Cortegada

Cortegada é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca do Ribeiro. Segundo o IGE en 2015 tiña 1184 habitantes.

Coordenadas: 42°12′25″N 8°10′9″O / 42.20694, -8.16917

Cortegada
Escudo de Cortegada
Concello de Cortegada
Casa do Concello e Biblioteca Municipal de Cortegada.
Situacion Cortegada
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia de Ourense
ComarcaComarca do Ribeiro
Poboación1.105 hab. (2018)
Área26,9 km²
Densidade41,08 hab./km²
Entidades de poboación7 parroquias
Capital do concelloCortegada
Política (2019[2])
AlcaldeAvelino de Francisco Martínez (PP)
Concelleiros
PPdeG: 7
PSdeG-PSOE: 2
Eleccións municipais en Cortegada
Uso do galego[3] (2011)
Galegofalantes87,96%
Na rede
http://www.cortegada.es

Poboación

Censo total 1184 (2015)
Menores de 15 anos 63 (5,32 %)
Entre 15 e 64 anos 683 (57,68 %)
Maiores de 65 anos 438 (37 %)

Xeografía

O concello limita ao norte co concello da Arnoia, ao leste con Gomesende, ao sur con Padrenda e ao oeste co concello pontevedrés de Crecente. Atópase á beira do río Miño entre os seus afluentes, os ríos Arnoia e Deva.

Historia

As primeiras pegadas son da Idade de Bronce, cos petróglifos de Valongo (monte Picoñas) e Louredo (coto das ferraduras). Hai un poboado castrexo en Abelenda, así como indicios doutros castros en Monte do Castro en Louredo e Muradelle en Refoxos). Da dominación romana, consérvanse dúas aras, unha en Meréns como agradecemento por recuperar a saúde e outra en Zaparín adicada ao deus Ceceaigis (cunha dedicación semellante en Graginha, Chaves).

Na alta Idade Media o lugar estivo poboado por varias comunidades campesiñas que se coñecen a través de varios foros e documentos de doazón ao mosteiro de Celanova[4]. Estas comunidades labregas xunto a pequenos señores feudais que erguen os seus enclaves aproveitando os socalcos sobre o Miño edificando algunha pequena fortaleza da cal só fican restos na toponimia (lugares da Torre en Zaparín e Louredo) fronte a aceifas de Al-Andalus e logo do veciño Reino de Portugal (sobre todo do rei Afonso Henriques que conquistou varias veces o dominio do sur de Ourense e Pontevedra).

Ao longo da Idade Media o territorio pertencía a varios coutos señoriais, un de señores laicos (Meréns, Louredo, Poulo) e outros relixiosos (pertencentes ós mosteiros de Celanova e Ramirás[5]). O couto señorial que máis terreo ocupaba era o de Vestiaria (cuxo priorado se conserva no lugar de Refoxos[6])doado polo rei galego-castelán Afonso VII en 1145, o outro Couto era o de San Bieito de Arnoia (actual san Bieito do Rabiño).

Ao longo do século XVII tiveron lugar varias resistencias antiseñoriais polos privilexios económicos dos frades de Celanova e unha renovación de 55 foros, que producen unha auténtica rebelión labrega de todo o Couto da Vestiaria en 1673[7].

Durante o século XIX coa proclamación da Constitución española de 1812, suprimiuse o réxime xurisdicional e establecéronse os Concellos de Rabiño e Valongo. Porén, en 1814 un decreto derrogatorio da Constitución asinado polo Rei Fernando VII de España, supuxo a restauración do Antigo Réxime e a súa administración señorial derogada outra vez no Trienio Liberal. A instauración definitiva do municipalismo produciuse coa división territorial de España en 1833. Deste xeito constituíuse o Concello de Cortegada en 1835, que inicialmente abranguía ás parroquias de Meréns, Rabiño, Refoxos e Valongo. En 1893 segregáronse de Rabiño as parroquias de Cortegada e Louredo, mentres que a parroquia de Zaparín separouse de Refoxos. Dende entón non houbo variacións no territorio, que pertenceu ós partidos xudiciais de Celanova (1835-1965) Ourense (1965-1988) e Ribadavia dende 1988.

A guerra carlista deixou varios enfrontamentos debido á proximidade da fronteira portuguesa (20 km), que foi usada como base de aprovisionamento e refuxio das partidas carlistas, sobre todo na I Guerra Carlista pola partida de Mateo Guillade en 1838. Da segunda Guerra carlista consérvase na tradición oral a morte dun xefe carlista en Louredo.

O río Miño cruzábase de Cortegada a Filgueira (Crecente) a través dunha barca, así como desde Vilanova da Barca a Paradela. Durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera construíuse a ponte de ferro e pedra de Filgueira-Cortegada, que na década de 1970 -cando formaba parte da estrada C-531- foi anegada polo encoro da Frieira.

Durante a século XX o territorio proseguiu a súa modernización, os indianos da Familia Álvarez (alcumados Os Tortuga)[Cómpre referencia] doaron a primeira escola pública do concello. Durante o golpe de estado de 1936 a Falange Española local tomou a tiros a oficina de correos e telégrafos contra so socialistas, que foxen ó monte á espera do que sucedese no resto do Estado Español. De aí a pouco, desatouse a represión contra varios veciños e outros son chamados a filas polo exército franquista (que xa dominaba toda Galicia) mentres algúns naturais pasaron a engrosar as filas do exército republicano debido a que se atopaban na sega castelá (nas Milicias galegas e incluso no Batallón Galicia). Durante o século XX, unha vez pasada a posguerra, Cortegada viviu un auxe comercial debido ao contrabando coa fronteira portuguesa e á chegada de divisas estranxeira provenientes da emigración. Nos anos 70 a construción do encoro de Frieira atraeu máis cartos á vez que se abandonaba para sempre a aldea de A Barca, mentres outras aldeas comezaban a deshabitarse (como Pereiras e Carballeda ) pola emigración. A finais do século XX construíuse o centro educativo Otero Novas e modernizouse o cuarteliño da garda civil á vez que a rede telefónica chegaba a todas as casas. En Política a alcaldía pertenceu durante a transición e a democracia a Enrique Carpintero Araújo co PP, dende 1970 ata 2007 en que Avelino de Francisco gaña as eleccións co PSOE, pasándose catro anos despois ao PP. Neste período intersecular o concello deshabítase cada vez máis ao tempo que as axudas da UE modernizan as súas estruturas.

Patrimonio

Os petróglifos do monte Picoñas están situados na aba deste outeiro de 334 m, no val do río Deva, sobre os lugares de Casaldálvaro e O Casal. Os gravados inclúen labirintos, e cazoletas de gran tamaño. En Louredo, están os petróglifos da Pena do Campo, cunhas cazoletas e os do Coto da Ferradura, cuns inscultura en forma de ferraduras da Idade de Bronce comentados por Bouza Brey na década de 1930.

A ara romana de Zaparín ten a inscrición latina Diis Ceceaicis iriba Marcus Aeturi ("Marco da tribo dos eturios dedica esta ara a Ceceaicis"). O nome latinizado indica que a ara é posterior á romanización. A divindade Ceceaicis aparece noutra ara en Braga. Está situada fronte á igrexa de San Martiño de Zaparín, e sobre ela ten unha cruz de pedra. A outra ara, atópase en Meréns, onde a descubriu Fermín Bouza Brey en 1936, de pé de pía de auga bautismal na vella capela, a inscrición alude ao sol a á saúde.

A igrexa de San Martiño de Valongo é un templo barroco, reconstruído a mediados do século XVIII grazas ao donativo do frade agostiño Diego Martín de Vergara, natural da parroquia e que chegou a ser o arcebispo en Bogotá e se fixo unha capela propia que loce o escudo heráldico persoal no flanco esquerdo.

A igrexa de San Bieito de Rabiño pertenceu ao mosteiro de Celanova a través do priorado de Arnoia. O templo actual é barroco, destacando a torre central sobre a porta principal, dando impulso vertical á fachada. Sobre a porta, no medio dun frontón triangular, está a efixie de San Bieito. O retablo maior, do século XVIII, ten relevos da Santísima Trindade.
O templo, de granito do país, é de planta de cruz latina, cunha soa nave cuberta de arcos de medio punto ao longo do corpo até o cruceiro, onde se forman tres bóvedas sostidas por nervaduras, de catro brazos nos brazos laterais e dezaseis na bóveda da cabeza, onde o deseño fai un rombo dividido en catro espazos de lados convexos. As nervaduras son de cor marrón listado. As capelas laterais ostentan como claves das nervaduras senllos debuxos do Sol e a Lúa humanizados por un rostro. As claves das nervaduras da bóveda principal teñen decoración vexetal ,unha cruz asturiana e unha Lúa acompañada de dúas estrelas. Na sancristía a bóveda está sostida por catro nervaduras reunidas nunha clave que ten tallada un sombreiro eclesial de dúas puntas. Tanto as bóvedas laterais como a central conservan pintura.
A carón da igrexa atópase un milladoiro. O edificio é de planta cadrada con tellado a catro augas, sobre unha bóveda de crucería sustentada por catro arcos e catro piares. No centro do edificio hai unha mesa de ofrendas e un cruceiro tallado coa Virxe María e Cristo.

A igrexa de Louredo foi deseñada en 1906 polo arquitecto modernista Daniel Vázquez Gulías. Contén unha labra popular en pedra da Virxe María.

O pazo de Louredo ten un só nivel de planta cadrada, cun patio pechado por unha porta principal de arco de medio punto decorada con molduración corrida sobre o lintel da porta, que sostén dúas ameas de pico. A os dous lados da porta hai dous escudos da familia Puga, e enriba dela hai unha cruz.

A casa museo Bouza Brey foi a última morada de Fermín Bouza Brey, galeguista, xuíz represaliado polo franquismo, arqueólogo e poeta. Actualmente é de propiedade privada.

A casa consistorial é de arquitectura colonial, construída a comezos do século XX grazas a dous indianos da familia dos Tortuga.

O pazo de Seixomil, do que destaca a súa cheminea, intégrase nun urbanismo preindustrial.

A ponte barroca de Valongo cruza o río Deva.

A casa do conde de Ximonde, situada en Meréns, foi construída en 1789. Conserva o escudo heráldico máis grande de Galiza, con dezaoito cuarteis rematados por unha coroa condal. Aparecen os apelidos Araúxo, Feixoo, Ortigueira, Mosqueira, Cismeiro, Figueiroa, Nóvoa e Sarmiento.

En Cortegada, ao pé do río Miño, consérvase o balneario de 1937. As súas augas, sulfurosas e ferruxinosas, acadan os 38 °C, e tomadas en baño teñen propiedades para as enfermidades hepáticas, respiratorias, gastrointestinais, xenético-urinarias e da pel. Debido á existencia de balnearios, esta terra tamén se coñecía como Cortegada de Baños.

No concello, tamén hai cruceiros antigos nos lugares de Prado, Pousa, Vilaverde Casares e Louredo, e petos de ánimas en Rabiño, Torre, Meréns e Louredo. Destacan tamén os hórreos de Piñor.

Termalismo

Balneario de Cortegada
Balneario de Cortegada, a pé do río Miño.

Xa no século XVIII tiñan uso as augas termais de Cortegada, como deixou escrito en 1764 Pedro Bedoya. En 1816 había casa de baños regulada e con director médico, que acollía xente do lugar e da contorna. O fluxo de persoas aumentou en 1881 coa chegada do tren Vigo-Castela á parroquia veciña de Filgueira (Crecente), da outra beira do Miño.

Hai tres fontes termais: baños da Pedra (a máis abundante), do Campo (mana a borboroto) e do Monte, antigamente do Castaño (a de menos caudal). Son de propiedade comunal (consérvase un foro do século XV regulando o usufruto das augas por parte do mosteiro de Celanova), se ben a principios do século XX foron alugadas á familia Álvarez (máis coñecidos como "os Tortuga"). En 1933 construíron un palacete de estilo modernista; pouco máis abaixo erguéronse varias casetas de madeira para os bañistas, e construíronse varios hoteis no casco vello de Cortegada.

Trala segunda Guerra Mundial os baños comezaron a súa longa decadencia, ata que foron atacados de morte coa construción do encoro de Frieira na década de 1970, que subiu o nivel do río, cubrindo as mellores fontes termais e multiplicando o nivel de humidade e frío na zona. Ao longo da década de 1990 tentouse revitalizar o termalismo.

Cortegada na literatura popular

  • Probes dos carabiñeiros/ que andan de noite á xiada/ namentras pasa a ramboia/ camiño de Cortegada [8].

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Cortegada.
Cortegada. Igrexa

Igrexa de Cortegada.

Cortegada. Rúa Central

Rúa central.

Cruceiro-humilladoiro-san-benito-do-rabiño

Milladoiro de San Benito do Rabiño.

Lugares de Cortegada

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cortegada vexa: Lugares de Cortegada.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Ministerio do Interior, Goberno de España (ed.). "Resultado eleccións 2019". Consultado o 9 de xuño 2019.
  3. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  4. Fray Benito de la Cueva: "Historia de los monasterios y prioratos anejos a Celanova", edición, notas e índices por María Teresa González Balasch, introdución por José Ignacio Fernández de Viana y Vieites, Granada, 1991.
  5. Revista Minius, nºX, Beatriz Vaquero, Mercedes Durany e FJ Pérez: "A Terrade Celanova na idade Media" [1]
  6. Fr. Martín Sarmiento: "Viaje a Galicia", Editor José Luis Pensado (1975), Colección: EF [2]
  7. Breve historia de Galiza[Ligazón morta]
  8. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 136. Xaquín Lorenzo di que esta Cortegada é un lugar da parroquia de San Bieito de Rabiño, no concello de Cortegada e xa na linde con Portugal; hoxe xa non figura tal lugar no Nomenclátor.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Comarca do Ribeiro

A comarca do Ribeiro é unha comarca galega situada na provincia de Ourense no curso medio do río Miño, que a percorre de nordeste a suroeste. A súa capital é Ribadavia, e a ela pertencen os concellos da Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia. Dálle nome ao viño do Ribeiro.

Ocupa unha superficie de 407,1 km², nos que viven 16.547 habitantes (2017). Por ela transcorren tamén os ríos Arnoia e Avia. O Miño está represado nos encoros de Castrelo de Miño e da Frieira. Existen varios balnearios que aproveitan as augas. Desde a Serra do Suído e Faro de Avión, ao oeste, onde se chega ao 1.000 m de altitude, o relevo descende até só 97 m en Ribadavia e Arnoia.

Cortegada, Cortegada

Santa María de Cortegada é unha parroquia do concello de Cortegada, situada na provincia de Ourense. Segundo o INE e o IGE en 2011 tiña 528 habitantes (270 homes e 258 mulleres), 46 máis ca en 2007.

A parroquia só ten un lugar, a vila de Cortegada, que dá nome ao concello.

Cortegada, Sarreaus

San Xoán de Cortegada é unha parroquia do concello de Sarreaus na comarca da Limia, na provincia de Ourense. No ano 2007 tiña 327 habitantes, deles 154 eran homes e 173 eran mulleres, o que supón unha diminución de 11 habitantes en relación ao ano anterior, 2006.

Cortegada, Silleda

Santa María de Cortegada é unha parroquia que se localiza no concello de Silleda. Segundo o IGE de 2011 tiña 273 habitantes (143 mulleres e 130 homes), distribuídos en 15 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 375 habitantes.

Gomesende

Gomesende é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Celanova. Segundo o padrón municipal, en 2015 tiña 829 habitantes (1105 en 2003).

Illa de Cortegada

A illa de Cortegada está situada na ría de Arousa preto do estuario do río Ulla , fronte ás costas do Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa. É a meirande illa do arquipélago de Cortegada, que contén ademais as illas Malveiras ou as illas Briñas, e está incluído no parque nacional das Illas Atlánticas.

É case unha illa de marea, únese á terra na baixamar polos viveiros (aínda que queda un fluxo de auga, pódese pasar andando). Ten unha extensión de 5 hectáreas e unha superficie de 2,5 quilómetros cadrados con algunhas praias e dous pequenos outeiros de pouco máis de 20 metros de altura cubertos por unha abundante flora; o maior bosque de loureiros da Península Ibérica, piñeiros, e outra vexetación.

Illa de Sálvora

A Illa de Sálvora está situada na boca da ría de Arousa. Pertence na actualidade á parroquia de Aguiño (concello de Ribeira), creada no ano 1959. Anteriormente a illa dependía da parroquia de Carreira, a que fora durante moitos séculos a parroquia máis poboada e rica da comarca, así como a máis antiga. Xunto cos illotes Vionta, Herbosa e Noro e as Sagres forma o arquipélago de Sálvora, integrado xunto cos de Cíes, Ons e Cortegada no Parque nacional das Illas Atlánticas no ano 2002.

Durante anos estivo poboada e tivo actividade agrícola, gandeira e pesqueira, pero está case deserta desde 1972. Na illa, que foi de titularidade privada ata 2007, atópanse, amais da aldea, oito hórreos, un lavadoiro e a fonte da Telleira ou de Santa Catarina, un almacén de finais do século XVIII ampliado cara 1963 con dúas torres con aire de pazo, unha antiga taberna reconvertida en capela, un faro, un peirao, un cruceiro, dous muíños e a estatua dunha serea. A parte do interior da ría conta con areais frecuentados por mergulladores deportivos.

Illas Malveiras

As Illas Malveiras son un subarquipélago galego na provincia de Pontevedra que forman parte do arquipélago de Cortegada, e con ela integradas no Parque nacional das Illas Atlánticas. Pertencen ó concello de Vilagarcía de Arousa.

Sitúanse a poñente da Illa de Cortegada e están formadas por dúas pequenas illas (Malveira Grande e Malveira Pequena) e un illote (Illa das Cabras); no seu conxunto suman 5,5 hectáreas de superficie. A meirande está arrodeada de area en toda a súa parte sur e é rochosa na súa parte norte; contén vexetación (especialmente toxos (Ulex europaeus), fentos, figueiras bravas e loureiros) e posúe un par de piñeiros na súa cima. Está coroada por unha vella cruz de pedra e tamén pode verse os restos dunha caseta de ladrillo. A Malveira Pequena é máis baixa e pedregosa que a anterior, e nela só medra o toxo.

Señor San Bartolomeu/ que estás no medio da Ría,/ dunha banda tes Rianxo/ e doutra Vilagarcía .

José Ogea

José Ogea Otero, as veces José Ojea Otero, nado en Cortegada o 16 de agosto de 1845 e finado no mesmo concello o 3 de decembro de 1909, foi un político e escritor galego, membro numerario da Real Academia Galega desde a súa fundación.

Louredo, Cortegada

San Xoán de Louredo, (do latín lauretum, de laurum máis o sufixo abundancia etum, 'lugar onde hai loureiro'; fitotopónimo) é unha parroquia do concello de Cortegada, situada na provincia de Ourense, na comarca do Ribeiro, a 345 metros sobor o nivel do mar. No ano 2007 tiña 123 habitantes, dos cales 60 eran homes e 63 eran mulleres, cunha maioría deles con idades superiores a 50 anos (pirámide poboacional invertida). En 2011 tiña 121 habitantes.

Lugares de Silleda

Galicia → Parroquias de Galicia → Lugares de Galicia → Lugares de Silleda

Meréns, Cortegada

San Cibrán de Meréns é unha parroquia do concello de Cortegada, situada na provincia de Ourense. Segundo o IGE en 2009 tiña 66 habitantes, dos cales 29 eran homes e 37 eran mulleres.

Rabiño, Cortegada

San Bieito de Rabiño é unha parroquia do concello de Cortegada, situada na provincia de Ourense, na comarca do Ribeiro. No ano 2007 tiña 176 habitantes, dos cales 85 eran homes e 91 eran mulleres.

Refoxos, Cortegada

San Breixo de Refoxos é unha parroquia do concello de Cortegada, situada na provincia de Ourense. No ano 2007 tiña 132 habitantes, dos cales 78 eran homes e 54 eran mulleres.

Sarreaus

Sarreaus é un concello da provincia de Ourense, pertence á comarca da Limia. Segundo o Padrón municipal de habitantes en 2015 tiña 1.283 habitantes (1.845 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario): «sarreaus».

Silleda

Silleda é un concello da provincia de Pontevedra pertencente á comarca do Deza. Ocupa 169 km², e segundo o IGE en 2018 tiña 8.698 habitantes, distribuídos en 33 parroquias e 250 lugares. O concello de Silleda é coñecido tamén como Trasdeza. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «silledense».

En Silleda ten a súa sede a Feira Internacional de Galicia, onde se celebra anualmente a Semana Verde de Galicia.

Valongo, Cortegada

San Martiño de Valongo é unha parroquia do concello de Cortegada, situada na provincia de Ourense comarca do Ribeiro. No ano 2013 tiña 275 habitantes, dos cales 133 eran homes e 142 eran mulleres.

Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía de Arousa é un concello, e unha cidade, da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés.

Zaparín, Cortegada

San Martiño de Zaparín é unha parroquia do concello de Cortegada, comarca do Ribeiro, provincia de Ourense. No ano 2007 tiña 31 habitantes, dos cales 9 eran homes e 22 eran mulleres.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.