Congreso

Un congreso é unha xuntanza solemne ou asemblea de persoas competentes para debater unha cuestión

Antigas institucións xudiciais

Na Idade Media e ata o comezo do século XVIII, o congreso era unha proba xudicial en xeral demandada pola esposa e ordenada en xustiza, que debía sufrir o seu marido para probar a súa impotencia sexual de cara a unha anulación do matrimonio ou dun divorcio. Reuníanse os esposos nunha cama en presenza de xuíces, oficiais, avogados e médicos expertos e correspondíalle a esta audiencia o ser testemuña da imposibilidade. Este procedemento foi progresivamente abandonado como non fiable debido á impresión causada pola solemnidade, manifestándose nalgúns casos os maridos como fecundos despois de volver casar.

Historia diplomática

Chámaselles tamén congresos ás xuntanzas diplomáticas de monarcas ou plenipotenciarios, e nas que se ocupa de conciliar as diferenzas xurdidas entre nacións, ou para previr rupturas.

Política

O congreso é unha institución política característica de réximes parlamentarios. No dereito constitucional, adoita ser o nome aplicado ó conxunto de cámaras dun parlamento, como sucede en Francia ou nos Estados unidos. Nos sistemas bicamerais como o español, pode aplicarse só á cámara na que se reúnen os representantes elixidos mediante sufraxio directo, con funcións lexislativas e coexistencia co senado.

Ciencia

Un congreso científico permite ós investigadores e enxeñeiros reunirse e expoñer os seus traballos. Con frecuencia é usado por empresas para darse a coñecer cos seus novos produtos no campo da bioloxía, química, farmacia...

Eventos profesionais

Un congreso profesional xunta profesionais dunha área concreta (economía, ciencias sociais, industria, tecnoloxía...). Os Estados Unidos son o pais que organiza máis congresos e convencións, por diante de Alemaña, España, Reino Unido, Francia e Italia.[1]

Outros

Reciben tamén o nome de congreso outro tipo de xuntanzas, como en xadrez, os 'Congresos da Federación internacional de Xadrez'[2][3] e en relixión, os 'Congresos eucarísticos'.[4]

Notas

  1. Paris, plus que jamais capitale des congrès La Tribune.fr, le 31 mai 2012
  2. Le Lionnais, François; Maget, Ernst (1967). Dictionnaire des échecs. Presses universitaires de France. p. 86-87.
  3. Hooper, David; Whyld, Kenneth (1992). The Oxford Companion to Chess. Oxford University Press. p. 89. ISBN 0-19-866164-9.
  4. Gregorio, Antonio; Suárez, Gilberto; Rodríguez, José Mª (2006). Ribadeo no tempo, a través das imaxes. O Tesón. p. 17. ISBN 84-6110861-2.

Véxase tamén

Outros artigos

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre política é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
24 de abril

O 24 de abril é o 114º día do ano do calendario gregoriano e o 115º nos anos bisestos. Quedan 251 días para finalizar o ano.

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) constituiuse a partir dunha xuntanza celebrada o 3 de maio de 1980 en Santiago de Compostela por un grupo de escritores, entre os que se contaban Alfredo Conde, Paco Martín, Xosé Manuel Martínez Oca, Xosé Luís Méndez Ferrín, Alfonso Pexegueiro, Manuel Rivas, Uxío Novoneyra, Xavier Rodríguez Barrio, Bernardino Graña e Xoán Ignacio Taibo que acordan formar unha asociación que defendese os intereses da práctica escrita en galego seguindo o facho da Asociación de Escritores de Galicia que non puido desenvolver o seu labor polo estoupido da Guerra Civil española pouco despois da súa constitución.

A AELG celebrou o I Congreso de Escritores Galegos en 1981 e participa na organización dos encontros Galeusca con escritores cataláns e vascos. Durante anos estivo enfrontada á Real Academia Galega por considerala unha institución inmobilista que non traballaba a prol da cultura galega. A revista Escrita Contemporánea é o seu voceiro oficial. Está recoñecida pola Academia Sueca para presentar candidatos oficiais ao Premio Nobel de Literatura e forma parte do Congreso de Escritores Europeos.

Ten a súa sede no Edificio de Sindicatos da cidade da Coruña. A 1 de xaneiro de 2019 a asociación contaba con 459 socios, nese ano convocou un Parlamento de Escritoras.

Bloque Nacionalista Galego

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Considérase como unha organización de esquerda (influenciada pola socialdemocracia e o marxismo) e nacionalista, e dende o punto de vista organizativo, defínese como unha fronte de partidos. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza e 7 deputados no Parlamento de Galicia. Tamén chegou a ter un eurodeputado no Parlamento Europeo (Camilo Nogueira), e actualmente conta cun posto na Eurocámara rotatorio entre os seus socios (a representante do BNG é Ana Miranda).

A Voceira Nacional é Ana Pontón, quen desde febreiro de 2016 substitúe a Xavier Vence.

O BNG conta cunha organización xuvenil dende 1988, Galiza Nova, cuxa militancia ten un carácter moito máis independentista que o propio partido.

Capital

Unha capital é unha cidade que desempeña un papel relevante na condución da política dun país. Na maioría dos casos a capital é a cidade onde está a sede do goberno, habendo no entanto excepcións. Algúns dos factores que determinan que unha cidade sexa considerada capital inclúen:

A cidade é sede do goberno ou da residencia do xefe de Estado.

A cidade é a sede do poder xudicial.

A cidade é sede do parlamento.

Nunha monarquía é frecuente que a capital sexa o lugar onde o monarca ten a corte, sendo normal que acuda con relativa frecuencia.

A cidade é un importante centro de actividade para o país.

Existencia de leis que determinen a localización da capital.Un país (ou entidade política equivalente) pode ter máis que unha capital oficial ao mesmo tempo. Pode ser ou non a sede do goberno e pode mesmo mudarse periodicamente.

En Suráfrica, por exemplo, a capital administrativa é Pretoria, a capital lexislativa é a Cidade do Cabo e a capital xudicial é Bloemfontein. Esta é unha herdanza deixada polo compromiso acordado entre a maioría das diferentes provincias cando foi creada a Unión de Suráfrica en 1910. Fronte a isto, unha forte cidade economicamente é Xohanesburgo, e turisticamente Durban xunto a Cidade do Cabo.

En Chile, o congreso nacional mudouse para a cidade de Valparaíso, manténdose no entanto Santiago do Chile como capital. Nos Países Baixos, o goberno, xefe de Estado e supremo tribunal están situados na A Haia, mais a constitución determina que a capital oficial sexa Ámsterdan. Outro país con capitalidade múltiple é o Canadá, con Otava e Montreal.

Outras cidades poden ser consideradas capitais económicas ou culturais, pola súa enorme forza fronte á capital política, pero non ter recoñecemento oficial: é o caso do Río de Xaneiro ou São Paulo fronte a Brasilia ou Barcelona fronte a Madrid.

Congreso dos Deputados de España

O Congreso dos Deputados é a cámara baixa das Cortes Xerais, o órgano constitucional que representa ao pobo español. Reúnese para sesións no Palacio das Cortes, situado na praza das Cortes de Madrid.

A Constitución de 1978 establece un Parlamento bicameral. As Cortes Xerais están formadas polo Congreso dos Deputados e o Senado. Ámbalas dúas Cámaras representan o pobo español. As Cortes Xerais:

exercen a potestade lexislativa do Estado.

aproban os seus orzamentos.

controlan a acción do Goberno.

e teñen as demais competencias que lles atribúe a Constitución.No entanto, este bicameralismo non supón unha equiparación completa entre Congreso e Senado. A Constitución resérvalle ó Congreso unha serie de funcións e facultades que revelan a súa primacía. Deste xeito, o Congreso autoriza a formación do goberno, pode provoca-lo seu cesamento, coñece en primeiro lugar a tramitación dos proxectos lexislativos e dos orzamentos e debe confirmar ou rexeitar as emendas ou vetos que pode aprobar o Senado sobor destes textos lexislativos.

Deputado

Deputado, integrante dun Parlamento ou dunha Cámara dos Deputados. Nos sistemas bicamerais xeralmente integran a cámara baixa, mentres que a cámara alta está integrada polos senadores. Representan a soberanía popular.

Teñen a responsabilidade de ser os representantes do pobo e nos sistemas democráticos son elixidos polo voto libre e segredo dos cidadáns.

No Reino Unido e noutros países que seguen o seu sistema parlamentario os deputados coñécense como Membros do Parlamento (Member of Parliament en inglés, frecuentemente abreviado en MP)

Library of Congress Control Number

O Library of Congress Control Number (LCCN) é un sistema baseado en números de serie para numerar os rexistros de catálogo da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos. Este sistema de numeración están en uso dende 1898. Non ten relación algunha cos contidos dos libros e non debe confundirse coa Library of Congress Classification (LCC).

Parlamento

O Parlamento é a asemblea dos representantes electos polos cidadáns nos réximes democráticos. É o órgano constitucional dun Estado que ten atribuída a misión principal de expresar a vontade deste, elaborando e aprobando normas xurídicas de carácter xeral e intervindo na integración e funcionamento doutras Institucións do Estado.

Nalgúns países, o parlamento está formado por dúas asembleas separadas, por veces chamadas Cámaras do Parlamento, que poden resultar de eleccións ou nomeacións separadas e poden ter poderes diferenciados e varias designacións de acordo coa Constitución de cada país:

A Cámara Alta, Cámara Superior ou Senado. No Reino Unido, é oficialmente chamada Cámara dos Lores.

A Cámara Baixa, Cámara Inferior, Cámara dos Comúns ou Cámara Federal.En moitos países, o parlamento é denominado Congreso (por exemplo, nos Estados Unidos de América) e noutros "Asemblea Nacional" (ou "Asemblea do Pobo", como na China Comunista).

Partido Comunista de España

O Partido Comunista de España (ou PCE) é un partido político español integrado actualmente en Izquierda Unida, xurdiu de grupos do PSOE e da CNT partidarios de sumarse a III Internacional fundada por Lenin e de apoiar a revolución rusa que el dirixía.

Partido Popular

O Partido Popular (PP) é un partido político conservador español situado no centro dereita ou a dereita política. Foi fundado en 1989, cando adoptou a súa denominación actual, que substituíu á de Alianza Popular, partido fundado en 1976 por Manuel Fraga (ministro durante a época franquista).

É un dos partidos maioritarios de España. O PP ten maioría simple no Congreso dos Deputados, maioría absoluta no Senado e goberna en cinco comunidades autónomas, así como en Ceuta e Melilla. É, coas presidencias de José María Aznar e Mariano Rajoy, a segunda formación que máis anos gobernou o país desde o restablecemento da democracia, por detrás do PSOE.

Partido Popular de Galicia

O Partido Popular de Galicia (PPdeG) é a rama galega do Partido Popular español. No ano 2015 contaba con 1753 concelleiros, e 15 deputados no Congreso dos Deputados. Ten a maioría absoluta no Parlamento de Galicia, con 41 dos 75 escanos.

Partido Socialista Obrero Español

O Partido Socialista Obrero Español (PSOE, en galego: Partido Socialista Obreiro Español) é un partido político español de centro esquerda fundado en 1879 polo ferrolán Pablo Iglesias Posse.

Durante cen anos definiuse como un partido de clase obreira, socialista e marxista, ata o Congreso Extraordinario de 1979, no que abandonou o marxismo como definición ideolóxica. Converteuse nun dos dous partidos políticos maioritarios de España, xunto co Partido Popular, gobernando o país durante a maior parte do réxime constitucional iniciado en 1978, coas presidencias de Felipe González (1982-1996), José Luis Rodríguez Zapatero (2004-2011) e Pedro Sánchez (2018-presente).

Preside o Goberno de España dende o 1 de xuño de 2018, logo de gañar a moción de censura contra o anterior presidente do goberno e líder do PP, Mariano Rajoy, a consecuencia dunha das primeiras sentenzas de condena da trama Gürtel, que condenou ao Partido Popular.Preside ademais os gobernos de comunidades autónomas como Aragón, Asturias, Comunidade Valenciana, Illas Baleares, Estremadura e Castela-A Mancha. As súas mocedades son as Xuventudes Socialistas de España e forma parte do Partido Socialista Europeo e da Internacional Socialista.

Partido dos Socialistas de Galicia

Para a historia do PSOE en Galicia antes da constitución do PSdeG véxase Partido Socialista Obrero Español en Galicia.O Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG) é un partido político galeguista e socialdemócrata de ámbito galego, federación do Partido Socialista Obreiro Español en Galicia.

Conta con 1.181 concelleiros e 111 alcaldías, entre elas as de 5 das 7 cidades galegas. Ademais ten 14 deputados no Parlamento de Galicia, 10 no Congreso dos Deputados e 8 no Senado.

Poder lexislativo

O poder lexislativo é un dos tres poderes do Estado moderno. A súa función específica é a aprobación das leis. Xeralmente, está a cargo dun corpo deliberativo (congreso, parlamento ou asemblea de representantes).

Montesquieu propuxo no seu soado libro O Espírito das Leis, que era necesario que as funcións do Estado se dividisen entre distintos poderes (lexislativo, executivo e xudicial), para que mediante diversos mecanismos o poder controle o poder, a fin de evitar a tiranía.

Moitas constitucións modernas, seguindo o modelo que establece o Artigo Primeiro da Constitución dos Estados Unidos, establecen un poder lexislativo bicameral (isto é: composto de dous cámaras, por exemplo o senado e o congreso do deputados. En moitos outros países, ao contrario, hai un sistema unicameral.

Porto Rico

O Estado Libre Asociado de Porto Rico é un grupo de illas na parte oriental do Mar Caribe, territorio non incorporado dos Estados Unidos desde o ano 1898. No 1952 conformouse o "Estado Libre Asociado de Porto Rico", traducido oficialmente ao inglés como Commonwealth of Porto Rico. É de interese o feito de que o tipo de goberno en Porto Rico non é unha "mancomunidade", posto que o E.L.A. é unha fórmula de autonomía política de natureza limitada, territorial e sen a soberanía dun país independente. Véxase como referencia Mancomunidade Británica de Nacións e Commonwealth

O arquipélago está formado pola illa de Porto Rico (a menor das Grandes Antillas ou Antillas Maiores) e varias illas, illotes e caios, entre os que se atopan as illas de Vieques, Culebra e a Mona, esta última unha reserva natural deshabitada. A illa maior de Porto Rico, con 9.100 km², ocupa o lugar número 82 entre as illas do mundo por tamaño, sendo pouco menor que Chipre e maior que Córsega e Chiloé, así como o número 169 entre os países e territorios do mundo por tamaño.

Porto Rico, localizado ao leste de República Dominicana e ao oeste das Antillas Menores, está comprendido entre os 17º 50´ e 18º 30´ de latitude norte e os 65º 30´ e 65º 15´ de lonxitude oeste do Meridiano de Greenwich onde se funden o Atlántico e o Mar Caribe, ao leste co Canle de Vieques que a separa das Illas Virxes Estadounidenses e ao oeste coa illa de Mona, na canle do mesmo nome que a separa da República Dominicana. O Estado Libre Asociado está dividido en setenta e oito municipios, tendo como capital a cidade de San Xoán.

Presidente do Goberno de España

O Presidente do Goberno é o Xefe do Goberno de España. A elección do presidente realízase no Congreso dos Deputados, mediante un proceso chamado Investidura, tras ser elixido polo Congreso, é nomeado polo Rei ante o cal toma xuramento.

As funcións do Presidente do Goberno están establecidas na Constitución Española nos artigos 97 ao 116. A residencia oficial e sede do Goberno é o Palacio da Moncloa en Madrid.

Senado

O Senado é a cámara alta do corpo lexislativo (Congreso, Asemblea Nacional, Parlamento, entre outros) daqueles países nos que o Parlamento está formado por dúas asembleas de representantes. Existe principalmente en países cunha forma de goberno federal, nos que a Cámara Alta da lexislatura representa ás divisións territoriais (Estados, cantóns ou provincias).

Na maioría dos países democráticos, os senadores -nome que reciben os membros dun senado- son elixidos polos cidadáns. Porén, nalgúns países, como Alemaña, os membros do senado (Bundesrat) non son elixidos directamente polos cidadáns, senón polos gobernos dos respectivos Estados (Länder).

Terminologia Anatomica

Terminologia Anatomica [TA] (Terminoloxía Anatómica ou Terminoloxía Anatómica Internacional) é o corpo oficial de nomenclatura anatómica creado conxuntamente polo Comité Federal sobre Terminoloxía Anatómica (FCAT) e as 56 Asociacións membros das Asociacións Internacionais de Anatomistas (Federación Internacional de Asociacións de Anatomistas, IFAA). Publicouse en 1998 e substitúe o estándar previo, a Nomina Anatomica [NA]. Terminologia Anatomica contén a terminoloxía para aproximadamente 7500 estruturas anatómicas macroscópicas humanas. En 2011 publicouse en liña.

Washington, D.C.

Washington, D.C. (ou Distrito de Columbia, ou distrito federal americano) é a capital dos Estados Unidos de América. O seu nome oficial é Washington, Distrito de Columbia. A cidade tamén se coñece como D.C., Washington, Capital Nacional ou Capital Federal. Está situada no leste do país, nas marxes do río Potomac, entre os estados de Maryland e Virxinia. Non se debe confundir co 42° estado americano, Washington. Por isto, Washington, a capital nacional, é xeralmente chamado Distrito de Columbia, e Washington, o estado, Estado de Washington.

O Distrito de Columbia é o distrito federal dos Estados Unidos, que posúe limitado poder gobernamental propio, sendo gobernada maioritamente polo Congreso americano. É o centro administrativo, lexislativo e xudicial do país.

A poboación de Washington é de 588.292 habitantes (2007), e a súa rexión metropolitana posúe preto de 4,4 millóns de habitantes (7,8 millóns xuntamente coa rexión metropolitana de Baltimore, localizado a 100 km de Washington). A súa construción iniciouse en 1792, instalándose o goberno federal en 1800. A cidade constitúe o Distrito de Columbia, desanexado dos estados de Virxinia e Maryland. Posúe innúmeros monumentos, entre os que se encontran a Casa Branca (residencia do Presidente dos Estados Unidos), o Capitolio dos Estados Unidos (sede do Congreso), a Biblioteca do Congreso, o Monumento de Washington, e o Monumento a Lincoln.

Poderes
Formas de goberno
Réximes e sistemas
Tipos de poder
Clases de estado
Conceptos
Procesos
Divisións administrativas
Cargos
Disciplinas
Ideoloxías
Actitudes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.