Cristo

Cristo (Do latín Christus, e este do grego Christós, Χριστoς, á súa vez unha tradución do hebreo meshiah -en galego "mesías"-, que significa "unxido") era un título cualificativo que os xudeus aplicaban aos seus sacerdotes, reis e profetas, xa que estes debían ser unxidos no nome de Deus para consagrarse ao seu labor.

Os seguidores de Xesús de Nazaret tamén lle aplicaron este título ao seu líder, chamándolle Cristo Xesús ou Xesucristo. Co tempo, Cristo converteuse noutro dos nomes de Xesús de Nazaret.

Véxase tamén

Antes de Cristo

A expresión antes de Cristo empregase para referirse e datar os anos e séculos anteriores á era cristiá, que comeza co ano convencional do nacemento de Xesucristo. Aínda que existe controversia acerca do ano de nacemento de Xesucristo, isto non é importante para a utilización da expresión. Os poucos datos dispoñibles apuntan a que esa data podería estar situada entre o ano 7 e o ano 4 antes de Cristo.

Candia, Abadín

San Pedro de Candia é unha parroquia do concello lugués de Abadín. Tiña 84 habitantes en 2015 (42 homes e 42 mulleres), segundo datos do IGE, cunha densidade de 20,79 hab./km². Iso supón un aumento da poboación respecto a 2014 cando vivían nas súas 8 entidades de poboación e 7 lugares 82 habitantes (40 homes e 42 mulleres), e 15 habitantes menos que en 2004.

Ten 4,04 km² de superficie. Limita coas parroquias de Castromaior, Goás, Cabaneiro e Abadín. Pertencente ó arciprestado de Baroncelle.

As entidades son Carballás (21), Os Castros (12), A Grandela (13), Louside (3), Pedrafita (13), A Penamoura (4), Ponterroxal (5) e As Prazas (13). Os lugares (que xeralmente forman parte de algunhas das entidades) son O Barrio do Rei, Carballido, O Cristo, A Galgueira, Rego de Candia, Rozavella e Ruxidoiro.

Castro de Zoñán

O Castro de Zoñán ou A Croa de Zoñán é un castro situado na parroquia dos Remedios, no concello de Mondoñedo, na provincia de Lugo.

As datas de ocupación do mesmo, segundo a cultura material atopada, móvense entre os séculos II e IV d. C., pero segundo os resultados das análises de carbono-14 os inicios do mesmo situaríanse en datas antes de Cristo.

Lévase escavando dende o ano 2002 e téñense recuperado diversas vivendas e restos de cultura material. No ano 2004 colocáronse dúas mesas interpretativas para poder facer unha visita libre ao castro. No ano 2007 o Concello de Mondoñedo editou o libro O Castro de Zoñán (Mondoñedo, Lugo) Campañas 2002-2004, que recolle os traballos e conclusións das tres primeiras campañas: 2002, 2003 e 2004.

Catolicismo

Catolicismo (do grego καθολικός, katholikós, 'universal, que comprende todo') é un termo que fai referencia á principal rama actual do cristianismo, xurdida tralo Cisma de Oriente. Os católicos son fieis á Igrexa católica, como así tamén á teoloxía, doutrina, liturxia, principios éticos e normas de comportamento derivadas, do mesmo xeito que ao conxunto dos seus seguidores como un todo, a quen se lles denomina «católicos». O vocábulo «catolicismo» úsase polo xeral para facer alusión á experiencia relixiosa compartida polas persoas que viven en comuñón coa Igrexa de Roma.O termo refírese aos cristiáns pertencentes á Igrexa católica, composta por 23 igrexas sui iuris que se atopan en completa comuñón co Papa e que en conxunto reúnen a máis de mil millóns de fieis (unha sexta parte da poboación mundial e máis da metade de todos os fieis cristiáns). A principal característica distintiva da Igrexa católica é o recoñecemento da autoridade e primacía do papa, bispo de Roma. Con todo hai varias igrexas que comparten tamén o adxectivo cualificativo de «católicas», como a Igrexa ortodoxa e as Antigas igrexas orientais, a Igrexa asiria do Oriente e as Igrexas que constitúen a Comuñón anglicana

Cristianismo

O cristianismo (da verba en grego antigo Χριστός, Khristós (Cristo)) é unha relixión monoteísta baseada na vida e ensinanzas de Xesús Cristo como aparecen nos evanxeos canónicos e noutros escritos do Novo Testamento. Actualmente é a relixión, se contamos tódalas súas ramas, que conta con maior número de practicantes, coñecidos como cristiáns.

Os cristiáns cren que Xesús é o Fillo de Deus, Deus feito home, e o salvador da humanidade. Por mor disto, refírense a Xesús como Cristo, o Mesías profetizado nos textos xudeus que compoñen o Antigo Testamento. A doutrina teolóxica básica aparece nos primeiros textos cristiáns, cuxo contido é aceptado pola maioría das confesións cristiás. Estas profesións de fe din que Xesús sufriu, morreu e resucitou de entre os mortos para garantir a vida eterna a aqueles que cren nel e que confían nel para o perdón dos seus pecados. A maioría sosteñen tamén que Xesús subiu ao Ceo e que alí goberna xunto con Deus Pai. Aínda que o cristianismo é unha relixión monoteísta a maioría dos cristiáns cren que Deus existe en tres persoas, Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo que constitúen unha mesma substancia de Deus, o que constitúe o misterio da Santa Trindade.

Fisterra

Fisterra (do latín finis terrae 'fin da terra') é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra. Segundo o IGE en 2017 tiña 4734 habitantes (5.005 no 2009, 5009 no 2006, 5042 no 2005, 5093 no 2004, 5141 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «fisterrán».

Gregorio Fernández

Gregorio Fernández, nado en Sarria cara a 1576 e falecido en Valladolid o 22 de xaneiro de 1636, foi un escultor galego, considerado pola crítica como o máximo expoñente da Escola de Valladolid. Nesa cidade formou un importante obradoiro con varios aprendices e colaboradores. Traballou por todo o norte de España: Castela e León, Estremadura, Galiza, Asturias e o País Vasco, chegando mesmo até o Portugal setentrional. É citado ás veces como Gregorio Hernández, mais esta é unha forma castelanizada do seu apelido, que hoxe é moi raro ver en tratados e obras referidas ao mundo artístico.

Igrexa católica

A Igrexa católica, tamén coñecida como Igrexa católica romana, é a maior denominación relixiosa cristiá con máis de 1.200 millóns de fieis. Reclámase organizativa e doutrinalmente a Igrexa cristiá orixinal fundada por Xesús e os Doce Apóstolos. A Igrexa católica está gobernada polo papa e polo Colexio Episcopal, integrado polos bispos en comuñón con el, e do cal é cabeza. Hoxe en día os ritos que se empregan na Igrexa son o rito latino (con diversas variacións nalgunhas igrexas locais e nalgunhas ordes relixiosas), o rito bizantino, o rito copto, o siríaco, o armenio, o maronita e o rito caldeo.As notas esenciais que definen á Igrexa son a súa Unidade, Santidade, Catolicidade e Apostolicidade; estas notas atópanse en tódalas Igrexas particulares que constitúen a Igrexa católica, que son a Igrexa latina e as igrexas católicas orientais; todas elas teñen en común as devanditas notas ou características esenciais e a autoridade suprema do Romano Pontífice.

En ocasións a Igrexa católica é aludida como Igrexa católica apostólica romana ou como Igrexa católica romana; quen fai isto sostén que as Igrexas anglicana e ortodoxa tamén son católicas (no sentido etimolóxico e en todo o contido do termo) e que a única diferenza é non estar sometidos á autoridade do papa, ou ben se trata de persoas procedentes de países nos que o idioma adoptou esta expresión debido ao uso intenso por parte de comunidades relevantes de anglicanos e outros protestantes e de ortodoxos.

Igrexa ortodoxa

A Igrexa ortodoxa, tamén coñecida como Igrexa católica ortodoxa, é unha igrexa cristiá, que se considera a si mesma como a igrexa unha, santa, católica e apostólica fundada por Xesús Cristo. Estrutúrase como unha comuñón de igrexas autocéfalas gobernadas cada unha por un sínodo de bispos, iguais entre eles, e sen unha autoridade central de goberno análoga ao papado na Igrexa católica.

A Igrexa ortodoxa considerase a herdeira de tódalas comunidades cristiás da metade oriental do Mediterráneo.​ A súa doutrina teolóxica estableceuse nunha serie de concilios, dos cales os máis importantes son os primeiros Sete Concilios, chamados "ecuménicos" que tiveron lugar entre os séculos IV e VIII. Tras varios desencontros e conflitos, a Igrexa ortodoxa e a Igrexa católica separáronse no chamado "Cisma de Oriente e Occidente", o 16 de xullo de 1054. O cristianismo ortodoxo difundiuse por Europa Oriental grazas ao prestixio do Imperio Bizantino e ao labor de numerosos grupos misioneiros.

Está en realidade constituída por 14 ou, segundo algunhas delas, 15 Igrexas autocéfalas que só recoñecen cadansúa propia autoridade xerárquica (por exemplo, do patriarca de Alexandría, de Antioquía, de Constantinopla, etc. ou a de metropolitanos, se é o caso), pero manteñen entre si comuñón doutrinal e sacramental.

Labrada, Guitiriz

Santa María de Labrada é unha parroquia que se localiza ó norte do concello de Guitiriz na comarca da Terra Chá, a uns 14,3 km aproximadamente do núcleo municipal. Segundo o padrón municipal de 2012 tiña 287 habitantes (149 mulleres e 138 homes) distribuídos en 39 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2006 cando tiña 314 habitantes.

Moncelos, Abadín

Santiago de Moncelos é unha parroquia do concello lugués de Abadín. Segundo o IGE en 2014 tiña 185 habitantes (87 homes e 98 mulleres), 61 menos ca en 2004.

Muxía

Muxía é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra. Segundo o IGE a súa poboación no 2014 era de 5.068 habitantes (5.424 no 2010, 5.746 no 2006, 5.823 no 2005, 5.899 no 2004, 6.029 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «muxián».

Orde sacerdotal

A Orde sacerdotal, na Igrexa ortodoxa, na Igrexa católica e na Comuñón Anglicana é un sacramento mediante o cal un varón recibe a través da Igrexa un don do Espírito Santo ao servizo da comunidade eclesial e de todos os homes consistente na función de ensino, a entrega da vida aos demais en plenitude e, moi particularmente, a consagración da Eucaristía e a administración do sacramento da reconciliación ou penitencia mediante o cal Deus perdoa o pecado a través da asemblea (ecclesia) de crentes.

Este sacramento é un don e un servizo que implica un cargo e unha función: o sacerdocio especial fronte ao sacerdocio xeral de todo bautizado. Como tal don, o sacerdocio non actúa en virtude dun poder propio do sacerdote ou da súa perfección moral ou virtude persoal, senón como servidor a través do cal, dun xeito singular, se transmite o poder curador e transformador de Cristo. O sacerdote non é un mediador, pois só Cristo o é, pero representa a Cristo nas celebracións litúrxicas, facendo patente a presenza deste no medio da asemblea. Segundo Tomé de Aquino só Cristo é o verdadeiro sacerdote, os demais son ministros seus.

Ourense

Ourense é unha cidade e concello de Galicia, capital da provincia de Ourense e da súa comarca homónima. É a terceira cidade máis poboada de Galicia despois de Vigo e A Coruña. Segundo o IGE, en 2016 a poboación foi de 105.893 habitantes (107.597 en 2012).

Está atravesada polos ríos Miño, Barbaña e Lonia. É coñecida como A cidade das Burgas debido á sona das súas famosas fontes de augas termais (a auga sae a 60-68 °C). Tamén se lle coñece como Auria.

Destacan como monumentos a catedral de Ourense (século XII) co seu Pórtico do Paraíso e o Santo Cristo, a ponte Maior, o claustro de San Francisco, a igrexa da Trindade e a de San Domingo, e o conxunto da súa zona vella, en proceso de recuperación.

Cidade termal por excelencia, ademais das Burgas hai augas termais no balneario da Chavasqueira (de inspiración xaponesa), O Tinteiro, Muíño da Veiga e Outariz. Están moi próximos á capital os centros balnearios da Arnoia, Baños de Molgas, Laias e O Carballiño.

Panteón de Galegos Ilustres

O Panteón de Galegos Ilustres atópase na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Toda a igrexa é Panteón, aínda que so se estean usando a Capela da Visitación (ou de San Domingos en Suriano) e a Capela do Santo Cristo. Nel repousan os restos de galegos sobranceiros como a poeta Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A idea foi proposta inicialmente polos emigrantes galegos en Cuba.

Quende, Abadín

Santiago de Quende é unha parroquia do concello de Abadín. Tiña 187 habitantes en 2015 (91 homes e 96 mulleres) segundo datos do IGE. Iso supón unha diminución da poboación respecto a 2014 cando tiña 195 habitantes (95 homes e 100 mulleres), e 53 menos que en 2004.

Santiago o Maior

Xacobe (en arameo Yaqob bar Zibhdi, en hebreo עֲקֹב Yahăqōb ben Zebdi e en grego Iάκωβος Iàkovos), máis coñecido como Santiago o Maior, morto en 44, era fillo de Zebedeo e Salomé. Discípulo de Xesús, foi un dos Doce Apóstolos ou principais seguidores de Cristo. Chámaselle o Maior para distinguilo de Santiago o Menor, tamén discípulo de Xesús. Era irmán de san Xoán o Evanxelista.

O nome de Santiago en latín era Iacobus, unha derivación a través do grego do nome hebreo do patriarca Xacob. É a forma do primeiro romance occidental que daría lugar ao galego e que, debido á súa relevancia relixiosa e política, sería adoptado en todas as linguas romances hispanas. Deste xurdirían os nomes de Iago, Xacobe e Xaime, o inglés James e o francés Jacques; e de Sant Iacobus virían Santiago e o portugués Tiago.

Século

Un século é unha unidade de tempo que equivale a cen (100) anos.

Os séculos acostuman contarse dentro da era cristiá comezando o 1 de xaneiro dos anos que son múltiplos de 100 máis 1 (incluíndo os negativos; vg., 101, -199 ou 2001) e finalizando o 31 de decembro dos anos múltiplos de 100 (vg., 0, 1700 ou -500). Dese xeito numéranse por números romanos. Porén, poden considerarse outros límites, sendo en tal caso moitas veces considerados de xeito aproximado.

Algúns séculos reciben alcumes como o 'Século de Ouro' ou o 'Século das luces', que corresponde de xeito aproximado ó S. XVIII.

Xesús de Nazaret

Este artigo é sobre a figura histórica de Xesús e os seus aspectos biográficos. Para informacións acerca das múltiples versións de Cristo, vexa ese artigo.

Xesús de Nazaret, tamén coñecido como Xesús, Cristo, Xesucristo ou Xesús Cristo, é a figura central do cristianismo e unha das figuras máis influentes da cultura occidental. Para a maioría das denominacións cristiás, é o Fillo de Deus, a segunda Persoa da Santa Trindade, sendo ao mesmo tempo plenamente humano (Deus encarnado). A súa importancia estriba así mesmo na crenza de que -coa súa morte e posterior resurrección- redimiu o xénero humano. O xudaísmo nega a súa divindade, que é incompatible coa súa concepción de Deus. No islam, onde é coñecido como Isa, é considerado un dos profetas máis importantes.

Segundo a opinión maioritariamente aceptada en medios académicos, baseada nunha lectura crítica dos textos sobre a súa figura, Xesús de Nazaret foi un predicador xudeu que viviu a comezos do século I nas rexións de Galilea e Xudea, e foi crucificado en Xerusalén en torno ao ano 30, baixo o goberno de Poncio Pilato.

O que se coñece de Xesús depende case exclusivamente da tradición cristiá (aínda que aparece mencionado en fontes non cristiás), especialmente da utilizada para a composición dos Evanxeos sinópticos, redactados, segundo opinión maioritaria, uns 30 ou 40 anos, como mínimo, logo da súa morte. A maioría dos estudosos considera que mediante o estudo dos evanxeos é posible reconstruír tradicións que se remontan a contemporáneos de Xesús, aínda que existen grandes discrepancias entre os investigadores en canto aos métodos de análises dos textos e as conclusións que deles poden extraerse. Existe unha minoría que nega a existencia histórica de Xesús de Nazaret.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.