Coroa de Castela

A Coroa de Castela foi unha entidade histórica da Península Ibérica que desde o 1230 comprendía un conxunto de reinos asociados dinasticamente baixo a figura dun común monarca, que tiñan o seu centro de decisión no reino de Castela. A súa orixe remóntase ao ano 1230, cando Fernando III o Santo, rei de Castela e de Toledo desde 1217, usurpou o goberno dos reinos de Galicia e León ás súas medias-irmás e previsibles futuras raíñas Sancha e Aldonza.[1].

Corona de Castilla
Coroa de Castela

 

 

 

1230–1715
Bandeira Escudo
Bandeira Escudo
Localización de
Capital Corte itinerante.¹ Desde 1561 Madrid é capital da Monarquía Hispánica.
Lingua Latín (ata 1260);
Castelán (desde 1260).
Relixión Cristiá
Goberno Monarquía
Rei de Castela
 • 1230-1252
(desde 1217 en Castela)
Fernando III
 • 1700-1746 Filipe V
Historia
 • Establecido 1230
 • Disolución 1715
Moeda Real español, marabedí
1:Burgos e Toledo disputaban a prelación nas Cortes. Valladolid e Granada, centros xudiciais. Primacía da Diocese de Toledo

Historia

Anexión de Galiza e León

En 1230, Afonso VIII, rei de Galiza e León falecía. Os reinos recaían nas infantas Sancha e Aldonza, fillas do seu primeiro casamento coa súa curmá Tareixa, infanta de Portugal.

Fernando de Castela, con todo, ambicionaba obter a coroa destes dous reinos, ampliando enormemente o seu dominio. Para tal, reuníronse na cidade portuguesa de Valença as dúas mulleres de Afonso VIII, Tareixa de Portugal e Berenguela de Castela, coas infantas Sancha e Aldonza, para selaren un acordo.

Debido ás ameazas de guerra, e baixo a presión da aristocracia leonesa e castelá, Sancha e Aldonza vense forzadas a renunciar ao trono, recibindo unha renda de 30 mil marabedís. Polo Tratado das Tercerias, a unión persoal das dúas coroas recaía así na persoa do rei Fernando III, e na dos seus sucesores, pasando Castela a deter a hexemonía destes reinos.

Coa morte de Beatriz da Suabia en 1235, Fernando casou pola segunda vez en 1237 con Xoana d'Aumale, condesa de Ponthieu (1210-1279), filla de María de Belleme, señora de Ponthieu, e de Simón Dammartin, conde d'Aumale.

Os reis da Coroa de Castela (Juana I) posuían os títulos de 'Rei de Castela, León, Navarra, Granada, Toledo, Galicia, Murcia, Xaén, Córdoba, Sevilla, os Algarves, Alxeciras e Xibraltar e das illas de Canaria e das Indias e illas e Terra Firme do mar Océano e Señor de Biscaia e Molina.[1] O seu herdeiro portaba o título de "Príncipe de Asturias".

Unificación das Cortes

Artigo principal: Cortes de Castela.

A unión dos reinos baixo un soberano, tivo como consecuencia case inmediata a unión das as Cortes de León e Castela. Articulábanse en tres "brazos" que correspondían respectivamente aos estamentos nobre, eclesiástico e cidadán e aínda que o número de cidades representadas en Cortes foi variando ao longo do tempo, foi o rei Juan I o que fixou dun xeito definitivo as cidades concretas que terían dereito a enviar 'procuradores' a Cortes: Burgos, Toledo, León, Sevilla, Córdoba, Murcia, Xaén, Zamora, Segovia, Ávila, Salamanca, Cuenca, Toro, Valladolid, Soria, Madrid, Guadalaxara e Granada (a partir de 1492).

Con Afonso X, a maioría das reunións de Cortes son conxuntas para todos os reinos. As Cortes de 1258 en Valladolid son "de Castiella e de Estremadura e da terra de León" e as de Sevilla en 1261 "De Castiella e de León e de todos os otros nosos Regnos". Posteriormente realizaríanse algunhas Cortes separadas, como por exemplo en 1301(Burgos para Castela, Zamora para León), pero os representantes de cidades piden que se volva á unificación:

Os representantes casteláns solicitan: "Pois eu agora estas cortes fazía aquí en Castiella apartada mente dos de Estremadura de de terra de León, que daquí adiante que non fiziese nin o tomase por fuso".
Ao igual que os leoneses: "que quando oviere de facer Cortes que as faga con todos os omnes da mi terra nun en terras leonesas".

Aínda que nun principio os reinos singulares e as cidades conservaron os seus dereitos particulares (entre os cales se achaban o Foro Vello de Castela ou os diferentes foron municipais dos concellos de Castela, León, Estremadura e Andalucía), pronto se foi articulando un dereito territorial castelán en torno ás Partidas (c. 1265), o Ordenamento de Alcalá (1348) e as Leis de Toro (1505) que continuou vixente ata 1889, ano en que se promulga o Código Civil español.

Séculos XIV-XV: Reinado dos Trastámaras

Corona de castilla
A Coroa de Castela a finais do século XV

Ascenso dos Trastámaras ao trono

Á morte de Afonso XI iníciase un conflito dinástico enmarcado na Guerra dos Cen Anos entre os seus fillos Pedro e Henrique. Afonso XI contraera matrimonio con María de Portugal, da que tivo o seu herdeiro, o infante Pedro. Non obstante, o rei tamén tivo con Leonor Núñez de Guzmán varios fillos naturais, entre eles o infante Henrique, conde de Trastámara, que disputaron o reino a Pedro unha vez este accedeu ao trono.

Na súa loita contra Henrique, Pedro aliouse con Eduardo, príncipe de Gales, chamado o Príncipe Negro. En 1367 o Príncipe Negro derrotou os partidarios de Henrique na Batalla de Nájera. O Príncipe Negro, vendo que o rei non cumpría as súas promesas, abandonou o reino, circunstancia que aproveito Henrique, refuxiado en Francia, para retomar a loita. Finalmente Henrique venceu en 1369 na batalla de Montiel, e deu morte a Pedro.

Juan de Gante, irmán do Príncipe Negro e duque de Lancaster, contrae matrimonio en 1371 con Constanza, filla de Pedro. En 1388 reclama a Coroa de Castela para a súa muller, herdeira lexítima segundo as Cortes de Sevilla de 1361. Chega é Coruña cun exército, toma primeiro esa cidade e, máis tarde, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo e pide a Juan de Trastámara, fillo de Henrique de Trastámara, que entregue a Constanza o trono.

Pero este non acepta e propón o matrimonio do seu fillo o infante Henrique con Catarina, filla de Juan de Gante e Constanza. A proposta é aceptada e institúese o título de Príncipe de Asturias que ostentaron por primeira vez Henrique e Catarina. Isto permitiu culminar o conflito dinástico, ao afianzar a Casa de Trastámara e establecer a paz entre Inglaterra e Castela.

Relacións coa Coroa de Aragón

Durante o reinado de Henrique III restáurase o poder real, desprazando a nobreza máis poderosa. Nos seus últimos anos delega parte do poder efectivo no seu irmán Fernando I de Aragón, quen sería rexente, xunto coa súa esposa Catarina de Lancaster, durante a minoría de idade do seu fillo, o príncipe Juan.Tras o Compromiso de Caspe en 1412, o rexente Fernando abandonou Castela, pasando a ser rei de Aragón.

Á morte da súa nai, Juan II alcanzou a maioría de idade, con 14 anos, e contraeu matrimonio coa súa prima María de Aragón. O novo rei confiou o goberno a Álvaro de Luna, a persoa máis influente na súa corte e aliado coa pequena nobreza, as cidades, o baixo clero e os xudeus. Isto trouxo as antipatías da alta nobreza castelá e dos Infantes de Aragón, o que provocou entre 1429 e 1430 a guerra entre Castela e Aragón. Álvaro de Luna gañou a guerra e expulsou os infantes.

Segundo conflito sucesorio

Henrique IV intentou restablecer sen éxito a paz coa nobreza rota polo seu pai. Cando a súa segunda esposa, Xoana de Portugal, deu a luz á princesa Juana, esta foi atribuída a unha suposta relación adúltera da raíña con Beltrán de la Cueva, un dos privados do monarca.

O rei, asediado polas revoltas e as esixencias dos nobres, tivo que asinar un tratado polo que nomeaba herdeiro ao seu irmán Alfonso, deixando a Xoana fóra da sucesión. Tras a morte deste nun accidente, Henrique IV asina coa súa medio irmá Isabel o Tratado dos Toros de Guisando, no cal a nomea herdeira a cambio de que casase co príncipe electo por Henrique.

Os Reis Católicos: Unión coa Coroa de Aragón

La Rendición de Granada - Pradilla
A capitulación de Granada (Francisco Pradilla)
Christopher Columbus9
Colón e os Reis Católicos (O retorno de Colón)

En outubro de 1469 casan en segredo, no Pazo dos Viveiro, de Valladolid, Isabel e Fernando, príncipe herdeiro de Aragón. Este enlace tivo como consecuencia a unión dinástica da Coroa de Castela e a Coroa de Aragón en 1479 ao acceder Fernando á Coroa aragonesa, aínda que non se fai efectiva ata o reinado do seu neto, Carlos I. Isabel e Fernando estaban relacionados familiarmente e casaran sen a aprobación papal polo que foron excomungados. Posteriormente, Alexandre VI concederalles o título de Reis Católicos.

Debido ao matrimonio de Isabel e Fernando, o rei e medio irmán de Isabel Henrique IV considera roto o Tratado dos Toros de Guisando polo cal Isabel accedería ao trono de Castela á súa morte sempre que contase coa súa aprobación para contraer matrimonio; Henrique IV, ademais, quería aliar a Coroa castelá con Portugal ou Francia en vez de con Aragón. Por estas razóns declara herdeira ao trono á súa filla Xoana a Beltranexa fronte a Isabel. Ao morrer Henrique IV no 1474 comeza unha guerra civil que durará ata o ano 1479 pola sucesión ao trono entre os partidarios de Isabel e os de Xoana, na que vencen os partidarios de Isabel.

Así pois, tras a vitoria de Isabel na guerra civil castelá e a ascensión ao trono de Fernando, as dúas Coroas estarán unidas baixo os mesmos monarcas, pero Castela e Aragón estarán separadas administrativamente, cada Coroa conservará a súa identidade e leis, as cortes castelás permanecerán separadas das aragonesas, a única institución común será a Inquisición. A pesar dos seus títulos de 'Reis de Castela, de León, de Aragón e de Sicilia,, Fernando e Isabel reinaban máis cada cal nos asuntos das súas respectivas Coroas, aínda que tamén tomaban decisións comúns. A posición central da Coroa de Castela, a súa maior extensión (tres veces o territorio aragonés) e poboación (4,3 millóns fronte a os preto de 1 millón da Coroa aragonesa) farán que tome o papel dominante na unión.

A aristocracia castelá era poderosa grazas á Reconquista (como puido comprobar Henrique IV). Os monarcas necesitan impoñerse aos nobres e o clero. No ano 1476 fúndase o 'Consello da Irmandade', que será coñecido como a Santa Irmandade. Ademais tómanse medidas contra a nobreza, destrúense castelos feudais, prohíbense as guerras privadas e redúcese o poder dos adelantados. A monarquía incorpora as ordes militares baixo o 'Consello das Ordes' no 1495, refórzase o poder real na xustiza a expensas dos feudais e a Audiencia pasa a ser corpo supremo en materia xudicial. O poder real tamén busca controlar máis ás cidades, así nas Cortes de Toledo en 1480 créanse os corrixidores para supervisar os Concellos das cidades. No aspecto relixioso refórmanse as ordes relixiosas e búscase a uniformidade. Prémese para a conversión dos xudeus e nalgúns casos son perseguidos pola Inquisición; finalmente en 1492, para aqueles non conversos decídese a súa expulsión, estimándose que entre 50.000 a 70.000 persoas deberon abandonar a Coroa de Castela. Dende o 1502 tamén se busca a conversión da poboación musulmá.

Entre 1478 e 1496 conquistanse as illas de Gran Canaria, A Palma e Tenerife. O 2 de xaneiro de 1492 os reis entran na Alhambra de Granada, co que se dá fin á Reconquista. Aparecerá a importante figura de Gonzalo Fernández de Córdoba (alcumado o Gran Capitán). En 1492 Cristovo Colón descobre as Indias occidentais e en 1497 tómase Melilla. Tras a toma do Reino de Granada para a Coroa de Castela, a política exterior xirará cara ao Mediterráneo, Castela axudará cos seus exércitos a Aragón nos seus problemas con Francia, o que culminará coa recuperación de Nápoles en 1504 para a Coroa de Aragón. Máis tarde, nese mesmo ano, falece a raíña Isabel.

Séculos XVI-XVII: Do Imperio á crise

Período de rexencia

Isabel excluíra o seu marido da sucesión á Coroa de Castela, a cal pasaba a mans da súa filla Xoana (casada con Felipe de Austria, alcumado o Fermoso). Pero Isabel coñecía da enfermidade que a súa filla adoecía (pola cal era coñecida como Xoana a tola) e nomea rexente a Fernando en caso de que Xoana 'non quisiere ou pudiere entender na gobernación deles'. Na Concordia de Salamanca (1505), acórdase o goberno conxunto de Filipe, Fernando e a propia Xoana. Porén, as malas relacións entre o xenro (apoiado pola nobreza castelá) e o seu sogro, o rei Fernando o Católico, fan que este último renuncie ao poder en Castela para evitar un enfrontamento armado. Pola Concordia de Villafáfila (1506), Fernando retírase a Aragón e Filipe é proclamado rei de Castela. En 1507 morre Filipe I e Fernando o Católico volve de novo á rexencia.

Fernando continúa a política de expansión de ambas as dúas coroas, Castela cara ao Atlántico e Aragón cara ao Mediterráneo. En 1508 conquístase La Gomera para Castela, entre 1509 e 1511 conquístase Orán, Burgia e Trípoli e sométese a Alxer. En 1515 tómase Mers el-Kebir. Ao morrer Gastón de Foix, os seus dereitos sucesorios ao Reino de Navarra pasaban a mans de Xermana de Foix, esposa de Fernando. Utilizando estes presuntos dereitos sucesorios, o Tratado de Blois asinado polos reis de Navarra con Francia en 1512, e con axuda dos navarros beaumonteses, Fernando ocupa o Reino de Navarra con tropas castelás, uns 20.000 soldados ben equipados baixo as ordes do Duque de Alba e ademais, Fernando tamén ten o apoio do seu fillo, o arcebispo de Zaragoza con máis de 3.000 homes que asediarán Tudela, onde houbo unha forte resistencia. As Cortes de Aragón e a propia cidade de Zaragoza non lle deron autorización ata principios de setembro, tras proclamarse a bula Papal Pastor Ille Caelestis, e cando xa quedaban poucas resistencias no Reino. En 1513, Fernando é recoñecido como rei de Navarra polas Cortes navarras (ás que só asistiron beaumonteses). Entre 1512 e 1515 Navarra forma parte da Coroa de Aragón.[2] Finalmente, en 1515 nas Cortes de Castilla reunidas en Burgos declárase a anexión do territorio. A esta reunión non acudiu ningún navarro.[3]

Á morte de Fernando en 1516, sucédeo como rexente o Cardeal Gonzalo Jiménez de Cisneros para pasar as dúas coroas ao seu neto, fillo de Xoana e Filipe: o futuro Carlos I.

Carlos V de Habsburgo

Artigo principal: Carlos I de España.
Comuneros
"Os Comuneiros Padilla, Bravo e Maldonado no Patíbulo", de Antonio Gisbert, 1860. Fondos do Congreso dos Deputados
Charles I and V empire
Corona de Castela (en azul) durante o reinado de Carlos I

Carlos I recibe a Coroa de Castela, a de Aragón e o Imperio debido a unha combinación de matrimonios dinásticos e mortes prematuras.

Carlos I non foi ben recibido en Castela. A iso contribuía o que era un rei estranxeiro (nado en Gante), xa antes da súa chegada a Castela, concede cargos importantes a flamengos e diñeiro castelán é usado para financiar a súa corte. A nobreza castelá e as cidades estaban preto dun levantamento para defender os seus dereitos. Moitos casteláns preferían o seu irmán menor Fernando (criado en Castela) e de feito o Consello de Castela oponse á idea de Carlos como rei de Castela.

Nas Cortes castelás en Valladolid en 1518, noméase presidente o valón (Jean de Sauvage), feito que provoca iradas protestas nas Cortes, que rexeitan a presenza de estranxeiros nas súas deliberacións. A pesar das ameazas, as Cortes (lideradas por Juan de Zumel, representante por Burgos) resisten e conseguen que o rei xure respectar as leis de Castela, quitar de postos importantes os estranxeiros e aprender a falar castelán. Carlos, tras o seu xuramento, consegue unha subvención de 600.000 ducados.

Carlos I é consciente de que ten moitas opcións para ser emperador e necesita impoñerse na Coroa de Castela e acceder á súa riqueza para o seu sono imperial. Castela era un dos territorios máis dinámico, rico e avanzado da Europa do século XVI, e comeza a darse conta de que pode quedar inmersa nun imperio, isto xunto á falta á súa promesa por parte de Carlos, fai que a hostilidade cara ao novo rei aumente. En 1520 convócanse ás Cortes en Toledo para outra subvención (o servizo), que as Cortes rexeitan. Vólvense convocar Santiago co mesmo resultado. Finalmente convócanse na Coruña, subórnase un importante número de representantes, a outros non se lles permite a entrada, e consegue que lle aproben o servizo. Os representantes que votaron a favor son atacados polo pobo castelán e as súas casas queimadas. As Cortes non serán a única oposición coa que se atopará Carlos, pois ao saír de Castela en 1520, deixando como rexente o seu antigo preceptor, o cardeal Hadriano de Utrech, estala a Guerra das Comunidades de Castela. Os 'comuneiros' foron derrotados un ano máis tarde (1521).

A guerra en Navarra reproduciuse varias veces nos anos seguintes á morte de Fernando o Católico, debido aos intentos de reconquista dos reis navarros, axudados polo Reino de Francia. Un destes intentos aconteceu nada máis acceder ao trono Carlos I, en 1516, mais axiña foi atallado. O máis importante produciuse en 1521, onde ademais da entrada de tropas polo norte se produciu un apoio da poboación navarra (incluída a beaumontesa), cunha sublevación xeneralizada que levou a expulsar o exército castelán de todo o territorio navarro. Seguidamente Carlos I enviou un exército de 30.000 homes ben abastecidos, que en pouco tempo e tras a cruenta Batalla de Noáin devolveu o control da maioría do territorio navarro a Castela. Aínda quedaron dous focos de resistencia posteriores, no Castelo de Maia en 1522 e no de Hondarribia en 1524, ademais de na Baixa Navarra, onde as incursións castelás eran inestables. Finalmente, en 1528, Carlos I retiraríase do territorio de Baixa Navarra ao non poder defendelo eficazmente, e abandonando as súas pretensións sobre el, e sen que existise ningún tratado formal entre os reis de Navarra e Carlos I.

Política imperial de Filipe II

Filipe II seguiu a mesma política que Carlos I. Pero a diferenza do seu pai, fixo de Castela o centro do seu imperio, centralizando a súa administración en Madrid. O resto de estados mantiveron a súa autonomía gobernados por vicerreis.

Dende Carlos I a carga fiscal do imperio recaía principalmente en Castela, e con Filipe II cuadriplicouse. Durante o seu reinado, ademais de subir os impostos existentes, implantou outros novos, entre eles o escusado en 1567. Ese mesmo ano Filipe II ordena a proclamación a Pragmática. Este edito limitaba as liberdades relixiosas, lingüísticas e culturais da poboación mourisca, e provoca a Rebelión das Alpuxarras (1568-1571) que Juan de Austria reduce militarmente.

Castela entra en recesión en 1575, o que provoca a suspensión de pagamentos (a terceira do seu reinado). En 1590 apróbanse nas Cortes o Servizo de Millóns, un novo imposto que gravaba os alimentos. Isto rematou por arruinar as cidades castelás e eliminou os seus débiles intentos de industrialización. En 1596 produciuse unha nova suspensión de pagamentos.

Reinado dos "Austrias Menores"

Nos reinados anteriores os cargos nas institucións dos reinos províanse con xentes estudadas, os administrativos de Filipe II adoitaban provir das universidades de Alcalá e Salamanca. A partir de Filipe III os nobres impoñen de novo o seu status para gobernar, ao ser necesario demostrar unha 'limpeza de sangue'. A persecución relixiosa levou a Filipe III en 1609 a decretar a Expulsión dos mouriscos.

Ante o colapso da facenda castelá para manter a hexemonía do Imperio Español durante o reinado de Filipe IV, o Conde-duque de Olivares, valido do rei de 1621 a 1643, intenta levar a cabo unha serie de reformas. Entre estas esta a Unión de Armas, un intento de que cada territorio dentro da Monarquía Hispánica contribuíse de forma proporcional á súa poboación no sostemento do exército. Os seus propósitos de unión non funcionaron e a Coroa Española continuou como unha confederación de reinos.

Luis Méndez de Haro sucede a Olivares como valido de Filipe IV entre 1659 e 1665. O seu obxectivo foi acabar cos conflitos interiores levantados polo seu predecesor (sublevacións de Portugal, Cataluña e Andalucía) e alcanzar a paz en Europa.

Á morte de Filipe IV en 1665, e ante a incapacidade de Carlos II para gobernar, sucédese o letargo económico e as loitas de poder entre os distintos validos. A morte de Carlos II en 1700 sen descendentes provoca a Guerra de Sucesión Española.

Notas

  1. 1,0 1,1 "Títulos dos reis europeos". Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2003. Consultado o 07 de novembro de 2003.
  2. Spain under the Habsburgs. Volume one: From Nation State to World Empire. John Lynch.
  3. Tomás Urzainqui Mina. "Navarra Estado europeo" pg. 264; ISBN 84-7681-397-X
25 de xullo

O 25 de xullo é o 206º día do ano do calendario gregoriano e o 207º nos anos bisestos. Este día celébrase o Día Nacional de Galicia. Quedan 159 días para finalizar o ano.

Aiara

Aiara (en castelán: Ayala, oficialmente Ayala/Aiara) é un concello de Áraba, no País Vasco. Pertence á cuadrilla de Aiara e tiña en 2014 unha poboación de 2 929 habitantes.

O actual municipio de Aiara comprende a maior parte da antiga Terra de Aiara, unha rexión que abarcaba tamén outros municipios da zona e que administrativamente estaba diferenciada de Áraba e Biscaia, sendo considerada como unha provincia da Coroa de Castela. Ese sistema mantívose ata 1842, cando quedou integrada na provincia de Áraba.

O municipio está formado por 24 localidades. A industria concéntrase principalmente nas proximidades da localidade de Murga, onde se atopa o Polígono Industrial de Aiara. Existe unha importante implantación do sector do moble na zona.

Amerigo Vespucci

Amerigo Vespucci, nacido o 9 de marzo de 1451 en Florencia e finado o 22 de febreiro de 1512 en Sevilla, foi un navegante florentino que traballou ao servizo do reino de Portugal e da Coroa de Castela. Está considerado o primeiro europeo en comprender que as terras descubertas por Cristovo Colón conformaban un novo continente. Por esta razón, o cartógrafo Martin Waldseemüller no seu mapa de 1507 utilizou o nome de "América" na súa honra como designación para o Novo Mundo. O relato a miúdo fantasioso e contraditorio das súas viaxes situárono como unha das figuras máis controvertidas da era dos descubrimentos.

Casa de Alba

A casa de Alba de Tormes, coñecida habitualmente como casa de Alba, é unha casa nobiliaria española, orixinaria da coroa de Castela, cuxas orixes se remontan ao século XIV.

O seu nome provén do ducado de Alba de Tormes, título con Grandeza de España, que ostenta o seu xefe ou cabeza.

Tradicionalmente o herdeiro do ducado de Alba ostenta o ducado de Huéscar. A súa actual titular é Cayetana Fitz-James Stuart, XVIII duquesa de Alba de Tormes.

Casa de Trastámara

A casa de Trastámara foi unha dinastía de reis de orixe castelá. Os seus membros reinaron na coroa de Castela (de 1369 até 1504), en Aragón (de 1412 até 1516), en Navarra (de 1425 até 1479), e en Nápoles (de 1458 até 1501).

A casa colle o seu nome do condado de Trastámara, no noroeste de Galiza, título que tiña antes o rei Henrique II de Castela.

A casa de Trastámara reinou en Aragón polo Compromiso de Caspe (1412) e substituíu a casa de Aragón despois da morte de Martiño I o Humano cando houbo un período de interregno onde se puido chegar a unha guerra civil.

A derradeira raíña desta casa en gobernar na coroa de Castela foi a raíña Xoana I "a Tola", que polo seu matrimonio con Filipe I e a través do fillo dos dous, Carlos I, deu paso ao goberno dos reinos da coroa de Castela e Aragón por reis da casa de Habsburgo.

Castela

Castela (en castelán: Castilla) é o nome dunha rexión histórica española que se corresponde con parte dos territorios pertencentes ao antigo Reino de Castela.

A primitiva Castela xurdiu durante as orixes da Reconquista na cabeceira do Ebro, ante o pulo de cántabros e vascóns. Dependendo dos autores e as épocas, considérase composto de territorios diferentes. A evolución histórica fai aínda máis imprecisos os seus compoñentes: o Reino de Castela foi nun primeiro momento un condado dependente do Reino de León, que finalmente se separou deste, e posteriormente formou parte, xunto a outros reinos, da Coroa de Castela.

Así, o nome de Castela empregouse na Baixa Idade Media para denominar á Coroa de Castela, o conxunto de todos os territorios dos monarcas da Coroa (por contraposición ao resto de reis hispánicos, os de Aragón, Navarra e Portugal).

Catastro de Ensenada

O catastro de Ensenada é unha magna indagación catastral dirixida en 1750 polo marqués da Ensenada, ministro de Facenda de Fernando VI. Abranguía os territorios da Coroa de Castela: isto é, a maior parte da España peninsular agás as Illas Canarias, a Coroa de Aragón, o reino de Valencia, Navarra e os Señoríos Vascos, que estaban exentos do pago de impostos. Os traballos de campo prolongáronse até 1756.

Esta indagación sería a base dunha reforma fiscal na que se pretendía racionalizar e facer máis xusto o sistema contributivo; para que isto fose realidade había que coñecer a riqueza de cada un. O obxectivo principal era rematar dunha vez por todas coa gran cantidade de impostos que había (alcabalas, décimos, primicias, foros etc), moi difíciles de controlar, e que gravaban sobre todo á maioría dos contribuíntes, especialmente ós pobres, mentres que os ricos estaban moi beneficiados a causa de que estes impostos se asentaban sobre as producións e bens de consumo e non sobre as rendas e ingresos netos obtidos pola posesión de terreos e casas. A reforma fiscal consistiría na substitución das rendas provinciais por un imposto único, a Única Contribución, proporcional á riqueza de cada un. Este proxecto fracasou por oposición dos dous estamentos que se opuñan a perder tódolos seus privilexios: a nobreza e o clero.

O Catastro converteuse na fonte documental máis importante para coñecer como era a Coroa de Castela a mediados do século XVIII, posto que é un censo de poboación, un censo gandeiro, un censo de explotacións agrarias, un censo industrial, un nomenclátor...

Coroa de Aragón

A Coroa de Aragón é un termo que adoita denominar á unión permanente de múltiples títulos e estados nas mans do Rei de Aragón. Os reinos compoñentes da Coroa nunca foron unidos politicamente excepto a nivel do rei. Polo tanto, a Coroa de Aragón non debería ser confundida co Reino de Aragón, sendo este mesmo un reino compoñente da Coroa de Aragón.

No cumio do esplendor da Coroa durante o Século XIV e XV, a Coroa de Aragón era unha talasocracia que controlaba unha boa parte do leste da Península Ibérica e o sueste de Francia, así como algunhas illas importantes e outros territorios continentais que se estendían a través do Mar Mediterráneo até Grecia.

En 1479, unha unión dinástica uniu a Coroa de Aragón coa Coroa de Castela, creando o que sería o Reino de España. Os títulos compoñentes da Coroa Aragonesa que herdaba o monarca español perduraron até 1716, cando foron suprimidos polos Decretos de Nueva Planta como unha consecuencia da derrota do pretendente preferido dos antigos gobernantes da Coroa de Aragón no curso da Guerra de Sucesión Española.

Diego Xelmírez

Diego Xelmírez foi bispo de Compostela de 1101 a 1136, e o seu primeiro arcebispo segundo privilexio papal do 26 de febreiro de 1120. É unha das personalidades fundamentais da historia de Galiza, pois a súa influencia á fronte do arcebispado de Santiago coincidiu cos reinados, na coroa de Castela, de Afonso VI, dona Urraca e Afonso VII, polo que hai autores que denominas a ese período de corenta anos como a "época de Xelmírez".

Fidalguía

A fidalguía, isto é, o conxunto dos fidalgos, constituía o estamento máis baixo da nobreza na Coroa de Castela (equivalente aos infanzóns na Coroa de Aragón).

O concepto de fidalguía cambiou moito co tempo e dentro do reino, así todos os vascos, cántabros e até un 80% dos asturianos eran fidalgos mentres que en Galiza, no catastro de Ensenada só aparecían 10935 fidalgos, menos do 3% da poboación.

Henrique III de Castela

Henrique III de Trastámara, chamado o Doente, nado en Burgos o 4 de outubro de 1379 e falecido en Toledo o 25 de decembro de 1406, foi rei da Coroa de Castela.

Era fillo de Leonor de Aragón e Xoán I, ó que sucedeu como rei de Castela en 1390.

León, España

León (en leonés: Llión) é a cidade capital da provincia de León situada na comunidade autónoma de Castela e León, localizada no noroeste da Península Ibérica en España. É atravesado polos ríos Bernesga e Torío.

O concello acada unha poboación de 135.059 habitantes (2007) e posúe unha área metropolitana de 204.212 habitantes, sendo así a 45º máis poboada do Estado español.

Naceu dun campamento militar romano da Legio VI Victrix, instalado na confluencia dos ríos Bernesga e Torío no 79 a. C.|79 a. C., o seu carácter de cidade consolidouse co asentamento definitivo da Legio VII Gemina no século I. Coa chegada dos musulmáns á Península, a cidade fica parcialmente despoboada. En 856 León recibe un novo impulso repoboador por parte do Reino de Asturias. Será García I quen en 910 converta a cidade de León na cabeza do máis importante reino cristián da Península Ibérica na época, dando inicio ao Reino de León, cuxa vixencia nominal chegou até o século XIX, mais dende a Plena Idade Media a cidade perdeu a importancia e empuxe de antano, en parte pola perda da súa independencia debida a unión da coroa leonesa e a castelá, definitiva dende 1301, constituíndo canda outros reinos e territorios a Coroa de Castela.

Reino de Castela

O Reino de Castela foi un dos reinos medievais da Península Ibérica. Castela xurdiu como entidade política autónoma no século IX baixo a forma dun condado vasalo do Reino de León. Non será ata o século XI cando acade a categoría de reino. O seu nome débese á gran cantidade de castelos que había naquela zona.

Reino de Granada

O Reino de Granada, foi un estado islámico da Idade Media situado no sur da Península Ibérica, con capital na cidade de Granada. Foi fundado en 1238 polo nazarí Muhammad ibn Nasr (Alhamar), o seu derradeiro rei foi Muhammad XII, máis coñecido coma Boabdil o Chico, derrocado polos Reis Católicos o 2 de xaneiro de 1492 tras a toma da cidade de Granada, que puxo fin á Guerra de Granada. Tras isto, o reino foi incorporado á Coroa de Castela baixo o nome de Reino Cristián de Granada. O reino nazarí de Granada foi o último estado de al-Ándalus.

Reino de León

O Reino de León foi un dos reinos medievais da Península Ibérica que perviviu administrativamente ata o século XIX e que tivo a súa orixe no chamado territorio legionese, aquel que circundaba a cidade de León e que lle deu o nome ao reino.

Reis Católicos

Os Reis Católicos foi a denominación que recibiron os reis Fernando II de Aragón e Isabel I de Castela, soberanos da Coroa de Castela (1474-1504) e da Coroa de Aragón (1479-1516).

Os Reis accederon ao trono de Castela trala Guerra de Sucesión Castelá (1475-1479) contra os partidarios da princesa Xoana a Beltranexa, filla do rei Henrique IV de Castela. En 1479 Fernando herdou o trono de Aragón ao morrer o seu pai, o rei Xoán II de Aragón. Isabel e Fernando reinaron xuntos ata a morte dela en 1504. Entón Fernando quedou unicamente como rei de Aragón, pasando Castela á súa filla Xoana, alcumada "a Tola", e ao seu marido Filipe de Austria, alcumado "o Fermoso", Arquiduque de Austria, duque de Borgoña e conde de Flandres. Con todo Fernando non renunciou a controlar Castela e, tras morrer Felipe en 1506 e ser declarada Xoana incapaz, conseguiu ser nomeado rexente do reino ata a súa morte en 1516.

A historiografía española considera o reinado dos Reis Católicos como a transición da Idade Media á Idade Moderna. Co seu enlace matrimonial uníronse provisionalmente, na dinastía dos Trastámara, dúas coroas: a Coroa de Castela e a Coroa de Aragón dando nacemento ao Imperio Español e, apoiados polas cidades e a pequena nobreza, estableceron unha monarquía forte fronte ás apetencias de poder de eclesiásticos e nobres. Coa conquista do Reino de Granada, do Reino de Navarra, de Canarias, de Melilla e doutras prazas africanas conseguiron a unión territorial baixo unha soa coroa da totalidade dos territorios que hoxe forman España –exceptuando Ceuta e Olivenza que entón pertencían a Portugal–, que se caracterizou por ser persoal, xa que se mantiveron as soberanías, normas e institucións propias de cada reino e coroa.

Os Reis estableceron unha política exterior común marcada por enlácelos matrimoniais con varias familias reais de Europa que resultaron na hexemonía dos Habsburgo durante os séculos XVI e XVII.

Por outra banda, o descubrimento de América, en 1492, modificou profundamente a historia mundial.

Reis de España

A lista dos reis de España comeza cos Reis Católicos porque se considera que España comezou a existir cando a Coroa de Castela e a Coroa de Aragón uniron os seus reinos a través do matrimonio de Isabel I de Castela con Fernando II de Aragón, aínda que os reinos seguiron tendo leis separadas e a denominación da Monarquía incluía varios reinos (a máis común sería Rei de Castela, Aragón, León, Granada e Toledo, aínda que variaba moito). O termo España referíase á Península Ibérica en conxunto até o recoñecemento definitivo da independencia de Portugal en 1668 e o título rei de España só se comezou a utilizar polos monarcas en 1874 (anteriormente Isabel II utilizou o de Raíña das Españas).

Xoana I de Castela

Xoana I de Castela ou Xoana I de Aragón e Castela, coñecida tamén como Xoana a Tola, nada en Toledo en 1479 e finada en Tordesillas, Valladolid, en 1555, foi entre outras cousas raíña de Aragón e Castela.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.