Crómlech

Un crómlech (pronunciado 'kɾɔmlɛx) é un monumento megalítico formado por menhires cravados no chan, e dispostos en círculo[1] É un monumento megalítico formado por pedras ou menhires chantados e que adoptan unha forma circular ou elíptica, cercando un terreo. Atópanse en Gran Bretaña, a Bretaña francesa, así coma no norte e oeste da península ibérica, Dinamarca e Suecia.

En galego tamén reciben os nomes compostos de círculo de pedras, aneis de pedras ou círculo megalítico.

A verba cromlech en inglés é usada para os dolmens e non para os círculos de penedos. En francés e castelán dáselle o mesmo uso ca en galego.

Stonehenge Wide Angle
Crómlech de Stonehenge, Reino Unido.
Swinside (p4160146)
Crómlech de Swinside, Reino Unido.

Etimoloxía

A palabra crómlech provén do inglés, que a adquiriu do antigo galés. Está formada por crwm, «curvado» (crom en feminino), e lech, «laxe», polo que significa «laxes ou chantos (colocadas en) curva». Un crómlech é un monumento megalítico formado por varias ducias de menhires chantados en círculo. Hai menhires dispostos de forma rectangular, como na Bretaña no «cuadrilátero de Crucuno», mais o feito de non ser unha disposición circular fai que non sexan crómlech stricto sensu.

Existen crómlechs en Galicia e en Portugal, os galego en parte desapareceron coas repoboacións forestais dos montes e outeiros outrora de matogueira. En Portugal aínda atopamos bos exemplos.

Características principais

Estes círculos de pedras podían estar illados, contiguos con outro círculo de pedras ou asociados a aliñamentos de menhires. O crómlech máis coñecido e máis importante é o crómlech de Stonehenge, en Inglaterra.

Seica inicialmente os crómlech foron só monumentos funerarios que arrodeaban a dolmens ou túmulos e que, máis tarde, puideron se converter en recintos sagrados e, nalgúns casos, nunha especie de templos. Estas son hipóteses mantidas por científicos cuxas pescudas sobre o megalitismo só se poden apoiar en datos arqueolóxicos e non sobre fontes escritas.

Os crómlech son moito máis escasos ca os outros monumentos megalíticos, coma os dolmens, menhires etc.

A meirande parte deles semellan datar, especialmente en Europa, da idade de bronce (entre o século XXVI a. C. e o século IX a.C.- 2500 a.C a 1000 a. C.). Os harrespil (como o de Bilheres, en Aquitania, nos Pireneos Atlánticos) seguiron a utilizarse durante a idade de ferro. Porén atopamos algúns máis antigos, que se puideron datar grazas aos obxectos neolíticos (especialmente cerámica) atopados, coma no illote de Er Lannic, no golfo de Morbihan na Bretaña.

Os crómlech áchanse por todo o mundo, dende a India deica Inglaterra, en Escandinavia, na Cabilia e nas Américas. Non semella que se lles poida imputar un simbolismo único. Os skibsaetninger nórdicos (sepulturas colectivas recubertas por pedras formando o casco dun barco, e que poden conter centos de cadáveres), coas formas de barco, terían seguramente un significado diferente ligado á mitoloxía nórdica.

Período de construción e finalidade

A época de construción destes monumentos atlánticos sitúase na Prehistoria recente, con datas que van desde 3.500 a 2.000 A.C.

Os crómlech, como todos os monumentos megalíticos, eran esencialmente de carácter funerario, é dicir, necrópole. Porén, a súa peculiar disposición e a extraordinaria monumentalidade e complexidade dalgúns deles fai pensar a moitos estudosos noutro tipo de funcións complementarias, quizais templos ou lugares de reunión para a comunidade.

Algúns investigadores chegan a soster teses astronómicas, suxestionando que poderían ter sido observatorios das estrelas ou dos ciclos da Lúa. Estas suposicións, malia seren posíbeis (por exemplo en Stonehenge, moi estudado neste sentido), aínda non teñen sido realmente demostradas e son acollidas con suma prudencia pola comunidade científica.

Dimensións

As dimensións varían dun sitio a outro. En Francia pódense visitar crómlech con diámetros superiores a 100 metros (como a Crêperie de Carnac na Bretaña e os da Rigalderie e Peyrarines no Gard). Os menhires que forman os crómlech varían en Francia entre un e máis de tres metros de alto. Algúns crómlech escoceses superan os catro metros de altura. Os portugueses son maiores ca os galegos.

Localización xeográfica

Hai crómlechs notábeis nas Illas Británicas, especialmente en Escocia (por exemplo, Achmore e Pedras de Callanish nas Hébridas; as Rochas de Stenness e o Anel de Brodgar nas Órcadas) e en Cornualles, aínda que tamén salientan os de Portugal. Un dos máis famosos do mundo é o de Stonehenge, formado por varios círculos concéntricos, e un dos máis antigos de Europa o de Castlerigg, ambos os dous en Inglaterra.

Fora do continente europeo, hai círculos de pedras en África (Senegal, Gambia, Ghana, Etiopía Alxeria etc) mais non poden considerarse crómlech stricto sensu xa que foron construídos hai tan só algúns séculos. E, segundo a definición comunmente aceptada, os crómlech son sempre construcións prehistóricas.

En Francia coñécense crómlech na Bretaña (Crómlech de Saint-Pierre-Quiberon, ou o da illa de Gavrinis)[2] ambos no Morbihan, ou nos extremos dos Aliñamentos de Carnac), na Aquitania e no Languedoc (no sitio arqueolóxico de Causse de Blandas preto do cirque de Navacelles no Gard encóntranse tres dos catro crómlech da rexión). No País Vasco Francés hai círculos de pedras de pequeno diámetro (unha decena de metros) mais se cre que de feito só son as contornas circulares de antigos túmulos que foron arrasados. Hai tamén un crómlech duns 70 metros de diámetro no Petit-Saint-Bernard, na liña franco-italiana entre Savoia e a Val de Aosta.

Tamén hai un crómlech no plateau des Combes enriba da cham des Bondons Lozère. O máis maxestoso dos seus menhires coñecese coma o menhir das tres parroquias, por mor da súa posición xeográfica, nas estremas de tres igrexas parroquiais do Antigo Réxime.

Tamén se encontra un crómlech en Sailly-en-Ostrevent, no Paso de Calais

En Portugal áchase o crómlech máis importante da península ibérica, o crómlech neolítico dos Almendres, a uns 12 quilómetros ao oeste de Évora. Ten varios recintos, un deles formado por tres círculos de menhires e duns 18 m de diámetro, e outro ovalado, de 43,6 m de eixo maior por 32 m de eixo menor.

Bonnettes03

Les Bonnettes de Sailly-en-Ostrevent, Francia.

MullHill MullCircle

Mull Hill, na illa de Man, Reino Unido.

Calendar aswan

O crómlech de Nabta Praia, Exipto.

CastleriggStoneCircle(SimonLedingham)Jul2005

Crómlech de Castlerigg, Keswick, Reino Unido.

Os crómlechs en Galiza

Menhires no parque da Torre de Hércules, A Coruña
Esculturas modernas, inspiradas en menhires, no parque da Torre de Hércules.

En todo o oeste peninsular atopamos crómlechs e menhires, seguindo a cultura megalítica da Europa atlántica; porén son menos numerosos que nas Illas Británicas. No que hoxe é Portugal atopamos bos exemplos ben conservados; en Galiza hai varios exemplos, pero a maioría deles desapareceron:

  • Monte Neme (“Eira das Meigas” ou "Circo dos Xogos"), en Carballo, dous crómlechs de pedras (un duns 10 m de diámetro e outro de 4 m) de cuarzo destruídos en varias ocasións, os últimos restos contra 1960 por unha reforestación e apertura de pistas para a actividade mineira[3]. Este crómlech xa fora descrito por autores como Murguía ou Monteagudo. Era un dos escasos exemplos de círculo lítico situado no alto dun monte illado á beira do mar, o que lle confire ao Monte Neme, un carácter sagrado, semellante ao do Pindo.[4].
  • Outeiro de Faxildre, 3 km ao leste de Noia[5]; para Manuel Murguía (HG, 578) trátase de pequenas pedras chantadas en todas direccións, o que se repite noutro outeiro achegado.
  • Murguía (HG, I, 584) fala tamén das Pedras Rubias do Monte Lousado entre Dumbría e Corcubión.
  • No Monte das Fachas, Cabarcos, a 3 Km ao leste de Lourenzá, ao nordés de Mondoñedo, Villaamil (Ant.Preh.55 1) cita dous crómlechs, un moi destruído e o outro con sete grosos chantos de 1 m de altura; crese se trata das lousas dun dolmen a xulgar polo espazo elíptico de 2’9 x 2’5 que cerran e o aparecer na parte superior dun moi achaiado túmulo.
  • Saralegui (60, H. Lugo 41) fala de restos dun crómlech arredor da capela de San Roque de Prelo (S Boal, SW Navia), onde hai ou había o esferoide do Penedo da Raposa, dúas pedras oscilantes e varios dolmens (Acevedo: Vaq. Alz. 283).[6]
  • Círculo lítico de Castrotión, atópase na parroquia de Oca, na Estrada, na actualidade son visibles doce pedrafitas que arrodeaban unha capela destruída a principios do século XX e da que só se conservan os alicerces. Hai quen cre[quen?] que no lugar ou nas proximidades puído existir un mosteiro fundado no século VII por Theodiselo, un discípulo de Froitoso de Braga[7].
  • A Roda de Barreiros, en Barreiros (Lugo)[8].
  • Círculo da Chousa do Rodeiro do castro de Coeses, en Coeses (Lugo).

Harrespil pirenaico

Artigo principal: Harrespil.
Harrespil Okabe
Harrespil de Okabe entre Lecumberri (España) e Saint Jean Pied de Port (Francia)

Tamén existen moitos monumentos deste tipo no Pireneo central e occidental, cuxo nome en éuscaro é harrespil que significa «círculo de pedras». A súa similitude con outros crómlech europeos reside na forma (círculos de pedras cravadas no chan, chantadas) mais son de pequeno tamaño: hainos cuxo diámetro non alcanza os tres metros, e hai uns poucos con máis de quince. As súas pedras tamén son cativas. Os círculos, polo xeral, están agrupados en número variábel, e sitúanse en outeiros e cumes arredondados. En ocasións un crómlech arrodea un túmulo e incluso un dolmen.

Os crómlech pirenaicos asócianse á Idade de Ferro (primeiro milenio adC). En escavacións realizadas comprobouse a súa función funeraria. Os cadáveres eran incinerados previamente, e as súas cinsas depositábanse en vasillas de cerámica, ou ben se arrodeaban con lousas pequenas (formando unha cista).

A súa distribución xeográfica abrangue todo o Pireneo central e occidental, tanto ao norte como ao sur. Ten unha característica aínda non explicada: polo oeste rematan bruscamente ao chegaren aos ríos Oria e Leizarán. Na divisoria oriental da conca deste último río hai unha importante cantidade de crómlechs, mais na estrema occidental non hai nin un só. Ao oeste destes ríos se teñen localizado moi poucos exemplares, illados e esparexidos (1 en Áraba, 5 en Biscaia, 3 en Navarra...).

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para crómlech.
  2. Máis exactamente no illote de Er Lanic que está fronte a Gavrinis. É un crómlech duplo, uo dos cales atópase baixo o mar, xa que o nivel do mar se elevou uns 7 metros dende a súa construción.
  3. (Not. de D. Pedro Abelenda, A Coruña)
  4. Historia de Galicia Queren recuperar o monte que garda un crómlech, cultos precristiáns e escuras minas
  5. Citado por Saralegui
  6. Menhires y marcos de Portugal y Galicia, Luís Monteagudo García
  7. A partir dun artigo no xornal dixital Praza Pública[cando?]
  8. Noticia da Roda de Barreiros no xornal Praza Pública.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Castiñeira Morales, Raquel; López Parra, Carlos; Mata Comino, Fernando; Prieto Calonge, María Eugenia (2002). "La Prehistoria". Ciencias Sociales ESO: CURSO 1. Zaragoza: Editorial Luis Vives. pp. 118–119. ISBN 84-263-4711-8.
  • ALTUNA, J.; MARIEZKURRENA, K; ARMENDARIZ, A.; DEL BARRIO, L.; UGALDE, Tx.; PEÑALVER, J. (1982). "Carta Arqueológica de Guipúzcoa". Munibe, vol. 34. Sociedad de Ciencias Aranzadi - San Sebastián. ISSN 0027-3414.
  • ALTUNA, J.; ARMENDARIZ, A.; DEL BARRIO, L.; ETXEBERRIA, F.; MARIEZKURRENA, K; PEÑALVER, X.; ZUMALABE, F.J. (1990). "Gipuzkoa. Karta Arkeologikoa. I. Megalitoak / Gipuzkoa. Carta Arqueológica. I. Megalitos". Munibe (Antropologia-Arkeologia). Suplemento nº 7. Sociedad de Ciencias Aranzadi - San Sebastián. ISSN 1132-2217; 7.
  • PEÑALVER, Xabier. (2004). "Mairubaratzak - Pirinioetako Harrespilak.". Munibe (Antropologia-Arkeologia). Suplemento nº 19. Sociedad de Ciencias Aranzadi - Donostia-San Sebastián. ISSN 1132-2217; 19.

Outros artigos

Ligazóns externas

Bryn Celli Ddu

Bryn Celli Ddu é un lugar prehitórico da illa galesa de Anglesey, localizado preto de Llanddaniel Fab. O seu nome significa 'o túmulo do bosque escuro'. Foi saqueado en 1699, e as escavacións arqueolóxicas fixéronse entre 1928 e 1929.

Durante o período neolítico, tiña un crómlech e un henge. Do lugar recuperouse unha pequena parte dun recipiente queimado que contiña un oso humano do oído.

A comezos da idade de bronce, as pedras foron removidas para construír unha típica tumba de andadeiro na parte superior do centro do henge. Unha pedra tallada cun deseño en serpentina atopábase orixinalmente no lugar. Dende o seu descubrimento, foi trasladada ó Museo Nacional de Gales e foi substituída por unha réplica colocada a carón da entrada. O túmulo de terra que cobre a tumba é unha restauración do século XX. O orixinal era probablemente meirande.

Norman Lockyer, que publicou en 1906 o primeiro estudo sistemático de astronomía megalítica, sostiña que Bryn Celli Ddu marcaba o solsticio de verán. No seu momento, foi ridiculizado, pero as investigacións de Christopher Knight e Robert Lomas en 1997 e 1998 demostraron que estaba no certo. Knight e Lomas tamén declararon que os aliñamentos do lugar servían como calendario agrícola. Steve Burrow, conservador do Amgueddfa Cymru (Museo Nacional de Gales), sostivo máis recentemente a relación dos aliñamentos co solsticio de verán. O aliñamento relaciona Bryn Celli Ddu con outros llugares, como Maes Howe e Newgrange, que sinalaban o solsticio de inverno.

Cista

Unha cista (do grego antigo κίστη, cofre ou caixa) é o nome que recibe en arqueoloxía, unha estrutura feita de pedra usada nos tempos antigos para enterramentos. Trátase do tipo máis sinxelo e simple de dolmen, e consta de pedras verticais ou laxes (dúas, tres ou catro) máis outra horizontal que as cobre. As cistas adoitan seren de pequeno tamaño para facer un osario ou algo maiores para conter un cadáver enteiro, normalmente en posición fetal.

Aparecen por toda toda Europa e Oriente Medio, máis tamén en América. A máis antiga data do 4 300 a.C. e apareceu preto de Lausana (Suíza). A aparición de cistas en escavacións arqueolóxicas adoita interpretarse como signo dunha sociedade evolucionada.

Crómlech dos Almendres

O Crómlech dos Almendres é un monumento megalítico situado nunha costa cara a leste, na freguesía de Nossa Senhora de Guadalupe, concello de Évora, Portugal.

Trátase do monumento megalítico máis importante de toda a Península Ibérica, non só debido á súa dimensión, mais tamén, debido ao seu estado de conservación. É tamén considerado un dos máis importantes de Europa.

Historia

Historia (provén da lingua latina, dende o grego historia, -as 'investigación', derivado de histor 'sabio', 'coñecedor') é a ciencia que ten como obxecto de estudo o pasado da humanidade e como método o propio das ciencias sociais . Tamén se denomina historia ao período histórico que transcorre desde a aparición da escritura ata a actualidade.

Máis aló das acepcións propias da ciencia histórica, historia na linguaxe usual é a narración de calquera suceso, ata de sucesos imaxinarios e de mentiras sexa o seu propósito o engano, o pracer estético ou calquera outro (ficción histórica). Pola contra, o propósito da ciencia histórica é a fixación fiel dos feitos e interpretalos aténdose a criterios de obxectividade; aínda que a posibilidade de cumprimento de tales propósitos e o grao en que sexa posible son en si mesmos obxectos de debate.

En medicina utilízase o concepto de historia clínica para o rexistro de datos sanitarios significativos dun paciente, que se remontan ata o seu nacemento ou ata a súa herdanza xenética.

Á súa vez, chamamos historia ao pasado mesmo, e, ata, pode falarse dunha historia natural na que a humanidade non estaba presente (termo clásico xa en desuso, que se utilizaba para referirse non só á xeoloxía e a paleontoloxía senón tamén a moitas outras ciencias naturais -as fronteiras entre o campo ao que se refire este termo e o da prehistoria e a arqueoloxía son imprecisas, a través da paleoantropoloxía-, e que se pretende actualizar como "gran historia" ou "historia profunda").Ese uso do termo historia faino equivalente a cambio no tempo. Nese sentido contraponse ao concepto de filosofía, equivalente a esencia ou permanencia (o que permite falar dunha filosofía natural en textos clásicos e na actualidade, sobre todo en medios académicos anglosaxóns, como equivalente á física). Para calquera campo do coñecemento, pódese ter unha perspectiva histórica -o cambio- ou ben filosófica -a súa esencia-. De feito, pode facerse iso para a historia mesma (véxase tempo histórico) e para o tempo mesmo (véxase A Brief History of Time (Unha breve historia do tempo) de Stephen Hawking, libro de divulgación sobre cosmoloxía).

Idade de Pedra

A Idade de Pedra é o período da Prehistoria que abrangue dende que os seres humanos comezaron a elaborar ferramentas e trebellos de pedra ata o descubrimento e uso dos metais. Tamén se utilizaron a madeira, os ósos e mais outros materiais coma corno, coiro, cordas, ou cestos, mais a pedra (en particular diversas rochas de rotura concoide coma o pedernal, o cuarzo, a cuarcita, ou a obsidiana) foi utilizada para fabricar ferramentas e armas, de corte ou de percusión.

Non obstante, esta é unha circunstancia necesaria, pero insuficiente para a definición deste período, xa que tiveron lugar nel fenómenos fundamentais para o que sería o futuro da humanidade: a evolución humana, as grandes adquisicións tecnolóxicas (o lume, as ferramentas ou a vestimenta), a evolución social, os cambios climáticos, a diáspora do ser humano por todo o mundo habitable (ecúmene) dende o seu berce africano, e a revolución económica dende un sistema cazador-colector, ata un sistema parcialmente produtor, entre outras cousas. O rango de tempo que abrangue este período é ambiguo, discutido e variable segundo a rexión da que se trate. Aínda que é posible falar deste período en concreto para o conxunto da humanidade, non hai que esquecer que algúns grupos humanos nunca desenvolveron a tecnoloxía da fundición de metais e por tanto quedaron sumidos nunha idade de pedra ata que se atoparon con culturas tecnoloxicamente máis desenvolvidas. Non obstante, en xeral, considérase que este período comezou en África hai 2,8 millóns de anos, coa aparición da primeira ferramenta humana, ou quizais pre-humana.

A este período seguiulle o Calcolítico ou Idade de Cobre e, sobre todo, a Idade de Bronce, durante a que as ferramentas desta aliaxe chegaron a ser comúns; esta transición aconteceu entre o 6000 a.C. e 2500 a.C. Tradicionalmente divídese a Idade de Pedra en Paleolítico, cun sistema económico de caza-recolección e Neolítico, no que se produce a revolución cara ao sistema económico produtivo agropecuario, a suma da agricultura e maila gandaría.

Megalitismo en Galicia

Para comprender mellor os caracteres xerais deste fenómeno tan estendido, consulte o artigo megalitismo.O megalitismo na Galiza considérase que forma parte dunha mesma zona megalítica na que entra, ademais da Galiza, o norte de Portugal até o río Douro, Asturias e o occidente das provincias de León e Zamora. Esta zona ten arquitecturas, enxovais, unha organización social e un sistema de crenzas que, desde a análise de inicios do século XXI, se estima que son relativamente homoxéneos. O megalitismo atlántico peninsular caracterízase pola abundancia de sitios arqueolóxicos, máis de cinco mil só na Galiza, e revela a existencia dunha poboación numerosa e moi espallada. O fenómeno tumulario galego dátase entre o VI milenio antes de Cristo e o 2000 a. C.

O megalitismo corresponde ás primeiras sociedades campesiñas, que habitaban un territorio dominado polo bosque caducifolio (carballos, piñeiros e bidueiros). O período climático é o que se coñece coma período atlántico e parte do subboreal, isto é, un clima cálido cunha temperatura media superior á actual, mais bastante chuvioso. Abundaban tamén os prados. Detéctase unha menor porcentaxe de arboredo no contorno dos sitios arqueolóxicos, probabelmente debido á deforestación co obxecto de aproveitar a leña.

Suponse que os lugares habitados non estarían lonxe de onde se atopan os túmulos, mais son poucos os que se teñen atopado. De aí a famosa frase de Alonso del Real: "Os habitantes do mundo megalítico morrían, pero non vivían".

Megálito

O termo megálito aplícase a grandes pedras usadas, tipicamente na prehistoria, para construír, ben por si soas ou xunto con outras pedras, unha estrutura ou monumento.

A palabra megálito procede das palabras do grego antigo mega (μεγας) 'grande' e lithos (λιθος) 'pedra'.

Considérase que moitos megálitos puideron ter un propósito de determinación de datas de sucesos astronómicos importante, tales como solsticios e equinoccios. Aínda que en sentido literal podemos encontrar construcións megalíticas en todo o mundo, desde o Xapón aos xigantes da Illa de Pascua, megalitismo emprégase para designar o fenómeno cultural localizado no Mediterráneo occidental e a Europa atlántica, e que se produce desde finais do Neolítico até a Idade de Bronce, caracterizado pola realización de construcións arquitectónicas con grandes bloques de pedra escasamente desbastados chamados megálitos.

Este fenómeno caracterízase esencialmente pola construción de tumbas do tipo dolmen, dentro das cales se enterran sucesivamente os falecidos do grupo, apartándose coidadosamente os ósos dos anteriores defuntos (enterramentos colectivos). Os dolmens poden ser simples ou de corredor e, a miúdo, estiveron cubertos por un túmulo de terra. Ademais, dentro do contexto megalítico, poden acharse tamén outras construcións de pedra como menhires, aliñacións, crómlechs etc. O monumento megalítico europeo máis antigo é o Crómlech dos Almendres, duns 8.000 anos de antigüidade. Mais o máis famoso é sen dúbida Stonehenge, observatorio prehistórico do sur de Inglaterra.

Menhir

Un menhir é un monumento prehistórico, megalítico, que se limita a unha gran pedra ergueita plantada no chan.

Monte Neme

Monte Neme é un lugar situado como límite entre os concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños. O monte ten 387 metros de altura. Preto do cumio había un crómlech que foi destruído nos anos 1960 na construción da estrada de acceso. Foi reconstruído preto de onde estaba.

Prehistoria

A Prehistoria é o período de tempo que vai desde o inicio da evolución humana até os primeiros testemuños escritos. Xa que o comezo da Prehistoria está marcado pola aparición do ser humano non se pode aplicar este comezo ao mesmo tempo en todo o mundo; en África pódese datar en torno aos dous millóns seiscentos mil anos, no Medio Oriente algo menos dun millón oitocentos mil anos, en Asia e Europa arredor dun millón de anos de antigüidade, no resto do mundo estaría por baixo dos 50.000 anos.

Ribas de Sil

Ribas de Sil é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Quiroga. Segundo o INE a súa poboación no 2018 era de 970 habitantes (1.245 no 2006, 1.310 no 2005, 1.335 no 2004, 1.410 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «ribasilense».

Stonehenge

Stonehenge é un monumento neolítico (crómlech) e da idade de bronce situado preto de

Amesbury en Wiltshire, Inglaterra, a uns 13 km ao noroeste de Salisbury. Trátase dun monumento megalítico probabelmente construído como templo-calendario. Está situado cronoloxicamente no período neolítico ou na Idade de bronce.

Túmulo

Un túmulo é o nome que recibe unha morea de terra e pedras sobre unha tumba ou varias, e que se remonta á época das Idades de Pedra, de Bronce e de Ferro. En Galicia atopamos restos de túmulos en todo o territorio.

Orixinariamente consistía nunha morea de rochas que recubrían directamente o corpo, mais a súa estrutura foi modificada e estes soterramentos foron cubertos por terra até formar verdadeiras montañas artificiais, ao longo dos séculos, e medrando en tamaño até chegar a se converter en cámaras funerarias nas que repousaban tanto o guerreiro morto como as súas armas e as súas principais pertenzas. En ocasións acollían o soterramento de numerosos individuos. A aparición dos túmulos está habitualmente relacionada cunha forma de reivindicación de dereitos sobre as terras nas que se situaban. Canto menos visíbeis desde o lonxe eran os asentamentos, máis visíbeis se facían os túmulos, a xeito de indicadores de que o territorio estaba ocupado.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.