Creative Commons

Creative Commons (bens "Comúns Creativos") é unha Organización Non-Gobernamental (ONG), sen fins de lucro, que foi fundada e presidida orixinalmente por Laurence Lessing, profesor de dereito na Universidade Stanford e especialista en ciberdereitos. O director xeral é o empresario xaponés Joichi Ito, que aventurou que "Creative Commons converterase nunha organización de estándares dos dereitos de autor" [1].

CC guidant les contributeurs
Creative Commons guiando ós contribuíntes. Esta imaxe é unha obra derivada de A Liberdade guiando o pobo de Eugène Delacroix.
Presentación que explica o que é o Dominio Público e as licenzas CC.

Obxectivos e servizos

Esta organización desenvolve plans para axudar a reducir as barreiras legais da creatividade por medio de nova lexislación e as novas tecnoloxías.

Creative Commons está inspirada na licenza GPL (General Public License) da Free Software Foundation. A idea principal é posibilitar un modelo legal con ferramentas informáticas para así facilitar a distribución e o uso de contidos para o dominio público.

Ofrece unha serie de licenzas, cada unha con diferentes configuracións ou principios, como o dereito de autor orixinal para dar liberdade para citar a súa obra, reproducila, crear obras derivadas, ofrecela de xeito público e con diferentes restricións como non permitir o uso comercial ou respectar a autoría orixinal.

Unha das licenzas ofrecidas por Creative Commons é a licenza "Developing Nations" (Nacións en Desenvolvemento). Esta licenza permite que os dereitos de autor e regalías polas obras se cobren só nos países desenvoltos do primeiro mundo, mentres se ofrecen de xeito aberto nos países en vías de desenvolvemento.

Orixinalmente foron redactadas en inglés, mais despois adaptáronse a varias lexislacións arredor do mundo. Entre outras linguas, foron traducidas ó castelán, portugués, catalán e están sendo ó galego a través do proxecto International Commons. A nivel iberoamericano hai varios países involucrados no proceso: Brasil, España, Chile e Arxentina, con licenzas traducidas e en funcionamento, e Perú, México, Colombia (entre outros) en proceso de tradución e posta en funcionamento.

Licenzas

  • Public Domain ou Dominio público
  • Developing Nations
  • Recombo
  • Founder's Copyright
  • Licenzas Creative Commons
  • CC-GNU GPL
  • CC-GNU LGPL
  • Share Music ou Música compartida

Notas

  1. Entrevista en Consumer.es

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

20 minutos

20 minutos é un xornal de información xeral e distribución gratuíta con edicións locais en 14 cidades españolas, que se publica de luns a venres.

Publícase baixo unha licenza de Creative Commons que permite a calquera libremente copiar, distribuír, amosar, facer traballos derivativos e facer uso comercial dos seus contidos, con algunhas condicións. Adicionalmente, o xornal pode ser descargado do seu sitio web.

A Regueifa Plataforma

A Regueifa Plataforma foi un sitio web galego que se autodefinía como "Un Netlabel sen ánimo de lucro dende o que todos aqueles creadores e creadoras que o desexaban podían difundir, distribuír e amosar a súa obra baixo licenza Creative Commons".

Alfaias

Alfaias é o terceiro álbum (segundo LP) do dúo de indietrónica galego Fanny + Alexander. Foi publicado baixo licenza Creative Commons no selo A Regueifa Plataforma o 4 de maio de 2009. No disco atopamos as colaboracións de Martin Wu (The Homens), Álex Charlón (Ataque Escampe), Banin (Los Planetas) e Carlos Valcárcel (Projecto Mourente).

Contido libre

O contido libre ou información libre é un concepto que abarca calquera obra funcional, de arte ou outro contido creativo que non posúe restricións legais significativas en relación co dereito de uso, a redistribución e a creación de versións modificadas ou derivadas por parte de terceiros.O contido libre abarca todas as obras no dominio público e aquelas que teñen dereitos de autor pero que están suxeitas a unha licenza que outorga e protexe as liberdades mencionadas. Dado que, por omisión, a lei outorga aos propietarios de dereitos un control total sobre as súas creacións (todos os dereitos reservados), é necesario declarar de forma explícita que unha obra é libre, xeralmente por medio da referencia ou inclusión de cláusulas de licenza que acompañan a obra.

Con todo, se os dereitos de autor expiraron, unha obra que estea no dominio público pode en certos casos deixar novamente de ser libre, e a consecuencia as obras derivadas tamén deixarán de selo, se a lei de dereitos cambia.

Copyleft

Copyleft é a práctica de ofrecer o dereito a distribuír libremente copias e versións modificadas de obras coa única restrición de que as novas obras teñen que ter os mesmos dereitos de distribución. Así é que o copyleft defínese como a estratexia de emprego do copyright, ou leis de dereitos de autor, para fomentar a copia, difusión, modificación e mellora de traballo informático, literario ou artístico. Conta con un conxunto de licenzas copyleft que establecen os termos legais que se aplican ás obras derivadas das obras.As condicións do autor son, que no canto de prohibir a copia como se fai coas leis de dereito de autor, que cun copyleft establece baixo que termos se poden usar, facer a copias e modificar a súa obra, co requisito de que se manteñan sempre as mesmas condicións de emprego e difusión desas novas obras.As licenzas copyleft de software establecen que toda a información necesaria para reproducir e modificar a obra estea dispoñible para calquera usuario. Isto implica que ademais dos ficheiros binarios se ten que compartir o código fonte do software e a licenza cos seus termos e o recoñecemento aos autores. As licenzas GNU General Public License (GPL), ecrita por Richard Stallman, foi a primeira licenza aberta e a que acadou un amplo uso. A Creative Commons, unha organización sen ánimo de lucro fundada por Lawrence Lessig, ofrece unha licenza similar chamada share-alike (que significa comparte do mesmo xeito). Na ciencia estanse a popularizar os proxectos de colaboración aberta, publicación dos datos e software asociados a investigación.

Flickr

Flickr é un popular servizo de almacenamento e difusión de fotografías en Internet.

Gemeinsame Normdatei

O Ficheiro Integrado de Autoridades (alemán: Gemeinsame Normdatei) ou GND é un ficheiro de autoridades internacional para a organización de nomes persoais, títulos temáticos e entidades corporativas para catálogos. Emprégase principalmente para a documentación en bibliotecas e en museos e arquivos. A entidade responsable do GND é a Biblioteca Nacional Alemá, en cooperación con diversas redes de bibliotecas rexionais na Europa de fala alemá. O sistema GND está baixo a licenza Creative Commons Zero (CC0).A especificación GND fornece unha xerarquía de entidades de alto nivel e subclases, útiles nas clasificacións das bibliotecas, e un sistema para a identificación sen ambigüidades de elementos únicos.

Tornouse operacional en abril do ano 2012, e integra o contido de outros ficheiros de autoridades que dende entón xa non están en uso:

Personennamendatei (PND)

Gemeinsame Körperschaftsdatei (GKD)

Schlagwortnormdatei (SWD)

Einheitssachtitel-Datei des Deutschen Musikarchivs (DMA-EST)

GeoNames

GeoNames é unha base de datos xeográfica libre e accesible a través de Internet baixo unha licenza Creative Commons Atribución 3.0.

Ghosts I–IV

Ghosts I–IV é o sétimo álbum de estudio da banda estadounidense de rock industrial Nine Inch Nails, editado o 2 de marzo do 2008 coma descarga dixital e posteriormente en CD. O álbum foi o primeiro despois de que a banda anunciase que cortaría os seus vínculos co selo Interscope Records e procuraría editar o seu futuro material independentemente. Inicialmente pensouse como un EP de cinco pistas, pero finalmente lanzouse como 4 EPs de nove pistas cada un.

O álbum lanzouse baixo unha licenza Creative Commons e en varios formatos e prezos, indo da descarga dixital gratuíta dos 9 primeiros temas a unha "edición limitada de luxo" de 300 dólares. O disco apareceu sen ningún tipo de promoción ou publicidade.

International Music Score Library Project

A International Music Score Library Project (en galego Proxecto de Biblioteca Internacional de Partituras Musicais) ou IMSLP, tamén coñecido coma Petrucci Music Library (Biblioteca Musical Petrucci) en honor ao editor italiano Ottaviano Petrucci, é un proxecto para a creación dunha biblioteca virtual de partituras de dominio público empregando a tecnoloxía wiki, así como incluír traballos de novos compositores que desexen compartir as súas creacións musicais de xeito libre e gratuíto, é dicir, a partir de licenzas de Creative Commons ou cedendo os seus dereitos de autoría. Dende a súa creación, o 16 de febreiro de 2006, foron subidos en torno a 220.000 partituras e 21.000 gravacións de arredor de 61.000 composicións de arredor de 7.800 compositores. O proxecto emprega software MediaWiki para prover aos usuarios dunha interface familiar. Dende o 6 de xuño de 2010, IMSLP inclúe gravacións.

Internet Archive

Internet Archive é un sitio web e unha organización sen ánimo de lucro destinada á preservación de historiais Web e recursos multimedia. Creada en 1996, atopábase desde esa data e até o 2009 no Presidio de San Francisco e actualmente áchase na rúa 300 de Funston, tamén en San Francisco. A colaboración que levou a cabo a amplitude desa páxina foi grazas a Alexa Internet e doutros colaboradores á parte da colaboración da Biblioteca do Congreso. Ten unha gran cantidade de ficheiros como son, vídeo e texto, algúns deles en dominio público, ou con licenzas Creative Commons ou calquera outra licenza que permita a distribución.

Entre as súas seccións tamén se atopa a colección chamada Moving Images que contén unha suma de aproximadamente 19.000 ficheiros (estimación de agosto de 2005), a maioría de vídeos. A colección máxima é a Colección de Prelinger chamada Prelinger Archives cun total de 1.977 ficheiros (agosto de 2005) que inclúe unha gran cantidade catalogada do "Cinema Efémero Publicitario", educativo, industrial (películas para promoción das devanditas empresas) e afeccionado. As películas van de entre os anos 1927 ata o 1987.

Noutra parte para volver atrás no tempo existe a Wayback Machine que ten 40 mil millóns de páxinas gravadas desde 1996 a partir dos inicios da actual Internet, pódense ver, entre outras, a primeira versión de IMDb e da páxina de vendas por Internet Amazon, así como tamén unha sección especial catalogando noticias na súa versión orixinal das devanditas datas.

Jamendo

Jamendo é unha comunidade creada en xaneiro do 2005 ao redor da música de libre distribución, onde os artistas poden subir a súa música de balde e o seu público escoitala e descargala do mesmo xeito. Dende a súa fundación, o número de artistas e álbums aloxados medrou de maneira exponencial. O nome provén da mestura de "jam" e "crescendo".

Licenza Creative Commons

As licenzas de Creative Commons (CC) son licenzas de dereitos de autor que permiten aos autores e autoras establecer os criterios de distribución das súas obras, de maneira que poidan escoller os dereitos de uso que lles dan á súa obra establecer así baixo que condicións a comparten co público.

Hai moitos tipos de licenzas Creative Commons en función dos diferentes termos que se establecen na distribución das obras. Estas licenzas foron creadas no 2002 por Creative Commons, unha asociación sen animo de lucro fundada no 2001.

Movemento pola cultura libre

O movemento pola cultura libre é un movemento social que persegue a defensa da igualdade de dereitos para todas as persoas fronte ao coñecemento e as obras intelectuais, coma filmes, música, literatura, pintura etc.

Para isto, os autores aprovéitanse da lexislación da propiedade intelectual que tantos dereitos lles fornece, a través do uso de licenzas libres para conceder a terceiros dereitos sobre as súas obras que a lexislación de primeiras prohibe. Se ben estas licenzas basicamente conceden dereitos, tamén adoitan conter unha serie de obrigas, estas sempre respectando as catro liberdades. Algunhas obrigas habituais nas licenzas libres son a de recoñecemento da autoría dunha obra e maila obriga de compartir as obras derivadas baixo os mesmos termos que a orixinal.

Nine Inch Nails

Nine Inch Nails (abreviado como NIN e escrito como NIИ) é unha banda de rock industrial estadounidense formada en Cleveland, Ohio en 1988 por Trent Reznor, que é o único membro permanente do grupo, e que fai as funcións de produtor, vocalista, compositor e instrumentista. A música de NIN abarca unha ampla gama de xéneros, conservando ao mesmo tempo un característico son utilizando instrumentos e procesadores electrónicos. Despois de gravar cada novo álbum, Reznor monta unha banda de directo para actuar con ela. No escenario, NIN adoita empregar espectaculares elementos visuais para acompañar a actuación, que frecuentemente remata cos músicos escachizando os seus instrumentos.

O público do underground recibiu calorosamente a música de Nine Inch Nails nos seus primeiros anos. Na década dos 90 a banda realizou varios influentes traballos que acadaron un certo grao de popularidade no público máis xeral, e moitos temas da banda convertéronse nun éxito nas radios. Dous dos seus discos recibiron premios Grammy, chegando a vender uns 20 millóns de discos en todo o mundo, 10'5 deles só nos Estados Unidos. No ano 1997 Reznor apareceu na lista das persoas máis influentes do ano da revista Time, e a revista Spin describiuno como "o artista máis vital na música". No 2004, a Rolling Stone colocou a Nine Inch Nails no número 94 da súa lista de 100 mellores artistas de todos os tempos. A pesar destes feitos, a banda tivo varios enfrontamentos coa parte corporativa da industria discográfica. No ano 2007 estes conflitos remataron co anuncio de Reznor de que Nine Inch Nails rompería co seu selo, Interscope Records, e editaría os seus futuros lanzamentos independentemente.

Dende 1989, Nine Inch Nails leva editados oito álbums de estudio. Os dous máis recentes, Ghosts I–IV e The Slip, ambos os dous aparecidos no 2008, foron editados baixo licenzas Creative Commons. Os dous foron lanzados dixitalmente, aparecendo as súas edicións físicas posteriormente. A edición dixital de The Slip estivo dispoñible de xeito totalmente gratuíto. NIN estivo nomeada doce veces aos Grammy e gañouno dúas veces, para os temas "Wish" e "Happiness in Slavery", nos anos 1992 e 1995 respectivamente.

Ordes

Ordes é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ordes. Segundo o IGE en 2014 tiña 12.844 habitantes (12.868 no 2010, 12.294 no 2006, 12.272 no 2005, 12.287 no 2004, 12.266 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «ordense».

Rebelión.org

Rebelión.org é un sitio web configurado como un medio de información alternativo, que publica artigos, baixo licenza Creative Commons, de contido social, político, cultural, económico e ecolóxico, dende unha perspectiva de esquerdas e anticapitalista.

The Slip

The Slip (tamén coñecido como Halo 27) é o oitavo álbum de estudio da banda estadounidense de rock industrial Nine Inch Nails. O álbum foi editado gratuitamente o 5 de maio do 2008 como descarga dixital, e baixo unha licenza Creative Commons, na páxina oficial da banda. Dous meses máis tarde lanzouse unha versión física.

O álbum está dispoñible para a descarga en varios formatos, MP3, FLAC e MP4 sen perdas, ou WAV de alta calidade. Ademais, as descargas inclúen un arquivo PDF co libreto e os créditos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.