Cova de Chauvet

A cova de Chauvet é un dos máis importantes e notábeis sitios prehistóricos europeos, rico en testemuñas, simbólicas e estéticas, do Paleolítico superior (Auriñaciense).

Chauvethorses
Grupo de cabalos, na gruta de Chauvet

Localización

A gruta de Chauvet está situada en Francia, no concello de Vallon-Pont d'Arc, en Ardèche (rexión de Ródano-Alpes). Foi descuberta casualmente o 18 de decembro de 1994, polo espeleólogo afeccionado Jean-Marie Chauvet, que ía acompañado por dous amigos, Éliette Brunel e Christian Hillaire. En honra do descubridor a caverna foi denominada Chauvet (o nome anterior do sitio era Combe d'Arc).

Descrición

A caverna intérnase uns 500 metros na montaña. Foi creada durante séculos polo río Ardèche. De grandísima beleza, posúe longas paredes translúcidas de cristal e cúpulas iridescentes.

Tornouse famosa polo descubrimento, en 1994, de numerosas pinturas rupestres, datábeis na época do home de Cro-Magnon, no Paleolítico superior. O noso devanceiro habitaba na época esta zona que ofrecía unha paisaxe semellante á da tundra, desolada e fría.

A cova presenta pinturas e incisións rupestres de diversos animais, como bisontes, mamuts, rinocerontes, leóns, osos, cérvidos, cabalos, hienas, renos e enormes félidos escuros. Realizados nas cores fornecidas por elementos naturais, os animais representados suman máis de 500 obras, datábeis arredor de hai uns 32.000 ou 31.000 anos, o que converte estas figuras nunhas das máis antigas do mundo. Podemos teorizar que o lugar foi un importante santuario da época.

Particularidades

Coas cavernas de Lascaux (1940), Cosquer (1991) e Cussac (2000), a cova de Chauvet é unha das grutas principais descubertas en Francia pola calidade estética das súas obras.

Presenta ademais un moi grande interese científico, tanto desde un punto de vista arqueolóxico como desde o artístico rupestre. É unha das máis antigas cavernas ornamentadas do mundo, con mostras do período Auriñaciense. Os descubridores e o equipo que, logo do descubrimento, levaron o peso das investigacións so a dirección de J. Clottes, tomaron o máximo de cautelas indispensábeis para preservar non só as paredes, senón calquera posíbel pegada de actividade humana no chan ou noutros lugares.

A gruta é notábel porque foi ocupada por seres humanos en dúas fases moi antigas, no Auriñaciense (31.000 a 25.000 aprox.) e no Gravetiense (25.000 a 18.000 a.C.), consonte os resultados obtidos por J. Clottes. As representacións parietais foron realizadas só na primeira das etapas.

As datacións polo método do carbono 14, foron postas en dúbida en 2003 polos arqueólogos Christian Züchner, Paul Pettitt, Paul Bahn e outros, que coidan que estas pinturas son máis recentes, baseándose en criterios principalmente estilísticos. A cova de Chauvet porén goza dun elevado número de datacións directas, hoxe aceptadas pola maioría dos prehistoriadores. As investigacións efectuadas sobre o estilo artístico, mostran o caso dalgúns gravados probabelmente gravetienses, que recobren certas pinturas negras auriñacienses e testemuñan así a súa grande antigüidade (cf. E. Guy).

Estas pinturas testemuñan a mestría no uso de técnicas moi diversas (preparación das paredes, gravados, trazos de dedos, mans en positivo, pinturas, estampados etc.). Os temas abordados son esencialmente animalescos, como é o caso máis corrente da arte paleolítica. Porén, os animais que se din perigosos son aquí excepcionalmente frecuentes (leóns, rinocerontes, hienas, mamuts), en detrimento de animais máis clásicos, como cabalos e bisontes, que tamén figuran. A destacar unha figura híbrida, semihumana, semianimal.

Visita

Desde un principio decidiuse non abrir nunca a caverna ao gran público. Só expertos en prehistoria e arte, e algunha rara personalidade poderán acceder ao seu interior. Unha exposición sobre a cova de Chauvet exhíbese na localidade de Vallon-Pont-d’Arc.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Jean Clottes (dir.), La Grotte Chauvet - l'art des origines, Éd. du Seuil, (2001), ISBN 2-02-048648-2.
  • Jean-Marie Chauvet, Eliette Brunel Deschamps, Christian Hillaire, La grotte Chauvet à Vallon-Pont-d'Arc, Éd. du Seuil, ISBN 2-02-025530-8.
  • Jean-Michel Geneste (dir.), Recherches pluridisciplinaires dans la grotte Chauvet, Société Préhistorique Française et Karstologia, (2005), ISBN 2-913745-21-0.
  • Paul Pettitt, « L'ancienneté de la grotte Chauvet n'est pas démontrée », in La Recherche, n° 364, maio 2003, p. 21.
  • Emmanuel Guy, "La grotte Chauvet: un art totalement homogène?", paleoesthetique.com, febreiro 2004.

Ligazóns externas

Hiénidos

A dos hiénidos (Hyaenidae) é unha familia de mamíferos carnívoros pertencente á suborde dos feliformes, que son coñecidos co nome de hienas. Na actualidade inclúe tres xéneros: Hyaena, Crocuta e Proteles, con tan só catro especies en total. É, con moita diferenza, a familia menos numerosa da súa orde, e unha das máis pequenas dentro dos mamíferos. Porén, a pesar da súa baixa diversidade, as hienas son únicas e constitúen un compoñente vital para os ecosistemas das zonas onde viven (África e o suroeste de Asia).Aínda que filoxeneticamente as hienas son próximas aos félidos e aos vivérridos, a súa morfoloxía e a súa forma de ser son similares ás dos cánidos en moitos aspectos: ambos os grupos —hienas e cánidos— non teñen locomoción arbórea (habilidade de gabear polas árbores), e son cazadores á carreira que atrapan as súas presas cos seus dentes en vez de coas garras. Trátase, polo tanto, dun proceso de converxencia evolutiva.

As hienas son grandes carnívoros do Vello Mundo, perfectamente adaptados á necrofaxia, caracterizados polas súas longas patas, as anterores máis longas que as posteriores —o que lles dá o seu aspecto caracterísrico, co lombo descendente— e a súa gran cabeza con poderosas queixadas e dentes que as capacitan para triturar e inxerir con facilidade os maiores ósos.Aínda que son preeiros e que practican o cleptoparasitismo (é ben sabido que espantan a leopardos e leóns para que abandonen as súas presas mortas), as hienas, especialmente a hiena pinta, ocasionalmente cazan por si mesmas. As trabadas das hienas son as máis fortes entre as dos mamíferos. Son principalmente animais nocturnos, pero tamén se aventuran fóra dos seus tobos ás primeiras horas da mañá. Coa excepción da moi sociábel hiena pinta, non son animais gregarios, aínda que viven en grupos familiares e se congregan para cazaren.Unha característica típica das hienas son os seus ouveos-ladridos, xeralmente nocturnos, que semellan un macabro riso humano. Con estes gritos manteñen a cohesión da manda e moi presumibelmente espantan a outros animais competidores.

Os hiénidos apareceron por primeira vez en Eurasia durante o mioceno, e derivan de antepasados semellantes aos vivérridos. Diversificáronse en dúas ramas distintas: hienas parecidas a cans, con estrutura lixeira, e hienas robustas trituradoras de ósos. Aínda que as "hienas parecidas a cans" prosperaron hai 15 millóns de anos (cun taxon que colonizou Norteamérica), desapareceron despois do cambio climático xunto coa chegada dos cánidos a Eurasia; desta liñaxe só sobreviviu o insectívoro lobo de terra ou proteles (Proteles cristata), mentres que as "hienas trituradoras de ósos", cuxos membros existentes hoxe son a hiena pinta (Crocuta crocuta), a hiena riscada ou listada (Hyaena hyaena) e a hiena parda (H. brunea), convertéronse nos principais preeiros de Eurasia e África.

Paleolítico superior

O Paleolítico superior é o período da Prehistoria caracterizado polo dominio do home moderno en Europa (Homo sapiens), con desenvolvemento de novas técnicas (láminas líticas, industria ósea) e a explosión da arte prehistórica. Cronoloxicamente o seu inicio sitúase arredor de 40.000 a.n.e. e o seu final sobre 9.000 a.n.e.

Pintura

A pintura é a arte da representación gráfica utilizando pigmentos mesturados con outras substancias aglutinantes orgánicas ou sintéticas, en forma líquida a unha superficie bidimensional, co fin de coloreala, atribuíndolle matices, tons e texturas. Nesta arte empréganse técnicas de pintura, coñecementos de teoría da cor e de composición pictórica, e o debuxo. Nun sentido máis específico, a práctica da arte de pintar, consiste en aplicar, nunha superficie determinada -unha folla de papel, un lenzo, un muro (pintura mural ou de frescos), unha madeira, un fragmento de tecido etc.- unha técnica determinada, para obter unha composición de formas, cor, texturas, debuxos etc. dando lugar a unha obra de arte segundo algúns principios estéticos.

O arquitecto e teórico do clasicismo André Félibien, no século XVII, nun prólogo das Conferencias da Academia francesa fixo unha xerarquía dos xéneros da pintura clásica: «a historia, o retrato, a paisaxe, os mares, as flores e os froitos».

A pintura é unha das expresións artísticas máis antigas e unha das sete Belas Artes, e está incluída como materia na maior parte das licenciaturas nesta disciplina. En estética ou teoría da arte modernos a pintura está considerada como unha categoría universal que comprende todas as creacións artísticas feitas sobre superficies. Unha categoría aplicable a calquera técnica ou tipo de soporte físico ou material, incluíndo os soportes ou as técnicas efémeras así como os soportes ou as técnicas dixitais.

A pintura é considerada por moitos como un dos soportes artísticos tradicionais máis importantes; moitas das obras de arte máis importantes do mundo, tales como a Mona Lisa, son pinturas.

Diferénciase do deseño polo uso dos pigmentos líquidos e do uso constante da cor, mentres aquel apropiase principalmente de materiais secos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.