Costume

Un costume[1] ou hábito é unha práctica social arraigada. Xeralmente distínguese entre costumes que son as que contan con aprobación social, e os malos costumes, que son relativamente comúns, pero non contan con aprobación social, e ás veces leis foron promulgadas para tratar de modificar a conduta.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para costume.
Agosto

Agosto é o oitavo mes do ano no calendario gregoriano e ten 31 días. Foi nomeado na honra do emperador romano Octavio Augusto (Octavianus Augustus). Anteriormente o mes tiña o nome de Sextilis, pois era o sexto mes do ano romano que empezaba en marzo, mais foi renomeado por ser o mes no que morreu Cleopatra.

En Galicia recibe tamén o nome de mes da Nosa Señora, por celebrarse o día 15 o día de Santa María.

Amfidromia

A amfidromia (grego: τὰ Ἀμφιδρόμια) era unha celebración da Grecia antiga que se facía no quinto ou sexto día do nacemento dun neno.

Era un festival familiar dos atenienses, no cal o neonato era introducido na familia, e no que os fillos das familias humildes recibían os seus nomes. As familias adiñeiradas celebraban unha cerimonia do nome ó cabo de dez días o dekate. Esta cerimonia, ó contrario que a amfidromia, estaba aberta ó público por invitación. Non había un día sinalado para celebrar a amfidromia e non tiña lugar inmediatamente despois do nacemento debido a que na antigüidade non era infrecuente que os cativos morresen antes de cumprir unha semana. Polo tanto, a festa facíase ó cumprir uns poucos días porque confirmaba que o neno tiña posibilidades de sobrevivir.

Consistía principalmente en dar voltas arredor dunha fogueira, co neno no colo, presentándoo ós deuses lares e dándolle un nome diante dos parentes. Tamén era costume que estes fixesen pequenos agasallos ó meniño. A celebración remataba cun banquete.

Arroz

O arroz ([aˈrɔθ]; en gran parte do territorio pronunciado con seseo como [aˈrɔs] (arrós)) é o gran da planta do arroz (Oryza sativa), unha planta da familia das gramíneas que alimenta máis da metade da poboación humana do mundo.

O arroz necesita de auga en abundancia e man de obra intensiva. Dáse ben mesmo en terreos moi inclinados e é costume, nos países do sueste asiático encontrárense socalcos onde se cultiva.

É o terceiro maior cultivo cerealista do mundo, só superado polo millo e o trigo.

Dereito

O Dereito é a orde normativa e institucional da conduta humana en sociedade inspirada en postulados de xustiza e certeza xurídica, baseado nas relacións sociais existentes que determinan o seu contido e carácter. Noutras palabras, é o conxunto de normas que regulamentan a convivencia social e permiten resolver os conflitos interpersoais.

A anterior definición define o dereito positivo ou efectivo, pero non explica o seu fundamento; é por iso que xuristas, filósofos e teóricos do dereito levan proposto diversas definicións alternativas, sen que exista consenso, ata a data. O estudo do concepto do Dereito realízao unha das súas ramas, a Filosofía do dereito.

A expresión «dereito» utilízase indistintamente para nomear á disciplina e ao seu obxecto de estudo. Así, «dereito» refírese á ciencia do dereito ou a un determinado corpo de normas (por exemplo, dereito civil, dereito penal, dereito procesal, dereito internacional, etc.).

Desde o punto de vista obxectivo, dise do conxunto de leis, regulamentos e demais resolucións, de carácter permanente e obrigatorio, criadas polo Estado para a conservación da orde social. Isto é, tendo en conta a validez, é dicir, se se levou a cabo o procedemento adecuado para a súa creación, independientemente da súa eficacia (se é acatada ou non) e do seu ideal axiolóxico (se busca concretar un valor como a xustiza, a paz, a orde, o ben común, etcétera).

O dereito subxectivo é a facultade que outorgou o ordenamento xurídico a un suxeito (por exemplo, dereito á nacionalidade, dereito á saúde, dereito a demandar, dereito a manifestarse libre e pacificamente, etc.).

Dinastía Merovinxia

Dinastía merovinxia, familia de estirpe xermánica que gobernou a actual Francia e parte de Alemaña entre os séculos V e VIII. Eran descendentes de Meroveo, xefe militar franco, fundador da dinastía. Clodoveo I (466 ? - 511) foi o primeiro monarca da dinastía.

Á súa morte o reino franco foi dividido entre os seus fillos, segundo o costume dos merovinxios. Outro monarca destacado da dinastía foi Dagoberto I (?- 639) que logo de moitos anos de división territorial, volveu unir os reinos francos baixo o seu goberno. Despois de Dagoberto I, o poder dos merovinxios foise disgregando e a medida que pasou o tempo, os Mordomos de palacio acabaron por seren os verdadeiros dirixentes do reino franco. Os mordomos de palacio Carlos Martel, e o seu fillo Pipino o Breve (fundador da dinastía carolinxia), acabaron co poder dos monarcas merovinxios e Pipino destronou ao último rei merovinxio, Khilderico III, para se proclamar rei dos francos. A dinastía merovinxia, foi substituída entón pola dinastía carolinxia.

Etoloxía

A etoloxía (do grego ήθος, ēthos, "temperamento", "carácter", "costume" e λόγος, logos, "tratado") é a rama da bioloxía que estuda o comportamento dos animais no medio natural.

Aínda que moitos naturalistas estudaron diversos aspectos do comportamento animal a través dos séculos, considérase que a disciplina moderna da etoloxía se presentou co traballo nos anos 60 do biólogo holandés Nikolaas Tinbergen e do biólogo austríaco Konrad Lorenz, ambos gañadores do Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina en 1973. A etoloxía combina a investigación de laboratorio e a de campo, con estreitos lazos a outras disciplinas - por exemplo, neuroanatomía, ecoloxía, evolución. Os etólogos amosan un maior interese por un determinado proceso de comportamento que nun grupo animal en particular e a miúdo adoitan estudar un tipo de comportamento (por exemplo, a agresividade) en diversidade de animais sen relación.

Library of Congress Control Number

O Library of Congress Control Number (LCCN) é un sistema baseado en números de serie para numerar os rexistros de catálogo da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos. Este sistema de numeración están en uso dende 1898. Non ten relación algunha cos contidos dos libros e non debe confundirse coa Library of Congress Classification (LCC).

Maruxa Méndez

Maruxa Méndez Otero, nada o 20 de setembro de 1914 en Lavadores (antigo concello, hoxe pertencente a Vigo) e finada en Vigo o 24 de abril de 2005, foi unha costureira e promotora da danza tradicional galega viguesa.En 1958 creou un coro que a partir de 1963 levaría o nome de Lembranzas Galegas, e ao que máis tarde se lle engadiría unha sección de agrupación folclórica. En 1974 instaurou o costume de facerlle unha ofrenda floral ao Cristo da Vitoria.

Recibiu a Medalla Castelao en 1987 e o título de Viguesa Distinguida en 1988. Leva o seu nome un festival folclórico anual que se celebra no barrio vigués de Lavadores.

Njord

Na mitoloxía nórdica, Njord ou Njörðr é un dos Vanir e o deus da terra fértil e da costa mariña, así tamén como o da náutica e a navegación.

Njord é o esposo de Skaði e pai de Frey e Freia. A súa nai foi, de acordo coa Heimskringla, a súa propia irmá e amante. Aparentemente, os Vanir, a diferenza dos Æsir, tiñan o costume do matrimonio consanguíneo. O nome da súa irmá pode que sexa tamén Njord, de acordo coa reconstrución do nome da deusa teutónica que Tácito traduciu ao latín como Nerthus (= Njörðr). Dise que a súa morada é Noatún navío-pobo. Njord é tamén un deus relacionado estreitamente coa fertilidade, como o son todos os Vanir en xeral.

Njord e os seus fillos uníronse aos Æsir como reféns dos Vanir despois da guerra entre ambos os bandos. Tales reféns son considerados parte da familia da aristocracia e líderes lexítimos, pero non son libres de partir para asegurar os intereses mutuos do tratado de paz.

Noiteboa

A Noiteboa é a celebración cristiá do nacemento de Xesús. Celébrase a noite do día 24 de decembro, a véspera do día de Nadal (o día 25 de decembro) onde se mesturan antigas tradicións pagás indoeuropeas do solsticio de inverno.

Os costumes varían duns países a outros, pero é bastante común reunirse para cear toda a familia, e facer agasallos sobre todo, nos países protestantes.

O costume actual en Galiza é unha cea familiar onde se comen mariscos, peixe (principalmente bacallau e pescada) e unha carne no forno (año, capón ou pavo), despois remátase con sobremesas, tradicionalmente figos secos, castañas e noces, hoxe doces importados: turróns, mazapáns, panettones e tortas varias coma o tronco de Nadal. Cántanse panxoliñas acompañadas dunha pandeireta e vieiras. Tradicionalmente acendíase o tizón de Nadal e viña o Apalpador. Hoxe repártense agasallos baixo a árbore de Nadal seguindo as tradicións centroeuropeas de Papá Noel, que en parte substitúe a tradición de Reis que, á súa vez, substituíu ao Apalpador propio. Aínda que non é unha noite de troula, algúns mozos si saen hoxe en día.

No eido relixioso, nas igrexas celébrase ás 12 da noite a misa do galo, que debe o nome ao costume de levar un galo, costume documentado xa na Idade Media. Parece estar relacionado co canto do galo que anuncia o día, simbolizando que nesa noite chega a luz que vence o príncipe das tebras, é dicir, o demo. Dentro da celebración festiva desta data, inclúense bromas entre os fieis que asisten á misa, como cose-las saias de dúas mulleres que senten xuntas ou botar tinta na pía da auga bendita.

O Nadal na cultura popular galega

As festas do Nadal en Galicia comparten rituais coa mesma festividade de Nadal noutros lugares, aínda que se poden destacar algunhas peculiaridades. Comprenden diferentes celebracións entre os días 24 de decembro e o 6 de xaneiro e teñen como eixo a conmemoración do nacemento de Xesús, malia que os etnógrafos concordan en que as verdadeiras raíces son moi anteriores e están relacionadas co solsticio de inverno sobre as que houbo unha superposición relixiosa .

Pictos

Pictos (latín picti) é o nome que se lle dá aos antigos caledonios que vivían na moderna Escocia. Foron un grupo de pobos celtas da Idade de Ferro británica e o Baixo Medievo que viviron no leste e no norte de Escocia. Ammiano Marcelino preséntaos divididos en dúas tribos en tempos do emperador Flavius Iulius Constante: os dicalidóns (dicalidonae) e os verturións (verturiones) e aliados cos attacoti (do gaélico athach tuatha, que significa pobo ou xente que paga rendas, oposto a xente ceibe) e cos escotos. O seu nome significaba "pintado" e debíase ao costume dos caledonios de pintarse para o combate. Pictia ou Pictavia (Pictland en inglés) convértese no reino de Alba (Escocia) durante o século X, co que os pictos pasan a ser coñecidos como Albannach ou escoceses.

Hai unha asociación coa distribución xeográfica de fíbulas, nomes de lugares britónicos e pedras pictas. Os pictos son rexistrados desde antes da conquista romana de Britania ata o século X, momento no que se pensa que se mesturaron cos Gaels. Vivían ó norte dos ríos Forth e Clyde, e falaban a extinta lingua picta, a cal se pensa que estaba relacionada coas linguas britónicas faladas polos pobos do sur. Asúmese que son os descendentes dos antigos Caledonii e outras tribos nomeadas polos historiadores romanos, atopados tamén no mapamundi de Tolomeo. Pictia ou Pictavia, mesturouse gradualmente co reino gaélico de Dál Riata para formar o Reino de Alba (Escocia). Alba expandiuse, absorbendo os reinos de Strathclyde e Lothian, e no século XI, a identidade dos pictos foi incluída na amálgama de pobos que son os escoceses.

A arqueoloxía dá algunhas aproximacións sobre a sociedade dos pictos. A pesar de que sobreviviu moi pouco da súa forma de escritura, a historia deste pobo, a partir do século IV, é coñecida por unha grande variedade de fontes, incluíndo haxiografías como a de San Columba de Iona, así como varios Anais irlandeses. Aínda que a impresión popular sobre os pictos pode ser a dun pobo escuro e misterioso, non é así en absoluto. A historia e a sociedade pictas son semellantes ás dos pobos de Europa Central, Setentrional ou Oriental na Antigüidade ou na Alta Idade Media cando se os compara con eles.

Rituais nórdicos

O culto pagán nórdico está composto polos rituais relixiosos tradicionais practicados polos pobos nórdicos en Escandinavia en tempos precristiáns. O paganismo nórdico foi unha relixión popular (en contraposición dunha relixión organizada), e o seu propósito principal era a supervivencia e a rexeneración da sociedade. Polo tanto, enténdese que o culto estaba descentralizado e ligado á aldea e á familia, a pesar de que existen evidencias de grandes festas relixiosas nacionais. Os líderes dirixían o culto en nome da sociedade; a nivel local, o líder era o xefe da familia, e en todo o país, o líder era o rei. Os escandinavos precristiáns non tiña unha verba para a relixión no senso moderno. O homólogo máis achegado é a palabra sidr, que significa costume. Isto implicou que o Cristianismo, durante o período da conversión, fose chamado nýr sidr (o novo costume), mentres que o paganismo era chamado forn sidr (o vello costume). O centro de gravidade da relixión pre-cristiá radicaba na práctica relixiosa, é dicir, os actos sagrados, os rituais e o culto ós deuses.A relixión nórdica non foi homoxénea en ningún momento, pero era un conglomerado de costumes e crenzas relacionadas. Estas puideron ser herdadas ou emprestadas, e malia que as grandes distancias xeográficas de Escandinavia levaron a unha serie de diferenzas culturais, a xente entendía e compartía as tradicións, os mitos poéticos e as costumes dos demais. O sacrificio, (blót) xogou un papel importante en moitos dos rituais que coñecemos hoxe en día, e a festa comunitaria coa carne dos animais sacrificados, xunto co consumo de cervexa e hidromel, xogou un papel importante nas celebracións do calendario xermánico. Segundo que práctica, é probable que outros produtos alimenticios como o trigo foran utilizados no canto da carne. O obxectivo destes sacrificios era garantir a fertilidade e o crecemento. Porén, as crises repentinas ou os actos de transición como nacementos, vodas e enterros tamén poderían ser a razón. Daquela, había unha distinción clara entre o culto público e privado, e os rituais estaban estipulados segundo o fogar, a persoa e as estruturas da sociedade.Non está claro ata que punto os mitos coñecidos corresponden ás crenzas relixiosas dos escandinavos en tempos precristiáns, nin como actuaba a xente na vida cotiá. Os escandinavos non deixaron ningún texto sobre as súas prácticas relixiosas, e os textos cristiáns sobre o tema están influenciados por malentendidos e prexuízos negativos, xa que os cristiáns viron as crenzas nórdicas como supersticións e culto ó demo. Foron atopadas algunhas evidencias arqueolóxicas, pero non é doado interpretar de forma illada o material escrito.

Rotten Tomatoes

Rotten Tomatoes (en galego, Tomates podres) é unha páxina web dedicada a achegar información, críticas e noticias sobre filmes. O nome deriva do costume de lanzar tomates e outras verduras aos actores que facían malas actuacións.

O sitio foi lanzado o 19 de agosto de 1999 por Senh Duong. Desde 2010, o editor executivo da páxina web é Matt Atchity.

Subespecie

En bioloxía denomínase subespecie a cada un dos grupos nos que se dividen as especies, e que se compoñen de individuos que, ademais dos caracteres propios da mesma, teñen en común outros caracteres morfolóxicos polos cales aseméllanse entre si e distínguense dos das demais subespecies. Dende o punto de vista estritamente sistemático ou da taxonomía, é a categoría taxonómica comprendida entre a especie e a raza.

A subespecie é unha parte da especie formada por unha ou máis poboacións, pouco diferenciadas e cunha distribución xeográfica concreta. Esta definición inclúe as razas xeográficas de moitos autores ('Rassenkreis'). Con todo, non está moi clara a liña de separación entre os conceptos de raza e subespecie, pois ambos taxons manteñen as características propias da especie, é dicir, que parellas de individuos de distintas subespecies ou razas (pero da mesma especie) poden emparentar e producir descendencia viábel e fértil; e só acostuman diferenciarse en caracteres externos menores aínda que recoñecibles e regularmente presentes. O termo raza utilízase con máis frecuencia fóra do ámbito científico, polo que, en taxonomía, só se emprega (por costume) para a distinción morfolóxica nun número moi limitado de especies, esencialmente os seres humanos e os animais domésticos.

Transliteración

A transliteración é o cambio de sistema de escrita e mesmo só ortográfico nun texto, aplicado tanto ó léxico común coma para nomes propios (principalmente topónimos e antropónimos). Para ter en conta a complexidade deste cambio débese comprender a fondo as regras que utilizan os sistemas de escrita orixinario e final. Tendo en conta que os sistemas de escrita poden ser alfabetos, abxades, sistemas rasgais ou pictográficos, os cambios poden ser dende moi lenes a moi importantes segundo a combinación.

Vila

Unha vila é un núcleo de poboación dun tamaño intermedio entre a aldea, ou poboación, e a cidade, trátase dunha poboación que recibiu ao longo da historia certos recoñecementos explícitos, como determinados privilexios (por exemplo, o de celebrar feiras) da autoridade recoñecida, pero que, por razóns diversas, tampouco lle foi concedida a categoría superior, a de cidade. Nalgúns casos existen documentos antigos, sobre todo medievais e da Idade Moderna, que a categorizan como vila; noutros casos é o mesmo uso, derivado do costume popular, que a denomina sempre como vila pola súa importancia dentro da súa contorna. Dotada dunha economía na que o sector terciario (comercio e servizos) ten unha importancia como mínimo razoábel.

Ética

A ética (do grego ēthos, "temperamento", "carácter", "costume") é a parte da filosofía que ten como obxecto de estudo os códigos morais. É a ciencia que estuda a moral. É dicir, a ética reflexiona sobre o comportamento humano, as normas morais, a súa fundamentación, a súa validez, a súa universalidade etc. A ética reflexiona sobre o uso de conceptos como bo, malo, o ben, o mal e responsabilidade e sobre o comportamento humano.

Tradicionalmente, a ética ocupouse de analizar, valorizar e desenvolver estas normas. Hoxe en día asígnaselle un carácter teórico e rexéitase o carácter normativo ou pragmático que tiña.

O comportamento moral das persoas é unha forma de conduta e a ética dá razón del. Para isto, toma como obxecto da súa reflexión a práctica moral da humanidade no seu conxunto. A ética hoxe evita emitir xuízos de valor sobre a práctica moral nas distintas sociedades e épocas, senón que tenta explicar a razón de ser desa diversidade e das mudanzas que se producen.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.