Conservadorismo

O conservadorismo[1] é unha filosofía política e social que defende o mantemento das institucións sociais tradicionais no contexto da cultura e da civilización. Segundo algunhas definicións, os conservadores procuraron varias veces preservar as institucións, incluíndo a relixión, a monarquía, o goberno parlamentar,[2] os dereitos de propiedade e a xerarquía social, enfatizando a estabilidade e a continuidade, mentres que os elementos máis extremos chamados reaccionarios opóñense ó modernismo e buscan unha volta á "maneira como eran as cousas".[3][2]

O primeiro uso estabelecido do termo nun contexto político orixinouse con François-René de Chateaubriand en 1818, durante o período de restauración borbónica que procurou reverter as políticas da Revolución Francesa. O termo, historicamente asociado coa política de dereita, dende entón foi usado para describir unha ampla gama de puntos de vista.[4]

Non hai un único conxunto de políticas que sexan universalmente consideradas como conservadoras, porque o significado de conservadorismo depende do que é considerado tradicional nun determinado lugar e tempo. Deste xeito, conservadores de diferentes partes do mundo, cada un mantendo as súas respectivas tradicións, poden discordar nunha ampla gama de cuestións. Edmund Burke, un político do século XVIII que se opuxo á Revolución Francesa, mais apoiou a Revolución Americana, é acreditado como un dos principais teóricos do conservadorismo na Gran Bretaña da década de 1790.[5] De acordo con Quintin Hogg, Presidente do Partido Conservador británico (Partido Conservador) en 1959, "o conservadorismo non é tanto unha filosofía senón unha actitude, unha forza constante, desempeñando unha función intemporal no desenvolvemento dunha sociedade libre e correspondente a unha esixencia profunda e permanente da propia natureza humana".[6] En contraste coa definición de conservadorismo baseada na tradición, teóricos políticos como Corey Robin definen o conservadorismo principalmente en termos dunha defensa xeral da desigualdade social e económica. Nesa perspectiva, o conservadorismo é menos unha tentativa de defender as institucións tradicionais e máis "unha meditación sobre, e unha interpretación teórica, da experiencia sentida de ter poder, velo ameazado e tentar recuperalo".[7][8]

Orixes

Malia que os conservadores ás veces reivindican filósofos tan antigos como Aristóteles e Cicerón como seus devanceiros, o primeiro teórico político explicitamente conservador é xeralmente considerado Edmund Burke.[2] En 1790, cando a Revolución Francesa aínda parecía prometer unha utopía sen sangue, Burke preveu na súa obra Reflections on the Revolution in France - e non por sorte, mais por unha análise do rexeitamento da tradición e dos valores herdados - que a revolución decaería no terror e na ditadura. No seu desprezo racionalista polo pasado, el acusou ós revolucionarios de estaren destruíndo as institucións testadas polo tempo sen neingunha garantía de que poderían substituílas por algo mellor.[2]

Para o conservador, as tradicións son a base de calquera actuación política e social, pois elas ofrecen ó axente algo sobre o cal a sociedade pode operar, criticar e, consecuentemente, mudar. Sendo así, é preciso respectar un principio seguro de conservación e un principio seguro de transmisión, sen excluír un principio de melloría.[9] Ó non crer na "bondade natural do home",[10] os conservadores consideran que son as restriccións introducidas polos hábitos e tradicións que permiten o funcionamento das sociedades,[11][12] polo que calquera réxime duradeiro e estable só poderá funcionar se se asenta nas tradicións.

Polo tanto, de acordo coa visión conservadora, non ten sentido elaborar proxectos universais de sociedade ideal - non só tal sociedade será inalcanzable (debido á suposta imperfección intrínseca da natureza humana), como, debido a diferentes pobos teren diferentes historias e tradicións, o modelo social máis axeitado a un pobo non será o máis apropiado a outro[13] - criticando os revolucionarios franceses, Joseph de Maistre escribiu:

"A Constitución de 1795 (...) foi feita para o home. Ora, non existe home no mundo. Teño visto na miña vida franceses, italianos, rusos, etc., mais en canto ó homem declaro nunca o ter encontrado na miña vida"[14][15]

Ou Metternich acerca da revolucióno napolitana:

"Un pobo que non sabe ler nin escribir, cuxa última palabra é o puñal - belo material para principios constitucionais!... A constitución inglesa é a obra de séculos... Non hai unha receita universal para constitucións."[16]).

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para conservadorismo.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Britannica.com (ed.). "Conservatism (political philosophy)". Consultado o 1 de novembro de 2009.
  3. Iain McLean and Alistair McMillan, "Conservatism", Concise Oxford Dictionary of Politics, Third Edition, "Ás veces, (conservadorismo) foi unha oposición absoluta, baseada nun modelo de sociedade existente que é considerado certo para todos os tempos. Pode asumir unha forma "reaccionaria", ó reencontrar e tentar reconstruír formas de sociedade que existiron nun período anterior.", Oxford University Press, 2009, ISBN 978-0-19-920516-5
  4. Jerry Z. Muller (1997). Conservatism: An Anthology of Social and Political Thought from David Hume to the Present (en inglés). Princeton U.P. p. 26. ISBN 0691037116. Os termos relacionados co "conservador" encontraron primeiro o seu camiño no discurso político no título do semanario francés, "Le Conservateur", fundado en 1818 por François-René de Chateaubriand coa axuda de Louis de Bonald.
  5. Frank O'Gorman (2003). Edmund Burke: His Political Philosophy. Routledge. p. 171. ISBN 9780415326841.
  6. Quintin Hogg Baron Hailsham of St. Marylebone (1959). The Conservative Case. Penguin Books.
  7. Rooksby, Ed (15 de xullo de 2012). "What does conservatism stand for?". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077.
  8. Robin, Corey (8 de xaneiro de 2012). "The Conservative Mind". The Chronicle of Higher Education.
  9. Coutinho, João Pereira (2014). As ideias conservadora. Três Estrelas. p. 72. ISBN 9788565339254. Consultado o 14 de febreiro de 2017.
  10. Jaime Nogueira Pinto (1983). "Direita". En Editorial Verbo. POLIS - Enciclopédia Verbo da Sociedade e do Estado 2. pp. 278–290.
  11. Touchard, vol. III, capítulo XI - Secção I - O repúdio dos princípios da Revolução, p. 44
  12. Nisbet 1987, capítulo "Poder e Autoridade"
  13. Jaime Nogueira Pinto (1983). "Conservadorismo". POLIS - Enciclopédia Verbo da Sociedade e do Estado 1. Editorial Verbo. pp. 1142–1150.
  14. De Maistre, Joseph. Considérations sur la France.
  15. Touchard, vol. III, capítulo XII - Secção II - Tradicionalismo e tradições, p. 107
  16. Campbell 2010, p. 104

Véxase tamén

Bibliografía

  • Campbell, Heather M., ed. (2010). "2: Conservatism". The Britanica Guide to Political and Social Movements That Changed the Modern World. Turning Points in History (en inglés). Britannica Educational Publishing. ISBN 9781615300167.
  • Dagger, Richard; Ball, Terence; Minogue, Kenneth; Viereck, Peter. "Conservatism". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 19 de outubro de 2017.
  • Kirk, Russel (2001). The Conservative Mind from Burke to Eliot (en inglés) (7 ed.). Regnery Publishing. ISBN 0-89526-171-5.
  • Nisbet, Robert (1987). O Conservadorismo (PDF). Editorial Estampa. ISBN 9789723301526.
  • Touchard, Jean. História das Ideias Políticas da Revolução Americana ao marxismo III. Publicações Europa América.
  • Touchard, Jean. História das Ideias Políticas do Liberalismo aos Nossos Dias IV. Publicações Europa América.
Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre política é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Activismo

O activismo e a actividade a favor dunha doutrina ou organización que implique un cambio social ou político.

O termo apareceu pola primeira vez na prensa belga en 1916 para facer referencia ó movemento nacionalista flamengo.

O activismo pode consistir en realizar múltiples tarefas como escribir cartas ós xornais, poñer mensaxes en foros de internet, participar en campañas políticas, boicots, manifestacións ou folgas e mesmo nalgúns casos tode asumir tácticas de guerrilla, o que pode levar a que sexa considerado terrorista por uns e liberador por outros.

En especial, o activismo de carácter relixioso, feminista ou ecoloxista pode tratar de convencer á xente para cambiar os seus hábitos no canto de dirixirse ós gobernos.

Anarquía

A anarquía é unha doutrina política que se opón a calquera clase de xerarquía ou poder político que goberne á sociedade, tanto como se se consolidou de forma democrática ou se se estableceu de forma ditatorial.

Os anarquistas cren que o maior logro da humanidade é a liberdade do individuo para poder expresarse e actuar sen que llo impida ningunha forma de poder, sexa terreal ou sobrenatural, polo que o seu principal principio é o de abolir calquera tipo de goberno e loitar contra todo tipo de relixións ou seitas xa que isto representa un desprezo pola autonomía dos homes (e mulleres) e a escravitude económica.

Anticomunismo

O Anticomunismo é a oposición ao comunismo. Historicamente, a palabra comunismo foi empregada para referirse a varios tipos de organización social e os seus partidarios, mais, dende mediados do século XIX, a corrente dominante do comunismo no mundo foi o marxismo. O comunismo marxista conseguiu moitos máis seguidores e opoñentes que todas as demais formas de comunismo xuntas. Así mesmo, o termo anticomunismo emprégase principalmente para referirse á oposición activa ao comunismo marxista.

O marxismo, e a forma de comunismo asociado a el, acadou a súa notoriedade no século XX. O anticomunismo organizado desenvolveuse como reacción á crecente popularidade do movemento comunista, e adoptou moitas formas ao longo do século XX. Os monárquicos conservadores europeos loitaron contra a primeira onda de revolucións comunistas dende 1917 a 1922. O fascismo e o nazismo baseáronse nunha forma violenta de anticomunismo; incitaban o medo á revolución comunista para obter poder político, e tentaron destruír o comunismo na segunda guerra mundial. Os nacionalistas loitaron contra os comunistas en numerosas guerras civís por todo o mundo. Tanto o conservadorismo como o liberalismo clásico conformasen gran parte das políticas exteriores anticomunistas das potencias occidentais, e dominaron o pensamento intelectual anticomunista na segunda metade do século XX.

Trala Revolución de Outubro en Rusia, o comunismo marxista quedou principalmente vencellado á Unión Soviética na imaxinación pública (aínda que había moitos marxistas e comunistas que non apoiaban á Unión Soviética e as súas políticas). Como resultado, o anticomunismo e a oposición á Unión Soviética fixéronse practicamente indistinguibles, especialmente en política exterior. O anticomunismo foi un elemento importante na política exterior das Potencias do Eixo durante os anos 30 (Pacto Antikomintern) e dos Estados Unidos, o Reino Unido, o Xapón, Corea do Sur, Australia, o Canadá, Israel, e outros países capitalistas durante a guerra fría.

Dereita política

A dereita política é un concepto que se refire ao segmento do espectro político asociado a posicións conservadoras, relixiosas ou ben simplemente opostas á esquerda política. Engloba xa que logo a correntes ideolóxicas moi diversas cuxa separación pode ser tallante, dependendo de que consideren prioritaria a defensa da liberdade individual (liberalismo), a defensa da patria (nacionalismo, patriotismo) ou de que ante todo busquen o mantemento da orde social establecido (tradicionalismo, conservadorismo). En oposición á esquerda política, o sector máis liberal salienta o libre mercado por encima do intervencionismo das administracións públicas e busca potenciar valores e dereitos individuais, fronte a posicións colectivistas ou estatistas, mentres que o sector máis conservador é partidario do encadramento colectivo en estruturas ríxidamente xerarquizadas e disciplinadas.

A dereita máis moderada adóitase cualificar como centro-dereita, mentres que a dereita máis extremista cualifícase como ultradereita ou extrema dereita.

Edmund Burke

Edmund Burke, nado en Dublín o 12 de xaneiro de 1729 e finado en Beaconsfield o 9 de xullo de 1797) foi un escritor, filósofo e político irlandés, membro do partido whig, apoiou a causa dos revolucionarios americanos e opúxose á Revolución Francesa, figura central da facción conservadora dos whigs, está considerado creador dos alicerces filosóficos do conservadorismo moderno. Considerado o pai do liberal-conservadorismo británico ou old whigs (vellos liberais), en contraposición aos new whigs (novos liberais ou liberal-progresismo) que a diferenza dos primeiros apoiaban a Revolución francesa.

Hexemonía

Hexemonía é a supremacía que unha poboación, unha nación ou bloque de nacións pode ter, grazas ó seu maior potencial económico, militar ou político, e que exerce sobre outras poboacións, aínda que estas non a desexen. Por hexemonía mundial enténdese o dominio do mundo por parte dunha soa nación ou un grupo de nacións.

Fálase de hexemonía política ou de grupo hexemónico para referirse a aquel grupo as propostas do cal gozan dun nivel de aceptación preeminente entre as clases dirixentes, o tema da hexemonía política e cultural é a base do pensamento de Antonio Gramsci un dos pais do Partido Comunista de Italia (PCI).

Ideoloxía

Unha ideoloxía é o conxunto de ideas, tendentes á conservación ou transformación do sistema existente (económico, social, político...), que caracterizan a un grupo, institución, movemento cultural, social, político ou relixioso.

O termo ideoloxía foi formulado por Destutt de Tracy (Mémoire sur la faculté de penser, 1796), e orixinalmente denominaba á ciencia que estuda as ideas, o seu carácter, a orixe e as leis que as rexen, así como as relacións cos signos que as expresan. Medio século máis tarde, o concepto dótase dun contido combativo por Carlos Marx, para quen a ideoloxía é o conxunto de ideas (erróneas na súa maior parte) cuxa relación coa realidade é menos importante que o seu obxectivo, que é evitar que os oprimidos perciban o seu estado de opresión. Desde un punto de vista ou outro, o concepto adquire unha tinguidura pexorativa do que non se desprendeu.

Independencia

A independencia, termos políticos, é a situación dun país que detenta e goza, ademais do dereito de autodeterminación, o de soberanía.

La Voz de Galicia

La Voz de Galicia é un xornal galego con sede no polígono de Sabón (Arteixo), redactado maioritariamente en castelán, fundado no ano 1882 por Juan Fernández Latorre. La Voz de Galicia fíxose un oco a nivel estatal converténdose nun dos dez medios impresos con maior tiraxe de todo o estado. A empresa editora, La Voz de Galicia Sociedad Anónima, sempre estivo nas mans da mesma familia e na actualidade o accionista maioritario e único é Santiago Rey Fernández-Latorre.

Liberalismo

O liberalismo é unha corrente de pensamento filosófica e unha ideoloxía que ten a liberdade e igualdade fronte á lei como o principais valores políticos e baséase nunha fe optimista na natureza e na súa crenza da razón, ten a súa orixe na Ilustración europea e enfatiza os dereitos individuais, preconiza unha sociedade baseada na liberdade de pensamento, na limitación do poder, no goberno da lei, no libre mercado que soporte a empresa privada e nun sistema transparente de goberno no cal se protexan os dereitos de todos os cidadáns. O radicalismo é unha ideoloxía liberal progresista nalgúns países difícil de distinguir dos liberalismo clásico.

Partido Popular de Galicia

O Partido Popular de Galicia (PPdeG) é a rama galega do Partido Popular español. No ano 2015 contaba con 1753 concelleiros, e 15 deputados no Congreso dos Deputados. Ten a maioría absoluta no Parlamento de Galicia, con 41 dos 75 escanos.

Poder executivo

Seguindo o esquema de Montesquieu, o poder executivo é un dos tres poderes do Estado moderno, cuxa función é executar as leis aprobadas polo poder lexislativo.

O poder executivo é desenvolvido polo goberno do Estado. Este está sometido ao control parlamentario e ao control xudicial, nun sistema de pesos e contrapesos no que cada poder controla aos demais a través de distintos mecanismos, que se estudan na teoría da separación de poderes.

Política

Política (do latín politĭcus, e este do grego antigo πολιτικός politikós, masculino de πολιτική politikḗ, que significa «de, para o relacionado cos cidadáns») é a teoría, arte ou doutrina referente ao goberno dunha comunidade, o cal implica un proceso ou actividade de toma de decisións que se aplican a todos os membros dun grupo para a consecución duns obxectivos orientados ao ben común. A ciencia política constitúe unha rama das ciencias sociais que se ocupa da actividade dunha sociedade, composta por cidadáns libres, para resolver os problemas que lle plantea a súa convivencia colectiva

Presidencialismo

O presidencialismo é un sistema de goberno no que o líder do poder executivo é escollido polo pobo para mandatos regulares acumulando a función de xefe de Estado e xefe de goberno. Este sistema de goberno foi creado polos norte-americanos no século XVIII. A monarquía inglesa actuava como xefe de Estado sobre as trece colonias. O descontento coa actuación do monarca e as influencias de autores que se opoñían ó sistema absolutista, principalmente Locke e Montesquieu, foron determinantes para que os americanos adoptasen un sistema onde houbesen mecanismos que impedisen a concentración de poder.

Xuridicamente o presidencialismo caracterízase pola separación de poderes. O presidente é o xefe de Estado, e é el quen escolle os xefes dos grandes departamentos (ministerios). O lexislativo, o xudicial e o executivo son independentes entre si.

Progresismo

O progresismo é un posicionamento ideolóxico de aplicación xenérica que agrupan doutrinas filosóficas, éticas e políticas identificábeis dun modo amplo coa Revolución francesa de 1789 e movementos sociais nos Estados Unidos a inicios do século XIX. En termos sociais, o progresismo tende a ser identificado coa loita polas liberdades individuais e homologado ao concepto liberal. Na actualidade, o progresismo varía nas súas posturas dunha maneira notoria. Actualmente, enténdese ao progresismo en xeral como unha ideoloxía oposta ao conservadorismo.

Protectorado

Denomínase protectorado á soberanía parcial que un Estado exerce, especialmente no referido ás relacións exteriores, nun territorio que non foi incorporado plenamente ao da súa nación e no cal existen autoridades autóctonas propias.

Como exemplo, podemos citar o protectorado que no seu día exerceron España e Francia sobre Marrocos, onde a autoridade sobre a poboación nativa era exercida polo Sultán, existindo forzas militares e policiais autóctonas, pero tuteladas polos exércitos dos países protectores.

Os gobernos destes países estaban representados, no caso da zona controlada por España, polo Alto Comisario, normalmente un xeneral, e no da zona francesa polo Residente Xeral.

Provincia

Unha provincia é un tipo de división administrativa, que confire certas funcións, a nivel administrativo, ó territorio que representa. Tamén se chama provincia ao territorio limitado pola división administrativa antedita.

Este termo utilizase con características diferentes seguindo os países e as épocas históricas. Polo tanto unha provincia abarca realidades de organización territorial diversas.

Rexencia

A rexencia (do latín regentia) é un período transitorio durante o cal unha personalidade (xeralmente da familia real) exerce o poder en nome do monarca titular xa sexa porque este é demasiado novo ou vello, por ausencia do mesmo, ou pola súa incapacidade para gobernar por si mesmo.

A rexencia cesa cando desaparece a causa que a motivou. A rexencia pode ser individual ou colectiva. Xeralmente exercen a rexencia persoas achegadas á Coroa como o pai ou a nai do rei, tamén o príncipe herdeiro no suposto caso de ausencia ou incapacidade do rei.

Tradicionalismo

O tradicionalismo, na historia da filosofía, é a tendencia a sobrevalorar a tradición en canto ao conxunto de normas e costumes herdados do pasado. Trátase dunha postura conservadora fronte aos cambios, xa sexan de pequena ou gran magnitude. Cando un cambio é de gran magnitude denomínaselle revolución. Polo que os tradicionalistas son considerados contrarrevolucionarios ou reaccionarios. O tradicionalismo baséase en que a verdade é unha revelación divina. O erro, como se entende hoxe día, non é aprendizaxe, senón un castigo, polo tanto, a verdade non é asunto da razón, senón da autoridade, transmitada pola tradición.

Poderes
Formas de goberno
Réximes e sistemas
Tipos de poder
Clases de estado
Conceptos
Procesos
Divisións administrativas
Cargos
Disciplinas
Ideoloxías
Actitudes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.