Corvo mariño

O xénero Phalacrocorax é o xénero máis numeroso en especies de corvos mariños da familia Phalacrocoracidae.

Os corvos mariños, carolos ou canilongas aliméntanse dos peixes que apañan baixo a auga. Impúlsanse principalmente coas patas e poden mergullarse durante máis dun minuto, acadando unha profundidade de aproximadamente 10 metros.

A diferenza da maioría das aves acuáticas, as súas plumas non son por completo impermeables, o que lles permite afundirse e mergullarse doadamente. Unha vez en terra, estenden as ás para secalas. Ademais, regulan o volume dos seus sacos aéreos. Existen unhas 30 especies de corvos mariños, sendo o corvo mariño grande con seguridade o máis espallado. Vive en lagos e esteiros así como nas costas, e constrúe o seu niño en cantís ou en árbores. Ten un tamaño de ata 90 cm de longo, e pódese atopar en augas doces e costas de todo o mundo.

Corvos mariños
Corvo mariño de cara vermella

Corvo mariño de cara vermella
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Pelecaniformes
Familia: Phalacrocoracidae
Xénero: Phalacrocorax
Brisson, 1760

Pesca con corvo mariño

En certas localidades de China, como en Guilin, nas beiras do río Lijiang ou no lago Erhai, emprégase ao corvo mariño para a pesca. Átaselle unha corda na parte inferior do pescozo de xeito que poida capturar un peixe, mais non tragalo. O pescador, unha vez que o corvo mariño capturou un peixe, extrae o peixe (xa que quedou aprisionado no pescozo) e dispono para efectuar novas capturas.

Especies

Para a clasificación científica alternativa ver a taxonomía de Chales Sibley-Ahlquist.

  • Xénero Phalacrocorax
    • Phalacrocorax atriceps
    • Phalacrocorax penicillatus
    • Phalacrocorax auritus
    • Phalacrocorax carbo
    • Phalacrocorax brasilianus
    • Phalacrocorax olivaceus
    • Phalacrocorax pelagicus
    • Phalacrocorax urile
    • Phalacrocorax bougainvillii
    • Phalacrocorax sulcirostris
    • Phalacrocorax fuscicollis
    • Phalacrocorax capensis
    • Phalacrocorax magellanicus
    • Phalacrocorax nigrogularis
    • Phalacrocorax neglectus
    • Phalacrocorax capillatus
    • Phalacrocorax aristotelis
    • Phalacrocorax africanus
    • Phalacrocorax lucidus
    • Phalacrocorax coronatus
    • Phalacrocorax niger
    • Phalacrocorax pygmaeus
    • Phalacrocorax featherstoni
    • Phalacrocorax varius
    • Phalacrocorax carunculatus
    • Phalacrocorax fuscescens
    • Phalacrocorax perspicillatus (extinto)
    • Phalacrocorax gaimardi
    • Phalacrocorax punctatus
    • Phalacrocorax albiventer
    • Phalacrocorax melanoleucos
    • Phalacrocorax chalconotus
    • Phalacrocorax onslowi
    • Phalacrocorax colensoi
    • Phalacrocorax campbelli
    • Phalacrocorax ranfurlyi
    • Phalacrocorax harrisi (previamente Nannopterum harrisi) (confinado nas Illas Galápagos onde, a través dun proceso de evolución, as súas as reducíronse ao tamaño das dun pingüín.
Antípsara

Antípsara (grego: Αντίψαρα) é unha pequena illa grega no mar Exeo. Antípsara tiña 4 habitantes segundo o censo de 2011. Atópase a uns 3 km ao oeste da illa máis grande de Psara, a partir da cal derívase o seu nome. As condicións xeográficas fan que sexa inaccesible desde o norte e o oeste. Existen evidencias da existencia de asentamentos nos tempos dos antigos gregos e romanos. Durante o dominio otomán a illa serviu como porto. Hoxe en día, realízanse viaxes turísticas desde a illa de Psara durante os meses de verán. A pequena igrexa de San Xoan (Άγιος Ιωάννης) no lado oriental é visitado en agosto polos peregrinos.

A illa é un sitio de anidación do Corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), Falcón da raíña (Falco eleonorae), pardela atlántica (Calonectris diomedea), e o pardela mediterránea (Puffinus yelkouan).

Aves non voadoras

Aínda que é certo que ao pensar nunha ave, inmediatamente vencéllase ese animal ao voo, existen (e existiron en tempos pasados), numerosas especies de aves non voadoras.

Polo xeral, aquelas especies de aves que non levan adiante desprazamentos por medio do voo, deben esta condición de non voadoras ao feito de evolucionar os seus membros superiores (ás) cara ao cumprimento doutras funcións. Por exemplo, os diferentes pingüíns, coma o pingüín de Magalláns ou o pingüín do Cabo, viron modificadas as súas ás de forma tal que se asemellan (en forma, como en función) ás aletas dos peixes e mamíferos mariños. A avestruz, o ñandú, o emú e outras aves semellantes (como a extinta moa), que desenvolveron a carreira pedestre como principal medio de locomoción, pola súa banda, transformaron estes membros superiores en órganos completamente inútiles para o desprazamento.

Outras especies non voadoras son o dodo e o corvo mariño áptero das Galápagos, Nannopterum harrisi.

Cabo Prior

O cabo Prior forma un promontorio que se adentra no mar uns catro quilómetros en dirección SE-NO, interrompendo unha liña de costa que se estende desde punta Frouxeira (Valdoviño) ata cabo Prioriño (Ferrol).

A súa altura supera escasamente os 100 m, pero a súa proximidade ao mar converte os seus materiais granodioríticos en impresionantes acantilados nos que as sucesivas etapas de transgresión e regresión mariñas deron lugar a unha roseira de illotes entre os que destacan Os Cabalos -ao norte, cunha colonia dunhas vinte parellas de corvo mariño cristado e a gaivota patiamarela na Pena Maior ao suroeste.

O relevo do cabo forma unha península cun istmo formado por litoloxía de xistos do Sistema de Ordes que presentan unha superficie de tipo chaira de rasa mariña.

É un excelente punto de observación de paso de aves mariñas migratorias.

A costa é accidentada e abrupta, sendo posible a práctica da pesca. Próximas ao faro, hai varias praias limpas e espazosas, San Xurxo, ou Vilar, Santa Comba e Ponzos, concorridas durante a época estival, momento no que aumenta sensiblemente a poboación de Covas, o pobo máis próximo a 3,5 km, ao ser zona de veraneo. Covas é unha península flanqueada por areais, unha extensa planicie, na que se asenta a poboación e os campos de cultivo.

Corvo (homónimos)

Corvo pode facer referencia a:

Corvo, nome de numerosas especies de aves da orde das paseriformes pertentences ao xénero Corvus, da familia dos córvidos.Tamén pode referirse a:

O corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo), unha ave da orde dos suliformes e familia dos falacrocorácidos.

O corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), outra ave semellante á anterior.

A constelación do Corvo, constelación do sur (próxima ó ecuador celeste) máis coñecida polo seu nome astronómico en latín, Corvus.

Corvo mariño cristado

O corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) é unha ave mariña presente nas costas rochosas do oeste e sur de Europa, no suroeste de Asia e no norte de África. Normalmente é unha especie sedentaria nas súas zonas de cría, aínda que os exemplares norteños son migratorios. O corvo mariño cristado é a principal e máis estendida especie europea da familia Suliformes.

Corvo mariño grande

O corvo mariño grande ou corvo mariño real (Phalacrocorax carbo) é unha especie de corvo mariño que se atopa en calquera extensión grande de auga dentro da súa área de distribución mundial, incluíndo lagos, ríos, esteiros e augas costeiras. Aniña en grande parte das costas do Océano Atlántico, sobre todo en Europa e Norteamérica.

Corvo mariño pigmeo

O corvo mariño pigmeo ou corvo mariño pequeno (Microcarbo pygmaeus, antes Phalacrocorax pygmaeus) é unha ave mariña da familia dos corvos mariños, Phalacrocoracidae. A súa área de distribución esténdese desde o sueste de Europa ata o suroeste de Asia. É unha ave parcialmente migratoria: as poboacións do norte migran durante o inverno cara ao sur, sen saíren da súa área de reprodución. Ademais, é unha ave accidental nalgúns países de Europa occidental.

Costa de Dexo-Serantes

A Costa de Dexo, ou Dexo-Serantes, é un espazo natural declarado monumento natural e zona especial de conservación (ZEC) que vai desde o faro de Mera ata o porto de Lorbé en Oleiros. É zona de costa de 11 km con cantís, exposta e con matogueiras acostumadas a ambientes halinos e con fortes ventos, que inclúe a todas as illas e illotes próximos á costa. É unha costa de xistos cristalinos e de rochas metamórficas de fácil erosión cun perfil de cantís serrados e fortemente erosionados, con praias encaixadas.Este espazo costeira é dos poucos ben conservados en toda a Costa Ártabra. Como destaca pola súa paisaxe, a súa xeomorfoloxía, e é zona de aniñamento de aves como corvo mariño cristado, a gaivota do Caspio, e o andoriñón real declarouse espazo de interese de conservación e monumento natural. A zona costeira neste lugar está formada por cantís nos que aniñan varias especies de aves mariñas.

Abrangue 266 ha. como monumento natural desde o 2000, e 346.53 ha. como zona especial de conservación en 2014, despois de ser declarada como lugar de importancia comunitaria no 2004.A zona viuse afectada polo desastre do Prestige (2002).

Illas Sagres

As Illas Sagres son un arquipélago galego da provincia da Coruña, situado na costa da parroquia de Aguiño, concello de Ribeira, fronte ao Cabo Falcoeiro, no último extremo da península do Barbanza. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

O arquipélago, de 13,5 hectáreas en total, está formado por máis dunha ducia de pequenas illas e illotes, dos que soamente dous alcanzan certa envergadura (a maior conta con 5,4 hectáreas). Son illas totalmente rochosas, ata a maior, aproveitadas para un rico marisqueo e pesca superficial. Posúe tamén unha importante colonia de aves mariñas, especialmente de corvo mariño e gaivota patiamarela.

O lugar está infestado de historias de naufraxios, por estar rodeado de arrecifes someros e outros que velan e desvelan coa marea.

Mar de Scotia

O mar do Scotia ou máis frecuentemente mar de Scotia (tamén denominado mar das Antillas do Sur) é o nome que recibe unha área marítima situada maiormente no océano Atlántico Sur e o seu sector máis meridional no océano Glaciar Antártico. O mar de Scotia áchase encerrado polo arco das Antillas Austrais tamén chamado arco de Scotia desde o banco Burdwood ou Namuncurá cara ás illas Aurora (Corvo mariño e Rocha Negra), Xeorxia do Sur, as rochas Clerke, Sandwich do Sur, Orcadas do Sur e Shetland do Sur, limitando polo oeste co mar de Hoces, ao noroeste co mar Arxentino e ao sur co mar de Weddell. As súas illas (as Antillas do Sur) son as cúspides do volcánico Arco das Antillas Austrais, cordilleira maiormente submarina que delimita polo norte, leste e sur ao mar de Scotia.

O mar de Scotia cobre unha área duns 900 000 km², atopándose sumariamente dividido en dous sectores: a conca Occidental e a conca Oriental, ambas as concas abarcan extensións similares e posúen a súa superficie submarina bastante anfractuosa con profundidades media de 4500 metros correspondentes á placa tectónica Scotia. Con todo, as maiores profundidades ou simas sitúanse na conca occidental uns 200 km ao sur do banco Namuncurá cara a, aproximadamente, as coordenadas 55°35'S/57°58'W; nesa zona a profundidade alcanza os 5840 metros baixo o nivel do mar (véxase Fosa das Sandwich do Sur).

O mar de Scotia é frecuentemente tormentoso e frío, as súas augas frías son ricas en vida mariña existindo grandes bancos de krill. Durante os invernos, gran parte da súa superficie conxélase e cóbrese con banquisa procedente da inlandsis da Antártida, mesmo no verán é frecuente a presenza de grandes icebergs ou témpanos.

Microcarbo

Microcarbo é un xénero de aves da orde dos suliformes e familia dos falacrocorácidos.

Na actualidade recoñécense no xénero cinco especies viventes.

Microcarbo coronatus

Microcarbo coronatus, vulgarmente coñecido como corvo mariño coroado, é unha especie de ave pertencente á orde dos suliformes, familia dos falacrocorácidos, unha das cinco que integran o xénero Microcarbo.

Trátase dun pequeno corvo mariño endémico das augas frías da corrente de Benguela no suroeste de África. É unha ave exclusivamente costeira e non se aventura a máis de 10 km mar adentro. Esta especie está estreitamente relacionada con Microcarbo africanus, e ambas as dúas foron consideradas antigamente como da mesma especie.

Parque Nacional das Illas Atlánticas

As chamadas Illas Atlánticas convertéronse o 1 de xullo do 2002 no primeiro Parque Nacional de Galiza, e no décimo terceiro a nivel estatal, cunha extensión de 1.200 hectáreas terrestres e 7.200 marítimas. Recibe a denominación de Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza. No ano 2007 o parque recibiu 238.939 visitas.

As illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, que están situadas nas Rías Baixas, están declaradas zonas de interese xeral pola singularidade da súa flora, fauna, xeomorfoloxía e paisaxe que as converten en Patrimonio Natural e Cultural de indubidable valor científico, recreativo e educativo.

A delimitación territorial deste parque nacional realizouse en función da singularidade e riqueza faunística que alberga, a variedade das súas formacións vexetais e a súa espectacularidade paisaxística. Deste xeito protéxese unha mostra representativa dos sistemas costeiros atlánticos.

Quedaron fóra do Parque Nacional das Illas Atlánticas as de Lobeiras, Sisargas, San Simón e Tambo e as franxas terrestres da Costa da Morte, Cabo Udra, San Adrián, Costa da Vela e o complexo dunar de Corrubedo, entre outras, aínda que non se descarta unha posible ampliación.

Phalacrocoracidae

Os corvos mariños (Phalacrocoracidae) son unha familia de aves acuáticas. Aliméntanse dos peixes que capturan baixo a auga. Impúlsanse principalmente coas patas; poden mergullarse durante máis dun minuto, e alcanzan unha profundidade de aproximadamente 10 m.

A diferenza das plumas da maioría das aves acuáticas, as plumas dos corvos mariños non son completamente impermeables, o que lles permite afundirse e mergullar con facilidade. Unha vez en terra, estenden as ás para secalas. Ademais, regulan o volume dos seus sacos aéreos.

Existen unhas 30 especies de corvos mariños, e é seguramente o corvo mariño grande o máis estendido. Vive en lagos e estuarios, así como nas costas e constrúe o seu niño en cantís ou en árbores. Ten un tamaño de até 90 cm de longo e pódese atopar en augas doces e costas de todo o mundo.

Phalacrocorax capensis

Phalacrocorax capensis, xeramenlte chamado corvo mariño do Cabo, é unha especie de corvo mariño endémico da costa suroeste de África.

Reprodúcese en Namibia sur e sueste da Provincia do Cabo, Suráfrica. Cando non está na tempada reprodutora, pode atoparse bastante máis ao norte, ata a desembocadura do río Congo, e esténdese pola costa leste de Suráfrica ata Mozambique. Na década de 1970, a poboación reprodutora estimábase en arredor dun millón de exemplares só en Namibia. Porén, agora a IUCN clasifíca a especie como "en perigo" debido a un rápido declive da poboación experimentado nas últimas tres xeracións.É unha ave de cor case enteiramente negra brillante, pero na época reprodutora ten un ton máis purpúreo e algunhas plumas brancas na cabeza, pescozo, e zona cloacal. A súa pel gular é dunha cor amarela alaranxada. Unha característica inusual nos corvos mariños é que ten a rexión loreal (entre os ollos e os orificios respiratorios) cuberta de plumas en vez de espida. As ás teñen unha envergadura entre 240 e 280 mm, e o seu peso está entre 0,8 e 1,6 kg, e presenta pouco dimorfismo suxual.

Aliméntanse xeralmente en bandadas, facendo capturas en bancos de peixes a media profundidade, de sardiñas, anchoas, e pequenos ammodítidos. As súas presas son normalmente moito máis pequenas que as da especie simpátrica Phalacrocorax neglectus. Os seus principais depredadores son os chacais Canis mesomelas, que capturan ocasionalmente a adultos mentres están pousados descansando, e aves predadoras que actúan no seu lugar de nidación como o corvo mariño Phalacrocorax carbo, os pelicanos Pelecanus onocrotalus, e as gaivotas Larus dominicanus.

Xunto con algunhas outras especies de corvos mariños, esta especie é clasificada por algunhas autoridades (por exemplo Johnsgaard) no xénero Leucocarbo.

Phalacrocorax neglectus

Phalacrocorax neglectus é unha especie de corvo mariño de mediano tamaño que é endémico de Namibia e do litoral occidental de Suráfrica. Vive nas costas e raramente foi atopado a máis de 15 km mar adentro.

Phalacrocorax penicillatus

Phalacrocorax penicillatus é unha especie de corvo mariño estritamente mariño que vive nas costas do Pacífico de Norteamérica. No verán vive desde Alasca ata o golfo de California, pero a poboación que vive ao norte da illa de Vancouver migra ao sur durante o inverno. O seu nome específico, penicillatus en latín significa pincel de pelos, e fai referencia ás plumas brancas do seu pescozo e costas durante o inicio da tempada reprodutora. Foi descrita polo naturalista alemán Johann Friedrich von Brandt da Academia de Ciencias de San Petersburgo, Rusia, que describiu a especie a partir de espécimes recollidos en expedicións ao Pacífico de comezos do século XIX. Por esta razón nalgúns países chámanlle corvo mariño de Brandt.

Este corvo mariño aliméntase en solitario ou en bandadas, e é moi adaptable en canto á elección das súas presas e hábitat submarino de pesca. Come pequenos peixes que viven desde a superficie da auga ao fondo do mar (chegan ata 36,5 m de profundidade), que capturan mergullándose desde a altura e perseguíndoos nadando propulsándose cos seus pés. As presas que capturan son as máis comúns na súa área: en California central, a captura máis común son peixes do xénero Sebastes, pero na costa da Columbia Británica, comen arenques do Pacífico (Clupea pallasii).

Durante a estación de apareamento os adultos teñen unha mancha azul na garganta. A especie aniña no chan ou sobre afloramentos rochosos.

Praia de Rebordelo

A praia Rebordelo é un areal situado na parroquia de Canduas, en Cabana de Bergantiños. Está bañada polas augas do océano Atlántico onde se forma a ría de Corme e Laxe en plena Costa da Morte.

Ten un fácil acceso dende o lugar de Rebordelo e é a praia máis visitada polos veciños cabaneses e polos turistas, debido en gran parte a que esta salvagardada de case todos os tipos de vento. Nesta praia desemboca o rego de Rebordelo, e tamén ten unha fervenza natural de augas claras.

Entre a súa flora e fauna están as especies comúns de moitos areais galegos, con peixes como o pinto (Labrus bergylta), a robaliza (Dicentrarchus labrax) ou o sargo (Diplodus sargus); crustáceos como o camarón, cangrexo e boi; moluscos como o mexillón (Mytilus galloprovincialis) a lapa ou o percebe; e aves como a gaivota, o corvo mariño ou o mazarico.

Conta cun pequeno aparcadoiro e duchas, e no verán con servizo de socorrismo. É a única praia de Cabana que conta con grellas e mesas.

Ría de Ortigueira

A ría de Ortigueira, tamén coñecida como ría de Ortigueira e Ladrido e como ría de Santa Marta de Ortigueira, é unha ría galega situada ao norte da provincia da Coruña, en Galicia, España.

Está formada pola desembocadura do río Mera, as súas augas bañan os concellos de Cariño e Ortigueira. Debe o seu nome á vila de Ortigueira, e conta con dous portos pesqueiros, o de Espasante, actualmente sen apenas actividade pesqueira, e o de Cariño, moito máis importante.

Está catalogada como unha zona especial de conservación (ZEC) e unha zona de especial protección para as aves (ZEPA). Ademais, por ser un importante lugar de paso e invernada de aves acuáticas está dentro do Convenio de Ramsar como zona húmida protexida.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.