Cronista Xeral de Galicia

O Cronista Xeral de Galicia ou Cronista Oficial do Reino de Galicia é un posto oficial vitalicio designado por Decreto da Xunta de Galicia que se lle asigna a historiadores para definir a versión oficial da historia contemporánea de Galicia. Seguindo a tradición antiga de cronistas mandados pola Xunta do Reino de Galicia como e dentro da política de autoidentificación de Manuel Fraga, créase en 1991, e co paso dos anos e a morte de cada persoa asignóuselle a:

Antonio Eiras Roel

Antonio Eiras Roel, nado en Buenos Aires o 10 de marzo de 1931 e finado o 20 de abril de 2017, foi un historiador galego, catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela durante corenta anos e Cronista Xeral de Galicia.

Antón Fraguas

Antón Fraguas Fraguas, ou Antonio Fraguas Fraguas, nado en Insuela, na parroquia de Loureiro (Cotobade), o 28 de decembro de 1905 e falecido en Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1999, foi un destacado historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista. En 1923 fundou, xunto con outros compañeiros, a Sociedade da Lingua, que tiña como principais obxectivos a defensa da lingua e a elaboración dun dicionario. Foi membro das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de ensino secundario depurado polo franquismo. Formou parte do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Real Academia Galega, foi director e presidente do Museo do Pobo Galego, membro do Consello da Cultura Galega e Cronista Xeral de Galicia. Dedicouse ó estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. A súa figura foi recoñecida en vida co Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, o Premio Otero Pedrayo, o Premio das Artes e das Letras de Galicia e o Premio San Martiño de normalización lingüística. O 7 de xullo de 2018 a Real Academia Galega, decidiu, en sesión plenaria, que Fraguas sería o escritor homenaxeado o Día das Letras Galegas do ano 2019, coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento.

Emilio González López

Emilio González López, nado na Coruña o 13 de setembro de 1903 e falecido en Nova York o 19 de decembro de 1991, foi un historiador e político galego, catedrático de Dereito Penal en varias universidades, deputado a Cortes durante a Segunda República Española, cónsul xeral en Xenebra e secretario da delegación española na Sociedade de Nacións. Foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade da Coruña e Medalla Castelao en 1984.

Galería de imaxes de Antón Fraguas

Galería de imaxes de Antón Fraguas.

Xunta do Reino de Galicia

A Xunta, Xunta Xeral, Xuntas ou Cortes do Reino de Galicia foi a representación do reino de Galicia desde o século XV –cando a asemblea xeral de poderes do Reino uniuse para constituír as irmandades— ata 1834, cando o Reino de Galicia e a súa Xunta Xeral foi oficialmente desmantelado por Real Decreto. A Xunta do Reino de Galicia declarouse a si mesma como a autoridade suprema do Reino desde o 18 de xuño de 1808, durante a Guerra de Independencia española e debido á abdicación do Rei, e ata que Galicia foi conquistada polas tropas de Napoleón en 1809.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.