Constantino I o Grande

Constantino I o Grande (en latín: Flavius Valerius Aurelius Constantinus), nado en Naissus (actual Niš, en Serbia; daquela pertencente á provincia da Moesia Superior), o 27 de febreiro de 272 e finado en Nicomedia o 22 de maio do 337, foi un gobernador do Imperio Romano.

Constantino I
Emperador do Imperio romano
0 Constantinus I - Palazzo dei Conservatori (2)
Busto da estatua colosal de Constantino na Basílica Nova de Roma (Museos Capitolinos).

Reinado25 de xullo do 306 – 29 de outubro de 312 (aclamado como Augusto en Occidente, oficialmente nomeado César por Galerio con Severo como Augusto, por acordo con Maximiano, rexeitou a relegación a César no 309)
29 de outubro do 312 – 19 de setembro do 324 (Augusto de Occidente sen disputa, principal Augusto no Imperio)
19 de setembro do 324 – 22 de maio do 337 (emperador do imperio unificado)
Nome completoFlavio Valerio Aurelio Constantino
Nacemento27 de febreiro c. 272[1]
Naissus (moderna Niš, Serbia)
Falecemento22 de maio do 337
Nicomedia (moderna Izmit, Turquía)
SepulturaMausoleo de Augusto
PredecesorConstancio I Cloro
SucesorConstantino II, Constancio II e Constante
ConsorteMinervina, disolto por morte ou divorcio antes do 307,
Fausta
DescendenciaConstantina, Helena, Crispo, Constantino II, Constancio II e Constante
ProxenitoresConstancio I Cloro
Helena

Byzantinischer Mosaizist um 1000 002
Mosaico de Constantino I en Santa Sofía; Istambul.

Orixes

Fillo dun oficial romano coñecido como Constancio, e que máis tarde pasaría a historia como Constancio I Cloro, e mais Helena, e que máis tarde sería santificada co nome de Santa Helena. A súa nai, de orixe humilde, conviviu co seu pai como concubina, ata que conseguiron casar. O seu pai foi Tribuno, Gobernador Provincial e seguramente Prefecto Pretoriano. Alcanza o grao de César na primeira tetrarquía organizada por Diocleciano o 1 de marzo de 293, polo que se veu obrigado a repudiar a Helena, e casar con Teodora, a irmá do emperador Maximiano. Acada o titulo de Augustus o 1 de maio do 305, co retiro de Diocleciano e Maximiano como Augustus.

Acceso ó poder

Solidus multiple-Constantine-thessalonica RIC vII 163v
Sólido de Constantino I cuñado en Tesalónica

Constantino servira entrementres a carón dos emperadores Diocleciano e Galerio. Mantense na corte de Galerio, o emperador da parte Oriental do Imperio, como garantía da conduta do seu pai. Máis tarde trasládase a Britannia para asistilo na campaña contra os pictos. Cando Constancio morre nesa campaña, o 25 de xullo do 306, en Eboracum (a actual cidade de York) o seu fillo esta ó seu carón. As tropas noméano Augustus, e el remata a campaña do seu pai, deixando pacificada a Britania, trasládase ó Continente, á cidade de Augusta Treverorum, que vai ser a súa principal residencia para os vindeiros seis anos. Alí, no 307 casa con Fausta, unha filla de Maximiano, e repudia a súa amante Minervina, quen lle dera o seu primeiro fillo, Crispo.Mentres tanto, en Roma, o senado e máis a Garda Pretoriana chegan a un acordo de nomear a Maxencio, o fillo de Maximiano como emperador, no seu máis baixo estamento, como Princeps, aínda que pouco despois é nomeado Augustus. Era un 28 de Outono do 306. Aínda que Maxencio e Constantino non se tiñan confianza, a situación mantense sen cambios ata o 310, no que morre Maximiano. Este feito abre as hostilidades entre os cuñados e no 312 ten lugar a famosa batalla da Ponte Milvio, onde vence Constantino, quedando como único emperador do Imperio Romano do Occidente.

A Conversión de Constantino

Cando Maximiano e Diocleciano anuncian o seu retiro, no 305, o problema cristián estaba irresolto e as persecucións eran constantes. Xa dende a súa chegada ó poder, Constantino dá por rematadas as persecucións e toma medidas para lle devolver as propiedades ós cristiáns. Pero as súas persoais devocións eran para o deus Marte e Apolo, reverenciado como Sol Invictus.

O siguinte feito na vida relixiosa de Constantino ocorre a noite antes da batalla na Ponte Milvio. Segundo Lactancio, que era o mentor e mestre do fillo de Constantino, Crispo, o emperador tivo un soño no que lle pedían que puxese o sinal da cruz no escudo dos soldados. Vinte e cinco anos despois, no libro de Eusebio sobre a vida de Constantino, hai outra versión moito máis elaborada e menos crible. Camiño de Roma, nun lugar non especificado, Constantino fita no ceo un estraño fenómeno, no que na luz do Sol aparece o sinal da cruz e as verbas "hoc signun victor eris". Durante a seguinte noite, Cristo aparéceselle a Constantino no seu soño e pídelle que o signo que vira no ceo o coloque nas súas insignias de batalla. O novo estandarte da batalla coñécese como "labarum". Hoxe en día ese signo coñécese como lábaro ou crismón.

Sexa ou non certo, Constantino quixo ver que a súa vitoria foi grazas o apoio da fe no Deus dos cristiáns, e que a súa comprensión desa fe non deixa de ser moi superficial. Pero ademais, o emperador toma estas decisións como político non como unha convicción relixiosa. Tal é así que a súa propia relixiosidade non o levou a tomar o bautismo ata poucos intres antes de morrer, aínda que este costume estaba moi arraigado entre os cristiáns daquela época, que non se bautizaban máis que nos seus derradeiros días.

En febreiro do 313, Constantino e Licinio xúntanse en Milán cara a conseguir unha política relixiosa común. Uns meses despois desa xuntanza, Licinio dá a coñecer un edicto, que é coñecido como Edicto de Milán, non que se expón os acordos desta xuntanza, que non son outros que a liberdade relixiosa no Imperio e a devolución das posesións dos cristiáns. Licinio non esta moi preto desa política, e ademais as persecucións no Oriente continuaron a pesar do Edicto. Tampouco aquí hai que ollar esta política como unha unión de Constantino coa Igrexa, senón máis ben como un instrumento da política imperial.

Nesta política, pronto descobre que a Igrexa non estaba unida. O primeiro problema desta falta de unidade co que se atopa está en África. Alí había os seguidores de Donato Magno, chamados donatistas, e que elixen o seu propio bispo. Estes, en Abril do 313 presentan unha queixa contra Cecilio, o bispo de Cartago. Constantino convoca un sínodo en Roma para aclarar estes problemas. O Sínodo de Roma dálle a razón a Cecilio, pero os donatistas presentan unha queixa diante de Constantino. Este, xa para rematar coa controversia, convoca outro gran Sínodo en Arlés coa presenza de 33 bispos, que se celebra en agosto do 314. De novo, chegan a conclusión de ir en contra das teses dos donatistas. Constantino tenta entón de acabar con eles, xa que non aceptan os resultados do Sínodo, pero non o consegue e os donatistas terán unha gran presenza no Norte de África durante os dous séculos seguintes.

Nese tempo remata a construción do Arco de Constantino en Roma a tempo para celebrar o décimo aniversario da súa subida ó trono imperial. Pero nas celebracións, omítense por vez primeira os sacrificios ós deuses pagáns, que eran tradicionais. Ademais, Constantino quixo deixar a súa marca na cidade de Roma, especialmente nas súas construcións, tanto relixiosas como seculares. No Forum Romanun, completou a basílica que non rematara Maxencio. No outeiro do Quirinal, onde hoxe en día residen os presidentes da República Italiana, constrúe uns baños públicos. A Basílica de San Xoán de Letrán, a Basílica de San Pedro e a Basílica de San Sebastián na Via Appia, son construcións de Constantino. É de especial interese a Basílica de San Marcelino e Pedro, na antiga Via Labicana, porque comeza por ser o mausoleo de Constantino e maila súa familia, pero co tempo só recibe o corpo da súa nai, Santa Helena, e hoxe en día é coñecida como a Torre Pignattara.

O Conflito con Licinio

Os acordos do 313 entre os dous emperadores nacera máis por necesidade. Constancia, a medio irmán de Constantino e esposa de Licinio tiña a súa influencia, pero con todo as hostilidades rachan no 316. No curso da primeira guerra teñen lugar dúas batallas. A primeira delas en Cibalae, na Pannonia, onde os exercitos de Licinio perden unha gran cantidade de homes e armas. A segunda batalla coñecida como Campus Ardiensis, a vitoria non esta clara para ningún dos dous bandos. Esta guerra é coñecida polo nome de bellum Cibalense. Esta guerra deixa a Licinio como Augustus, pero ten que ceder tódalas provincias europeas ata a Tracia en mans de Constantino.

O 1 de marzal do 317, en Serdica (a moderna Sofia), Constantino nomea tres césares. Son os seus fillos, Crispo, de sete anos de idade, Constantino, de menos de sete meses e máis Licinio, de vinte meses e fillo de Licinio. Pero a Concordia Augustorum e fráxil e as tensións chegan de novo, en parte pola política relixiosa e en parte porque as vellas sospeitas voltan a saír a superficie. E volve a guerra no 324. Constantino desfai o exército de Licinio, primeiro en Adrianópolis na Tracia e despois en Crisopóle, no Bosforo. Escoitando as pregarias de Constancia, perdoa a vida o seu cuñado, pero algúns meses máis tarde, ordena a súa morte, rachando co seu xuramento, xa que as manobras de Licinio para volver ó poder nunca remataran. Queda entón como único emperador do Imperio Romano. Totius Orbis Imperator é a lenda gravada nos edificios públicos e nas acuñacions das moedas.

O Concilio de Nicea e a Controversia Ariana

Moi pronto, no século IV as controversias no seo da Igrexa sobre a natureza do fillo de Deus estalan. Arrio, un sacerdote de Alexandría, predica que Cristo non tiña natureza de Deus, senón que o Pai, O Fillo e mailo Espírito Santo non eran tres persoas distintas, senón hipostasias diferentes, e máis concretamente que o fillo era unha criatura de Deus, e polo tanto o seu subordinado. Pero estas ensinanzas son condenadas e Arrio é excomungado por un Concilio dirixido por Alexandre, bispo de Alexandría no 318. Pero isto non remata co problema, e Osio de Córdoba falla no seu intento de atopar unha conciliación.

Constantino vese na obriga de facer o primeiro Concilio Ecuménico da Igrexa. A primeira sesión celebrase nos salóns do Pazo de Nicea o 20 de maio do 325. Constantino preside e abre coas primeiras verbas do Concilio. Nel formúlase por vez primeira o Credo, que foi posteriormente revisado polo Concilio de Constantinopla no 382, pero é coñecido como Credo de Nicea. Afirma a homomisión e a consubstancialidade. A maior importancia acada no concilio a persoa de Atanasio, prior do bispo de Alexandría e sucesor de Alexandre. Arrio foi condenado, pero a doutrina ariana convive longamente coas teses oficiais da igrexa. Tal é así que Constantino chama ó seu carón a Eusebio de Nicomedia, un bispo ariano que estaba exiliado dende o 325. Cando volta como asesor espiritual do emperador no 327, Atanasio protesta pola política do emperador, pero no 335 el tamén foi a exilio en Tréveris.

A Crise da Familia Imperial

No ano 326, Constantino ordena a morte do seu fillo máis vello Crispo, que fora nomeado César no 317, fora cónsul por dúas veces e participara na guerra contra Licinio. No mesmo ano, Constantino parece que tamén ter que ver coa morte da emperatriz Fausta, a nai de tres dos seus fillos. A conexión entre as dúas mortes é probable, tal que Zósimo conta que Crispo estaba baixo sospeita de estar envolto nas intrigas de Fausta, e que esta morre pouco despois de que Helena, a nai de Constantino o reprenda publicamente da morte do seu fillo. O certo é que ós dous se lles aplica a damnatio memoriae e que esta nunca se volveu a rehabilitar. Tampouco pode ser excluída algún tipo de participación de Santa Helena nos acontecementos, pero esta demostrada a de Constantino. Pouco despois destes acontecementos, Santa Helena fai unha peregrinación a Terra Santa. Quíxose ver nesta peregrinación un acto de expiación dos seus pecados o dos de seu fillo. Durante a peregrinación ela impresionou a Eusebio de Cesarea pola súa piedade, caridade e humildade. Participa dalgún xeito na construción da Igrexa da Natividade en Belén, a Igrexa de Santa Helena no Monte das Oliveiras e sobre todo na do Santo Sepulcro. Unha tradición fai de Santa Helena a que atopou ou inventou a Vera Cruz, onde foi crucificado Xesús Cristo.

A Nova Roma

Durante a primeira tetrarquía Tréveris, Milán, Tesalónica e Nicomedia serviran como residencias imperiais, e a importancia de Roma fora reducida considerablemente. Constantino non quere ir máis lonxe e busca unha nova sede imperial, refundando unha antiga cidade grega, Bizancio, á que chama Nova Roma. Esta cidade pasará á historia co nome do seu fundador, Constantinopla o cidade de Constantino. Hoxe en día coñecida como Istambul.

Fai dela a capital do Imperio, e a súa elección terá grandes consecuencias. Pero non é unha elección ó azar, senón pola súa situación xeográfica, xa que esta rente dos Balcáns e poder chegar rapidamente ás fronteiras do Imperio. Ademais controlaba o paso do Bósforo e estaba moi ben situada para o seu desenvolvemento económico, xa que era o cruzamento de tódolos camiños e do comercio europeo e asiático cara os dous continentes.

O 8 de novembro do 324, só dous meses despois da súa vitoria sobre Licinio en Crisópole, Constantino fixa os límites da cidade, cuadriplicando o seu territorio. No 328, as murallas da cidade xa están listas e o 11 de maio do 330 recibe o nome de Nova Roma. A cidade, tanto nas institucións como no físico parécese á antiga Roma. Tamén esta construída sobre sete outeiros, ten o senado e os seus habitantes reciben subvencións de gran. Constantino completa e alarga o hipódromo da cidade, deica a columna das serpes de Delfos. O Pazo Imperial ten acceso directo á cadra e palco imperial do hipódromo. Un monumento bastante controvertido é a columna de Constantino, en pleno foro de Constantino, que está feita de fósforo, de 25 m de altura e coroada por unha estatua de Helios, aínda que se di que é o propio Constantino.

Constantino inicia a construción das dúas máis grandes igrexas de Constantinopla, a de Santa Sofia e de Santa Irene. A terceira delas, a Igrexa dos Santos Apóstolos, tamén pode serlle atribuída. Só Roma pode comparárselle en monumentos, pero esencialmente pagáns, e a Nova Roma nace como unha cidade cristiá.

O Goberno de Constantino

A ideoloxía de Constantino era o seu exacerbado conservadorismo. O seu apoio ó cristianismo non leva a unha reordenación da sociedade nin a trocar o sistema legal. Refractario ós cambios, mantén e completa o sistema de cambios feito por Diocleciano, especialmente na administración provincial e na organización do exercito.

Un dos máis notables cambios refírese ós prefectos pretorianos, que se constituíran en auténticos ministros asesores dos augustus ou césares, pero que el elimina e disolve, creando as Schola Palatinae, unhas unidades de elite da cabalaría composta na súa meirande parte por xinetes de orixe xermánica. Ademais, os mandos do exercito nas fronteiras deixan de ter o poder que mantiveran ata entón, xa que o exercito pasa a ser unha gran reserva central con gran mobilidade para se achegar ós puntos onde xurdira o conflito, en detrimento dos exércitos establecidos nas fronteiras e raias do Imperio, o que daba pé a un gran poder para os gobernadores e militares que estaban ó seu mando. Esta reforma limita o poder dos Gobernadores ó ámbito civil. Esta reforma comezada por Diocleciano e rematada por Constantino, mantense practicamente inalterada ata o fin do Imperio.

Na súa reforma económica, impón unha nova moeda, o solidus de ouro, que se manterá durante centurias como moeda oficial. Outras moedas introducidas no tempo de Constantino foron: o semissis, que tiña o valor de medio solidus, ou o scripulum, que valía uns 3/8 de solidus. Tamén se variaron as moedas de prata, xa que aparecen o miliarense e a scripula. Nas acuñacions de moeda pode seguirse a evolución de Constantino, xa nun primeiro intre, no reverso estaba o deus Marte, e máis tarde foi Apolo o elixido. Pero, a partir do 312, este reverso cambia e o crismón aparece sobre a coiraza de Constantino.

Campañas militares

Dende a súa vitoria sobre Maxencio no 312 na Ponte Milvio, Constantino non fixo máis que afianzar o seu poder sobre o Imperio Occidental. O Edicto de Milán no 313 con Licinio era unha consecuencia política, pero Licinio non a aplicou no Imperio Oriental, a e súa loita e guerra civil no 324 pode ollarse como unha loita relixiosa. A súa vitoria fíxoo emperador dun Imperio unido de novo, pero non remataron aí os seus problemas militares, ós que lle tivo que facer fronte.

Xa entre os anos 306 e 308, formando parte da tetrarquía, tivo que loitar contra dos francos e alamáns, para repetir esta guerra contra os francos no 314-315. Na fronteira xermana tamén ten que rexeitar os visigodos no 332. Contra os sármatas no 334, para volver no 336 a loitar na fronteira danubiana.

O problema da sucesión

Unha das cousas que Constantino non deixou ben arranxado foi o problema da súa sucesión. Xa nomeara césares os seus fillos Constantino II no 317, Constancio II no 324 e Constante no 333. Pero nos seus dous derradeiros anos sumara un cuarto césar, Flavio Dalmacio, que era o seu sobriño. A idea de Constantino era a dun só gobernante e os outros césares tiñan tarefas administrativas e controladoras, pero a historia demostrou que a súa sucesión foi sanguenta e moi afastada da súa intención de manter o Imperio unido e forte.

Anos finais. Morte e enterro

Entre os anos 325 e 337 Constantino continúa a ser un forte apoio para a Igrexa, con doazóns de cartos e lexislación específica. A prohibición de sacrificios pagáns así como que os templos non se poidan arranxar, amén das confiscacións dos tesouros destes templos, que pasan ao tesouro imperial. Funda numerosas igrexas pero son coñecidas as do Santo Sepulcro en Xerusalén ou o Octógono Dourado en Antioquía.

Pouco despois da Pascua do 337, Constantino empeza a se sentir enfermo. Viaxa cara a Drepanum, para rezar diante da tumba do mártir favorito da súa nai, Luciano. De volta deste viaxe, chega a Nicomedia, onde se fai bautizar, ó parecer polo bispo ariano Eusebio de Nicomedia.

Constantino falece poucos días despois, o día de Pentecoste, o 22 de maio do 337, vestindo as roupas brancas dos cristiáns neófitos en Nicomedia. O seu corpo foi embalsamado en Constantinopla e exposto no Pazo Imperial . O seu cadaleito instálase na Igrexa dos Santos Apóstolos, debaixo das súas esculturas.

Os seus fillos toman posesión o 9 de setembro, pero non así os seus sobriños, que xa foran asasinados. As loitas polo poder empezan dende entón, así como comezan a aflorar as tensións entre os pagáns, cristiáns e arianos dentro da corte.

Legado

O Emperador Constantino foi chamado como o máis importante emperador da Antigüidade tardía. A súa personalidade puxo os fundamentos da civilización posclásica europea. O seu reinado foi axitado e cheo de acontecementos dramáticos. A súa vitoria na Ponte Milvio veuse frecuentemente como un dos intres máis decisivos na historia mundial. O seu apoio ó Cristianismo e a fundación dunha "Nova Roma" en Bizancio fixo desa decisión unha das máis importantes polas súas consecuencias na historia posterior de Europa. O certo é que o feito de que os dez emperadores seguintes levaran o seu nome dá unha idea da importancia e estima acadada por Constantino e a súa obra.

As súas leis protexendo o cristianismo, a lexislación sobre os escravos e presos para a súa protección, aínda que moi febles, puxo en camiño unha maior sensibilidade para eles, a pena de morte para os abusos dos recadadores de impostos e o descanso dominical nos labores diarios, son algunhas das leis que quedaron para a posteridade.

A Igrexa ortodoxa fíxoo santo, celebrándose o seu día o 21 de maio, data do seu pasamento, en conxunto coa súa nai, Santa Helena, sendo o día 3 de setembro cando se celebra o seu propio día santo San Constantino I.

Doazón de Constantino

Artigo principal: Doazón de Constantino.

Nos ritos católicos non foi considerado apropiado que Constantino só fose bautizado pouco antes da súa morte por un bispo ortodoxo, xa que ía en contra da autoridade papal. Por isto, apareceu, a comezos do século IV, unha lenda que dicía que o papa Silvestre I (314–335) curara ao emperador da lepra. Segundo esta, Constantino fora bautizado moito tempo antes da súa morte e comezara a constituír unha igrexa no Palacio de Letrán.[2] No século VIII, probablemente durante o pontificado de Estevo III (752–757), apareceu por primeira vez un documento chamado Doazón de Constantino, nel o emperador recoñecía ao papa como soberano e doáballe "a cidade de Roma e todas as provincia, distritos e cidades de Italia, así como o resto do Imperio Romano de Occidente a Silvestre e os seus sucesores."[3] Na Alta Idade Media, este documento foi aceptado e utilizado como base do poder temporal papal, a pesar de que o emperador Otón III o denuncio como falso.[4][5] Finalmente, isto confirmouse no século XV, cando o filósofo italiano Lorenzo Valla probou que se trataba dunha falsificación.[6]

Notas

  1. A data de nacemento varía pero a maior parte dos historiadores modernos usan circa 272. Lenski, «Reign of Constantine» (CC), 59.
  2. Lieu, "Constantine in Legendary Literature" (CC), 298–301.
  3. Constitutum Constantini 17, qtd. in Lieu, "Constantine in Legendary Literature" (CC), 301–3.
  4. Henry Charles Lea, "The 'Donation of Constantine'". The English Historical Review 10: 37 (1895), 86–7.
  5. Inferno 19.115; Paradisio 20.55; cf. De Monarchia 3.10.
  6. Fubini, 79–86; Lenski, "Introduction" (CC), 6.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Alföldi, Andrew. The Conversion of Constantine and Pagan Rome. Tradución de Harold Mattingly. Oxford: Clarendon Press, 1948.
  • Anderson, Perry. Passages from Antiquity to Feudalism. London: Verso, 1981 [1974]. ISBN 0-86091-709-6
  • Arjava, Antii. Women and Law in Late Antiquity. Oxford: Oxford University Press, 1996. ISBN 0-19-815233-7
  • Armstrong, Gregory T. "Church and State Relations: The Changes Wrought by Constantine." Journal of Bible and Religion 32 (1964): 1–7.
  • Armstrong, Gregory T. "Constantine's Churches: Symbol and Structure." The Journal of the Society of Architectural Historians 33 (1974): 5–16.
  • Barnes, Timothy D. "Lactantius and Constantine." The Journal of Roman Studies 63 (1973): 29–46.
  • Barnes, Timothy D. Constantine and Eusebius. Cambridge, MA: Harvard University Press, 1981. ISBN 978-0-674-16531-1
  • Barnes, Timothy D. The New Empire of Diocletian and Constantine. Cambridge, MA: Harvard University Press, 1982. ISBN 0-7837-2221-4
  • Barnes, Timothy D. "Constantine and the Christians of Persia." The Journal of Roman Studies 75 (1985): 126–136.
  • Bowman, Alan K. "Diocletian and the First Tetrarchy." In The Cambridge Ancient History, Volume XII: The Crisis of Empire, edited by Alan Bowman, Averil Cameron, and Peter Garnsey, 67–89. Cambridge University Press, 2005. ISBN 0-521-30199-8
  • Cameron, Averil. "The Reign of Constantine, A.D. 306–337." In The Cambridge Ancient History, Volume XII: The Crisis of Empire, edited by Alan Bowman, Averil Cameron, and Peter Garnsey, 90–109. Cambridge University Press, 2005. ISBN 0-521-30199-8
  • Cameron, Averil and Stuart G. Hall. Life of Constantine. Oxford: Clarendon Press, 1999. Hardcover ISBN 0-19-814917-4 Paperback ISBN 0-19-814924-7
  • Curran, John. Pagan City and Christian Capital. Oxford: Clarendon Press, 2000. Hardcover ISBN 0-19-815278-7 Paperback ISBN 0-19-925420-6
  • Dagron, Gilbert. Naissance d'une Capitale: Constantinople et ses instititutions de 330 a 451. Paris: Presses Universitaires de France, 1984. ISBN 2-13-038902-3
  • Digeser, Elizabeth DePalma. The Making of A Christian Empire: Lactantius and Rome. London: Cornell University Press, 2000. ISBN 0-8014-3594-3
  • Baynes, Norman H. (1930). Constantine the Great and the Christian Church. Londres: Milford.
  • Burckhardt, Jacob (1949). The Age of Constantine the Great. London: Routledge.
  • Cameron, Averil (1993). The later Roman empire : AD 284–430. Londres: Fontana Press. ISBN 0-00-686172-5.
  • Eadie, John W., ed. (1971). The conversion of Constantine. Nova York: Holt, Rinehart and Winston. ISBN 0-03-083645-X.
  • Pelikán, Jaroslav (1987). The excellent empire : the fall of Rome and the triumph of the church. San Francisco: Harper & Row. ISBN 0-06-254636-8.

Ligazóns externas

Imperio Romano

Segue a:
Maximino Daia
Constantino I o Grande
Precede a:
Licinio
Constantina
22 de maio

O 22 de maio é o 142º día do ano do calendario gregoriano e o 143º nos anos bisestos. Quedan 223 días para finalizar o ano.

28 de outubro

O 28 de outubro é o 301º día do ano do calendario gregoriano (302º nos anos bisestos). Quedan 64 días para finalizar o ano.

Arco de Constantino

O Arco de Constantino (en italiano: Arco di Costantino) é un arco de triunfo que se atopa a entre o Coliseo e a cuíña do Palatino, en Roma. É un dos 3 arcos que permanece na Vía do Foro Imperial, xunto co Arco de Tito (81) e o Arco de Septimio Severo (202-203).

O arco foi ergueito polo Senado para conmemorar a vitoria de Constantino I o Grande contra Maxencio na batalla de Ponte Milvio, o 28 de outubro de 312, e para conmemorar, tamén, a outros emperadores anteriores. Foi inaugurado o 25 xullo de 315 sendo, polo tanto, o máis moderno dos arcos triunfais alzados na Roma Antiga, diferenciándose tamén por estar construído a partir dos materiais de edificios anteriores.

Constancio II

Constancio II (317 - 3 de novembro de 361) foi emperador romano desde 337 ata a súa morte.

Era o segundo fillo do anterior emperador, Constantino I o Grande e da súa segunda muller, Fausta. Naceu en Illyricum (actualmente en Hungría) e foi nomeado César. Cando o seu pai morreu, en 337, eliminou a todos os descendentes de Constancio I Cloro e de Teodora, quedando como únicos familiares homes os seus irmáns, Constantino II e Constante. Entre os tres dividíronse o Imperio, recibindo Constantino II Britania, Galia e Hispania; Constante reinou sobre Italia, África e as provincias ilíricas, quedando para Constancio Constantinopla e todo Oriente.

Esta repartición modificouse en 340, cando Constantino II morreu tratando de derrocar a Constante en Italia, e este quedou como único soberano da parte occidental do Imperio. Outro cambio na división produciuse en 350, ano en que Constante foi morto en batalla fronte ás tropas do usurpador Magnencio. Ata entón Constancio só se preocupou de loitar contra o Imperio Persa, pero o desenvolvemento dos acontecementos fíxolle elevar ao seu primo Treboniano Galo a César e colaborador seu, para poder prestarlle máis atención á insurrección.

En 351 Constancio derrotou a Magnencio na batalla de Mursa Major, unha das máis sanguentas da historia de Roma. Magnencio suicidouse en 353, e pouco despois, ao non serlle xa útil, Constancio ordenou a morte do seu primo Galo.

Tal como estaba a situación, Constancio deuse conta de que non podía facer fronte por si so a todas as frontes abertas nas fronteiras do Imperio, tanto en Oriente como en Occidente, polo que nomeou césar a Xuliano, o único familiar seu home que quedaba con vida, e deulle á súa irmá Helena en matrimonio. Pero este nomeamento sairíalle caro, pois Xuliano alzouse en armas e foi proclamado Augusto polas súas tropas en Galia, obrigando a Constancio a facerlle fronte. Os exércitos de ambos estaban moi igualados, pero a fortuna favoreceu a Xuliano, xa que o 3 de novembro de 361 Constancio morreu preto de Tarso por mor dunhas febres, deixando ao seu inimigo vía libre para exercer de Augusto en todo o Imperio Romano.

Constancio tomou parte activa no desenvolvemento da Igrexa Cristiá, apoiando en gran parte o punto de vista ariano.

Constancio I Cloro

Marcus Flavius Valerius Constantius, nado en Salona, Espalato, na Dalmacia no 243, pasou á historia coma Constancio I Cloro, a causa da súa palidez.

Constantinopla

Constantinopla (Nome romano: Constantinopolis; Grego: Konstantinoupolis ou Κωνσταντινούπολις) é o antigo nome da cidade de Istambul, na Turquía. O nome orixinal era Bizancio (Bυζάντιον en grego).

Constantinopla foi a capital do Imperio Bizantino, tamén coñecido como Imperio Romano de Oriente. Foi capturada e saqueada pola Cuarta Cruzada en 1204 e despois recapturada polas forzas de Nicea, baixo as ordes de Miguel VIII Paleólogo en 1261.

"Constantinopla" é unha adaptación de Konstantinoupolis, que significa "Cidade de Constantino". O nome é unha referencia ao emperador romano Constantino I o Grande que converteu esta cidade na capital do imperio romano, o 11 de maio de 330. Constantino chamouna "Nova Roma", pero o nome non prosperou. Posteriormente Constantinopla quedou como capital do Imperio Romano de Oriente e, tras a caída do Imperio Romano de Occidente, como capital do Imperio Bizantino.

Constantinopla e o Imperio Bizantino caeron finalmente ante o Imperio Otomán a 29 de maio de 1453. Nos tempos otománs, ambos os nomes Constantinopla e Istambul foron usados, a pesar dos occidentais invariabelmente usaron o nome Constantinopla. Istambul só se tornou o nome oficial en 1930. Cando a República da Turquía foi fundada en 1923, a capital moveuse de Istambul a Ancara.

En tempos bizantinos, os gregos chamaban Constantinopla "i Poli" (a cidade), unha vez que era o centro do mundo grego e durante a maioría do período bizantino a maior cidade da Europa.

O nome Istambul é unha tradución ao turco de "Constantinopla". A crenza de que vén da frase grega "is tin Poli" (cara a cidade) é apenas unha lenda folclórica.

Crispo

Caio Flavio Xulio Crispo, nado no 305 e finado no 326), foi un príncipe romano, fillo primoxénito de Constantino I o Grande e da súa primeira dona, Minerva.

Década de 310

A década de 310 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 310 e remata o 31 de decembro de 319.

Década de 320

A década de 320 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 320 e remata o 31 de decembro de 329.

Década de 330

A década de 330 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 330 e remata o 31 de decembro de 339.

Maxencio

Marcus Aurelius Valerius Maxentius (c. 278 — 28 de outubro de 312) foi un emperador romano.

Maxencio era fillo do emperador Maximiano e a súa esposa siria Eutropia. Cando no 305 o seu pai e mais Diocleciano abdicaron do trono imperial, os dous césares nomeados foron os que se acolleron a púrpura imperial. Todo o mundo consideraba que os novos nomeamentos de césares tiñan que recaer en Maxencio ou Constantino I o Grande, pero Galerio, emperador de oriente e deica esa intre césar oriental, considerou que ocupaba o mesmo lugar que Diocleciano, polo que nomeou el mesmo os dous césares novos, que recaeron en Flavio Severo para occidente e Maximino Daia para oriente.

Panfilia

Panfilia foi unha rexión da costa suroeste de Asia Menor, ao leste de Licia. Limitaba con Licia (ao oeste), Pisidia (ao norte), Cilicia (ao leste) e o mar Mediterráneo (ao sur). A zona da costa formaba un golfo coñecido como Pamphylius Sinus ou Pamphylium Mare. Tiña unha costa extensa pero cara ao interior non se prolongaba demasiado, pero os romanos ás veces consideraron a Panfilia incluíndo Psidia.

Panfilia non foi provincia romana ata a división de Constantino I o Grande no século IV, e antes formou parte da provincia chamada Licia e Panfilia con fronteira entre ambas rexións nos montes Clímax e fronteira con Cilicia no río Melas, pero os límites non eran moi estritos xa que Olbia e Perge, ao leste dos montes Clímax, serían consideradas a miúdo como parte de Licia e, en cambio, Perge, alén do río Melas, sempre foi considerada cidade de Panfilia.

O país era en xeral montañoso polas estibacións das montes do Tauro que se achegaban ata a mesma costa. O promontorio principal da costa era o Leucotheum ou Leucolla.

Os ríos principais eran o Catarrhactes, o Cestrus, o Eurímedón e o Melas, todos navegábeis. Había un lago, chamado Capria, entre o Cestro e o Eurímedón.

A súa lingua presentaba influencias gregas. As súas moedas tamén mostran unha forte influencia artística grega. Os seus deuses eran os deuses gregos, especialmente Zeus, Artemisa e Dioniso.

As principais cidades serían Lirnas ou Lirnessos, Ténedos, Olbia, Córico, Aspendo, Perge, Silion, Side, Cibira e Ptolemais.

Segundo Plinio o Vello o país chamouse antes Mopsopsia, de Mopso, o xefe dun grupo de gregos que se estableceron alí despois da guerra de Troia.

Sometido o país por Persia, os panfilios serían un pobo pouco importante que só achegou 30 barcos á guerra contra Atenas ao comezo do século -V. (os licios achegaron 50 e os cilicios 100). Sometidos facilmente a Alexandre o Grande, á súa morte quedaron no poder de Antígono e, despois do -301 dos seléucidas. Despois da paz de Apamea pasou a Roma (-188) e a rexión foi incorporada ao reino de Pérgamo co que pasou a Roma o -133, formando parte da provincia de Asia. Os panfilios participaron a miúdo nas piraterías dos seus veciños cilicios e os seus portos serían unha especie de refuxio de seguridade para os cilicios. Cando se creou a provincia de Cilicia foi incluída nela, pero retornou a Asia o -43; o -31 foi incorporada a Galacia e o ano 70 creouse unha provincia que se chamou Licia e Panfilia, da que formou parte. Baixo Constantino I o Grande, antes do 325, a provincia dividiuse nas de Licia e de Panfilia.

As colonias gregas de Aspendo e Side ficaron como estados independentes en alianza con Persia, e despois con Macedonia e cos seléucidas, e serían cidades libres baixo os romanos ata o tempo de Vespasiano.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.