Convento de Santa Clara de Santiago de Compostela

O convento de Santa Clara é un convento de clausura da orde das clarisas que se atopa na Rúa de San Roque, en Santiago de Compostela. O convento fúndase extramuros ao norte da cidade no ano 1260 grazas a doazóns da vila de Compostela e da dona do rei Afonso X o Sabio: Violante de Aragón. É o primeiro que as clarisas tiveron en Galicia. Foi fundado e impulsado por dona Violante, muller do rei Afonso X o Sabio, na segunda metade do s. XIII, polo que ten o título de "Real".

Sufriu diferentes modificación ao longo dos séculos, as primeiras no século XVI grazas ás doazóns da abadesa Isabel de Granada; e posteriormente nos séculos XVII e XVIII que lle deron o aspecto barroco actual. Nestes traballos participan os arquitectos Domingo de Andrade, frei Gabriel Domínguez, Pedro Arén e Simón Rodríguez.

Salienta a fachada da igrexa, obra de Simón Rodríguez, grande obra do barrroco compostelán[1].

O convento de Santa Clara foi declarado Monumento Nacional en 1940.

Convento de Santa Clara
Convento de Santa Clara en Santiago de Compostela 3XI2013 1
Fachada da igrexa.
Datos xerais
PaísEspaña
RexiónGalicia
Tipoconvento de monxas clarisas de clausura
AdvocaciónClara de Asís
LocalizaciónSantiago de Compostela
Coordenadas42°52′49″N 8°32′45″O / 42.880409, -8.5457Coordenadas: 42°52′49″N 8°32′45″O / 42.880409, -8.5457
CatalogaciónMonumento Nacional
Culto
DioceseDiocese de Santiago de Compostela
Orde relixiosaClarisas
Arquitectura
Construción1260, remodelación no século XVI, edificio actual dos séculos XVII e XVIII
ArquitectosDomingo de Andrade, Pedro Arén, frei Gabriel Domínguez e Simón Rodríguez
EstiloBarroco

Descrición

Fachada

A fachada é obra de Simón Rodríguez en 1719, de estilo barroco compostelán, tamén chamado "barroco de placas" polas formas xeométricas puras que semellan superporse aos muros: un estilo imposto pola dureza do granito, que obriga a unha talla de formas rotundas.

Trátase dunha fachada cortina que dá paso a un pequeno xardín onde se agocha a verdadeira e sinxela fachada da igrexa. Como todo o convento realízase en cantaría de granito, en tres corpos e salienta polo seu gran dinamismo barroco debido ao xogo de luces e sombras provocado pola intensa decoración centrada da parte centra da mesma. Aparece un exceso de orixinal ornamentación, grandes cornixas, volutas, frontóns crebados e son moi característicos os grandes cilindros de pedra no bico da fachada, a xeito de bocois, que crean unha sensación de grande inestabilidade[1][2].

Interior

No interior chaman a atención os enreixados típicos da clausura. Na igrexa atópanse varios altares churriguerescos dedicados a santos franciscanos e o retablo maior barroco elaborado por Domingo de Andrade no ano 1700[2] no que se venera a Inmaculada Concepción, de gran devoción por clarisas e franciscanos. Tamén atopamos o púlpito de granito e os escudos do antigo edificio medieval. Os retablos do cruceiro dedícanse a Santo Antón de Padua e á Virxe.

Cultura

É tradicional crer, tanto en Santiago de Compostela coma noutras vilas coma Pontevedra, que para que o día da voda non chova, cómpre levar un cesto de ovos a un convento de clarisas.

No convento viven hoxe en día 13 monxas clarisas que, ademais das pregarias, encárganse de traballos a particulares, coma bordados ou pasar o ferro[3].

A igrexa é visitábel só antes e despois das misas. A misa é todos os días ás sete da tarde, e o rosario todos os días ás 18:30.

Galería de imaxes

Convento de Santa Clara en Santiago de Compostela 3XI2013 3

Detalle do cume da fachada co monumental cilindro pétreo.

Santiago, Santa Clara 02-02 rótulos

Fiestra do convento.

Convento de Santa Clara en Santiago de Compostela 3XI2013 2

Imaxe de Santa Clara na fachada da igrexa.

Notas

  1. 1,0 1,1 Santa Clara en Turgalicia
  2. 2,0 2,1 Centro Virtual Cervantes (en castelán).
  3. Convento de Clausura de Santa Clara en Turismo de Santiago.

Véxase tamén

Outros artigos

Churrigueresco

O churrigueresco é un estilo extravagante de arquitectura e decoración, popular en España e en América Latina (especialmente en México e no Perú) no século XVIII, época do barroco, tamén usado algunhas veces para definir libremente, como un todo, o barroco e o rococó serodios na arquitectura española. É polo tanto un estilo barroco que presenta máis ornamentación. Foron construcións de retablos efémeros e tamén no arquitectónico.

A designación ten orixe na familia Churriguera, escultores de Salamanca, a quen se deben as principais contribucións para este estilo, notabelmente José Benito Churriguera, Manuel de Lara Churriguera e Nicolás Churriguera

En Galiza, malia non ter moita pegada, si aparece nalgúns retablos, coma no Convento de Santa Clara de Santiago de Compostela. Porén deixa claramente a súa pegada na fachada barroca profusamente ornamentada do Obradoiro da catedral de Santiago de Compostela, de Fernando de Casas Novoa.

Convento de Santa Clara

Co nome de Convento de Santa Clara coñécense varios mosteiros baixo a advocación de Clara de Asís:

En Galicia

Convento de Santa Clara de Santiago de Compostela;

Convento de Santa Clara de Pontevedra;

Convento de Santa Clara de Ribadeo;

Convento de Santa Clara de Allariz;

Convento de Santa Clara de Tui;.En Portugal

convento de Santa Clara de Vila do Conde;

mosteiro de Santa Clara-a-Velha en Coímbra;

Fiestra

Unha fiestra, tamén chamada xanela ou ventá, é un van ou oco elevado sobre o chan, que se abre nunha parede coa finalidade de proporcionar luz e ventilación á estancia correspondente. Tamén se denomina fiestra ó conxunto de dispositivos que se utilizan para pechar ese van.

O termo fiestra procede do latín fenestra, de onde tamén procede o termo defenestrar (botar a alguén por unha fiestra). A verba ventá procede de ventus (vento), facendo referencia á capacidade de ventilación que proporciona.

Mosteiros e conventos de Galicia

Esta é unha lista dos mosteiros e conventos de Galicia divididos en provincias.

Para o uso desta lista é necesario facer algunhas precisións:

Nome: recóllese o nome oficial que tivo o edificio cando cumpría coa súa función monacal. O que non significa que na actualidade conserve ese nome. De feito, en máis dun caso, a ligazón envía a páxinas que se titulan de xeito distinto, respectando o nome actual do edificio.

Fundación: data, o máis aproximada posible, da primeira fundación. Deixando ben sabido que moitos cenobios, sobre todo os máis antigos, cambiaron de orde titular, de status, foron abandonados e de novo ocupados etc.

Estilo: case tódolos mosteiros e conventos, sobre todo os de historia máis longa e de economía máis próspera, pasaron por transformacións e ampliacións, en distintas épocas e con distintos estilos. Na táboa consignamos o estilo ou estilos dominantes na construción tal como a vemos hoxe. Advertir tamén que en todos ou case todos os casos en que damos como estilo o románico, falamos de edificios románicos con engadidos ou transformacións posteriores.

Simón Rodríguez

Simón Rodríguez, nado en Santiago de Compostela en 1679 e finado na mesma cidade en novembro de 1751, foi un dos máis prestixiosos arquitectos barrocos e máximo expoñente do barroco de placas. Ás veces asinou como Simón Rodríguez de Castroverde.

Soleira

A soleira é un elemento construtivo que se corresponde á parte baixa da fiestra, cubrindo o peitoril ou antepeito; sobre o que pousamos ao nos apoiar nunha fiestra. Na casa tradicional galega adoita ser unha soa peza de pedra (ou dúas) ou doutro material colocada na parte inferior do oco dunha xanela. Soleira tamén pódese referir á pedra que está no chan dunha porta, coñecida normalmente coma soarego ou limiar.

A súa misión é que a auga da choiva non entre no edificio, razón pola que a soleira adoita ter unha certa pendente cara fóra, asegurando unha evacuación rápida da auga; pola mesma razón de estanqueidade ha penetrar nas xambas do oco e adoita resaltarse cara fóra formando un topete ou pingadeira. Pola súa importancia na estanqueidade o deseño da soleira é un dos puntos críticos na proxectación construtiva dos edificios.Na casa tradicional galega (tamén na inglesa), e a diferenza doutras rexións, a soleira está protexida pola fiestra, xa que esta se sitúa a rentes do muro exterior para que a auga esvare pola fachada. A contraventá áchase no interior do oco, a rentes da parede interior. Ademais o lintel do van acostuma contar cun saínte chamado tornachuvias.

Xamba

Denomínase xamba (do francés jambe 'perna', tomado da forma camba do latín vulgar) ou macheta a cada unha das dúas pezas labradas que, postas verticalmente nos dous lados das portas o fiestras, sosteñen o lintel ou o arco que os cobre. Tanto se o muro da casa é de cachotería coma de cantaría as xambas adoitan ser pezas de perpiaño.

Outros sinónimos en galego son: agulla, pé dereito, mocheta, tranqueiro e ucheira.

Denomínase xambaxe ao conxunto formado polas xambas e o lintel dunha porta ou ventá.

Artigos sobre a cidade de Santiago de Compostela
Edificios institucionais
Edificios relixiosos
Teatros
Museos
Outros edificios
Parques
Centros comerciais
Rueiro
Transporte
Medios de comunicación
Clubs deportivos
Recintos deportivos
Outros recintos
Centros de saúde
Empresas locais
Restos arqueolóxicos
Accidentes xeográficos
Educación
Outros

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.