  • Filopodios. Son apéndices foliáceos, aplanados, con tegumento delgado e con articulacións pouco marcadas. As súas funcións principais son a natación e o intercambio de gases.

Segmentos

O número de segmentos do tronco varía dun grupo a outro entre os crustáceos, e depende do grao de fusión e da consolidación que tivo lugar no pasado. O tórax en moitos crustáceos está cuberto polo cacho que se desenvolve a partir dunha prega da epiderme e polo exoesqueleto que se estende posteriormente desde a cabeza e se fusiona coa porción dorsal dos segmentos torácicos. Os apéndices dos crustáceos son birrámeos, pero a maior parte dos artrópodos terrestres posúen apéndices unirrámeos. É posíbel que o apéndice unirrámeo evolucionara a partir do birrámeo por perda dunha rama cando os artrópodos se converteron en terrestres. Destacan catro entre os mesmos: ostrácodos, copépodos, anfípodos e isópodos.

Céfalon ou cabeza

Véxase tamén: Cabeza (artrópodos).
0942 aquaimages
Cabeza dun anomuro.

Como nos demais mandibulados (Mandibulata), a cabeza dos crustáceos componse de cinco metámeros ou segmentos[3] (seis para algúns autores,[5]) máis ou menos fusionados, máis o acron. Os terxitos destes cinco segmentos fusiónanse entre si para formar un todo continuo chamado escudo cefálico ou cacho.

  • Acron. Non posúe apéndices. Aloxa o protocerebro e leva os ollos, case siempre compostos, xa sexa asentados sobre o tegumento (ollos sésiles) ou sobre un pedúnculo (ollos pedunculados).
  • Segmento antenular (primeiro segmento). Contén o deutocerebro e leva o primeiro par de antenas ou anténulas, que son unirrámeas. Nos copépodos adquiren un gran desenvolvemento e diversificación, xa que ademais de órgano sensorial, as utilizan como remos para nadar e nalgúns machos serven para suxeitar á femia durante o apareamento.
  • Segmento antenal (segundo segmento). Aloxa o tritocerebro; leva o segundo par de antenas, de función basicamente sensorial, pero nalgúns grupos, como cladóceros, ostrácodos e nas larvas nauplio, son os principais apéndices locomotores.
  • Segmento mandibular (terceiro segmento). Leva as mandíbulas; posúen enditos de tipo gnatobásico moi esclerotizados con función mastigadora; pode existir un pequeno palpo mandibular.
  • Primeiro segmento maxilar (cuarto segmento). Leva o primeiro par de maxilas oo maxílulas; a súa estrutura é similar á das mandíbulas, con gnatobase e palpo maxilular. En especies filtradoras hai abundantes sedas que reteñen partículas de auga; en especies carnívoras teñen forma de garra coas que capturan e manipulan as presas.
  • Segundo segmento maxilar (quinto segmento). Leva o segundo par de maxilas, denominadas simplemente maxilas, que posúen un palpo maxilar e son de estrutura e función similares ás das maxílulas.

Moitas veces, os primeiros segmentos torácicos fusiónanse co céfalon e os seus apéndices actúan como pezas bucais adicionais denominadas maxilípedos. Os terxitos destes segmentos tamén se fusionan entre si, e co cacho, para formar o cefalotórax, aínda que este termo é ás veces usado só no caso de que recubra todo o tórax, como nos eucáridos (é o que popularmente se denomina cacho).

Tórax e pereion

Véxase tamén: Tórax (artrópodos) e Pereion.

O tórax posúe un número variábel de segmentos ou toracómeros; na maioría dos grupos consta de oito, aínda que este número pode oscilar entre tres (nos ostrácodos) e once (nos notostráceos); cada toracómero posúe un par de apéndices chamados toracópodos. Cando os primeiros segmentos torácicos se fusionan coa cabeza, o conxunto de segmentos non fusionados recibe o nome de pereion, cada un de sus segmentos, pereionito ou pereiómero e os seus apéndices, pereiópodos. Como se dixo, os primeiros toracópodos teñen tendencia a transformarse en apéndices bucais auxiliares (maxilípedos) e serven para a manipulación do alimento. Os demais toracópodos (pereiópodos) adoitan relacionarse coa locomoción (nadar ou camiñar). Nalgúns grupos, como nos peracáridos, as femias gardan os ovos entre os pereiópodos, nunha especie de marsupio.

Abdome ou pleon

Véxase tamén: Pleon e Abdome (artrópodos).

O número de metámeros e apéndices do pleon é moi variábel, desde un (en ostrácodos) até 22 en notostráceos (sen contar o telson). En moitos grupos o número de segmentos é de seis. Os cirrípedes carecen de pleon. Os segmentos do pleon denomínanse pleómeros.

Os apéndices do pleon son os pleópodos, que adoitan faltar nos crustáceos non malacostráceos, excepto o último par ou uropodios. Os pleópodos teñen a miúdo forma de pa e son utilizados para nadar.

Anatomía interna

O sistema nervioso dos crustáceos é parecido ao dos anélidos, cun ganglio cerebral, un anel nervioso ao redor da farinxe e un par de cordóns nerviosos na rexión ventral, con ganglios en cada segmento.

Igual que en todos os demais artrópodos, os crustáceos son eucelomados, ou sexa, posúen un celoma formado por esquizocelia (como en todos os protóstomos), pero neste subfilo o celoma está moi reducido e normalmente só contén os sistemas reprodutor e excretor.

Os residuos metabólicos, recollidos polo sangue e presentes no hemocele, son excretados polas glándulas verdes ou antenais, situadas no cefalotórax e que se abren nos poros excretores, localizados preto das insercións das antenas.

Os crustáceos teñen un sistema circulatorio aberto: o sangue (ou hemolinfa) baña os órganos internos —que se encontran nunha cavidade denominada hemocele— e é bombeado para dentro e fóra do corazón a través de orificios chamados ostíolos. As especies menores respiran por difusión dos gases a través da superficie do corpo, pero as maiores posúen branquias, localizadas nas patas anteriores.

Bioloxía

Alimentación

Existe unha gran variedade de hábitos alimenticios nos crustáceos, podendo ser filtradores de materia orgánica en suspensión, carnívoros, herbívoros ou saprófagos. Comunmente, determinados apéndices torácicos adaptáronse á recolección de alimento, depredación ou consumo de material en suspensión. A boca é ventral e o tracto dixestivo case sempre recto.[6]

Excreción

A excreción faise mediante glándulas antenais ou glándulas verdes, xunto coas glándulas maxilares; son glándulas de igual estrutura e función, diferindo só na posición en que abren os seus poros. Tamén existen nefrocitos, que son células que fagocitan as excretas e degradádanas intracelularmente. A principal excreta nitroxenada producida é o amoníaco.[6]

Reprodución

A maioría dos crustáceos é dioica (teñen os sexos separados), e existen apéndices especializados para a reprodución; por exemplo, nos decápodos pódense distinguir un par anterior de pleópodos que teñen función copuladora. Os ovarios son semellantes aos testículos en estrutura e localización. Algunhas especies presentan mesmo dimorfismo sexual, non só en termos de tamaño, senón tamén doutras características: no cangrexo Scylla serrata, unha especie abundante na rexión indo-pacífica, a femia é maior que o macho e ten o abdome máis largo, podendo así incubar os ovos con maior seguridade.

Durante a cópula, o macho transfire á femia unha cápsula cos espermatozoides, denominada espermatóforo, que ela abre cando libera os óvulos; o espermatóforo está depositado na espermateca, que é unha especie de receptáculo seminal. Os ovidutos nalgúns grupos conectan directamente coas espermatecas, e usan as súas aberturas como gonóporos. A cópula pode estar precedida por comportamentos de cortexo, principalmente nalgúns decápodos: por exemplo, o cangrexo ermitán macho suxeita á femia cun quelípodo e a bate co outro aproximándoa, ou empuxándoa para adiante e para atrás. Os individuos do outro sexo tamén poden atraerse por medio de feromonas.

Os ovos son centrolecitos; neste tipo de ovo, o núcleo está circundado por unha pequena "illa" de citoplasma non xemado no medio dunha gran masa de xema. Os ovos son moitas veces incubados pola femia até que o embrión está totalmente formado, non sendo pouco común encontrar camaróns e cangrexos con ovos prendidos ás patas abdominais. Os ovos xeralmente liberan larvas chamadas nauplio, que son peláxicas, formando parte do zooplancto.

Clasificación

Artigo principal: Clasificación dos crustáceos.

A clasificación dos crustáceos foi tradicionalmente moi intricada e mesmo labiríntica.

O nome crustáceos data das primeiras obras describían a estes animais, como as de Pierre Belon e Guillaume Rondelet, pero este nome non foi utilizado por algúns autores posteriores, como o mesmo Carl von Linné, que incluíu aos crustáceos entre os Aptera na décima edición do seu Systema Naturae.[7] O primeiro traballo válido desde o punto de vista da nomenclatura que utilizou o nome "crustáceos" foi o de Morten Thrane Brünnich, Zoologiæ Fundamenta, en 1772, aínda que tamén incluíu aos quelicerados Chelicerata no grupo.[7]

O subfilo Crustacea comprende unhas 67.000 especies,[8] pero este número podería ser de 10a 100 veces maior, pois son innumerábeis as especies por descubrir.[9] Aínda que a maioría dos crustáceos son pequenos, a súa morfoloxía varía moito e o grupo inclúe tanto ao artrópodo máis grande do mundo, o cangrexo araña xaponés, Macrocheira kaempferi, de 4 m de envergadura,[10] e a máis pequena, Stygotantulus stocki, de 0,1 mm de lonxitude.[11] A pesar da súa diversidade de formas, os crustáceos están unidos pola forma larvaria especial coñecida como o Nauplis (nauplio).

As relacións exactas dos crustáceos con outros taxons non están aínda completamente aclaradas na actualidade (abril 2012). Estudos baseados na morfoloxía conduciron á hipótese da Pancrustacea,[12] na que se supoñía que os crustáceos e os hexápodos (Hexapoda), os insectos e pequenos grupos semellantes, eran grupos irmáns. Pero estudos máis recentes utilizando secuencias de ADN suxiren que os grupos dos crustáceos e os hexápodos son parafiléticos, situándose dentro dun clado maior, Pancrustacea.[13][14]

Aínda que a clasificación dos crustáceos foi moi variábel, o excelente traballo de Martin & Davis (2001):[15] puxo un pouco de orden a tan intricado grupo; ditos autores recoñecen seis clases, algunhas subdivididas en subclases:

Abludomelita obtusata
Abludomelita obtusata, un afípodo.
Trachelipus rathkii
Porcellio scaber, un isópodo terrestre.
Gooseneckbarnacles
Lepas anserifera, un percebe.

Clase Branchiopoda

Subclase Phyllopoda (Cladocera, pulgas de auga, Diplostraca, branquiópodos "bivalvos")
Subclase Sarsostraca (Artemia)

Clase Remipedia
Clase Cephalocarida
Clase Maxillopoda

Subclase Mystacocarida (diminutos crustáceos intersticiais)
Subclase Copepoda (copépodos)
Subclase Branchiura (piollos de peixes)
Subclase Pentastomida (vermes lingua, parasitos)
Subclase Tantulocarida (parasitos mariños)
Subclase Thecostraca (percebes, bálanos ou arneiróns e afíns)

Clase Ostracoda

Subclase Myodocopa
Subclase Podocopa

Clase Malacostraca

Subclase Phyllocarida
Subclase Hoplocarida (Squilla mantis, galera)
Subclase Eumalacostraca (krill, camaróns, cigalas, lagostas, lagostinos, lumbrigantes, cangrexos, centolas, nécoras, bois, Oniscidea, cochinillas da humidade)

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de crustáceos de Galicia.
Boi.crab3

Boi

Notas

  1. Derek Briggs (1978): "The morphology, mode of life, and affinities of Canadaspis perfecta (Crustacea: Phyllocarida), Middle Cambrian, Burgess Shale, British Columbia". Philosophical Transactions of the Royal Society B 281 (984): 439–487.
  2. Do latín crusta, "o que envolve ou recobre", "costra" e -acea, plural de -aceum, "en relación con", ou "a natureza de algo".
  3. 3,0 3,1 3,2 Brusca & Brusca (2005).
  4. Dos elementos carcino- e -loxía, do grego καρκινο-, de καρκίνοσ karkínos, "cangrexo" (e tamén "cáncer") e -λογια, de λόγοσ logos, "palabra", "explicación", "tratado".
  5. 5,0 5,1 Armengol, J. et al. (1986): Artròpodes (I). Història Natural dels Països Catalans, 9. Barcelona: Enciclopèdia Catalana, S. A. ISBN 84-85194-84-5
  6. 6,0 6,1 Ruppert, Edward E. e Barnes, Robert D. (1966): Zoologia dos invertebrados. 6ª ed. São Paulo: Roca.
  7. 7,0 7,1 Holthuis, L. B. (1991). "Introduction". Marine lobsters of the world : an annotated and illustrated catalogue of species of interest to fisheries known to date. FAO Species Catalogue 13. Rome: Food and Agriculture Organization of the United Nations. pp. 1–2. ISBN 9789251030271. OCLC 25681321.
  8. Zhi-Qiang Zhang (2011). "Animal biodiversity: an outline of higher-level classification and survey of taxonomic richness". Zootaxa 4138: 99–103.
  9. "Crustaceans — bugs of the sea". Te Ara Encyclopedia of New Zealand. Ministry for Culture and Heritage (New Zealand). 2009.
  10. "Japanese Spider Crabs Arrive at Aquarium". Oregon Coast Aquarium. Consultado o 4/01/2013.
  11. Craig R. McClain & Alison G. Boyer (2009). "Biodiversity and body size are linked across metazoans". Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences 296 (1665): 2209–2215. PMC 2677615. PMID 19324730. doi:10.1098/rspb.2009.0245.
  12. J. Zrzavý & P. Štys (1997). "The basic body plan of arthropods: insights from evolutionary morphology and developmental biology". Journal of Evolutionary Biology 10 (3): 353–367. doi:10.1046/j.1420-9101.1997.10030353.x.
  13. Jerome C. Regier, Jeffrey W. Shultz, Andreas Zwick, April Hussey, Bernard Ball, Regina Wetzer, Joel W. Martin & Clifford W. Cunningham (2010). "Arthropod relationships revealed by phylogenomic analysis of nuclear protein-coding sequences". Nature 463 (7284): 1079–1083. Bibcode:2010Natur.463.1079R. PMID 20147900. doi:10.1038/nature08742.
  14. Björn M. von Reumont, Ronald A. Jenner, Matthew A. Wills, Emiliano Dell'Ampio, Günther Pass, Ingo Ebersberger, Benjamin Meyer, Stefan Koenemann, Thomas M. Iliffe, Alexandros Stamatakis, Oliver Niehuis, Karen Meusemann & Bernhard Misof (2011). "Pancrustacean phylogeny in the light of new phylogenomic data: support for Remipedia as the possible sister group of Hexapoda". Molecular Biology and Evolution 29 (3): 1031–1045. PMID 22049065. doi:10.1093/molbev/msr270.
  15. Martin, J. W. & Davis, G. E. (2001): An Updated Classification of the Recent Crustacea. 132 pp. Natural History Museum of Los Angeles County. PDF.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª edición. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 0-87893-097-3.
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1) Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
  • Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 84-481-4528-3.
  • Remane, A., Storch, V. e Welsch (1980): Zoología sistemática. Clasificación del reino animal. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0608-2.

Outros artigos

Ligazóns externas

Acuicultura

A acuicultura (do latín aqua: auga; e -cultura: cultivo) é a cría ou cultivo de organismos acuáticos, especialmente peixes, crustáceos, moluscos e algas, destinados á alimentación humana ou animal. Tamén se pode dedicar á produción de especies ornamentais para a acuariofilia, ou o cultivo de especies para a posterior elaboración de materias primas para a industria, repoboación e conservación de especies ameazadas, produción de perlas etc.

Antena (artrópodos)

As antenas son apéndices multisegmentados presentes nos metámeros anteriores dos artrópodos mandibulados.

Nos crustáceos son birrámeas e están presentes nos dous primeiros segmentos do céfalon (cabeza), denominándose o par máis pequeno anténulas. Todos os demais grupos de artrópodos (coa excepción dos quelicerados e os proturos, que carecen delas) teñen un único par unirrámeo de antenas.

As antenas están articuladas á cabeza, poidiendo rotar na súa base articular monocondilar. Aloxan multitude de sensilia táctiles, olfactorios, gustativos e termo- e higroreceptores, que permiten ao animal percibir a presenza de obxectos tocándoos, oír, percibir o movemento do aire, percibir aromas e sabores, así como captar a temperatura e a humidade do ambiente e os obxectos tocados por elas. A percepción de todos estes estímulos é unha definitiva vantaxe biolóxica.

Apéndice (artrópodos)

Os apéndices son estruturas anatómicas pares dos artrópodos formadas por elementos articulados entre si, que se insiren en todos ou en algúns dos metámeros ou segmentos do seu corpo.A condición primitiva é a presenza dun par de apéndices similares en cada metámero, a cal se conserva en poucos artrópodos actuais.

As ás ou alas dos insectos non son apéndices.

Artrópodos

O dos artrópodos (Arthropoda, do grego ἄρθρον, árthron, «articulación» e πούς, poús, «pé») é un filo de animais caracterizados por teren un exoesqueleto (esqueleto externo), o corpo segmentado e provisto de apéndices articulados.

Constitúen o filo máis numeroso e diversificado do reino animal, e inclúe, entre outros, aos insectos, arácnidos, crustáceos e miriápodos. Coñécense case 1 200 000 especies descritas, a súa maioría insectos (un millón), que representan polo menos o 80 % de todas as especies animais coñecidas.

Varios grupos de artrópodos están perfectamente adaptados á vida no aire, igual que os vertebrados amniotas, e a diferenza de todos os demais filos de animais, que son acuáticos ou requiren ambientes húmidos.

A súa anatomía, a súa fisioloxía e o seu comportamento revelan un deseño simple pero admirabelmente eficaz. Os artrópodos existen en todos os ambientes da terra: no mar, na auga doce, no medio terrestre e no aire. Existen tamén moitas formas parasitas e simbióticas.

Cadmio

O cadmio é un elemento químico de número atómico 48 situado no grupo 12 da táboa periódica dos elementos. O seu símbolo é Cd. É un metal pesado, branco azulado, relativamente pouco abundante. É un dos metais máis tóxicos, aínda que podería ser un elemento químico esencial, necesario en moi pequenas cantidades, pero isto non está claro.

Camarón común

O camarón común ou camarón (Palaemon serratus, Pennant 1777) é unha especie de crustáceo malacostráceo da orde dos decápodos e familia dos palemónidos que se encontra nas costas do Atlántico oriental, desde Dinamarca até Mauritania, e nos mares Mediterráneo e Negro. É o camarón máis abundante, e máis apreciado, nas rías galegas.

A especie foi descrita por Thomas Pennant en 1777, como Astacus seratus. O xénero Palaemon foi fundado por Friedrich Weber en 1795, e este camarón recibiu ao longo dos anos numerosos sinónimos (véxase sinonimia no cadro da clasificación científica, á dereita).

Cangrexo

Para a constelación do cangrexo, véxase Cáncer (constelación)

Para a Supernova do Cangrexo, véxase SN 1054.

Chámanse cangrexos ou caranguexos a diversos crustáceos malacostráceos da orde dos decápodos, especialmente aos da suborde dos braquiúros.

Os membros da orde dos decápodos, caracterizados por teren cinco pares de patas, comprenden, entre outros, os crustáceos máis apreciados gastronomicamente, como lagostas, lumbrigantes, centolas ou nécoras. Ademais existen diversas especies que tamén se denominan cangrexos como, por exemplo, o cangrexo violinista, o cangrexo dos coqueiros ou os cangrexos de río.

Caradriformes

As Charadriiformes son unha orde de aves dividida en 3 subordes, 18 familias, 85 xéneros e 366 especies coñecidas, distribuídas por todo o mundo nunha ampla variedade de hábitats. Todas están relacionadas dunha ou doutra forma coa agua, tanto doce como salgada. Esta clasificación segue a que se establece na obra Handbook of the Birds of the World, que exclúe das Charadriiformes á familia Otididae.

As Caradriformes son aves que poden ser de tamaño pequeño, mediano ou grande. Quizais as súas representantes máis coñecidas sexan as gaivotas da familia Laridae.

A súa alimentación é variada, como corresponde a un grupo con tanta diversidade. Dende as xa mencionadas gaivotas, que son practicamente omnívoras, aínda que se alimenten principalmente de pescado, ata os que alimentanse de pequenos invertebrados, crustáceos e moluscos, como as limícolas (cuxa familia máis numerosa é a Scolopacidae).

As familias que se atopan no chamado Vello Continente (Europa e parte de Asia) son:

Haematopodidae

Recurvirostridae

Burhinidae

Glareolidae

Scolopacidae

Stercorariidae

Laridae

Sternidae

Alcidae

Carnívoro

Os animais carnívoros son os que teñen en común o feito de que se alimentan de carne, e que se sitúan no máis alto da cadea trófica.

Estes animais predan outras especies pero non son comidos (exceptuando os ataques que poidan sufrir doutro carnívoro).

A súa principal fonte de alimento en terra provén dos herbívoros e no mar procede de peixes, mamíferos, crustáceos etc.

Ademais da denominación anterior, en función do seu réxime alimentario e que carece de valor taxonómico, co nome de carnívoros (ou Carnivora) desígnase unha orde de mamíferos.

Un caso particular é o dos animais que se alimentan de pequenos invertebrados, que adoitan recibir a cualificación de insectívoros.

Por outra parte, tamén existen algúns vexetais que se alimentan de animais, as denominadas plantas carnívoras.

Cuncha

Este artigo trata sobre a estrutura animal, para o elemento arquitectónico véxase Pendente (arquitectura).A cuncha é unha estrutura dura, de natureza calcárea, que cobre externamente o corpo dos moluscos para protexelo dos predadores e servir de elemento de inserción dos músculos e órganos internos. Constitúe, nestes animais, o exoesqueleto ou esqueleto externo propio dos animais invertebrados. Noutros casos, coma nos crustáceos, fálase de casca.

Adopta formas e características moi variables segundo o grupo ó que pertenzan na clasificación taxonómica e, nalgún caso, é interna ou chega a faltar. Pode estar formada por unha peza única ou por dúas ou máis pezas, móbiles entre si, chamadas valvas.

A cuncha é segregado polo manto, tegumento que recobre a masa visceral.

Decápodos

A dos decápodos (Decapoda, do grego δέκα déka, "dez" e πούς, ποδός poús, podós, "pé") é unha orde de crustáceos dentro da clase dos malacostráceos (Malacostraca), que comprende moitos grupos, como cangrexos, nécoras e centolas (braquiúros), lagostas, camaróns etc.

Eufausiáceos

A dos eufausiáceos (Euphausiacea) é unha orde de crustáceos malacostráceos coñecidos xenericamente como krill.Encóntranse en todos os océanos do mundo. O nome krill vén do noruegués krill, que significa "peixiños fritidos", que tamén adoito se atribúe a algunhas especies de peixes.

Son parecidos externamente aos camaróns, duns de 3 a 5 cm de lonxitude, e moi abundantes en todas as augas que circundan as zonas polares. Aliméntanse fundamentalmente con algas do fitoplancton. Á súa vez son o alimento fundamental de numerosas especies de peixes e tamén dos misticetos. Unha rotura na cadea alimenticia, da cal o krill forma parte, podería ter consecuencias catastróficas en termos ecolóxicos. O krill é, pois, un elemento estratéxico na bioloxía dos mares fríos, constituíndo quizais un dos elos máis importantes da rede trófica.

Exoesqueleto

O exoesqueleto é o esqueleto externo continuo que recobre toda a superficie dos animais do filo artrópodos (arácnidos, insectos, crustáceos e outros grupos relacionados), onde cumpre unha función protectora e outra mecánica, proporcionando a sustentación necesaria para a eficacia do aparato muscular. Tamén se chama exoesqueleto á base, frecuentemente mineralizada, que segregan os corais (clase Anthozoa do filo Cnidaria).

Extremidade

Chámanse extremidades ou membros aos órganos externos, articulados co tronco, que desempeñan funcións de locomoción, voo ou manipulación de obxectos nos animais.

Na linguaxe vulgar, chámanselle «patas» ás extremidades dos animais cuadrúpedes, as inferiores das aves e aos apéndices locomotores dos artrópodos, como os insectos ou os crustáceos.

No caso humano, poden ter outras funcións. As mans, que son a terminación dos membros superiores, tiveron unha importancia crucial na evolución humana, como resultado do bipedismo, segundo diversos autores —como Edgar Morin en El paradigma perdido: la naturaleza del hombre (1971)—, onde se refire á dialéctica «pé-man-cerebro».

Tratándose do corpo humano, as extremidades son os membros superiores ou torácicos e os membros inferiores ou pelvianos que, na linguaxe coloquial constitúen os brazos e as pernas, respectivamente. Porén, en sentido estrito —anatómico— brazo e perna non son senón dous segmentos máis dos que compoñen os membros superior e inferior.

No caso dos cuadrúpedes, fálase de extremidades anteriores e posteriores.

Lagosta (crustáceo)

A lagosta común (Palinurus elephas, Fabricius 1787) é un crustáceo macruro (de abdome ben desenvolvido), un dos mariscos máis valorados, tanto en Galicia como no resto do Estado. Tamén se denomina lagosta europea ou lagosta vermella.

Malacostráceos

A dos malacostráceos (Malacostraca) é unha subclase de crustáceos que inclúe a case todas as especies máis coñecidas destes animais, como os decápodos (lagosta, lumbrigante, cigala, centola, nécora etc.) os estomatópodos (como Squilla mantis) e o krill. Así mesmo comprende tamén os grupos dos anfípodos e os isópodos (cochinillas da humidade).

Describíronse máis de 42.000 especies de malacostráceos, case as dúas terceiras partes de todas as especies de crustáceos.A súa taxonomía é obxecto de controversia: existen varias escolas que disputan as categorías dos subgrupos.

Marisco

O marisco inclúe unha ampla variedade de crustáceos, moluscos e equinodermos especialmente valorados para o seu consumo. Non se trata, realmente, dun concepto biolóxico senón gastronómico, e carece de calquera validez na taxonomía.

Sistema Integrado de Información Taxonómica

O Sistema Integrado de Información Taxonómica (SIIT), coñecido habitualmente pola súa sigla en inglés ITIS (Integrated Taxonomic Information System), é unha sociedade deseñada para que sexa a fonte que subministre unha información fiábel e consistente sobre a taxonomía das especies biolóxicas.

O SIIT creouse orixinalmente en 1996 como o «Sistema Interaxencias de Información Taxonómica», un grupo dentro do Goberno Federal dos Estados Unidos con implicacións de varias axencias, desde o propio Departamento de Comercio até a Smithsonian Institution. Actualmente é un organismo internacional, con axencias partícipes dos gobernos canadense e mexicano, e que colabora con outras axencias internacionais.

O ITIS axuda a elaborar unha base de datos completa e accesíbel de información taxonómica para cada unha das especies e outros taxons recoñecidos, incluíndo tanto o seu lugar no sistema xerárquico da clasificación científica como as referencias ás autoridades na materia que o situaron na súa posición taxonómica. As súas prioridades iniciais son as especies de Norteamérica, pero utiliza os resultados das investigacións internacionais. A súa base de datos pódese consultar na páxina oficial da organización na Internet.

A taxonomía biolóxica non é inamovíbel, e as opinións sobre o correcto status dun taxon a todos os niveis, e sobre a súa correcta situación, son constantemente revisadas, como resultado de novas investigacións, e moitos aspectos da clasificación permanecen sempre en cuestión. A base de datos do ITIS está posta ao día tanto como é posíbel, contando coas novas investigacións, e a información que manexa é a máis aproximada para representar un claro consenso das opinións taxonómicas máis actualizadas. Esta información non é, obviamente, definitiva, e probabelmente é máis fiábel para algúns grupos que para outros. Debe, de todos os modos, contrastarse con outras fontes dispoñíbeis, e coa literatura científica primaria en todo o posíbel.

Zooplancto

Tradicionalmente dividiuse a comunidade planctónica en fitoplancto ou plancto vexetal e en zooplancto ou plancto animal.Denomínase zooplancto á fracción do plancto constituída por seres que se alimentan por inxestión, de materia orgánica xa elaborada. Intégrana protozoos, é dicir, protistas diversos, fagótrofos que engloban o alimento fagocitándoo, e tamén por larvas de animais máis grandes, como esponxas, vermes, equinodermos, moluscos ou crustáceos e doutros artrópodos acuáticos, así como formas adultas de pequeno tamaño de crustáceos como copépodos ou cladóceros, rotíferos e fases xuvenís de peixes.

Son heterótrofos que oupan na cadea trófica as primeiras posicións de consumidores, alimentándose dos produtores primarios (compoñentes do fitoplancto), de organismos descompoñedores (como bacterias) ou doutros compoñentes do zooplancto. Algúns se alimentan de residuos orgánicos particulados.

En moits casos os integrantes do zooplancto gardan unha gran proximidade sistemática con outros do fitoplancto, ás veces incluso son do mesmo xénero. Por exemplo, moitas algas unicelulares flaxeladas simultanean ou alternan a fotosíntese coa inxestión de alimentos orgánicos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.