Crecemento natural

O crecemento natural ou crecemento vexetativo é a diferenza entre o número de nados e o número de falecidos.

Características

Se o número de nados é superior ao número de mortos dise que a taxa de natalidade é maior á de mortalidade, é dicir a poboación aumenta; cando as defuncións superan aos nacementos a poboación diminúe. O crecemento natural calcúlase restándolle aos nacidos os mortos. A taxa de crecemento vexetativo considérase alta se supera o 2%, moderada se se atopa entre o 1% e o 2%, e baixa se é inferior ao 1%. Para determinar o crecemento da poboación, os demógrafos e outros especialistas utilizaron as taxas de mortalidade e de natalidade é dicir o número de nacementos e de defunción por cada mil habitantes durante un ano. Ambos os dous indicadores constitúen o que se coñece como crecemento natural.

Tipos

Os tipos de crecemento natural son:

  • Crecemento natural positivo: Xérase cando hai máis nacidos que mortos.
  • Crecemento natural negativo: Xérase cando hai maior cantidade de mortos que de nados.
  • Crecemento natural neutro: Xérase cando hai a mesma cantidade de nados que de mortos.
A Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón é un concello da provincia de Lugo en Galicia. Situado no sur da provincia, pertence á comarca da Terra de Lemos e forma parte da Ribeira Sacra. Ten unha poboación de 1.709 habitantes segundo o censo de 2017. Limita cos concellos do Incio ao norte; Quiroga e Ribas de Sil ao sur; Samos, Quiroga e Folgoso do Courel ao leste; e Monforte de Lemos e Bóveda ao oeste.

Alsacia

Alsacia (en alsaciano e alemán: Elsass; en francés: Alsace) é unha rexión cultural e histórica de Francia, localízase ao leste do país, xunto ás fronteiras alemá e suíza. A súa capital e maior cidade é Estrasburgo.

Dende 1982 até 2016, Alsacia era a rexión administrativa máis pequena de Francia, formada polos departamentos de Baixo Rin e Alto Rin. A reforma territorial aprobada na lexislatura de 2014 provou a fusión da rexión de Alsacia con Champaña-Ardenas e Lorena para formar o Gran Leste.

A rexión foi obxecto de conflitos e disputas continuos entre Francia e as diferentes entidades de Alemaña, cambiando sucesivamente de soberanía a partir dos períodos que seguiron aos enfrontamentos armados entre ambas as nacións e que finalizaron en 1871, 1918 e 1945. O proceso de reconciliación franco-alemá xurdido tras o desastre humano, material e moral provocado pola segunda guerra mundial e que impulsou o nacemento e desenvolvemento dende a segunda metade do século XX da Unión Europea, converteu á rexión nun símbolo da paz e a unión política do continente, acollendo na súa capital a sede de importantes institucións e organismos internacionais de Europa.

Cangas

Cangas, ou Cangas do Morrazo, é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Morrazo, da que é capital histórica. Segundo o IGE, en 2017 tiña 26.490 habitantes, co que é o municipio máis poboado da comarca. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cangués, aínda que tamén é común na zona a forma cangueiro.

Carolina do Sur

Carolina do Sur (South Carolina en inglés) é un dos 50 Estados dos Estados Unidos de América, localizado na Rexión Sueste do país. A pesar da súa pequena extensión territorial, é un dos líderes nacionais de produción téxtil e o segundo maior produtor de tabaco dos Estados Unidos, só superado por Carolina do Norte.

A rexión que actualmente constitúe Carolina do Sur formou parte inicialmente da colonia inglesa de Carolina, nomeada en homenaxe ao rei Carlos II de Inglaterra (en latín Carlos é Carolus). En 1712, a colonia de Carolina separouse en dúas: Carolina do Norte e Carolina do Sur.

Carolina do Sur foi unha das Trece Colonias que se rebelou contra o goberno británico na Guerra da Independencia dos Estados Unidos. Carolina do Sur converteuse no oitavo estado americano o 23 de maio de 1788. Foi o primeiro estado en separarse da Unión, o 20 de decembro de 1860, logo da elección de Abraham Lincoln, para fundar os Estados Confederados de América. A guerra civil estadounidense comezou en Carolina do Sur, o 12 de abril de 1861, cando tropas confederadas invadiron Fort Sumter. Despois do fin da guerra, o estado sería readmitido novamente na Unión, o 25 de xuño de 1868.

O alcume de Carolina do Sur, The Palmetto State, orixinouse durante a guerra pola independencia. Palmetto é unha palabra inglesa que en galego significa palmeira. Ao comezo da revolución, forzas británicas intentaron capturar sen éxito un forte feito con madeira de palmeiras, abundantes no Estado. Ao día seguinte, o comandante do forte, ao ver un navío de guerra británico en chamas, comentou que o fume emitido polo navío en chamas asemellábase a unha palmeira.

Chile

Chile é un país de América do Sur, limitado ó norte por Perú, ó leste por Bolivia e Arxentina, totalizando 6.339 km de fronteiras terrestres, ó sur polo Estreito de Drake e ó oeste polo Océano Pacífico. O seu nome oficial é República de Chile e a súa capital é a cidade de Santiago de Chile.Chile descríbese normalmente como constituído de tres distintas zonas. A primeira delas, situada na costa occidental do Cono Sur e coñecida como Chile continental, comprende unha longa e estreita franxa de terra que se estende, maiormente, entre a ribeira suroriental do océano Pacífico e a cordilleira dos Andes, desde os 17º29'57'S ata os 56º32'S de latitude, ao longo de 4.270 km. O seu ancho máximo alcanza os 445 km no paralelo 52º21'S e o seu ancho mínimo, os 90 km en 31º37'S. A segunda, denominada Chile insular, corresponde aos territorios insulares no océano Pacífico Sur: por unha banda, o arquipélago Juan Fernández e as illas Desventuradas, pertencentes a América do Sur; doutra banda, a illa Sala y Gómez e a illa de Pascua, situadas na Polinesia. Chile continental e Chile insular totalizan unha superficie de 756.096,3 km². A terceira, chamada Territorio Chileno Antártico, comprendida entre os meridianos 90º e 53º oeste, é unha zona da Antártida de 1 250 257,6 km² sobre a cal Chile reclama soberanía, prolongando o seu límite meridional ata o Polo Sur. Esta reclamación está conxelada de acordo ao estipulado polo Tratado Antártico, do que Chile é signatario, sen que a súa firma constitúa unha renuncia. Localízase tamén en Chile a punta sur de América do Sur: o Cabo Horn, que é tamén o punto máis próximo da Antártida. Tamén en Chile está o lugar considerado como o máis seco do planeta: o Deserto de Atacama.

Debido á súa presenza en América, Oceanía e a Antártida, Chile defínese a si mesmo como un país tricontinental.Ademais, Chile exerce dereitos exclusivos, reclamacións de diverso grao e soberanía sobre o seu espazo marítimo, chamado Mar chileno. Este comprende o mar territorial (120.827 km²), a zona contigua (131.669 km²), a zona económica exclusiva ou «mar patrimonial», cunha superficie total de 3 681 989 km², e a correspondente plataforma continental, cunha superficie de 145.194 km², que tamén forman parte do territorio chileno Chile posúe un bordo costeiro de 6.435 km de lonxitude.Os seus máis de 17 millóns de habitantes alcanzan índices de calidade de vida, e porcentaxe de globalización que se atopan entre os máis altos de América Latina.

Croacia

Croacia ( pronunciación ) (en croata: Hrvatska [xř̩ʋaːtskaː] ), oficialmente República de Croacia ( pronunciación ) (en croata: Republika Hrvatska ( pronunciación )), é un país de Europa central, rodeado pola chaira Panónica, os Balcáns e o mar Mediterráneo. A súa capital e cidade máis grande é Zagreb. Comparte fronteiras con Eslovenia e Hungría ao norte, Bosnia e Hercegovina ao sueste e Serbia e Montenegro ao leste.

Antigo membro da República Federal Socialista de Iugoslavia, o 25 de xuño de 1991 Croacia declarou a súa independencia converténdose nun Estado soberano. O 1 de xullo de 2013 Croacia entrou na Unión Europea. Ademais é membro das Nacións Unidas, o Consello de Europa, a OTAN, a Organización Mundial do Comercio e membro non permanente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas durante o período 2008 e 2009. Croacia está clasificada como unha economía emerxente e en desenvolvemento polo Fondo Monetario Internacional e país de alta renda polo Banco Mundial.

Estado de Nova York

Este artigo trata sobre o Estado de Nova York. Para a cidade homónima véxase Nova York.

Nova York é un dos 50 estados de Estados Unidos, localizado na rexión Mid-Atlantic do país, ao nordeste do mesmo. A súa capital é Albany. É o maior centro financeiro e comercial do país, e o cuarto maior centro industrial dos Estados Unidos, por detrás de California, Texas e Ohio. Cos seus 19 millóns de habitantes, Nova York é o terceiro estado máis poboado dos Estados Unidos, detrás de California e Texas.

Non debe confundirse coa cidade homónima, a Cidade de Nova York, localizada no extremo sur do estado. Por iso, ao estado adóitaselle chamar Estado de Nova York. A Cidade de Nova York non é só a maior cidade do estado, cos seus 8,5 millóns de habitantes (preto da metade da poboación estatal), senón tamén a maior cidade dos EEUU.

O alcume de Nova York é Empire State (Estado do Imperio). Os historiadores cren que este alcume vén dun comentario feito por George Washington -unha vez comentou que Nova York era o centro do Imperio (americano). O lema do Estado é Excelsior, unha palabra latina que significa "Sempre Arriba", "Sempre no Cume" ou "Aínda Máis Alto".

Nova York foi colonizado orixinalmente polos neerlandeses, que chamaron á rexión Novos Países Baixos. Tamén fundaron un asentamento na illa de Manhattan, chamado Nova Ámsterdan. Cando Inglaterra capturou o Estado dos neerlandeses, os ingleses renomearon tanto ao Estado como á cidade localizada en Manhattan a Nova York. Nova York foi unha das trece colonias británicas que se rebelaron na Guerra de Independencia dos Estados Unidos. Neste estado tiveron lugar un terzo de todas as batallas da guerra.

Logo da guerra, Nova York pasou a ser o 11º Estado en entrar á Unión, o 26 de xullo de 1788. Converteuse no máis poboado do país por ao redor de 1810, aínda que foi excedido por California na década de 1960 e por Texas na década de 1990.

Francia

Francia ( pronunciación ) (en francés: France, [ˈfræns] (AFI), escoitar), oficialmente República Francesa ( pronunciación ) (en francés: République française, [ʁepyblik fʁɑ̃sɛz] (AFI)) é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675 417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes.Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade).

O territorio de Francia esténdese por diversas rexións do mundo situándose a súa parte metropolitana (refírese ao territorio continental de Francia máis a illa de Córsega, a parte continental chámase popularmente l'Hexagone (o Hexágono) pola súa similitude con esta forma xeométrica), en Europa Occidental, onde limita ao sur co mar Mediterráneo, Mónaco (4,4 km), España (623 km) e Andorra (56,6 km); ao oeste co golfo de Biscaia e o océano Atlántico; ao norte coa canle da Mancha (que separa o continente das Illas Británicas), o mar do Norte e Bélxica (620 km) e ao leste, con Luxemburgo (73 km), Alemaña (451 km), Suíza (573 km) e Italia (488 km). O seu territorio insular europeo, comprende a Illa de Córsega, no Mediterráneo occidental, e diversos arquipélagos costeiros no Atlántico. En América, son territorio de Francia a Güiana francesa, que limita con Brasil (673 km), a maior fronteira do país cos seus países veciños, Suriname (510 km), e as illas e arquipélagos de Martinica, Guadalupe, Saint-Barthélemy, San Martiño (que limita coas Antillas Neerlandesas) e de Saint-Pierre-et-Miquelon. No océano Índico, son francesas as illas de Mayotte e de Reunión, así como os arquipélagos de Polinesia francesa e de Nova Caledonia, estes no océano Pacífico. Son territorios de Francia deshabitados o atol de Illa Clipperton, no Pacífico Oriental, e as denominadas Terras Austrais e Antárticas Francesas.

Francia é un país altamente desenvolvido económica e socialmente, influente no plano xeopolítico. A súa economía é de tipo capitalista cunha intervención estatal non desprezable dende o fin da Segunda Guerra Mundial. Non obstante, dende mediados dos anos 1980, reformas sucesivas arrastraron unha liberación progresiva do Estado de varias empresas públicas. É a sexta economía mundial en termos de PIB, membro do G8, da Zona Euro e do Espazo Schengen, e sede de numerosas multinacionais de primeira orde, líderes en diversos segmentos da industria e do sector primario, e é o primeiro destino turístico mundial, con máis de 75 millóns de visitantes estranxeiros anuais.Francia, fogar da primeira Declaración dos dereitos do home e do cidadán, é membro fundador das Nacións Unidas, do Consello de Europa, un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas e sede da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e da UNESCO. É tamén unha das oito potencias nucleares recoñecidas e membro da OTAN.

Francia é un país cunha elevada difusión internacional da súa cultura. Dende o século XV, participando nas exploracións marítimas, e a continuación como potencia colonial, a súa cultura e civilización atópase difundida por países de todo o mundo agrupados na organización da Francofonía. O idioma francés é unha das linguas con maior influencia, tradicionalmente empregada como lingua da diplomacia e relacións internacionais, que xunto con outras 77 linguas rexionais, conforma o patrimonio lingüístico de Francia. Francia é membro da Unión Latina.

Francia foi formada polas artes e a filosofía. Berce da Ilustración, influíu nas revolucións americanas, despois a Revolución francesa deu o arranque e o exemplo democrático no mundo enteiro, desenvolvendo valores de liberdade, de igualdade, de fraternidade e, dende 1905, de laicismo.

Kansas

Kansas é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, localizado na rexión Medio Oeste (Midwest) do país. O centro xeográfico dos 48 Estados Unidos continentais -é dicir, sen Alasca e Hawai- está localizado na rexión norte de Kansas, no condado de Smith. O centro xeodésico de América do Norte localízase tamén en Kansas, no condado de Osborne. Este centro utilízase como punto de referencia para todos os mapas feitos polo goberno dos Estados Unidos.

Limita ao norte co estado de Nebraska, ao oeste con Colorado, ao sur con Oklahoma e ao leste con Missouri.

Kansas é un dos líderes nacionais da industria agropecuaria. O estado é o maior produtor de trigo do país, o que fai que sexa coñecido como Wheat State (Estado do Trigo) e Breadbasket of America (Panera de América, ou Celeiro de América). Kansas posúe tamén un dos maiores rabaños de gando bovino do país. A agricultura e a gandería foron durante gran parte da historia de Kansas a súa principal fonte de renda. Dodge City é considerada por moitos como a "Capital Mundial dos Cowboys". Kansas tamén posúe unha forte industria mineira, e é un líder nacional na produción de petróleo e gas natural. Actualmente, as principais fontes de renda do estado son o comercio e a industria.

Durante a década de 1850, coa Lei de Kansas-Nebraska, gran número de abolicionistas e defensores do traballo escravo instaláronse en Kansas. Moitos enfrontamentos entre milicias abolicionistas e escravistas sucedéronse en Kansas, así como no estado veciño de Missouri (onde o traballo escravo estaba permitido). Estes conflitos eran tan violentos que Kansas recibiu o alcumo de Bleeding Kansas (Kansas Sangrante) na década de 1850. Outro apelativo de Kansas, que posúe as súas orixes neste conflito, é Jayhawker State. Jayhawker é como se coñece un acto común dos abolicionistas, de invadir granxas escravistas en Missouri, saquear facendas e liberar escravos. O 29 de xaneiro de 1861, Kansas converteuse no 34º estado estadounidense.

O alcume máis coñecido de Kansas é The Sunflower State (O Estado Xirasol). Os xirasois cobren boa parte das extensas chairas do estado. O nome Kansas posúe a súa orixe na tribo amerindia kansa, que vivían na rexión ata o século XVIII. Kansa significa "pobo dos ventos do sur".

Mieres, Asturias

Mieres é un concello da Comunidade Autónoma do Principado de Asturias, a súa cabeceira municipal é a cidade de Mieres del Camino, dita popularmente simplemente Mieres. É cuarta poboación de Asturias, tras Oviedo, Xixón e Avilés, cun total de 44.992 habitantes, dos que arredor de 28.000 corresponden ao núcleo urbano capitalino.

Sito no centro de Asturias, dista tan só 20 km da capital autonómica, Oviedo, e 48 km de Xixón e Avilés.

Mississippi

Mississippi é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, localizado na rexión Sur do país. Mississippi foi historicamente un estado dominado por granxas e pequenas cidades, dependente da agricultura e da gandaría. Actualmente, con todo, este estado posúe unha economía relativamente diversificada, cunha industria de manufactura e cun turismo en crecemento. Mississippi está considerado o estado máis pobre dos Estados Unidos, con altas taxas de desemprego e a menor renda per cápita do país.

Mississippi ten ese nome debido ao río Mississippi, que discorre ao longo da súa fronteira oeste. O nome Mississippi provén dunha palabra do ojibwa, que significa "grandes augas" ou "pai das augas". Algúns alcumes de Mississippi son Estado da Magnolia e Estado da hospitalidade.

Mississippi foi inicialmente colonizado polos españois, pero anexionado polo Reino Unido baixo os termos do Tratado de París de 1763. Coa independencia das Trece Colonias, a rexión de Mississippi pasou a formar parte dos recentemente creados Estados Unidos de América. O Territorio de Mississippi creouse en 1798 e, xa como o actual Mississippi, foi elevado á categoría de estado da Unión o 10 de decembro de 1817. Mississippi prosperou economicamente e foi durante décadas un dos estados máis ricos do país. Mississippi segregouse dos Estados Unidos en 1861, uníndose aos Estados Confederados de América. Foi un dos estados máis afectados pola Guerra Civil Estadounidense, que arruinou a súa economía e cuxos efectos socioeconómicos aínda poden apreciarse hoxe en día.

Ohio

Ohio (pronunciado [oʊˈhaɪoʊ]) é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, situado na zona dos Grandes Lagos, e un dos seus principais centros industriais. Localizado na Rexión Medio Oeste dos Estados Unidos —a rexión máis industrializada do país— Ohio ten á industria como a súa principal fonte de ingresos. Outras fontes de ingresos importantes son as finanzas, a minería do carbón —que axudou a facer de Ohio unha das principais potencias industriais do país— a agricultura e o turismo.

A palabra "Ohio" significa na lingua iroquesa "Gran Río", "Río Longo" ou "Río Belo", utilizada por este grupo de nativos americanos para describir o río Ohio. O alcume de Ohio é Buckeye State (o Buckeye é un castiñeiro do xénero Aesculus). Os bosques compostos por árbores deste xénero cubrían anteriormente todo Ohio, aínda que moitos destes bosques foron tallados para proporcionar materias primas a diversas industrias, así como para dar espazo á agricultura. Ohio tamén reivindica o alcume de Mother of Modern Presidents (Nai dos Presidentes Modernos), polo feito de que sete dos Presidentes dos Estados Unidos naceron e creceron en Ohio, aínda que este título pertence, de feito, a Virxinia, cun total de oito presidentes. Os presidentes estadounidenses nacidos en Ohio son Ulysses S. Grant, Rutherford B. Hayes, James A. Garfield, Benjamin Harrison, William McKinley, William Howard Taft e Warren G. Harding. Un oitavo Presidente, William Henry Harrison, vivía en Ohio cando foi nomeado Presidente.

Os primeiros exploradores europeos en explorar a rexión foron os franceses. Ata 1763, a rexión de Ohio formaba parte da colonia francesa de Nova Francia, pasando entón a control británico. Coa independencia dos Estados Unidos en 1783, estes pasaron a controlar a rexión. Ohio converteuse no primeiro territorio do Territorio do Noroeste en ser elevado á categoría de estado, e o 17º en entrar na Unión, o 1 de marzo de 1803. A expansión en dirección ao oeste e a construción de numerosas vías férreas no estado, o descubrimento de numerosos xacementos de carbón e unha sólida industria agropecuaria fixeron que Ohio convertésese a mediados do século XIX nunha gran potencia industrial. Ulysses S. Grant, nativo de Ohio, foi un dos principais líderes da Unión durante a Guerra de Secesión.

A rápida industrialización do estado fixo que diversas persoas nativas do estado destacasen polas súas invencións e ideas pioneiras. Thomas Edison naceu en Ohio, e os Irmáns Wright —coñecidos mundialmente por ser os primeiros en voar nun avión (non sen controversias)— tamén creceron aquí. Outro nativo de Ohio mundialmente famoso é Neil Armstrong, a primeira persoa en pisar a Lúa.

Segundo os datos do censo do 2000, residían en Ohio 11.353.140 habitantes, repartidos por unha área de 116.096 km².

Oroso

Oroso é un concello da comarca de Ordes, pertencente á provincia da Coruña. Segundo o IGE en 2014 tiña 7.400 habitantes (6.987 no 2009, 6.526 no 2006, 6.345 no 2005, 6.155 no 2004, 5.933 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é orosán.

Ribadumia

Ribadumia é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE en 2015 tiña 5.087 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «ribadumiense».

Ruán

Ruán (en francés: Rouen) é unha cidade do noroeste de Francia, capital da rexión de Normandía e do departamento do Sena Marítimo.

Saldo migratorio

O saldo migratorio é o balance que existe entre a inmigración e a emigración nun determinado lugar, cando o saldo migratorio é positivo, a poboación aumenta; cando o saldo migratorio é negativo, a poboación diminúe (idea que non toma en conta a taxa de crecemento natural da poboación, que sería a diferenza entre a natalidade e a mortalidade nun ano determinado).

Saldo migratorio = Número de inmigrantes - Número de emigrantes. Razón de orde baseada en que se houbese maior inmigración, o saldo migratorio daría un valor positivo. Isto faio máis acorde á realidade, pois é cando a poboación vese aumentada.

Unión Europea

A Unión Europea ( pronunciación ) (UE) é unha organización internacional constituída por 28 estados europeos. Moitos dos seus obxectivos herdáronse da CEE, en vigor dende a década de 1950, porén esta comunidade non adoptou o nome de UE até 1992 durante o Tratado da Unión Europea (normalmente coñecido como Tratado de Maastricht). As tres sedes principais da Unión Europea atópanse en Bruxelas, Luxemburgo e Estrasburgo. O 12 de outubro de 2012 a Unión foi galardoada co Premio Nobel da Paz pola súa "contribución ao avance da paz e reconciliación, democracia e dereitos humanos en Europa".

A Unión Europea ten moitas actividades, entre as que destacan a creación dun mercado europeo único (ou sexa unha unión aduaneira), dunha moeda única (adoptada por 16 dos 28 estados membros) e dunha política agrícola, pesqueira, comercial e de transportes común. A Unión Europea desenvolve tamén varias iniciativas para a coordinación das actividades xudiciais e de defensa dos Estados Membros, así como trata de equiparar o desenvolvemento das diversas rexións mediante compensacións económicas, e de fortalecer a propia unión creando vínculos culturais e de cooperación por medio de programas específicos de mantemento de proxectos a escala europea e intercambio de persoas.

O Tratado de París (1951), establecendo a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA), e o Tratado de Roma (1957), instituíndo a Comunidade Económica Europea e a Comunidade Europea da Enerxía Atómica ou Euratom, foron asinados por seis membros fundadores: Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Luxemburgo e Países Baixos. Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo acordaran anteriormente formar o chamado Benelux.

Despois disto, a UE realizou seis ampliacións sucesivas: en 1973 Dinamarca, Irlanda e Reino Unido; en 1981 Grecia; en 1986 España e Portugal; en 1995 Austria, Finlandia e Suecia; o 1 de maio de 2004, República Checa, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta e Polonia; o 1 de xaneiro de 2007, Bulgaria e Romanía; o 1 de xullo de 2013 Croacia.

En 1972 e 1994, Noruega asinou tamén tratados de adhesión á Unión Europea. Porén e sempre a través de referendos, a poboación norueguesa rexeitou a adhesión do seu país. Macedonia do Norte, Islandia, Montenegro e Turquía son candidatos a adhesión á UE. As negociacións con Turquía, e Macedonia aínda non se iniciaron formalmente e por tanto aínda non hai unha data definida para a súa incorporación.

Val de Aosta

O Val de Aosta (en italiano Valle d'Aosta, en francés Vallée d'Aoste e en francoprovenzal Val d'Oûta) é unha rexión autónoma con estatuto especial da Italia noroccidental. Ten preto de 120.000 habitantes e a capital é Aosta.

Limita ao norte con Suíza (Cantón Valais), ao oeste con Francia (departamentos da Alta Savoia e de Savoia, na rexión de Ródano-Alpes), ao sur e ao leste co Piemonte (provincias de Torino, Biella e Vercelli).

Xeorxia, Estados Unidos de América

Xeorxia é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, localizado na Rexión Sur do país. Xeorxia é o maior estado do país en superfície ao leste do río Mississippi, desde que Virxinia Occidental separouse de Virxinia en 1863. O crecemento da poboación de Xeorxia é un dos máis altos do país nos últimos tempos. A súa poboación creceu en torno ao 26% entre 1990 e 2000, de 6.478.216 habitantes en 1990 a 8.186.453 no 2000.

A maior parte de Xeorxia está cuberta por bosques, principalmente piñeiros, pexegos e magnolios. O terreo do norte do estado é fundamentalmente montañoso, coa súa zona sur cun terreo máis chairo e menos accidentado. Os aspectos naturais de Xeorxia foron e aínda son moi importantes para o estado. Culturalmente, as belezas naturais inspiraron a diversos artistas que creceron no estado. Economicamente, fan do turismo e da industria madereira importantes fontes de ingresos de Xeorxia. O estado é un dos líderes nacionais na produción madereira. Os seus bosques déronlle o alcume de The Peach State (O Estado do Pexego) e un devandito popular, Tall as Georgia Pine (Alto como un Piñeiro de Xeorxia).

A rexión que constitúe na actualidade Xeorxia estaba en disputa durante o final do século XVII e o inicio do século XVIII, entre o Reino Unido e España. Xeorxia por entón formaba parte dunha colonia chamada Carolinas, que incluía tamén os actuais estados de Carolina do Norte e Carolina do Sur. En 1724, os británicos crearon a colonia de Xeorxia. O 12 de febreiro de 1733, os primeiros colonos británicos instaláronse na rexión, no que actualmente constitúe Savannah. Xeorxia foi a última das Trece Colonias creada polos británicos.

Xeorxia prosperou a partir da década de 1750, co cultivo de arroz e millo, converténdose nun líder da industria agraria das Trece Colonias. Logo da vitoria americana na Guerra de Independencia dos Estados Unidos, Xeorxia converteuse o 2 de xaneiro de 1788 no cuarto estado americano. Xeorxia separouse da Unión en 1861, e formou parte dos Estados Confederados de América. Foi un dos estados máis duramente afectados pola Guerra Civil Estadounidense. Ata o inicio do século XX, a economía do estado dependía da agricultura e a gandería. A partir de entón, a industria converteuse na principal fonte de renda do estado, e máis recentemente o sector de finanzas converteuse tamén nunha das súas principais fontes de ingresos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.